Carral - ORDENANZA REGULADORA DAS PLANTACIÓNS FORESTAIS
PREÁMBULO
A Lei de Protección Ambiental de Galicia contén, entre os seus principios, o da utilización racional e de defensa dos recursos naturais e da paisaxe (artigo 2.C). Os Concellos teñen entre as súas competencias, as de protección do medio ambiente, (artigo 25 da Lei Reguladora das Bases de Réxime Local), podendo realizar actividades complementarias propias doutras Administracións Públicas (art. 28 da LRBRL). A mellora ambiental, incluíndo a reducción de incendios forestais e a prevención dos seus danos sobre as persoas e as súas vivendas, así como a necesidade de garantir axeitadamente os dereitos dos e das titulares doutras actividades sociais e económicas, como as agrícolas e gandeiras, fan necesaria a regulación das plantacións.
Polo tanto, de conformidade ó establecido no artigo 591 do Código Civil e no Decreto 2661/1967 do 19 de Outubro (BOE 4/11/67), de acordo cos usos establecidos nas Normas Subsidiarias e Complemetarias do Ordenamento Urbanístico Municipal, e de acordo cos artigos 25, 28 e 49 da Lei 7/1985 de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local e cos artigos 46 e 47 do Regulamento das Facendas Locais e a aplicación das facultades conferidas, establécese esta ordenanza reguladora.
Co fin de regular as actividades madeireiras no Concello de Carral para que o seu desenvolvemento crecente non comprometa ás necesidades futuras, é dicir, procurar un desenvolvemento sostible da actividade, ademáis garantiza- la seguridade cidadá na realización da actividade e preserva-lo patrimonio establécese a presente ordenanza.
TITULO I. REGULACIÓN DAS PLANTACIÓNS
CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS
ARTIGO 1. OBXETO
De conformidade co disposto nos artigos 591 do Código Civil, no Decreto 2661/ 1967 do 19 de Outubro (BOE 4/11/67), e nos artigos 25, 28 e 49 da Lei 7/1985, de 2 de abril, das Bases de Réxime Local e 46 e 47 do Regulamento das Facendas Locais e a aplicación das facultades conferidas establécese a seguinte ordenanza de carácter non fiscal reguladora de diversos aspectos da xestión forestal no Concello de Carral.
Esta ordenanza ten por obxecto regular as novas plantacións de árbores e, ao mesmo tempo, de conformidade co establecido no artigo 591 do Código Civil fixar as distancias mínimas entre as novas plantacións forestais con fincas de labor, prados e edificacións habitadas ou susceptibles de o ser. Tamén se regula na presente ordenanza as actividades de corta ou tala de árbores, co fin de garantir a preservación do medio natural, así como a axeitada conservación dos camiños e vias municipais.
ARTIGO 2. ÁMBITO DE APLICACIÓN
Quedan obrigados por esta norma, que abrangue o ámbito territorial do Concello de Carral toda persoa, natural ou xurídica, pública ou privada, que proxecte realizar ou efectivamente realice novas plantacións ou talas de árbores.
Exclúense da súa aplicación, aquelas plantacións con marcado carácter de tipo ornamental ou decorativo, realizadas en xardíns ou espacios valados ou cercados.
Lémbrase igualmente nesta ordenanza, e sen prexuizo das distancias que se fixan nela para as novas plantacións, que conforme o que dispón o artigo 592 do Código Civil, os titulares de árbores que teñan pólas que se estendan sobre as propiedades lindeiras, teñen a obriga de podar as ramas que poidan molestar dalgún xeito ao propietario do terreo invadido.
ARTIGO 3. CONTROL
O Concello, a través de Alcaldía ou Concellería en que delegue, xestionará e supervisará o cumprimento das actividades reguladas na presente ordenanza mediante os Servizos Técnicos Municipais.
A vixiancia material e inspección do cumprimento, agás o nomeamento expreso, será a cargo da Policía Local, a cal se dotará dos medios materiais necesarios.
CAPÍTULO II. PLANTACIÓNS
ARTIGO 4: REQUISITO DE LICENZA
4.1- Sen prexuizo das autorizacións esixidas pola lexislación sectorial que corresponda, deberase obter a correspondente autorización ou licenza municipal, nos termos que se indican na presente ordenanza, para realizar calquera plantación de calquera especie para calquera dos usos que se establecen na mesma.
4.2- Para a obtención da licenza ou autorización do Concello, os interesados deberán presentar a solicitude nas dependencias do Concello.
4.3- A solicitude será estudada polos Servizos Técnicos Municipais. No caso de que se concedera a licenza mediante resolución do órgano que teña atribuída a competencia en materia de licenzas, nela reflexaranse as condicións segundo as que se realizará a plantación, as cales serán de obrigado cumprimento.
ARTIGO 5. CLASIFICACIÓN DAS ESPECIES
Ós efectos desta ordenanza, e en función da altura que poden acadar, a invasividade e a extensión que poden ter as raíces, realizarase a seguinte clasificación, non exhaustiva, das especies vexetais:
1- Especies arbóreas:
- Clase 1. Especies invasivas de alto risco
1.1- Eucalipto (Eucaliptus)
1.2- Frondosas: Chopos, Álamos (Populus), Olmo (Ulmus), Acacias (Robinia pseudoacacia).
- Clase 2. Coníferas
2.1- Piñeiro, Abeto,...
2.2- Tuia, Ciprés, Taixo,..
- Clase 3. Frondosas de crecemento lento.
3.1- Faia, Bidueiro, Carballo e similares
3.2- Castiñeiro, Nogueira, Cerdeira.
- Clase 4. Froiteiras: Maciñeira, Pereira, Pexegueiro, etc.
- Clase 5. Arbustivas
5.1- Loureiro
5.2- Abeleira, Ruscus, etc.
- Clase 6. Comprende todas aquelas especies existentes no municipio xa sexan autóctonas ou alóctonas, de cultivo, de pastizais ou propias dos distintos ecosistemas naturais do municipio.
ARTIGO 6. ELEMENTOS A PROTEXER
1- Os elementos a protexer son os seguintes:
A) Núcleos de poboación e edificios residenciais
B) Fontes, mananciais e regatos
C) Ríos
D) Cultivos e terreos adicados a usos agrícolas e gandeiros
E) Vías
F) Instalacións de servizos públicos: auga, saneamento e electricidade tanto en terreos públicos coma privados.
G) Patrimonio de interés arqueolóxico, natural histórico e social.
2- Para a determinación dos elementos a protexer así como para a calificación dos usos do solo estará o disposto nas Normas Subsidiarias e Complementarias do Ordenamento Urbanístico Municipal deste Concello e, no seu caso, na normativa sectorial.
ARTIGO 7. MEDICIÓNS DAS DISTANCIAS
1- As especies vexetais deberán mante- las distancias de separación cos elementos a protexer indicados no artigo anterior.
2- Para a medición das distancias tomarase como punto de partida o punto central de cada tronco, fuste ou talo da especie vexetal e chegarase ata a parte máis próxima do elemento a protexer.
3- Como parte máis próxima enténdese:
De ríos, regatos, pozos e mananciais, é o borde exterior da cal do río, manancial ou pozo.
Dos camiños de pes e sendeiros: 0,5 m do eixo do camiño.
De camiños de carro: 1,00 m do eixo do camiño.
De estradas e pistas: o borde da pista ou cuneta se conta con ela. En ningún caso poderá ser inferior a 4,00m do eixe.
De elementos arqueolóxicos e arquitectónicos: a área de protección integral se existe e se non o polígono formado por unha liña recta que una as partes máis externas do elemento.
Das vivendas: o polígono formado por unha liña recta que una as partes máis externas do edificio que sirva de residencia e corpos solidarios.
Dos núcleos de poboación: a delimitación do núcleo establecidas polas Normas Subsidiarias e Complemetarias do Ordenamento Urbanístico Municipal.
Dos ámbitos de protección medioambiental: a delimitación establecida polas Normas Subsidiarias e Complemetarias do Ordenamento Urbanístico Municipal.
4- A medición das distancias das especies vexetais ós distintos elementos protexidos efectuarase da forma seguinte:
a) Distancias a núcleos e edificios residenciais, cultivos, patrimonio arquitectónico, relixioso, cultural e natural e áreas recreativas.
- En pendentes medias ate o 100% (45º) a medición realizarase pola pendente natural do terreo.
- En pendentes medias superiores incrementaranse as distancias nun 50%.
- En cortes verticais do terreo, e con pendentes superiores a 65º , considerarase como un continuo sumando as distancias inferior (ate o pe), a proxección horizontal do talud e a distancia superior ate acadar a distancia mínima establecida. A distancia desde a plantación ó borde superior sempre será superior a 10 m, agás que circunstacia medirase en proxección horizontal, desde a parte máis próxima do elemento a protexer.
ARTIGO 8. PLANTACIÓNS EN LUGARES AFECTADOS POR DOMINIOS PÚBLICOS.
- Plantacións en fundos limítrofes con cursos de auga.
Estarán suxeitas ás previas autorizacións do titular do dominio público hidraúlico (Organismo Autónomo "Augas de Galicia", dependente da Xunta) en todas aquelas plantacións arbóreas que poidan afectar ás zonas de servidumbre ou de policía, conforme a delimitación establecida no Real Decreto Lexislativo 1/2001 do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Augas (BOE 176).
- Plantacións en fincas que limitan con estradas
Nos espacios lindeiros con vías públicas, estradas ou autoestradas estarán suxeitas ás previas autorizacións do organismo titular dos mesmos para todas aquelas plantacións arboreas que poidan afectar ás zonas de dominio público, de servidume ou de afección delimitadas ben na Lei 25/ 1988 do 29 de xullo de Estradas do Estado (BOE 182) para o caso das de titularidade estatal, ou ben na Lei 4/ 1994 do 14 de setembro de Estradas de Galicia (DOG 210), de tratárense de espazos limítrofes con vias locais, provinciais ou autonómicas.
- Plantación en lugares inmediatos a xacementos arqueolóxicos
En todas aquelas parcelas agrícolas que limiten ou estean afectadas pola existencia dun xacemento arqueolóxico, as decrúas preparatorias de novas plantacións e as propias plantacións forestais, quedan suxeitas á previa autorización da Delegación Provincial da Consellería de Cultura, consonte dispón o artigo 54 da Lei 8/ 1995, do 30 de outubro (DOG 214), de Patrimonio Cultural de Galicia, ó gozaren tales bens inventariados dunha proteción baseada en evita- la súa desaparición.
ARTIGO 9. OUTRAS PLANTACIÓNS SUXEITAS A DISTINTAS TÉCNICAS DE DEFENSA AMBIENTAL.
Por mor do contido no Decreto da Xunta de Galicia 442/1990 do 13 de setembro (DOG 188) de avaliación do impacto ambiental e no Decreto 327/ 1991 do 4 de outubro (DOG 199) de avaliación de efectos ambientais, acordes coa lexislación básica estatal (Real Decreto Lexislativo 1302/ 1986, do 26 de Xuño - BOE 155) quedan suxeitas a avaliación de impacto ou de efectos ambientais, segundo o caso, as primeiras repoboacións, plantacións ou sementeiras de especies forestais que se pretendan executar sobre terreos que, durante os últimos dez anos estivesen desarborados.
ARTIGO 10. DISTANCIAS
1. Con carácter xeral as novas plantacións ou repoboacións forestais situaranse, segundo as distintas especies, ás distancias mínimas, en metros, que se establecen na presente ordenanza.
Eucaliptos | Piñeiros | Chopos | Frondosas | |
Núcleos urbanos | 100 | 80 | 85 | 35 |
Vivendas ailladas | 50 | 30 | 50 | 30 |
Fontes, Mananciais e leitos fluviais sitos en montes con usos de rega | 25 | 10 | 10 | 6 |
Cultivos, prados e pastizais | 25 | 10 | 25 | 6 |
Vías públicas asfaltadas | 5 | 4 | 5 | 4 |
Vías públicas non asfaltadas | 2 | 2 | 2 | 2 |
2. Nos camiños forestais, entendendo por tales as vías de monte que non excedan dos 3 metros de ancho e carezan de gabias ás beiras, a distancia de plantación será como mínimo de 2 metros.
3. De conformidade co establecido no artigo 591 do Código Civil e no 3.2 do Decreto 81/89 do Consello da Xunta de Galicia, entre plantacións forestais gardarase ao lindeiro unha distancia mínima de 3m.; esta distancia mínima será de 6m. para as plantacións de eucalipto.
4. Para os efectos desta ordenanza non se considera rota a colindancia entre plantacións as forestais e fincas de labor, prados, edificios, vivendas, ou cursos de auga aínda que existan entre eles vías públicas ou espazos abertos, debendo respetarse as distancias sinaladas nesta ordenanza.
5. As árbores froiteiras, agás os castiñeiros, cerdeiras, e nogueiras, quedan exceptuadas do establecido na presente ordenanza sobre dilixencias mínimas de plantacións, salvo que sexan consideradas plantacións forestais polos Servizos Técnicos Municipais.
6. As distancias mínimas tampouco serán aplicables ás edificacións que se localicen no medio rural, en zonas nas que existan explotacións de carácter forestal na data que se solicite a licenza urbanística.
7. En canto ás vivendas ailladas e outras edificacións as distancias tomaranse dende os muros exteriores do cercado da finca, se os ten, ou da propia vivenda ou edificación, se carece de cercado.
8. Con respecto ás conduccións de auga municipais, para tódalas especies, a distancia mínima será de 4m.a cada lado da conducción.
9. Nas zonas de difícil visibilidade dos viais públicos, como curvas e canles, e a criterio dos Servizos Municipais competentes, prohíbense as plantacións arbustivas ou arbóreas nunha franxa de 5m de ancho, medida dende o borde máis externo de vial ata o inicio da plantación, e de largo segundo especifiquen os Servicios Técnicos Municipais, segundo as características do trazado do vial.
10. O voo das plantacións forestais non poderá invadir o espazo dos viais municipais, determinado pola proxección vertical dos seus bordes máis externos e, no caso de facelo, podaranse as árbores de xeito que deixen unha altura de paso de 5m. como mínimo.
11. As franxas de terreo resultantes da salvagarda das distancias mínimas indicadas manteranse limpas de maleza, residuos, restos e rebrotes de árbores, como medida de prevención de incendios.
12. Quen se considere perxudicado pola existencia dunha plantación forestal poderá formular a correspondente denuncia ou reclamación no Concello achegando informe valorado relativo ós danos e perdas padecidos.
13. Quedan exceptuadas das distancias mínimas aquelas plantacións que pola súa seguridade (árbores monumentais, especies singulares, etc.) sexan obxecto doutro tratamento. Para isto será preceptivo contar co informe favorable dos Servizos Técnicos Municipais.
ARTIGO 11. USO DE SEBE OU VALADO
1. As distancias de plantación das sebes ós lindeiros, agás que, de común acordo entre os propietarios, sexan medianeiras, serán:
CLASE DE ESPECIE | DISTANCIAS |
Piñeiro, Abeto, etc. | 3 m |
Tuia, Ciprés, Teixo, etc. | 1,20 m |
Frondosas de crecemento lento, Froiteiras | 3 m |
Abeleiro, Ruscus | 1,20 m |
Loureiro romano | 1 m |
Dentro destas distancias inclúese un paso de 0,50 m libre de pólas que se deberá deixar entre a linde e a sebe, que servirá para o mantemento desta.
2. As sebes terán o carácter de peche de leira e por tanto cumprirán os retranqueos das vías públicas esixidos ós muros de fábrica pola normativa urbanística, incrementados polas distancias da táboa anterior disminuídas en 0,50m (ó non esixirse o paso libre por existir vía pública), cunha distancia mínima de 0,50 m. ó aliñamento, e coas restantes condicións establecidas neste artigo.
3. As sebes arbustivas que non acaden unha altura superior a 0,90 m poderán plantarse a 0,50 m das lindes. Iso conleva a obriga de realiza- las podas e cortas necesarias para que non superen a dita altura.
4. Para as distancias da táboa do punto 1 as sebes non poderán ter unha altura superior a 2 m en solo urbano ou de núcleo rural e de 4 m en solo rústico ou similar.
5. Para alturas superiores, e sempre coas distancias mínimas da táboa do punto 1, a distancia de separación será proporcional á altura, ata un máximo de 8 m. A partir dos 8 m incrementarase a distancia unha vez e media a altura, ata as distancias establecidas para uso agrícola e forestal.
ARTIGO 11. ZONAS DE ESPECIAL PROTECCIÓN
Nas zonas de especial protección queda prohibida calquera plantación que supoña a substitución de especies de crecemento lento, resinosas ou coníferas por especies do xénero eucalipto ou especies invasivas de alto risco, sen a previa autorización expresa e escrita do Concello, que non se concederá sen previo estudo detallado da solicitude.
ARTIGO 12. NOVAS PLANTACIÓNS DO XÉNERO Eucaliptus
De acordo co establecido no artigo 2 do Decreto 81/ 1989, do 11 de maio (DOG 104), as novas plantacións co xénero Eucaliptus en masas continuas superiores ás 5 hectáreas, deberán contar con Autorización Ambiental. Debendo presentar coa solicitude da mesma:
- Deseño coa situación da parcela.
- Descripción da vexetación e do aproveitamento actual.
- Mananciais ou cursos de auga aos que poida afectar.
- Labores, tratamentos, e un plan de explotación da plantación pretendida.
No caso de que as novas plantacións de eucaliptos superen en masas continuas as 50 hectáreas, precisarase un estudo de avaliación de impacto ambiental, previsto no mesmo artigo e Decreto anteriores, coa prevención de que se ten que preservar, alomenos, un 10% da superficie para distintas especies, preferentemente frondosas.
De conformidade co establecido no artigo 3.1 do Decreto 81/ 89 do Consello da Xunta de Galicia, sobre as medidas de ordenación das novas plantacións co xénero Eucaliptus, queda prohibida calquera plantación que supoña a substitución de especies de frondosas, incluídas as áreas de vexetación natural de ribeira por eucalipto ou especies invasivas de alto risco, agás que o interesado goce da autorización da administración competente.
ARTIGO 13. OUTRAS PLANTACIÓNS SUXEITAS A DISTINTAS TÉCNICAS DE DEFENSA AMBIENTAL
Por mor do contido no Decreto da Xunta de Galicia 442/ 1990 do 13 de setembro (DOG 188) de avaliación do impacto ambiental e no Decreto 327/ 1991 do 4 de outubro (DOG 199) de avaliación de efectos ambientais, acordes coa lexislación básica estatal ( RD Lexislativo 1302/ 1986, do 26 de xuño - BOE 155), quedan suxeitas a avaliación de impacto ou de efectos ambientais, segundo o caso, as primeiras repoboacións, plantacións ou sementeiras de especies forestais que se pretendan executar sobre terreos que, durante os últimos 10 anos estivesen desarborados.
ARTIGO 14. ACORDOS COS COLINDANTES
1. Exceptúanse de cumprimento das distancias establecidas nesta ordenanza as plantacións que afecten únicamente a particulares (sempre que non se trate de elementos ou predios con algún tipo de protección), cando, xunto coa solicitude de plantación, realizada ante o Concello, se presente unha declaración de conformidade, asinada polos propietarios dos terreos próximos afectados polas distancias establecidas nesta ordenanza.
2. A dita declaración de conformidade deixará de ter vixencia na seguinte plantación, ou por remate de periodo pactado, agás que se volva a asinar unha nova declaración.
ARTIGO 15. RECLAMACIÓN CUMPRINDO AS DISTANCIAS
O feito de cumpri-las condicións desta ordenanza non exime ó propietario da plantación da súa responsabilidade polos danos que esta plantación pudiera producir a terceiros.
ARTIGO 16. AMPLIACIÓN DAS DISTANCIAS E CONDICIÓNS DAS PLANTACIÓNS
1- O Concello poderá, xustificadamente, e para determinados elementos, amplia- las distancias e condicións de protección.
2- Ésta ampliación requerirá o trámite seguinte:
- Proposta xustificando a necesidade, condicións e distancias de protección do elemento.
- Aprobación inicial polo Concello en pleno.
- Exposición pública por un mes, publicación no BOP.
- Resolución de alegacións
- Aprobación definitiva con publicación no BOP.
ARTIGO 17- MANTEMENTO DAS PLANTACIÓNS
1- Os propietarios están obrigados a manter en todo momento as franxas de terreo resultantes da salvagarda das distancias mínimas indicadas limpas de maleza, restos e xérmolas de árbores.
2- As plantacións, e todolos terreos en xeral, deberán manterse en todo momento limpos, en condicións e características adecuadas para a prevención e mellor defensa contra os incendios forestais.
ARTIGO 18- ACCESOS
1- As aperturas de pistas forestais ou agrícolas para acceder ós terreos a plantar está suxeita á previa autorización dos organismos competentes ( Augas, Medio Natural, Agricultura, Costas, etc), así como á autorización do Concello.
2- Realizaranse as drenaxes ou gabias necesarias para que a auga de chuvia se distribúa e sexa asumida polo propio terreo.
3- Cando as pistas se fagan en terreos con forte pendente, minimizaranse os efectos de escorrentías, lixiviados e erosión mediante tramos de pista en sentido das curvas de nivel ou meidante gabias transversais de distribución polo terreo ou outros sistemas.
4- Non se admitirán gabias no sentido lonxitudial da pista ou camiño privado que, cunha lonxitude superior a 16 m, vaian desembocar en vías públicas.
5- Se a pista ten que cruzar madres de augas, ou pequenos regatos, instalaranse taxeas para evita-lo corte do cano e para que, en caso de que leve auga, non arrastre os materiais movidos da pista. Estes tubos reiteraranse unha vez terminada a función da pista.
6- Os pasos de gabias para acceder ós terreos realizaranse, previa licencia, mediante tubería de diámetro mínimo de 400 mm. Cada 6 m realizarase un rexistro de limpeza.
7- En solo de protección ambiental non se poderán abrir aciegos que supoñan movementos de terra, agás que sexan necesarios para a protección ou posta en valor do ámbito.
CAPÍTULO III- CORTAS
ARTIGO 19- DEFINICIÓN
1- Para os efectos da presente ordenanza enténdese por corta a operación de extracción dos productos forestais ou agrícolas que supoñan a separación completa ou dalgunha das partes da especie vexetal. O termo entenderase no sentido máis amplo, podendo ser corta, talla, aserrado, acizallado, poda recepado, sega de especie por medios mecánicos ou manuais.
2- Non se entenderá dentro da definición a colleita do froito das árbores froiteiras nin a de cultivos hortícolas, máis si á de cereais e herbaceas.
ARTIGO 20- SOLICITUDE DE AUTORIZACIÓN DE CORTA DE ÁRBORES
1- Co fin de garanti-la preservación do medio ambiente, a conservación dos camiños e evita- lo risco de accidentes, e sen prexuizo dos permisos e autorizacións que sexan outorgados polos órganos competentes na materia, establécese a obrigatoriedade de solicitar autorización ó Concello para efectuar talas ou entresacas en plantacións forestais e para o transporte e depósito de madeira, procedente dos traballos de explotación, polas vías públicas de titularidade municipal.
2- Na autorización de tala farase constar a obriga de conformidade por parte do titular da actividade de retirar da zona de extracción e depósitar no lugar específico todos os lixos que puideran depositarse (latas, recipientes de bebidas, etc.). Igualmente, na autorización de tala farase constar a obriga e a conformidade por parte do titular da actividade de recoller e retirar ás zonas de depósito establecidas os restos derivados desta (ramas, cortizas e follarasca).
3- O exercicio das actividades descritas no presente capítulo sen pusuir a correspondente autorización, sen prexuizo da sanción correspondente, implicará a paralización da actividade ata a conclusión do expediente, ou a presentación da fianza polas cantidades máximas que puideran derivarse da súa instrucción.
CAPÍTULO IV- SACAS
ARTIGO 21- LICENZA DE ACTIVIDADE
1- Sen prexuizo da obtención dos permisos e autorizacións necesarias doutras administracións públicas, a realización das tarefas de extracción, depósito, carga e transporte polas vías públicas dos elementos das cortas en vehículos someterase a licenza municipal:
2- Excepcións:
- As extraccións de explotacións agrícolas en xeral.
- As extraccións de residuos de podas ou rozas.
- O transporte de cantidades inferiores a 5 Tm de productos agrícolas ou fructícolas.
- Os depósitos de madeira en terreos clasificados como forestais pola normativa urbanística e que sexan de titularidade privada.
- As cargas que non ocupen ou afecten a vías públicas.
ARTIGO 22- ZONAS DE CARGA E DEPÓSITO
1- Para o depósito dos materiais das cortas poderanse utilizar directamente as zonas de respecto ou retranqueo dos terreos clasificados como forestais así como terreos privados no mesmo solo, co acordo do titular.
2- O uso para depósito de madeira doutro tipo de solo requerirá licenza municipal.
3- A madeira e os seus restos ou os depósitos de materiais procedentes da corta, non poderán invadir os viais, tanto na zona de circulación de vehículos como de peatóns, nin ocupar ou menoscabar a funcionalidade das gabias, canellóns, canalizacións, pontes ou calquera outro tipo de canle ou paso de auga, así como os usuarios da vía, aínda que se autorizarán, solicitándoo expresamente, as operacións imprescindibles para a súa carga e transporte; aínda así, as gabias deberán quedar sempre limpas en bo estado de uso. Nos restantes espacios públicos solicitarase licenza expresa.
4- Cando se ocupen vías ou espacios públicos liquidarase de acordo coas vixentes taxas de ocupación de dominio público.
ARTIGO 23- OCUPACIÓN DE VÍAS
1- No caso de que, por razóns de forza maior ou outras xustificables, se deban utilizar as vías públicas para o depósito dos elementos da corta, solicitarase licenza expresa, caso por caso, indicando, ademáis da situación, superficie a ocupar e tempo, as medidas de seguridade vial que se empregarán. Cada autorización nunca poderá ter un tempo de ocupación da vía superior a 3 días. Ditas operacións realizaranse como mínimo a 50 m de calquera curva, ponte, estreitamento ou cruce de vías e doutro depósito temporal. O depósito temporal, agás de circunstancias especiais non poderá ter máis de 20 m de lonxitude nin ocupar máis da metade do ancho de vía sen dar unha alternativa viable, que se deberá autorizar expresamente.
2- Cando se fagan operacións que ocupen vías públicas ou estructuras anexas, sinalizaranse debidamente os viais, conforme á lexislación vial vixente, e vixiados co fin de previr ós/ás usuarios/as destes da realización da actividade e dos restos derivados desta.
A sinalización mínima compoñerase de:
- Cartel de perigo por obras a 100 m.
- Limitación de velocidade a 30 km/h a 50 m.
- Conos reflectantes de 70 cm. ou valados direccionais, sinalizando o desvio nos últimos 50 m.
CAPÍTULO V: DETERIOROS, DANOS A TERCEIROS E LIMPEZA
ARTIGO 24- REPARACIÓN DE DETERIOROS, DESGASTE ANORMAL DAS VÍAS E DANOS A TERCEIROS
1- Sen prexuizo do establecido na legislación urbanística, de medio natural forestal, do Código de circulación, e demáis lexislación, normas e ou ordenanzas que pudiesen ser de aplicación, o/a pusuidor/a dunha licencia para corta, depósito, carga e transporte de madeira, ou maderista, estará obrigado a reparar de forma inmediata os deterioros producidos nos viais, ou nas estructuras anexas, así como á retirada dos restos procedentes das operacións de corta, carga, almacenamento.
2- As reparacións ou limpezas deberanse realizar nun prazo de 48 horas, a partir da retirada da madeira, ou en tres días cando coincida en fin de semana.
3- Co obxeto de responder dos danos a terceiros o maderista deberá contratar un seguro de responsabilidade civil.
ARTIGO 25- LIMPEZA E RESIDUOS
1- Prohíbese que os refugallos das actividades regulamentadas na presente ordenanza, que non sexan estrictamente vexetais, se deixen ou depositen no monte, vías ou en lugares non autorizados expresamente para iso.
2- Os residuos asimilables ós urbanos seleccionaranse e entregaranse ó servizo municipal de recollida nos contadores que corresponda segundo á súa clase, ou no punto limpo, segundo o caso.
O Concello cobrará a taxa de recollida de refugallos ás empresas maderistas, de acordo coa súa actividade. Considerarase o valor medio da taxa de recollida de refugallos de actividades.
3- Os restantes residuos, non forestais, residuos industriais, especialmente aceites usados, entregaranse a un recolledor autorizado.
4- Prohíbese a realización de operacións de muda de aceites de maquinaria nos montes,e o verquido dos mesmos ó chan.
TÍTULO II: RÉXIME DE AUTORIZACIÓNS E LICENZAS
CAPITULO VI- PLANTACIÓNS E CORTAS
ARTIGO 26º. AUTORIZACIÓN DE PLANTACIÓNS E CORTAS
1- Sen prexuizo das autorizacións esixidas pola normativa sectorial aplicable, non se poderá realizar dentro do término municipal de Carral ningún tipo de plantación, corta ou saca, sen obter previamente a correspondente licenza ou autorización do Concello, cando así sexa esixida por esta ordenanza, que se solicitará cun mes de antelación.
2- Será responsabilidade do titular da plantación, do transportista ou do madereiro responsable da corta ou saca a obtención das licenzas ou autorizacións que correspondan.
ARTIGO 27º. DATOS A INCLUÍR NAS SOLICITUDES
1- O impreso da solicitude deberá de ser cuberto en tódolos seus apartados, nel deberá figurar que están pagadas as taxas correspondentes e deberá estar rexistrado debidamente nas oficinas do Concello.
2- Ó menos nas solicitudes deberase incluir:
En xeral:
- Datos do solicitante e do propietario do predio (nome e apelidos ou razón social, copia do NIF/CIF e teléfono).
- Sinatura do solicitante e do propietario do predio.
- Especie e número de exemplares a plantar, cortar ou sacar.
- Localización do predio afectado (nome da finca, parroquia, lugar, e calquera denominación que permita a identificación inequívoca do enclave).
- Taxas de tramitación da autorización ou licenza.
Para plantacións:
- Distancias a elementos protexidos próximos: vías, edificios residenciais, ríos, etc.
- Altura da plantación, en caso de sebes ou de estar en zona de protección paisaxística.
Para cortas ou sacas:
- Tm que van a extraer.
- Camiños e/ou vías a utilizar nos traballos.
- Maquinaria e vehículos a utilizar no transporte e saca.
- Sistema e condicións da corta ou entresaca (non é autorizable a corta a matarrasa)
- Duración aproximada da corta e saca.
- Número de rexistro da empresa madeireira.
- Lugar de depósito da madeira.
ARTIGO 28º. DOCUMENTOS QUE DEBERÁN ACOMPAÑAR Á SOLICITUDE.
1- Deberase achegar fotocopia compulsada do permiso da plantación ou corta, expedido pola autoridade competente, cando sexa necesaria.
2- Achegará igualmente licenzas municipais, ou copia das solicitudes, para a apertura de pistas de acceso, realización de gabias, etc.
3- Así mesmo, e no caso de que non estean actualizadas no expediente da actividade extractiva, achegará:
- Copia da fianza establecida nesta ordenanza.
- Copia do seguro de responsabilidade civil actualizado.
ARTIGO 29º. COMPROMISOS DO SOLICITANTE
Nas solicitudes deberá constar a obriga e conformidade, asinada por parte do/a solicitante, de:
- Retirar da zona de actuación e entregar ós distintos xestores autorizados todos os lixos que se puidesen xerar (latas, recipientes de bebidas, aceites, etc.).
- Darlle o destino ós restos da actividade (pólas, cortizas e follaxe) de acordo co indicado no artigo 25 desta ordenanza, indicando o tratamento que se lles vai a dar: triturado, reciclado, queimado, materia prima de industrias, depósito autorizado, xardinería, etc.
- De reparar os danos producidos nas infraestructuras públicas, no prazo e condicións establecidas nesta ordenanza.
ARTIGO 30- CONTIDO DA LICENZA
1- O acto polo que se outorgue a licenza deberá de consignar expresamente, ademáis de calquera outra especificación requerida polas disposicións vixentes ou que o órgano competente considere oportuno incluir, os seguintes extremos:
a- Número de expediente e de licenza e data e órgano que a outorga.
b- Clasificación e cualificación do solo obxecto da actuación.
c- Finalidade e/ou uso da actuación e variedade ou especie afectada.
d- Volume (m3) de madeira extraída e número de exemplares a extraer ou plantar.
e- Situación das actuacións.
f- Nome ou razón social do promotor ou solicitante.
g- Técnico autor do proxecto e director de obras, se fose esixible pola magnitude da actuación a realizar.
h- Prazos para o inicio e terminación das actuacións.
2- Será requisito indispensable dispor, no lugar onde se leva a cabo a actuación solicitada, de copia autorizada da licenza municipal.
CAPÍTULO VII. ACTIVIDADES EXTRACTIVAS
ARTIGO 31- LICENZA DE ACTIVIDADE
1- A licenza terá carácter anual, e renovarase antes de finalizar o período de vixencia.
2- Solicitude. A licenza de actividade solicitarase no Concello, en impreso normalizado, no que deberá figurar que están pagadas as taxas correspondentes, e deberá estar rexistrado debidamente nas oficinas do Concello. Dito impreso deberá conter ó menos:
- Datos persoais do/a titular da mesma: Nome, enderezo, DNI, etc.
- Razón social da empresa: Nome, enderezo, CIF.
- Taxas da licenza.
- Vehículos adscritos á actividade, con indicación de marca, modelo, características de carrozado, matrícula e PMA.
3- Documentación a entregar coa solicitude:
- Copia compulsada da Alta no Imposto de Actividades Económicas.
- Seguro de Responsabilidade Civil
- Copia da fianza establecida, de acordo co artigo seguinte.
ARTIGO 32. FIANZAS
1- Os beneficiarios da licenza de actividade ingresarán, antes da concesión desta, un depósito ou fianza a favor do Concello, na Tesourería Municipal, co obxecto de responder do arranxo dos desperfectos que se puideran producir nos viais municipais, e a limpeza dos restos das operacións de depósito e carga de madeira, non reparados voluntariamente, na contía valorada polo Servizo Técnico Municipal para cubrir, en caso preciso, os danos orixinados na rede viaria, que será devolta, de non haber danos ó rematar os traballos.
2- Esta fianza fíxase na cantidade de 1200 euros.
Esta fianza será anual, revisándose trimestralmente tendo a obriga o titular de completala no caso de que se executasen traballos de reparación ou limpeza con cargo a ésta.
CAPÍTULO VIII. RÉXIME SANCIONADOR
ARTIGO 33. INFRACCIÓNS
1- Constitúe infracción administrativa aos efectos desta ordenanza o incumprimento das obrigas, requisitos ou prohibicións establecidos na mesma, así coma o das condicións impostas nas autorizacións ou licenzas administrativas outorgadas ó respecto.
2- As infraccións administrativas tipifícanse da seguinte forma:
2.1- A plantación de especies sen obter autorización previa ou licenza.
2.2- A transgresión das condicións impostas na autorización ou licenza (de corta ou plantación), ou o incumprimento das medidas restauradoras do lugar afectado.
2.3- A negativa ou resistencia a facilitar os datos que lle sexan requeridos ou a obstrucción ó labor de inspección do Concello.
2.4- A falsedade ou ocultación de datos no procedemento para obter a autorización ou licenza.
2.5- En xeral, o incumprimento das obrigas, requisitos ou prohibicións establecidos nesta ordenanza.
2.6- As operacións de tala e transporte de madeira, sen obter a previa autorización ou licenza.
ARTIGO 34. CLASIFICACIÓN DAS INFRACCIÓNS
1- As infraccións tipificadas no artigo anterior, clasifícanse en leves, graves e moi graves.
- Infraccións leves son as sinaladas nos apartados 2.1 e 2.5 do artigo 58.
- Infraccións graves son as que se indican nos apartados 2.2 e 2.3 do artigo anteriormente citado, así como a reiteración de dúas infraccións leves no prazo dun mes.
- Infraccións moi graves: estimaranse así as accións figuradas no apartado 2.4 e 2.6 do artigo 33, así como a reiteración de dúas infraccións graves no prazo dun mes.
2- Para determinar a contía ou a natureza da sanción que debe impoñerse, atenderase ós seguintes criterios de proporcionalidade:
a) Natureza da infracción ou perxuizos causados e categoría do recurso afectado incluídos os aspectos ambientáis.
b) Grado de culpa, intencionalidade e conducta de arrepentimento.
c) A reincidencia ou reiteración na comisión das infraccións.
d) Beneficio económico obtido polo infractor.
3- Cando o beneficio que resultase dunha infracción das previstas na presente ordenanza fose superior á sanción que corresponda, poderá incrementarse ésta na contía equivalente ó beneficio obtido.
ARTIGO 35. SANCIÓNS
De acordo coa competencia conferida aos Concellos en materia de procedemento sancionador no artigo 45.1.b) da Lei 1/1995 do 2 de xaneiro (DOG 29) de Protección Ambiental de Galicia, as infraccións tipificadas nesta ordenanza, serán sancionadas con multas de ata 6000 euros, establecéndose, segundo clasificación, as seguintes contías:
- Infraccións leves: multa de ata 600 euros.
- Infraccións graves: multa de 601 ata 3000 euros.
- Infraccións moi graves: multa de 3001 ata 6000 euros.
No caso de que sexa inviable o outorgamento da licenza ou autorización, a imposición da multa levará aparellada a reposición das cousas ao seu estado primitivo e maila restauración do medio afectado.
Estas multas impoñeranse sen mingua, nin prexuizo das sancións superiores autorizadas legalmente, e sen detrimento de esixir, cando proceda, as correspondentes indemnizacións por danos e perxuizos e responsabilidades civil ou penal.
As sancións previstas no presente artigo serán en todo caso compatibles ou estableceranse sen perxuizo da obriga, de se-lo caso, da reposición da legalidade, obrigándose o infractor a retira- las árbores que non se respecten as distancias mínimas establecidas no artigo 10 desta ordenanza.
A imposición de sancións e a esixencia de responsabilidades con arreglo a esta ordenanza realizarase mediante instrucción do correspondente expedente sancionador e con arreglo ó previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo común e no Real Decreto 1398/1993, de 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do Procedemento Para o Exercicio da Potestade Sancionadora.
ARTIGO 36. REQUERIMENTOS
Advertido o incumprimento da presente ordenanza, e resolto o expedente sancionador, requerirase ao responsable da infracción para que se axuste á normativa, outorgándolle un prazo máximo de un mes.
Transcorrido dito prazo sen que se dea cumprimento ó requerimento, sen necesidade de novas modificacións, procederase á execución subsidiaria, cargándolle as costas desta á persoa responsable.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
DISPOSICIÓN FINAL
A presente ordenanza, que consta de 36 artigos, unha disposición adicional, unha disposición transitoria e unha disposición final, entrará en vigor a partir do día seguinte á súa publicación no BOP e estará en vigor ata que o Pleno municipal acorde a súa modificación ou derrogación.