Coirós - Ordenanza reguladora da expedición de tarxetas de estacionamento para persoas minusválidas

Publicación provisional: 09/07/2001 BOP Nº: 156
Publicación definitiva: 09/07/2001 BOP Nº: 156
Aplicable dende: 30/07/2001

Artigo 1.º .-Titulares das tarxetas.

a) Terán dereito a solicita-la tarxeta de estacionamento para persoas empadroadas neste Concello, que padezan e/ou teñan recoñecida algún tipo de minusvalidez con graves problemas de mobilidade.

b) Para a expedición de tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalidez, os solicitantes deberán ter recoñecida a imposibilidade ou dificultade de uso do transporte público polos equipos de valoración e orientación (EVO), dependentes das seccións de cualificación e estimación de minusvalías.

c) A tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalidez é un documento acreditativo da súa situación, e ten carácter persoal e intransferible.

d) O titular da tarxeta poderá utilizala en calquera vehículo en que se traslade, sexa ou non da súa propiedade e sexa o titular da tarxeta o conductor do vehículo ou non.

f) As tarxetas emitidas por este Concello cumprirán coa normativa vixente no tocante á concesión e formato destas.

g) En caso de cambio de domicilio do titular da tarxeta, será este o que deba solicita-lo tanslado do expediente ó novo municipio de residencia.

Artigo 2.º .-Documentación.

Para obte-la tarxeta deberá presentarse no Concello a seguinte documentación:

- Solicitude debidamente cumprimentada, conforme a impreso normalizado que será facilitado polos servicios sociais do Concello, segundo o modelo que se achega como anexo I.

- Fotocopia do DNI do peticionario da tarxeta.

- Dúas fotografías actuais tamaño carné.

- Fotocopia do carné de conducir do minusválido ou da persoa que o translade habitualmente, no caso de que non poida conducir, o que deberá acreditarse mediante certificación.

- En caso de que o vehículo sexa propiedade do peticionario da devandita tarxeta, presentará fotocopia do xustificante de pagamento do último recibo do imposto sobre vehículos de tracción mecánica.

- Cualificación da minusvalía emitida pola Xunta de Galicia ou polos equipos autorizados noutras CC AA; se nesta non constase a estimación da imposibilidade ou dificultade do seu titular para uso do transporte público, remitiríase a devandita cualificación á EVO para a súa oportuna estimación.

Artigo 3.º .-Procedemento.

- Presentada a solicitude no Rexistro Xeral do Concello, coa documentación pertinente, remitirase ó Departamento de Servicios Sociais para a emisión do informe-proposta correspondente. Posteriormente, este informe elevarase á Alcaldía, para que dicte a resolución pertinente, concedendo ou denegando a tarxeta solicitada.

- Esta resolución será notificada ó interesado de acordo co establecido na Lei 30/92,do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

- A tarxeta, unha vez concedida, será asinada polo titular. Cando se utilice colocarase na parte dianteira do vehículo, de xeito que unicamente o anverso da tarxeta sexa claramente visible para o seu control.

Artigo 4.º .-Caducidade das tarxetas.

- O período de validez desta tarxeta estará vinculado ó período de validez da cualificación da minusvalía emitida pola EVO; se esta cualificación fose definitiva ou permanentemente a tarxeta caducará ós dez anos da concesión; e no caso de que esta sexa provisional caducará cando transcorrese o prazo que esta indique. Para a renovación débese segui-lo mesmo procedemento que para o outorgamento da tarxeta inicial.

- O Concello terá dereito a controlar que as condicións que deron orixe á expedición da tarxeta continúan vixentes, polo que poderá requirir ós solicitantes/titulares, en calquera intre, para que acheguen probas actualizadas das devanditas condicións.

- Calquera variación das condicións que deron orixe á expedición da tarxeta deberá ser comunicada ós servicios sociais municipais, no prazo máximo dun mes; de non ser así, o Concello poderá anula-la súa vixencia.

Artigo 5.º .-Uso da tarxeta.

No suposto de que se detecto o uso indebido da tarxeta de xeito reiterado e debidamente probado, con independencia da sanción pecuniaria que no seu caso puidese recaer no procedemento sancionador incoado para tal efecto, a citada tarxeta será retirada durante un prazo de dous anos polo órgano que a outorgase.

Disposición final.

A presente ordenanza entrará en vigor unha vez que sexa publicado integramente no BOP e transcorra o prazo de 15 días previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril.

ANEXO I

Solicitude da tarxeta de estacionamento para persoas con mobilidade reducida

 

"Don/dona ..., con DNI ..., con enderezo en ... teléfono ..., en nome propio ou en representación do beneficiario/minusválido...

Declara:

Que ... está empadroado/a neste Concello e padece algún tipo de minusvalidez con mobilidade reducida e así o acredita a través da cualificación de minusvalía actualizada.

Polo que solicita:

Que se lle expida a tarxeta de estacionamento, segundo modelo establecido na Lei (/97, da Comunidade Autónoma de Galicia, comprometéndose a cumpri-las normas que regulan a súa tramitación, expedición e uso.

Coirós, ... de ... de ...

Asinado.