Índice
Miño - ORDENANZA REGULADORA DA INSTALACIÓN DE TERRAZAS NO MUNICIPIO DE MIÑO
Publicación provisional:
09/07/2008
BOP Nº:
157
Publicación definitiva:
19/09/2008
BOP Nº:
216
Aplicable dende:
07/10/2008
CAPITULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1.- Obxecto
1. A presente ordenanza ten por obxecto regular o réxime xurídico ao que debe someterse a instalación de terrazas en terreos de uso público.
2. Aos efectos desta Ordenanza enténdese por terraza o conxunto de mesas, cadeiras e instalacións móbiles provisionais, como parasoles, toldos, xardineiras ou calquera outro elemento análogo anexas a un establecemento hostaleiro situado en inmoble ou local, en liña de fachada ou fronte ao establecemento, e sen barra de servizo distinta da do propio establecemento.
3. A presente Ordenanza é aplicable a todos os espazos (vía pública, espazos libres, zonas verdes, etc.) do Municipio, de uso público, sexan de titularidade pública ou privada. Esta condición de uso público virá determinada en función tanto da situación de feito, como por aplicación das determinacións do planeamento vixente.
4. Unicamente quedan excluídas do ámbito desta Ordenanza as terrazas situadas en espazos de titularidade e uso privados.
5. A instalación de terrazas nos espazos públicos é un uso común especial suxeito a autorización administrativa que deberá atender a criterios de compatibilización do uso público coa utilización privada, debendo prevalecer nos casos de conflito, a utilización pública do devandito espazo e o interese xeral cidadán.
Artigo 2.- Licenzas
1. A ocupación de terreos definidos no artigo 1 suxeitarase á previa licenza administrativa.
2. A licenza obxecto desta Ordenanza é independente das demais autorizacións que correspondan en virtude de normativa sectorial ou da que regule a ocupación de solo de dominio público distinto do municipal. En consecuencia, a instalación de terrazas en superficie de dominio público de costas ou portuario esixe a previa concesión da licenza regulada nesta Ordenanza
Artigo 3.- Requisitos xerais
1. Con carácter xeral, as instalacións ás que se refire a presente ordenanza terán sempre natureza temporal, serán facilmente desmontables e, ademais, rexeranse polo disposto no Capítulo III.
2. Ademais do establecido no Capítulo III, os emprazamentos deberán cumprir os seguintes requisitos xerais :
a) Queda prohibida a ocupación de:
- Acceso aos inmobles
- Entradas a galería visibles
- Bocas de rego e hidrantes de incendio
- Saídas de emerxencia
- Paradas de transporte público regularmente establecidas
- Aparellos de control de tráfico
- Centros de transformación, arquetas de rexistro de servizo público e sumidoiros.
- Pasos peonís sinalizados
- Calzadas con circulación de vehículos
- Prazas delimitadas de aparcadoiro público
b) Non poderá colocarse ningún elemento que dificulte a manobra de entrada ou saída de vaos permanentes de paso para vehículos.
c) En ningún caso se poderán colocar elementos fixos ou permanentes cuxa colocación ou desmontaxe requira a realización dalgunha obra especial, agás os toldos.
d) Prohíbese o peche lateral e da cuberta da terraza con elementos fixos, agás separadores, cunha altura máxima de 1,80 metros sempre e cando sexan diáfanos ou realizados con material transparente, e toldos móbiles.
Artigo 4.- Prohibicións e limitacións
1- Queda absolutamente prohibida a instalación de billares, futbolines,máquinas recreativas, de azar, expendedoras de bebidas, grelladas, barras de servizo, e de calquera outro tipo análogo, nas terrazas obxecto de regulación na presente ordenanza.
2- Así mesmo queda estritamente prohibida a instalación de calquera clase de aparellos reprodutores de imaxe e son, así como a celebración de espectáculos ou actuacións musicais, agás autorización municipal expresa.
3.- Prohíbese o almacenamento de produtos, caixas de bebida ou outros materiais na superficie de ocupación da terraza.
4.- Prohíbese sacar do recinto da terraza calquera tipo de bebida en envases de plástico, vidro ou cristal, en congruencia co disposto no artigo 7.4 da Ordenanza Municipal de Bebidas alcohólicas
Artigo 5. Actividades incluídas
A licenza para instalar terrazas dará dereito a expender e consumir na mesma os mesmos produtos que poidan selo no interior do establecemento do cal dependan.
Artigo 6.- Actividades excluídas
A presente ordenanza non será de aplicación aos actos de ocupación da vía pública que, sendo de carácter hostaleiro, se realicen con ocasión de feiras, festexos, actividades deportivas ou análogas, que se suxeitarán ás súas normas específicas.
Artigo 7.- Efectos
1.- Todas as licenzas outorgaranse deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros e con carácter revogable. O exercicio da actividade realizarase a risco e ventura dos interesados.
2.- A licenza terá carácter persoal e non poderá ser arrendada, subarrendada nin cedida, directa ou indirectamente a terceiros, en todo ou en parte.
3.- O titular da licenza quedará obrigado diante do Concello de Miño ao cumprimento das obrigas derivadas do seu outorgamento.
4.- A eficacia xurídica da licenza quedará vinculada ao cumprimento das súas condicións e ao pago das taxas e tributos correspondentes.
Artigo 8.- Dereitos derivados da licenza
1.- O titular da licenza terá dereito a exercer as actividades nos termos previstos na propia licenza, con suxeición ás prescricións establecidas nesta ordenanza así como na lexislación sectorial e ordenanzas municipais de aplicación.
2.- As terrazas poderán instalarse durante todo o período para o cal teñan autorización.
3.- Como consecuencia de necesidades públicas de urbanización, implantación, supresión ou modificación de servizos públicos, o concello, poderá revocar ou suspender a licenza concedida, sen dereito a indemnización a favor do interesado. Neste caso, devolveráselle de oficio a parte do tributo que corresponda proporcionalmente ao tempo en que non poida manter instalada a terraza.
Artigo 9.- Obrigas
1.- Serán por conta do titular da licenza a instalación dos elementos e, no seu caso, a realización, á súa costa, das obras necesarias para a instalación dos toldos, para o cal, en calquera caso, deberá estar en posesión da correspondente licenza.
2.- Será obriga dos titulares das terrazas manter as mesmas e os elementos que as compoñen, nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato. A tales efectos, estarán obrigados a dispor dos elementos de recollida e almacenamento dos residuos necesarios para manter limpo o espazo público.
3.- Queda prohibido almacenar ou amorear xunto ás terrazas produtos, materiais e elementos móbiles (mostradores e cámaras), así como residuos propios da instalación, tanto por razóns de estética e ornato, como por hixiene.
4.- Será obrigatorio, para poder instalar terrazas anexas a establecementos dedicados a restaurante ou cafetaría, estar en posesión da autorización turística autonómica que ampare tal establecemento.
5.- Deberán figurar en lugar visible, enmarcados e coa debida claridade, as listas de prezos e o título habilitante para a instalación da terraza, no que se especifique o número de mesas autorizadas, debendo axuntarse plano de situación selado polo concello.
6.- O titular está obrigado ao cumprimento efectivo das ordenanzas municipais e, especialmente, da de protección contra a contaminación acústica e a de prohibición do consumo de bebidas alcohólicas nas vías e outros lugares públicos do Municipio de Miño.
CAPITULO II. PROCEDEMENTO DE OUTORGAMENTO DA LICENZA
Artigo 10.- Réxime xurídico
1.- A licenza obxecto desta Ordenanza tramitarase de acordo co previsto na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.
2.- Para a súa concesión serán precisos os correspondentes informes técnicos.
Artigo 11.- Capacidade para solicitar a licenza
Poderán solicitar a licenza os titulares das licenzas de apertura dos establecementos hostaleiros descritos no artigo 1 desta ordenanza, sempre que a actividade se desenvolva coa lexislación xeral e sectorial que regula a mesma.
Artigo 12.- Requisitos da solicitude
1. As licenzas solicitaranse ao Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Miño.
2. Ademais dos datos xerais de identificación do solicitante e do estabelecemento hostaleiro, acompañarase á solicitude a seguinte documentación:
a) Licenza de apertura e funcionamento do establecemento.
b) Autorización dos propietarios dos inmobles estremeiros, no caso de que a solicitude contemple unha terraza encostada á fachada do edificio e pretenda rebasar a porción desta ocupada polo establecemento.
c) Autorización expresa da comunidade de propietarios, cando se trate da ocupación de espazos privados de uso público.
d) Memoria descritiva dos elementos de mobiliario que se pretenden instalar na terraza, debéndose cuantificar, en todo caso, o número de mesas e cadeiras.
e) Plano-croquis de situación acotado, que especifique a área da terraza, os elementos e mobiliario a instalar, e se cuantifique a superficie de ocupación, onde figuren acoutadas as distancias respecto ó local propio e ao límite da beirarrúa ou calzada.
f) No seu caso, plano de instalacións eléctricas exteriores, indicando e especificando as proteccións necesarias.
g) No seu caso, autorización ou concesión de dominio público, referida á superficie da terraza, outorgada pola Administración competente.
h) No seu caso, autorización turística expedida polo órgano autonómico competente.
3. Na solicitude deberase indicar o período de tempo para o cal se solicita licenza e a data de inicio da actividade.
Artigo 13.- Competencia para o outorgamento da licenza
Será competente para o outorgamento da licenza o Sr. Alcalde-Presidente ou concelleiro en quen delegue.
Artigo 14.- Prazo de resolución
1.- O Concello de Miño resolverá as solicitudes no prazo de dous meses dende a entrada da solicitude no rexistro xeral.
2.- O silencio administrativo terá efectos desestimatorios.
Artigo 15.- Vixencia da licenza
1.- A licenza outorgarase por prazo máximo dun ano, e deberá solicitarse con anterioridade á súa instalación.
2.- A modificación das condicións da licenza obriga necesariamente a un novo trámite de solicitude e, no seu caso, concesión.
CAPÍTULO III. CONDICIÓNS PARTICULARES DAS LICENZAS
Artigo 16.- Limitacións de emprazamento
1.- A superficie susceptíbel de ocupación con terrazas non poderá exceder de 2/3 da superficie autorizábel do mesmo, cun máximo de 100 m2.
2.- A ocupación de beirarrúa non poderá ser nunca superior aos 2/3 de largura libre da mesma, debéndose deixar libre para paso de peóns, polo menos, unha largura de 1,50 metros.
3.- No caso de establecementos estremeiros, o espazo susceptible de ocupación distribuirase equitativamente entre os solicitantes, de acordo coa largura de fachada de cada establecemento afectado.
4.- Se a terraza se sitúa encostada á fachada do edificio, deberá quedar libre o espazo para acceder aos inmobles lindeiros e aos escaparates dos locais comerciais, cun espazo mínimo de 1,80 metros.
5.- Permitirase a instalación de terrazas en bulevares e rúas peonís nas que existan establecementos situados en inmobles sempre que a zona peonil supere os tres metros de largura. A franxa de zona peonil ocupable non excederá do 50 % da súa largura, debéndose deixar, en todo caso, un espazo mínimo libre de 1,80 metros.
6.- Non se autorizarán terrazas en beirarrúas cunha largura inferior a 2,30 metros.
7.- Aos efectos de aplicación do disposto nesta Ordenanza, cada mesa con catro cadeiras equivalerá a dous metros cadrados.
Artigo 17.- Horario de actividade na terraza
1.- O horario de apertura e peche será o establecido pola Comunidade Autónoma de Galicia para o establecemento, segundo o catálogo correspondente, sen prexuízo da potestade municipal de adaptación de horarios que, no seu caso, estableza a normativa autonómica.
2.- O horario de peche implicará o cese efectivo de todas as actividades desenvoltas na terraza e, en consecuencia, os usuarios non poderán permanecer na terraza a partir de dito momento, polo cal o persoal do estabelecemento deberá obrigar ao desaloxo efectivo da mesma.
Artigo 18.- Orde e limpeza diaria
Agás no período comprendido entre o 1 de maio e o 30 de setembro os titulares de licenzas de terrazas teñen a obriga de retirar e agrupar ao remate de cada xornada os elementos de mobiliario instalados, así como realizar os labores de limpeza necesarios no período para o que teñan concedida a correspondente licenza.
Artigo 19.- Remate do período de ocupación
1.- Rematado o período de instalación autorizado por licenza, o titular da terraza deberá deixar completamente expedita a porción de superficie que viñese ocupando, retirando tódolos elementos que a ocupan ao día seguinte do remate o período de ocupación.
2.- En caso de incumprimento do previsto no apartado anterior, serán retirados polo Concello mediante execución subsidiaria a costa do titular.
CAPÍTULO IV. RÉXIME FISCAL
Artigo 20.- Taxas
1.- O titular da licenza deberá abonar as exaccións fiscais que correspondan e de conformidade coa ordenanza fiscal correspondente.
CAPITULO V. INSPECCIÓN E RÉXIME SANCIONADOR.
Artigo 21.- Inspección
O alcalde e, no seu caso, o concelleiro en quen delegue, a través dos servizos municipais, serán competentes para controlar o estrito cumprimento das normas establecidas na presente ordenanza
Artigo 22.- Infraccións
As infraccións das normas contidas nesta ordenanza clasifícanse en leves, graves e moi graves.
1. Son faltas leves:
a) A falta de ornato na terraza e o seu entorno
b) O deterioro leve dos elementos de mobiliario e ornamentais urbanos lindeiros co establecemento, que se produza como consecuencia da actividade obxecto da licenza.
c) Calquera outra infracción que non sexa cualificada como grave ou moi grave.
2. Son faltas graves:
a) A reiteración por dúas veces na comisión de faltas leves
b) A ocupación de maior superficie da autorizada..
c) A instalación dun maior número de mesas, cadeiras ou elementos auxiliares que os autorizados
d) Instalar elementos de mobiliario non autorizados pola licenza, así como a colocación na terraza de calquera outra clase de elementos, que non sexan mesas, cadeiras e elementos auxiliares aos mesmos, fóra do recinto do establecemento
e) A falta de aseo, hixiene ou limpeza nos elementos do establecemento, sempre que non constitúa falta leve ou moi grave
f) O deterioro grave dos elementos de mobiliario e ornamentais urbanos lindantes co establecemento, que se produza como consecuencia da actividade obxecto da licenza
g) A non exhibición das autorizacións municipais preceptivas
h) O incumprimento do réxime de distancias mínimas de paso de peóns.
i) O incumprimento do horario de apertura ou peche da terraza.
3. Son faltas moi graves:
a) A reiteración de tres faltas graves
b) A desobediencia ós lexítimos requirimentos dos inspectores e autoridades
c) A falta de aseo, hixiene e limpeza no persoal ou elementos do establecemento cando non constitúan falta leve ou grave
d) A venda de produtos non autorizados
e) e) A instalación na terraza de aparellos de reprodución de son ou a realización sen autorización de espectáculos e actuacións musicais.
f) Non contar coa preceptiva licenza de instalación da terraza.
Artigo 23.- Sancións
1.- As faltas leves sancionaranse con multa de 60 a 300 €
2.- As faltas graves sancionaranse con multa entre 301 e 1000 €, podendo ser acordada a suspensión da licenza por período máximo de dous meses.
3.- As faltas moi graves sancionaranse con multa entre 1001 € e 2000 €, podendo incluso ser revocada a licenza.
Artigo 24.- Aplicación das sancións
Na aplicación das sancións establecidas no artigo anterior, atenderase ao grao de culpabilidade, beneficio obtido, entidade da falta cometida, perigosidade que implique a infracción, incidencia ambiental, reincidencia ou reiteración e demais circunstancias agravantes ou atenuantes que concorran.
Artigo 25.- Persoas responsables
Aos efectos do réxime sancionador terán a consideración de persoas responsables as persoas físicas ou xurídicas titulares do estabelecemento vinculado á terraza.
Disposición Transitoria.-
Todas aquelas terrazas que no intre da entrada en vigor da presente Ordenanza tivesen autorización para tempadas anteriores, deberán adecuarse á vixente Ordenanza antes do 1 de xuño de 2008.
Disposición Final.-
A presente Ordenanza entrará en vigor logo de que se publique enteiramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo de quince días á que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.