Dumbría - Ordenanza reguladora para a expedición de tarxetas de estacionamento e tarxetas de accesibilidade, segundo o establecido na Lei 8/97, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.
1.-Tarxetas de estacionamento.
1.1.-Titulares da tarxeta.
a) Todas aquelas persoas que estando empadroadas neste municipio, presenten graves problemas de mobilidade con documento acreditativo da súa situación, con carácter persoal e intransferible, coa finalidade de favorece-lo uso de transportes privados e para que o seu titular poida gozar de facilidades de estacionamento relacionadas coa devandita tarxeta.
b) Persoas minusválidas con mobilidade reducida, que sexan transportados por terceiras persoas. Só se poderá facer uso da tarxeta cando se transporte ó minusválido.
1.2.-Documentación.
- Solicitude debidamente cumprimentada.
- DNI do titular da tarxeta.
- Certificado de empadroamento.
- Unha fotografía tamaño carné.
- Certificado de minusvalidez actualizado e expedido polos equipos de estimación da Xunta de Galicia ou polos autorizados noutras CC AA, e neste debe figurar se se recoñecen ou non dificultades graves de mobilidade. No caso de que no certificado de minusvalidez non conste o dito dato, o interesado, a través do Departamento de Servicios Sociais do Concello, fará a petición oportuna dirixida ó equipo de estimación e orientación da Coruña co fin de que lle sexa estimada a súa mobilidade.
1.3.-Procedemento.
A solicitude farase en impreso oficial normalizado, que se xunta como anexo ás presentes normas, e que se obterá no Departamento de Servicios Sociais do Concello.
Presentada a solicitude no Rexistro Xeral do Concello, coa documentación pertinente, remitirase ó Departamento de Servicios Sociais para a emisión do informe-proposta correspondente. Posteriormente, o informe elevarase á Alcaldía, para que dicte a resolución pertinente, concedendo ou denegando a tarxeta solicitada.
Esta resolución será notificada ó interesado de acordo co procedemento establecido na Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.
A tarxeta, unha vez concedida, será asinada polo titular e deberá plastificarse. Cando se utilice colocarase na parte dianteira do vehículo, de maneira que unicamente o anverso da tarxeta sexa claramente visible para o seu control.
Así mesmo, o Concello debe establecer reservas con carácter permanente das prazas de aparcamento debidamente sinaladas para vehículos que transporten ás persoas titulares desta tarxeta. Situaranse próximas ós pasos de peóns dentro das zonas destinadas a aparcamentos de vehículos lixeiros, ben sexan interiores, exteriores ou subterráneos.
1.4.-Caducidade das tarxetas.
A tarxeta de estacionamento terá unha validez de dez anos de duración, agás os casos en que o certificado de minusvalidez indique prazos de revisións previos.
Un mes antes de que caduque a tarxeta, o titular deberá solicitar unha nova, tendo a obriga de entrega-la anterior no intre de recibila a actualizala.
O Concello terá dereito a controlar que as condicións que deron orixe á expedición da tarxeta continúan vixentes, polo que poderá requirir ós solicitantes, en calquera intre, para que achegen probas actualizadas das ditas condicións.
Calquera variación das condicións que deron orixe á expedición da tarxeta deberá ser comunicada ós servicios sociais municipais, no prazo máximo dun mes; de non ser así, o Concello poderá anula-la súa vixencia.
No caso de comprobarse o uso indebido destas de maneira reiterada, estas serán retiradas.
2.-Tarxetas de accesibilidade.
2.1.-Titulares da tarxeta.
A tarxeta de accesibilidade de usuarios concederase a persoas con algunha limitación, con carácter persoal e intransferible, como documento acreditativo da súa situación de discapacidade, para favorece-lo uso e goce de transportes públicos.
2.2.-
a) Reserva de praza nos transportes colectivos.
b) Bonificación nas tarifas para as persoas que dispoñen de tarxeta.
c) Reserva de prazas nos centros de servicio de transporte público.
2.3
2.4.-Documentación
- Solicitude debidamente cumprimentada.
- DNI do titular da tarxeta.
- Certificado de empadroamento.
- Un retrato tamaño carné.
- Certificado de minusvalía actualizado e expedido polos equipos de estimación e orientación (EVO) de Galicia ou polos autorizados noutras CC AA.
2.5.-Procedemento.
A solicitude farase en impreso oficial normalizado, que se poderá obter no Departamento de Servicios Sociais do propio Concello.
Presentada a solicitude no Rexistro Xeral do Concello, coa documentación pertinente, remitirase ó Departamento de Servicios Sociais para a emisión do informe-proposta correspondente.
Posteriormente, o informe elevarase á Alcaldía, para que dicte a resolución pertinente, concedendo ou denegando a tarxeta solicitada.
Esta resolución será notificada ó interesado de acordo co procedemento establecido na Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.
A tarxeta, unha vez concedida, será asinada polo titular e deberá plastificarse.
No caso de que a cualificación de minusvalidez sexa permanente, a tarxeta caducará ós 10 anos de concesión, e no caso de que a cualificación de minusvalidez sexa provisional caducará cando transcorra o prazo que este indique. Para a súa renovación deberase segui-lo mesmo procedemento que se seguise para o outorgamento da tarxeta inicial.
No suposto de que se detecte o uso indebido da tarxeta de maneira reiterada e debidamente probada, con independencia da sanción pecuniaria que puidese recaer no procedemento sancionador incoado para tal efecto, a tarxeta será retirada durante un prazo de dous anos polo órgano que a outorgase.
Solicitude para tarxeta de estacionamento para persoas con graves problemas de mobilidade.
Datos do solicitante.
Don/dona .................., con DNI número .........., maior de idade e con domicilio en ..............., número de teléfono ................
En nome do beneficiario: ..............................
Expón:
Que estando empadroado/a neste Concello, presento algún tipo de minusvalía con graves problemas de mobilidade con documento acreditativo da miña situación, que xunto con esta solicitude.
Que sendo persoa minusválida e con graves problemas de mobilidade, con documento acreditativo da miña situación que achego con esta solicitude.
Solicita:
Que se lle expida a tarxeta de estacionamento, segundo o modelo establecido na Lei 8/97 da Comunidade Autónoma de Galicia, e comprométese a cumpri-las normas que regulan a súa expedición.
Dumbría, ....... de ......... de 2002.
Señor alcalde-presidente do Concello de Dumbría.