Teo - Regulamento de utilización dos pavillóns deportivos municipais

Publicación provisional: 23/08/2008 BOP Nº: 193
Publicación definitiva: 31/10/2008 BOP Nº: 252
Aplicable dende: 19/10/2008

DISPOSICIÓNS XERAIS

ARTIGO 1º.

Constitúe o obxecto deste regulamento establecer o uso e funcionamento dos pavillóns deportivos municipais do Concello de Teo situados nos lugares de Calo, Os Tilos e A Ramallosa. A competencia municipal respecto desta materia está recoñecida no artigo 25.2 m) da Lei 7/1985, de 2 de abril, de Bases de Réxime Local.

ARTIGO 2º.

O Concello de Teo persegue na xestión dos pavillóns deportivos da súa competencia os seguintes obxectivos:
a) Utilizar racional e ordenadamente as instalacións deportivas municipais, garantindo o seu uso a toda a cidadanía en condicións de igualdade.
b) Aproveitar de xeito integral os recursos dispoñibles, tanto materiais coma humanos.
c) Fomentar o deporte e a educación física entre a veciñanza e procurar o desenvolvemento integral da persoa, independentemente da súa idade, buscando ademais crear hábitos de vida saudable.
d) Coordinar os esforzos e as actividades deportivas que se poidan realizar no Concello, sexan estas promovidas pola institución municipal, polas entidades deportivas ou por particulares.

ARTIGO 3º.

1. As instalacións deportivas municipais son bens de dominio público que se destinan ó servizo deportivo da cidadanía.
2. As instalacións afectadas por este regulamento son os pavillóns deportivos municipais de Calo, Os Tilos e A Ramallosa.

ARTIGO 4º.

1. Os pavillóns deportivos municipais destinaranse á práctica das actividades deportivas que se axusten ás características das súas instalacións, previa autorización da alcaldía ou concellaría en quen delegar.
2. Ocasionalmente e previa autorización específica da alcaldía ou da Comisión de Goberno, poderán utilizarse para a realización doutras manifestacións artísticas, culturais, sociais ou de interese para a comunidade veciñal.

COMPETENCIAS

ARTIGO 5º.

Compételle ó Pleno da Corporación o exercicio das seguintes facultades:
1. Aprobación, modificación e revogación deste regulamento.
2. Fixar as taxas pola utilización das instalacións.

ARTIGO 6º.

Compételle á Alcaldía ou Concellaría competente en materia de deportes, previa delegación:
1. Dirixir e organizar os servizos dos pavillóns deportivos municipais.
2. Coordinar a utilización dos pavillóns deportivos municipais e os programas de actividades que nelas se desenvolvan.
3. Ditar as normas de utilización específicas de cada unha das instalacións deportivas municipais consonte cos principios que se recollen no presente regulamento.
4. Outorgar as autorizacións precisas para a utilización dos pavillóns deportivos municipais.
5. Autorizar a colocación de publicidade nos recintos dos pavillóns.
6. Impor as sancións que legal e regulamentariamente correspondan ás infraccións que poidan cometer os usuarios/as.
7. O exercicio das demais facultades que lle sinalen as leis e as que asignadas ó Concello non se atribúan expresamente a outro órgano.

ARTIGO 7º.

Correspóndelle á Concellaría competente en materia de Deportes:
1. A elaboración dos informes que lle soliciten a Alcaldía, a Comisión Informativa, a Comisión de Goberno ou o Pleno da Corporación.
2. O establecemento de directrices de uso e do horario de utilización dos pavillóns deportivos.
3. O establecemento dos prazos para a realización das solicitudes de uso dos pavillóns.
3. A proposta de convenios coas asociacións e entidades deportivas sobre utilización dos pavillóns.
4. A resolución das incidencias ordinarias que xurdan na xestión dos pavillóns.
5. Todas aquelas competencias que se lle asignen por delegación da Alcaldía.

DEREITOS E DEBERES DOS/AS USUARIOS/AS

ARTIGO 8º.

1. Toda a cidadanía de Teo ten dereito a acceder e a usar os pavillóns deportivos municipais en condicións de igualdade, con suxeición ós principios democráticos de convivencia, ás normas que contén o presente regulamento e ás instrucións que na súa execución diten as autoridades municipais e quen se encargar da xestión do servizo.
2. O dereito de uso tamén se axustará ás condicións da autorización municipal e ós horarios aprobados.
3. Calquera usuario/a ten dereito a formular as reclamacións e suxestións que estime pertinentes perante os encargados municipais das instalacións deportivas ou, por escrito, perante a Alcaldía.

ARTIGO 9º.

Os/as usuarios/as teñen a obriga de:
1. Colaborar no mantemento en debidas condicións de limpeza e hixiene das instalacións .
2. Respectar as normas sobre o uso axeitado do equipamento e mobiliario das instalacións.
3. Acatar as normas de uso xeral contidas neste regulamento e aquelas específicas que as autoridades municipais diten para as distintas instalacións.

ARTIGO 10º.

As avarías, danos ou perdas que se xeren no material ou nas instalacións como consecuencia dunha desaxeitada ou neglixente utilización darán lugar á responsabilidade por parte do seu autor ou autores, que lles será esixida polo Concello de conformidade co procedemento legal e regulamentariamente establecido. Todo isto sen prexuízo da sanción administrativa que proceda.
As entidades organizadoras da actividade ou, se é o caso, aquelas que efectuasen a reserva de uso das instalacións terán a consideración de responsables subsidiarios dos danos producidos.

ARTIGO 11º.

Os/as responsables das instalacións deportivas poderanas pechar por razóns climatolóxicas, de seguridade ou cando se dean circunstancias que poidan ocasionar danos ás persoas ou instalacións.
Cando haxa que pechar as instalacións para a realización de obras ou melloras, o peche deberá ser debidamente comunicado ós usuarios/as con autorizacións concedidas previamente, que tamén recibirán unha comunicación sobre a previsión da nova apertura.

USO DOS PAVILLÓNS DEPORTIVOS MUNICIPAIS

ARTIGO 12º.

O uso dos pavillóns deportivos municipais estará suxeito á autorización expresa emitida pola Alcaldía ou Concellaría que teña a competencia delegada e previo pagamento da taxa regulamentariamente aprobada.

ARTIGO 13º.

O uso dos pavillóns deportivos municipais computarase por módulos de 60 minutos.

ARTIGO 14º.

As actividades que se desenvolvan nos pavillóns deportivos municipais poden ter carácter anual, mensual ou puntual. En consideración das actividades extraescolares promovidas polos centros escolares ou polas súas ANPAS, tamén se poden conceder autorizacións para o período de duración do curso escolar.

ARTIGO 15º.

A Concellaría competente en materia de deportes, establecerá os prazos para a presentación das solicitudes de uso dos pavillóns municipais, que comunicará coa suficiente publicidade á cidadanía.
O modelo de solicitude para a utilización das instalacións, que estará a disposición de calquera potencial usuario/a, aparece recollido no anexo I.

ARTIGO 16º.

As actividades organizadas polo Concello de Teo terán prioridade absoluta de ocupación dos módulos horarios dos pavillóns deportivos municipais. Nos espazos non utilizados polo Concello atenderanse as solicitudes consonte a seguinte prelación:
1. Centros escolares públicos do Concello de Teo, especialmente para aquelas actividades que non se poidan realizar nas súas instalacións.
2. ANPAS dos centros escolares públicos do Concello de Teo, especialmente para aquelas actividades que non se poidan realizar nas instalacións do centro escolar.
3. Entidades ou asociacións deportivas ou culturais inscritas no Rexistro de Asociacións do Concello de Teo.
4. Calquera outra entidade ou empresa con sede social no Concello de Teo.
5. Particulares empadroados no Concello de Teo.
6. Calquera outra entidade, empresa, colectivo ou particular que o solicitar.
A prelación aplicarase concedendo módulo a módulo e non o conxunto dos módulos solicitados.

ARTIGO 17º.

O uso das instalacións durante un ou máis períodos temporais non comporta ningún dereito adquido para os seguintes.

ARTIGO 18º.

Cando existan solicitudes de uso dos pavillóns deportivos para actividades de carácter puntual que sexan de interese e de relevancia para a práctica deportiva da colectividade e as datas sinaladas coincidan con módulos previamente asignados, a autorización municipal non se poderá conceder sen poñer o feito en coñecemento dos usuarios/as, ós/ás que ademais se lles deberá ofrecer outra data para a realización da actividade.

ARTIGO 19º.

Unha vez obtida a autorización, o non uso reiterado do módulo concedido e reservado dará lugar, unha vez oídos os afectados, á anulación da autorización.

ARTIGO 20º.

Os pavillóns deportivos municipais non poderán ser concedidos ás distintas Federacións ou Asociacións para a realización de competicións oficiais de non ser que medie unha autorización expresa da Alcaldía ou da Concellaría delegada.

NORMAS DE USO E DE SEGURIDADE

ARTIGO 21º.

Establécense as seguintes normas xerais, que perseguen fundamentalmente o fomento de hábitos hixiénicos, a boa convivencia, o respecto ós demais, o coidado e mantemento das instalacións e a prevención de riscos de todo tipo:
1. Todo usuario/a estará obrigado a velar polo bo estado de conservación das instalacións e servizos, e, polo tanto, impedirá ou denunciará todos os actos que deterioren as instalacións ou os servizos e advertirá ós empregados ou responsables municipais cando observe anomalías nas instalacións ou no material destas.
2. As persoas que cheguen ou abandonen as instalacións deportivas deberán gardar o debido silencio para non interferiren na actividade que nese momento se estea a desenvolver. Evitarase tamén a entrada no lugar de desenvolvemento da actividade antes da hora concedida.
3. Para garantir o correcto aproveitamento das instalacións, deberase abandonar a pista con puntualidade para permitir que os seguintes usuarios/as aproveiten ó máximo o seu tempo.
4. Nos módulos adscritos a centros escolares, ANPAS, asociacións ou entidades para o seu uso por menores de 18 anos estes deberán estar acompañados durante o desenvolvemento da actividade por un mestre, un adestrador ou un adulto responsable.
5. É obrigatoria a utilización da vestimenta e o calzado deportivo axeitado ás diferentes instalacións.
6. Deberanse respectar os espazos reservados aos diferentes usos da instalación deportiva.
7. Cando se faga uso de material específico, unha vez rematada a actividade este deberá quedar arrombado no seu lugar. É obrigatorio que a instalación quede nas debidas condicións para ser usada no seguinte módulo.
8. Para a comodidade de todos os usuarios/as e para tratar de promover valores ambientais, o tempo de utilización das duchas e da luz será o estritamente necesario.
9. Por razóns de salubridade pública usaranse as papeleiras e os colectores para depositar o lixo.
10. Non se poderá acceder ás pistas das instalacións deportivas con animais, agás que estes sexan cans-guía das persoas invidentes, sempre que vaian debidamente identificados.
11. Non se autoriza o acceso ás pistas e ós vestiarios de persoas non participantes nas actividades deportivas. Exceptúase desta prohibición o representante familiar dos deportistas con algún tipo de eiva física ou psíquica.
12. Desaconséllase a realización de xogos e prácticas perigosas e, en xeral, todos aqueles actos que dificulten, obstaculicen ou impidan o desenvolvemento das actividades que se leven a cabo.
13. Recoméndase a todos os usuarios que se sometan a un recoñecemento médico previo á práctica deportiva, sobre todo aqueles que permanecesen inactivos durante un período prolongado de tempo ou padezan algunha enfermidade de carácter crónico.
14. Todo accidente que se produza na instalación será comunicado antes de abandonala.

ARTIGO 22º.

1. A publicidade comercial estática e fixa nas instalacións deportivas municipais, calquera que sexa o soporte en que se desexe materializar a mensaxe, queda suxeita á previa autorización da Alcaldía e ó aboamento da taxa por establecemento de carteis publicitarios.
2. Non obstante o anterior, a autorización de uso dos pavillóns municipais levará aparellado o permiso de colocación puntual da publicidade durante a actividade sempre que esta non atente contra os valores básicos da convivencia e dos seres humanos.

ARTIGO 23º.

1. O concello de Teo non se fai responsable dos obxectos subtraídos, extraviados, cambiados ou estragados dentro das instalacións deportivas municipais.
2. Os obxectos recollidos nos vestiarios ou en calquera outro recuncho da instalación serán custodiados polos empregados municipais durante un prazo máximo de 15 días. Se nese prazo non son reclamados polo seu propietario ou propietaria, serán entregados á policía local ou ós servizos sociais do Concello.

ARTIGO 24º.

O Concello de Teo non se fai responsable das lesións ou accidentes acontecidos ós/ás usuarios/as das instalacións deportivas municipais que sexan consecuencia da propia práctica deportiva desenvolvida.

ARTIGO 25º.

O persoal da instalación, que estará debidamente identificado, será o responsable de facer cumprir os/as usuarios/as as normas de uso desta, e poderá, se é o caso, expulsar do recinto a quen incumpra o contido deste regulamento.

ARTIGO 26º.

As normas de uso particular das distintas instalacións, que complementarán e desenvolverán as de carácter xeral contidas neste regulamento, serán aprobadas en cada caso pola Alcaldía.

INFRACCIÓNS

ARTIGO 27º.

1. O incumprimento do disposto neste regulamento poderá dar lugar á expulsión do recinto, con posterior perda, se é o caso, da condición de socio, abonado ou usuario por un período que irá de un mes a un ano. Todo isto sen prexuízo da esixencia das responsabilidades civís ou doutro natureza que procedan.
2. Para a gradación das sancións terase en conta a gravidade da infracción, a reincidencia e os prexuízos ocasionados aos usuarios e/ou ás instalacións.
3. Con independencia da imposición das sancións que procedan, se algunha infracción levase aparellada unha deterioración, rotura ou estrago dalgún elemento da instalación deportiva, o infractor deberá aboar o importe das reparacións ou reposicións de materiais que haxan que realizar.
4. Para todos os efectos, terán a consideración de responsables subsidiarios dos danos producidos as entidades organizadoras da actividade ou, se é o caso, aquelas que efectuasen o alugueiro de uso das instalacións. As reincidencias na comisión de infraccións poderán dar lugar á anulación ou suspensión temporal ou total das reservas que se puidesen conceder a estas entidades.
5. A potestade sancionadora exercerase mediante o procedemento establecido no Real Decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

Primeira

A interpretación das normas deste regulamento será levada a cabo polo órgano competente do Concello de Teo, órgano que poderá ditar as instrucións necesarias para a súa aplicación.

Segunda

O presente regulamento entrará en vigor unha vez aprobado definitivamente polo Concello e publicado o texto íntegro e o acordo no Boletín Oficial da Provincia e teña transcorrido o prazo previsto no artigo 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, regulamentadora das bases de réxime local.

ANEXO I

SOLICITUDE DE UTILIZACION DOS PAVILLÓNS DEPORTIVOS MUNICIPAIS DE TEO
APELIDOS: ..........................................................................
NOME: ¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿
NIF:.......................................................................................
DIRECCIÓN: .¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿.
TELEFONOS DE CONTACTO: ...........................................
CORREO ELECTRÓNICO:..¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿.
EN CALIDADE DE ...¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿.
DA ENTIDADE/GRUPO ..¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿.
SOLICITA A:
PAVILLÓNS DEPORTIVO MUNICIPAL DE : ¿¿¿¿¿..
¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿.
PARA A REALIZACIÓN DE: ¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿..
¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿..
O/S DIA/S: ..........................................................................
DURANTE OS MESES: .¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿..
EN HORARIO: ....................................................................
Nº DE PARTICIPANTES PREVISTO: ¿¿¿¿¿¿¿¿¿
En Teo, a ¿¿¿¿ de ¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿¿. de 20¿¿
Sinatura" ¿.
Teo, 14 de outubro de 2008.
O Alcalde,
Martiño Noriega Sánchez