Índice

Mazaricos - REGULAMENTO DO SERVIZO PÚBLICO DE SUBMINISTRACIÓN DE AUGA CORRENTE NO CONCELLO DE MAZARICOS.

Publicación provisional: 07/11/2005 BOP Nº: 254
Publicación definitiva: 22/12/2005 BOP Nº: 291
Aplicable dende: 10/01/2006

Capítulo I. Normas xerais

Artigo 1.- Obxecto.

1. Este regulamento contén a normativa do servizo público de subministración de auga corrente do Concello de Mazaricos.

2. Denomínase usuario a calquera persoa física ou xurídica que teña contratado o servizo de subministración de auga corrente.

Artigo 2.- Natureza xurídica do servizo.

A subministración de auga corrente no territorio de Mazaricos e un servizo público local do que é titular o Concello.

Capítulo II . As obrigacións e os dereitos do titular do servizo e dos usuarios.

Artigo 3.- Obrigacións do titular do servizo.

1. Presta-lo servizo de subministración de auga corrente ós usuarios con suxeición ás normas deste regulamento e das outras disposicións legais aplicables, nomeadamente as de carácter sanitario.

Esta obrigación enténdese referida a poñer a disposición do usuario a auga ata a chave de rexistro que, con carácter xeral, constitúe o límite exterior da instalación que é propiedade del.

2. Mante-la subministración de forma permanente en condicións de disponibilidade e regularidade.

3. Garanti-lo dereito a utiliza-lo servizo a tódalas persoas que cumpran os requisitos e condicións que dispón este regulamento e mediante o pagamento da contraprestacións económicas legalmente establecidas.

4. Indemniza-los danos que lles cause a terceiras persoas como consecuencia do desenvolvemento do servizo.

5. A planificación, programación, execución e conservación das obras e instalacións precisas para a captación, conducción, almacenamento e distribución de auga corrente ós núcleos de poboación con suxeición a este regulamento e á lexislación aplicable.

6. A tramitación e execución de acometidas de subministración de auga ás persoas que o soliciten para o seu uso en inmobles das que sexan titulares, sempre que reúnan as condicións esixidas neste regulamento.

7. Informarlles ós usuarios, sempre que sexa posible e polos medios de difusión adecuados, das interrupcións e alteracións que se rexistren na prestación do servizo.

8. Colaborar coas autoridades e cos centros de educación para que os usuarios e o público coñezan o funcionamento do servizo.

9. Resolver e contesta-las reclamacións e queixas que lle presenten os usuarios.

10. Aplica-los prezos e cadros de tarifas aprobados regulamentariamente.

Artigo 4.- Dereitos do titular do servizo.

O titular do servizo terá os dereitos que lle recoñece a lexislación aplicable e, en concreto, os seguintes:

a) A inspeccionar, revisar e intervir nas instalacións particulares que estean conectadas á rede de subministración coa finalidade de garanti-lo cumprimento da normativa aplicable.

b) Cobrar nas súas oficinas ou lugares destinados a esa fin o importe das facturacións ou cargos que os usuarios deben pagar polas prestacións do servizo.

Artigo 5.- Obrigacións do usuario.

1. Pagar puntualmente os cargos que lle presente o titular do servizo pola prestación dos servizos de subministración de auga ou os complementarios de conformidade cos prezos e tarifas aprobados.

A obrigatoriedade de pagamento esténdese ós casos en que se produzan fugas ou perdas de auga por avarías ou irregularidades na construcción ou conservación das instalacións particulares do usuario ou por calquera outra causa non imputable ó titular do servizo.

2. Usa-la auga corrente obxecto de subministración con suxeición ás normas contidas na lexislación aplicable, neste regulamento e no contrato e cumprir, se é o caso, as limitacións e prioridades de uso que se dispoñan regulamentariamente.

3. Respecta-las instalacións da infraestructura do servizo, as redes de distribución e as acometidas que forman parte integrante do dominio público e non realizar nelas ningunha manipulación ou alteración sen a correspondente autorización.

4. Darlle ó titular do servizo os datos que lle solicite en relación ó contrato de subministración.

5. Conserva-las súas instalacións particulares de xeito que non prexudiquen ás redes públicas de subministración nin ó funcionamento do servizo, utilizalas correctamente e respecta-los precintos que garanten a integridade do contador.

6. Comunicarlle ó titular do servizo calquera avaría ou irregularidade das instalacións de subministración de auga que poida afectar ó funcionamento normal do servizo.

7. Permitirlle ó persoal do titular do servizo, que estea debidamente acreditado, o acceso ás instalacións ou locais onde sexa necesario desenvolver traballos relacionados coa lectura do contador, inspección ou reparación das instalacións.

8. Solicitarlle ó titular do servizo a autorización para calquera modificación nas súas instalacións particulares que comporte variación no número de usuarios ou cambio no uso da auga.

9. Se nun mesmo inmoble existe, ó par do servizo público de subministración, auga doutra orixe, o usuario dispoñerá a súa instalación interior de xeito que a súa auga particular non poida entrar na rede xeral.

Artigo 6.- Dereitos do usuario.

1. Dereito de acceder ó servizo en condicións de igualdade, cando reúna as condicións e requisitos sinalados por este regulamento.

2. Disfrutar do servizo con carácter permanente, non sendo por razóns de forza maior, e dispoñer nas súas instalacións de auga que reúna os requisitos hixiénico-sanitarios e a as condicións técnicas de presión axeitadas e conformes coa normativa legal aplicable.

3. Ser informado polo titular do servizo de tódalas cuestións que atinxen á prestación e funcionamento do servizo e a recibir contestación por escrito ás consultas que presente con ese carácter.

4. Presenta-las queixas ou reclamacións que xulgue oportunas en relación coa prestación do servizo, de conformidade co procedemento que recolle este regulamento, e obter contestación a elas.

5. Que se lle facture o prezo de subministración de auga de conformidade coas tarifas legalmente aprobadas.

6. Obter unha copia do contrato ou póliza de subministración.

Artigo 7.- Prohibicións que atinxen ó usuario.

Os usuarios non poderán:

a) Ceder auga de balde ou baixo prezo, for con carácter permanente ou temporal, para outros locais ou vivendas diferentes dos recollidos no contrato.

b) Poñer nas tuberías de subministración, sen a autorización previa do titular do servizo, bombas ou calquera outro aparello que modifique ou afecte ás condicións da rede de distribución e poidan interferir no servizo prestado a outros usuarios.

c) Utiliza-la auga para fins distintos dos que foron obxecto de contrato.

d) Realizar calquera operación que teña por finalidade que o consumo de auga non sexa rexistrado polo contador ou equipo de medición.

f) Causar fugas de auga con carácter intencionado ou por neglixencia.

g) Crebar ou fedellar nos precintos dos contadores ou equipos de medición.

Capítulo III. As instalacións públicas do servizo

Artigo 8.- Elementos materiais da rede pública de subministración.

1. A rede de alta. Abrangue as obras hidráulicas de captación, elevación, estación de tratamento, depósitos de almacenamento -que poden ser de cabeceira, cola e reguladores-, edificios, dispositivos electromecánicos, tuberías e conduccións mestras e sistemas de regulación e control.

2. A rede de baixa. Abrangue a de distribución necesaria para a subministración ós usuarios e está integrada por canos, arquetas, pezas especiais e bocas de rego e incendios. A rede de baixa pode ser de distribución primaria e secundaria.

A rede de distribución primaria é a que está integrada polos canos que enlazan diferentes sectores das áreas abastecidas sen que nelas se poidan realizar acometidas.

A rede de distribución secundaria é a que está integrada polos canos que discorren ó longo dunha vía pública ou de terreo privado, neste caso trala constitución da correspondente servidume, das que derivan as acometidas.

3. A acometida. É o ramal ou derivación que sae da rede de distribución secundaria máis próximo e leva a auga ó pé do inmoble ou á estrema do terreo que se vai subministrar.

Artigo 9.- A acometida.

1. A acometida estará formada por un cano único de características axeitadas ó volume de auga servido e disporá alomenos dunha chave de corte exterior, situada nunha caixa na vía pública por diante do inmoble ou terreo e o máis achegada posible a el.

2. A acometida dispoñerá dos seguintes elementos:

a) O dispositivo de toma, que vai sobre o cano da rede de distribución secundaria e abre o paso da acometida.

b) O ramal ou treito de tubería, que une o dispositivo de toma coa chave de rexistro.

c) A chave de rexistro vai á fin do ramal da acometida, na vía pública e achegado á estrema do inmoble ou terreo.

A chave de rexistro constitúe o límite entre as instalacións públicas do servizo e as interiores do usuario e, xa que logo, precisa onde chegan as obrigacións respectivas de mantemento e reparación por parte do titular do servizo e do usuario.

Capítulo IV. A solicitude de conexión ó servizo

Artigo 10.- Requisitos da solicitude de conexión ó servizo.

1. A solicitude de conexión ó servizo deberá conter como mínimo o nome do peticionario ou a súa razón social, o enderezo e o telefóno para os efectos de notificacións, o enderezo do local ou inmoble para o que se pide a subministración e o uso ó que se destinará a auga.

2. A solicitude de conexión á rede de distribución deberá achega-la seguinte documentación:

a) Se é para un inmoble novo, a licencia de primeira ocupación e o boletín de instalación de fontanería.

b) Se é para unha obra, a licencia urbanística para a súa construcción.

c) Se é para unha industria ou comercio, a licencia municipal de apertura e o recibo do imposto de actividades económicas e o boletín de instalación de fontanería.

d) En calquera caso, unha copia do título que abeire o dereito de uso do inmoble ou local.

3. Deberase presentar unha solicitude independente para cada inmoble que física ou legalmente constitúa unha unidade de edificación.

4. A casa que ten un soio portal constitúe unha unidade de edificación. No caso de que teña varios, a unidade de edificación virá constituída por cada unha das partes dela que teña portal propio. Se un edificio ou construcción teñen máis dun acceso, o titular do servizo poderá decidi-la realización dunha acometida independente por cada un deles.

5. Se a xuízo do titular do servizo concorre unha causa que o xustifique, o titular do uso dun local comercial ou industrial situado no baixo dun inmoble poderá solicitar e obter unha acometida independente para o seu local.

Artigo 11.- Presentación, tramitación e resolución da solicitude de concesión.

1. A solicitude de conexión será presentada perante o titular do servizo que será quen resolva.

2. O informe do titular do servizo determinará, se é o caso, as características técnicas da acometida.

3. A Alcaldía do Concello autorizará ou denegará a conexión con suxeición á normatica legal aplicable e tralo informe dos servizos técnicos municipais.

4. A solicitude deberá ser resolta no prazo máximo de un mes a contar desde a súa presentación.

Artigo 12.- Causas de denegación da conexión.

O concello poderá denega-la conexión cando concurra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que o solicitante non presente a documentación esixida.

b) Que o inmoble non estea situado na área de cobertura do servizo, non sendo que se proceda consonte o que dispón o artigo 17.

c) Que o inmoble non conte coas instalacións interiores axeitadas por non se axustaren a este regulamento ou á normativa técnica aplicable.

d) Que algunha parte das instalacións xerais que é preciso ampliar para a realización da acometida teña que discorrer por terreos privados e o solicitante non xustifique a existencia da servidume correspondente inscrita no rexistro da propiedade.

e) Que a presión da auga no punto de conexión non sexa abonda para a subministración correcta do servizo, non sendo que, neste caso, se poña por conta do solicitante o grupo de elevación ou mecanismo necesario para corrixir aquela deficiencia.

O concello poderá autoriza-la conexión se o solicitante asume, mediante declaración expresa, as consecuencias da falta de presión.

f) Que a presión da auga no punto de conexión sexa escesiva para a subministración correcta do servizo, non sendo que, neste caso, se poñan por conta do solicitante as medidas de reducción axeitadas.

Artigo 13.- A realización das obras de conexión.

1. A execución das obras de acometida é competencia exclusiva do titular do servizo que realizará os traballos e instalacións por conta do solicitante e por medio de empresa autorizada con suxeición ás características técnicas determinadas no expediente e aprobadas polo concello.

2. A execución das obras de modificación da rede de subministración precisas para a realización da conexión tamén é competencia exclusiva do titular do servizo que as realizará por conta do solicitante e con suxeición ás características técnicas determinadas no expediente e aprobadas polo concello.

3. A acometida e mailas obras de modificación mencionadas no apartado 2 anterior quedan incorporadas á rede de subministración e serán de titularidade pública.

4. O titular do servizo elaborará o orzamento de execución das obras de conexión, que lle será notificado ó solicitante xunto coa autorización. O usuario deberalle aboar ó titular do servizo o custo das obras con carácter previo á súa execución.

Artigo 14.- Conexións provisionais.

1. Excepcionalmente, o concello poderá conceder conexións provisionais vinculadas á realización de obras. Estas tomas de auga enténdense outorgadas en precario e réxense, á parte das normas xerais que lle sexan aplicables, polas condicións particulares que se sinalen en cada caso.

2. A toma de auga outorgada con destino á realización dunha obra non se poderá usar, en ningún caso, para vivendas ou locais. O constructor está obrigado a comunicarlle ó titular do servizo a finalización da obra e daquela a conexión provisional quedará automaticamente sen vixencia. Por esa razón, o uso que se faga da toma de auga a partir desa data rexerase polas condicións xerais de subministración e polas que lle sexan aplicables en función da súa finalidade.

3. O constructor que solicite a conexión provisional con destino á realización dunha obra responderá solidariamente xuntamente co usuario real do pagamento do prezo da auga consumida.

Artigo 15.- Conservación e ampliación da acometida.

1. Os traballos de manexo, amaño e modificación das acometidas son competencia exclusiva do titular do servizo, que os realizará por conta do usuario que os solicite ou ó que beneficien.

2. Se un inmoble amplía o número de vivendas ou locais e a acometida non fose suficiente para a normal satisfacción das novas necesidades creadas, a persoa interesada solicitaralle ó titular do servizo a substitución ou modificación da acometida preexistente por outra axeitada. Os gastos serán por conta do usuario.

Artigo 16.- Acometida inutilizada.

Cando se finalice ou suspenda o contrato de subministración, a acometida queda a disposición do usuario. Pero se este non lle comunica ó titular do servizo no prazo de vinte días, de maneira fidedigna, a intención de que lla retire da vía pública e deposita simultaneamente os gastos que comporte a dita operación, enténdese que renuncia a ela.

Neste caso, o titular do servizo poderá adoptar, tocante á citada acometida, as medidas que coide oportunas, coa conformidade do concello respectivo.

Artigo 17.- Pequenas extensións e modificacións da rede de subministración.

1. As pequenas extensións da rede de subministración necesarias para dotar de auga a edificacións novas ou a vellas que non estean na área de cobertura do servizo serán por conta do usuario e integraranse na rede pública.

2. Por regra xeral, enténdese por pequenas extensións da rede as obras que sexan necesarias cando concurra calquera das seguintes circunstancias:

a) Existan redes de distribución secundaria na vía pública que discorre á beira do inmoble pero a nova conexión comporte unha baixada de presión ou de caudal apreciable.

b) Non exista rede de distribución na vía pública situada á beira do inmoble.

3. Se a rede de subministración existente nunha área urbana determinada non permita satisfacer adecuadamente o consumo que xeren as novas solicitudes de conexión, o concello aprobará o correspondente proxecto técnico de modificación da rede que faga posible a subministración.

4. Se para realizar unha nova conexión, é preciso facer unha prolongación da rede de distribución, o concello aprobará o correspondente proxecto técnico de ampliación.

5. Nos casos que prevén os dous apartados anteriores, o custo das obras de modificación ou ampliación da rede correrán por conta dos solicitantes da conexión e as novas instalacións, unha vez executadas, serán de titularidade pública.

6. As obras de modificación e ampliación mencionadas será executadas polo titular do servizo.

7. As obras de ampliación da rede discorrerán, por regra xeral, pos terreos de dominio público. De se tratar de terreos privados, os donos deberán poñer á libre disposición do concello unha franxa de 3.00 m de ancho ó longo do percorrido da rede ou constituir unha servidume a prol do concello que será inscrita no rexistro da propiedade.

8. Como as instalacións resultantes das obras de modificación ou ampliación da rede mencionadas son de titularidade pública, o titular do servizo poderá autorizar as conexións a ela das acometidas existentes con anterioridade á realización das obras.

Capítulo V. As instalacións interiores.

Artigo 18.- Instalacións interiores.

1. Enténdese por instalacións interiores do servizo as existentes en cada inmoble ou terreo a partir da chave de rexistro e que forman parte integrante deles.

2. As instalacións interiores de subministración de auga, non sendo no tocante á colocación do contador que é competencia do titular do servizo, deberán ser realizadas por un técnico autorizado e axustarse ás normas legais de aplicación.

Artigo 19.- Inspección das instalacións interiores.

1. As instalacións interiores dun inmoble realizadas polo usuario estarán suxeitas á inspección do titular do servizo coa finalidade de comprobar se foron executadas conforme as normas legais e técnicas aplicables.

2. Cando as instalacións interiores non se axusten ás normas citadas, o concello denegará a conexión ou, se é o caso, suspenderá a subministración de auga e comumicarallo ó interesado para que corrixa as deficiencias rexistradas no prazo que se lle sinale.

Artigo 20.- Conservación das instalacións interiores.

1. O usuario será responsable da conservación e o mantemento da instalacións interiores do servizo e está obrigado a amañar pola súa conta os danos e avarías que sufran. As reparacións deberanse realizar no prazo máximo de cinco días naturais desque se produciu o dano ou avaría.

2. Se o estado das instalacións interiores de subministración de auga dun inmoble ou terreo constitúen un perigo para a seguridade das persoas ou unha ameaza de dano inminente para as cousas, o titular do servizo poderá suspende-la subministración de auga de xeito inmediato con notificación simultánea ó usuario.

3. Cando concurra perigo de danos inminentes e graves para as persoas ou para as cousas derivada do estado das instalacións interiores de subministración de auga dun inmoble, o titular do servizo poderá realizar por si mesmo as obras imprescindibles para evitalos e repercutir no usuario responsable os gastos orixinados. O titular do servizo está obrigado a comunicárlle a realización das obras ó usuario.

Capítulo VI. Os contadores

Artigo 21.- A medición do consumo de auga.

1. A medición do consumo de auga que servirá de base á facturación realizarase por medio de contadores.

2. Os contadores serán dalgún dos modelos oficialmente homologados e verificados pola autoridade administrativa competente.

3. Toda vivenda unifamiliar ou local no que se realicen actividades comerciais, industriais, profesionais ou de servizos, dispoñerá dun contador individual que será propiedade do usuario.

4. Se nun inmoble hai máis dunha vivenda ou local cada un deles dispoñerá dun contador independente sen prexuízo do que corresponda para os servizos comúns.

5. Nas comunidades de propietarios con contador xeral, a facturación mínima esixible e, se é o caso, a cota de mantemento serán a que resulte de multiplicalas polo número de vivendas ou locais que constitúan o inmoble e maila que corresponde ós servizos comúns.

6. Cando nun local coexisten varias clases de usos, poñeranse contadores independentes para cada un deles pero, se por razóns técnicas soamente pudese haber un, o consumo total será facturado conforme á tarifa máis alta das aplicables.

Artigo 22.- Emprazamento dos contadores.

1. Os contadores estarán situados nun lugar axeitado e accesible, preto da chave de paso, á altura do baixo e na parte de fóra do inmoble.

2. No caso de vivendas colectivas, os contadores irán nun compartimento ou caixa, en sistema de batería, no baixo do inmoble e nunha zona de uso común con acceso directo desde o portal de entrada.

3. A modificación do emprazamento do contador será por conta da parte contratante que a promova. Sen embargo, serán por conta do usuario nos seguintes casos: a) Cando sexa por reformas realizadas por el con posterioridade á instalación do contador, que dificulten a lectura o acceso ou a inspección do contador; e b) Cando a instalación do contador non se axuste ás condicións que prevé este regulamento e se produza un cambio de titularidade do inmoble.

Artigo 23.- Colocación dos contadores.

A colocación dos contadores será por conta do usuario e realizarase por medio de instalador autorizado.

Artigo 24.- Conservación dos contadores.

1. É obrigación do usuario a conservar e mante-lo contador en perfecto estado de funcionamento.

2. O contador non poderá ser obxecto de ningunha manipulación sen autorización do Concello. As operacións de mantemento, reparación e, se é o caso, substitución serán realizadas por instalador autorizado e por conta do usuario.

3. Cando se comprobe a existencia de irregularidades ou avarías no contador, o titular do servizo requirirá ó usuario para a súa reparación ou substitución no prazo de sete días. Transcorrido ese prazo sen que o fixese, o titular do servizo estará facultado para suspende-las subministración de auga.

Artigo 25.- Renovación periódica de contadores.

1. A vida útil dos contadores fíxase, para os efectos deste regulamento, en dez anos.

2. Transcorrido ese prazo, o contador será substituído por medio de instalador autorizado e por conta do usuario.

Artigo 26.- Desmontaxe de contadores.

1. A montaxe e desmontaxe de contadores será sempre realizada por instalador autorizado, previo consentemento do Concello.

2. Procederá a desmontaxe polas seguintes circunstancias:

a) Por finalización do contrato de subministración.

b) Por avaría do aparello de medida aínda que non exista reclamación do usuario.

c) Por renovación periódica dos contadores.

d) Por alteración do réxime de consumo de tal maneira que supere a capacidade teórica do contador.

Artigo 27.- Verificación de contadores.

1. Se un usuario xulga que o volume de auga realmente consumido non se corresponde co rexistrado no contador poderá solicitar a súa revisión. Para ese efecto, deberá poñer a fianza e aboar a tarifa por verificación aprobada polo Concello.

2. As tolerancias para verificación de contadores serán as que sinale o Centro Nacional de Metroloxía ou entidade pública equivalente.

3. Se trala correspondente comprobación se acredita que o funcionamento do contador é correcto, o usuario perderá a fianza depositada.

4. Se o funcionamento do contador é incorrecto e o usuario o solicita, o titular do servizo revisará as facturacións por consumo de auga correspondentes ós seis meses anteriores á solicitude de verificación coas porcentaxes de desviación detectadas.

Capítulo VII. Contratación da subministración

Artigo 28.- Suxeitos do contrato.

1. O contrato de subministración de auga formalizarase entre o titular do servizo e o titular do dereito de uso do inmoble ou local que se vai servir.

2. Se o contratante é o arrendatario ou un posuidor precarista, precisará da autorización do dono do inmoble. Esta autorización comportará a asunción por parte do dono da responsabilidade solidaria perante o titular do servizo das obrigacións derivadas do contrato de subministración.

3. Se o solicitante do servizo é unha comunidade de propietarios, intervirá en nome dela o seu representante legal.

4. Cando a subministración de auga sexa con destino a unha obra, o solicitante será o titular da licenza urbanística.

Artigo 29.- Incapacidade para contratar.

Están incapacitadas para contratar o servizo de subministración de auga as persoas que xa foran usuarias del con anterioridade e deran lugar á suspensión ou resolución do contrato por incumprimento das súas obrigacións. Cesará a incapacidade se a persoa á que lle afecta ou calquera outra en nome dela cumpre as obrigacións que motivaron a suspensión ou resolución do contrato.

Artigo 30.- Obxecto do contrato.

1. Os contratos de subministración de auga referiranse a unha vivenda, local, industria ou obra que constitúa unha unidade independente.

2. A subministración de auga enténdese adscrita o uso para a que se conviu e non se pode dedicar a outros fins.

Artigo 31.- Duración do contrato.

O contrato sinalará o prazo de vixencia da subministración e enténdense prorrogado tacitamente polo mesmo período non sendo que, cun mes de antelación, o usuario advirta ó concesionario, de xeito expreso e por escrito, do seu desexo de dalo por rematado.

Artigo 32.- Cambio de usuarios.

Cando se produza un cambio de titularidade no dereito de uso do inmoble ou industria obxecto de subministración, o novo titular deberallo comunicar ó Concello no prazo de un mes coa finalidade de facer un novo contrato.

Capítulo VIII. Condicións da subministración de auga

Artigo 33.- Continuidade do servizo.

Non sendo por causa de forza maior ou avarías nas instalacións públicas, o titular do servizo ten a obriga de manter permanentemente o servizo nas condicións sinaladas no artigo anterior.

Artigo 34.- Suspensións temporais do servizo.

1. O titular do servizo poderá suspender temporalmente o servizo cando:

a) Sexa imprescindible para realizar traballos de mantemento, reparación ou melloras nas instalacións públicas.

b) No suposto de perda das condicións de potabilidade da auga que comporte un risco para a saúde dos usuarios.

c) Por causas de forza maior.

2. Cando se produzan cortes previstos e programados, o titular do servizo deberá preavisar ós usuarios alomenos con vintecatro horas de antelación por medio de anuncios nun medio de comunicación ou nos lugares públicos de costume. O preaviso advertirá da duración prevista da interrupción.

Artigo 35.- Restriccións na subministración.

1. O servizo de subministración de auga corrente ten por finalidade satisface-las necesidades da poboación e preferentemente as derivadas dos usos domésticos. A utilización da auga para outras finalidades estará suxeita a que as necesidades de abastecemento da poboación o permitan.

2. Sen prexuízo do que dispoña a normativa legal aplicable, o concello, previa audiencia do titular do servizo, poderán restrinxir ou suspende-la subministración de auga para usos non domésticos, sen que iso comporte ningunha obrigación de indemnizar. Neste caso o titular do servizo está obrigado a informar a través dos medios de comunicación ós usuarios das medidas que se van adoptar, data de iniciación, duración previsible e razóns que as motivan.

CAPíTULO IX. Lecturas, consumos e facturación

Artigo 36.- Periodicidade da lectura dos contadores.

1. O titular do servizo está obrigado a manter un sistema de lectura dos contadores que sexa permanente e periódico.

2. A facturación de consumo realizaráse con carácter trimestral e de conformidade co cadro de tarifas da ordenanza reguladora da taxa reguladora do servizo.

Artigo 37.- Lecturas.

1. A lectura farase en horario que vai das 9.00 ás 20.00 horas, por persoal autorizado polo titular do servizo que levará a súa correspondente credencial.

2. Cando por causas alleas ó titular do servizo non fose posible facer a lectura dun contador, o empregado deixará aviso da súa visita por medio dunha nota que recollerá aquela circunstancia e á que selle achegará un impreso de lectura.

Neste caso, o usuario cumprimentará por si mesmo o impreso de lectura e deberallo devolver ó titular do servizo no prazo de seis días seguintes á visita do lector. Os impresos de lectura recibidos polo titular do servizo despois dese prazo poderán ser considerados como nulos e, daquela a facturación realizaráse como se o consumo fose cero.

Artigo 38.- Determinación do consumo.

1. O consumo de cada usuario determínase pola diferencia entre as lecturas de dous períodos consecutivos de facturación.

2. O titular do servizo soamente terá en conta para a facturación a medición resultante do contador debidamente homologado e instalado.

3. As fugas de auga que se produzan nas instalacións interiores e sexan rexistradas polo contador seranlle facturadas ó usuario conforme ás tarifas correspondentes.

4. Se o titular do servizo detecta a través da lectura do contador consumos desproporcionados ou fóra do común, comunicarallo ó usuario para que faga as comprobacións oportunas nas súas instalacións interiores.

Artigo 39.- Consumos calculados.

1. Cando non sexa posible coñece-lo consumo realmente realizado por un usuario por mor dunha avaría no equipo de medición, a facturación calcularase conforme ó consumo rexistrado durante o mesmo período de tempo do ano anterior e, de non existir, conforme á media aritmética dos seis meses anteriores.

2. No caso de que non existan datos históricos para obte-los promedios ó que se refire o parágrafo anterior os consumos facturaranse polo mínimo esixible.

3. Os consumos calculados de conformidade co que dispoñen os dous apartados anteriores terán carácter definitivo no caso de avaría no contador e a conta en outros supostos. Nestes últimos, logo de que se obteña a lectura real, o consumo calcualdo compensarase por exceso ou por defecto na facturación correspondente ó seguinte período.

4. Cando se produza una avaría no contador, o usuario substituirao o máis lixeiro posible, previa notificación ó titular do servvizo.

5. Se por ausencia do usuario non fose posible le-lo contador durante tres períodos de facturación consecutivo e o pagamento dos recibos non estiver domiciliado nunha entidade bancaria, o titular do servizo advertiralle por escrito ó usuario da necesidade de normaliza-la situación. Se o usuario non atende o requirimento no prazo de dez días , o titular do servizo poderá suspende-la subministración de auga. Para remprende-lo servizo, o usuario deberá aboa-la facturación correspondente ó consumo realizado e os gastos de reposición da subministración.

Artigo 40.- Facturas e recibos.

As facturas e recibos emitidos polo titular do servizo deberán levar alomenos os seguintes datos: a) enderezo do inmoble obxecto de subministración; b) enderezo ó que se dirixe a notificación, se é distinto do anterior; c) tarifa aplicada; d) calibre do contador ou equipo de medición; e) lecturas do contador que determinan o consumo e datas delas que definen o prazo de facturación; f) indicación de se os consumos facturados son reais ou calculados; g) indicación diferenciada dos conceptos que se factura; h) importe dos tributos que se aplican; i) importe total dos servizos prestados; j) teléfono e enderezo do titular do servizo para obter información; k) enderezos, prazos e formas para efectua-lo pagamento.

Artigo 41.- Forma de pago das facturas e recibos.

1. O usuario poderá paga-lo importe da factura emitida polo titular do servizo na oficina deste, nas entidades de crédito ou noutros establecementos autorizados por aquel.

2. O pagamento de recibos periódicos realizarase preferentemente polo sistema de domiciliación bancaria en oficina aberta no municipio.

3. No caso de devolución de recibos polas entidades bancarias por causa imputable ó usuario, serán por conta deste os gastos orixinados pola dita devolución e a liquidación de intereses de demora correspondentes.

Artigo 42.- Anuncio e prazo de pago e vía de constrinximento

1. O usuario disporá do prazo de un mes para face-lo pago en vía voluntaria, que será o primeiro mes seguinte ao trimestre natural de que se trate, é decir, os meses de abril, xullo, outubro e xaneiro.

2. Transcurrido o prazo de pagamento en vía voluntaria, o Concello poderá iniciar a via de constrinximento.

Artigo 43.- Corrección de erros na facturación.

1. Nos casos en que por erro imputable ó titular do servizo se facturasen cantidades inferiores ás realmente debidas, o usuario terá dereito a que se lle fraccione o pagamento das diferencias ó longo dun período de tempo igual a aquel ó que se refiren as facturaccións erróneas ata o máximo de un ano.

2. Cando o usuario lle presente ó titular do servizo unha reclamación para a devolución de ingresos indebidos expresará de xeito breve e claro os conceptos e fundamentos nos que se basee e achegará os xustificantes de pagamentos e calquera outra documentación que corresponda.

3. O titular do servizo deberá resolve-las reclamacións de devolución dos usuarios por ingresos indebidos o máis axiña posible e, en calquera caso, no prazo máximo de un mes desque lla presentaran.

4. O usuario ten dereito a que o titular do servizo lle devolva os ingresos que percibira de xeito indebido. A devolución deberase realizar no período máximo de un mes desque se comprobe o erro que os orixinou. Transcorrido ese prazo, a débeda xera o interese legal do diñeiro máis dous puntos a prol do acredor.

CAPíTULO X. Suspensión da subministración e extinción da subministración

Artigo 44.- Causas de suspensión da subministración.

1. O titular do servizo poderá suspende-la subministración de auga ós usuarios polas seguintes causas:

a) Falta de pago da facturación por subministración de auga, transcurrido o prazo de tres meses desque rematou o período de pagamento en vía voluntaria.

b) Inexistencia de contrato que abeire a subministración.

c) Falta de pago dunha liquidación firme por fraude no uso da auga, transcorrido o prazo de quince días desque lle foi presentada ó cobro.

d) Cando o usuario poña nas súas instalacións de subministración, sen autorización do titular do servizo, bombas ou calquera outro aparello que poida afectar á rede de distribución do seu contorno e ó servizo prestado a outros usuarios.

e) Cando un usuario derive ou permita a derivación de auga desde as súas instalacións a outros inmobles, terreos, edificacións ou locais diferentes ós abeirados no contrato.

f) Cando o usuario non permita a entrada ó seu inmoble ou local ó persoal autorizado do titular do servizo, se se pretende dentro do horario previsto neste regulamento e ten por finalidade revisar ou inspecciona-las instalacións. A negativa do usuario a permiti-la entrada constatarase perante dúas testemuñas ou un axente da autoridade.

g) Cando se atopen derivacións clandestinas de auga desde as instalacións da rede pública de subministración. Enténdese por derivacións clandestinas as realizadas sen contrato nin autorización do concello. Nestes casos, o titular do servizo poderá suspende-la subministración de xeito inmediato.

h) Cando o uso que lle dea á auga o usuario ou o estado das súas instalacións interiores poida afectar negativamente ás condicións de potabilidade na rede de distribución. Neste caso o titular do servizo poderá suspende-la subministración de xeito inmediato.

i) Cando o usuario non cumpra a orde de modificación das condicións da caixa do contador, de substitución do contador ou de reparación das instalacións interiores para adecualas ás condicións regulamentarias.

l) Cando non fose posible a lectura do contador durante tres períodos de facturación consecutivos e o pagamento dos recibos non estiver domiciliado nunha entidade bancaria.

m) Por neglixencia grave do usuario na conservación ns súas instalacións.

n) Por utilización inapropiada da auga doméstica para regar ou para outros usos diferentes dos contratados sempre e cando a facturación supere o 150% do mínimo que correspondería ó uso autorizado.

o) Por infracción das restriccións ou prohibicións de usos da auga legalmente adoptadas.

2. A potestade de suspensión da subministración enténdese que é sen prexuízo das outras accións legais que sexan procedentes para esixirllelas responsabilidades en que poideran incorre-los usuarios.

Artigo 45.- Procedemento de suspensión da subministración.

1. O titular do servizo está autorizado para a suspensión inmediata da subministración nos casos que prevé este regulamento. En todos eses supostos, o titular do servizo deberalle comunica-la suspensión o máis lixeiro posible, ó usuario afectado.

2. No resto dos casos, o titular do servizo deberalle notificar previamente e por escrito ó usuario as causas que basean a suspensión.

Ao usuario advertiralle expresamente que se no prazo de dez días contados desque reciba a notificación non desaparecen aquelas causas, levará a efecto a suspensión da subministración.

3. A notificación da suspensión conterá os seguintes datos: a) nome e enderezo do usuario; b) nome e enderezo do inmoble afectado; c) data a partir da que se producirá ou, se for o caso, se produciu a suspensión; c) causas que motivan a suspensión; d) nome, enderezo, teléfono e horario de atención ó público da oficina do titular do servizo onde se poderá obter información para subsana-las causas que motivan a suspensión.

4. O titular do servizo repoñerá a subministración no mesmo día ou no día solto seguinte a aquel no que se subsanaron as causas que basearon a suspensión e tralo pagamento dos dereitos que procedan de conformidade co cadro de prezos aprobado pola mancomunidade.

5. Transcorridos tres meses desque se produciu a suspensión sen que o usuario subsanara as causas que a motivaron, o titular do servizo poderá resolver unilateralmente o contrato sen prexuízo dos dereitos que lle correspondan por facturacións pendentes e indemnización de danos e perdas.

Artigo 46.- Estinción da subministración.

A subministración de auga estinguirase:

a) Por pedimento do usuario.

b) Por pedimento do dono do inmoble aínda que non sexa o usuario, sempre que probe que este perdeu o dereito de uso do inmoble.

c) Polo transcurso do prazo contractual e, se for do caso, da súa prórroga.

d) Por derrubamento, destrucción ou modificación substancial do inmoble ó que estaba destinada a subministración.

e) Por decisión do titular do servizo nos seguintes casos: 1) No suposto que prevé o apartado 5 do artigo anterior. 2) Se o beneficiario do servizo non ten a cualidade de usuario, isto é, non dispón de contrato de subministración ó seu nome. 3) Por cambio do uso ó que está destinado a subministración.

4) Cando o uso da auga ou as condicións das instalacións interiores do inmoble comporten perigo para a seguridade da rede, a potabilidade da auga ou os bens de terceiros e se trate de irregularidades non subsanables. 5) Cando o usuario incumpra as condicións do contrato de subministración.

Artigo 47.- Retirada do contador.

Unha vez estinguido o contrato, o titular do servizo retirará o contador e porao a disposición do usuario durante o prazo de tres meses. Se o usuario non se fai cargo del no citado prazo, enténdese que renuncia a súa propiedade.

CAPíTULO XI. Infraccións fraudulentas, inspección e responsabilidade

Artigo 48.- Infraccións fraudulentas.

Constitúen infraccións fraudulentas:

a) A inexistencia de contrato que abeire a subministración de auga.

b) A manipulación do contador ou equipo de medición de consumo de auga.

c) A existencia de derivacións do caudal antes do equipo de medición.

d) A utilización da auga para usos diferentes dos contratados con prexuízo na facturación por aplicación doutra tarifa.

Artigo 49.- Inspección.

1. Cando o titular do servizo teña coñecemento da realización dunha infracción fradulenta por parte do usuario, requirirao por escrito para que a corrixa no prazo de tres días, coa advertencia de que, transcorrido o devandito prazo sen que o fixera, suspenderá a subministración da auga.

2. Se a infracción consiste na derivación ilegal de caudal, o titular do servizo poderá suspender de xeito inmediato a subministración.

3. Se co gallo da comprobación dunha denuncia por infracción fraudulenta, o usuario lle denega a entrada no inmoble ó persoal inspector, o titular do servizo poderá suspender de xeito inmediato a subministración.

Artigo 50.- A liquidación por fraude.

1. Cando non existe contrato que abeire a suminsitración, o titular do servizo liquidará unha facturación por fraude na que se inclúe o consumo equivalente á capacidade nominal do contador que corresponda ás instalacións de que se trate, cun tempo mínimo de oito horas diarias de utilización durante o prazo que vai desde a adquisición do dereito de uso do inmoble ata que se subsane a existencia do fraude. En calquera caso, a duración mínima dese prazo non serán nunca inferior a un mes nin superior a seis meses.

2. Cando a fraude consista na manipulación do contador ou equipo de medición, o titular do servizo liquidará unha facturación que tome como base a capacidade de medida do caudal nominal cun tempo mínimo de oito horas diarias de utilización desde a data da última verificación oficial do contador. A duración mínima dese prazo non será inferior a un mes nin superior a un ano. Descontaránselle á liquidación os consumos correspondentes a ese período que xa foran aboados polo usuario.

3. Se a fraude consiste na derivación de caudais de auga antes do equipo de medición, a liquidación realizarase como no apartado 1 anterior e sen que se lle desconte a auga medida polo contador.

4. Cando se utilice a auga para outros usos diferentes ós contratados con prexuízo da facturación, a liquidación realizarase aplicándolle ó volume de auga consumido a diferencia entre a tarifa correspondente ó uso real da auga e a contratada durante o período de que se trate. Este período non será inferior a un mes nin superior a un ano.

5. En tódolos casos de actuación por fraude, a liquidación estará suxedita ós impostos legalmente aplicables.

6. O titular do servizo notificaralle a liquidación ó usuario coa advertencia de que contra ela pode interpoñer, no prazo de un mes, recurso ordinario perante a Autoridade administrativa competente en materia de consumo, sen prexuízo doutras accións ou reclamacións que xulgue oportunas.

Artigo 51.- Responsabilidade penal por fraude.

O que dispoñen os artigos anteriores enténdese sen prexuízo da responsabilidade penal por defraudación en que poida incorre-lo usuario infractor de conformidade cos artigos 255 e 623 do Código Penal.

Capítulo XII. Dereito de información, reclamacións e recursos

Artigo 52.- Dereito de información e queixa.

1. Os usuarios teñen dereito a obter do titular do servizo información oral ou por escrito de tódalas cuestións que atinxan ó seu contrato e ás condicións de prestación do servizo.

2. Os usuarios poderán formular queixas e suxestións verbo do funcionamento do servizo no libro correspondente que o titular do servizo terá a súa disposición nas oficinas de atención ó público. A existencia do libro será sinalizada de forma visible para os cidadáns.

3. O titular do servizo informará ó cidadán no prazo de vinte días das actuacións realizadas e das medidas que, se for do caso, adoptara.

4. Se como consecuencia de calquera queixa ou suxestión presentada ou do expediente que dela derive houber indicios do funcionamento anormal do servizo, o titular do servizo iniciará as actuacións legalmente procedentes para corrixi-la irregularidade e aclara-las responsabilidades que procedan.

Artigo 53.- Reclamacións e recursos.

1. O usuario poderá interpoñer recurso administrativo ordinario perante o concello contra os actos e decisións do servizo.

2. Darán lugar a indemnización os danos e perdas que sufran os usuarios nos seus bens e dereitos e que sexan consecuencia do funcionamento do servizo. O usuario poderá reclamar aquela indemnización polos procedementos que prevé a normativa reguladora da responsabilidade patrimonial das Administracións públicas e da expropiación forzosa, sen prexuízo das accións civís ou penais que, se for do caso, procedan.

Mazaricos, 15 de decembro do 2005