Índice

Mesía - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA LICENCIA POLA TENENCIA DE ANIMAIS POTENCIALMENTE PERIGOSOS, DO SEU REXISTRO, DA SECCIÓN LOCAL DO REXISTRO DE ANIMAIS DE COMPAÑÍA E DAS TAXAS POLA PRESTACIÓN DE TALES SERVICIOS.

Publicación provisional: BOP Nº: 00
Publicación definitiva: BOP Nº: 00
Aplicable dende:

CAPÍTULO 1.- DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º.- Obxecto.

1.- É obxecto desta ordenanza regula-la concesión e renovación das licencias administrativas para a tenencia de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso, que refire o Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, que se regula a tenencia de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos e a inscrición na Sección Local do Rexistro Galego de Animais de Compaña e as Taxas pola concesión e renovación das licencias e inscricións indicadas.

2.- Quedan excluídos da aplicación desta ordenanza os cans e animais pertencentes ás Forzas Armadas, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Corpos da Policía das Comunidades Autónomas, Policía Local e empresas de seguridade con autorización oficial.

 

Artigo 2º.- Definición de animal potencialmente perigoso.

1.- Considéranse animais potencialmente perigosos tódolos que, pertencendo á fauna salvaxe e sendo utilizados como animais domésticos ou de compaña, con independencia da súa agresividade, pertencen a especies ou razas que teñan capacidade de causa-la morte ou lesións ás persoas ou a outros animais, e danos a cousas.

2.- En particular terán a cualificación de potencialmente perigosos os animais domésticos ou de compaña que regulamentariamente se determinen pola Comunidade Autónoma de Galicia, en particular os pertencentes á especie canina definidos no artigo 2.2 do Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, polo que se regula a tenencia de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os Rexistros Galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos.

 3.- En todo caso, aqueles cans que manifesten unha marcada agresividade natural ou inducida mediante adestramento, malos tratos ou calquera outro medio. Esta agresividade será apreciada pola autoridade competente, de oficio, ou previa notificación ou denuncia, e despois dun informe dun adestrador ou veterinario designado ó efecto.

 

CAPÍTULO II.- DA LICENCIA MUNICIPAL

Artigo 3º.- Licencia Municipal.

1.- A tenencia no municipio de animais clasificados como potencialmente perigosos requirirá obte-la correspondente licencia municipal con carácter previo á adquisición do animal.

2.- Están obrigados a obter licencia municipal para a tenencia de animais clasificados como potencialmente perigosos os propietarios ou os posuidores dos mesmos que estean incluídos no padrón de habitantes. Tamén están obrigados os establecementos ou asociacións, con sede  neste municipio, que alberguen os animais potencialmente perigosos ós que se refire o Decreto 90/2002 de 28 de febreiro da Comunidade Autónoma Galega e se dediquen a súa explotación, cría, comercialización ou adestramento, incluídos os centros de adestramento, criadeiros, centro de recollida, residencia, centros recreativos e establecementos de venda colocados neste municipio.

 3.- Os propietarios de animais potencialmente perigosos non aveciñados neste municipio, cando residan temporalmente no mesmo e mentres permaneza o animal no termo municipal,  deberán acreditar a tenencia da licencia no municipio de orixe.

4.- Inscrición de animais por ter efectuado anteriores ataques a persoas, animais ou cousas:

Unha vez coñecida a resolución ou sentencia, de oficio ou a instancia de calquera interesado directo, e previa tramitación de expediente administrativo con audiencia do interesado, o Concello requirirá ó propietario mediante resolución da Alcaldía, para que no prazo de un mes solicite a  licencia.

En caso contrario procederase á retirada e depósito do animal de conformidade co establecido no artigo 9º desta ordenanza.

Artigo 4º.- Requisitos para obte-la licencia.

1.- Para obte-la licencia administrativa con destino á tenencia de calquera animal clasificado como  potencialmente perigoso será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos:

a)         Ser maior de idade e non estar incapacitado para proporciona-los coidados necesarios ó animal.

 b) Non ter sido condenado por delictos de homicidio, de lesións, de torturas, ou contra a liberdade ou a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico, e non estar  privado por resolución xudicial do dereito á tenencia de animais potencialmente perigosos.

c)                  Non ter sido sancionado por infraccións graves ou moi graves con algunha das sancións accesorias das previstas no apartado artigo 13.3 da Lei 50/1999 de 23 de decembro, sobre o réxime xurídico de animais potencialmente perigosos. Non obstante, non será impedimento para a obtención ou renovación da licencia, ter sido sancionado coa suspensión temporal da mesma, sempre que, no momento da solicitude, a sanción de suspensión anteriormente imposta fose cumprida integramente.

d)         Dispoñer de certificado de aptitude psicolóxica e de capacidade física para a tenencia de animais potencialmente perigosos.

e)         Acreditar a formalización dun seguro de responsabilidade civil polos danos a terceiros que poidan causar os seus animais na contía mínima de 125.000

2.- Os requisitos esixidos deberán manterse vixentes durante todo o período da tenencia do animal; a perda dos mesmos dará lugar á revisión da licencia nos termos recollidos no artigo 9º desta ordenanza

Artigo 5º.- Vixencia de licencias.

1.- As licencias terán unha vixencia de cinco anos e renovaranse transcorrido este prazo.

En cada exercicio, para o seu mantemento, acreditarase a suscripción do seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros e o certificado de sanidade animal que acredite, con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou trastornos que o fagan especialmente perigoso.

2.- A condena por calquera dos delictos recollidos no artigo 4.1.b) dará lugar a que o Concello revise a licencia.

Artigo 6º.- Acreditación

1.- A  identificación da licencia municipal de animais potencialmente perigosos acreditarase mediante entrega de certificación relativa á mesma.

2.- Por cada can que se posúa, expedirase unha tarxeta identificativa na que constará:

 a)         Número de licencia municipal

b)         Código de identificación do can

c)         Raza

d)         Titular da licencia e DNI

e)         Número do rexistro municipal

Artigo 7º.- Documentación.

1.- Para expedi-la tarxeta identificativa de cada can requirirase a aportación dos seguintes datos:

           a)          Raza e sexo do animal.

           b)          Ano de nacemento.

           c)          Domicilio habitual do animal

           d)          Especificación de se está destinado a convivir cos seres humanos ou se, pola contra, ten finalidades distintas como a garda, a protección ou calquera outra que se indique.

           e)          Nome do propietario

            f)          Domicilio do propietario.

           g)          DNI do propietario

           h)          Nome ou razón social e domicilio do vendedor ou cedente

             i)          Certificado de sanidade animal expedido por autoridade competente, que acredite, con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou trastornos que o fagan especialmente perigoso.

            l)          Xustificante do abono da taxa por expedición da licencia municipal para a tenencia de animais  potencialmente perigosos, no seu caso.

          m)          Certificado sanitario de esterilización, se se efectuou a mesma.

           n)          Facturas e xustificante da adquisición.

Os citados datos e a documentación oportuna, deberá facilitalos o adquirente do animal no prazo de quince días a contar dende a súa tenencia efectiva.

 2.- O certificado de sanidade animal deberá ser expedido polos Servicios Sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia ou por un veterinario colexiado.

 3.- Para renova-la licencia municipal aportarse a seguinte documentación:

a) Solicitude de renovación

b) Copia compulsada da renovación do seguro de responsabilidade civil

c) Copia compulsada do certificado médico de sanidade animal efectuado nunha data non anterior a dous meses á da renovación da licencia.

d) Xustificante do abono da taxa municipal

e) Certificado de capacidade física

f)  Certificado de aptitude psicolóxica

Artigo 8º.- Órgano competente para a concesión das licencias municipais.

1.- As licencias municipais para a tenencia de animais potencialmente perigosos, concederanse mediante resolución do órgano que teña atribuída a competencia en materia de licencias, unha vez acreditada a aportación da documentación esixida nesta ordenanza.

Artigo 9º.- Revisión, perda de licencias e depósito de animais.

1.- A perda de calquera dos requisitos esixidos no artigo 4º desta ordenanza, dará lugar á revisión das licencias municipais concedidas e á súa retirada, previa tramitación de expediente contradictorio.

2.- A retirada da licencia dará lugar á perda do dereito á tenencia do animal e o interesado deberá, no prazo máximo de dez días a contar dende a recepción do requirimento, proceder á súa entrega e depósito no establecemento adecuado ó efecto ata a  obtención da mesma, salvo que o animal sexa obxecto de entrega a outro  propietario ou sacrificio nos termos establecidos nos artigos 58,59 e 60 do Decreto 153/1998 da Comunidade Autónoma de Galicia.

 3.- En caso de incumprimento da obriga de depósito o Concello ou a Comunidade Autónoma procederán á execución subsidiaria, a través dos seus servicios ou mediante empresa contratada, sendo os gastos por conta do antigo titular da licencia.

 4.- Sen necesidade de previo requirimento o Concello poderá retirar dos espacios públicos e depositar de oficio en establecemento adecuado, aqueles animais potencialmente perigosos nos que se aprecie unha situación de abandono ou perigosidade para os usuarios das vías e espacios de uso común, ou que circulen por estes sen a debida protección ou control do seu propietario ou posuidor.

5.- Igualmente o Concello poderá retirar e depositar en establecemento  adecuado aqueles animais potencialmente perigosos que non dispoñan da correspondente tarxeta de identificación no municipio de orixe, ata que se acredite tal circunstancia polo titular do mesmo.

6.- A falta de licencia municipal para a tenencia de animais potencialmente perigosos dará lugar a un único requirimento municipal para a súa obtención no prazo de dez días e á retirada e depósito dos animais, nos termos establecidos neste artigo.

CAPÍTULO III.- DO REXISTRO MUNICIPAL

Artigo 10º.- Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos.

1.- Créase de modo informático o Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos, no que se fará constar con carácter obrigatorio de acordo con Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, da Comunidade Autónoma de Galicia:

a)       Código identificador do animal.

b)       Zona de aplicación.

c)        Especie.

d)       Raza (en cruzamento de primeira xeración especificaranse as razas de procedencia)

e)       Sexo.

f)        Descrición da capa.

g)       Data de nacemento e nome do animal (se fose o caso)

h)       Dirección habitual do animal.

i)        Outros signos identificativos non definitivos (tales como unha tatuaxe ou un número de chapa se o animal foi censado nun censo municipal anterior).

l)        Especificación de se o animal  está destinado a convivir con seres humanos ou se  teñen finalidades distintas como a garda, defensa ou outra que se indique.

m)      Nome e apelidos do propietario do animal.

n)       Dirección do propietario do animal.

ñ)       Teléfonos de contacto do propietario do animal.

o)       DNI do propietario do animal.

p)       Nome, dirección, número de colexiado e número de veterinario colaborador que realiza a marcaxe.

q)       Data na que se implanta a identificación e a entrega do documento ó propietario.

r)        Data de alta no rexistro.

s)        Certificado sanitario, expedido por un veterinario que acredite, con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou síntomas que poidan  facer potencialmente perigoso, así como unha certificación de que o animal carece de lesións ou cicatrices que puidesen estar relacionadas coa utilización do animal en pelexas ou outras actividades prohibidas.

t)        Cartilla sanitaria actualizada nos tratamentos preceptivos e preventivos propios da especie e idade. Na cartilla sanitaria figurará a catalogación de animal potencialmente perigoso.

u)       Copia da licencia municipal de tenencia de animais potencialmente perigosos, a nome do propietario. Acompañarase copia da póliza que xustifique ter formalizado o seguro de responsabilidade civil.

v)        Datos do centro de adestramento, se fose o caso.

w)       Incidentes de agresión, se fose o caso.

2.- Os propietarios dos animais  serán os responsables de identifica-los animais e de sufraga-los gastos que isto ocasione, independentemente do lugar de residencia de ditas persoas. A identificación definitiva suporá un requisito previo e obrigatorio para realizar calquera transacción do animal.

3.- O rexistro municipal é un rexistro de carácter público ó que terán acceso as administracións públicas e autoridades competentes, así como aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento dos datos do mesmo. A estes efectos considerarase interese lexítimo o que ostenta calquera persoa física ou xurídica que desexe adquirir un animal destas características, así como aquelas que sufrisen calquera tipo de agresión polo animal e desexen exerce-las accións correspondentes en calquera vía xurisdiccional, para o que deberán acreditar previamente a interposición da correspondente denuncia.

4.- O uso e tratamento dos datos contidos no Rexistro será de acordo co disposto na Lei Orgánica 15/1999, de protección de datos persoais

Artigo 11º.- Inscrición no Rexistro.

1.- O Concello realizará a inscrición no Rexistro de Animais Potencialmente Perigosos a instancia do interesado, ou de oficio trala concesión da licencia municipal regulada no artigo 3º desta ordenanza.

2.- Será igualmente obrigatoria a inscrición no rexistro municipal a instancia do interesado, en sección aberta ó efecto, cando se efectúe o traslado dun animal potencialmente perigoso a este municipio, sexa con carácter permanente ou por período superior a tres meses. Débese proceder á inscrición no prazo máximo de dez días a contar dende o inicio da residencia no municipio.

 3.- Estimarase que se efectuou un traslado de animal potencialmente perigoso, salvo acreditación expresa en contrario polo interesado, nos casos de cambio de residencia do titular do mesmo, caso no que será preciso a acreditación  da obtención da licencia no municipio de orixe anterior, e procederase á renovación da licencia nos casos previstos na presente ordenanza.

4.- Das inscricións que se efectúen no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos darase traslado o órgano correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.

 5.- Se o titular dun animal potencialmente perigoso cambia de residencia, notificarase tal condición ó Concello de nova residencia, sen prexuízo da obriga do interesado de dar conta do traslado do animal.

 

Artigo 12º.- Baixa no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos.

1.- A baixa no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos efectuarase a instancia do interesado, previa acreditación da venda, traspaso, cesión ou morte do animal.

2.- Igualmente procederase á baixa no Rexistro no caso de traslado da residencia do titular do animal a municipio distinto, salvo que o animal permaneza no Concello, e así quede acreditado xa sexa a instancia do interesado ou de oficio polo Concello.

3.- Farase figurar no Rexistro como de titularidade municipal aqueles animais depositados nas súas instalacións como consecuencia de recollida dos mesmos da vía pública ou por perda da licencia do seu anterior titular.

Artigo 13º.- Sección Local do Rexistro Galego de Identificación de animais de Compañía

1.- Ó amparo dos principios de lealdade institucional, cooperación e colaboración previstos no artigo 4 da Lei 30/1992, establécese unha Sección Local da Sección do Rexistro de Identificación de Animais de Compañía, limitada ós cans residentes no termo municipal, que se formará cos datos que ó efecto se remitan polo Rexistro Galego. Cos datos contidos na Sección do Rexistro, formarase o 31 de decembro de cada ano, o censo ó que se refire o artigo 27 do Decreto 153/1998.

2.- Neste Rexistro farase constar a información contida no artigo 5.5 do Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, da Comunidade Autónoma de Galicia, e que se recollen nos apartados a) ó t) do artigo 10.1 desta ordenanza

Artigo 14º.- Circulación e permanencia do can en vías públicas e locais

1.- Nas vías públicas e nos espacios naturais protexidos os cans irán suxeitos con cadea ou correa.

2.- Os cans guía poderán circular libremente nos transportes públicos urbanos, sempre que vaian acompañados polo seu dono e cumpran as condicións hixiénicas, sanitarias e de seguridade que prevén as ordenanzas.

 3.- Queda expresamente prohibida a entrada ou estancia de animais domésticos en toda clase de locais destinados á fabricación, almacenamento, transporte, venda ou manipulación de alimentos.

 4.- Queda asemade prohibida a entrada ou estancia de animais domésticos en restaurantes, bares, cafeterías e similares.

 5.- Prohíbese a circulación ou a estancia de cans e outros animais nas piscinas públicas e locais de espectáculos públicos, deportivos e culturais e nos recintos escolares.

6.- Os titulares destes locais deberán colocar na entrada dos establecementos e en lugar visible o sinal identificativo desta prohibición.

7.- Quedan exentos das prohibicións anteriores os cans guía que acompañen a persoas invidentes.

 8.- Nas praias do municipio prohíbese a circulación e permanencia de cans durante o período de baño e nos horarios de uso das mesmas.

 9.- Queda prohibido deixa-las deposicións fecais dos cans nas vías públicas. Os propietarios de cans son responsables de recoller convenientemente os excrementos e depositalos, ben en bolsas de lixo domiciliario, ben naqueles lugares que a autoridade municipal destine expresamente a esta finalidade.

10.- Queda expresamente prohibido que os cans accedan ás zonas de xogo infantil das prazas e parques do municipio.

11.- Prohíbese lavar animais na vía pública e fontes, así como darlles de beber auga amourados ás billas das fontes públicas.

12.- Conforme ó establecido no artigo 112.5 do Decreto 90/2002, de 28 de febreiro da Comunidade Autónoma de Galicia, os cans catalogados como potencialmente perigosos terán que circular polas vías públicas e en lugares e espacios de uso público en xeral, atados con cadea ou correa non extensible de lonxitude non superior a 2 m, provistos da correspondente buceira homologada e adecuada para a súa raza. En ningún caso, poderán ser conducidos por un menor de 16 anos.  

CAPÍTULO IV.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 15.- Infraccións.

1.- As infraccións contra o disposto nesta ordenanza clasifícanse en moi graves, graves e leves.

2.- Terán a consideración de infraccións administrativas moi graves, as previstas no artigo 13.1 da Lei 50/1999, de 23 de decembro, do Estado, así como as establecidas no artigo 22 da Lei 1/1993, de 13 de abril, da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.- Terán a consideración de infraccións administrativas graves, as previstas no artigo 13.2 da Lei 50/1999, de 23 de decembro, do Estado, así como as establecidas no artigo 21 da Lei 1/1993, de 13 de abril, da Comunidade Autónoma de Galicia.

4.- Son infraccións administrativas leves o incumprimento de calquera das obrigas establecidas nesta ordenanza, na Lei 50/1999, de 23 de decembro do Estado e na Lei 1/1993, de 13 de abril, da Comunidade Autónoma de Galicia non comprendidas nos párrafos anteriores e de competencia municipal, conforme ó previsto no artigo 20.3 a) do Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 16.- Sancións.

1.- As contías das multas polas infraccións tipificadas no artigo anterior as fixadas no artigo 13.5 da Lei 50/1999 do Estado e no Artigo 24 da Lei 1/1993 da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.- En todo caso, as infraccións graves e moi graves tipificadas no artigo anterior desta ordenanza, poderán levar aparelladas, como sancións accesorias, a confiscación, comiso, esterilización ou sacrificio dos animais potencialmente perigosos, a clausura do establecemento e a suspensión temporal ou definitiva da licencia para tenencia de animais potencialmente perigosos ou do certificado de capacitación do adestrador

Artigo 17º.- Responsables.

1.- Considéranse responsables das infraccións os que por acción ou omisión participasen nas mesmas; o propietario ou posuidor dos animais; o titular do establecemento, local ou medio de transporte no que se produzan os feitos e, neste último suposto, asemade, o encargado do transporte.

Artigo 18º.- Procedemento sancionador.

1.- O procedemento sancionador aplicable rexerase polo establecido na Lei 50/1999, de 23 de decembro así como a Lei 30/92 de 26 de novembro e normas de desenvolvemento.

Artigo 19º.- Exercicio da potestade sancionadora

1.- Os órganos competentes para sancionar, de acordo cos artigos 24.2 da Lei 1/1993, de 13 de abril, da Comunidade Autónoma de Galicia serán:

a)       Por infraccións leves, o alcalde.

b)       Por infraccións graves, o director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.

 c)      Por infraccións moi graves, o conselleiro de Medio Ambiente.

2.- A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións tipificadas como leves correspóndelle ó Concello.Non obstante, de xeito fidedigno, o alcalde porá en coñecemento do director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, toda acción ou omisión que poida ser tipificable como infracción grave ou moi grave. 

3.- Cando as circunstancias de perigo así o aconsellen o alcalde poderá proceder á retirada ou custodia dun animal potencialmente perigoso, a cargo do propietario, como medida de carácter provisional durante a tramitación dun expediente sancionador.

CAPÍTULO IV.- DA TAXA POLA EXPEDICIÓN DE LICENCIA, A RENOVACIÓN, AS INSCRICIÓNS REXISTRAIS E AS SÚAS MODIFICACIÓNS E CANCELACIÓNS.

Artigo 20.- Obxecto

1.- De conformidade co disposto nos artigos 15 ó 19 en relación co artigo 20 da Lei 39/88, de 28 de decembro, reguladora das facendas locais, establécese a taxa por prestación de servicios especiais de expedición de licencia, as súas renovacións, inscricións rexistrais e as súas modificacións e cancelacións

Artigo 21º.- Feito Impoñible

1.- O feito impoñible da taxa é a actividade municipal conducente á verificación do cumprimento  das condicións reguladas nesta ordenanza para a concesión da licencia indicada, a actividade de control que se efectuará nas renovacións, a súa tramitación, control e custodia e aqueloutros servicios que se recollen nas tarifas de esta ordenanza.

Artigo 22º .- Suxeito Pasivo

1.- Son suxeitos pasivos as persoas físicas e xurídicas que solicitan ou resultan afectadas polos epígrafes da tarifa do artigo 25.

2.- En particular serán suxeitos pasivos os titulares dos establecementos ou asociacións que alberguen animais potencialmente perigosos e se dediquen a súa explotación, cría, comercialización ou adestramento, incluídos os centros de adestramento, criadeiros, centros de recollidas, residencias, centros recreativos e establecementos de venda.

Artigo 23º .- Responsables

1.- Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.

2.- Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedade e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria.

Artigo 24º.- Percepción da taxa

1.- O dereito a percibi-la taxa producirase coa solicitude de calquera dos actos ós que se refire o feito impoñible.

2.- A non concesión da licencia, cando non sexa debido a incumprimentos  formais do suxeito pasivo, dará lugar á devolución das cantidades autoliquidadas

Artigo 25º .-Tarifas.

1.- Licencia pola tenencia de animais potencialmente perigosos. 16,00 _

2.- Ficha identificativa individual.  9,00 _

3.- Renovación de licencias. 8,00 _

4.- Inscrición no rexistro de animais potencialmente perigosos. 5,00 _

5.- Inscrición no censo de animais de compaña. 3,00 _

6.- Modificacións rexistrais. 1,00 _

7.- Cancelación rexistral. 3,00 _

8.- Cando os actos ós que se refiren os epígrafes 1, 3, 4 e 7, os soliciten os suxeitos pasivos a que se refire o artigo 22.2, terán un recargo do 25 %.

Artigo 26º .- Ingreso da taxa.

1.- O ingreso da taxa efectuarase en réxime de autoliquidación e con carácter previo ó acto que o motiva

Artigo 27º.- Infraccións e sancións

1.- En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas corresponden en cada caso, estarase ó disposto nos artigos, 77 e seguintes da Lei xeral tributaria

DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA

Quedan excluídos da obriga de obter licencia municipal, aqueles exemplares caninos que fosen obxecto de adestramento baixo a supervisión directa da ONCE e sexan destinados a guía de persoas invidentes

DISPOSICIÓN FINAL

Esta ordenanza entrará en vigor coa súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia e unha vez transcorrido o prazo establecido no artigo 65.2 da Lei 7/85 de 2 de abril, e continuará en vigor ata a súa derrogación expresa.