Melide - Ordenanza municipal de normalización lingüística.

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 15/05/2001 BOP Nº: 110
Aplicable dende: 01/06/2001

CAPÍTULO PRIMEIRO: DO USO DO IDIOMA GALEGO

Limiar

A principal manifestación de identidade cultural dun pobo é a súa lingua. O galego, lingua propia de Galicia, é o máximo expoñente da nosa identidade como comunidade diferenciada. A lingua galega no decorrer da súa historia coñeceu períodos de "normalidade", sendo lingua de uso común en todos os ámbitos. A historia móstranos como na segunda metade do século XIII, organismos civís, gremios, confrarías, mosteiros e conventos teñen no galego a súa lingua vehicular, e mesmo se traducen do castelán os códigos civís chegados de fóra. É a partir de finais do século XIV canda comeza a progresiva substitución do galego polo castelán nestes contextos formais, manténdose como lingua oral. Houbo que agardar ata o século XVIII para que aparecesen as primeiras voces que reclamaban a restitución do uso do galego en todos os ámbitos. Estes xermolos florecen durante o século XIX e dan un dos seus froitos máis vizosos no Estatuto de autonomía de 1936, primeira normativa legal que recoñece a oficialidade do galego. A Guerra Civil malogrou a aplicación desta lexislación.

Coa instauración da democracia no Estado español, danse as condicións propias para a normalización da lingua galega. A Constitución española do 78 proclama "a vontade de protexer a tódolos españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas, tradicións, linguas e institucións", no artigo 3.2 establece que as linguas españolas distintas ó castelán serán oficiais nas súas respectivas comunidades de acordo con cada Estatuto. A promulgación do Estatuto de autonomía de Galicia en 1981 institúe o galego como lingua propia de Galicia. O artigo 5 do estatuto proclama a lingua galega como oficial de Galicia, na súa calidade de lingua propia desta terra, e desenvolve aínda máis este precepto ó encomendarlle ós poderes públicos de Galicia que garantan o uso normal e oficial da lingua galega -xuntamente co castelán-, e potencien o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, engadindo que "disporán dos medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento" (artigo 5.3 EAG). A proclamación da oficialidade da lingua galega impón unha serie de obrigas ós poderes públicos autonómicos. Estes han de utilizala como lingua de uso normal de comunicación e entre eles e nas súas relacións coa cidadanía. Ó mesmo tempo, as e os cidadáns adquiren unha serie de dereitos lingüísticos que han ser respectados pola Administración, para o que esta ha estar en disposición de traballar en igualdade nunha e noutra lingua oficial de Galicia (galego e castelán). A Lei de normalización lingüística (15 de xuño de 1983), desenvolve aínda máis este mandato estatutario. A xunta dictará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As corporacións locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta lei (artigo 6.4.). Con posterioridade á promulgación desta lei, fóronse aprobando ordes e decretos que veñen completa-lo marco legal e aseguran a recuperación plena do uso do idioma galego na Administración local, de xustiza, militar, etc., salientando, neste sentido, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, que no apartado 1 do seu artigo 7 senta que "o galego, como lingua propia de Galicia é tamén da súa Administración local", concretándose máis adiante que "as convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e tódolos actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega".

Por iso, en Galicia, onde a inmensa maioría da poboación fala ou entende a súa lingua, as corporacións locais poden e deben desenvolver accións encamiñadas a dinamización e recuperación do noso idioma para os usos administrativos. O papel que xogan os concellos resulta de grande relevancia en calquera proxecto oficial que busque unha grande efectividade social, por seren institucións de enorme espallamento e as máis próximas ás e ós cidadáns, de aí que o equipo de Goberno do Concello de Melide lle encargara ó Servicio de Normalización Lingüística do Concello de Melide a elaboración e a súa posterior proposta de aprobación polo Pleno do Concello da seguinte Ordenanza de normalización lingüística, a cal fixe os criterios lingüísticos para seguir nas diferentes situacións comunicativas.

Artigo 1.º .

1.1.-O galego, como lingua propia de Galicia, é idioma oficial do Concello de Melide.

1.2.-As actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal terán plena validez e eficacia

1.3.-As e os cidadáns teñen dereito a seren atendidos/as e obteren copia ou recibiren notificacións da documentación municipal no idioma oficial da súa elección.

CAPÍTULO SEGUNDO: ÁMBITO DE APLICACIÓN


Artigo 2.º

2.1.-O uso da lingua galega por parte do Concello de Melide e dos organismos que del dependen -padroados, organismos autónomos, sociedades anónimas municipais, etc.)- rexeranse polos criterios establecidos nesta ordenanza.

2.2.-As empresas adxudicatarias ou concesionarias, que actúen por conta deste Concello, así como as de explotación mixta farán o propio, o cal se fará explicitamente constar nos documentos correspondentes.

2.3.-O Concello de Melide velará para que a nivel interno e nas actividades en que participe -convenios, consorcios-, sexan aplicados os principios anteriores.

2.4.-O Concello de Melide manterá un Servicio de Normalización Lingüística co obxectivo de impulsa-la normalización do galego a todos os niveis e coordina-las accións necesarias para dar cumprimento ó espírito desta ordenanza.

CAPÍTULO TERCEIRO: DO USO DO GALEGO NA ORGANIZACIÓN MUNICIPAL


Artigo 3.º .

3.1.-As actuación internas do Concello faranse en galego.

3.2.-Será redactada integramente en lingua galega, en cumprimento da lexislación vixente, a seguinte documentación:

3.2.1.-As convocatorias das sesións de todos os órganos colexiados do Concello de Melide, así como as ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas, rogos, preguntas e as actas dos citados órganos municipais.

3.2.2.-As resolución de todos os órganos municipais.

3.2.3.-Toda a documentación xerada polo Concello que forme parte dos expedientes administrativos que teñan que someterse á decisión ou coñecemento dos devanditos órganos.

3.2.4.-As actas e acordos de todos os órganos dos consellos e entidades con personalidade xurídica dependente deste Concello.

3.2.5.-As notificacións, recursos, escrituras públicas e, en xeral, todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome do Concello de Melide.

3.3.-Tódolos modelos de documentación utilizados da Administración municipal de Melide serán elaborados en galego e, verbo disto, nos plans e procesos de informatización e racionalización administrativa deberán ter presente o establecido neste artigo.

3.4.-Os rótulos indicativos de oficinas e despachos, as cabeceiras de toda clase de impresos, os selos de goma, os mataselos e outros elementos semellantes deberán de estar escritos en galego.

Artigo 4.º .

4.1.-Os documentos públicos ou contractuais subscritos polo Concello serán redactados en galego. Se a outra parte contratante o solicita ou o negocio deba producir efecto fóra de Galicia, tamén será redactado en castelán. No caso de que o Concello de Melide concorra xunto con outros outorgantes, o documento redactarase na lingua que se acorde e, se acaso, o Concello solicitará unha copia en galego para incorporala ó expediente, na que se faga constar que é traducción do seu orixinal.

4.2.-Os estudios, proxectos e traballos análogos que o Concello encargue a terceiros irán en galego, agás que a súa finalidade esixa a redacción noutra lingua. Este requisito será explicitamente recollido nas convocatorias ou solicitudes de tales traballos.

4.3.-O Concello propoñerá e animará , en virtude do espírito desta ordenanza, ós contratistas e provedores a que redacten a documentación en galego e demandaralles que, na máxima medida posible, fagan o uso do galego nos bens e nos servicios que sexan obxecto de contrato, e así se fará constar nos correspondentes pregos de condicións.

CAPÍTULO CUARTO: DAS RELACIÓNS COAS E COS ADMINISTRADOS


Artigo 5.º .

5.1.-Todos os expedientes administrativos do Concello de Melide serán tramitados en lingua galega.

5.2.-Cando o interesado o solicite formalmente, entregaraselle os documentos que lle afecten en castelán, sen que interrompa, en ningún caso, a tramitación do expediente en galego.

5.3.-As comunicacións e notificacións dirixidas a persoas físicas e xurídicas residentes no ámbito lingüístico de Galicia faranse en lingua galega, sen prexuízo do dereito dos cidadáns a recibilas, se o demandan formalmente, en castelán.

5.4.-Os expedientes a as comunicacións formais con destino a entidades de fóra de Galicia faranse:

5.4.1.-En galego se a institución receptora ten esta lingua recoñecida como lingua oficial de traballo.

5.4.2.-En versión bilingüe galego-castelán, cando o galego non sexa oficial, pero si o castelán, ou en castelán, coa indicación expresa neste caso de que o texto é traducción do orixinal galego. No primeiro caso, o documento contará cunha parte impresa, o corpo fixo será en versión bilingüe galego-castelán e a parte para cubrir en castelán.

5.3.-Os impresos ofreceranse en versión galega, sen prexuízo do dereito dos particulares a cubrilos en castelán. O Concello facilitará a traducción ó castelán daqueles impresos que así o soliciten.

Artigo 6.º .

Só se farán impresos bilingües cando algunha circunstancia especial así o requira, de se-lo caso, o galego figurará sempre de forma preferente.

Artigo 7.º .

Os documentos públicos e os contractuais outorgados polo Concello redactaranse sempre en galego. Se o Concello concorra xunto con outros outorgantes, o documento redactarase tamén na lingua que se acorde, e, se acaso, o Concello solicitará unha copia auténtica en galego para incorporala no expediente.

CAPÍTULO QUINTO: DAS RELACIÓNS INSTITUCIONAIS


Artigo 8.º .

8.1.-A documentación que o Concello dirixa a calquera das administracións públicas sitas no territorio galego redactarase en lingua galega.

8.2.-As comunicacións do Concello dirixidas á Administración civil ou militar do Estado e á xustiza dentro do ámbito lingüístico galego redactaranse en lingua galega.

Artigo 9.º .

As copias dos documentos do Concello redactadas en galego que deben de enviarse ás administracións públicas de fóra do ámbito lingüístico galego tramitaranse en galego, achegando -de cumprir- a traducción á lingua propia ou oficial da administración respectiva, ou en castelán, coa indicación de que o texto é traducción do orixinal galego.

Artigo 10.º .

Respecto os documentos dirixidos directamente ós organismos centrais de ámbito estatal ou supraestatal, o Concello aterase o que recollen as disposicións vixentes, redactándoos sempre que sexa posible en galego.

CAPÍTULO SEXTO: DOS AVISOS, PUBLICACIÓNS E ACTIVIDADES


Artigo 11.º .

Os anuncios oficiais da Corporación que se publiquen no Boletín Oficial da Provincia, Diario Oficial de Galicia, ou calquera outro medio de comunicación radicado no territorio de Galicia, serán redactados en galego. Fóra do ámbito galego a publicación será bilingüe.

Artigo 12.º .

12.1.-Os libros, as revistas e, en xeral, todos os carteis e publicacións que edite o Concello de Melide, como tamén as mensaxes que se emitan a través dos medios de comunicación, faranse en galego, agás aqueles destinados especificamente á promoción exterior, que se poderán facer na lingua dos destinatarios.

12.2.-Fora do ámbito lingüístico galego a publicidade farase sempre en versión dobre: galego e a lingua propia do territorio onde se dirixe ou en castelán.

Artigo 13.º .

Tódolos textos que han de ser publicados enviaranse ó Servicio de Normalización Lingüística para a súa corrección.

CAPÍTULO SÉTIMO: DOS REXISTROS


Artigo 14.º .

Sen prexuízos do que para os rexistros públicos establece o artigo 9 da Lei 3/1983, nos rexistros administrativos das oficinas do Concello de Melide os asentos sempre en galego, independentemente na lingua en que estean escritos.

CAPÍTULO OITAVO: ATENCIÓN Ó PÚBLICO


Artigo 15.º .

Os servicios das unidades administrativas que teñan unha relación co público máis intensa promocionarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación e información ós cidadáns dos seus dereitos lingüísticos, de acordo cos criterios de máximo respecto e non discriminación.

O disposto neste artigo tamén é de aplicación ás empresas ou entidades que presten servicios públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto.

CAPÍTULO NOVENO: TOPÓNIMOS, SINALIZACIÓNS E RÓTULOS


Artigo 16.º .

Segundo co dispón o artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do termo municipal do Concello de Melide é a galega.

Artigo 17.º .

17.1.-Os rótulos, sinalizacións da Casa do Concello, dos outros edificios e servicios públicos e da rede viaria municipal estará en galego.

17.2.-Tódolos vehículos do parque móbil municipal e bombeiros levarán a súa rotulación en galego. Isto mesmo será de aplicación ó parque móbil daquelas empresas adxudicatarias ou concesionarias, e así se establecerá nos correspondentes pregos de condicións

17.3.-O establecido no artigo anterior tamén será de aplicación a todo o vestiario municipal

Artigo 18.º .

O Concello de Melide velará pola normalización de toda a súa sinalización e rotulación. Tomará as garantías necesarias para garanti-lo uso da toponimia oficial galega.

CAPÍTULO DÉCIMO: DA SELECCIÓN, PROVISIÓN E RECICLAXE DO PERSOAL


Artigo 19.º .

A declaración de oficialidade do idioma galego esixe que todo o persoal ó servicio da Corporación estea en condicións de empregalo, en igualdade co castelán e de acordo coa natureza do seu obxectivo.

Artigo 20.º .

Nas convocatorias para o acceso a prazas de persoal do Concello, xa sexa funcionario, laboral ou de calquera outro xeito, deberá de figurar como condición obrigatoria que todos os aspirantes acrediten o coñecemento da lingua galega conforme á función que vaian desempeñar.

Artigo 21.º .

21.1.-Na provisión dos postos de traballo, os candidatos deberán estar capacitados e posuír un grao de coñecemento da lingua galega, que os faga aptos para desenvolve-las súas funcións.

21.2.-O persoal do Concello que actualmente non estea capacitado para o uso do galego, de acordo co disposto nesta ordenanza, deberá adquirir tal coñecemento. Para estes efectos o Servicio de Normalización Lingüística desenvolverá un programa de formación lingüística, que será deseñado e desenvolvido desde o devandito servicio, segundo as difucultades detectadas.

21.3.-O persoal do Servicio de Normalización Lingüística con titulación suficiente formará parte dos tribunais cualificadores para face-la valoración do coñecemento do idioma galego na selección de persoal e na provisión dos postos de traballo e colaborará así mesmo na confección e corrección das correspondentes probas.

21.4.-O Concello de Melide, a través do seu Servicio de Normalización Lingüística e en colaboración con outras administracións ou entidades públicas, organizará cursos específicos para todos os funcionarios que non teñan os coñecementos necesarios para exerce-las súas funcións e así melloren o seu nivel de linguaxe administrativa, tanto desde o punto de vista lingüístico como estilístico.

CAPÍTULO DÉCIMO PRIMEIRO: DO IMPULSO INSTITUCIONAL


Artigo 22.º .

22.1.-De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, o Concello de Melide fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outra dentro do ámbito municipal.

22.2.-Das tarefas que se realicen para impulsar institucionalmente o proceso normalizador no Concello de Melide ocuparase o Servicio de Normalización Lingüística, que asesorará á Corporación municipal neste materia.

22.3.-Así mesmo todos os organismos do Concello de Melide impulsarán a normalización lingüística no seu ámbito de actuación, co soporte técnico do Servicio de Normalización Lingüística.

22.4.-O Concello de Melide poderá outorgar reduccións ou bonificacións de obrigas fiscais e/ou subvencións, para as actuacións relacionadas coa normalización lingüística, conforme ó establecido no artigo 25 da citada Lei 3/1983, do 15 de xuño.

CAPÍTULO DÉCIMO SEGUNDO: DO CUMPRIMENTO E SEGUIMENTO DA ORDENANZA


Artigo 23.º .

23.1.-Corresponde á Comisión Informativa de Cultura, na que se integrará para estes efectos o técnico responsable do Servicio de Normalización Lingüística, garanti-lo cumprimento desta ordenanza.

23.2.-Esta comisión de seguimento reunirase alomenos unha vez ó ano, para analiza-lo cumprimento e desenvolvemento desta ordenanza, e extraordinariamente cando a convoque o alcalde por iniciativa propia ou a petición dalgún dos seus membros.

23.3.-A actuación, ampliación ou revisión da ordenanza tamén depende desta comisión, a que fará o estudio e a proposta correspondente ó Pleno do Concello, para que , se procedese, se aprobase a modificación.