Porto do Son - NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
CAPÍTULO I DO MARCO XURÍDICO E USO OFICIAL DO IDIOMA GALEGO ARTIGO I
1.1. O Concello de Porto do Son recoñece e garante o uso normal e oficial do galego e o castelán, como linguas oficiais de Galicia, tal como se establecece na Constitución española, no Estatuto de autonomía de Galicia e na Lei de normalización lingüística para todos os planos da vida pública, cultural e informativa no ámbito do seu territorio.
1.2 O Concello de Porto do Son, como administración local pública de Galicia, en cumprimento do mandato de normalización da lingua propia de Galicia e da Lei de administración local de Galicia, asegura e fomenta o uso do galego e corrixe a situación de desigualdade histórica respecto do castelán.
1.3 O galego, como a lingua propia de Galicia, é tamén a lingua propia do Concello de Porto do Son. Na súa consecuencia, é o idioma oficial normal e prioritario de uso do Concello de Porto do Son. Para lograr a concreción deste uso normal, o efectivo coñecemento e a máis ampla difusión da nosa lingua dentro do seu ámbito territorial planificará a súa actividade tendo en conta este mandato.
1.4 A determinación deste réxime lingüístico na Administración municipal implica a concreción de deberes para as persoas con especial vinculación co Concello: cargos, funcionarios e persoal contratado, fixo e/ou eventual.
1.4.1 As autoridades e cargos (alcalde e concelleiros) teñen unha dobre natureza que implica a necesidade de matización na concreción dos seus deberes lingüísticos con respecto a esta ordenanza: como cargos de natureza política, non inseridos na estrutura administrativa municipal están exentos deste deber de cumprimento da ordenanza municipal pero, en tanto que actúen como órganos de superiores da estrutura administrativa que dirixen, deberán aterse a esta e apoiaranse nos servizos técnicos correspondentes cando sexa necesario.
1.4.2 Os funcionarios de habilitación nacional (secretario, interventor e tesoureiro) ateranse en todo ao disposto nesta ordenanza e, en relación coa capacitación, formación e acreditación dun grao suficiente de coñecemento de galego cinguiranse ao establecido na Lei de administración local de Galicia vixente.
1.4.3 Para os demais funcionarios de carreira e traballadores por conta municipal aplicarase o disposto na Lei de normalización lingüística.
1.4.4 Todos os funcionarios e/ou traballadores, fixos e/ou eventuais municipais terán dereito a recibir a formación adecuada ao posto para o uso correcto do idioma galego. Tamén, en segundo lugar, terán prioridade no acceso ás acción formativas que o Concello dispoña as persoas vinculadas cos poderes públicos e os que se relacionen cos cidadáns como consumidores e usuarios.
1.5 En todos os casos, a alegación de descoñecemento da lingua deberá facerse razoada e verazmente de modo que non caberá alegar tal descoñecemento se quen o fai ten acreditado falar ou entender o galego.
1.5.1. Ningún servizo, departamento ou área poderá carecer de persoal capacitado no suficiente coñecemento da lingua galega, ponderado para cada caso pola RPT e o Servizo de Normalización Lingüística para cumprir con esta ordenanza.
1.5.2 A alegación razoada de descoñecemento da lingua eximirá de responsabilidade sobre o incumprimento desta ordenanza.
1.5.3. Os arrendatarios ou prestadores de servizos públicos municipais que accedan a estas prestacións tras a correspondente oferta pública, non poderán alegar descoñecemento da lingua galega tras a sinatura do contrato correspondente, que será en galego.
1.6. As actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal terán plena validez e eficacia.
1.7. A cidadanía terá dereito a ser atendida e obter copia ou recibir notificacións da documentación municipal no idioma oficial que elixa.
O Concello disporá dos servizos lingüísticos adecuados para corresponder a este dereito. E porá a disposición dos funcionarios e/ou traballadores os medios que os capaciten para salvagardar os dereitos dos cidadáns a este respecto.
CAPÍTULO II ÁMBITO DE APLICACIÓN ARTIGO II
2.1. Para garantir e promover os usos da lingua galega por parte do Concello de Porto do Son e dos organismos que del dependan -padroados, organismos autónomos, sociedades anónimas municipais, medios de comunicación, escolas, etc.- deberase rexer polos criterios establecidos nesta ordenanza.
2.2 Este principio xeral de normalización da lingua galega na actividade pública do Concello inclúe, en primeiro lugar e en consonancia coa xurisprudencia do Tribunal Constitucional, a todas as persoas e organismos que exercen funcións públicas, directamente ou por delegación, concesión ou calquera outro título, en segundo lugar, a todas as persoas particulares con vinculación cos poderes públicos; e, en terceiro lugar, os particulares que pola súa actividade deban velar pola defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios nos seus aspectos lingüísticos.
2.3. As empresas adxudicatarias ou concesionarias que actúan por conta deste Concello, así como as de explotación mixta, farán o propio, e deberase facer constar explicitamente nos documentos correspondentes.
2.4. O Concello de Porto do Son velará para que no ámbito interno e nas actividades en que participe -convenios, consorcios- se apliquen os principios anteriores aquí establecidos co fin de garantir os intereses xerais. En ningún caso e sexa cal for a forma ou a técnica que o Concello utilice para se organizar e prestar servizos, por si só ou en asociación con outros, se libera da responsabilidade de velar por e cumprir esta ordenanza e a demais normativa relativa aos deberes lingüísticos como administración pública.
2.4. O Concello de Porto do Son mantén un Servizo de Normalización Lingüística (SNL) co obxectivo de xestionar e aplicar a política lingüística do Concello e pular pola normalización do Concello. Todos os organismos anteriormente citados han de se axustar aos criterios de corrección e uso lingüístico que difunda oficialmente o Servizo de Normalización Lingüística. O SNL gozará de iniciativa propia para establecercer e controlar a política técnica de normalización municipal, realizar informes oficiais no seu ámbito de traballo, propostas de actualización, corrección e mellora na xestión e control da ordenanza.
CAPÍTULO III DAS RESOLUCIÓNS E DA DOCUMENTACIÓN ADMINISTRATIVA ARTIGO III
3.1. As actuacións internas do Concello faranse, prioritariamente e como mínimo, en galego.
3.2. Redactaranse, como mínimo, en galego:
a) As convocatorias das sesións de todos os órganos colexiados da Corporación e nomeadamente as do Pleno, Comisión de Goberno, comisións informativas, consellos sectoriais, entidades con personalidade xurídica dependentes deste Concello e tribunais de oposicións e concursos.
b) As actas das sesións dos ditos órganos municipais.
c) As resolucións do alcalde, dos concelleiros delegados e o seu Libro de rexistro.
3.3. A Alcaldía e os rexedores, e tamén as diversas dependencias administrativas ou servizos, redactarán en lingua galega os ditames, informes e propostas que teñan que someterse á decisión ou coñecemento de calquera órgano corporativo municipal.
3.4. Todos os impresos utilizados polos diferentes órganos do Concello de Porto do Son redactaranse en galego; sempre e cando non afecten a outras Administracións do Estado.
Os impresos e documentos normalizados ofrecidos ao cidadán deberán conter un medio para que o cidadán faga constar cal é a opción lingüística elixida. No caso de que o cidadán non a cubra nin manifeste nada neste sentido, o Concello aterase ao principio de preferencia pola lingua galega.
3.5. Os rótulos indicativos de oficinas e despachos así como as notas e avisos públicos -sexan fixos ou temporais- as cabeceiras de toda clase de impresos, os selos de goma e outros elementos análogos han estar escritos en galego.
3.6. As aplicacións e programas informáticos han estar adaptados para o funcionamento en lingua galega ou, como mínimo, permitirán que a documentación pública escrita ou gravada que resulte da súa utilización estea en galego. Neste sentido, cando se trate de adquisición de programas, sistemas, soportes, utilidades e instrumentos de tecnoloxía informática, terá preferencia aquel que mellor cumpra con este requisito; en igualdade de condicións técnicas.
ARTIGO IV
4.1. Cando o Concello encargue estudos a terceiros, proxectos e traballos análogos, cando sexan persoas físicas ou xurídicas con domicilio en Galicia, halles demandar que sexan realizados, cando menos, en galego.
4.2. O Concello requiriralles aos seus contratistas e provedores, cando sexan persoas físicas ou xurídicas con domicilio en Galicia, a presentación da documentación, cando menos en galego e que, na máxima medida posíbel, fagan uso do galego nos bens e nos servizos que sexan obxecto do contrato En calquera caso o Concello é responsábel de garantir, perante os cidadáns e cidadás o dereito ao uso normal da lingua galega e protexer o dereito de uso da lingua da súa elección. Estes requisitos han de constar no prego de condicións dos contratos administrativos que aprobe o Concello.
CAPÍTULO IV DAS RELACIÓNS COAS E COS ADMINISTRADOS ARTIGO V
5.1. Todos os expedientes administrativos do Concello de Porto do Son tramitaranse, como mínimo, en lingua galega; e sempre e cando non afecten a outras Administracións do Estado.
5.2. Sempre que calquera interesado o solicite formalmente, entregaránselle os documentos que lle afecten ou solicite (sempre e cando teña dereito á obtención de ditos documentos, de acordo coa normativa reguladora da materia) na lingua oficial que demandase. En calquera caso non se interromperá a tramitación en galego.
5.3. As comunicacións e notificacións dirixidas a persoas físicas ou xurídicas residentes no ámbito lingüístico de Galicia faranse en lingua galega, sen prexuízo do dereito dos cidadáns a recibilas, se así o demandan formalmente, en castelán.
5.4. Os expedientes dos que o Concello sexa Administración pública instrutora e que deban ter algún ou todos os efectos fóra dos territorios nos que a lingua galega sexa idioma oficial ou nos que non se recoñeza o dereito ao seu uso, faranse de oficio na lingua oficial que corresponda, para evitar desvalorizar o uso oficial e duplicar inutilmente o traballo administrativo.
ARTIGO VI
Os impresos ofreceranse en versión galega, sen prexuízo do dereito dos particulares a cubrilos en castelán. O Concello facilitará a tradución ao castelán daqueles impresos propios da Administración que así se soliciten. O Concello non terá a obriga de dispoñer de modelos de documentos do cidadán noutra lingua que a galega.
ARTIGO VII
ARTIGO VIII
8.1 Consonte recomenda o Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento galego, nas comunicacións administrativas orais, o persoal do Concello tanto nas que inicie como nas que reciba, ofrecera o saúdo en lingua galega e seguirá a comunicación no noso idioma, a non ser que o/a administrado/a demande expresamente ser atendido/a en castelán.
8.2 Para que o Concello de Porto do Son poida cumprir co seu deber, en tanto que Administración pública, de corresponder cos dereitos lingüísticos dos cidadáns, os funcionarios e traballadores do Concello de Porto do Son deberán coñecer ambas linguas oficiais. O nivel de coñecemento será ponderado co perfil lingüístico do posto que ocupa, que será concretado no correspondente documento ad hoc (RPT do persoal) do Concello; para o persoal externo que xestione servizos públicos, o Servizo de Normalización Lingüística deseñará e proporalle ao Pleno a correspondente analoxía.
8.3 Os establecementos abertos ao público, que non son meros suxeitos privados como demostra a regulación da súa actividade en múltiples aspectos do seu funcionamento, deberán asegurar a non discriminación da lingua galega nas súas actividades e garantir os dereitos lingüísticos dos cidadáns nas relacións económicas privadas que establezan con eles.
ARTIGO IX
Os documentos públicos e os contractuais outorgados polo Concello redactaranse sempre en galego. No caso en que o Concello concorra xunto con outros outorgantes, o documento redactarase tamén na lingua que se acorde e, se for o caso, o Concello solicitará unha copia auténtica en galego para incorporala no expediente.
CAPÍTULO V DAS RELACIÓNS INSTITUCIONAIS ARTIGO X
10.1. A documentación que o Concello dirixa a calquera das administracións públicas, entidades e empresas situadas no territorio galego redactarase en lingua galega.
10.2. As comunicacións do Concello dirixidas á Administración civil ou militar do Estado e á de Xustiza dentro do ámbito lingüístico galego redactaranse en lingua galega, independentemente do feito de que esta documentación ou os expedientes que con ela se relacionen teñan o seu efecto fóra deste ámbito.
Así mesmo, en todos os procedementos xudiciais nos que o Concello sexa parte demandará o uso da lingua galega como lingua de tramitación, e presentará no noso idioma todos os informes, escritos, e as comparecencias do persoal que sexan pertinentes no proceso serán en lingua galega. A representación legal do Concello seguirá a este respecto o principio xeral de uso preferente do galego.
ARTIGO XI
11.1. Os documentos do Concello dirixidos ás administracións públicas que vaian ter efectos exclusivamente de fóra do ámbito lingüístico galego tamén se redactarán na lingua oficial que conveña.
11.2. As copias dos documentos do Concello en galego que deban de enviarse a administracións públicas de fóra do ámbito lingüístico galego tramitaranse en galego e castelán, coa indicación neste último caso de que o texto é tradución do orixinal galego e achegarase, no caso de ser posíbel, a tradución, visada polo Servizo de Normalización Lingüística, na lingua propia ou oficial da administración respectiva
ARTIGO XII
Respecto dos documentos dirixidos directamente aos organismos centrais de ámbito estatal comunitario ou internacional, o Concello aterase ao que prevén as disposicións vixentes, redactándoos sempre que sexa posíbel en galego.
CAPÍTULO VI DOS AVISOS, PUBLICACIÓNS E ACTIVIDADES PÚBLICAS ARTIGO XIII
ARTIGO XIV
ARTIGO XV
15.1. Os libros, as revistas e, en xeral, todos os carteis e publicacións que edite o concello de Porto do Son, así como tamén as mensaxes que se emitan nos medios de comunicación, faranse en lingua galega, excepto aqueles destinados especificamente á promoción no exterior, que se poderán facer na lingua dos destinatarios.
15.2. A publicidade que se distribúa fóra do ámbito lingüístico galego farase sempre en versión dobre: galego e castelán ou galego e a lingua dos destinatarios.
ARTIGO XVI
CAPÍTULO VII DOS REXISTROS ARTIGO XVII
CAPÍTULO VIII ATENCIÓN AO PÚBLICO ARTIGO XVIII
18.1. Os servizos da oficina de información e demais unidades administrativas que teñan unha relación co público máis intensa promoverán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación e información aos cidadáns dos seus dereitos lingüísticos, de acordo cos criterios de máximo respecto e non discriminación.
18.2. As empresas ou entidades que presten servizos públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto deberán igualmente utilizar o galego como lingua normal de información e comunicación co público.
CAPÍTULO IX TOPÓNIMOS, SINALIZACIÓN E RÓTULOS ARTIGO XIX
19.1. De acordo co que establecece o artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do Concello de Porto do Son é a galega.
19.2. O uso da toponimia aterase ao disposto pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia.
19.3. O Concello de Porto do Son promoverá a recuperación, coñecemento e uso da toponimia do territorio municipal e preservará as formas tradicionais dos lugares, tanto da toponimia maior como da toponimia costeira, hidronimia e microtoponimia.
ARTIGO XX
Os rótulos, sinalización da Casa do Concello, dos outros edificios e servizos públicos e da rede viaria municipal dependentes do Concello ou instalados polas súas empresas adxudicatarias ou concesionarias ou calquera outra entidade, serán redactados en idioma galego, cinguíndose sempre á normativa oficial. Os textos dos rótulos e sinalización deberán, en todo caso, ser revisados lingüisticamente polo persoal do Servizo de Normalización Lingüística.
ARTIGO XXI
Todos os vehículos do parque móbil municipal, das empresas municipais e da policía local, levarán a súa rotulación en galego. Isto mesmo será de aplicación ao parque móbil das empresas adxudicatarias ou concesionarias de servizos municipais, e así se establecerá nos correspondentes pregos de condicións.
ARTIGO XXII
CAPÍTULO X DA SELECCIÓN, PROVISIÓN E RECICLAXE DO PERSOAL ARTIGO XXIII
A declaración de oficialidade do idioma galego esixe que todo o persoal ao servizo da corporación estea en condicións de empregalo en dous niveis, oral e escrito, en igualdade co castelán.
ARTIGO XXIV
24.1. Nas convocatorias para o acceso a prazas de persoal do Concello, xa sexa funcionario, laboral ou de calquera outro xeito, ha de figurar, como condición obrigatoria, que todos/as os/as aspirantes demostren o coñecemento oral e escrito da lingua galega conforme á función que vaian desempeñar.
24.2. Por proposta da Comisión de seguimento desta ordenanza, o Pleno do Concello establecerá nas bases das convocatorias o nivel de galego que deberán demostrar e acreditar os/as aspirantes.
ARTIGO XXV
25.1. Na provisión de postos de traballo, incluídos os cargos con habilitación nacional, os/as candidatos/as deberán posuír un grao de coñecemento da lingua galega, tanto oral coma escrito, que os/as faga aptos/as para desenvolver as súas funcións.
25.2. Por proposta da Comisión de seguimento desta ordenanza, o Pleno do Concello, á hora de definir os postos de traballo, establecerá os niveis e contidos do coñecemento oral e escrito da lingua galega para cada caso, e considerará o coñecemento expreso da lingua galega como requisito necesario ou mérito preferente de acordo coa avaliación que se estableza.
ARTIGO XXVI
ARTIGO XXVII
As persoas responsábeis dos diferentes órganos do Concello de Porto do Son, de acordo co Servizo de Normalización Lingüística, tomarán as medidas necesarias para que, nos órganos da súa competencia, o persoal que neles traballe teña os coñecementos precisos de galego co fin de garantir un desenvolvemento correcto, desde o punto de vista lingüístico, das tarefas internas ou dirixidas aos/ás administrados/as.
ARTIGO XXVIII
O Concello de Porto do Son, de acordo co Servizo de Normalización Lingüística, organizará cursos de lingua galega para todo o funcionariado que non teña os coñecementos necesarios para exercer as súas funcións e para mellorar o nivel de linguaxe administrativa ou doutras especialidades.
ARTIGO XXIX
Todo o funcionariado deberá adquirir o nivel de coñecemento de lingua galega establecido para o posto de traballo, de acordo cos criterios e termos que fixe a Comisión de seguimento da ordenanza. O persoal ao servizo da corporación que teña acreditado o coñecemento do idioma galego ou participase nos programas de formación ou perfeccionamento deberá utilizalo no seu traballo.
ARTIGO XXX
A formación profesional do persoal funcionario e laboral do Concello de Porto do Son farase en lingua galega, sempre que dependa do Concello a programación e organización. De non depender del, o Concello demandará que se faga en galego.
CAPÍTULO XI DO CUMPRIMENTO E SEGUIMENTO DA ORDENANZA ARTIGO XXXI
31.1. Para garantir o cumprimento desta ordenanza, crearase unha Comisión Interdepartamental de Seguimento integrada cando menos polo/a alcalde/alcaldesa, o/a secretario/a xeral, o/a xefe/a de persoal, a persoa responsábel do Servizo de Normalización Lingüística, un/unha representante de cada grupo político que forme parte da Corporación municipal, un/unha representante do comité de empresa e outro/a da xunta de persoal.
31.2. Esta Comisión de seguimento reunirase polo menos dúas veces ao ano para analizar o cumprimento e desenvolvemento desta ordenanza, e extraordinariamente cando a convoque o/a alcalde/alcaldesa por iniciativa propia ou por pedimento dalgún dos seus membros.
31.3. A actualización, ampliación ou revisión da ordenanza corresponderá tamén á Comisión de seguimento, que fará o estudo e levará a proposta correspondente ao Pleno do Concello para que, se procede, se aprobe a modificación.
ARTIGO XXXII
Tamén é competencia da Comisión de seguimento adoptar, chegado o caso, as medidas que se consideren oportunas para o cumprimento desta ordenanza.
CAPÍTULO XII DO IMPULSO INSTITUCIONAL ARTIGO XXXIII
33.1. De acordo co establecido no art. 25 da Lei de normalización lingüística do galego, o Concello de Porto do Son fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outra dentro do ámbito municipal.
33.2. O Servizo de Normalización Lingüística ocuparase das tarefas que se realicen institucionalmente para impulsar o uso do galego, de acordo cos criterios que establece a comisión de seguimento desta ordenanza.
33.3. Todos os organismos do Concello de Porto do Son pularán pola normalización lingüística no seu ámbito de actuación co asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística e de acordo cos criterios que establece a Comisión de seguimento desta ordenanza.
33.4. O Concello de Porto do Son poderá outorgar redución ou exencións de obrigas fiscais para as actuacións relacionadas coa normalización lingüística, conforme co artigo 25 da Lei de normalización lingüística.
CAPÍTULO XIII SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA ARTIGO XXXIV
O Servizo Municipal de Normalización Lingüística deberá ocupar unha posición no organigrama de funcionamento do Concello que permita que a actividade de normalización lingüística do Concello se estenda homoxeneamente a todos os departamentos e servizos municipais.
O SNL aplicará a política lingüística que defina o Pleno da Corporación ou a Comisión delegada á que se lle atribúa esta competencia.
O SNL contará cos medios necesarios para o cumprimento dos seus fins proporcionados polo Concello ou a través de convenios e actividades de colaboración institucionais e sociais.
O SNL contará coa necesaria colaboración dos demais departamentos do Concello para o cumprimento destes fins.
O Servizo Municipal de Normalización Lingüística deberán contar, cando menos, cun responsábel técnico titulado en lingua galega: licenciado en filoloxía galego-portuguesa, en filoloxía galega ou en filoloxía hispánica (sección galego-portugués).
ARTIGO XXXV Obxectivos
Asegurar que na Administración local o galego sexa a lingua habitual nas relacións internas, nas relacións entre as administracións e nas relacións cos cidadáns, respectando o dereito individual a ser atendido na outra lingua oficial.
Incrementar o uso da lingua galega na Administración local nas súas relacións internas e garantir a atención aos cidadáns en galego.
Asistir tecnicamente aos distintos departamentos municipais para que os actos xurídicos documentados e as relacións xurídicas e notariais se fagan correctamente en galego.
Consolidar o papel normalizador da corporación por medio da xeneralización do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos administrados.
Incluír a promoción do galego, no concepto de servizo que o concello lle ofrece ao cidadán, tanto directamente como a través de empresas subcontratadas.
Ordenar e servir os medios para que todo traballador ao servizo directo ou indirecto da Administración local teña unha actitude favorábel ao emprego da lingua propia de Galicia, coñecemento oral e escrito suficiente para atender nesa lingua o cidadán que o desexe e que teña tamén práctica habitual da oferta positiva ou inicial do uso do galego.
ARTIGO XXXVI
Funcións:
Serán, como marco orientador da súa actividade permanente as seguintes:
A) Internas:
a) Dispor dunha análise completa, detallada e periódica da situación lingüística na administración municipal
b) Proporcionarlle a todo o persoal municipal os apoios necesarios para o uso do galego.
c) Conseguir a plena galeguización do funcionamento da administración municipal. Evitar o desequilibrio no uso do galego entre os departamentos culturais e os técnicos da Administración local.
d) Velar porque sexa aplicada a Lei de normalización lingüística de Galicia, no ámbito de actuación da entidade local correspondente, así como a Lei do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais e a ordenanza de normalización do Concello.
e) Controlar a calidade lingüística e a homoxeneización da linguaxe e os modelos documentais empregados cos criterios estándares da linguaxe xurídico-administrativa galega.
f) Establecer normas xerais e uniformes sobre capacidade lingüística esixíbel nos procesos de selección de persoal e no desempeño da función pública municipal.
g) Programar o proceso de formación lingüística dos funcionarios que teña como obxectivo mellorar as actitudes, a fluidez expresiva e mais o coñecemento do vocabulario técnico específico.
B) Externas:
a) Dispor das bases necesarias para realizar unha planificación coherente da política lingüística externa.
b) Ofrecerlle ao público asesoramento lingüístico para a corrección de textos galegos e para a súa tradución, se fose posíbel.
c) Impulsar a normalización do galego nos diferentes ámbitos da vida pública
d) Provocar avances significativos na galeguización das empresas privadas asentadas no Concello, especialmente nos sectores clave dende o punto de vista económico e sociocultural.
e) Colaborar coas iniciativas galeguizadoras das entidades cidadás.
f) Incidir especialmente no uso social da lingua entre a poboación infantil e xuvenil a través de propostas que completen a acción dende a educación regrada.
g) Procurar a colaboración permanente entre as administracións autonómica e municipal en todas as iniciativas que vaian xurdindo no ámbito da normalización lingüística.
h) Velar porque en todos os traballos topográficos e cartográficos que faga ou encargue a administración leven incorporada a recollida da microtoponimia, consonte o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia e que o material toponímico recollido deberá ser remitido ao SITGA, para a súa organización.
i) Controlar que todos os contratos e axudas públicas, de calquera tipo, produzan un aumento efectivo da presenza do galego na entidade receptora e avaliar o cumprimento.
Porto do Son, xullo de 2006