Pontes de García Rodríguez As - NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
CAPÍTULO PRIMEIRO. Do uso oficial do idioma galego.
Artigo I.
1.1.- (Sen contido.)
1.2.- (Sen contido.)
1.3.- Os cidadáns e as cidadás teñen dereito a ser atendidos/as e obter copia ou recibir notificación da documentación municipal no idioma oficial da súa elección.
CAPÍTULO SEGUNDO. Ámbito de aplicación.
Artigo II.
2.1.- O uso da lingua galega por parte do Concello das Pontes de García Rodríguez e dos organismos que del dependan -padroados, organismos autónomos, sociedades anónimas municipais, etc-, hase rexer polos criterios de uso lingüístico establecidos nesta ordenanza.
2.2.- As empresas adxudicatarias ou concesionarias que actúan por conta deste Concello, así como as de explotación mixta farán o propio, e ha facerse constar explicitamente nos documentos correspondentes.
2.3.- O Concello das Pontes de García Rodríguez velará para que a nivel interno e nas actividades nas que participe -convenios, consorcios-, sexan aplicados os principios aquí establecidos.
2.4.- O Concello das Pontes de García Rodríguez mantén un servicio de normalización lingüística co obxectivo de dar pulo á normalización do galego. Todos os organismos anteriormente citados han de se axustar ós criterios de uso lingüístico que difunde o servicio de normalización lingüística.
CAPÍTULO TERCEIRO. Do uso do galego na organización municipal.
Artigo III.
3.1.- As actuacións internas do Concello faranse en galego.
3.2.- As actas das sesións que realice o Concello pleno, a comisión de goberno e as comisións informativas redactaranse en lingua galega. Igualmente redactaranse en galego as actas dos diversos padroados, consellos e entidades con personalidade xurídica dependentes deste Concello.
3.3.- A Alcaldía e os rexedores, e tamén as diversas dependencias administrativas ou servicios, redactarán en lingua galega os dictames, informes e propostas que teñan que someterse á decisión ou coñecemento de calquera órgano corporativo municipal.
3.4.- Todos os impresos utilizados polos diferentes órganos do Concello das Pontes, redactaranse en galego.
3.5.- Os rótulos indicativos de oficinas e despachos, as cabeceiras de toda clase de impresos, os selos de goma, os mataselos e outros elementos análogos han estar escritos en galego.
3.6.- As aplicacións e programas informáticos han estar adaptados para o funcionamento en lingua galega.
3.7.- Todos os documentos devanditos serán revisados obrigatoriamente polo Servicio de normalización lingüística.
Artigo IV
4.1.- Cando o Concello encargue estudios a terceiros, proxectos e traballos análogos, cando sexan perosoas físicas ou xurídicas con domcilio en Galicia, ha demandar que sexan realizados en galego.
4.2.- (Sen contido.)
CAPÍTULO CUARTO. Das relacións coas e cos administrados.
Artigo V.
5.1.- Todos os expedientes administrativos do Concello das Pontes tramitaranse en lingua galega.
5.2.- Sempre que calquera interesado o solicite formalmente entregaránselle os documentos que lle afecten ou interesen na lingua oficial que demandase. En calquera caso non se interromperá a tramitación en galego.
5.3.- As comunicacións e notificacións dirixidas a persoas físicas ou xurídicas residentes no ámbito lingüístico de Galicia faranse en lingua galega, sen prexuízo do dereito dos cidadáns e cidadás a recibilas, se o demandan formalmente, en castelán.
5.4.- Os expedientes que deban ter algún ou todos os efectos fóra do territorio no que a lingua galega é o idioma oficial, faranse tamén en galego e castelán, coa indicación neste último caso de que o texto é traducción do orixinal galego, e achegando, no caso de ser posible, a traducción na lingua propia ou oficial da administración respectiva.
Artigo VI.
Os impresos ofreceranse en versión galega, sen prexuízo do dereito dos particulares a cubrilos en castelán. O Concello facilitará a traducción ó castelán daqueles impresos que así se soliciten.
Artigo VII.
Só se farán impresos bilingües cando algunha circunstancia especial así o requira, de acordo coas orientacións que estableza a comisión á que se refire o artigo 30 por proposta do Servicio de normalización lingüísitica. O texto galego figurará sempre de forma preferente.
Artigo VIII.
Nas súas comunicacións administrativas orais, o persoal do Concello empregará a lingua galega, a non ser que o administrado/a demande expresamente ser atendido/a en castelán.
Artigo IX.
Os documentos públicos e contractuais outorgados polo Concello redactaranse sempre en galego. No caso de que o Concello concorra xunto con outros outorgantes, o documento redactarase na lingua que se acorde, e, se acaso, o Concello solicitará unha copia auténtica en galego para incorporala ó expediente.
CAPÍTULO QUINTO. Das relacións institucionais.
Artigo X.
10.1.- A documentación que o Concello dirixa a calquera das administracións públicas sitas no territorio galego redactaranse en lingua galega.
10.2.- (Sen contido.)
Artigo XI.
11.1.- Os documentos e as copias dos documentos do Concello dirixidos ás Administracións públicas de fóra do ámbito lingüístico galego tamén se redactarán en galego, e se cómpre, expedirase unha copia na lingua propia do territorio onde vaia dirixida a documentación, ou en castelán.
Artigo XII.
Respecto ós documentos dirixidos directamente ós organismos centrais de ámbito estatal ou supraestatal, o Concello aterase ó que preveñen as disposicións vixentes, redactándoos sempre que sexa posible en galego.
CAPÍTULO SEXTO. Dos avisos, publicacións e actividades públicas
Artigo XIII.
Os anuncios oficiais da corporación que se publiquen no Boletín Oficial da Provincia, Diario Oficial de Galicia, ou en calquera outro medio de comunicación radiado no territorio da nosa comunidade autónoma serán redactados en galego. Fóra do ámbito lingüístico galego, a publicación será dobre.
Artigo XIV.
Os cargos do Concello expresaranse normalmente en galego nos actos públicos celebrados en Galicia sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo.
Artigo XV.
15.1.- Os libros, as revistas e, en xeral, todos os carteis e publicacións que edite o Concello das Pontes, como tamén as mensaxes que se emitan a través dos medios de comunicación, e equipos de megafonía en lugares dependentes do Concello, faranse en galego, agás aqueles destinados especificamente á promoción exterior, que se poderán facer na lingua dos destinatarios.
15.2.- Fóra do ámbito lingüístico galego a publicidade farase sempre en versión dobre: galego e a lingua propia do territorio onde se dirixa.
15.3.- A publicidade que se coloque en recintos propiedade do Concello deberá ser en galego.
Artigo XVI.
Todos os textos que han de ser publicados enviaranse ó Servicio de normalizació lingüística para a súa corrección.
CAPÍTULO SÉTIMO. Dos rexistros.
Artigo XVII.
Sen prexuízo do que para os rexistros públicos establece o artigo 9 da Lei 3/1983, nos rexistros administrativos das oficinas do Concello das Pontes os asentos faranse sempre en galego, independentemente da lingua na que estean escritos.
CAPÍTULO OITAVO. Atención ó público.
Artigo XVIII.
Os servicios da oficina de información e demais unidades administrativas que teñan unha relación co público máis intensa promocionarán o uso do idioma galego, mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación e información ós cidadáns e cidadás dos seus dereitos lingüísticos, de acordo cos criterios de máximo respecto e non discriminación.
O disposto no seguinte artigo tamén é de aplicación ás empresas ou entidades que presten servicios públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto.
CAPÍTULO NOVENO. Topónimos, sinalización e rótulos.
Artigo XIX.
Consonte ó disposto no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do Concello das Pontes de García Rodríguez é a galega.
Artigo XX.
Os rótulos, sinalizacións da Casa do Concello, dos outros edificios e servicios públicos e da rede viaria municipal, dependente do Concello ou instalada polas súas empresas adxudicatarias ou concesionarias ou calquera outra entidade, serán redactadas en idioma galego.
Cando o interese xeral o requira tamén poderán redactarse nos idiomas que se estime convenientes a cada caso.
Artigo XXI.
O Concello das Pontes de García Rodríguez velará pola normalización de toda a súa sinalización e rotulación; tomará as medidas necesarias para garantir o uso da toponimia oficial galega.
CAPÍTULO DÉCIMO. Da selección, provisión e reciclaxe do persoal
Artigo XXII.
A declaración de oficialidade do idioma galego esixe que todo o persoal ó servicio da corporación estea en condicións de empregalo nos dous niveis, oral e escrito e de acordo coa natureza do seu obxectivo establécese o seguinte:
Artigo XXIII.
23.1.- Nas convocatorias para o acceso a prazas de persoal do Concello, xa sexa funcionario, laboral ou de calquera outro xeito, ha de figurar, como condición obrigatoria que todos os aspirantes acrediten o coñecemento da lingua galega conforme á función desempeñada.
23.2.- Por proposta da Comisión de seguimento desta ordenanza o Pleno do Concello establecerá nas bases das convocatorias o nivel de galego que acreditarán os aspirantes.
Artigo XXIV.
24.1.- Na provisión dos postos de traballo, incluídos os cargos con habilitación nacional, os candidatos han de ser capacitados e posuír un grao de coñecemento oral e escrito da lingua galega para cada caso, e ha de considerar o coñecemento expreso da lingua galega como requisito indispensable ou mérito preferente de acordo coa avaliación que se estableza.
Artigo XXV.
(Sen contido.)
Artigo XXVI.
Os responsables dos diferentes órganos do Concello das Pontes de García Rodríguez de acordo co Servicio de normalización lingüística tomarán as medidas necesarias para que, nos órganos da súa competencia, o persoal que neles traballe teña os coñecementos precisos de galego a fin de garantir un desenvolvemento correcto, desde o punto de vista lingüístico das tarefas internas ou dirixidas ós administrados/as.
Artigo XXVII.
O Concello das Pontes de García Rodríguez, de acordo co Servicio de normalización lingüística organizará cursos de lingua galega para todo o funcionariado que non teña os coñecementos necesarios para exercer as súas funcións e para mellorar o nivel de linguaxe administrativa ou doutras especialidades.
Artigo XXVIII.
Será obrigatorio para todo o funcionariado adquirir o nivel de coñecemento establecido nas bases, de acordo cos criterios e termos que fixe a Comisión de seguimento desta ordenanza. O persoal ó servicio da corporación que teña acreditado o coñecemento do idioma galego ou participase nos programas de formación ou perfeccionamento deberá utilizalo no seu traballo.
Artigo XXIX.
A formación profesional do persoal funcionario e laboral do Concello das Pontes farase en lingua galega, sempre que dependa do Concello a programación e organización. De non depender del, o Concello demandará que se faga en galego.
CAPÍTULO UNDÉCIMO. Do cumprimento e seguimento desta ordenanza.
Artigo XXX.
30.1.- Para garantir o cumprimento desta ordenanza, crearase unha comisión interpartamental de seguimento integrado cando menos polo alcalde, o secretario xeral, o xefe de persoal, a persoa responsable do Servicio de normalización lingüística, un concelleiro ou concelleira designado/a por cada grupo municipal, un representante do comité de empresa e outro da xunta de persoal.
30.2.- Esta comisión de seguimento reunirase polo menos dúas veces ó ano, para analizar o cumprimento e desenvolvemento desta ordenanza, e extraordinariamente cando a convoque o alcalde por iniciativa propia ou a petición dalgún dos seus membros.
30.3.- A actualización, ampliación ou revisión da ordenanza tamén depende desta comisión, a cal fará o estudio e por proposta correspondente ó Pleno do Concello, para que, se procede, se aprobe a modificación.
30.4.- Esta comisión velará especialmente polo cumprimento desta ordenanza nos casos de comunicación co público en xeral e nas intercomunicacións do Concello co exterior, tanto no caso do funcionariado como dos concelleiros/as.
Artigo XXXI.
(Sen contido.)
CAPÍTULO DUODÉCIMO. Do impulso institucional.
Artigo XXXII.
32.1.- De acordo co establecido no art. 25 da Lei de normalización lingüística do galego, o Concello das Pontes de García Rodríguez fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outra dentro do ámbito municipal, para isto farase constar por escrito nos convenios asinados coas diferentes entidades que quedan obrigadas a cumprir integramente os requisitos desta ordenanza.
32.2.- Das tarefas que se realicen para dar pulo institucionalmente no municipio das Pontes de García Rodríguez, ocuparase o Servicio de normalización lingüística e de acordo cos criterios que establece a comisión de seguimento desta ordenanza.
32.3.- Todos os organismos do Concello das Pontes de García Rodríguez, darán pulo á normalización lingüística no seu ámbito de actuación co soporte técnico do servicio de normalización lingüística e de acordo cos criterios que establece a comisión de seguimento desta ordenanza.
32.4.- O Concello das Pontes de García Rodríguez poderá outorgar reduccións ou exencións de obrigas fiscais para as actuacións realizadas coa normalización lingüística, conforme co artigo 25 da Lei de normalización lingüística.
O artigo 25 di: "O Goberno Galego e as Corporacións locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras. Con esta finalidade e por actos singulares, poderanse outorgar reduccións ou exencións das obrigas fiscais".
A presente ordenanza entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.