San Sadurniño - Ordenanza nº R-3, sobre o servizo de normalización lingüística

Publicación provisional: 24/03/2008 BOP Nº: 67
Publicación definitiva: 08/05/2008 BOP Nº: 105
Aplicable dende: 09/05/2008

CAPITULO I. DO USO OFICIAL DA LINGUA GALEGA

Art. 1.- Os cidadáns e as cidadás teñen dereito a ser atendidos/as e obter copia ou recibir a documentación municipal no idioma oficial da súa elección.

CAPÍTULO II. ÁMBITO DE APLICACIÓN.

Art. 2.- O uso da lingua galega por parte do Concello de San Sadurniño e os organismos que del dependan hase rexer polos criterios de uso lingüístico establecidos nesta ordenanza.
Art. 3.- As empresas adxudicatarias ou concesionarias que actúan por conta deste Concello e as de explotación mixta farán o propio, e ha facerse constar explicitamente nos contratos correspondentes.
Art. 4.- O Concello de San Sadurniño velará para que a nivel interno e nas actuación nas que participe - convenios, consorcios -, sexan aplicados os principios aquí establecidos.
Art. 5.- O Concello de San Sadurniño manterá un servizo de normalización lingüística obxectivo de dar pulo á normalización do galego. Tódolos organismos anteriormente citados axustaranse ós criterios de uso lingüístico que difunde o servizo de normalización lingüística.

CAPÍTULO III. DO USO DO GALEGO NA ORGANIZACIÓN MUNICIPAL.

Art. 6.- As actuacións internas do Concello faranse en galego.
Art. 7.- As actas das sesións que realice o Concello (pleno, xunta de goberno e comisións informativas) redactaranse en lingua galega. Igualmente redactaranse en galego os documentos dos diversos consellos e entidades con personalidade xurídica dependentes deste Concello.
Art 8.- A Alcaldía e os rexedores, e tamén as diversas dependencias administrativas redactarán en lingua galega os ditames, informes e propostas.
Art. 9.- Tódolos impresos utilizados polos diferentes órganos deste Concello serán en Galego.
Art. 10.- Os rótulos indicativos de oficinas e despachos serán en galego, así como as inscricións dos mataselos e demais material de oficina.
Art. 11.- As aplicacións e programas informáticos han estar adaptados para o funcionamento en lingua galega.
Art. 12.- Cando o Concello encargue estudos a terceiros, proxectos e traballos análogos a persoas físicas ou xurídicas con domicilio en Galiza, ha demandar que sexan realizados en galego.

CAPÍTULO IV. DAS RELACIÓNS COS ADMINISTRADOS/AS

Art.13.-Tódolos expedientes administrativos do Concello de San Sadurniño redactaranse en lingua galega.
Art. 14.-Sempre que calquera persoa interesada o solicite formalmente entregaránselle os documentos que lle afecten ou interesen na lingua oficial que demandase. De non existir esta demanda, sempre se formalizarán en galego.
Art. 15.- As comunicacións e notificacións dirixidas a persoas físicas ou xurídicas residentes dentro do abano lingüístico de Galiza faranse en lingua galega, sen perxuízo do dereito dos cidadáns de recibilas, se o demandan formalmente, en castelán.
Art. 16.- Os expedientes que deban ter algún ou tódolos efectos fóra do territorio onde a lingua galega é a oficial, faranse tamén en galego e castelán.
Art. 17.- Os impresos ofreceranse en versión galega, sen prexuízo do dereito dos particulares de recibilos en castelán se así o demandan. O Concello facilitará a tradución ó castelán daqueles impresos que así sexan requeridos.
Art. 18.- Só se farán impresos bilingües se algunha circunstancia especial así o requira, circunstancia que será resolta a proposta da responsable do servizo de normalización lingüística. O texto galego figurará sempre de forma preferente.
Art. 19.- Nas súas comunicacións administrativas orais, o persoal do Concello de San Sadurniño empregará a lingua galega, a non ser que o administrado/a demande ser atendido/a en castelán.
Art. 20.- Os documentos públicos e contractuais outorgados polo Concello redactaranse sempre en galego. No caso de que o Concello concurra xunto con outros outorgantes, o documento redactarase na lingua que acorde de forma maioritaria, e, se acaso, o Concello solicitará unha copia auténtica en galego para incorporala ó expediente.

CAPÍTULO V. DAS RELACIÓNS INSTITUCIONAIS.

Art. 21.- A documentación que o Concello dirixa a calquera das administracións públicas en territorio administrativo galego redactaranse en lingua galega.
Art. 22.- Os documentos e as copias dos documentos do Concello dirixidos ás Administracións Públicas de fóra do ámbito lingüístico galego tamén se redactarán en galego, pero así mesmo expedirase unha copia na lingua propia do territorio onde vaia dirixida a dita documentación en castelán.
Art. 23.- En relación ós documentos dirixidos directamente ós organismos centrais de ámbito supraestatal, o Concello aterase ó que preveñen as disposicións vixentes, redactándose sempre que sexa posible en lingua galega.

CAPÍTULO VI. DOS AVISOS, PUBLICACIÓNS E ACTIVIDADES PÚBLICAS

Art. 24.- Os anuncios oficiais da corporación que se publiquen no BOP, no DOG, ou en calquera outro medio de comunicación radicado no territorio de Galiza serán redactados en lingua galega. Fóra do ambito lingüistico galego, farase tamén en galego cando o medio de comunicación así o permita.
Art. 25.- Os cargos do Concello expresaranse normalmente en galego nos actos públicos dentro do territorio de Galiza, sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo.
Art. 26.- Os libros, revistas e, en xeral tódolos carteis e publicacións que edite o Concello de San Sadurniño, como tamén as mensaxes que se emitan a través dos medios de comunicación galegos e mensaxes por megafonía en lugares dependentes do Concello, faranse en galego, agás aqueles que se adiquen especificamente á promoción do Concello cara ó exterior, que se poderán facer na lingua dos destinatarios.
Art. 27.- Fóra do ámbito lingüístico galego a publicidade farase sempre en versión dobre, en galego e na lingua propia do territorio onde se dirixe.
Art. 28.- A publicidade que se coloque en recintos propiedade do Concello deberá ser toda inexcusablemente en galego.
Art. 29.- Tódolos textos que vaian ser publicados enviaranse ó Servizo de Normalización Lingüística para a súa corrección.

CAPÍTULO VII. DOS REXISTROS.

Art. 30.- Sen perxuízo do que para os rexistros públicos establece o artigo 9 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística de Galiza, nos rexistros administrativos das oficinas do Concello de San Sadurniño os asentos faranse sempre en galego, independentemente da lingua na que estean escritos.

CAPÍTULO VIII. ATENCIÓN Ó PÚBLICO.

Art. 31.- Os servizos de tódalas unidades administrativas que teñan relación co público promocionarán o uso do idioma galego, mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación e información ós cidadáns e cidadás dos seus dereitos lingüísticos de acordo cos criterios de máximo respecto e non discriminación.

CAPÍTULO IX. TOPÓNIMOS, SINALIZACIÓN E RÓTULOS.

Art. 32.- De acordo co disposto polo artigo 10 da anteriormente citada Lei 3/1983, a única forma lingüística dos topónimos do Concello de San Sadurniño é a galega.
Art. 33.- Os rótulos, sinalizacións da Casa do Concello e outros edificios municipais e servizos públicos relacionados coa rede viaria municipal, dependentes do Concello ou instalada polas súas empresas adxudicatarias ou concesionarias serán redactadas en lingua galega. Cando o interese xeral o requira, tamén poderán redixirse nos idiomas que se estime convenientes a cada caso.
Cando o interese xeral así o requira, tamén poderán redactarse nos idiomas máis convintes en cada caso.
Art. 34.- O Concello de San Sadurniño velará pola normalización de toda a súa rotulación das sinalizacións; tomará as medidas necesarias para garantir o uso da toponimia oficial galega.

CAPÍTULO X. DA SELECCIÓN E PROVISIÓN DE PERSOAL

Art. 35.- A declaración de oficialidade da lingua galega esixe que todo o persoal ó servicio da administración municipal estea en condicións de empregalo nos dous niveis, oral e escrito.
Art. 36.- Nas convocatorias para o acceso a prazas de persoal do Concello de San Sadurniño, xa sexa funcionario ou laboral, figurará, como requisito indispensable ou mérito preferente que os aspirantes acrediten o coñecemento da lingua galega conforme á función desempeñada no posto de traballo. Para iso, por proposta da Comisión de seguimento desta ordenanza o órgano competente do Concello aprobará nas bases das convocatorias o nivel de galego que acreditarán os aspirantes.
Art. 37.- Na provisión dos postos de traballo, incluídos os cargos con habilitación estatal, os candidatos estarán capacitados e posuír un grao de coñecemento oral e escrito da lingua galega para cada caso, e considerará o coñecemento expreso da mesma como requisito indispensable ou mérito preferente de acordo coa avaliación que se estableza.
Art. 38.- O Concello de San Sadurniño, de acordo co Servizo de Normalización Lingüística, poderá organizar cursos de lingua galega para todo o funcionariado que non teña o nivel requerido para cumprir con todo o referido nesta ordenanza nas súas tarefas diarias, tanto na transcripción de textos, coma na atención ó público.
Art. 39.- A formación profesional do persoal funcionario e laboral do concello de San Sadurniño farase en lingua galega, sempre que dependa do concello a programación e organización. De non depender del, o mesmo concello demandará que se faga en galego.

CAPITULO XI. DO CUMPRIMENTO E SEGUIMENTO DA ORDENANZA.

Art. 40.- Para garantir o cumprimento desta ordenanza, crearase unha comisión de seguimento, integrada cando menos polo Alcalde, o Secretario, a responsable do Servizo de Normalización Lingüística e un concelleiro/a de cada grupo municipal.
Art. 41.- Esta comisión de seguimento reunirase para velar polo cumprimento e desenvolvemento desta ordenanza, a iniciativa do Alcalde ou por petición dun tercio dos seus membros.
Art. 42.- A actualización, ampliación ou revisión desta ordenanza dependerá tamén desta Comisión de seguimento, que fará o estudio e proposta ó Pleno do Concello, para que, se proceda ó debate da modificación.
Art. 43.- Esta Comisión velará especialmente polo cumprimento desta ordenanza na comunicación co público en xeral e nas intercomunicacións do Concello co exterior, tanto por parte do funcionariado como dos concelleiros/as.

CAPÍTULO XII. DO IMPULSO INSTITUCIONAL.

Art. 44.- De acordo co establecido no art. 25 da Lei de Normalización Lingüística do galego, o Concello de San Sadurniño fomentará a normalización do uso do galego nas relacións mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outras dentro do ámbito municipal, e para isto farase constar por escrito nos convenios asinados coas diferentes organizacións, que quedan obrigadas a cumprir integramente os requisitos desta ordenanza.
Art. 45.- O Concello de San Sadurniño poderá outorgar reducións ou exencións fiscais (alí onde as disposicións legais o permitan) para as actuacións realizadas singularmente en favor do fomento da normalización lingüística, conforme o disposto na Lei de normalización lingüística.

DISPOSICIÓN FINAL

Esta ordenanza, aprobada polo Pleno da Corporación en sesión realizada o 3 de febreiro de 2008 entrará en vigor ó seguinte día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.