Ames - ORDENANZA DE IMPULSO DO USO DO GALEGO NO CONCELLO DE AMES
CAPÍTULO I .DO USO OFICIAL DO IDIOMA GALEGO . ARTIGO 1º
1.- O galego é o idioma propio do Concello de Ames de acordo coa normativa vixente.
CAPÍTULO II . ÁMBITO DE APLICACIÓN . ARTIGO 2º
2. 1.- O uso da lingua galega por parte do Concello de Ames e dos organismos que dependan del, nos que teña unha participación maioritaria ou poida incidir de forma determinante (organismos autónomos, entidades públicas empresariais, sociedades anónimas, fundacións, etc.) hase rexer polos criterios establecidos nesta ordenanza. Os estatutos ou normas fundacionais destes entes establecerán o galego como lingua propia. Nos outros entes nos que o concello teña participación propoñerá que se inclúan estes criterios nas normas fundacionais.
2. 2.- Os contratos que se asinen con empresas adxudicatarias ou concesionarias, que actúan por conta deste concello, así como as de explotación mixta, estenderán o cumprimento das previsións desta ordenanza ás actividades destas empresas, facéndoo constar explicitamente nos documentos correspondentes.
2. 3.- O Concello de Ames velará para que no ámbito interno e nas actividades e relacións xurídicas que estableza (convenios, consorcios...) sexan aplicados os principios anteriores aquí establecidos.
2. 4.- O Concello de Ames manterá un Servizo de Normalización Lingüística (SNL) co obxectivo de impulsar a normalización da lingua galega. Todos os organismos anteriormente citados han de se axustar aos criterios de uso lingüístico que difunda o Servizo de Normalización Lingüística.
2.5.- Todos os servizos, departamentos, oficinas e organismos dependentes do Concello de Ames terán en conta a necesidade de normalización da lingua galega. Para isto, asumirán o desenvolvemento desta ordenanza en todas e cada unha das accións no seu funcionamento cotián.
2.6.-O galego será a lingua propia dos medios de comunicación de titularidade municipal.
CAPÍTULO III . DO USO DO GALEGO NA ORGANIZACIÓN MUNICIPAL . ARTIGO 3º
3.1.- As actuacións internas do Concello de Ames faranse en lingua galega.
3.2.- Serán redactadas en lingua galega:
a) As convocatorias das sesións de todos os órganos colexiados da Corporación e nomeadamente as do Pleno, Xunta de Goberno Local, comisións informativas, consellos sectoriais e tribunais de oposicións e concursos.
b) As actas das sesións dos citados órganos municipais; así como as actas dos órganos de goberno das entidades dependentes deste concello.
c) As resolucións do/a alcalde/esa, dos/as concelleiros/as delegados/as e do Libro de Rexistro.
d) Os ditames, informes e propostas das diversas dependencias administrativas ou servizos que teñan que someterse á decisión ou coñecemento de calquera órgano municipal.
3.3.- Todos os formularios e modelos de documentación utilizados polos diferentes órganos do concello serán redactados en lingua galega.
3.4.- Os rótulos indicativos de oficinas e despachos, as cabeceiras de toda clase de impresos, os selos de goma, os cuños e outros elementos similares han de estar escritos en galego.
3.5.- As aplicacións e programas informáticos han estar adaptados para o funcionamento en lingua galega.
ARTIGO 4º
A documentación dos expedientes administrativos que dean lugar á adopción dos acordos e resolucións referidos no artigo anterior tamén será redactada e tramitada en galego.
ARTIGO 5º
5.1 Os estudos, proxectos e traballos análogos que o concello lles encargue a terceiros deberán estar realizados en lingua galega.
5.2. O Concello de Ames requiriralles aos seus contratistas, concesionarios, provedores e demais axentes que estean traballando por conta da Administración a presentación da documentación en galego e que fagan uso do galego nos bens e nos servizos (rotulación, recibos, atención ao público, contratos cos usuarios...) que sexan obxecto do contrato. Estes requisitos han de constar no prego de condicións dos contratos administrativos que aprobe o concello. O SNL do concello encargarase de avaliar a calidade lingüística do produto e de informar sobre a súa validez.
5.3. Os convenios asinados polo concello con outras entidades públicas ou privadas redactaranse en galego e, se é o caso, na lingua ou linguas oficiais ou de traballo da outra ou outras entidades asinantes.
ARTIGO 6º
Sen prexuízo do que para os rexistros públicos establece o artigo 9 da Lei 3/1983, nos rexistros administrativos das oficinas do Concello de Ames os asentos sempre se farán en galego, independentemente da lingua na que estean escritos.
CAPÍTULO IV . DAS RELACIÓNS COA CIDADANÍA . ARTIGO 7º
7.1.- A lingua dos procedementos tramitados polo concello será o galego. Porén, o procedemento tramitarase en castelán, se así o solicita formalmente o interesado ou interesada. Se concorresen varios interesados no procedemento e existise discrepancia no tocante á lingua, o procedemento tramitarase en galego, aínda que os documentos ou testemuños que requiran os interesados se expedirán na lingua elixida por eles.
7.2.- As comunicacións e notificacións dirixidas a persoas físicas e xurídicas no ámbito da Comunidade autónoma faranse en lingua galega, sen prexuízo do dereito dos/as cidadáns/ás a recibilas, se o demandan formalmente, en castelán. Neste caso farase constar que é tradución do orixinal en galego.
7.3.- Os expedientes que vaian ter efectos fóra de Galicia e dentro do territorio do Estado, faranse tamén en galego, e expediranse copias en castelán, facendo constar que é tradución do orixinal en galego.
ARTIGO 8º
Os modelos de impresos á disposición do público estarán en galego, sen prexuízo do dereito dos particulares a cubrilos en castelán. O concello facilitará a tradución ao castelán destes impresos, se así se solicita de xeito formal.
ARTIGO 9º
O persoal do Concello de Ames empregará o galego como lingua normal nas súas comunicacións orais cos/as administrados/as; agás cando estes demanden expresamente seren atendidos en castelán.
Isto tamén é de aplicación ás empresas ou entidades que presten servizos públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto.
ARTIGO 10º
CAPÍTULO V . DAS RELACIÓNS INSTITUCIONAIS . ARTIGO 11º
11.1.- A documentación que o Concello de Ames dirixa a calquera das administracións e organismos públicos dentro do territorio de Galicia estará redactada en lingua galega.
11.2. O Concello de Ames utilizará o idioma galego nas súas relacións cos órganos xurisdicionais radicados en Galicia e instruirá os seus letrados e procuradores para que realicen en galego as actuacións procesuais orais e escritas que leven a cabo ante estes órganos de conformidade coas normas reguladoras do poder xudicial.
ARTIGO 12º
12.1.- Os documentos do concello dirixidos ás Administracións públicas de fóra do ámbito lingüístico galego tamén se redactarán en lingua galega e expedirase unha copia en castelán facendo constar que é tradución do orixinal en galego.
12.2.- As copias dos documentos do concello redactadas en galego que haxa que enviar ás administracións públicas de fóra do ámbito lingüístico galego tramitaranse en lingua galega. Achegarase a tradución en castelán, facendo constar que é tradución do orixinal en galego.
ARTIGO 13º
Respecto aos documentos dirixidos directamente a persoas xurídicas, diferentes de calquera das Administracións, o concello aterase ao previsto nas disposicións vixentes e redactaraos, sempre que sexa posible, en galego.
CAPÍTULO VI . DOS AVISOS, PUBLICACIÓNS E ACTIVIDADES PÚBLICAS . ARTIGO 14º
Os anuncios oficiais da Corporación que se publiquen no Boletín Oficial da Provincia, no Diario Oficial de Galicia, ou en calquera outro medio de comunicación radicado no territorio da nosa Comunidade autónoma serán redactados en galego.
ARTIGO 15º
Os membros do goberno municipal expresaranse normalmente en galego nos actos públicos celebrados en Galicia e nas súas intervencións nos medios de comunicación galegos sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo.
ARTIGO 16º
16.1.- Os libros, as revistas e en xeral, todos os carteis e publicacións que edite o Concello de Ames, así como as mensaxes a través dos medios de comunicación, faranse en lingua galega agás os destinados especialmente ao exterior, que se poderán facer, ademais, na lingua dos destinatarios.
16.2.- A publicidade que se vaia distribuír unicamente fóra do ámbito lingüístico galego farase en dobre versión: galego e a lingua do lugar onde se dirixa.
ARTIGO 17º
Os textos que vaian ser publicados enviaranse ao Servizo de Normalización Lingüística para a súa revisión lingüística.
CAPÍTULO VII . TOPÓNIMOS, SINALIZACIÓN E RÓTULOS . ARTIGO 18º
18.1. Conforme co disposto no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do Concello de Ames é a galega.
18.2. A utilización da toponimia aterase ao disposto pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia.
18.3. O Concello de Ames promoverá a recuperación, coñecemento e uso da toponimia do territorio municipal, e preservará as formas tradicionais dos lugares (tanto toponimia maior como microtoponimia) como parte integrante da memoria colectiva e do patrimonio cultural.
ARTIGO 19º
ARTIGO 20º
Todos os vehículos do parque móbil municipal, dos organismos autónomos, empresas municipais, policía e bombeiros levarán a rotulación en galego. Isto mesmo será de aplicación ao parque móbil das empresas adxudicatarias ou concesionarias de servizos municipais, e así se establecerá nos correspondentes pregos de condicións.
ARTIGO 21º
O establecido no artigo anterior tamén será de aplicación a todo o vestiario municipal.
CAPÍTULO VIII . DA SELECCIÓN, PROVISIÓN, FORMACIÓN E RECICLAXE DO PERSOAL . ARTIGO 22º
ARTIGO 23º
23.1- Nas convocatorias para o acceso a prazas de persoal do Concello de Ames, xa sexa como funcionario, laboral ou de calquera outro xeito, ha de figurar como condición obrigatoria que todos os aspirantes demostren o coñecemento específico de lingua galega, tanto na forma oral como na escrita, en relación ao perfil do posto de traballo que vaian desenvolver.
23.2.- Os candidatos aos cargos con habilitación nacional han de estar capacitados e posuír un grao de coñecemento da lingua galega, tanto na expresión oral como na escrita, que permita o correcto desenvolvemento das súas funcións nese posto.
23.3.- Por proposta da Comisión de Seguimento desta ordenanza, e logo da consulta coa Xunta de Persoal e do ditame da Comisión de Réxime Interior, o Pleno da Corporación establecerá nas bases das convocatorias o nivel de galego, tanto oral como escrito, que os aspirantes deberán demostrar ou acreditar en relación ao posto de traballo que vaian desenvolver e a forma de acreditación.
ARTIGO 24º
Por proposta da Comisión de Seguimento desta ordenanza, o Pleno da Corporación, á hora de definir os postos de traballo, establecerá os perfís lingüísticos; é dicir, os niveis e contidos respectivos de coñecemento oral e escrito da lingua galega para cada caso; e ha de considerar o coñecemento expreso da lingua galega en relación coas funcións específicas do seu posto como requisito indispensable ou mérito preferente de acordo coa avaliación que se estableza.
ARTIGO 25º
ARTIGO 26º
Os responsables dos diferentes órganos do Concello de Ames contarán coa asistencia e co asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística para tomaren as medidas necesarias para que, nos órganos da súa competencia, o persoal que neles traballe teña os coñecementos precisos de galego a fin de garantir un desenvolvemento correcto das tarefas internas ou das dirixidas aos administrados e ás administradas, e así poder desenvolver os contidos desta ordenanza.
ARTIGO 27º
O Concello de Ames, coa asistencia e co asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística, organizará cursos de lingua galega para todo o funcionariado que non teña os coñecementos necesarios para exercer as súas funcións e para mellorar o nivel de linguaxe administrativa ou doutras especialidades.
ARTIGO 28º
Será deber de todo o funcionariado adquirir o nivel de coñecemento establecido para o posto de traballo, de acordo cos criterios e termos que fixe a Comisión de Seguimento da Ordenanza. O persoal ao servizo da Corporación que teña acreditado o coñecemento do idioma galego ou participara nos programas de formación deberá utilizalo no seu traballo.
ARTIGO 29º
A formación profesional do persoal funcionario e laboral do Concello de Ames farase en lingua galega, sempre que dependa do concello a programación e organización. De non depender del, o concello demandará que se faga en galego.
CAPÍTULO IX . DO CUMPRIMENTO E SEGUIMENTO DA ORDENANZA . ARTIGO 30º
30.1.- Para garantir o cumprimento desta ordenanza, créase unha Comisión de Seguimento Interdepartamental integrada cando menos polo/a alcalde/sa ou concelleiro/a en quen delegue, o concelleiro/a responsable do Servizo de Normalización Lingüística, o/a secretario/a, o/a concelleiro/a responsable de persoal, a persoa responsable do Servizo de Normalización Lingüística, un representante por cada grupo político que forme parte da Corporación municipal, un representante do Comité de Empresa e outro da Xunta de Persoal.
30.2.- Esta Comisión de Seguimento reunirase polo menos dúas veces ao ano para analizar o cumprimento e desenvolvemento desta ordenanza, e extraordinariamente cando a convoque o/a alcalde/sa. O/a alcalde/sa poderá convocar de xeito extraordinario a petición de, cando menos, dous dos membros da comisión.
30.3.- A actualización, ampliación ou revisión da ordenanza tamén depende desta comisión, a cal fará o estudo e levará a proposta correspondente ao Pleno do Concello, para que, se procede, aprobe a modificación.
ARTIGO 31º
31.- Tamén é competencia da Comisión de Seguimento promover, chegado o caso, as medidas que se consideren oportunas para o cumprimento da ordenanza.
CAPÍTULO X . DO IMPULSO INSTITUCIONAL . ARTIGO 32º
32.1. O Servizo de Normalización Lingüística ocuparase das tarefas que se realicen para impulsar institucionalmente o uso do idioma galego no Concello de Ames.
32.2 Todos os organismos autónomos e empresas públicas dependentes do Concello de Ames impulsarán a normalización lingüística no seu ámbito de actuación co soporte técnico do Servizo de Normalización Lingüística e de acordo cos criterios que estableza a Comisión de Seguimento desta ordenanza.
ARTIGO 33º
33.1.- Consonte co establecido no artigo 25 da Lei de normalización lingüística da lingua galega, o Concello de Ames fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outra dentro do ámbito municipal.
33.2. Consonte o espírito da presente ordenanza, cando o concello subvencione actividades promovidas por entidades privadas ou asociacións terase en conta que estas contribúan ao impulso e extensión do uso social do galego, tanto nos usos orais como escritos.
33.3.- Para a concesión de subvencións municipais (de deportes, culturais, xuvenís e de calquera outro tipo) valorarase que as actividades realizadas contribúan a normalizar o uso da lingua galega. Ademais, as comunicacións orais e escritas que sexan produto das actividades subvencionadas polo Concello de Ames (publicacións, cartelaría, publicidade oral e escrita, megafonía, etc.) deberán estar sempre en lingua galega, da mesma maneira que deberá figurar a colaboración do Concello de Ames.
ARTIGO 34º
DISPOSICIÓN ADICIONAL
Para favorecer a participación social no impulso e dinamización do uso do galego, no prazo de 1 ano a partir da entrada en vigor da presente ordenanza crearase o Consello Municipal da Lingua, no que estarán representados os grupos políticos que forman parte da Corporación e as organizacións e colectivos implicados no proceso de normalización lingüística. O Consello Municipal da Lingua será o máximo órgano consultivo e asesor en materia de normalización lingüística.
DISPOSICIÓN FINAL
No prazo de 2 anos a partir da entrada en vigor da presente ordenanza, o Concello de Ames aprobará un Plan Municipal de Impulso do Uso do Galego.
ANEXO DE LEXISLACIÓN
Constitución Española de 1978
Artigo 3 (Título preliminar)
1. O castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito a usala.
2. As outras linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos.
3. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.
Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981
Artigo 5
1. A lingua propia de Galicia é o galego.
2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.
4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
Lei 3/1983 de normalización lingüística
Artigo4
1. O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración local e das entidades públicas dependentes da Comunidade autónoma.
2. Tamén o é o castelán como lingua oficial do Estado.
Artigo 6.3
Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.
Artigo25
O Goberno galego e as Corporacións locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras. Con esta finalidade e por actos singulares, poderanse outorgar reducións ou exencións das obrigas fiscais.
Lei 5/1988 do uso do galego como lingua oficial polas entidades locais
Artigo1
1. As convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia redactaranse en lingua galega.
2. Sen prexuízo do disposto no apartado anterior, as devanditas entidades poden facelo, ademais, na outra lingua oficial.
Lei 5/1997 de administración local de Galicia
Artigo 7
1. O galego, como lingua propia de Galicia, éo tamén da súa Administración local.
As convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega.
2. Sen prexuízo do disposto no apartado anterior, tales entidades poden facelo, ademais, na outra lingua oficial, o castelán.
3. A Xunta de Galicía impulsará o proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, especialmente a través de programas de formación de funcionarios das entidades locais en lingua galega.
Ames, 21 de agosto de 2006.