Índice
Padrón - REGULAMENTO DE USO DO GALEGO NA ADMINISTRACIÓN MUNICIPAL DO CONCELLO DE PADRÓN
Publicación provisional:
19/07/2008
BOP Nº:
166
Publicación definitiva:
19/07/2008
BOP Nº:
166
Aplicable dende:
07/08/2008
CAPÍTULO I
Artigo 1º
1.- O galego, como lingua propia de Galicia, é o idioma oficial do Concello de Padrón.
2.- Os cidadáns teñen dereito a ser atendidos e obter copia ou recibir notificación da documentación municipal no idioma oficial da súa elección
Artigo 2º
O Concello de Padrón, empregará normalmente o galego nas súas actuacións administrativas internas e nas relacións cos cidadáns e coas entidades públicas situadas en Galicia.
Nas relacións coas persoas ou entidades radicadas fóra do territorio da nosa Comunidade Autónoma, o Concello empregará normalmente o castelán ou outra lingua oficial do lugar onde residan aquelas.
CAPÍTULO II. Das resolucións e da documentación administrativa
Artigo 3º
Serán redactadas en galego:
a) As convocatorias das sesións de todos os órganos colexiados da Corporación e nomeadamente as do Pleno, Xuntas de Goberno Local, comisións informativas, consellos sectoriais e tribunais de oposicións e concursos.
b) As actas das sesións dos citados órganos municipais.
c) As resolucións do alcalde, dos concelleiros delegados e o seu libro de rexistro.
Artigo 4º
A documentación dos expedientes administrativos que dean lugar á adopción dos acordos e resolucións referidos no artigo anterior tamén será redactada e tramitada en galego, idioma no que se elaborarán os modelos de documentos impresos.
Nos planos e procesos de informatización e racionalización administrativa deberase ter en conta o citado obxectivo.
Artigo 5º
Os documentos contractuais subscritos polo Concello serán redactados en galego.
Se a outra parte contratante o solicita ou o negocio deba producir efecto fóra do territorio da Comunidade Autónoma, tamén será redactado en castelán.
Artigo 6º
Sen prexuízo do que para os rexistros públicos establece o art. 9 da Lei 3/1983, nos rexistros administrativos das oficinas do Concello os asentos faranse sempre en galego, independentemente da lingua na que estean escritos.
CAPÍTULO III. Atención ao público
Artigo 7º
Os servizos da Oficina de Información e demais unidades administrativas que teñan unha relación co público máis intensa promocionarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación e a información aos cidadáns dos seus dereitos lingüísticos, de acordo cos criterios de máximo respecto e non discriminación.
O disposto no presente artigo tamén é de aplicación ás empresas ou entidades que presten servicios públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto.
CAPÍTULO IV. Relación coas empresas privadas
Artigo 8º
Os estudios, proxectos e traballos semellantes que o Concello encargue a terceiros dentro do ámbito territorial galego terán que ser redactados en galego, aínda que a súa finalidade esixa tamén a redacción noutra lingua.
CAPÍTULO V. Anuncios e publicacións
Artigo 9º
Os anuncios oficiais da Corporación que se publiquen no Boletín Oficial da Provincial, Diario Oficial de Galicia ou calquera medio de comunicación radicado no territorio da nosa Comunidade Autónoma serán redactados en galego.
Artigo 10º
Con carácter xeral, as publicacións editadas polo Concello, teñan ou non carácter periódico e as campañas de divulgación e publicidade realizaranse en lingua galega.
Artigo 11º
Os cargos do Concello expresaranse xeralmente en galego nos actos públicos celebrados en Galicia, sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo
CAPÍTULO VI. Topónimos, sinalizacións e rótulos
Artigo 12º
Consonte o que dispón o artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do territorio municipal do Concello de Padrón é a galega igual cá dos demais topónimos de Galicia
Artigo 13º
Os rótulos e sinalizacións da Casa do Concello e dos outros edificios e servizos públicos e da rede viaria municipal serán redactados en idioma galego.
Cando o interese xeral o requira tamén se poderán redactar noutros idiomas.
CAPÍTULO VII. Do persoal ao servizo da Corporación
Artigo 14º
1.- A declaración de oficialidade do idioma galego esixe que todo o persoal ao servicio da Corporación estea en condicións de empregalo nos dous niveis, oral e escrito en igualdade co castelán e de acordo coa natureza do seu posto de traballo.
2.- Para acadar este obxectivo establécense as seguintes regras:
a) O persoal que actualmente traballa ao servizo da Corporación e non estea capacitado para o uso do galego de acordo co disposto no apartado número 1 do presente artigo deberá adquirir tal coñecemento. Con ese fin, o Concello desenvolverá un programa de formación e perfeccionamento.
b) Nos procedementos de selección do novo persoal incluirase unha proba de coñecemento da lingua galega adecuada ao nivel e contido da praza convocada.
c) Nos procedementos de provisión de postos de traballo, o coñecemento da lingua galega terá a consideración de mérito.
d) O persoal ao servizo da Corporación que teña acreditado o coñecemento do idioma galego ou participara nos programas de formación ou perfeccionamento utilizarao no seu traballo de acordo coas disposicións que contén o presente Regulamento.
CAPÍTULO VIII. Relación con outras administracións
Artigo 15º
As actuacións realizadas polo Concello perante os órganos de xustiza faranse en lingua galega, consignándose sempre por escrito o cumprimento do artigo 7.2 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, referente á utilización da lingua galega por parte da Administración de Xustiza