Índice
Lousame - REGULAMENTO ORGÁNICO DO CONCELLO DE LOUSAME
Publicación provisional:
22/12/2007
BOP Nº:
294
Publicación definitiva:
22/12/2007
BOP Nº:
294
Aplicable dende:
12/01/2008
TÍTULO I - DISPOSICIÓNS XERAIS
ARTIGO 1 - ALCANCE DO REGULAMENTO
O Concello de Lousame, no exercicio da súa potestade regulamentaria e de autoorganización establecida nos artigos 20 e 22 da Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e artigo 59 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, promove polo presente regulamento orgánico a regulación da organización e réxime de funcionamento dos órganos necesarios e complementarios que no mesmo se establecen.
ARTIGO 2 - FONTES NORMATIVAS
A organización e funcionamento interno do Concello de Lousame axustarase o seguinte orde xerárquico de fontes normativas:
a) Lei 7/1985 de 2 de abril reguladora das bases de réxime local.
b) Lei 5/1997 de 22 de xullo de Administración Local de Galicia e RDL 781/1986 de 18 de abril.
c) O regulamento Orgánico Municipal.
d) RD 2568/1986 de 28 de novembro polo que se aproba o regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das Entidades Locais para aquelas materias que resulte insuficiente a normativa establecida no regulamento orgánico.
ARTIGO 3 - INTERPRETACIÓN DO REGULAMENTO ORGÁNICO.
Corresponde ó alcalde dictar instruccións interpretativas e aclaratorias da normativa reseñada no artigo anterior para a súa aplicación no municipio.
TÍTULO II - DOS GRUPOS MUNICIPAIS
ARTIGO 4.- CONSTITUCIÓN
1. Ós efectos da súa actuación corporativa os concelleiros constituiranse en grupos municipais que se corresponderán cos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que obtivesen postos na Corporación.
2. Cada partido político, federación, coalición ou agrupación constituirá un único grupo.
3. Ninguén pode pertencer simultaneamente a máis dun grupo.
ARTIGO 5 - REQUISITOS
1. O mínimo de concelleiros para constituír grupo municipal é de dous.
2. Integraranse, en todo caso, no grupo mixto os membros dos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que non tivesen obtido un mínimo de dous escanos.
3. No suposto de que non existise grupo mixto, este quedará constituído polo membro do partido político, federación, coalición ou agrupación que obtivese un solo escano.
ARTIGO 6 - PROCEDEMENTO DE CONSTITUCIÓN
1. Os grupos políticos constituiranse mediante escrito dirixido ó Presidente e subscrito por tódolos seus integrantes, que presentará na Secretaría Xeral do Concello dentro dos cinco días hábiles seguintes á constitución da Corporación.
2. No mesmo escrito de constitución farase constar a designación de portavoz do grupo podendo designarse tamén suplentes.
3. Se algún concelleiro non asinase o escrito de constitución do grupo, iso non impediría a súa constitución e os non asinantes integraranse no grupo mixto.
ARTIGO 7 - COÑECEMENTO POR PARTE DO PLENO
Da constitución dos grupos políticos, dos seus integrantes e portavoces, o presidente dará conta ó Pleno na primeira sesión que se celebre tras cumprirse o prazo previsto no apartado primeiro do artigo anterior.
ARTIGO 8 - SITUACIÓN DE NOVOS MEMBROS
Os membros da Corporación que adquiran a súa condición cos posterioridade á sesión constitutiva da Corporación, deberán incorporarse ós grupos municipais, conforme ás regras acordadas pola Corporación
ARTIGO 9 - PORTAVOZ
1. Será portavoz de cada grupo municipal o que designe cada un no momento da súa constitución ou ben o que así sexa designado pola maioría dos compoñentes da lista respectiva.
2. O grupo mixto poderá establecer un turno rotativo para o desempeño da función de portavoz, ou ben distribuírse entre os seus compoñentes o tempo que lle corresponda ó grupo.
3. O portavoz de cada grupo será o encargado de intervir, normalmente nas deliberacións dos asuntos.
ARTIGO 10 - DESIGNACIÓN DE MEMBROS EN ÓRGANOS NECESARIOS OU COMPLEMENTARIOS
Corresponde ós grupos políticos designar, mediante escrito do seu portavoz dirixido ó presidente e nos termos previstos en cada caso no presente regulamento, a aqueles dos seus compoñentes que teñan que representalos nos órganos colexiados integrados por membros da Corporación pertencentes ós diversos grupos.
TÍTULO III - ORGANIZACIÓN DO CONCELLO
ARTIGO 11 - ÓRGANOS BÁSICOS E COMPLEMENTARIOS
1. Os órganos básicos do Concello de Lousame son os seguintes:
a) O alcalde.
b) Os tenentes de alcalde.
c) O Pleno da Corporación.
d) A Xunta de Goberno Local.
e) As comisións informativas permanentes.
f) A comisión especial de contas.
2. O órgano complementario do Concello é o seguinte: Xunta de Concelleiros Delegados.
3. O Pleno da Corporación poderá crear os seguintes órganos, complementarios dos anteriores:
a) Comisións informativas especiais.
b) Órganos de participación cidadá.
4. O alcalde poderá nomear concelleiros/as delegados da Alcaldía.
5. O alcalde tamén poderá conferir delegacións especiais, para encargos específicos, a prol de calquera concelleiro.
ARTIGO 12 - ATRIBUCIÓNS DOS ÓRGANOS.
1. As atribucións do Alcalde, do Pleno, das Comisións Informativas, da Xunta de Goberno Local, dos Tenentes de Alcalde e dos demais órganos necesarios son as que veñen determinadas na Lei 7/1985 de 2 de abril reguladora das Bases de Réxime Local.
2. Atribucións da Xunta de Concelleiros Delegados: Coordinar os traballos dos concelleiros responsables de áreas e dos concelleiros delegados e informar á Alcaldía dos asuntos que foron obxecto de delegación, co fin de acadar un traballo conxunto, articulado e sistemático e a unidade de goberno e administración do Concello, a eficacia a eficiencia e a óptima utilización dos recursos dispoñibles.
CAPÍTULO I - O PLENO
Sección 1ª - Organización e funcionamento do Pleno.
ARTIGO 13 - DEFINICIÓN.
De conformidade co disposto no artigo 22.1 da Lei 7/1985 o Pleno, integrado por tódolos concelleiro, é presidido polo alcalde.
ARTIGO 14 - ATRIBUCIÓNS.
As atribucións do Pleno son as establecidas no art. 22.1 da Lei 7/1985 e disposicións de desenvolvemento
ARTIGO 15 - DELEGACIÓNS
O Pleno poderá efectuar delegacións en favor da Xunta de Goberno Local segundo o disposto na Lei 7/1985
Sección 2ª - Requisitos para a celebración das sesións
ARTIGO 16 -. RÉXIME LEGAL
Os tipos de sesións e a súa convocatoria rexeranse polo establecido na Lei 7/1985 do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e pola lei 5/1997 de 22 de xullo de Administración Local de Galicia.
ARTIGO 17 - TIPOS DE SESIÓNS
As sesións do Pleno poden ser de tres tipos:
a) ordinarias.
b) extraordinarias.
c) extraordinarias de carácter urxente.
ARTIGO 18 - SESIÓNS ORDINARIAS.
1. Son sesións ordinarias aquelas cuxa periodicidade está preestablecida. Dita periodicidade será fixada por acordo do propio Pleno adoptado en sesión extraordinaria que terá que convocar o alcalde dentro dos trinta días seguintes ó da sesión constitutiva da Corporación.
2. O Pleno celebra sesión ordinaria cada dous meses, nos días e horas que se fixen polo mesmo, e que poderán ser cambiados en calquera momento posterior por dito órgano.
Igualmente o presidente, por propia iniciativa ou a petición dos portavoces, por causa xustificada, poderá variar o día e a hora dalgunha sesión alonxándoo, só o imprescindible, dos fixados polo Pleno e comunicándoo ós interesados e publicándoo no taboleiro de edictos coa maior anticipación posible.
3. As sesións poderán celebrarse en primeira ou en segunda convocatoria. A segunda convocatoria será dous días despois da sinalada para a primeira, ou o día seguinte hábil se coincidise en festivo. Neste caso non será necesario o envío da orde do día, pero si a notificación da súa celebración en segunda convocatoria
ARTIGO 19 - SESIÓNS EXTRAORDINARIAS
1. Son sesións extraordinarias aquelas que convoque o presidente con tal carácter a iniciativa propia ou a solicitude da cuarta parte, a lo menos, do número legal de membros da Corporación, sen que ningún concelleiro poda solicitar máis de tres anualmente. Dita solicitude terá que facerse por escrito no que se razoe o asunto o asuntos que a motiven asinado persoalmente por todos os que a subscriben. Neste último caso, a celebración do mesmo non poderá demorarse por máis de quince días hábiles dende que fose solicitada, non podendo incorporase o asunto á orde do día dun Pleno ordinario ou de outro extraordinario con máis asuntos se non o autorizan expresamente os solicitantes da convocatoria.
2. Se o presidente non convocase o Pleno extraordinario solicitado polo número de concelleiros indicado dentro do prazo sinalado, quedará automaticamente convocado para o décimo día hábil seguinte ó da finalización de dito prazo, ás doce horas, o que será notificado polo secretario da Corporación a tódolos membros do mesmo ó día seguinte da finalización do prazo citado anteriormente. En ausencia do presidente ou de quen legalmente o substitúa, o Pleno quedará validamente constituído sempre que concorra o tercio do número legal de membros do mesmo e será presidido polo membro da Corporación de maior idade entre os presentes.
ARTIGO 20 - SESIÓNS EXTRAORDINARIAS DE CARÁCTER URXENTE
1. Son sesións extraordinarias de carácter urxente as convocadas polo presidente cando a urxencia do asunto o asuntos a tratar non permite convocar a sesión extraordinaria coa antelación mínima de dous días hábiles esixida legalmente.
2. Neste caso debe incluírse como primeiro punto da orde do día a ratificación polo Pleno da urxencia da convocatoria. Si dita urxencia non resulta apreciada polo Pleno levantarase a sesión.
ARTIGO 21 - FINALIZACIÓN - UNIDADE DE ACTO
Calquera que sexa a clase de sesión terá que respetar o principio de unidade de acto e rematará no mesmo día do seu comezo. Se este rematase sen que fosen debatidos e resoltos tódolos asuntos incluídos na orde do día, o presidente poderá levantar a sesión. Neste caso os asuntos non debatidos terán que incluírse na orde do día da seguinte sesión. En todo caso, ningunha sesión terá unha duración superior a oito horas.
ARTIGO 22 - ORDE DO DÍA
1. A orde do día das sesións será fixado polo presidente asistido da Secretaría. Así mesmo poderá recabar a asistencia dos membros da Xunta de Goberno Local e consultar se o estima oportuno ós portavoces dos grupos existentes na Corporación.
2. Na orde do día so poderán incluírse os asuntos que fosen previamente dictaminados, informados o sometidos a consulta da Comisión Informativa que corresponda.
3. O presidente, por razóns de urxencia debidamente motivada, poderá incluír na orde do día, a iniciativa propia ou a proposta dalgún dos portavoces, asuntos que non fosen previamente informados pola respectiva Comisión Informativa, pero neste suposto non poderá adoptarse acordo algún sobre estes asuntos sen que o Pleno ratifique a súa inclusión na orde do día.
4. Na orde do día das sesións ordinarias incluirase sempre un apartado de control e seguimento da xestión dos órganos municipais de goberno.
ARTIGO 23 - CONVOCATORIAS
O Presidente convocará ós concelleiros á sesión ordinaria ou extraordinaria con dous días hábiles, como mínimo, de antelación, como sinala a lei, agás no caso das sesións extraordinarias urxentes, remitíndolles xunto coa comunicación da convocatoria a orde do día a que terá que suxeitarse dita sesión, na que figurarán numerados e reseñados suficientemente os asuntos a tratar. Os concelleiros acusarán recibo da convocatoria asinando en comunicación cursada ó efecto.
ARTIGO 24 - EXAME DE EXPEDIENTES.
1. O horario de exame de expedientes será ó correspondente ó normal de oficinas. Non obstante, aquel poderá ser ampliado pola Presidencia cando o número ou a importancia dos asuntos así o requira. Dita ampliación será posta en coñecemento dos señores concelleiros e da Secretaría Xeral. Baixo ningún concepto os expedientes poderán extraerse da Secretaría Xeral ou dependencia na que se atopen.
2. Se varios concelleiros desexaran examinar os expedientes á vez, distribuiranse entre eles mesmos. Se non se puxesen de acordo, requirirán ó Secretario para que emita un informe proposta verbal. Se dita proposta tampouco satisface ós interesados, someterase á decisión do Sr. presidente que resolverá distribuíndo o tempo e os expedientes de xeito que estes poidan ser vistos por quen quixese facelo.
3. O presidente da Corporación ou o presidente das Comisións, autorizarán o exame dos expedientes ou antecedentes que teñan relación cos asuntos incluídos na orde do día
ARTIGO 25 - QUÓRUM.
1. Para a válida constitución do Pleno da Corporación requírese a asistencia dun tercio do número legal de membros da Corporación. Este quórum deberá manterse durante toda a sesión. En todo caso requírese a asistencia do presidente e do secretario ou de quen legalmente os substitúan.
2. Se en primeira convocatoria non existise o quórum necesario segundo o disposto no apartado anterior, entenderase convocada a sesión automaticamente á mesma hora dous días hábiles despois. Se tampouco entón se acadase o quórum necesario a Presidencia deixará sen efecto a convocatoria pospoñendo o estudio dos asuntos incluídos na orde do día para a primeira sesión que se celebre con posterioridade, sexa ordinaria ou extraordinaria. De todo o cal estenderá dilixencia o secretario actuante.
3. O quórum mínimo de un tercio do número legal de membros da Corporación terá que manterse durante o desenvolvemento da sesión. A tal efecto a ausencia dun ou varios concelleiros, unha vez iniciada a deliberación do asunto, equivale a súa non presencia e a abstención na votación agás que se incorpora a tempo de emitir o seu voto. A estes efectos entenderase iniciada a deliberación:
a) Se se produce debate con intervención dun ou varios concelleiros.
b) Se ninguén tivese pedido a palabra nin fixese uso dela o presidente, cando rematase a lectura da proposta de acordo do asunto correspondente da orde do día.
ARTIGO 26 - QUORUM ESPECIAL.
O disposto no artigo anterior enténdese sen prexuízo de que os asuntos a resolver nunha sesión ou algún deles esixan un número especial de asistentes para adoptar acordos válidos sobre eles. Neste caso o quórum preciso para celebrar validamente a sesión ou adoptar acordos válidos sobre ditos asuntos, será o que se estableza con ese número especial en cada caso.
ARTIGO 27 - ASISTENCIA PÚBLICA.
1. Serán públicas as sesións do Pleno. Nembargantes, poderá ser secreto o debate e a votación de aqueles asuntos que podan afectar o dereito fundamental dos cidadáns a que se refire o artigo 18.1 da Constitución cando así sexa acordado por maioría absoluta do número legal de membros da Corporación.
2. O público asistente ás sesións non poderá intervir nestas, nin tampouco se permitirán manifestacións de agrado ou desagrado, podendo a Presidencia proceder, en casos extremos á expulsión do salón de todo aquel que por calquera motivo impida o normal desenvolvemento da sesión.
3. O réxime de intervención no Pleno de entidades, asociacións, ou particulares será o que se estableza nos regulamentos que regulen a participación cidadá e demais disposicións vixentes.
ARTIGO 28 - ORDE DE COLOCACIÓN DOS GRUPOS.
Os membros da Corporación tomarán asento no salón de sesións unidos o seu grupo. A orde de colocación dos grupos determinarase polo presidente, tendo preferencia o grupo formado polos membros da lista máis votada. En calquera caso, a colocación dos membros corporativos tenderá a facilitar a emisión e reconto dos votos.
Sección 3ª - Dos debates
ARTIGO 29 - ORDE DE ASUNTOS.
Agás que a Presidencia dispoña outra cousa a orde en que serán tratados os asuntos diferenciarase en dúas partes:
a) Parte resolutiva.
b) Parte de control e seguimento da xestión dos órganos de goberno.
A modo indicativo da forma seguinte:
A) PARTE RESOLUTIVA:
a) Aprobación do acta anterior.
b) Comunicacións da Presidencia.
c) Asuntos dictaminados polas Comisións.
d) Proposicións de carácter urxente.
B) PARTE DE CONTROL E SEGUIMENTO DOS ÓRGANOS DE GOBERNO:
a) Coñecemento de decretos e resolucións do goberno municipal.
b) Mocións.
c) Rogos e Preguntas.
d) Calquera outro medio de control legalmente establecido.
ARTIGO 30 - APROBACIÓN DA ACTA ANTERIOR
1. As sesións comezarán preguntando o presidente se algún membro da Corporación ten que formular algunha observación á acta ou actas da sesión anterior ou anteriores que fosen distribuídas antes ou coa convocatoria. Se non se producisen observacións considerarase aprobada. Si houbese observacións debateranse e decidiranse as rectificacións que procedan.
2. En ningún caso poderá modificarse ó fondo dos acordos adoptados e so cabería subsanar os meros erros materiais ou de feito.
3. O reseñar en cada acta a lectura e aprobación da anterior ou anteriores consignarase as observacións e rectificacións practicadas.
ARTIGO 31 - DEBATE E VOTACIÓN DOS DEMÁIS ASUNTOS.
1. Tódolos asuntos se debaterán e votarán pola orde en que estivesen relacionados na orde do día. Non obstante o presidente pode alterar a orde dos asuntos, retirar algún asunto ou deixalo sobre a mesa, ben de oficio ou a petición de calquera membro corporativo.
2. Nas sesións ordinarias concluído o exame dos asuntos da parte resolutiva da orde do día, iniciarase a parte de control e seguimento do goberno municipal e no apartado de mocións, o presidente preguntará se por razóns de urxencia algún grupo municipal desexa someter á consideración do Pleno algún asunto non comprendido na orde do día e que non teña cabida no apartado de rogos e preguntas.
Se así fose o portavoz do grupo propoñente lerá a proposta de acordo ou acordos, e o Pleno votará acto seguido sobre a urxencia da moción, que necesitará o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da Corporación para ser estimada dita urxencia e continuar co trámite ordinario dos asuntos incluídos na orde do día.
3. A Presidencia pode limitar ata un máximo de cinco as mocións que presente un grupo municipal nun mesmo Pleno ordinario.
4. O disposto neste artigo non será de aplicación á moción de censura que se rexerá polo disposto na lexislación electoral.
ARTIGO 32 - TRATAMENTO DE CADA ASUNTO.
1. A consideración de cada punto incluído na orde do día comezará coa lectura íntegra polo secretario do asunto incluído na orde do día e do dictame formulado pola Comisión Informativa correspondente ou, se se trata dun asunto urxente, non dictaminado pola mesma, da proposición que se somete ó Pleno. A solicitude de calquera grupo, a Presidencia poderá autorizar a lectura íntegra de aquelas partes do expediente ou do dictame da Comisión que se considera conveniente para a súa mellor comprensión.
2. Se ninguén solicitase a palabra tras a lectura polo secretario da orde do día, o asunto someterase directamente a votación ou entenderase aprobado por unanimidade.
ARTIGO 33 - DEBATE: INTERVENCIÓNS.
1. Se se promove debate as intervencións será ordenadas polo presidente conforme as seguintes regras:
a) So poderá facerse uso da palabra previa autorización do presidente.
b) O goberno municipal poderá facer uso dun primeiro turno de explicación cando así o estime oportuno.
c) No debate os diversos grupos consumirán un primeiro turno de explicación cando así o estimen oportuno.
d) Quen se considere aludido por unha intervención poderá solicitar do Presidente que conceda un turno por alusións que será breve e conciso.
e) Non se admitirán outras interrupcións agás ás do presidente para chamar a orde ou á cuestión debatida.
2. Os membros da Corporación poderán en calquera momento do debate pedir a palabra para plantexar unha cuestión de orde, invocando ó efecto a norma sobre a que reclama aplicación. O presidente resolverá o que proceda sen que por este motivo se entable debate algún.
ARTIGO 34 - DELIBERACIÓNS
1. O goberno municipal poderá realizar un turno previo de explicación dos dictames o proposicións, antes de iniciarse o debate formal dos asuntos.
2. Nas deliberacións poderán intervir cada grupo municipal mediante o portavoz ou outros membros polo orde directo de representantes na Corporación, consumindo turno en primeiro lugar o grupo maioritario, logo os minoritarios e en último término o grupo mixto.
3. A intervención normal de cada grupo non excederá de dez minutos. Non obstante, en aqueles temas que pola súa importancia ou complexidade así o requiran, ou a petición de calquera portavoz, o presidente notificará ó Pleno a duración das intervencións antes de comezar estas e velará para que todas teñan idéntica duración. O segundo turno terá unha duración máxima do 50% do turno anterior.
O tempo que corresponda ó grupo mixto poderá repartirse por igual entre os representantes das listas que o integran.
4. O presidente poderá acordar durante o transcurso da sesión que se interrompa a mesma para permitir as deliberacións dos grupos sobre a cuestión debatida ou para descanso dos debates. Estas interrupcións non terán unha duración superior a dez minutos.
ARTIGO 35 - CHAMADAS Á ORDE
1. O Presidente poderá chamar a orde a calquera membro da Corporación que:
a) Profira verbas ou verta conceptos ofensivos ó decoro da Corporación ou dos seus membros, das institucións públicas ou de calquera outra persoa ou entidade.
b) Produza interrupcións ou de calquera outra forma altere a orde das sesións.
c) Pretenda facer uso da palabra sen que lle fose concedida ou unha vez que lle fose retirada.
2. Tras tres chamadas á orde na mesma sesión (ou dos chamadas á orde no debate dun mesmo asunto), coa advertencia na última das consecuencias dunha nova chamada, o presidente poderá ordenar a un concelleiro que abandone o local en que estea celebrando a reunión, adoptando as medidas que considere oportunas para facer efectiva a expulsión.
ARTIGO 36 - ABSTENCIÓN.
Nos supostos en que, de conformidade co establecido no artigo 76 da lei 7/1985, algún membro da Corporación deba absterse de participar na deliberación e votación, terá que abandonar o salón mentres se discuta e vote o asunto, agás cando se trate de debater a súa actuación como corporativo, no que terá dereito a permanecer e defenderse.
ARTIGO 37 - INTERVENCIÓNS: TERMINOLOXÍA
Ós efectos de desenvolvemento das sesións e para definir o carácter das intervencións dos membros da Corporación, utilizarase a seguinte terminoloxía:
Dictame: É a proposta sometida ó Pleno tras o estudio do expediente pola Comisión Informativa. Contén unha parte expositiva e un acordo ou acordos á adoptar.
Proposición: É a proposta que se somete ó Pleno relativa a un asunto incluído na orde do día que acompaña á convocatoria, sen estudio pola Comisión Informativa correspondente. Conterá unha parte expositiva ou xustificación e un acordo ou acordos a adoptar. Non procederá entrar a debater nin votar unha proposición sen que previamente fose ratificado, de acordo co disposto na lei, a inclusión do asunto na orde do día.
Moción: É a proposta que se somete directamente a coñecemento do Pleno ó abeiro do previsto no regulamento. Poderá formularse por escrito ou oralmente e deberá anunciarse á presidencia antes do comezo da sesión.
Voto particular: É a proposta de modificación dun dictame formulada por un membro que forma parte da Comisión Informativa. Deberá acompañar ó dictame dende o día seguinte a súa aprobación pola Comisión.
Enmenda: É a proposta de modificación dun dictame ou proposición presentada por calquera membro da Corporación mediante escrito dirixido ó presidente antes de iniciarse a deliberación do asunto.
Rogo: É a formulación dunha proposta de actuación dirixida a algún dos órganos de goberno municipal. Os rogos formulados no seno do Pleno poderán ser debatidos pero en ningún caso sometidos á votación. Poden plantexar rogos tódolos membros da Corporación ou dos grupos políticos a través dos seus portavoces. Os rogos poderán ser formulados oralmente ou por escrito e serán debatidos xeralmente na sesión seguinte, sen prexuízo de que o podan ser na mesma sesión que se formulen se o presidente o estima conveniente. Non poderá formular cada grupo político máis de cinco rogos nunha mesma sesión.
Pregunta: É calquera cuestión plantexada ós órganos de goberno no seno do Pleno. Poden plantexar preguntas tódolos membros da Corporación ou dos grupos municipais a través dos seus portavoces. O secretario ou os portavoces lerán o encabezamento ou motivo da mesma e trasladaraa ó preguntado; non obstante poden considerarse por formuladas previo anuncio polo presidente do número das mesmas presentadas por cada grupo e ser contestadas por escrito antes da celebración da próxima sesión ordinaria.
Sección 4ª - Das votacións.
ARTIGO 38 - FORMALIDADES
1. Finalizado o debate dun asunto, procederase á votación. Antes de comezar a votación o presidente plantexará clara e concisamente os termos da mesma e a forma de emitir o seu voto.
2. Unha vez iniciada a votación non pode interromperse por ningún motivo. Durante o desenvolvemento da votación o presidente non concederá o uso da palabra e ningún membro corporativo poderá entrar no salón de sesións ou abandonalo.
ARTIGO 39 - ADOPCIÓN DE ACORDOS
1. O Pleno da Corporación adopta os seus acordos como regra xeral por maioría simple dos membros presentes. Existe maioría simple cando os votos afirmativos son máis que os negativos.
2. Entenderase por maioría absoluta cando os votos afirmativos son máis da metade do número legal de membros da Corporación.
ARTIGO 40 - CARÁCTER PERSOAL E INDELEGABLE DO VOTO
O voto dos concelleiros é persoal e indelegable.
ARTIGO 41 - SENSO DO VOTO.
O voto pode emitirse en senso afirmativo ou negativo, podendo os membros da Corporación absterse na votación. A efectos da votación entenderase que se absteñen os membros da Corporación que se ausentasen do salón de sesións unha vez iniciada a deliberación do asunto e non estivesen presentes no momento da votación. No suposto de que se reintegrasen ó salón de sesións antes da votación poderán dende logo tomar parte na mesma. No caso de votacións con resultado de empate efectuarase unha nova votación e se persistise o empate decidirá o voto de calidade do Presidente.
ARTIGO 42 - TIPOS DE VOTACIÓNS
1. As votacións poden ser ordinarias, nominais e secretas.
2. Son ordinarias as que se manifestan por signos convencionais de asentimento, disentimento ou abstención.
3. Son nominais aquelas votacións que se realizan mediante chamamento por orde alfabético de apelidos e sempre en último lugar o presidente e na que cada membro da Corporación ó ser chamado responde en voz alta ¿si" , ¿ non ¿ ou ¿ abstéñome".
4. Son secretas as que se realizan por papeleta que cada membro da Corporación deposite nunha urna ou bolsa.
ARTIGO 43 - VOTACIÓN ORDINARIA.
A votación ordinaria será o sistema norma de votación
ARTIGO 44 - VOTACIÓN NOMINAL
A votación nominal requirirá a solicitude dun grupo municipal aprobada polo Pleno por unha maioría simple en votación ordinaria de acordo co disposto no artigo 46 da lei 7/1985.
ARTIGO 45 - VOTACIÓN SECRETA
A votación secreta so poderá utilizarse para a elección ou destitución de persoas, así como no tratamento de asuntos que podan afectar o dereito fundamental dos cidadáns a que se refire o artigo 18.1 da Constitución Española cando así sexa acordado por maioría absoluta do número legal de membros da Corporación.
ARTIGO 46.- CÓMPUTO DE VOTOS E RESULTADO.
Cando existan enmendas ou votos particulares someteranse a votación en primeiro lugar as enmendas e votos particulares e en último as propostas. Se o resultado dunha votación é positivo non haberá máis debate nin votacións sobre o mesmo obxecto concreto da votación. Rematada a votación ordinaria o presidente declarará o acordado. Inmediatamente de concluír a votación nominal ou secreta, o secretario computará os votos emitidos e anunciará en voz alta o seu resultado, en vista do cal o presidente proclamará o acordo adoptado.
ARTIGO 47 - EXPLICACIÓN DO VOTO
Proclamado o acordo os grupos que non interviñesen no debate ou que tras o mesmo cambiasen o senso do seu voto poderán solicitar do presidente un turno de explicación do voto, sendo facultativo de este o outorgalo ou non.
Sección 5ª - Do control e fiscalización dos demais órganos de goberno polo Pleno.
ARTIGO 48 - PROHIBICIÓN DE REITERACIÓN DE CONTROLES SOBRE O MESMO OBXECTO
O control e fiscalización que puidese exercer o Pleno sobre a actuación dalgún órgano en relación con materias concretas e determinadas non poderá ser obxecto de novo control agás que se producisen novas circunstancias ou existan outras que non puidesen ser tomadas en consideración no seu día
ARTIGO 49 - MEDIOS.
Sen prexuízo das funcións asignadas ás Comisións, o control e fiscalización da actuación dos órganos de goberno exercerase polo Pleno a través dos seguintes medios:
a) Requirimento de presencia e información de membros corporativos ou directivos que ostenten delegación.
b) Control sobre a actuación da Xunta de Goberno Local.
c) Moción de censura ó alcalde.
ARTIGO 50 - DEBER DE COMPARECENCIA.
Todo membro da Corporación u órgano directivo o asimilado que por delegación ostente responsabilidade nun área de xestión, estará obrigado a comparecer ante o Pleno cando este así o acorde, co obxecto de respostar ás preguntas que se lle formulen sobre a súa actuación.
ARTIGO 51 - REQUIRIMENTO DE PRESENCIA E INFORMACION DE MEMBROS CORPORATIVOS OU DIRECTIVOS QUE OSTENTEN DELEGACIÓNS.
Acordada polo Pleno a comparecencia de membros corporativos ou directivos que ostenten delegación, o presidente incluirá o asunto na orde do día da próxima sesión ordinaria ou extraordinaria a celebrar polo Pleno da Corporación notificando ó interesado o acordo adoptado e a data en que deberá comparecer. Entre esta notificación e a celebración da sesión deberán transcorrer a lo menos tres días. No desenvolvemento das comparecencias seguirase a orde das intervencións establecidas no regulamento intervindo o informante para dar resposta ás preguntas que lle formulen os diversos grupos políticos da Corporación. En ningún caso desta comparecencia poderá derivar a adopción de acordos sen cumprirse os requisitos regulamentariamente establecidos.
ARTIGO 52 - CONTROL SOBRE A ACTUACIÓN DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL
1. O Pleno a proposta do presidente ou mediante solicitude da cuarta parte do número legal de membros poderá acordar a celebración de sesión extraordinaria para someter a debate a xestión da Xunta de Goberno Local. O desenvolvemento da sesión a que se fai referencia suxeitarase ó establecido con carácter xeral intervindo en primeiro lugar o autor da proposta para explicar o senso da mesma. Contestará un membro da Xunta de Goberno Local designado por esta e despois de sendos turnos de réplica poderán intervir os demais grupos políticos da Corporación.
2. Como consecuencia do debate poderá presentarse unha moción co obxecto de que o Pleno manifeste a súa posición sobre a xestión da Xunta de Goberno Local. Se o Pleno admite debater a moción, esta incluirase na orde do día da seguinte sesión plenaria, ordinaria ou extraordinaria.
ARTIGO 53 - MOCIÓNS DE CENSURA E CUESTIÓNS DE CONFIANZA
1. As mocións de censura ó alcalde que só poderán plantexarse ante o Pleno, axustaranse ó disposto na lexislación electoral xeral.
2. Do mesmo modo, o alcalde poderá plantexar ó Pleno unha cuestión de confianza nos termos establecidos na lexislación electoral xeral.
3. O debate de demais aspectos do procedemento se rexerán polo presente regulamento orgánico.
Sección 6ª - Das actas
ARTIGO 54 - CONTIDO
De cada sesión o Secretario estenderá acta na que haberá de constar:
a) Lugar da reunión con expresión do nome de municipio e local no que se celebra.
b) Día , mes e ano.
c) Hora en qué comeza.
d) Nome e apelidos do presidente, dos membros da Corporación presentes, dos ausentes que presentasen escusa e dos que falten sen escusa.
e) Carácter ordinario ou extraordinario da sesión e si se celebra en primeira ou segunda convocatoria.
f) Asistencia do secretario-interventor ou quen legalmente o substitúa.
g) Asuntos que se examinen, opinións sintetizadas dos grupos ou membros da Corporación que tivesen intervido nas deliberacións e incidencias destas.
h) Votacións que se verifiquen e no caso das nominais o senso en que cada un emita o seu voto. Nas votacións ordinarias farase constar número de votos afirmativos, dos negativos e das abstencións. Farase constar nominalmente o senso do voto cando así o pidan os interesados.
i) Parte dispositiva dos acordos que se adopten.
j) Hora na que o presidente levanta a sesión.
ARTIGO 55 - LIBRO DE ACTAS.
Unha vez aprobada o acta polo Pleno se transcribirá no Libro de Actas correspondente, autorizándoa coas firmas do Presidente e do Secretario.
CAPÍTULO II - AS COMISIÓNS.
Sección 1ª - Disposicións comúns.
ARTIGO 56 - DAS COMISIÓNS INFORMATIVAS
As Comisións denominadas informativas son as reguladas no artigo 20.1.c) da Lei 7/1985 e son órganos sen atribucións resolutorias que teñen por obxecto o estudio, informe o consulta dos asuntos que teñan que ser sometidos á decisión do Pleno da Corporación, agás cando teñan que adoptarse acordos declarados urxentes. Poderán ser permanentes ou especiais.
ARTIGO 57 - COMISIÓNS INFORMATIVAS PERMANENTES.
As Comisións Informativas Permanentes están integradas exclusivamente por membros da Corporación e nelas participarán tódolos grupos políticos que a integren xa sexa de modo proporcional á súa representatividade ou de xeito igual para cada grupo aplicándose neste último caso o sistema de voto ponderado.
ARTIGO 58 - COMISIÓNS INFORMATIVAS ESPECIAIS
As Comisións Informativas Especiais serán creadas polo Pleno para o estudio dalgún asunto concreto en consideración as súas características especiais de calquera tipo. Estas Comisións agás disposición expresa en contrario extínguense automaticamente unha vez fose dictaminado ou informado o asunto que constitúe o seu obxecto.
ARTIGO 59 - RÉXIME DE FUNCIONAMENTO
No acordo polo que se creen as Comisións Informativas determinarase a composición concreta das mesmas tendo en conta as seguintes regras:
a) O alcalde é o presidente nato de todas elas. Nembargantes a Presidencia efectiva poderá delegala en calquera concelleiro a proposta da propia Comisión, tras a correspondente elección efectuada no seu seno.
b) Cada Comisión estará integrada de xeito que a súa composición poda acomodarse á proporcionalidade existente entre os distintos grupos políticos representados na Corporación
c) A adscrición concreta a cada Comisión dos membros da Corporación que deban formar parte da mesma en representación do grupo municipal realizarase mediante escrito do portavoz do mesmo dirixido ó alcalde e do que se dará conta ó Pleno. Poderá designarse de igual xeito un suplente por cada titular.
ARTIGO 60 - RÉXIME DE SESIÓNS
1. As Comisións Informativas celebrarán sesións ordinarias coa periodicidade que sexa acordada no momento da constitucións nos días e horas que estableza o alcalde ou o seu respectivo presidente, quen poderá así mesmo, convocar sesións extraordinarias ou urxentes das mesmas.
2. As sesións poderán celebrarse na sede da entidade respectiva ou en outras dependencias da mesma.
3. As convocatorias corresponden ó alcalde ou presidente da Comisión e deberán ser notificadas ós membros da Comisión ou no seu caso ós grupos municipais cunha antelación mínima de dous días hábiles, agás as urxentes. En todo caso acompañarase a orde do día.
ARTIGO 61 - QUÓRUM
1. A válida celebración das sesións require a presencia da maioría absoluta dos compoñentes da Comisión xa sexan titulares ou suplentes, en primeira convocatoria e un mínimo de tres membros en segunda convocatoria, unha hora máis tarde.
2. O presidente dirixe e ordena ó seu prudente arbitrio os debates da Comisión, respectando os principios xerais que rexen os debates plenarios.
3. Os dictames aprobaranse sempre por maioría simple dos presentes decidindo os empates o presidente co voto de calidade.
ARTIGO 62 - DELIBERACIÓN.
1. Ningunha Comisión poderá deliberar sobre asuntos da competencia doutra a menos que se trate de problemas comúns, caso no que poderá convocarse polo presidente da Corporación, a proposta dos das respectivas Comisións, unha sesión conxunta.
2. O dictame da Comisión poderá limitarse a mostrar a súa conformidade coa proposta que lle sexa sometida polos servicios administrativos competentes ou ben formular unha alternativa.
3. Os membros da Comisión que disintan do dictame aprobado por esta poderán pedir que conste o seu voto en contra ou formular voto particular para a súa defensa ante o Pleno.
ARTIGO 63 - DICTAMES DAS COMISIÓNS INFORMATIVAS
1. Os dictames das Comisións Informativas teñen carácter preceptivo e non vinculante.
2. En supostos de urxencia o Pleno poderá adoptar acordos sobre asuntos non dictaminados pola correspondente Comisión Informativa dos que deberá darse conta á mesma na primeira sesión que celebre.
ARTIGO 64 - ASISTENCIA DOUTROS MEMBROS
O presidente de cada Comisión poderá requirir a presencia nas súas sesións do persoal municipal ou membros da Corporación, a efectos informativos
ARTIGO 65 - ACTAS.
De cada sesión das Comisións Informativas levantarase acta na que se farán constar os extremos a que se refiren os apartados a), b), c), d), e) g) h) e j) do artigo 54 do presente regulamento e á que se acompañarán os dictames que fosen aprobados e os votos particulares formulados a aqueles.
Sección 2ª - Outras Comisións
ARTIGO 66 - COMISIÓN ESPECIAL DE CONTAS
1. A Comisión Especial de Contas prevista no art. 116 da Lei 7/1985 de 2 de abril e 59.2 da lei 5/1997 de 22 de xullo de Administración Local de Galicia, constituirase e funcionará na mesma forma que as demais Comisións Informativas permanentes.
2. Corresponde á Comisión Especial de Contas o exame, estudio e informe de tódalas contas orzamentarias presupostarias e extrapresupostarias que debe aprobar o Pleno da Corporación de acordo co establecido na lexislación de réxime local.
3. A Comisión Especial de Contas terá que reunirse antes do día 1 de xuño de cada ano para emitir o informe preceptivo sobre as contas anuais da entidade local.
4. As contas e a documentación complementaria estarán á disposición dos membros da Comisión para exame e consulta como mínimo quince días antes da reunión.
CAPÍTULO III - O ALCALDE.
ART IGO 67 - ATRIBUCIÓNS DO ALCALDE
O alcalde ostenta a máxima representación do municipio e é o responsable da súa xestión política ante o Pleno. Corresponde o alcalde o exercicio das atribucións que as leis lle confiran. O alcalde dará conta sucinta á Corporación en cada sesión ordinaria do Pleno dos Decretos que dictase dende a última sesión ordinaria para que os concelleiros coñezan o desenvolvemento da administración municipal ós efectos de control e fiscalización dos órganos de goberno previstos no art. 123.1 a) da Lei 7/1985 de 2 de abril.
ARTIGO 68 - DELEGACIÓNS DE ALCALDÍA.
O alcalde cando o estime conveniente e existan circunstancias de índole técnica, económica, social ou xurídica que o aconsellen, poderá efectuar delegacións en favor da Xunta de Goberno Local, dos seus membros e dos demais concelleiros. O decreto sobre a delegación de atribucións fixará o alcance e os cometidos específicos da mesma.
ARTIGO 69 - DELEGACIÓNS XENÉRICAS.
1. O alcalde pode delegar o exercicio de determinadas atribucións nos membros da Xunta de Goberno Local, sen prexuízo das delegacións especiais que, para cometidos específicos, poida realizar en favor de calquera concelleiros, aínda que non pertenzan á dita Xunta.
2. As delegacións xenéricas referiranse a unha ou varias áreas ou materias determinadas e poderán abarcar tanto a facultade de dirixir os servicios correspondentes como as de xestionalos, en xeral, incluída a facultade de resolver mediante actos administrativos que afecten a terceiros.
3. Agás mención expresa, incluiríanse en ditas delegacións a facultade de dirixir e xestionar os servizos correspondentes sen que inclúa a facultade de resolver mediante actos administrativos que afecten a terceiros.
ARTIGO 70 - OUTRAS DELEGACIÓNS
1. Poderá tamén o alcalde efectuar delegacións en calquera concelleiro para a dirección e xestión de asuntos determinados incluídos no artigo anterior. Neste caso o concelleiro que ostente unha delegación xenérica terá a facultade de supervisar a actuación dos concelleiros con delegacións especiais para cometidos específicos na súa área.
2. Estas delegacións especiais poderán ser de tres tipos:
a) Relativas a un proxecto ou asunto determinado. Neste caso a eficacia da delegación, que poderá conter tódalas facultades delegables do alcalde incluída a de emitir actos que afecten a terceiros, limitarase ó tempo de xestión ou execución do proxecto.
b) Relativas a un determinado servicio. Neste caso a delegación comprenderá a dirección interna dos servicios correspondentes pero non poderá incluír a facultade de resolver mediante actos administrativos que afecten a terceiros.
c) Relativas a un distrito ou barrio. Poderán incluír tódalas facultades delegables do Alcalde en relación con certas materias pero circunscritas ó ámbito territorial da delegación. En caso de coexistir este tipo de delegacións establecerán os mecanismos de coordinación entre unhas e outras de tal xeito que quede garantida a unidade de goberno e xestión do municipio.
ARTIGO 71 - PROCEDEMENTO.
1. As delegacións a que se refiren os artigos anteriores serán realizadas mediante Decreto da Alcaldía que conterá o ámbito dos asuntos a que se refire a delegación, as facultades que se deleguen así como as condicións específicas do exercicio das mesmas na medida en que se concreten ou aparten do réxime xeral previsto neste regulamento.
2. A delegación de atribucións do alcalde surtirá efecto dende o día seguinte á data do Decreto, agás que nela se dispoña outra cousa e sen prexuízo da súa publicación polos medios de costume previa aceptación.
3. De tódalas delegacións e das súas modificacións darase conta ó Pleno na primeira sesión que celebre.
4. Os Decretos dos delegados inscribiranse no libro de resolucións de Alcaldía e porán fin á vía administrativa agás nos casos previstos no art. 71.2.b).
CAPÍTULO IV - OS TENENTES DE ALCALDE.
ARTIGO 72 - NOMEAMENTO.
1. O nomeamento dos tenentes de alcalde será libremente realizado polo alcalde de entre os concelleiros que formen parte da Xunta de Goberno Local.
2. O nomeamento así como o cese farase mediante Decreto do Alcalde do que se dará conta ó Pleno na primeira sesión que celebre, notificándose ademais persoalmente ós designados e facéndose público polos medios de costume, todo elo, sen prexuízo da súa efectividade dende o día seguinte á firma do Decreto polo alcalde se nela non se dispuxese outra cousa
ARTIGO 73 - PERDA DA CONDICIÓN.
A condición de tenente de alcalde pérdese ademais de polo cese, por renuncia expresa manifestada por escrito e por perda da condición de membro da Xunta de Goberno Local.
ARTIGO 74 - FUNCIÓNS
1. Corresponde ós tenentes de alcalde, en canto tales, substituír ó alcalde na totalidade das súas funcións e polo orde do seu nomeamento nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade ou impedimento que imposibilite a este para o exercicio das súas atribucións.
2. En caso de ausencia, enfermidade ou impedimento, as funcións do alcalde non poderán ser asumidas polo tenente de alcalde a quen corresponda sen expresa delegación na forma sinalada neste regulamento. Non obstante cando o alcalde se ausente do termo municipal por máis de 24 horas, sen ter conferido a delegación, ou cando por causa imprevista lle fose imposible outorgala, substituiralle o tenente de alcalde a quen corresponda dando conta ó Pleno da Corporación.
ARTIGO 75 - LIMITACIÓN DE FUNCIÓNS
Nos supostos de substitución do alcalde por razóns de ausencia ou enfermidade o tenente de alcalde que asume as súas funcións non poderá revocar as delegacións que tivese outorgado o primeiro.
CAPÍTULO V - A XUNTA DE GOBERNO LOCAL
ARTIGO 76 - COMPOSICIÓN.
1. De conformidade co disposto no artigo 23 da lei 7/1985 a Xunta de Goberno Local intégrase polo alcalde e un número de Concelleiros non superior ó tercio do número legal dos mesmos, nomeados e separados libremente por aquel, dando conta ó Pleno.
2. A Xunta de Goberno Local e exerce as funcións que se sinalan no artigo 23.2 da Lei 7/1985.
ARTIGO 77 - CONSTITUCIÓN E PERIODICIDADE DAS SESIÓNS.
1. A Xunta de Goberno Local celebrará sesión constitutiva a convocatoria do alcalde, dentro dos dez días seguintes a aquel en que este teña designado os membros que a integran.
2. Corresponde o alcalde fixar mediante decreto a periodicidade e o día e a hora das sesións ordinarias. As sesións extraordinarias e as urxentes terán lugar cando con tal carácter sexan convocadas polo alcalde. O alcalde porá en calquera momento, reunir a Xunta de Goberno Local, cando estime necesario coñecer o seu parecer ou pedir a súa asistencia con anterioridade a dictar decretos en exercicio das atribucións que lle correspondan.
ARTIGO 78 - RÉXIME DE FUNCIONAMENTO.
As sesións da Xunta de Goberno Local axustaranse ó disposto na lexislación vixente e neste Regulamento para as sesións plenarias coas modificacións seguintes:
a) Entre a convocatoria e a celebración da sesión non poderá transcorrer menos de 24 horas agás nos casos de sesións extraordinarias e urxentes nas que antes de entrar a coñecer os asuntos incluídos na orde do día, terá que ser ratificada a urxencia mediante acordo favorable da maioría dos membros.
b) As sesións da Xunta de Goberno Local non serán publicas sen prexuízo da publicidade e comunicación ás administración estatal e autonómica dos acordos adoptados. Ademais no prazo de dez días deberá enviarse a tódolos membros da Corporación copia da acta.
c) Para a válida constitución da Xunta de Goberno Local requírese a asistencia da maioría absoluta dos seus compoñentes. Se non existira quórum, constituirase en segunda convocatoria, unha hora despois da sinalada para a primeira, sendo suficiente a asistencia da terceira parte dos seus membros, e, en todo caso, un número non inferior a tres.
d) O alcalde dirixe e ordena ó seu prudente arbitrio os debates no seno da Xunta de Goberno Local.
d) Nos casos en que a Xunta de Goberno Local exerza competencias delegadas polo Pleno, será preceptivo o previo informe da Comisión Informativa correspondente.
e) As actas das sesións da Xunta de Goberno Local que terán o formato e contido das do Pleno, aínda que adaptadas á composición deste órgano serán suscritas polo secretario e transcribiranse nun libro distinto ó das actas do Pleno.
CAPÍTULO VI - A XUNTA DE CONCELLEIROS DELEGADOS.
ARTIGO 79 - COMPOSICIÓN E RÉXIME DE FUNCIONAMENTO
1. Composición: A Xunta de Concelleiros Delegados, presidida polo alcalde, integrarase polos concelleiros con delegacións xenéricas e especiais conferidas para a dirección e xestión das áreas de goberno municipal e mentes estea vixente a delegación.
2. O presidente da Xunta é o alcalde e este designará entre os seus membros un concelleiro que desempeñe as funcións de secretario para os efectos estender a acta que expresará o lugar, data e participantes na sesión, e recollerá sucintamente as cuestións obxecto de deliberación e as propostas que se adopten.
3. O nomeamento e cesamento dos membros da comisión prodúcese por resolución da Alcaldía.
4. As sesións da Xunta de Concelleiros Delegados non serán públicas e terán lugar con carácter ordinario cunha periodicidade quincenal e, con carácter extraordinario, cando o decida o alcalde ou o soliciten a terceira parte dos seus membros. O día e hora das xuntanzas fixaranse por resolución de Alcaldía.
5. A convocatoria e o desenvolvemento das sesións réxense polas disposicións aplicables ás reunións deliberantes da Xunta de Goberno Local.
6. A Xunta non adoptará ningún acordo ou resolución e o resultado das deliberacións, se é o caso, adoptará a forma de proposta dirixida ó órgano da Corporación que teña atribuída a competencia na materia. As propostas aprobaranse por maioría simple.
7. A Xunta de Concelleiros Delegados depende xerárquica e funcionalmente da Alcaldía.
DISPOSICIÓN FINAL ÚNICA - ENTRADA EN VIGOR
O presente Regulamento entrará en vigor ós quince días da súa completa publicación no Boletín Oficial da Provincia