Padrón - ORDENANZA REGULADORA DA PRESTACIÓN DOS SERVIZOS DO PROGRAMA CONCILIA- DESPERTARES

Publicación provisional: 11/07/2008 BOP Nº: 159
Publicación definitiva: 17/09/2008 BOP Nº: 215
Aplicable dende: 04/10/2008

Art. 1. Obxecto

O ¿Programa Concilia-Despertares" ten como obxectivo principal responder ás necesidades familiares derivadas do desfase existente entre os horarios escolares e laborais, garantindo a atención das nenas e dos nenos por persoal debidamente cualificado que lles ofrezan actividades encamiñadas a fomentar a súa creatividade, autonomía e interese por coñecer e gozar do seu contorno, cubrindo a necesidade de atención a nenos e nenas antes do inicio das clases pola mañá, así como ofrecer o servizo dun almorzo equilibrado.
Os obxectivos específicos son:
a) Aproveitar o tempo para facer actividades lúdicas e re-creativas.
b) Colaborar coas familias e co profesorado na adqui-sición, por parte dos/as escolares, de hábitos saudables de vida, consumo, alimentación e utilización do tempo libre.
c) Brindar unha metodoloxía de traballo que contribúa ao desenvolvemento global dos nenos e das nenas, fomentando a súa creatividade, autonomía, comunicación e socialización.
d) Facilitar o apoio técnico necesario para a posta en marcha.
e) Garantir a atención dos/as escolares por persoal debidamente cualificado durante o tempo previo á xornada lectiva.
f) Controlar a calidade e coherencia do servizo prestado, a través do seguimento continuado por parte do equipo supervisor do programa.

Art. 2. Prestación dos servizos

1. Os servizos que comprende o ¿Programa Concilia-Despertares" prestaranse, de luns a venres, en días lectivos, nos dous centros de educación Infantil e Primaria de Padrón: CEIP FLAVIA e CEIP ROSALÍA DE CASTRO sempre que se alcance un número mínimo de participantes.
2. Comezará a partir das 7:30 horas da mañá, coa apertura do centro educativo, e finalizará co comezo do horario escolar establecido en cada centro.

Art. 3. Servizos que comprende o ¿Programa Concilia-Despertares"

O programa incluirá, polo menos, os seguintes servizos:
a) Servizo de gardaría.
b) Servizo de almorzo: consistente na elaboración, polos/as monitores/as, do almorzo nas instalacións do centro educativo.
c) Servizo de monitorado: as/os monitoras/es atenderán ao alumnado. Deberán garantir os hábitos de hixiene e facerlles un seguimento especial ás nenas e aos nenos de menor idade ou con dificultades. Á parte disto, realizarán actividades de lecer cos nenos e coas nenas, durante o tempo de duración do servizo.
d) As monitoras e os monitores deixarán limpo o local destinado ao servizo, así como os espazos que ceda o centro para a realización de actividades complementarias.
e) As monitoras e os monitores serán o vínculo entre os/as nenos/as e os pais e as nais. Informarán aos pais e ás nais e aos titores e titoras e/ou ao concello das incidencias que se produzan.

Art. 4. Beneficiarios do ¿Programa Concilia"

O ¿Programa Concilia-Despertares" está dirixido a todos os alumnos e a todas as alumnas dos centros públicos de educación infantil e primaria do municipio de Padrón nos que se poña en funcionamento o servizo

Art. 5. Clases de usuarios/as

a) Usuario/a fixo: é aquel alumnado que se matricule no servizo desde setembro a xuño, independentemente de que o utilice todos os días ou días concretos. Pódese dar de alta no momento da matrícula ou, de haber prazas vacantes, con posterioridade. Pode cursarse a baixa no momento que considere oportuno. Para isto, terá que comunicarllo ao coordinador ou á coordinadora nos últimos dez días do mes anterior a causar a baixa e solicitar por escrito a baixa nas oficinas municipais.
Se o usuario ou usuaria non vai utilizar algún día o servizo deberá comunicarllo ao coordinador ou coordinadora de monitores/as presencialmente ou por teléfono coa suficiente antelación e, en todo caso, antes das 8:30 horas do día que non utilice o servizo.
b) Usuario/a ocasional: é aquel alumnado que, habendo praza, desexe utilizar o servizo en días soltos. Debe solicitarllo ao coordinador ou coordinadora, presencialmente ou por teléfono, coa suficiente antelación, tendo como tope as 20:00 horas do día anterior á utilización do servizo.

Art. 6. Tramitación de acceso aos servizos

A petición de admisión realizarase cubrindo o impreso que se lle facilitará na escola ou nas oficinas municipais no período de inscrición. Este período comprenderá desde o inicio do período de inscrición do curso escolar ata o inicio do curso escolar. Durante o curso escolar poderanse recoller inscricións en calquera momento, sempre que haxa prazas dispoñibles.
O número máximo de prazas dispoñibles farase público no momento de apertura do prazo de inscrición.
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, achegando xunto con elas fotocopia da seguinte documentación, debidamente compulsada:
a) Resgardo de matrícula escolar.
b) Libro de Familia.
c) Título de familia numerosa, de ser o caso ( aos efectos do baremo que se establezan na correspondente ordenanza fiscal).
d) Aqueles/as participantes que teñan problemas alimentarios (celíacos, diabéticos...) achegarán informe médico onde se recollan.
e) Sentenza de separación, divorcio ou xustificante de viuvez (aos efectos do baremo que se establezan na correspondente ordenanza fiscal).
f) Xustificación de ingresos económicos ( aos efectos do baremo que se establezan na correspondente ordenanza fiscal).
- Se tivo que efectuar declaración de IRPF, copia de cada membro da unidade familiar computable, para os efectos económicos (do ano anterior).
- Se non estivo obrigado/a a presentar declaración: certificado da Axencia Tributaria, do ano anterior; certificado de bases impoñibles; certificación expedida polo organismo competente (INEM, XUNTA, Seguridade Social), se percibiu algunha prestación ou pensión.
g) Cantos outros documentos, nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables segundo o baremo que conste na correspondente ordenanza fiscal.

Art. 7. Dereito de admisión

O Concello e o centro reservan para si o dereito de admisión e de exclusión temporal ou definitiva dos alumnos e das alumnas que se comporten de forma incorrecta. Antes de tomar unha decisión desta índole, darase sempre audiencia aos pais e nais ou a quen teña a patria potestade dos/as menores.
As nenas e os nenos que acudan ao servizo deberán ter adquiridos os hábitos de educación e coñecemento adecuados á súa idade.
Os nenos e as nenas deberán levar un neceser con utensilios de hixiene e limpeza bucal. Os nenos e as nenas de educación infantil, e aqueles/as que se considere oportuno, levarán tamén toalla e mandilón.

Art. 8. Casos especiais

Os usuarios e as usuarias do servizo deberán notificar calquera problema de saúde (alerxias e intolerancias a calquera tipo de alimento) que repercutan na elaboración do almorzo e que serán atendidas especificamente.
En caso dun problema vírico ocasional, no que a usuaria ou o usuario precise dunha dieta astrinxente, terán que comunicarllo á coordinadora ou coordinador de monitoras/es antes do día para o que se requira a dieta.
Se a alumna ou o alumno ten que medicarse á hora do almorzo, deberá achegar unha certificación médica na que se especifique a cantidade e o medicamento, así como unha auto-rización dos pais, nais ou titores/as. Non se lles administrarán medicamentos sen o cumprimento destes requisitos.
Non poderán asistir as usuarias e os usuarios con febre ou enfermidades contaxiosas.

Art. 9. Persoal

O persoal encargado do servizo (monitorado) deberá pasar un exame médico previo á incorporación, posuír o carné de manipulador/a de alimentos e acreditar formación como monitor/a de tempo libre ou no ámbito da educación.

Art. 10. Xestión do tempo libre

As actividades que desenvolverán as/os monitoras/es no tempo libre son as seguintes:
a. Actividade de videoteca biblioteca.
b. Xogos cooperativos.
c. Xogos de mesa.
d. Actividades deportivas e de lecer.

Art. 11. Lugar de realización das actividades

As actividades desenvolveranse nos espazos cedidos polos centros educativos e aprobados polo seu Consello Escolar, previa petición do Concello.

Art. 12. Extinción dos servizos

1. Serán causas de baixa nos servizos:
a) O incumprimento dos requisitos establecidos.
b) A solicitude dos pais, nais ou representantes legais.
c) A falta de pagamento da cota tributaria establecida na correspondente ordenanza fiscal.
d) A comprobación da falsidade nos documentos ou datos achegados, con independencia das infraccións administrativas e/ou penais que a devandita conducta constitúa.
e) A falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.
2. Igualmente será causa de baixa dos/as participantes no servizo, cursada de oficio pola Administración, aquel suposto en que non se manteña o número mínimo de escolares por centro, nese caso deixarase de prestar o servizo no devandito centro.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA ÚNICA

Para os efectos do previsto no artigo 6 da presente Ordenanza, e tan só durante o ano 2008, primeiro exercicio de vi-xencia, a petición de alta no servizo poderá cursarse ata despois da finalización do prazo de inscrición no curso escolar, ou unha vez iniciado o curso.
Para estes únicos efectos, o prazo máximo de presen-tación de solicitudes será determinado por acordo da Xunta de Goberno Local.

DISPOSICIÓNS FINAIS

PRIMEIRA

Esta Ordenanza, que consta de doce artigos, unha disposición transitoria e dúas disposicións finais, entrará en vigor tras a súa aprobación definitiva, unha vez publicada integramente no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo a que se refire o art. 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, de bases do réxime local.

SEGUNDA

Cada centro escolar deberá ter aprobado no seu Consello Escolar a autorización para a posta en funcionamento deste servizo.