Índice
Cambre - ORDENANZA DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO CONCELLO DE CAMBRE
Publicación provisional:
BOP Nº:
Publicación definitiva:
11/02/2009
BOP Nº:
19
Aplicable dende:
11/02/2009
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A principal manifestación da identidade cultural dun país é a súa lingua. O galego, lingua propia de Galicia, é o máximo expoñente da nosa identidade como comunidade diferenciada. A lingua galega, no decorrer da súa historia, coñeceu períodos de ¿normalidade", sendo lingua de uso común en todos os ámbitos. A historia móstranos como na segunda metade do século XII, organismos civís, gremios, confrarías, mosteiros e conventos teñen no galego a súa lingua vehicular, e mesmo se traducen do castelán os códigos civís chegados dos territorios lingüísticos casteláns. É a partir de finais do século XIV cando comeza a progresiva substitución do galego polo castelán nos contextos formais anteditos, manténdose o galego como lingua oral. Houbo que agardar ata o século XVII para que aparecesen as primeiras voces que reclamaban a restitución do uso do galego en todos os ámbitos. Estes xermolos florecen durante o século XIX e dan os seus froitos máis vizosos no Estatuto de Autonomía de 1936, primeira normativa legal que recoñece a oficialidade do galego.
A Constitución Española de 1978 proclama ¿a vontade de protexer a todos os españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas, tradicións, lingua e institucións" establecendo no artigo 3.2 que as linguas do Estado diferentes ao castelán serán oficiais nas súas respectivas comunidades, de acordo con cada estatuto. A promulgación do Estatuto de Autonomía Galicia en 1981 proclama a lingua galega como oficial de Galicia, na súa cualidade de lingua propia desta terra, e desenvolve aínda máis este precepto ao encomendarlles aos poderes públicos de Galicia que garantan o uso normal e oficial da lingua galega - xuntamente co castelán - e potencien o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, acrecentando que ¿disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento" (artigo 5.3 E.A.G.). A proclamación da oficialidade da lingua galega impón unha serie de obrigas aos poderes públicos autonómicos. Estes han de utilizala como lingua de uso normal de comunicación entre eles e nas súas relacións coa cidadanía. Ao mesmo tempo, as cidadás e os cidadáns adquiren unha serie de dereitos lingüísticos que teñen que ser respectados pola administración, para o que terá que estar en disposición de traballar en igualdade nunha e outra lingua oficial de Galicia (galego e castelán). A Lei de normalización lingüística (15 de xuño de 1983) desenvolve aínda máis este mandato estatutario. A Xunta ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As corporacións locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta lei (artigo 6.4). Con posterioridade á promulgación desta lei, fóronse aprobando ordes e decretos que veñen complementar o marco legal e van no camiño de colaborar na recuperación plena do uso do idioma galego nos diferentes ámbitos. É especialmente salientable neste camiño a Lei 5/1988 de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais.
En Galicia, onde a inmensa maioría da poboación fala ou entende a súa lingua, as corporacións locais poden e deben desenvolver accións encamiñadas a recuperaren o uso do noso idioma para os usos administrativos.
Tamén en Cambre o compromiso coa nosa lingua e as prácticas normalizadoras veñen de atrás, adaptándose na comunicación e na administración aos sucesivos preceptos e normas legais. A creación nesta lexislatura da Consellaría de Normalización Lingüística, o inicio de recuperación e restauración da nosa toponimia, o proxecto de crear o Gabinete de Normalización Lingüística son algúns dos pasos dados. A isto debemos sumarlle esta proposta de ordenanza que será unha ferramenta útil para acadar os obxectivos de normalización do idioma galego.
Por estas razóns, o Pleno da Corporación de Cambre aproba a seguinte ordenanza:
CAPÍTULO I: DO USO DO IDIOMA GALEGO
Art. 1
1.1 O galego, como lingua propia de Galicia, é o idioma oficial do Concello de Cambre.
1.2 Tamén o é o castelán como lingua oficial do Estado.
1.3 As cidadás e os cidadáns teñen dereito a ser atendidas ou atendidos e a obter copia ou recibir notificacións da documentación municipal no idioma oficial da súa elección.
CAPÍTULO II: ÁMBITO DE APLICACIÓN
Art. 2
2.1 O uso da lingua galega por parte do Concello e dos organismos que del dependen rexeranse polos criterios establecidos nesta ordenanza.
2.2 Os particulares ou as empresas adxudicatarias ou concesionarias, que actúen por conta deste Concello, así como as de explotación mixta en que sexa parte o Concello, farán o propio, o cal se fará constar explicitamente nos documentos correspondentes.
2.3 O Concello velará para que a nivel interno e nas actividades en que participe - convenios, consorcios - sexan aplicados os principios aquí establecidos.
2.4 O Concello manterá un Servizo de Normalización Lingüística co obxectivo de impulsar a normalización do galego a todos os niveis e coordinar as accións necesarias para dar cumprimento a esta ordenanza.
CAPÍTULO III: DO USO DO GALEGO NA ORGANIZACIÓN MUNICIPAL
Art. 3
3.1 As actuacións internas do Concello faranse en galego.
3.2 Redactarase integramente en lingua galega a seguinte documentación:
a) As convocatorias das sesións de todos os órganos colexiados do Concello, así como as ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordos, ditames das comisións informativas e actas dos citados órganos municipais (nomeadamente Pleno, Xunta de Goberno Local, comisións informativas, consellos sectoriais e tribunais de oposicións e concursos)
b) As resolucións de alcaldía, dos concelleiros ou das concelleiras delegadas e o seu Libro de Resolucións.
c) Toda a documentación xerada polo Concello que faga parte dos expedientes administrativos que teñan que someterse á decisión ou coñecemento dos devanditos órganos -informes, propostas, ditames, etc.-.
d) As actas e os acordos de todos os órganos dos consellos e entidades con personalidade xurídica dependente deste Concello.
e) As notificacións e comunicacións dos actos anteriores.
3.3 Todos os modelos de documentación utilizados na administración municipal serán elaborados en galego e, verbo disto, os plans e procesos de informatización e racionalización administrativa deberán ter presente o establecido neste artigo, de xeito que as aplicacións e os programas informáticos teñen que estar adaptados ao funcionamento en lingua galega.
3.4 Os rótulos indicativos de oficinas e gabinetes, as cabeceiras de toda clase de impresos, os selos de goma, os cuños e outros elementos semellantes deberán estar escritos en galego.
Art. 4
4.1 Os documentos públicos e os contractuais subscritos polo Concello redactaranse sempre en galego. Se a outra parte contratante o solicita ou o negocio deba producir efecto fóra de Galicia, tamén será redactado en castelán. No caso de que o Concello concorra xunto con outros outorgantes, o documento redactarase na lingua que se acorde e, se acaso, o Concello solicitará unha copia en galego para incorporala ao expediente, en que se faga constar que é tradución do seu orixinal.
4.2 O Concello, mediante a elaboración de documentos-tipo, posibilitará que os modelos de proposicións e demais documentación que deban presentar os contratistas e provedores, se faga en galego, iso sen prexuízo de que poidan presentalo en castelán, de conformidade co establecido nos artigos 1.3 e 5 da presente ordenanza.
4.3 O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Cambre, colaborará e asesorará ás empresas, contratistas e provedores para que poidan cumprir os requisitos da presente ordenanza.
CAPÍTULO IV: DAS RELACIÓNS COAS E COS ADMINISTRADOS
Art. 5
5.1 Todos os expedientes administrativos do Concello serán tramitados en lingua galega.
5.2 Cando o interesado ou a interesada o solicite formalmente, entregaránselle os documentos que lle afecten ou interesen na lingua oficial -galego, castelán- que demandase. En calquera caso, non se interromperá a tramitación en galego.
5.3 As comunicacións e as notificacións dirixidas a persoas físicas e xurídicas residentes no ámbito lingüístico de Galicia faranse en lingua galega, sen prexuízo do dereito das cidadás e dos cidadáns a recibila, se o demandaren formalmente, en castelán.
5.4 Os expedientes e as comunicacións formais con destino a entidades fóra do territorio no que a lingua galega é lingua oficial, faranse en galego e castelán, coa indicación expresa neste último caso de que o texto é tradución do orixinal galego.
Art. 6
6.1 Os impresos ofreceranse en versión galega, sen prexuízo do dereito dos particulares a cubrilos en castelán. Non obstante, e a teor do establecido nos artigos 1.3, 5.2 e 5.3 da presente ordenanza, o concello facilitará o impreso en castelán cando así se solicite polo interesado.
6.2 Só se farán impresos bilingües cando algunha circunstancia especial así o requira. De ser o caso, o galego figurará sempre de forma preferente.
Art. 7
Nas súas comunicacións administrativas orais, o persoal do Concello empregará a lingua galega, a non ser que o administrado ou a administrada demande expresamente ser atendido ou atendida en castelán. O Concello de Cambre promoverá cursos e apoio técnico para implantar progresivamente esta práctica.
CAPÍTULO V: DAS RELACIÓNS INSTITUCIONAIS
Art. 8
8.1 A documentación que o Concello dirixa a calquera das administracións públicas sitas no territorio da nosa Comunidade Autónoma redactarase en lingua galega.
8.2 As comunicacións do Concello dirixidas á Administración civil ou militar do Estado e á Xustiza dentro do ámbito lingüístico galego redactaranse en lingua galega.
Art. 9
Os documentos do Concello dirixidos ás administracións públicas de fóra do ámbito lingüístico galego, tamén se redactarán en galego e castelán, coa indicación neste último caso de que o texto é tradución do orixinal galego e, de facer falta, se expedirá unha copia traducida á lingua propia ou oficial da administración respectiva.
Farase o mesmo coas copias dos documentos.
CAPITULO VI: DOS AVISOS, PUBLICACIÓNS E ACTIVIDADES PÚBLICAS
Art. 10
Os cargos do Concello expresaranse normalmente en galego nos actos públicos que teñan lugar no ámbito lingüístico galego, sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo.
Art. 11
11.1 Os libros, as revistas e, en xeral, todos os carteis e as publicacións que edite o Concello, como tamén as mensaxes que se emitan a través dos medios de comunicación, faranse en galego, excepto aqueles destinados especificamente á promoción exterior, que se poderán facer na lingua dos destinatarios.
11.2 Fóra do ámbito lingüístico galego, a publicidade farase sempre en versión dupla: en galego e a lingua propia do territorio onde se dirixa.
11.3 A publicidade que se coloque en recintos propiedade do Concello deberá ser en galego.
CAPÍTULO VII: DOS REXISTROS
Art. 12
Sen prexuízo do que para os rexistros públicos establece o artigo 9 da Lei 3/1983, nos rexistros administrativos das oficinas do Concello, os asentos faranse sempre en galego, independentemente da lingua en que estean escritos, agás que o interesado solicite que se faga en castelán.
CAPÍTULO VIII: DA ATENCIÓN AO PÚBLICO
Art. 13
Os servizos das unidades administrativas que teñan unha relación co público máis intensa promocionarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación e a información aos cidadáns e ás cidadás dos seus dereitos lingüísticos, de acordo cos criterios de máximo respecto e non discriminación.
O disposto no presente artigo tamén é de aplicación ás empresas ou ás entidades que presten servizos públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto.
CAPÍTULO IX: TOPONIMIA, SINALIZACIÓN E RÓTULOS
Art. 14
De acordo co disposto no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do territorio municipal do Concello é a galega.
Art. 15
Os rótulos e as sinalizacións da Casa do Concello e dos outros edificios ou servizos públicos e da rede viaria municipal, dependente do Concello ou instalada polas súas empresas adxudicatarias ou concesionarias ou calquera outra entidade, serán redactados en idioma galego.
Cando o interese xeral o requira, tamén se poderán redactar nos idiomas que se estime conveniente en cada caso.
Art. 16
Todos os vehículos do parque móbil municipal e bombeiros levarán a súa rotulación en galego. Esto mesmo será de aplicación ao parque móbil daquelas empresas adxudicatarias ou concesionarias, e así se establecerá nos correspondentes pregos de condicións.
Art. 17
O establecido no artigo anterior tamén será de aplicación a todo o vestiario municipal.
Art. 18
O Concello velará pola normalización de toda a súa sinalización e rotulación, e tomará as medidas necesarias para garantir o uso da toponimia oficial galega.
CAPÍTULO X: DA SELECCIÓN, PROVISIÓN E RECICLAXE DO PERSOAL
Art. 19
A declaración de oficialidade do idioma galego esixe que todo o persoal ao servizo da Corporación estea en condicións de empregalo nos dous niveis, oral e escrito, en igualdade co castelán e de acordo coa natureza do seu posto de traballo.
Art. 20
Para acadar o obxectivo enunciado no artigo anterior, establécense as seguintes regras:
a) O persoal que actualmente traballa ao servizo da Corporación e non estea capacitado para o uso do galego de acordo co disposto no artigo 22, deberá adquirir tal coñecemento. Con ese fin, o Concello desenvolverá un programa de formación e perfeccionamento.
b) Nos procedementos de provisión de postos de traballo, incluídos os cargos de habilitación nacional, as persoas candidatas deberán estar capacitadas e posuír un grao de coñecemento oral e escrito da lingua galega que as faga aptas para desenvolver as súas funcións. A este fin, nas bases das convocatorias de probas selectivas ou de procedementos de provisión incluirase o coñecemento expreso da lingua galega como mérito preferente de acordo coa avaliación que se estableza.
c) O persoal ao servizo da Corporación que teña acreditado o coñecemento do idioma galego ou participase nos programas de formación ou perfeccionamento utilizarao no seu traballo de acordo coas disposicións que contén a ordenanza.
d) As probas selectivas para a provisión de prazas de funcionarios e persoal laboral ao servizo do Concello realizaranse en lingua galega, facilitándose na outra lingua oficial cando algunha persoa o solicite expresamente.
e) Incluirase nas bases das convocatorias de prazas de traballadores e traballadoras ao servizo do Concello a indicación do punto anterior.
f) Así mesmo, se indicará nas devanditas bases que os tribunais solicitarán o asesoramento de persoas cualificadas para a valoración dos coñecementos de galego.
g) A formación profesional do persoal funcionario e laboral farase en lingua galega, sempre que dependa do Concello a programación e organización. De non depender del, o Concello demandará que se faga en galego.
CAPÍTULO XI: DO IMPULSO INSTITUCIONAL
Art. 21
21.1 De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, o Concello fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outra dentro do ámbito municipal.
21.2 Todos os organismos do concello impulsarán a normalización lingüística no seu ámbito de actuación.
21.3 O Concello poderá outorgar, por actos singulares, reducións ou bonificacións de obrigas fiscais e/ou subvención, para as actuacións relacionadas coa normalización lingüística, conforme ao establecido no artigo 25 da citaba Lei 3/1983, do 15 de xuño.
21.4 Poderán formalizarse convenios coas entidades, asociacións, etc. que reciban subvencións do Concello, para que utilicen a lingua galega nos actos, documentación e publicidade destes.
CAPÍTULO XII: DO SERVIZO MUNICIPAL DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Art. 22
22.1 Para dar cumprimento ao establecido na presente ordenanza e proporcionar soporte técnico ao proceso de normalización da lingua galega no Concello de Cambre, crearase o Servizo de normalización lingüística como axuda da que poderán dispor todos os departamentos.
22.2 As tarefas que desenvolve o Servizo de Normalización Lingüística configúranse en tres áreas fundamentais: tradución, corrección e asesoramento lingüístico, dinamización lingüística e cursos.
CAPÍTULO XIII: DO CUMPRIMENTO E SEGUIMENTO DESTA ORDENANZA
Art. 23
23.1 Para garantir o cumprimento desta ordenanza, crearase unha Comisión Interdepartamental de Seguimento, integrada cando menos polo alcalde ou alcaldesa, o secretario / a secretaria xeral, a xefa / o xefe de persoal, ao persoal responsable do Servizo de Normalización Lingüística, un concelleiro ou concelleira designado/a por cada grupo municipal e un representante da xunta de persoal.
23.2 Esta comisión de seguimento reunirase polo menos dúas veces no ano, para analizar o cumprimento e desenvolvemento desta ordenanza, e extraordinariamente cando a convoque o alcalde ou a alcaldesa, por iniciativa propia ou a petición dalgún dos seus membros.
23.3 A actuación, a ampliación ou a revisión da ordenanza tamén depende desta comisión, a cal fará o estudo e a proposta correspondente ao Pleno do Concello, para que, se procede, se aprobe a modificación.
23.4 Esta comisión velará especialmente polo cumprimento desta ordenanza nos casos de comunicación co público en xeral e nas intercomunicacións do Concello co exterior, tanto no caso do funcionariado como dos concelleiros e concelleiras.
Disposición adicional:
O alcalde ou alcaldesa poderá dictar instrucións para o desenvolvemento das previsións contidas neste regulamento.
Disposición final
De conformidade co disposto polo artigo 70 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, esta norma entrará en vigor unha vez que o seu texto sexa publicado integramente no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e teña transcorrido o prazo sinalado no artigo 65.2 da Lei 7/1985, citada.