Laracha A - Regulamento do Consello Escolar Municipal da Laracha.
Artigo 1.- FINALIDADE
O Consello Escolar Municipal da Laracha (CEML) configúrase como un organismo de asesoramento, consulta, proposta, información e participación sobre o ensino non universitario no ámbito territorial do concello.
Artigo 2.- FUNCIÓNS
O carácter de organismo participativo na planificación e intervención educativa non universitaria realizarase por medio das funcións que lle son propias ao CEML, asesoramento, consulta, proposta e información nas cuestións seguintes:
a) Convenios e acordos de colaboración coa Consellaría de Educación ou calquera outra administración pública, que lle afecten ao ensino dentro do ámbito municipal.
b) Actuacións e normas municipais que lles afecten aos servizos educativos complementarios e extraescolares con incidencia no funcionamento dos centros docentes, tales como transporte escolar, comedores, servizos de limpeza e conservación.
c) Actuacións e normas municipais que lle afecten ou que favorezan a ocupación real das prazas escolares coa finalidade de mellorar o rendemento educativo e, no seu caso, facer efectiva a obrigatoriedade do ensino.
d) Emprazamento dos centros docentes dentro da demarcación municipal.
e) Prioridade nos programas e actuacións municipais que lle afecten á conservación, vixilancia e mantemento axeitado dos centros docentes, de acordo coas competencias que a lexislación lle outorgue aos concellos en cada momento, e especial atención á supresión de barreiras arquitectónicas.
f) Fomento de actividades que tendan a mellorar a calidade educativa, á renovación pedagóxica, aos principios da escola activa, á atención a diversidade e á integración escolar, especialmente no que respecta á adaptación da programación ao medio, para chegar a unha escola democrática, científica, libre, galega e non discriminatoria.
g) Competencias educativas que lle afecten ao ensino non universitario e que a lexislación lle outorgue aos municipios.
h) Na programación de investimentos en materia educativa.
i) Calquera outro asunto que pola súa importancia para a vida escolar do Concello, lle sexa consultado.
Artigo 3.- COMPETENCIAS
O Concello e a Administración educativa deberán consultarlle ao Consello Escolar Municipal da Laracha sobre as cuestións contidas no artigo 2 deste Regulamento.
O CEML será informado de cantas actuacións leven a cabo os distintos órganos da Corporación da Laracha con asuntos referidos á materia educativa.
Así mesmo, poderá solicitar a través do seu presidente información da Administración educativa sobre calquera materia que toque a educación no ámbito municipal.
Artigo 4.- COMPOSICIÓN
Ao abeiro do disposto no artigo 15, apartado b) da Lei 3/86 e do artigo 30 do Decreto 44/88 dos consellos escolares de Galicia, o Consello Escolar Municipal da
Laracha, do ensino non universitario, estará composto polos seguintes membros:
a) Presidente/a: o Alcalde.
b) Vicepresidente/a: Concelleiro/a delegada de ensino do concello da Laracha
c) Secretario/a: o secretario xeral do Concello, ou funcionario/a deste en quen delegue (con voz pero sen voto)
d) Vogais:
Sete profesores, dos niveis educativos correspondentes ao ámbito da ensinanza non universitaria de Galicia, propostos por sindicatos ou asociacións profesionais proporcionalmente á representación obtida nas eleccións sindicais do sector docente, no municipio
Catro pais de alumnos/as propostos pola federación de asociacións de pais de alumnos.
Tres alumnos elexidos polos representantes dos alumnos nos Consellos Escolares dos centros existentes no municipio.
1 representante de cada grupo político da oposición
Os directores/as dos centros de ensino público do Concello
O procedemento de eleccións será o establecido na lei 3/1986 e no decreto 44/88
Artigo 5.- ORGANIZACIÓN
O CEML estrutúrase en Pleno e comisións de traballo.
No caso de que o pleno do CEML así o considerase poderase proceder á constitución dunha comisión permanente do CEML coa composición e atribucións que propoña o Consello pleno e sexa ratificado no Pleno da Corporación.
A duración do mandato dos/as conselleiros/as será de catro anos (correspondentes ao mandato municipal) e a súa designación esténdese no tempo até a finalización do mandato, de conformidade coas previsións da normativa aplicable en materia electoral.
Artigo 6.- PLENO DO CEML
O Pleno do CEML estará constituído por todos os seus membros.
Para a súa constitución inicial será necesario que asistan, cando menos, os dous terzos dos membros que compoñan o Pleno.
De non acadarse o quórum establecido, procederíase a unha nova convocatoria nun prazo máximo de 7 días, e a súa constitución rexerase polo establecido no artigo 9 deste Regulamento.
Artigo 7.
O Pleno do CEML deberá xuntarse, como mínimo, unha vez por trimestre, en sesión ordinaria, e preceptivamente ao comezo e final de cada curso escolar.
Poderá xuntarse en sesión extraordinaria se o considera oportuno o/a presidente/a, ou ben se o solicitan por escrito como mínimo unha terceira parte dos/as vogais do Pleno do CEML.
Artigo 8.- CONVOCATORIA
A convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias do Pleno do CEML deberá realizarse cunha antelación mínima de 72 horas, salvo que concorran razóns de urxencia, en que poderá convocarse con vinte e catro horas de antelación, nos dous casos terase que acompañar a orde do día, na que se fixarán os puntos para tratar.
Neste último caso, a apreciación da urxencia terá que ser ratificada pola maioría absoluta dos/as seus/súas compoñentes na propia sesión e con antelación á consideración dos puntos que integran a orde do día.
As sesións do Pleno do CEML terán lugar en primeira convocatoria, sempre que concorra a maioría absoluta dos membros de dereito, e en segunda convocatoria, media hora despois da anunciada, se asisten, cando menos, o/a presidente/a ou vicepresidente/a ou vogal en quen deleguen, o/a secretario/a, e un terzo dos/as vogais.
Calquera membro do Pleno do CEML, ten dereito a examinar e recibir, se así o solicitara, copia das actas e da documentación das comisións de traballo, do Pleno e da comisión permanente (de existir).
Artigo 9.- ORDE DO DÍA
A orde do día será establecida polo/a presidente/a e deberá incluír os asuntos que
foran solicitados con anterioridade polos/as conselleiros/as.
Establecida a orde do día, non poderá alterarse nin modificarse salvo que, estando presentes todos/as os/as compoñentes, se adopte unha decisión na propia sesión na orde de tratar e debater un asunto non incorporado na orde do día por mayoría absoluta dos membros que a formen.
A orde do día seralle enviada aos/ás conselleiros/as xunto coa citación ou convocatoria da sesión do Consello, achegando copia da acta ou actas das sesións anteriores que deban ser aprobadas.
Incorporarase como último punto da orde do día un apartado de quenda de intervencións libres, independentemente do carácter da sesión.
Artigo 10.- ACORDOS E VOTACIÓNS
Os acordos de aprobación de informes e propostas requirirán o voto favorable da metade máis un dos membros presentes na sesión do Consello.
Os/as compoñentes do Consello que voten en contra ou se absteñan, poderán formular votos particulares en relación cos informes e propostas no prazo de corenta e oito horas, incorporándose o texto aprobado.
Artigo 11.- COMPETENCIAS
Serán competencias do Pleno do CEML:
a) Debater e aprobar os informes e ditames referidos aos puntos explicados no artigo 3 deste Regulamento.
b) Ratificar aos/ás presidentes/as de cada unha das comisións de traballo.
c) Aprobar a creación das novas comisións de traballo.
d) Aprobar a memoria anual de actuación do CEML.
e) Aprobar o informe anual sobre a situación do ensino non universitario no municipio.
Artigo 12.- AS COMISIÓNS DE TRABALLO
Dentro do CEML estableceranse comisións de traballo, que se poderán xuntar cantas veces o consideren oportuno os seus membros.
En cada comisión de traballo haberá un/unha presidente/a, un/unha secretario/a, e vogais en proporción equitativa da representación dos diferentes sectores representados no consello pleno.
O/a presidente/a de cada comisión será elixido/a no seu seo, e ratificado/a polo Pleno do CEML, e será voceiro/a da comisión diante do Pleno.
O/a secretario/a da comisión, que será designado/a polo/a seu/súa presidente/a, realizará a acta de cada unha das reunións e a orde do día de cada unha delas.
Artigo 13.
No CEML funcionarán, cando menos, 3 comisións de traballo:
1ª.- Comisión pedagóxica.
2ª.- Comisión de equipamento escolar.
3ª.- Comisión de planificación educativa.
As propostas das comisións serán elevadas ao plenario do Consello Escolar Municipal da Laracha.
Artigo 14.
O pleno de CEML poderá establecer outras comisións de traballo, se o considera necesario.
Artigo 15.
O CEML para tratar temas específicos e puntuais, ou para formar parte dalgunha comisión de traballo, poderá solicitar a asistencia de persoas de recoñecida valía ou coñecementos nunha materia, ou de entidades afectadas nun problema, con voz pero sen voto.
Artigo 16.- O/A PRESIDENTE/A
O/a presidente/a do CEML terá as seguintes funcións:
a) Ostentar a representación oficial do CEML e a representación oficial do Concello.
b) Fixar a orde do día, convocar e presidir as sesións e moderar os debates do Pleno e da comisión permanente do CEML.
c) Autorizar coa súa sinatura os acordos do Pleno do CEML e trasladar os acordos.
d) Decidir os empates con voto de calidade.
e) As demais funcións inherentes á súa condición de presidente/a do órgano.
Artigo 17.- O/A VICEPRESIDENTE/A
O/a vicepresidente/a asume as atribucións do/a presidente/a en caso de ausencia, vacante ou doenza.
Artigo 18.- O/A SECRETARIO/A
Serán funcións do/a secretario/a:
a) Citar as sesións do Pleno do CEML, que convocará o/a presidente/a, cando menos con 72 horas de antelación, segundo a orde do día
b) Redactar as actas das sesións e dar fe dos acordos do Pleno, co visto e prace do/a presidente/a.
c) Custodiar os libros de actas do Pleno do Consello e permanente, así como a documentación relativa ao seu funcionamento, que estará depositada na Concellaría de Educación.
d) Calquera outra tarefa, relativa ás funcións xenéricas da secretaría, que lle encomende o CEML.
e) Custodiar as actas.
Artigo 19.- MEMORIAS ANUAIS
O CEML ao remate de cada curso escolar elaborará unha memoria da súa actuación.
Igualmente e como dispón o artigo 18, apartado 2 da Lei 3/1986 de Consellos escolares de Galicia, e o Decreto 44/1988, de 11-2, o CEML elaborará ao remate de cada curso académico un informe sobre o estado do ensino no municipio que enviará, para o seu coñecemento, á Corporación municipal, ao Consello Escolar Territorial, e ao Consello Escolar de Galicia.
Artigo 20.- RENOVACIÓN DO CEML E PERDA DA CONDICIÓN DE CONSELLEIRO/A
a) O mandato dos membros do CEML será de catro anos, coincidentes con cada mandato municipal. A súa constitución durará o tempo que transcorra ata que teñan lugar novas eleccións municipais.
b) Os membros do CEML que o sexan en virtude da representación que ostenten perderán a condición de tales no momento que cesen como representantes dos seus colectivos, por vontade propia, formulada mediante escrito ao/á presidente/a e que se fará efectiva despois de dar conta ao Pleno do CEML.
c) Os membros do CEML que o sexan por colectivos ou entidades poderán ser revogados se os que fixeron a designación o consideran oportuno.
d) Por incapacidade permanente ou falecemento.
e) Por remate do mandato
f) No caso de producirse algunha vacante, deberá ser cuberta nun prazo máximo de dous meses. O novo membro será polo tempo que resta completar o mandato
g) Os/as conselleiros/as poderán ser reelixidos/as indefinidamente, axustándose á designación establecida neste regulamento.
Disposición final
Disposición final primeira. O presente Regulamento foi aprobada polo Pleno do Concello en sesión de data 2 de febreiro de 2009, e entrará en vigor unha vez publicada integramente no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo a que se refire o artigo 70.2 en relación co 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa sinalando que contra o mesmo poderá interpoñerse recurso contencioso administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial da Provincia.
Disposición final segunda. Para o non previsto neste Regulamento será de aplicación o establecido na Lei 3/1986, de 18 de decembro, dos consellos escolares de Galicia e no Decreto 44/1988, do 11 de febreiro, polo que se regulan os consellos escolares municipais".