Pontedeume - Ordenanza de normalización lingüistica do Concello de Pontedeume
CAPÍTULO PRIMEIRO: Do uso oficial do idioma galego.
Artigo 1.
1.1.- O galego, como lingua propia de Galicia, é o idioma oficial do Concello de Pontedeume. Tamén o é o castelán como lingua oficial do Estado.
1.2.- As actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal terán plena validez e eficacia.
1.3. Os cidadáns e as cidadás teñen dereito a ser atendidos/as e obteren copia ou recibiren notificacións da documentación municipal no idioma oficial da súa elección.
CAPÍTULO SEGUNDO: Ámbito de aplicación.
Artigo 2.
2.1.- O uso da lingua galega por parte do Concello de Pontedeume e dos organismos que del dependen- padroados, consellos, organismos autónomos, sociedades anónimas municipais, etc.-, hase rexer polos criterios establecidos nesta ordenanza.
2.2.- As empresas adxudicatarias ou concesionarias, que actúen por conta deste Concello, así como as de explotación mixta en que sexa parte o Concello, farán o propio, o cal farase constar explicitamente nos documentos correspondentes.
2.3.- O Concello de Pontedeume velará para que a nivel interno e nas actividades en que participe -convenios, consorcios-, sexan aplicados os principios anteriores aquí estabelecidos.
2.4.- O Concello de Pontedeume mantén un Servizo de Normalización Lingüística co fin de dar pulo á normalización do galego a todos os niveis e coordenar as accións necesarias para dar cumprimento a esta ordenanza. Todos os organismos anteriormente citados han de se axustar aos criterios de uso lingüístico que difunde o Servizo de Normalización Lingüística.
CAPÍTULO TERCEIRO:Do uso do galego na organización municipal.
Artigo 3.
3. 1.- As actuacións internas do Concello faranse en galego.
3.2. Será redactada integramente en lingua galega a seguinte documentación:
a) As convocatorias das sesións de todos os órganos colexiados do Concello, así como ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas, rogos, preguntas e as actas dos citados órganos municipais ( nomeadamente, Pleno, Comisión de Goberno, comisións informativas, consellos sectoriais e tribunais de oposicións e concursos)
b) As resolucións do alcalde ou alcaldesa, dos concelleiros ou concelleiras delegados e o seu Libro de Rexistro.
c) Toda a documentación xerada polo Concello que faga parte dos expedientes administrativos que teñan que someterse á decisión ou coñecemento dos devanditos órganos.
d) As actas e acordos de todos os órganos dos consellos e entidades con personalidade xurídica dependente deste Concello
e) As notificacións, recursos, escrituras públicas e, en xeral, todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome do Concello.
3.3.- Todos os modelos de documentación utilizados na Administración municipal serán elaborados en galego e, verbo disto, nos planos e procesos de informatización e racionalización administrativa deberán ter presente o estabelecido neste artigo, de xeito que as aplicacións e programas informáticos han de estar adaptados para o funcionamento en lingua galega.
3.4.- Os rótulos indicativos de oficinas e despachos, as cabeceiras de toda clase de impresos, os selos de goma, os mataselos e outros elementos análogos han estar escritos en galego.
Artigo 4.
4. 1.- Os documentos públicos ou contractuais subscritos polo Concello serán redactados en galego. Se a outra parte contratante o solicita ou o negocio deba producir efecto fóra de Galicia, tamén será redactado en castelán. No caso de que Concello concorra xunto con outros outorgantes, o documento redactarase na lingua que se acorde e, se acaso, o Concello solicitará unha copia en galego para incorporala ao expediente, en que faga constar que é traducción do seu orixinal.
4.2.- Cando o Concello encargue estudos, proxectos e traballos análogos, a terceiros,cando sexan persoas físicas ou xurídicas con domicilio en Galicia, han demandar que sexan realizados en galego. Este requisito será explicitamente recollido nas convocatorias ou solicitudes deses traballos.
4.3.- O Concello requiriralles aos seus contratistas e provedores, cando sexan persoas físicas ou xurídicas con domicilio en Galicia, a presentación da documentación en galego e que, na máxima medida posible, fagan uso do galego nos bens e nos servizos que sexan obxecto do contrato. Estes requisitos han de constar no Prego de condicións dos contratos administrativos que aprobe o Concello.
CAPÍTULO CUARTO: Das relacións coas e cos administrados.
Artigo 5
5.1.- Tódolos expedientes administrativos do Concello de Pontedeume tramitaranse en lingua galega.
5.2.- Cando o interesado ou interesada o solicite formalmente entregaránselle os documentos que lle afecten ou interesen na lingua oficial que demandase. En calquera caso non se interromperá a tramitación en galego.
5.3.- As comunicacións e notificacións dirixidas a persoas físicas ou xurídicas residentes no ámbito lingüístico de Galicia faranse en lingua galega, sen prexuízo do dereito dos cidadáns a recibilas, se o demandasen formalmente, en castelán.
5.4.- Os expedientes que deban ter algún ou tódolos efectos fóra do territorio no que a lingua galega é idioma oficial, faranse tamén en galego e castelán, coa indicación neste último caso de que o texto é traducción orixinal do galego, e achegando, no caso de ser posible, a traducción na lingua propia ou oficial da administración respectiva.
Artigo 6.
6.1.Os impresos ofreceranse en versión galega, sen prexuízo do dereito dos particulares a cubrilos en castelán. O Concello facilitará a traducción ao castelán daqueles impresos que así se soliciten.
6.2. Só se farán impresos bilingües cando algunha circunstancia especial así o requirir. De ser o caso, o galego figurará sempre de forma preferente.
Artigo 7.
Nas súas comunicacións administrativas orais, o persoal do Concello empregará a lingua galega, a non ser que o/a administrado/a demande expresamente ser atendido/a en castelán.
Artigo 8.
Os documentos públicos e os contractuais outorgados polo Concello redactaranse sempre en galego. No caso en que o Concello concorra xunto con outros outorgantes, o documento redactarase tamén na lingua que se acorde, e, se acaso, o Concello solicitará unha copia auténtica en galego para incorporara no expediente.
CAPÍTULO QUINTO: Das relacións institucionais.
Artigo 9.
9.1. - A documentación que o Concello dirixa a calquera das administracións públicas sitas no territorio da nosa Comunidade Autónoma, ou nas áreas limítrofes de fala galega, redactaranse en lingua galega.
9.2.- As comunicacións do Concello dirixidas á Administración civil ou militar do Estado e á Xustiza dentro do ámbito lingüístico galego redactaranse en lingua galega, independentemente do feito que esta documentación ou os expedientes que con ela se relacionen teñan o seu efecto fora deste ámbito.
Artigo 10.
10.1. - Os documentos do Concello dirixidos ás Administracións públicas de fóra do ámbito lingüístico galego tamén se redactarán en galego e castelán, coa indicación neste último caso de que o texto é traducción do orixinal galego, e achegando no caso de ser posible, a traducción na lingua propia ou oficial da administración respectiva.
10.2.- As copias dos documentos do Concello en galego que deban de enviarse a Administracións públicas de fóra do ámbito lingüístico galego tramitaranse en galego e castelán, coa indicación neste último caso de que o texto é traducción do orixinal galego, e achegando - de ser posible- a traducción á lingua propia ou oficial da administración respectiva.
Artigo 11.
Respecto aos documentos dirixidos directamente aos organismos centrais de ámbito estatal ou supraestatal, o Concello aterase ao que prevén as disposicións vixentes, redactándoos sempre que sexa posible en galego.
Artigo 12.
O Concello demandará que as diferentes Administracións lle remitan a documentación en lingua galega, de acordo co disposto polo artigo 36 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
CAPÍTULO SEXTO: Dos avisos, publicacións e actividades públicas.
Artigo 13.
Os anuncios oficiais da corporación que se publiquen no Boletín Oficial da Provincia, Diario Oficial de Galicia, ou en calquera outro medio de comunicación radicado no territorio da nosa comunidade autónoma serán redactados en galego. Fóra do ámbito lingüístico galego, a publicación será bilingüe.
Artigo 14.
Os cargos do Concello expresaranse normalmente en galego nos actos públicos celebrados no ámbito lingüístico galego sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo.
Artigo 15.
15.1.- Os libros, as revistas e, en xeral, todos os carteis e publicacións que edite o Concello de Pontedeume, como tamén as mensaxes que se emitan a través dos medios de comunicación, faranse sempre en galego, agás aqueles destinados especificamente á proxección exterior, que tamén se poderán facer na lingua dos destinatarios.
15.2.- Fóra do ámbito lingüístico galego a publicidade farase sempre en versión dobre: galego e a lingua propia do territorio onde se dirixa.
Artigo 16.
Todos os textos que han de ser publicados enviaranse ao Servizo de Normalización Lingüística para a súa corrección.
CAPÍTULO SÉTIMO: Dos rexistros.
Artigo 17.
Sen prexuízo do que para os rexistros públicos estabelece o artigo 9 da Lei 3/1983, nos rexistros administrativos das oficinas do Concello de Pontedeume, os asentos faranse sempre en galego, independentemente da lingua na que estean escritos.
CAPÍTULO OITAVO: Atención ao público.
Artigo 18
Os servizos das unidades administrativas que teñan unha relación co público máis intensa promocionarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación e información aos cidadáns e cidadás dos seus dereitos lingüísticos, de acordo cos criterios de máximo respecto e non discriminación.
O disposto no seguinte artigo tamén é de aplicación ás empresas ou entidades que presten servizos públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto
CAPÍTULO NOVENO:Topónimos, sinalizacións e rótulos.
Artigo 19
Consonte ao disposto no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do Concello de Pontedeume é a galega.
Artigo 20
Os rótulos, sinalizacións da Casa do Concello, dos outros edificios e servizos públicos e da rede viaria municipal, dependente do concello ou instalada polas súas empresas adxudicatarias ou concesionarios ou calquera outra entidade, serán redactados en idioma galego
Cando o interese xeral o requira, tamén poderán redactarse nos idiomas que se estime conveniente a cada caso.
Artigo 21.
Todos os vehículos do Parque Móbil municipal levarán a súa rotulación en galego.
Isto mesmo será de aplicación ao parque móbil daquelas empresas adxudicatarias ou concesionarias, e así se establecerá nos correspondentes pregos de condicións.
Artigo 22
O establecido no artigo anterior tamén será de aplicación a todo o vestiario municipal.
Artigo 23
O Concello de Pontedeume velará pola normalización de toda a súa sinalización e rotulación; tomará as medidas necesarias para garantir o uso da toponimia oficial galega.
CAPÍTULO DÉCIMO: Da selección, provisión e reciclaxe do persoal.
Artigo 24
A declaración de oficialidade do idioma galego esixe que todo o persoal ao servizo da corporación estea en condicións de empregalo nos dous niveis, oral e escrito, en igualdade co castelán e de acordo coa natureza do seu posto de traballo
24.1.- Nas convocatorias para o acceso a prazas de persoal do Concello, xa sexa funcionario, laboral ou calquera outro xeito, ha de figurar, como condición obrigatoria, que tódolos aspirantes acrediten o coñecemento da lingua galega oral e escrita conforme á función desempeñada.
24.2.- Por proposta da Comisión de Seguimento desta ordenanza, o Pleno do Concello establecerá nas bases das convocatorias o nivel de galego que acreditarán os aspirantes.
Artigo 25
25.1.- As probas selectivas para a provisión de prazas de funcionarios e persoal laboral ao servizo do Concello celebraranse en lingua galega, facilitándose na outra lingua oficial cando algunha persoa o solicite.
25.2.-Incluirase nas bases das convocatorias de prazas de traballadores traballadoras ao servizo do Concello a indicación do punto anterior.
Artigo 26.
26.1.- Na provisión dos postos de traballo, incluídos os cargos con habilitación nacional, os candidatos han de ser capacitados e posuír un grao de coñecemento da lingua galega, tanto na expresión oral coma escrita, que os fagan aptos para desenvolver as súas funcións.
26.2.- Por proposta da Comisión de Seguimento desta ordenanza, o Pleno do Concello, á hora de definir os postos de traballo, establecerá os niveis e contidos respectivos do coñecemento oral e escrito da lingua galega para cada caso, e ha de considerar o coñecemento expreso da lingua galega como requisito indispensable ou mérito preferente de acordo coa avaliación que se estableza.
Artigo 27.
O Servicio de Normalización Lingüística poderá asesorar ós tribunais cualificadores, cando éstes o requiran, colaborando exclusivamente no exercicio da súa especialidade, para facer a estimación dos coñecementos de galego na selección de persoal e na provisión de postos de traballo.
Artigo 28
Os responsábeis dos diferentes órganos do Concello de Pontedeume, de acordo co Servizo de Normalización Lingüística, tomarán as medidas necesarias, para que, nos órganos da súa competencia, o persoal que neles traballe teñan os coñecementos precisos de galego co fin de garantir un desenvolvemento correcto, desde o punto de vista lingüístico, das tarefas internas ou dirixidas aos administrados.
Artigo 29.
O Concello de Pontedeume, de acordo co Servizo de Normalización Lingüística, organizará cursos de formación de lingua galega para todo o persoal do Concello que non teña os coñecementos necesarios para exercer as súas funcións e para mellorar o nivel de linguaxe administrativa ou doutras especialidades.
Artigo 30.
Será obrigatorio para todo o persoal do Concello adquirir o nivel de coñecemento establecido nas bases, de acordo cos criterios e termos que fixe a Comisión de Seguimento desta ordenanza.
O persoal ao servizo da corporación que teña acreditado o coñecemento do idioma galego ou participase nos programas de formación e perfeccionamento deberá utilizalo no seu traballo.
Artigo 31.
A formación profesional do persoal funcionario e laboral do Concello de Pontedeume farase en lingua galega, sempre que dependa do Concello a programación e organización. De non depender del, o Concello demandará que a poder ser se faga en galego.
CAPÍTULO UNDÉCIMO: Do cumprimento e seguimento desta ordenanza.
Artigo 32.
32.1.- Para garantir o cumprimento desta ordenanza, crearase unha Comisión Interdepartamental de Seguimento integrada cando menos polo alcalde ou alcaldesa, o secretario/a xeral, o /a persoal, a persoa responsábel do Servizo de Normalización Lingüística, un concelleiro ou concelleira designado/a por cada grupo municipal, un representante do comité de empresa e outro da Xunta de Persoal.
32.2.- Esta Comisión de seguimento reunirase polo menos dúas veces o ano, para analizar o cumprimento e desenvolvemento desta ordenanza, e extraordinariamente cando a convoque o alcalde ou alcaldesa por iniciativa propia ou a petición dalgún dos seus membros.
32.3.- A actualización, ampliación ou revisión desta ordenanza tamén depende desta comisión, a cal fará o estudio e a proposta correspondente ao Pleno do Concello, para que, se procede, se aprobe a modificación.
Artigo 33.
Tamén é competencia da Comisión de seguimento promover, chegado o caso, os expedientes sancionadores oportunos polo incumprimento de ordenanza.
CAPÍTULO DUODÉCIMO: Do impulso institucional.
Artigo 34.
34.1.- De acordo co establecido no art. 25 da Lei de normalización lingüística do galego, o Concello de Pontedeume fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outra do ámbito municipal.
34.2. Das tarefas que se realicen para dar pulo institucionalmente no concello de Pontedeume, ocuparase o Servizo de Normalización Lingüística e de acordo cos criterios que establece a Comisión de seguimento desta ordenanza.
34.3- Todos os organismos do Concello de Pontedeume darán pulo á normalización lingüística no seu ámbito de actuación co soporte técnico do Servizo de Normalización Lingüística e de acordo cos criterios que establece a Comisión de Seguimento desta ordenanza.
34.4.- O Concello de Pontedeume poderá outorgar axudas económicas para as actuacións relacionadas coa normalización lingüística, conforme co artigo 25 da Lei de normalización lingüística.
34.5. As entidades do Concello de Pontedeume que reciban subvención municipal para o desenvolvemento das súas actividades, deberán facer a súa publicidade en galego. Este punto farase constar nas bases relativas a estas subvencións.
Disposición final
Esta Ordenanza entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia e unha vez transcorrido o prazo ó que se refire o artigo 70.2 en relación co artigo 65.2 da Lei 7/85, reguladora de bases de réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e comezará a aplicarse a partir do día seguinte, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derogación expresa.
Contra esta Ordenanza poderá interponerse recurso contencioso administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da publicación no Boletín Oficial da Provincia.