Sada - Ordenanza municipal de normalización lingüistica
CAPÍTULO PRIMEIRO: DO USO DO IDIOMA GALEGO
Artigo 1.º .
1.1.-O galego, como lingua propia de Galicia, é idioma oficial do Concello de Sada.
1.2.-As actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal terán plena validez e eficacia.
1.3.-As e os cidadáns teñen dereito a seren atendidos/as e obteren copia ou recibiren notificacións da documentación municipal no idioma oficial da súa elección.
CAPÍTULO SEGUNDO: ÁMBITO DE APLICACIÓN
Artigo 2.º .
2.1.-O uso da lingua galega por parte do Concello de Sada e dos organismos que del dependen -padroados, organismos autónomos, sociedades anónimas municipais, etc.)- rexeranse polos criterios establecidos nesta ordenanza.
2.2.-As empresas adxudicatarias ou concesionarias, que actúen por conta deste Concello, así como as de explotación mixta farán o propio, o cal se fará explicitamente constar nos documentos correspondentes.
2.3.-O Concello de Sada velará para que a nivel interno e nas actividades en que participe -convenios, consorcios-, sexan aplicados os principios aquí establecidos.
2.4.-O Concello de Sada manterá un Servicio de Normalización Lingüística co obxectivo de impulsa-la normalización do galego a todos os niveis e coordina-las accións necesarias para dar cumprimento ó espírito desta ordenanza. Todos os organismos anteriormente citados han de se asustar ós criterios de uso lingüístico que difunde o Servicio de Normalización Lingüística.
CAPÍTULO TERCEIRO: DO USO DO GALEGO NA ORGANIZACIÓN MUNICIPAL
Artigo 3.º .
3.1.-As actuación internas do Concello faranse en galego.
3.2.-Será redactada integramente en lingua galega, en cumprimento da lexislación vixente, a seguinte documentación:
3.2.1.-As convocatorias das sesións de todos os órganos colexiados do Concello de Sada, así como as ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas, rogos, preguntas e as actas dos citados órganos municipais.
3.2.2.-As resolución de todos os órganos municipais.
3.2.3.-Toda a documentación xerada polo Concello que forme parte dos expedientes administrativos que teñan que someterse á decisión ou coñecemento dos devanditos órganos.
3.2.4.-As actas e acordos de todos os órganos dos consellos e entidades con personalidade xurídica dependente deste Concello.
3.2.5.-As notificacións, recursos, escrituras públicas e, en xeral, todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome do Concello de Sada.
3.3.-Todos os modelos de documentación utilizados da Administración municipal de Sada serán elaborados en galego e, verbo disto, nos plans e procesos de informatización e racionalización administrativa deberán ter presente o establecido neste artigo.
3.4.-Os rótulos indicativos de oficinas e despachos, as cabeceiras de toda clase de impresos, os selos de goma, os cuños e outros elementos semellantes deberán de estar escritos en galego.
3.5.-Todos os documentos devanditos serán revisados obrigatoriamente polo Servicio de Normalización Lingüística.
Artigo 4.º .
4.1.-Os documentos públicos ou contractuais subscritos polo Concello serán redactados en galego. Se a outra parte contratante o solicita ou o negocio deba producir efectos fóra de Galicia, tamén será redactado en castelán. No caso de que o Concello de Sada concorra xunto con outros outorgantes, o documento redactarase na lingua que se acorde e, se acaso, o Concello solicitará unha copia en galego para incorporala ó expediente, na que se faga constar que é traducción do seu orixinal.
4.2.-Os estudios, proxectos e traballos análogos que o Concello encargue a terceiros irán en galego, agás que a súa finalidade esixa a redacción noutra lingua. Este requisito será explicitamente recollido nas convocatorias ou solicitudes de tales traballos.
4.3.-O Concello propoñerá e animará, en virtude do espírito desta ordenanza, ós contratistas e provedores a que redacten a documentación en galego e demandaralles que, na máxima medida posible, fagan o uso do galego nos bens e nos servicios que sexan obxecto de contrato, e así se fará constar nos correspondentes pregos de condicións.
CAPÍTULO CUARTO: DAS RELACIÓNS COAS E COS ADMINISTRADOS
Artigo 5.º .
5.1.-Todos os expedientes administrativos do Concello de Sada serán tramitados en lingua galega.
5.2.-Sempre que calquera interesado que o solicite formalmente, entregaránselle os documentos que lle afecten ou interesen na lingua oficial que demandase. En calquera caso non se interromperá a tramitación en galego.
5.3.-As comunicacións e notificacións dirixidas a persoas físicas e xurídicas residentes no ámbito lingüístico de Galicia faranse en lingua galega, sen prexuízo do dereito dos cidadáns a recibilas, se o demandan formalmente, en castelán.
5.4.-Os expedientes a as comunicacións formais con destino a entidades de fóra de Galicia faranse:
5.4.1.-En galego se a institución receptora ten esta lingua recoñecida como lingua oficial de traballo.
5.4.2.-En versión bilingüe galego-castelán, cando o galego non sexa oficial, pero si o castelán, ou en castelán, coa indicación expresa neste caso de que o texto é traducción do orixinal galego. No primeiro caso, o documento contará cunha parte impresa, o corpo fixo será en versión bilingüe galego-castelán e a parte para cubrir en castelán.
5.3.-Os impresos ofreceranse en versión galega, sen prexuízo do dereito dos particulares a cubrilos en castelán. O Concello facilitará a traducción ó castelán daqueles impresos que así o soliciten.
Artigo 6.º .
Só se farán impresos bilingües cando algunha circunstancia especial así o requira, de se-lo caso, o galego figurará sempre de forma preferente.
Artigo 7.º .
Os documentos públicos e os contractuais outorgados polo Concello redactaranse sempre en galego. Se o Concello concorra xunto con outros outorgantes, o documento redactarase tamén na lingua que se acorde, e, se acaso, o Concello solicitará unha copia auténtica en galego para incorporala no expediente.
Artigo 8.º .
Nas súas comunicacións administrativas orais, o persoal do Concello empregará a lingua galega, a non ser que o administrado/a demande expresamente ser atendido en castelán.
CAPÍTULO QUINTO: DAS RELACIÓNS INSTITUCIONAIS
Artigo 9.º .
8.1.-A documentación que o Concello dirixa a calquera das administracións públicas sitas no territorio galego redactarase en lingua galega.
8.2.-As comunicacións do Concello dirixidas á Administración civil ou militar do Estado e á xustiza dentro do ámbito lingüístico galego redactaranse en lingua galega.
Artigo 10.º .
As copias dos documentos do Concello redactadas en galego que deben de enviarse ás administracións públicas de fóra do ámbito lingüístico galego tramitaranse en galego, achegando -de cumprir- a traducción á lingua propia ou oficial da administración respectiva, ou en castelán, coa indicación de que o texto é traducción do orixinal galego.
Artigo 11.º .
Respecto os documentos dirixidos directamente ós organismos centrais de ámbito estatal ou supraestatal, o Concello aterase ó que recollen as disposicións vixentes, redactándoos sempre que sexa posible en galego.
CAPÍTULO SEXTO: DOS AVISOS, PUBLICACIÓNS E ACTIVIDADES PÚBLICAS
Artigo 12.º .
Os anuncios oficiais da Corporación que se publiquen no Boletín Oficial da Provincia, Diario Oficial de Galicia, ou calquera outro medio de comunicación radicado no territorio de Galicia, serán redactados en galego. Fóra do ámbito galego a publicación será bilingüe.
Artigo 13.º .
13.1.-Os libros, as revistas e, en xeral, todos os carteis e publicacións que edite o Concello de Sada, como tamén as mensaxes que se emitan a través dos medios de comunicación, faranse en galego, agás aqueles destinados especificamente á promoción exterior, que se poderán facer na lingua dos destinatarios.
13.2.-Fora do ámbito lingüístico galego a publicidade farase sempre en versión dobre: galego e a lingua propia do territorio onde se dirixe ou en castelán.
Artigo 14.º .
Todos os textos que han de ser publicados enviaranse ó Servicio de Normalización Lingüística para a súa corrección.
CAPÍTULO SÉTIMO: DOS REXISTROS
Artigo 15.º .
Sen prexuízos do que para os rexistros públicos establece o artigo 9 da Lei 3/1983, nos rexistros administrativos das oficinas do Concello de Sada os asentos sempre en galego, independentemente na lingua en que estean escritos.
CAPÍTULO OITAVO: ATENCIÓN Ó PÚBLICO
Artigo 16.º .
Os servicios das unidades administrativas que teñan unha relación co público máis intensa promocionarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación e información ós cidadáns dos seus dereitos lingüísticos, de acordo cos criterios de máximo respecto e non discriminación.
O disposto neste artigo tamén é de aplicación ás empresas ou entidades que presten servicios públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto.
CAPÍTULO NOVENO: TOPÓNIMOS, SINALIZACIÓNS E RÓTULOS
Artigo 17.º .
Segundo co dispón o artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do termo municipal do Concello de Sada é a galega.
Artigo 18.º .
18.1.-Os rótulos, sinalizacións da Casa do Concello, dos outros edificios e servicios públicos e da rede viaria municipal estará en galego.
18.2.-Todos os vehículos do parque móbil municipal e bombeiros levarán a súa rotulación en galego. Isto mesmo será de aplicación ó parque móbil daquelas empresas adxudicatarias ou concesionarias, e así se establecerá nos correspondentes pregos de condicións.
18.3.-O establecido no artigo anterior tamén será de aplicación a todo o vestiario municipal.
Artigo 19.º .
O Concello de Sada velará pola normalización de toda a súa sinalización e rotulación. Tomará as garantías necesarias para garanti-lo uso da toponimia oficial galega.
CAPÍTULO DÉCIMO: DA SELECCIÓN, PROVISIÓN E RECICLAXE DO PERSOAL
Artigo 20.º .
A declaración de oficialidade do idioma galego esixe que todo o persoal ó servicio da Corporación estea en condicións de empregalo, en igualdade co castelán e de acordo coa natureza do seu obxectivo.
Artigo 21.º .
Nas convocatorias para o acceso a prazas de persoal do Concello, xa sexa funcionario, laboral ou de calquera outro xeito, deberá de figurar como condición obrigatoria que todos os aspirantes acrediten o coñecemento da lingua galega conforme á función que vaian desempeñar.
Artigo 22.º .
22.1.-Na provisión dos postos de traballo, incluídos os cargos con habilitación nacional, os candidatos deberán estar capacitados e posuír un grao de coñecemento da lingua galega, que os faga aptos para desenvolve-las súas funcións.
22.2.-O persoal do Concello que actualmente non estea capacitado para o uso do galego, de acordo co disposto nesta ordenanza, deberá adquirir tal coñecemento.
Para estes efectos o Servicio de Normalización Lingüística desenvolverá un programa de formación lingüística, que será deseñado e desenvolvido desde o devandito servicio, segundo as dificultades detectadas.
22.3.-O persoal do Servicio de Normalización Lingüística con titulación suficiente formará parte dos tribunais cualificadores para face-la estimación do coñecemento do idioma galego na selección de persoal e na provisión dos postos de traballo e colaborará así mesmo na confección e corrección das correspondentes probas.
22.4.-O Concello de Sada, a través do seu Servicio de Normalización Lingüística e en colaboración con outras administracións ou entidades públicas, organizará cursos específicos para todos os funcionarios que non teñan os coñecementos necesarios para exerce-las súas funcións e así melloren o seu nivel de linguaxe administrativa, tanto desde o punto de vista lingüístico como estilístico.
Artigo 23.º .
Será obrigatorio para todo o funcionariado adquiri-lo nivel de coñecemento establecido nas bases, de acordo cos criterios e termos que fixe a comisión de seguimento desta ordenanza. O persoal ó servicio da Corporación que teña acreditado o coñecemento do idioma galego ou participase nos programas de formación ou perfeccionamento deberá utilizalo no seu traballo.
Artigo 24.º .
A formación profesional do persoal funcionariado e laboral do Concello de Sada farase en lingua galega, sempre que dependa do Concello a programación e organización. De non depender del, o Concello demandará que se faga en galego.
CAPÍTULO DÉCIMO PRIMEIRO: DO IMPULSO INSTITUCIONAL
Artigo 25.º .
25.1.-De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, o Concello de Sada fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outra dentro do ámbito municipal, para isto farase constar por escrito nos convenios asinados coas diferentes entidades que quedan obrigadas a cumprir integramente os requisitos desta ordenanza.
25.2.-Das tarefas que se realicen para impulsar institucionalmente o proceso normalizador no Concello de Sada ocuparase o Servicio de Normalización Lingüística, que asesorará á Corporación municipal neste materia.
25.3.-Así mesmo todos os organismos do Concello de Sada impulsarán a normalización lingüística no seu ámbito de actuación, co soporte técnico do Servicio de Normalización Lingüística.
25.4.-O Concello de Sada poderá outorgar reduccións ou bonificacións de obrigas fiscais e/ou subvencións, para as actuacións relacionadas coa normalización lingüística, conforme ó establecido no artigo 25 da citada Lei 3/1983, do 15 de xuño, segundo a cal "O Goberno galego e as corporacións locais, dentro do seu ámbito, fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras. Con esta finalidade e por actos singulares, poderanse outorgar reduccións ou exencións das obrigas fiscais.
CAPÍTULO DÉCIMO SEGUNDO: DO CUMPRIMENTO E SEGUIMENTO DA ORDENANZA
Artigo 23.º .
23.1.-Corresponde á Comisión Informativa de Cultura, na que se integrará para estes efectos o técnico responsable do Servicio de Normalización Lingüística, garanti-lo cumprimento desta ordenanza.
23.2.-Esta comisión de seguimento reunirase alomenos unha vez ó ano, para analiza-lo cumprimento e desenvolvemento desta ordenanza, e extraordinariamente cando a convoque o alcalde por iniciativa propia ou a petición dalgún dos seus membros.
23.3.-A actuación, ampliación ou revisión da ordenanza tamén depende desta comisión, a que fará o estudio e a proposta correspondente ó Pleno do Concello, para que, se procedese, se aprobase a modificación.