Negreira - ORDENANZA REGULADORA DO USO DE INSTALACIÓNS DE PROPIEDADE MUNICIPAL DEPENDENTES DA CONCELLERÍA DE CULTURA DO CONCELLO DE NEGREIRA, INTEGRADAS NA ÁREA RECREATIVA DE COBAS.

Publicación provisional: 01/10/2012 BOP Nº: 187
Publicación definitiva: 23/11/2012 BOP Nº: 224
Aplicable dende: 23/11/2012

Artigo 1.

É obxecto de esta ordenanza o establecemento de medidas para a regulación do correcta utilización das instalacións de titularidade do Concello de Negreira, xestionadas pola concellería de Cultura e integradas na Área Recreativa de Cobas.

Artigo 2.

Para a utilización das instalacións citadas, se establece a obriga de presentar solicitude no Rexistro municipal, identificando ó solicitante, o local ou instalación que se pretende utilizar, e a data ou datas nas que se pretende a citada utilización.

Artigo 3.

O Concello, á vista da solicitude, poderá, mediante resolución do alcalde ou da persoa na que delegue, conceder a autorización para o uso das instalacións, ou ben denegala ou realizar os cambios que estime procedentes, á vista das necesidades municipais de uso das mesmas ou da posible coincidencia con outras solicitudes presentadas co mesmo obxecto.

Artigo 4.

Para garantir o correcto uso das instalacións municipais, establécese a obriga do depósito dunha garantía, para permitir, no seu caso, a execución da mesma para a restitución das instalacións municipais ó seu estado anterior ó uso no que se producise algunha clase de deterioro.

A citada garantía poderase presentar mediante depósito na tesourería municipal ou mediante aval bancario.

Esta garantía establécese para aquelas instalacións de natureza cultural, e non afecta ás instalacións cuxo uso estea gravado mediante a taxa por utilización dos servizos deportivos municipais.

Artigo 5.

As normas de utilización das instalacións municipais serán as seguintes:

- O Concello de Negreira terá prioridade para o uso de calquera instalación ou inmoble dos regulados por este ordenanza para o seu uso en actividades municipais.

- A persoa ou entidade que solicite o uso de instalacións ou inmobles municipais deberá deixar a instalación nas mesmas condicións nas que se atopaba no momento de comezar a utilización da mesma. Esta obriga refírese a:

● Obriga de deixar a instalación no mesmo estado de limpeza e aseo.

● Obriga de repoñer calquera dano producido na mesma.

● Obriga de repoñer calquera outro dano ou menoscabo producido nas instalacións e inmobles ou nos obxectos que existiran nas mesmas no momento de comezar o uso.

● A persoa ou entidade responderá de calquera falla ou perda de obxectos que se poidan atopar na instalación ou inmoble.

● Nos casos de utilización de instalacións ou inmobles municipais por parte de persoas ou entidades alleas ó Concello para a realización de exposicións ou actos similares, o Concello de Negreira non se fará responsable de sustraccións ou perda de obxectos que non sexan de propiedade municipal.

- Para a determinación do estado inicial antes de comezar o uso, poderase redactar por parte de persoal municipal un inventario dos bens existentes en instalacións e inmobles dependentes da Concellería de Cultura e Deportes, así como realizar fotografías ou calquera outro medio que deixe constancia do estado inicial das mesmas.

Artigo 6.

Establécese o seguinte cadro de garantías a presentar polos usuarios das instalacións municipais dependentes da Concellería de Cultura e integradas na Área Recreativa de Cobas:

- Con carácter xeral, 50,00 € por día, para a utilización de instalacións ou outro material municipal.

- En casos particulares, e mediante resolución motivada do Alcalde - Presidente ou persoa na que delegue, poderase establecer un importe maior de garantía que se considere máis adecuado ás circunstancias.

A devolución da garantía realizarase previo informe da persoa que se designe para elo, tendo en conta, no seu caso, a natureza do uso e dos posibles danos que se puidesen producir.

Artigo 7.

A execución da garantía, no seu caso, realizarase no importe necesario para a cobertura do custo de reposición das instalacións municipais ó seu estado orixinal.

En ningún caso se considerará que, executada a garantía, a persoa ou entidade causante dos danos poida quedar liberada das responsabilidades polos prexuízos producidos que poidan exceder da contía da mesma.

Disposición final.

Esta ordenanza entrará en vigor a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, segundo a normativa de réxime local, e terá vixencia ata a súa derrogación.