Rois - REGULAMENTO MUNICIPAL DA AGRUPACIÓN DE VOLUNTARIOS DE PROTECCIÓN CIVIL DE ROIS

Publicación provisional: 25/06/2012 BOP Nº: 119
Publicación definitiva: 20/07/2012 BOP Nº: 138
Aplicable dende: 08/08/2012

CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Finalidade do servizo de protección civil.

1. O servizo municipal de protección civil ten por finalidade organizar os recursos municipais e a colaboración dos cidadáns de cara á coordinación preventiva e operativa de actuacións de protección de persoas, bens e o medio ambiente en situacións de grave risco e emerxencia provocados por catástrofes, calamidades, accidentes e outras situacións análogas.

2. As actuacións de protección civil estarán dirixidas a evitar danos, minguar ou reparar os seus efectos e corrixir, se é o caso, as causas produtoras deles.

Artigo 2. Natureza e finalidade da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Rois.

1. A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Rois é unha organización altruísta e sen ánimo de lucro que ten como finalidade principal realizar actuacións e prestar servizos relacionados coa protección civil.

2. O seu funcionamento réxese polo principio democrático e o presente regulamento, as normas que o desenvolvan e as instrucións que, para os efectos de coordinación xeral, dicte a Dirección xeral de emerxencias e protección civil da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Requisitos de incorporación.

1. Poderanse integrar como membros activos na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Rois as persoas físicas, maiores de idade e menores de sesenta e cinco anos, que residan neste municipio e que non padezan enfermidades ou eivas físicas ou psíquicas que determinen a súa incapacidade para realizar as tarefas de protección civil. Deberán dispoñer dun tempo libre determinado, e superar as probas psicofísicas e de coñecementos e os cursos de formación básica e especializadas que procedan.

2. Os menores de idade e maiores de 16 anos poderán figurar como voluntarios de apoio cando conste a autorización da persoa que exerza a patria potestade ou tutela.

Artigo 4. Voluntariedade da incorporación.

A integración na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Rois e a participación nas súas actividades é, por esencia, totalmente voluntaria e, polo tanto, independente das obrigacións ou prestacións persoais que lles poidan corresponder ás persoas interesadas en virtude do que dispoñan outras leis.

CAPÍTULO II. ORGANIZACIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 5. Participación cidadá no servizo de protección civil.

A colaboración voluntaria e por tempo determinado dos veciños no servizo municipal de protección civil levarase a cabo mediante a súa incorporación á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Rois.

Artigo 6. Dependencia xerárquica.

A Agrupación dependerá directamente do alcalde, sen prexuízo da facultade deste de delegar as súas funcións no concelleiro delegado de protección civil. A Agrupación encádrase orgánica e funcionalmente nunha unidade municipal.

Artigo 7. Natureza das relacións dos membros coa Agrupación.

1. A relación das persoas voluntarias coa Agrupación non ten carácter funcionarial, laboral, mercantil ou administrativo senón que se trata dunha colaboración voluntaria e desinteresada, como expresión de solidariedade social desde a liberdade e o altruísmo.

2. As relacións entre as persoas voluntarias e a Agrupación formalízanse mediante o correspondente compromiso de colaboración, no que constará:

a) a aceptación do carácter altruísta da relación que se acorde e da actividades que se comprometa a realizar a persoa voluntaria.

b) A suxeición ao réxime legal da acción voluntaria e de protección civil.

c) A especificación dos dereitos e deberes das partes.

d) A identificación da persoa responsable do programa no que a persoa voluntaria desempeñará a súa actividade.

e) A enumeración dos programas, proxectos ou actividades específicas que a persoa voluntaria se comprometa a realizar, así como o tempo de dedicación e a duración do compromiso.

f) A información sobre a posibilidade de acreditación das prestacións efectuadas.

g) Os fins e obxectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Rois na que se integran.

h) A fixación do prazo de antelación co que a persoa voluntaria lle deberá comunicar á entidade a súa renuncia ao compromiso.

i) A formación necesaria para o desenvolvemento dos programas, proxectos ou actividades.

j) O establecemento dos mecanismo de controle supervisión da actividade de acción voluntaria.

k) A obrigación de confidencialidade dos datos persoais e información á que accedan no desempeño da acción voluntaria.

l) As causas que poden motivar a exclusión da persoa voluntaria e a rescisión do vínculo coa Agrupación. Para estes casos será necesario seguir un procedemento escrito no se lle dea audiencia á persoa interesada.

Artigo 8. Colaboradores da Agrupación.

Poderanse incorporar á Agrupación como colaboradores en tarefas de orientación, asesoramento e asistencia os veciños con formación e experiencia suficiente no exercicio profesional ou con vocación relacionada con algunhas das actividades propias do servizo de protección civil.

Artigo 9. Solicitude de incorporación.

A incorporación á Agrupación realizarase a través de solicitude da persoa interesada á que achegará:

a) Unha declaración de non estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas por sentenza firme.

b) O compromiso formal de coñecer e aceptar o contido deste regulamento e as normas vixentes en materia de protección civil.

c) O compromiso formal de cumprir as tarefas de protección civil que lle encomenden as autoridades competentes e os seus delegados e axentes que, por regra xeral, se comunicarán a través do presidente da Agrupación.

Artigo 10. Facultades dos membros da Agrupación.

A condición de membro da Agrupación faculta para realizar as actividades preventivas ou operativas de protección civil en relación con situacións de grave risco, catástrofe ou calamidade pública e en situación de emerxencias ordinarias, así como actividades de prevención e planificación consonte os plans e programas de protección civil local e autonómicos. Sen embargo, os compoñentes da Agrupación non se poderán abeirar naquela condición para realizar outras actividades de carácter ideolóxico, político, relixioso ou sindical.

Artigo 11. Organización.

A Agrupación artéllase orgánica e funcionalmente en diferentes grupos operativos e á fronte de cada un deles haberá un xefe de grupo.

Artigo 12. Presidencia da Agrupación.

O presidente da Agrupación será designado polo alcalde do Concello, por proposta da asemblea. Esta tamén elixirá outras dúas persoas voluntarias que, xunto co presidente, constituirán a xunta directiva da Agrupación.

Artigo 13. Distintivo.

Os compoñentes da Agrupación, cando estean no desempeño das súas funcións, levarán na parte esquerda do peito o distintivo oficial de protección civil disposto pola Xunta de Galicia.

Artigo 14. Dereitos e obrigacións da Agrupación.

1. A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Rois ten dereito a:

a) Elaborar as normas de desenvolvemento deste Regulamento con suxeición aos principios de democracia interna e participación.

b) Seleccionar as persoas voluntarias de acordos coa natureza e as características das tarefas que deban desenvolver e coas normas establecidas neste Regulamento.

c) Suspender a colaboración das persoas voluntarias que infrinxan o seu compromiso.

d) Concorrer ás medidas de fomento da actividade voluntaria convocadas polas administracións públicas ou as entidades privadas.

e) Calquera outro dereito que recoñeza o ordenamento xurídico.

2. A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Rois está obrigada a:

a) Elaborar as normas do seu funcionamento interno nomeadamente no tocante a regulación detallada das condicións específicas de admisión e perda da condición das persoas voluntarias, dereitos e deberes destas, e mecanismos de participación delas nas decisións da Agrupación, no marco deste Regulamento e das normas vixentes en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

b) Informar ás persoas voluntarias sobre os fins e o réxime de funcionamento da Agrupación.

c) Cubrir os gastos das persoas voluntarias que deriven do desenvolvemento da súa actividade voluntaria.

d) Cumprir os acordos establecidos coas persoas voluntariar no seu compromiso de colaboración.

e) Facilitar ás persoas voluntarias unha acreditación que as identifique para o desenvolvemento da súa actividade.

f) Expedir, logo da solicitude da persoa interesada, un certificado que acredite a súa condición, con indicación de datas, duración e prestacións efectuadas nos programas nos que participou. Por pedimento da persoa interesada, e logo de autorización de cesión dos seus datos persoais, remitiráselle unha copia da certificación ao Rexistro de Acción Voluntaria.

g) Garantirlles ás persoas voluntarias a realización das súas actividades nas debidas condicións de hixiene e seguranza, en función da súa natureza e características, e establecer as pertinentes medidas de prevención de riscos.

h) Que se subscriba unha póliza de seguros que cubra os riscos de accidentes das persoas voluntarias, así como os terceiros polos danos e perdas eventualmente causados polas persoas voluntarias no exercicio das súas actividades.

i) Facilitar a participación das persoas voluntarias na elaboración, deseño, execución e avaliación dos programas nos que interveñan.

j) Impedir que se substitúan, a través das actividades das persoas voluntarias, postos de traballo que deban ser retribuídos.

k) Redactar anualmente unha memoria e un plan de actividades co contido que se estableza regulamentariamente.

l) Levar un libro-rexistro de altas, baixas e outras incidencias tocante ás persoas voluntarias, coa especificación dos programas e os proxectos nos que colaboren e a natureza das actividades que desenvolven.

m) Garantir a información, a formación e o asesoramento adecuado das persoas voluntarias que colaboren coa Agrupación de cara a acadar unha maior eficacia na súa actividade, así como dotalas dos medios precisos.

n) Promover a eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

ñ) Efectuar o seguimento e a avaliación das actividades programadas.

o) Cumprir as restantes obrigacións que estableza o ordenamento xurídico.

CAPÍTULO III. FORMACIÓN E PERFECCIONAMENTO DAS PERSOAS VOLUNTARIAS

Artigo 15. Obxectivos da formación.

As actividades de formación terán como finalidade a adquisición polos membros da Agrupación dos coñecementos básicos relacionados co servizo público de protección civil e mellorar a súa capacitación para incorporárense ás unidades de intervención en condicións de eficacia.

Artigo 16. Actividades de formación das persoas voluntarias.

1. As actividades de formación abranguen:

a) Un curso de orientación de aspirantes ao voluntariado de protección civil.

b) Un curso de formación básica organizado ou homologado pola Xunta de Galicia co fin de obter a acreditación precisa para o exercicio da súa función. A superación do antedito curso dá dereito á obtención dun carné de persoal voluntario do sistema integrado de protección civil e de xestión de riscos e emerxencias de Galicia e máis a empreñar os distintivos e insignias que se establezan regulamentariamente.

c) Cursos de prefeccionamento para as persoas voluntarias pertencentes á Agrupación.

d) Exercicios prácticos de realización periódica de cara á mellora permanente na preparación das persoas voluntarias.

2. O contido dos cursos será determinado consonte as normas dictadas pola Dirección xeral de emerxencias e protección civil da Xunta de Galicia.

3. As actividades de formación complementaranse con:

a) A constitución dunha biblioteca ou fondo de información sobre protección civil, nomeadamente, en relación coa organización e funcionamento de agrupacións de voluntarios e outras modalidades de participación cidadá.

b) O mantemento de relacións de colaboración con outras administracións públicas ou entidades privadas competentes en materia de protección civil.

c) A elaboración e promoción, se é o caso, de publicacións periódicas verbos das actividades de protección civil e nomeadamente as destinadas á formación de voluntarios e á divulgacións de coñecementos sobre factores de risco potencial de emerxencia e os comportamentos que haberá que seguir perante eles.

CAPÍTULO IV. DEREITOS E DEBERES

Artigo 17. Dereitos das persoas voluntarias da Agrupación.

A persoas voluntarias de protección civil teñen dereito a:

a) Seren tratadas sen ningún tipo de discriminación e con respecto da súa liberdade, dignidade, intimidade e crenzas.

b) Seren informadas e formadas, particularmente en materia de prevencións de riscos e a desenvolveren as actividades de protección civil nas condicións de seguranza, hixiene e saúde que a súa natureza e características reclamen.

c) Dispoñeren dunha acreditación identificativa da súa condición de persoa voluntaria de protección civil.

d) Recibiren da Agrupación a información, a formación, o asesoramento e o apoio técnico, así como os medios materiais que requiran o exercicio das actividades e tarefas de protección civil que se lles encomenden.

e) Participaren activamente nas actuacións da Agrupación consonte este regulamento, e colaborar na planificación, o deseño, a execución e a avaliación dos seus programas.

f) Acordar libremente coa Agrupación o contido e as condicións da súa actividade voluntaria, o ámbito de actuación, a definición de tarefas, o tempo e o horario de dedicación, o lugar de desenvolvemento e as responsabilidade que asuman, no marco deste regulamento e das disposicións vixentes en materia de protección civil e de xestión de emerxencias.

g) Estaren aseguradas mediante unha póliza que cubra os riscos de accidentes das propias persoas voluntarias, así como por danos e perdas causados a terceiros derivados directamente da súa acción voluntaria, nos termos que acorde a Agrupación. A modalidade do seguro e a contía das indemnizacións serán fixadas polo Concello consonte, se é o caso, coas normas do órgano da Xunta de Galicia con competencias en materia de protección civil.

h) Seren reembolsadas ou compensadas polos gastos realizados no desenvolvemento das súas accións voluntarias nos termos que acorde a Agrupación.

i) Obteren certificación da súa participación nos programas e proxectos da Agrupación, na que se expresen alomenos a súa natureza e as datas nas que se realicen, e a que o devandito certificado se lle remita ao Rexistro de Acción Voluntaria para os efectos de acreditaren o seu historial de experiencias na acción voluntaria.

j) Obteren o cambio de programa ao que estean asignados cando concorran causas que o xustifiquen.

k) Renunciaren libremente, logo de aviso, á súa condición de persoa voluntaria.

l) Calquera outro dereito que recoñeza o ordenamento xurídico.

Artigo 18. Deberes das persoas voluntarias da Agrupación.

As persoas voluntarias de protección civil están obrigadas a:

a) Realizaren a súa actividade consonte os principios establecidos na lei.

b) Observaren as medidas de saúde e seguranza que se adoptasen.

c) Gardaren a debida confidencialidade sobre a información recibida e coñecida no desenvolvemento da súa actividade.

d) Actuaren de forma dilixente, coordinada, responsable e solidaria no desenvolvemento da actividade voluntaria, consonte as normas e principios que establece a a normativa reguladora, e colaborar coa Agrupación e co resto das persoas voluntarias na consecución da maior eficacia e calidade nos programas e obxectivos que se leven a cabo.

e) Participaren nas actividades de formación e perfeccionamento da Agrupación.

f) Respectaren os dereitos das persoas destinatarias da acción voluntaria e das demais persoas que colaboren coa Agrupación.

g) Cumpriren os compromisos adquiridos coa Agrupación e respectaren os seus fins, obxectivos e normativa interna.

h) Rexeitaren calquera contraprestación material que lles poidan ofrecer pola súa actividade voluntaria.

i) Utilizaren debidamente a acreditación identificativa da súa condición e os distintivos da Agrupación.

j) Coidaren e usaren correctamente os recursos materiais que poña a súa disposición a Agrupación.

k) Notificárenlle á Agrupación a renuncia coa antelación previamente acordada, coa finalidade de evitar prexuízos para a súa actividade.

l) Os demais deberes que estableza o ordenamento xurídico.

CAPÍTULO V. RECOMPENSAS E SANCIÓNS

Artigo 19. Avaliación da conduta dos membros.

1. As condutas dos compoñentes da Agrupación serán obxecto de avaliación polos procedementos establecidos nas normas que desenvolvan este regulamento. A avaliación correspóndelle ó alcalde ou, se é o caso, ó concelleiro delegado de protección civil, por proposta do presidente da Agrupación.

2. As recompensas e sancións serán obxecto de anotación no expediente persoal da persoa interesada.

Artigo 20. Recoñecemento de accións meritorias.

A acción meritoria da persoa voluntaria que signifique un nivel de dedicación superior ós deberes ordinarios do servizo poderá ser recompensada co recoñecemento público mediante unha declaración da Alcaldía ou, por proposta desta, de que se lle conceda á persoa interesada a Medalla ó mérito de protección civil.

Artigo 21. Infraccións e sancións.

1. A infracción polo voluntario dos deberes previstos no presente regulamento será sancionada logo da tramitación de procedemento con audiencia do interesado.

2. As faltas clasifícanse en leves, graves e moi graves.

3. As faltas leves serán sancionadas con apercibimento ou suspensión de funcións de ata un mes. As faltas graves serán sancionados con suspensión de funcións de un mes e un día ata seis meses. As faltas moi graves serán sancionados coa expulsión da Agrupación.

Artigo 22. Infraccións leves, graves e moi graves.

1. Serán faltas leves:

a) O descoido leve na conservación ou mantemento do material ou equipamento que o voluntario teña ó seu cargo.

b) A desobediencia leve ás instrucións dos xefes do servizo, cando non perturbe o desenvolvemento das actividades da Agrupación.

c) O incumprimento doutros deberes que non mereza a cualificación de graves ou moi graves.

2. Serán faltas graves:

a) A negativa a cumprir as tarefas encomendadas polas autoridades competentes, os seus delegados ou axentes a través do presidente a Agrupación.

b) A utilización indebida do material ou distintivos de protección civil.

c) A deterioración ou perda, por neglixencia grave, do material ou equipamento que o voluntario teña ó seu cargo.

d) O actuar notoriamente de forma pouco dilixente ou insolidaria no cumprimento das súas funcións.

e) O non gardar, cando proceda, o segredo da información recibida e coñecida no desenvolvemento da súa actividade.

f) A aceptación de contraprestacións materiais que lles poida ofrece-lo beneficiario da súa actividade ou calquera outra persoa relacionada con ela.

g) A vulneración deliberada dos dereitos dos beneficiarios da súa actividade.

h) A desobediencia ás instrucións dos xefes do servizo cando perturbe o desenvolvemento das actividades da Agrupación.

i) A reiteración na comisión de faltas leves.

3. Serán faltas moi graves:

a) O abandono de funcións.

b) O ser condenado pola realización de calquera conduta constitutiva de falta ou delito doloso.

c) A reiteración na comisión de faltas graves.

CAPÍTULO VI. RESCISIÓN DO VENCELLO COA AGRUPACIÓN

Artigo 23. Causas de rescisión.

A relación de colaboración voluntaria coa Agrupación finalizará por decisión da persoa interesada, falecemento, declaración de incapacidade, perda da condición de veciño deste municipio, inhabilitación para o exercicio de funcións públicas ou sanción de expulsión.

Artigo 24. Baixas temporais.

Constitúe baixa temporal na Agrupación a derivada de:

a) A sanción de suspensión.

b) A ausencia xustificada de ata tres meses que non fose comunicada.

c) A enfermidade ou calquera outra causa xustificada.

Artigo 25. Baixa definitiva.

1. Constitúe baixa definitiva na Agrupación a derivada de:

a) A incomparecencia reiterada do voluntario ás actividades que lle correspondan, sen causa xustificada, durante o período de tres meses.

b) O abandono do servizo ou o incumprimento do requirimento para a realización de actuacións en situacións de grave risco, catástrofe ou calamidade pública.

2. Unha vez notificada a decisión de baixa definitiva, o voluntario deberá entregarlle á Agrupación a documentación, distintivo, material e equipamento de protección civil de que dispuxera por razón do cargo.

DISPOSICIÓN FINAL PRIMEIRA

1. Ao entrar en vigor este regulamento queda disolta a actual Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Rois.

2. No mes seguinte á entrada en vigor este regulamento, a Alcaldía abrirá un período de presentación de solicitudes de incorporación á Agrupación de persoas voluntarias de protección civil de Rois e resolverá sobre elas. A seguir, convocará a asemblea da Agrupación para os efectos de propoñer o nomeamento do seu presidente e dun substituto para os casos de ausencia, enfermidade ou vacante daquel.

DISPOSICIÓN FINAL SEGUNDA

Este regulamento entrará en vigor trala súa publicación no Boletín oficial da Provincia da Coruña e de que transcorra o prazo de quince días ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.