Carballo - ORDENANZA PARA O IMPULSO DA LINGUA GALEGA NO CONCELLO DE CARBALLO

Publicación provisional: 11/10/2013 BOP Nº: 194
Publicación definitiva: 27/11/2013 BOP Nº: 226
Aplicable dende: 27/11/2013

Limiar

A lingua é unha ferramenta comunicativa pola cal unha comunidade se pode relacionar entre si, pero ademais a lingua é a creación colectiva máis importante e a manifestación de identidade máis relevante dun pobo, pois na súa formación colaboran todas as persoas dese pobo ao longo de toda a súa historia. O galego, lingua propia de Galicia, é, polo tanto, o máximo expoñente e valor como comunidade e é a nosa ferramenta comunicativa máis próxima e eficaz.

No decorrer da historia, a lingua galega, a creada aquí, coñeceu un longo período de normalidade, pois foi durante séculos o idioma vehicular de uso común en todos os ámbitos, mais despois, polos acontecementos da historia, o castelán penetrou nos contextos formais, relegando o galego aos usos informais. Xa no século XVIII apareceron voces que reclamaban a restitución do uso do galego en todos os ámbitos. Estas voces multiplicáronse durante o século XIX e deron un dos seus froitos máis vizosos no Estatuto de autonomía de 1936, onde se recoñecía legalmente a oficialidade do galego. A Guerra Civil e a posterior ditadura malogrou a aplicación desta lexislación.

Coa instauración da democracia no Estado español, danse as condicións propias para a necesaria normalización da lingua galega. A Constitución española de 1978 proclama a «vontade de protexer a todos os españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas, tradicións, linguas e institucións», no artigo 3.2 establece que as linguas españolas distintas ao castelán serán oficiais nas súas respectivas comunidades de acordo con cada estatuto. A promulgación do Estatuto de autonomía de Galicia en 1981 institúe o galego como a lingua propia de Galicia. O artigo 5 do Estatuto proclama a lingua galega como oficial de Galicia e desenvolve este precepto ao encomendarlles aos poderes públicos que garantan o uso normal e oficial da lingua galega e potencien o seu emprego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, engadindo que «disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento» (art. 5.3). Así, a proclamación da oficialidade da lingua galega encoméndalles unha serie de obrigas aos poderes públicos. Estes deben utilizala como lingua de uso normal de comunicación entre eles e nas súas relacións coa cidadanía. Ao mesmo tempo, as cidadás e os cidadáns adquiren unha serie de dereitos lingüísticos que deben ser respectados pola Administración. A Lei 3/1983 de normalización lingüística desenvolve máis os preceptos estatuarios. A Xunta de Galicia ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As corporacións locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta lei (art. 6.4). Con posterioridade a esta, fóronse aprobando ordes e decretos que veñen completar o marco legal para asegurar a recuperación plena do uso do idioma galego na Administración local, de xustiza, etc. Neste sentido salienta a Lei 5/1988 de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais, que no artigo 1 senta que «as convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia redactaranse en lingua galega».

O Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, contempla como obxectivos específicos para a administración local o de ¿consolidar o papel normalizador das corporacións locais e das deputacións por medio da xeneralización do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos seus administrados" e o de ¿incluír a promoción do galego, no concepto de servizo que o concello e a comarca lle ofrecen ao cidadán, tanto directamente como a través de empresas subcontratadas".

En Galicia, onde a maioría da poboación fala a súa lingua propia, e a práctica totalidade a entende, as corporacións locais poden e deben desenvolver accións encamiñadas a implicar ao conxunto da sociedade no proceso de normalización lingüística e a recuperar o uso e prestixio social do idioma. A lingua galega precisa do recoñecemento oficial previsto nas leis para que poida recuperar o seu prestixio. As corporacións locais, por seren as administracións máis próximas á cidadanía, son moi apropiadas para desenvolveren accións encamiñadas á implicación cidadá, á dinamización e á recuperación social do idioma propio e oficial de Galicia.

Capítulo I. O uso oficial do idioma galego

Artigo 1

1. O galego, como lingua propia e oficial de Galicia, é idioma oficial do Concello de Carballo.

2. De acordo co establecido na Constitución Española e no Estatuto de Autonomía de Galicia, o castelán tamén é cooficial.

3. O Concello de Carballo empregará o galego en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas internas, na comunicación social, e nas relacións coas cidadás, cos cidadáns e con todas as entidades públicas situadas en Galicia e con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas.

4. Todas as actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal terán plena validez e eficacia.

5. As cidadás e os cidadáns teñen dereito a seren atendidas/os e a obteren ou recibiren toda a documentación e notificacións municipais en lingua galega.

Capítulo II. Ámbito de aplicación

Artigo 2

1. O Concello de Carballo e os organismos que del dependen -padroados, organismo autónomos, sociedades, centros de formación, escolas, etc.- rexeranse polos criterios establecidos nesta ordenanza.

2. Tamén se rexerán polos criterios desta ordenanza as empresas adxudicatarias ou concesionarias cando actúen por conta deste Concello, así como as de explotación mixta, o cal se fará explicitamente constar nos documentos correspondentes (concursos públicos, pregos de cláusulas, contratos, etc.).

3. O Concello de Carballo velará para que nas actividades, organismos, etc., en que participe e/ou teña representación, sexan aplicados os principios desta ordenanza.

4. Todos os servizos, departamentos, oficinas e organismos dependentes do Concello de Carballo terán en conta a necesidade da normalización da lingua galega, polo que asumirán o desenvolvemento desta ordenanza en todas e cada unha das accións do seu funcionamento cotián.

Capítulo III. Atención ao público

Artigo 3

1. Todos os servizos de todas as unidades administrativas que teñan unha relación co público fomentarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación de entrada, tanto oral como escrita, practicando a oferta positiva en lingua galega.

2. A atención ao público mediante mecanismos automáticos, tales como contestadores de teléfonos ou outros medios telefónicos ou informáticos, usarán por defecto e de entrada o galego, e así se especificará cando sexan comprados, contratados e/ou programados.

3. O disposto no presente artigo tamén é de aplicación para as empresas ou entidades que presten servizos públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto.

Capítulo IV. Documentación e actuación administrativa

Artigo 4

1. Como criterio xeral, todas as actuacións do Concello faranse en idioma galego. Isto sen prexuízo de que, cando legalmente sexa requisito, ademais de en galego tamén se fagan noutra(s) lingua(s).

2. Será redactada en lingua galega, en cumprimento da lexislación vixente, a seguinte documentación:

a. As convocatorias de sesións de todos os órganos do Concello de Carballo, así como as ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas, rogos, preguntas e as actas dos citados órganos municipais.

b. As resolucións de todos os órganos municipais.

c. Toda a documentación xerada polo Concello que forme parte dos expedientes administrativos que teñan que someterse á decisión ou coñecemento dos devanditos órganos.

d. As actas e acordos de todos os órganos dos consellos e entidades con personalidade xurídica dependente deste Concello.

e. As notificacións, recursos, escrituras públicas e, en xeral, todos os actos de carácter público ou administrativos que se realicen por escrito en nome do Concello de Carballo.

3. Todos os modelos de documentación da Administración municipal de Carballo serán elaborados e difundidos de entrada e prioritariamente en galego e, verbo disto, nos plans e procesos de informatización e racionalización administrativa deberase ter presente o establecido neste artigo, sen que isto signifique que nalgúns casos non se poida incorporar tamén a outra lingua oficial para cando unha persoa expresamente a poida requirir.

Artigo 5

1. Sen prexuízo do que para os rexistros públicos establece o artigo 9 da Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística de Galicia, nos rexistros administrativos das oficinas do Concello os asentos faranse sempre en galego, independentemente da lingua na que estean escritos.

Capítulo V. Publicacións, accións informativas, formativas e actividades públicas

Artigo 6

1. Os anuncios oficiais da Corporación que se publiquen no Boletín Oficial da Provincia, no Diario Oficial de Galicia ou en calquera medio de comunicación serán redactados e publicados en galego. Cando legalmente sexa requisito, tamén se poderán redactar noutra(s) lingua(s) ademais de en galego ou achegar unha tradución do orixinal en lingua galega.

2. As publicacións editadas polo Concello, teñan ou non carácter periódico, xa sexan en papel ou dixitais, realizaranse en lingua galega.

3. As publicacións editadas por outras entidades, nas que colabore o Concello e que teñan difusión en Galicia, realizaranse en lingua galega. Para lle dar cumprimento a isto, de os haber, nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc., farase referencia expresa a este requisito.

Artigo 7

1. As campañas publicitarias do Concello e de promoción de todas as actividades organizadas faranse, sexa no soporte que sexa, en galego.

2. Na contratación de publicidade, o Concello terá en conta os medios de comunicación en distintos soportes que usan o galego.

3. As campañas publicitarias e de promoción de actividades (cursos, xornadas, conferencias, festas, espectáculos, actividades deportivas, festivais, campionatos, etc.) doutras entidades nas que dalgún xeito colabore o Concello faranse en todos os soportes en galego.

4. Para lle dar cumprimento a isto, cando os haxa, nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc., farase referencia expresa a este requisito.

5. A publicidade que se difunda en instalacións e mecanismos propiedade do Concello deberá estar en galego.

6. Todo o anterior, sen prexuízo de que tamén se poidan facer noutras linguas sempre que sexan accións publicitarias ou de difusión dirixidas a comunidades lingüísticas fóra da galega.

Artigo 8

1. As accións formativas organizadas polo Concello desenvolveranse, en xeral, en lingua galega, sempre que teñan lugar no territorio lingüístico galego e que o persoal encargado de intervir nesas accións sexa natural ou residente habitual do territorio lingüístico galego.

2. A formación puntual e actividade xeral ofertada regularmente polo Concello nos seus distintos centros (centros de formación, aulas de informática, centros infantís, conservatorio, biblioteca, ludoteca, Pazo da Cultura, Forum, etc.) desenvolverase utilizando normalmente o galego como lingua de comunicación. O establecido neste punto terase en conta e farase referencia expresa ao seu contido nos seguintes casos:

a. Na contratación de persoal para os distintos centros.

b. Na organización de actividades nos distintos centros.

c. Nos pregos de condicións, no caso de contratacións de empresas.

d. Nos regulamentos dos distintos centros, de os haber.

3. Para que o Concello de Carballo colabore en accións informativas ou formativas organizadas por outras entidades será requisito que estas se desenvolvan, en xeral, en lingua galega, sempre que teñan lugar no territorio lingüístico galego e que o persoal encargado de intervir nesas accións sexa natural ou residente habitual do territorio lingüístico galego. Este requisito transmitiráselle á entidade ou entidades organizadoras e explicitarase nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc.

Artigo 9

1. Os cargos públicos do Concello expresaranse en galego nos actos públicos que teñan lugar no ámbito lingüístico galego, e nos que interveñan en virtude do seu cargo, a non ser que as circunstancias do acto aconsellen, xunto co galego, o emprego doutras linguas.

2. Todas aquelas actividades comunicativas, culturais, deportivas, divulgativas, etc. (conferencias, intervencións públicas, xornadas, congresos, simposios, charlas, campionatos, espectáculos, festivais, etc.) organizadas polo Concello, desenvolveranse, en xeral, en lingua galega, sempre que teñan lugar no territorio lingüístico galego e que o persoal encargado do desenvolvemento e intervencións sexa natural ou residente habitual deste territorio lingüístico galego.

3. Para que o Concello de Carballo colabore en actividades comunicativas, culturais, deportivas, divulgativas, etc. (conferencias, intervencións públicas, xornadas, congresos, simposios, charlas, campionatos, espectáculos, festivais, etc.) organizados por outras entidades, será requisito que estas se desenvolvan, en xeral, en lingua galega, sempre que teñan lugar no territorio lingüístico galego e que o persoal encargado do desenvolvemento e intervencións sexa natural ou residente habitual do territorio lingüístico galego. Este requisito transmitiráselle á entidade ou entidades organizadoras e explicitarase nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc.

Artigo 10

1. Os textos que vaian ser difundidos polo Concello en calquera soporte (diarios oficiais, xornais, revistas, carteis, folletos, etc.) deben ser revisados antes polo Servizo de Normalización Lingüística, quen dará o visto e prace para a súa publicación.

Capítulo VII. Compra de bens e materiais e encargo e contratación de servizos

Artigo 11

1. Para as compras de bens e materiais de todo tipo que faga o Concello de Carballo estableceranse criterios para procurar que os a bens e materiais estean en galego, xa sexa na súa etiquetaxe, configuración, uso, etc. (equipos informáticos, aparellos telefónicos, material funxible, produtos alimentarios, etc.). Isto especificarase e concretarase, cando os haxa, nos correspondentes acordos, contratos, pregos, etc.

2. Para as contratacións de servizos que se presten ao Concello, sexan da índole que sexan, especificarase que estes deben ser prestados en galego, e para a súa prestación poderanse establecer criterios, ademais, para que os materiais estean en galego, xa sexa na súa etiquetaxe, configuración, uso, etc. Isto especificarase e concretarase, cando os haxa, nos correspondentes acordos, contratos, pregos, etc.

Capítulo VI. Sinalización e rotulación

Artigo 12

1. Os rótulos, indicadores, sinalizacións da Casa do Concello e dos outros edificios e servizos públicos e da rede viaria municipal estarán en galego.

2. Cando a normativa ou o interese xeral o requira, as sinalizacións viarias tamén poderán incorporar outra(s) lingua(s).

3. Todos os vehículos do parque móbil municipal, dos organismos autónomos, empresas municipais, policía, etc., levarán a súa rotulación en galego. Isto mesmo será de aplicación para o parque móbil daquelas empresas adxudicatarias ou concesionarias, e así se establecerá nos correspondentes pregos de condicións.

4. O establecido no artigo anterior tamén será de aplicación a todo o vestiario municipal e material semellante.

5. En calquera caso, os textos dos rótulos e sinalizacións deben ser revisados polo Servizo de Normalización Lingüística, quen dará o visto e prace para a súa publicación.

Capítulo VII. Relacións con outras administracións

Artigo 13

1. As comunicacións do Concello dirixas a calquera das administracións públicas sitas no territorio galego redactaranse en lingua galega.

2. As comunicacións do Concello dirixidas á Administración civil ou militar do Estado e á xustiza dentro do ámbito lingüístico galego redactaranse en lingua galega.

Artigo 14

1. A documentación do Concello de Carballo dirixida ás administracións públicas de fóra do ámbito lingüístico galego tamén se redactará en lingua galega e expedirase -se cómpre- unha copia en castelán facendo constar que é tradución do orixinal redactado en galego.

2. As copias dos documentos do Concello de Carballo redactados en galego que haxa que enviar ás administracións públicas de fóra do ámbito lingüístico galego tramitaranse en lingua galega. Se cómpre, achegarase tradución a outra(s) lingua(s), facendo constar que é tradución do orixinal en galego.

Artigo 15

1. Con respecto aos documentos dirixidos directamente a persoas xurídicas, diferentes de calquera das administracións, o Concello de Carballo aterase ao previsto nas disposicións vixentes, aínda que se redactarán en galego sempre que sexa posible.

Capítulo VIII. Relacións coas empresas privadas

Artigo 16

1. Os documentos públicos ou contractuais subscritos polo Concello serán redactados en galego. Se a súa finalidade o esixe, poderán ser traducidos a outra(s) lingua(s).

2. O Concello requirirá que os estudos, proxectos, informes e traballos análogos que se encarguen a terceiros sexan elaborados en galego, agás que a súa finalidade esixa a redacción noutra lingua. Este requirimento será explicitamente recollido nas convocatorias, pregos ou solicitudes de tales traballos.

3. O Concello proporá e animará ás empresas contratantes e provedoras a que redacten a súa documentación en galego e demandaralles que fagan uso do galego nos bens e nos servizos que sexan obxecto de contrato, e así se fará constar nos correspondentes pregos de condicións.

Capítulo IX. Persoal ao servizo da administración

Artigo 17

1. A declaración de oficialidade do idioma galego esixe que todo o persoal ao servizo da Corporación o coñeza e estea en condicións de empregalo correctamente, tanto oralmente como por escrito, no desenvolvemento do seu traballo.

2. Para acadar este obxectivo establécense as seguintes regras:

a. Nos procedementos de selección de persoal incluirase unha proba de capacitación para o desenvolvemento en galego do traballo que o persoal vai realizar habitualmente no Concello. Esta proba será adecuada ao nivel e contido das prazas convocadas e, de acordo coas funcións do posto, poderá ser oral e/ou escrita. Quedarían exentos desta proba aquelas persoas que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme á normativa vixente.

b. Nos procedementos de provisión de postos de traballo, a acreditación do coñecemento da lingua galega terá, ademais, consideración de mérito puntuable, sempre que haxa concurso, para o que en cada convocatoria se fará un baremo axeitado ao posto para puntuar acreditacións Celga e/ou títulos oficiais de linguaxes específicas, como administrativa ou xurídica.

c. Sempre que for posible, o persoal do Servizo de Normalización Lingüística con titulación suficiente formará parte dos tribunais cualificadores -ben como membro deste, ben como persoal asesor-, para facer a avaliación do coñecemento do idioma galego na selección de persoal e na provisión dos postos de traballo e colaborará, así mesmo, na confección das correspondentes bases e probas.

d. As probas selectivas para a provisión de prazas de funcionarios/as e persoal laboral ao servizo do Concello faranse en lingua galega e distribuiranse por defecto nesta lingua a todas as persoas candidadatas, sen prexuízo de que os/as participantes nas probas poidan realizar os seus exercicios noutra lingua oficial. As persoas que queiran copia das probas noutra lingua oficial poderán solicitala expresamente con antelación.

e. O persoal que actualmente traballa ao servizo da Corporación e non estea capacitado para o correcto desenvolvemento do seu traballo en galego de acordo co disposto no apartado 1 do presente artigo deberá adquirir tal capacidade. Para estes efectos, o Servizo de Normalización Lingüística desenvolverá un programa de formación lingüística.

f. O Concello de Carballo, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración con outras administracións ou entidades, organizará cursos específicos para todo o persoal que non teña os coñecementos necesarios para exercer as súas funcións en galego e así melloren o seu nivel de linguaxe, tanto desde o punto de vista lingüístico como estilístico.

Artigo 18

1. A formación profesional de todo o persoal do Concello de Carballo farase en lingua galega, sempre que a programación e organización dependa do Concello. De non depender directamente del, o Concello de Carballo demandará que se faga en galego.

Capítulo X. Toponimia e nomes de rúas, emprazamentos ou edificios

Artigo 19

1. Segundo se dispón no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do termo municipal do Concello de Carballo é a galega, igual cá dos demais topónimos de Galicia.

2. O Concello de Carballo promoverá a recuperación, coñecemento e uso da toponimia do territorio municipal, e preservará as formas tradicionais dos lugares como parte integrante da memoria colectiva do patrimonio cultural.

3. As formas dos topónimos empregadas polo Concello e por todos os organismos dependentes del serán sempre as establecidas legalmente.

4. O Concello de Carballo demandaralles a todas as entidades beneficiarias de calquera tipo de subvención, axuda, colaboración ou contrato por parte do Concello o uso legalmente correcto da toponimia. Esta demanda figurará expresamente en todas as convocatorias de axudas e subvencións, acordos e contratos do Concello.

Artigo 20

1. Para lles dar nome ás rúas, prazas, edificios, etc., de titularidade pública en Carballo, seguiranse os criterios establecidos na declaración asinada pola Comisión de Toponimia en 2002, en que se sinala:

a. Na denominación oficial das diferentes realidades xeográficas (entidades de poboación, urbanizacións, prazas, rúas, complexos urbanísticos, bloques de edificios, etc.), ha de preferirse sempre un topónimo tradicional antes que fórmulas de nova invención.

b. No caso de realidades xeográficas de nova creación realizarase un inventario das denominacións tradicionais do territorio afectado e empregaranse nomes tomados dese repertorio para a denominación oficial das novas realidades.

c. Cando nunha área determinada os topónimos tradicionais superan en número as novas realidades xeográficas creadas, de preferencia han de preservarse os topónimos de maior interese histórico, arqueolóxico ou filolóxico.

d. Só se empregará o recurso á imposición de ¿topónimos honoríficos" (nomes de persoas ou institucións, de conceptos abstractos, de cidades ou países, etc.) en casos en que a nova denominación non sepulte un topónimo tradicional.

2. En caso de ter que optar por un topónimo honorífico ou conmemorativo, seguiranse as directrices aprobadas pola ONU en 2004, nas que se sinala que:

a. Para propoñer un topónimo só se considerarán persoas postumamente; antes de que a proposta dun topónimo conmemorativo se considere deben ter pasado un mínimo de cinco anos da morte da persoa. Para acontecementos, polo menos deben ter pasado vinte e cinco anos do devandito acontecemento.

b. Para propoñer un topónimo conmemorativo só se terán en consideración persoas cunha forte asociación co lugar ou o elemento xeográfico, ou que teñan destacada significación no legado cultural ou no desenvolvemento da zona, da comarca ou da nación.

c. O topónimo proposto deberá ser apoiado pola comunidade local e ir máis aló dun simple ou especial interese dun grupo.

d. Un topónimo non se debe usar para conmemorar vítimas ou sinalar lugares de accidentes ou traxedias.

e. Un topónimo conmemorativo non se debe considerar se xa existe para o lugar un nome arraigado e aceptado.

f. A propiedade da terra non confire a lexitimidade ou o dereito de aplicarlle un topónimo conmemorativo a un elemento xeográfico. O uso non oficial de topónimos conmemorativos en publicacións ou en dedicatorias ou indicadores non é garantía de que estes sexan adoptados en documentos toponímicos oficiais.

Capítulo XI. Impulso institucional do idioma galego

Artigo 21

1. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, o Concello de Carballo fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outra dentro do ámbito municipal.

2. O Concello de Carballo poñerá en marcha programas dirixidos á poboación e ás entidades asociativas ou empresariais do municipio para conseguir a implicación progresiva de todos os colectivos no proceso de recuperación social da lingua galega, e fomentarase o uso e prestixio do galego na transmisión interxeracional, na mocidade, na onomástica, no deporte, nas novas tecnoloxías, na creación e difusión cultural, no ámbito empresarial e comercial, na comunicación, na xustiza, no lecer, na educación, na sanidade, no ámbito relixioso, no turismo, na integración social, no asociacionismo, etc.

3. Todos os órganos do Concello de Carballo impulsarán a normalización lingüística no seu ámbito de actuación, e o Servizo de Normalización Lingüística asesorará á Corporación municipal nesta materia.

4. Para a concesión de subvencións e axudas municipais (de promoción económica, servizos sociais, culturais, xuvenís, deportivas, para festas, para actividades formativas e de calquera outro tipo) valorarase como criterio que se terá en conta que as actividades realizadas contribúan a normalizar o uso da lingua galega. Do mesmo xeito, as publicacións, a cartelaría, a publicidade e toda produción de todas as actividades das entidades que vaian estar subvencionadas polo Concello de Carballo deberán estar en lingua galega. En todas as convocatorias de subvencións figurará expresamente este requisito.

5. O Concello de Carballo poderá outorgar subvencións para actuacións que procuren a normalización lingüística e, segundo sinala o artigo 25 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, para fomentar dentro do seu ámbito a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras, por actos singulares, poderá outorgar reducións ou exencións das obrigas fiscais.

Capítulo XII. Calidade lingüística e linguaxe democrática e inclusiva

Artigo 22

1. Debido a que a calidade lingüística de todos os textos públicos do Concello transmite a imaxe da propia administración municipal e a que os textos emitidos desde a administración pública adoitan ser interpretados como modelos de lingua, en todos os textos, documentos e comunicacións do Concello de Carballo coidarase especialmente a calidade e corrección lingüística.

2. En todos os textos serán aplicados os criterios da linguaxe administrativa galega moderna, procurando sempre a súa máxima calidade, democratización, personalización, claridade dos contidos (modernización das formas, concisión e precisión, sinxeleza e ordenación) e uniformidade.

3. En toda comunicación e documentación municipal usarase unha linguaxe inclusiva, utilizando as fórmulas non sexistas axeitadas que inclúan os dous xéneros cando os textos e comunicacións se dirixan tanto a mulleres como a homes, evitando así fórmulas sexistas, ocultación dun dos xéneros e posibles ambigüidades.

4. O Concello de Carballo velará para que nos textos e comunicacións das accións doutras entidades nas que colabore, participe ou apoie, se sigan estes mesmos criterios de calidade lingüística e linguaxe moderna, democrática e inclusiva.

Capítulo XIII. O Servizo de Normalización Lingüística (SNL)

Artigo 22

1. O Concello de Carballo contará cun Servizo de Normalización Lingüística (SNL) estable dotado con medios materiais e humanos suficientes co obxecto de impulsar a normalización do idioma galego a todos os niveis e ámbitos sociais, e de coordinar as accións necesarias para darlle cumprimento a esta ordenanza.

2. As tarefas que desenvolva este Servizo de Normalización Lingüística configuraranse en tres áreas: dinamización sociolingüística, formación sociolingüística e asesoramento lingüístico.

3. As funcións xerais do SNL serán:

a. Xerais:

i. Asesorar á administración municipal en todo o relacionado coa política lingüística.

ii. Facer seguimento do cumprimento da lexislación en materia lingüística por parte da institución.

iii. Informar sobre a conveniencia, oportunidade, método, etc., de incorporar accións con obxectivos normalizadores en programas ou accións do Concello de índole diversa, e colaborar na súa especificación, deseño e materialización.

iv. Emitir informes sobre a oportunidade, conveniencias, etc., de accións do Concello con respecto ao fomento do uso e prestixio da lingua galega.

v. Colaborar coa administración para determinar os perfís lingüísticos necesarios en cada un dos postos de traballo e colaborar nas probas e procesos selectivos para que se avalíen convenientemente os coñecementos lingüísticos por parte dos/as aspirantes.

b. Dinamización sociolingüística:

i. Fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade.

ii. Planificar, xestionar, executar e avaliar accións a prol da lingua galega seguindo as directrices de política lingüística do organismo.

iii. Propoñer programas dinamizadores e accións concretas que conciencien á sociedade respecto ao uso e prestixio da lingua galega, e a impliquen no proceso normalizador.

iv. Propiciar e xestionar liñas de información, colaboración, coordinación e axuda dirixidas á rede asociativa, empresarial, educativa, xuvenil, etc., para fomentar o uso e prestixio do galego.

v. Promover e coordinar grupos de persoas interesadas no proceso de normalización lingüística para que funcionen como axentes normalizadores na sociedade.

c. Formación sociolingüística:

i. Planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, tanto para o persoal da administración como para diferentes sectores sociais.

ii. Difundir materiais que contribúan á tarefa normalizadora: dereitos lingüísticos, lexislación, recursos lingüísticos, etc.

iii. Colaborar no deseño de programas de formación non lingüística para garantir a presenza do galego e de contidos favorables á mellora de actitudes lingüísticas.

d. Asesoramento lingüístico:

i. Mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración.

ii. Normalizar a imaxe lingüística, fixar criterios lingüísticos para a organización e establecer modelos de documentos.

iii. Revisar e validar lingüisticamente aqueles textos que vaian ter maior difusión, impacto ou permanencia (carteis, folletos, rotulación, anuncios, impresos, publicacións, etc.), para garantir a calidade lingüística e o uso dunha linguaxe moderna, democrática e inclusiva.

iv. Resolver dúbidas lingüísticas.

Capítulo XIV. Cumprimento e seguimento da ordenanza

Artigo 23

1. Para darlle cumprimento, velar pola aplicación e facer seguimento, o Concello creará unha comisión político-técnica de aplicación e seguimento desta ordenanza.

2. Esta comisión de aplicación e seguimento reunirase polo menos unha vez ao ano para analizar o cumprimento e desenvolvemento da ordenanza e propor medidas para a súa aplicación, e extraordinariamente cando a convoque a Alcaldía por iniciativa propia ou a petición dalgún dos seus membros.

3. A actualización, ampliación ou revisión progresiva desta ordenanza tamén lle corresponde a esta comisión, que lle fará a proposta correspondente ao Pleno do Concello, para que, se procede, se aprobe a modificación.

Disposición adicional

Para favorecer a participación social no impulso e dinamización do uso do galego en todos os ámbitos, o Concello de Carballo poderá crear un Consello Social da Lingua, no que estarán representados os grupos políticos que forman parte da Corporación e as organizacións e colectivos máis representativos implicados no proceso de normalización lingüística.