Noia - ORDENANZA REGULADORA DO TRÁFICO DA ZONA INTRAMUROS

Publicación provisional: 09/04/2015 BOP Nº: 65
Publicación definitiva: 29/05/2015 BOP Nº: 100
Aplicable dende: 16/06/2015

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Casco Histórico de Noia está declarado Ben de Interese Cultural (BIC), clasificado como Conxunto-Histórico Artístico por decreto de 31 de Xaneiro de 1985.

Dentro do ámbito do Casco Histórico de Noia destaca a zona de Intramuros, o espazo do antigo recinto amurallado, onde se atopa a Igrexa de San Martiño, (declarada Ben de Interese Cultural como Monumento Histórico Artístico por Decreto de 3 de Xuño de 1931), o Pazo do Bispo (declarado Ben de Interese Cultural como Monumento Histórico Artístico por Decreto de 4 de setembro de 1981) e tamén as Murallas de Noia (declaradas Ben de Interese Cultural como Monumento por Decreto de 22 de Abril de 1949). Tamén ten importantes edificacións como o Pazo Arcebispal, o Edificio do Casino, a Casa da Xouba, o Pazo da Costa, a Casa Malvar, o Teatro Coliseo Noela, ou Hospital de Adentro.

Coa súa importancia histórica e patrimonial o Casco Histórico de Noia é un importante atractivo turístico da Vila, ademais é unha puxante zona comercial e unha zona de lecer. A gran actividade económica da zona xera certos problemas de tráfico, xa que é preciso acceder a zona para carga e descarga de mercadorías para abastecer aos comercios.

Todo iso fai precisa a regulación específica do tráfico que permita lograr os obxectivos marcados de preservar o Casco Histórico, para recuperalo para os veciños e mellorar a calidade de vida dos residentes.

A conciencia cidadá, ao obxecto de preservar este espazo do paso indiscriminado de vehículos, foi decisiva á hora de impulsar o proceso de peonalización, tomando medidas efectivas que leven a conseguir limitar de forma efectiva o acceso dos vehículos ao Casco Histórico.

Neste mesmo proceso se enmarca a vontade do Concello ao proceder á peonalización deste conxunto histórico para lograr a diminución do ruído, da contaminación ambiental, o reforzamento das posibilidades turísticos e comerciais, a habitabilidade, a sostenibilidade e crear unha cidade para as persoas.

Neste marco, dítase a presente Ordenanza, cuxo obxectivo non é outro que a supresión do tráfico rodado na área coñecida como ¿INTRAMUROS", co fin de reducir a contaminación ambiental e conseguir unha mellor calidade de vida das persoas que viven en dita área e para todos os cidadáns que acceden a esta zona, garantindo, ao mesmo tempo, o acceso peonil do público en xeral aos monumentos importantes da vila.

CAPÍTULO I.-COMPETENCIA, OBXECTIVOS E ÁREA AFECTADA

Artigo 1.-Competencias.

Sendo competencia municipal a ordenación e o control do tráfico nas vías urbanas de seu termo municipal, así como a vixilancia por medio da Policía Local, a denuncia das infraccións que se cometan nas devanditas vías e a sanción das mesmas cando non estea expresamente atribuída a outra administración, e ao amparo do disposto no artigo 25.2.b) e 25.2.g) da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases del Réxime Local e art. 80.2 b) e f) da Lei 5/1997, reguladora da Administración Local de Galicia así como o disposto na normativa sobre tráfico, acórdase aprobar o presente documento de regulación de tráfico rodado no ámbito de INTRAMUROS dentro do Casco Histórico de Noia.

Artigo 2.-Obxectivo.

A presente Ordenanza ten como obxectivo restrinxir o tráfico rodado na área de Intramuros coa finalidade de mellorar a calidade de vida dos noieses e noiesas, especialmente das persoas que viven nesta zona, mellorar a seguridade das persoas convertendo a área de Intramuros nun espazo principalmente para ás persoas, reducindo a contaminación ambiental, acústica e paisaxística en toda a zona.

Artigo 3.-Ámbito de aplicación.

A zona afectada por esta regulación especial do tráfico rodado denominado Intramuros é a comprendida polo espazo interior formado polas seguintes rúas: Malecón de Gasset, Malecón de Cadarso, Rúa Carreiriña do Escultor Ferreiro, Porta da Vila e Rúa Ferrador.

CAPÍTULO II.-ACCESO E CIRCULACIÓN

Artigo 4.-Sinalización.

En tódolos accesos existirá un sinal de circulación prohibida coa excepción de contar coa preceptiva autorización, que restrinxe a circulación da zona a vehículos que conten con tarxeta e/ou distintivo identificativo. Igualmente, a través das correspondentes sinais de tráfico, indicarase que:

1) A velocidade máxima permitida será de 20 km/h.

2) Os peóns teñen prioridade sobre os vehículos.

3) Os peóns poderán empregar toda a zona destinada á circulación.

4) Os vehículos no poderán estacionar mais que nos lugares designados por sinales ou marcas viais.

5) Na área exterior a Intramuros, nas estradas que delimitan a zona restrinxida o aparcamento está limitado a un máximo de unha hora entre as 8 e as 21 horas.

Artigo. 5.-Lugares de acceso.

O acceso e saída á zona de Intramuros afectada pola presente ordenanza realizarase exclusivamente a través das rúas:

● Rúa Mazacáñamos, saídas por Rúa Comercio e Rúa Lope de Mendoza.

● Rúa Montero Ríos, saída por Rúa Comercio.

● Rúa Rodríguez Cadarso, saída por Rúa Comercio.

● Rúa Pescadería, saída por Rúa Pescadería.

● Rúa Xan de Estivadas, saída por Xan de Estivadas.

● Rúa Antón de Noia saída por Rúa Antón de Noia.

● Rúa Curro, saída por Rúa Nova.

● Rúa do Forno, saída por Xan de Estivadas

Excepcionalmente, permítese circular noutras rúas aos vehículos con tarxeta para garaxes en rúas distintas das de circulación, especificándoselle na autorización de acceso a entrada e saída da zona restrinxida para acceder ao garaxe.

Artigo 6.º.-Condicións de acceso de vehículos ao Casco Histórico.

Para o acceso de vehículos ao casco histórico é necesario contar coa preceptiva autorización administrativa municipal, que se materializará na expedición da tarxeta de acceso.

A tarxeta de acceso, concedida a cada titular e na que constará a matrícula do vehículo autorizado, individualiza o dereito de acceso nas condicións determinadas na autorización administrativa concedida a cada titular segundo sexa residente, usuario de garaxe, teña un negocio na zona,sexa discapacitado con mobilidade reducida ou preste un servizo urxente ou imprescindible á comunidade.

Quedan excluídos da obriga de solicitar a tarxeta de acceso:

1.-Os vehículos identificados como de servizos de emerxencias, seguridade cidadá e servizos públicos municipais.

2.-Vehículos de distribución de mercancias, cuxo peso máximo autorizado (P.M.A.) non sexa superior a 3,5 toneladas, sempre e cando estean claramente indentificables pola súa rotulación ou outros distintivos e se atopen realizando a prestación do servizo. En todo caso, as zonas de carga e descarga serán as especificadas no artigo 13 da presente ordenanza.

Ademais deste réxime xeral, será de aplicación as disposicións específicas reguladas na presente ordenanza e que complementan a regulación do acceso e tráfico rodado no casco históríco, facendo fundamentalmente referencia as tarefas de carga e descarga, obras e instalacións, servizos especiais,permisos para eventos e celebracións.

Artigo 7.º.-Modalidades de acceso á zona de Intramuros.

ACCESOS PERMANENTES:

A) RESIDENTES E PROPIETARIOS DE SEGUNDA VIVENDA:

Concederase tarxeta de acceso a todas aquelas persoas físicas empadroadas na área restrinxida e para todos os vehículos de uso ou servizo particular dos que sexan titulares e figure esa dirección no permiso de circulación do vehículo. Dito acceso será sen limitación de días e horas.

Así mesmo, concederase a tarxeta de acceso a aquelas persoas cuxo domicilio habitual se atope situado fóra do termo municipal de Noia, que sendo propietarios dunha vivenda localizada dentro da área de aplicación da presente ordenanza, teña necesidade de acceder a esta mediante a utilización de vehículo da súa propiedade. Só se concedera para un único vehículo, con independencia da dirección do permiso de circulación.

O seu período de validez será de 2 anos, prorrogable por idénticos períodos, debendo acompañar á solicitude correspondente, os seguintes documentos:

Residentes:

- Fotocopia compulsada do DNI.

- Fotocopia compulsada do permiso de circulación dos vehículos para os que solicítese tal autorización

- Certificado de empadroamento.

Segunda vivenda:

- Recibo do imposto sobre bens inmobles (IBI) da vivenda titularidade do solicitante.

- Fotocopia do DNI.

- Fotocopia do permiso de circulación do vehículo para o que se solicita autorización.

B) USUARIOS DE GARAXES:

Concederase tarxeta de acceso a aquelas persoas que teñan garaxe na zona ámbito de aplicación deste ordenanza. A tarxeta permite o acceso do vehículo á praza de garaxe, sen limitación de días e horas, sen que permita estacionar nas vías públicas. Concederanse unha única autorización por cada parcela de aparcadoiro que exista, requirindo que se teña tramitado o preceptivo expediente de licenza de uso como garaxe.

O seu período de vixencia será de dous anos, debendo acompañarse á solicitude os seguintes documentos:

- Fotocopia compulsada do DNI.

- Fotocopia compulsada do permiso de circulación dos vehículos para os que solicite tal autorización.

- Copia do recibo actualizado do imposto sobre bens inmobles da praza de garaxe.

- Documento acreditativo do dereito ao uso da praza de garaxe de que se trate, no suposto de que esta non sexa titularidade do solicitante.

C) TITULARES DE ESTABLECEMENTOS:

Concederanse tarxetas de acceso aos titulares de establecementos abertos ao público na área do Casco Histórico, para un único vehículo titularidade destes, xa sexa entidade mercantil, xa un dos socios partícipes desta, ou dun empregado do establecemento. A tarxeta permite o acceso ao seu establecemento para realizar pequenas operacións de carga e descarga, non podendo en ningún caso superar o tempo de estacionamento o vehículo autorizado os 20 minutos e en horario de 08 a 11 horas, de 14 a 16 horas e de 20 a 21 horas.

O seu período de vixencia será igualmente de 2 anos, debendo acompañar á solicitude os seguintes documentos:

- Fotocopia do DNI ou NIF.

- Fotocopia do permiso de circulación do vehículo para o que se solicita.

- Licenza de apertura do establecemento.

- No suposto de que o beneficiario sexa un empregado, deberá acreditarse tal circunstancia a través da presentación do contrato laboral ou TC2.

D) ACCESO DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE:

No suposto de persoas discapacitadas que por razóns de traballo, precisen acceder ao seu centro de traballo mediante vehículo e non se atopen incluídos en ningún dos supostos anteriormente regulados, previa petición do usuario onde se xustifique debidamente tal necesidade, concederase a tarxeta de acceso, que será solo válido para os lugares sinalados no mesmo e polo tempo que se reflicte.

A solicitude deberá acompañarse a seguinte documentación:

- Fotocopia do DNI ou NIF.

- Fotocopia do permiso de circulación do vehículo para o que se solicita.

- Contrato de traballo no suposto de que os motivos de solicitude sexan laborais

- Certificado de mobilidade reducida expedido polo órgano competente da Xunta de Galicia.

Artigo 8.º.-Condiciones de uso da tarxeta de acceso a Intramuros.

1.-A tarxeta que se entrega ao solicitante para o acceso á zona restrinxida ao tráfico rodado debe empregarse baixo o cumprimento das seguintes condicións:

a) A tarxeta considerase individual e vinculada ao vehículo para o que se concede. E intransferible e autoriza unicamente para acceder á zona restrinxida ao tráfico rodado.

b) Só se pode empregar para o acceso co vehículo para o que sexa concedida.

c) En caso de perda, subtracción ou deterioro da tarxeta, deberá comunicalo ao Concello para proceder á súa substitución.

d) Os titulares das tarxetas serán os responsables do uso das mesmas, deberán comunicar a transferencia do vehículo ou a substitución por outro e calquera variación que impida o cumprimento dos requisitos que serviron para a súa concesión, en tal caso procederase a súa devolución.

2.-O uso indebido ou incorrecto da tarxeta dará lugar á esixencia de responsabilidade ao titular da mesma de conformidade co establecido nos artigos 15 e seguintes da presente ordenanza.

3.-Aqueles vehículos que accedan á zona de Intramuros, baixo un dos supostos en que se requira atoparse identificados mediante a correspondente tarxeta, deberán exhibila obrigatoriamente no parabrisas dianteiro do vehículo autorizado, de xeito visible desde o exterior.

4.-É obriga do titular da tarxeta a notificación ao Concello de Noia do cambio de vehículo autorizado, así como a devolución da tarxeta no suposto de modificación das condición que no seu momento serviron de base para a súa autorización.

O Concello, mediante procedemento contraditorio, deberá, cando teña coñecemento de que se incumpren os requisitos de concesión da tarxeta e/ou distintivo, revisar de oficio a concesión, retirando e anulando as mesmas.

CAPÍTULO III.-DISPOSICIÓNS ESPECÍFICAS

Artigo 9.-Aparcamento.

Queda prohibido estacionar en toda a zona de intramuros. A tarxeta de acceso únicamente dará dereito a realización da parada, é dicir, inmobilización do vehículo durante un tempo inferior a dous minutos, sen que o condutor poida abandonalo, nunca levará consigo o dereito a estacionamento.

Artigo 10.-Zonas excluídas de acceso.

Queda excluído o acceso ás prazas de Intramuros: Fanequeira, Tapal, as prazas das Portas de Noia, Curro, Cantón e Guisamonde, agás a intervención directa nas mesmas dos servizos de emerxencias, seguridade cidadá e servizos municipais e as autorización expresas reguladas na presente ordenanza.

Artigo 11.-Inmobles sitos na circunvalación da zona de intramuros.

Aqueles inmobles que situados no perímetro da zona de intramuros conten con acceso ao inmoble pola zona exterior a intramuros, deberán acceder obrigatoriamente a través do mesmo, sen que nestes supostos proceda a autorización municipal a que fai referencia o artigo 7 da presente ordenanza.

Artigo 12.-Operacións de cargada e descarga.

Entendida esta como a acción e efecto de trasladar unhas mercadorías dende un vehículo comercial a un establecemento ou outro inmoble e viceversa, queda limitada dentro do Casco Histórico as zonas delimitadas mediante a correspondente sinalización, en concreto, as zonas habilitadas para carga e descarga dentro do casco histórico serán a Rúa Antón de Noia e a Rúa Curro en horario de 9 a 21 horas, agás os xoves e domingos que só será de 16 a 21 ; a praza da Plazuela de 9 a 21 horas todos os días, agás o domingo que será de 9 a 14 horas e a Rúa Rodríguez Cadarso, xunto ao edificio Ribadavia con saída pola rúa Montero Rios de 9 a 21 horas, agás nos seguintes casos:

a) Autorizacións reguladas no artigo 7.c da presente ordenanza.

b) Obras e instalacións:

Con carácter xeral, o acceso á zona restrinxida para a realización de calquera obra de construción, instalación ou remodelación de edificacións, terá o mesmo tratamento que as operacións de carga e descarga, con vehículos cuxo peso máximo autorizado (P.M.A.) non sexa superior a 3,5 toneladas. Excepcionalmente, permitirase o acceso de vehículos á zona afectada. Para iso, será necesaria a correspondente autorización expedida Concello, na que se concretasen as circunstancias e limitacións desta, debendo, en todo caso, achegar copia da correspondente licenza de obras.

Permitirase o acceso de vehículos cuxo peso máximo autorizado (P.M.A.) supere as 3,5 toneladas e non exceda de 15 toneladas. Para a obtención deste tipo de autorización, deberá achegarse copia da licenza de obras e xustificante da constitución de fianza ou aval por importe de 3.000 €. Para os efectos de garantir a reparación dos danos que poidan ocasionarse nas vías públicas polas que o transporte percorreu.

Unha vez efectuada a solicitude e previo á autorización deberá levantarse acta do estado das vías polas que teñan que pasar os vehículos, que haberán de ser asinadas por un Técnico municipal, o representante da policía local e o titular ou representante do solicitante da autorización. As devanditas actas documentaranse con material fotográfico. Unha vez finalizadas as actuacións para as que se solicitou a autorización excepcional, requiridos polo titular da obra, levantarase de novo acta, e senón se produciron deterioracións procederase, logo de petición do interesado a devolución da fianza. En caso de producirse danos, requirirase ao titular da obra proceda á reparación dos danos concedéndolle un prazo, transcorrido o cal, de terse incumprido se procederá polo Concello á reparación dos danos ocasionados con cargo á fianza depositada.

Artigo 13.-Servizos especiais.

Concederanse a vehículos pertencentes a institucións e servizos de carácter urxente ou de rigorosa necesidade cando non queden claramente identificados exteriormente.

Tamén se concederá autorización a aqueles centros sanitarios que conten con asistencia médica de urxencias domiciliarias única e exclusivamente polo tempo indispensable para a prestación dos servizos.

Os vehículos de emerxencias e seguridade (ambulancias, bombeiros, policía local, autonómica e nacional, Garda Civil, Protección Civil, Cruz Vermella, etc.) non están suxeitos a ningún tipo de autorización.

Artigo.14.-Permisos para eventos e celebracións.

Na zona afectada permitirase, o acceso para supostos como celebracións (como enterros, vodas, procesións, etc.). Nestes casos será necesario informar a Policía Local, para o acceso de catro vehículos como máximo, especificando o percorrido.

Nas celebracións das tradicionais procesións relixiosas, os establecementos hoteleiros estarán obrigados a retirar as terrazas e elementos que impidan a circulación de vehículos, persoas e imaxes.

Igualmente concederase permiso especial cando se pretenda a realización de eventos de tipo lúdico, festivo ou cultural (exposicións, feiras, concertos, etc.) quedando prohibida a circulación dos vehículos autorizados nas rúas afectadas.

Os permisos para eventos e celebracións poden abranguer o acceso ás prazas. Ademais reservase un espazo para autobuses para embarque e desembarque de persoas para eventos e celebracións na praza de Portas do Mar entre as Rúa Lope de Mendoza e Nosa Señora da Axuda.

CAPÍTULO IV.-RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 15.-Infraccións.

As infraccións ou omisións que contraveñan a presente Ordenanza, constitúen infraccións administrativas, e serán sancionadas con arranxo ao disposto na Lei sobre Tráfico, Circulación de vehículos a motor e Seguridade Vial, e, restante normativa de particular aplicación, sen prexuízo do establecido no presente capitulo.

Terán a consideración de moi graves, as seguintes:

a) A falsificación dos distintos tipos de distintivos, permisos ou autorizacións regulados na presente Ordenanza.

b) A alteración ou manipulación dos documentos requiridos para a concesión dos distintos tipos de distintivos, permisos ou autorizacións regulados na presente Ordenanza sen cuxo concurso non se concedería tal autorización.

c) Ter sido sancionado pola comisión de dous ou máis faltas das cualificadas como graves.

Terán a consideración de graves, as seguintes:

a) O acceso á área afectada valéndose de tarxeta distinta á autorizada.

b) Utilización indebida da tarxeta.

c) Alteración ou manipulación dos distintos tipos de distintivos, permisos ou autorizacións concedidos e regulados na presente Ordenanza.

d) Utilización indebida de calquera tipo de distintivo, permiso ou autorización concedido e regulado na presente Ordenanza.

e) O acceso á área afectada con vehículo sen título habilitante (distintivo, autorización, permiso).

f) Utilización de distintivo, permiso ou autorización dos regulados na presente Ordenanza, por persoa ou vehículo distinto ao autorizado e como tal reflectido no mesmo.

g) Cesión de distintivo, permiso ou autorización dos regulados na presente Ordenanza, a persoa distinta á autorizada.

h) Ter sido sancionado pola comisión de dous ou máis faltas das cualificadas como leves.

Terán a consideración de leves, as seguintes:

a) Uso indebido da tarxeta concedida cando non se considere falta grave.

b) Non devolución da tarxeta no suposto de modificación das condicións nas que foi concedida.

c) Uso indebido do distintivo, permiso ou autorización concedido e obxecto de regulación pola presente Ordenanza cando non se considere falta grave.

d) Acceso á area obxecto de regulación con distintivo, permiso ou autorización caducada.

e) Non exhibir o distintivo, permiso ou autorización concedida ao efecto, de forma visible no vehículo para o que se concede.

Artigo 16.-Sancións.

1.-As infraccións moi graves sancionaranse con multa de 1.001 a 1.500 €. Poderase retirar o distintivo, permiso ou autorización e a tarxeta por un período dun a dous anos. Procederase á retirada definitiva de distintivos e tarxetas no caso de falsificación do citado permiso, distintivo ou autorización concedidos, ou reiteración nas condutas descritas como moi graves.

2.-As infraccións graves sancionásense con multa de 601 a 1.000 €. Poderase retirar o distintivo, permiso ou autorización e a tarxeta por un período de seis meses a un ano.

3.-As infraccións leves sancionásense con multa de ata 600 €. Poderase retirar o distintivo, permiso ou autorización e a tarxeta por un período de ata seis meses.

Artigo 17.-Persoas responsables.

A responsabilidade das infraccións ao disposto na presente Ordenanza, recaerá directamente no autor ou autores da acción ou omisión en que consista a infracción, mesmo cando se cometese a título de simple inobservancia.

Así mesmo será responsable, e, en consecuencia obxecto de sanción, o titular do distintivo ou autorización concedida, polo uso indebido deste que un terceiro puidera realizar.

Cando o incumprimento de deberes e obrigas previstos na presente Ordenanza incumba conxuntamente a varias persoas, estas responderán solidariamente das infraccións que se cometan e as sancións que, se é o caso, se impoñan.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente Ordenanza entrará en vigor tras a súa publicación no BOP e unha vez transcorrido o prazo establecido no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo.

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.