Pontes de García Rodríguez As - ORDENANZA REGULADORA DA VENDA AMBULANTE

Publicación provisional: 14/11/2001 BOP Nº: 261
Publicación definitiva: 21/03/2003 BOP Nº: 66
Aplicable dende: 21/03/2003

CAPÍTULO I. DA VENDA AMBULANTE

Artigo 1. Obxecto da norma.

A presente ordenanza ten por obxecto a regulación da venda ambulante dentro do termo municipal das Pontes de García Rodríguez, de conformidade co disposto na Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia; o Decreto 194/2001, do 26 de xullo, de ordenación da venda ambulantes, e a Lei 7/1996, do 15 de xaneiro, de ordenación do comercio polo miúdo.

Artigo 2. Concepto de venda ambulante.

Considérase venda ambulante a realizada por comerciantes fóra dun establecemento comercial permanente, de forma habitual, ocasional, periódica ou continuada, nos perímetros ou lugares debidamente autorizados, en instalacións desmontables ou transportables, incluíndo os camións-tenda.

Artigo 3. Modalidades de venda ambulante.

As modalidades de venda ambulante permitidas no termo municipal das Pontes de García Rodríguez serán as seguintes:

a) A venda ambulante en mercados periódicos, é dicir, aquela autorizada nos mercados situados en poboacións, en lugares e espacios determinados, cunha periodicidade habitual establecida. Dentro deste apartado están encadradas, entre outras, as realizadas en feiras e mercados.

b) A venda ambulante en postos instalados na vía pública, é dicir, aquela autorizada para un número de postos, situacións e períodos determinados e que será autorizada con carácter excepcional.

c) A venda ambulante en mercados ocasionais: que é aquela autorizada en mercados esporádicos, que teñan lugar con motivo de feiras, festas ou acontecementos populares.

d) A venda ambulante en camión ou vehículo-tenda, que é autorizada nos citados medios e en zonas ou lugares determinados.

Quedan excluídos da presente regulación os postos autorizados na vía pública de carácter fixo e estable nos que se desenvolvan actividades comerciais de xeito habitual e permanente mediante a oportuna concesión administrativa, que se rexerán polas súas normativas específicas, tales como quioscos ou similares.

As disposicións desta ordenanza non serán tampouco de aplicación nos seguintes casos:

a) Actividades comerciais reguladas pola Lei 1/1996, do 5 de marzo, de actividades feirais de Galicia, e as súas normas de desenvolvemento.

b) Venda directa exercida polos agricultores no seu termo municipal ou nos seus termos limítrofes, limitada á súa propia producción.

c) Venda de obxectos de artesanía realizada polos propios productores, con motivo das festas, feiras e acontecementos populares.

d) Venda permanente ocasional de xornais, plantas e flores, así como de obxectos usados da pertenza particular do vendedor.

Artigo 4. Suxeitos de venda.

A venda ambulante poderaa exercer toda persoa que se dedique profesionalmente á actividade de comercio polo miúdo e reúna os requisitos establecidos na presente ordenanza e demais normativa que fose de aplicación.

Artigo 5. Requisitos para o exercicio da actividade de venda ambulante.

Para o exercicio da venda ambulante esixirase o cumprimento dos seguintes requisitos:

1. Estar dadas de alta no correspondente epígrafe fiscal do IAE na modalidade de venda ambulante, en calquera das cotas contidas nas tarifas del e xustificación de estar ó día no pagamento da correspondente tarifa.

2. Estar ó corrente do pagamento das súas obrigas coa facenda pública e coa Seguridade Social.

3. Dispoñer de póliza contratada sobre seguro de responsabilidade civil que cubra os riscos que puidesen derivarse do exercicio da actividade.

4. Garantir que os productos obxecto da venda cumpren as condicións e requisitos esixidos pola normativa que os regula, tanto en materia sanitaria como no referente á súa presentación, etiquetaxe e demais que se establezan nelas.

5. Estar inscrito no Rexistro de comerciantes ambulantes de Galicia e dispoñer da correspondente tarxeta acreditativa.

6. No caso de que a persoa titular proceda de países non comunitarios, deberá estar en posesión dos correspondentes permisos de residencia e traballo ou, de proceder de países comunitarios, da tarxeta de residencia.

7. Estar debidamente identificado como comerciante ambulante.

8. Posuír a autorización municipal correspondente para o exercicio da actividade no lugar e tempo que esta sinale.

CAPÍTULO II. RÉXIME XERAL DE AUTORIZACIÓN

Artigo 6. Competencias municipais.

1. Correspóndelle ó Concello das Pontes de García Rodríguez, dentro do seu termo municipal, conceder a autorización para o exercicio da venda ambulante. No exercicio desta competencia fixará o día e a hora de celebración da venda e os espacios delimitados para o seu emprazamento, fóra dos que non estará autorizada tal venda. Así mesmo, corresponderalle a fixación das taxas que se teñan que aboar polo exercicio da actividade en domino público. O Concello poderá, se fose o caso, fixar circunstancias que determinen o outorgamento preferente de autorizacións de venda.

2. O Concello resérvase a competencia de revogar ou anular a autorización concedida cando desaparezan as circunstancias ou se incumpran as causas que motivaron a súa concesión ou se acredite o incumprimento de calquera das condicións da autorización, e poderá igualmente decidir entre a retirada temporal, a revogación ou anulación definitiva da autorización; en todo caso e antes de adoptar a resolución definitiva, concederase un prazo de 15 días hábiles para que se formulen as alegacións que se estimen oportunas ó respecto. En ningún destes supostos, os titulares terán dereito a indemnización ou compensación ningunha por esta causa.

3. Compételle ó Concello a determinación dos artigos dos que se autoriza a venda ambulante no temo municipal das Pontes de García Rodríguez, de conformidade coa normativa específica que regule a comercialización de cada grupo de productos e as prohibicións específicas contidas na Lei 10/1988, do 20 de xullo, de comercio interior de Galicia. Queda prohibida en todo caso a venda ambulante dos seguintes productos:

a) Carnes, aves e caza fresca, refrixerada ou conxelada.

b) Peixes e mariscos frescos, refrixerados e conxelados.

c) Leite fresco, certificado ou pasteurizado.

d) Requeixo, tona, manteiga, iogur e outros productos lácteos frescos.

e) En canto a productos de pastelería e bolería, non se permitirá a venda daqueles que leven tona ou crema na súa composición por considerar o deterioro destes compoñentes altamente prexudicial para a saúde.

f) Anchoas afumadas e outras semiconservas.

g) Tampouco se permite a venda de productos elaborados con maonesas nin a venda a granel de productos de lata, tales como bonito, sardiñas, olivas, cogombriños, etc.

h) Queda tamén prohibida a venda a granel de azucres, aceites, arroz e calquera producto non debidamente envasado.

i) Autorízase a venda de xamóns sempre que estean provistos da correspondente guía sanitaria.

Artigo 7. Réxime da solicitude de autorización de venda ambulante.

1. A autorización para o exercicio da actividade deberá ser solicitada polo interesado ou representante, en impreso que se entregará a este e onde necesariamente fará constar:

a) Nome e apelidos ou denominación social, domicilio e DNI/CIF do interesado.

b) Modalidade de venda ambulante que solicita.

c) Emprazamento no que se pretenda exercer a actividade de venda, así como dos días, horario e frecuencia.

d) Mercadorías ou artigos que pretenda sexan obxecto da venda.

e) Tempo polo que se solicita a autorización.

f) Dimensións, expresadas en metros cadrados, do espacio de ocupación que pretende, indicando, para estes efectos, se a venda se pretende realizar en posto desmontable ou dende vehículo ou furgón.

g) Número de persoas habilitadas para a venda baixo a dependencia do titular que pretende a autorización

h) En caso de venda de productos alimenticios estar en posesión do carné de manipulador de alimentos.

i) Compromiso expreso de coñecer e cumprir a normativa xeral de ordenación do comercio, a disciplina de mercado e a protección do consumidor.

2. A solicitude deberá acompañarse de:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade e da tarxeta do NIF/CIF. No caso de que o solicitante sexa estranxeiro deberá acompañar fotocopia do pasaporte e do permiso de residencia e traballo ou da tarxeta de residencia, en vigor, segundo se trate de estranxeiros de países non comunitarios ou comunitarios, respectivamente.

b) Fotocopia da tarxeta acreditativa de inscrición no Rexistro de comerciantes ambulantes de Galicia.

c) Xustificante de estar dado de alta e ó corrente no pagamento do IAE.

d) Xustificante de estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social e ó corrente no pagamento das cotizacións en tal réxime.

e) Se a autorización afecta á venda de productos alimenticios, deberá achegar fotocopia do carné de manipulador de alimentos en vigor.

f) Certificado acreditativo do correcto funcionamento da maquinaria e instalacións que pretenda utilizar, así coma do seguro de responsabilidade civil que garanta a cobertura de calquera clase de risco que tal maquinaria ou instalacións poida orixinar.

g) Dúas fotografías actuais do solicitante tamaño carné.

i) Os carnés do último ano, se fose o caso.

De non presentar toda a documentación citada no prazo concedido no momento de facer a solicitude, o solicitante disporá de 10 días para emendar o defecto, debendo presentar toda a documentación necesaria para completar a solicitude; no caso de non presentar a citada documentación, considerarase que desiste da súa petición.

Artigo 8. Contido da autorización.

1 .O Concello concederá as autorizacións, as cales se expedirán en documento normalizado e deberán conter o seguinte:

a) Nome e apelidos ou denominación social, domicilio e DNI/CIF do titular da autorización.

b) Modalidade de venda ambulante que se autoriza.

c) Determinación dos artigos que poden ser obxecto de comercialización, especificando as condicións particulares de hixiene ou seguridade especialmente necesarias para o caso.

d) Determinación dos lugares e dimensións, así como dos días, horario e frecuencia para os que se autoriza o exercicio da venda ambulante.

e) Determinación do número de persoas habilitadas para a venda baixo a dependencia do titular da autorización.

f) Referencia á obriga de coñecer e cumprir a normativa xeral de ordenación do comercio, a disciplina do mercado e a protección do consumidor.

g) Condicións particulares ás que, se é o caso, quede suxeito o titular da autorización.

h) Período de vixencia da autorización.

A autorización municipal para o exercicio da venda ambulante será persoal e intransferible. Non obstante e conforme o que nela se determine, a autorización habilitará, ademais do seu titular, ó cónxuxe deste, ós seus descendentes directos maiores de 16 anos e ás persoas vinculadas a el mediante contrato laboral.

Esta autorización, orixinal ou copia compulsada deberá ser exhibida polo comerciante durante o exercicio da actividade, colocada no posto en lugar perfectamente visible, así como orixinal ou copia compulsada da tarxeta acreditativa de inscrición no Rexistro de comerciantes ambulantes de Galicia.

Así mesmo, no caso de venda ambulante mediante camións ou vehículos-tenda e de postos desmontables cubertos, a identificación e o domicilio do comerciante deberá figurar tamén nas portas ou bandas laterais daqueles, ben sexa impresos directamente ou mediante carteis adheridos, e coas dimensións e caracteres necesarios para que resulten perfectamente visibles para o público.

Artigo 9. O Rexistro municipal de vendedores ambulantes.

1. Créase o Rexistro municipal de vendedores ambulantes, que será xestionado polos servicios municipais. A inscrición neste será consecuencia inmediata da concesión á autorización municipal correspondente para o exercicio da actividade.

O rexistro materializarase nun libro xeral formado por follas móbiles, foliadas e seladas, o cal se encabezará e rematará coas correspondentes dilixencias de apertura e de cerramento.

O modelo de folla de inscrición de vendedores ambulantes no Rexistro figura como anexo ó presente regulamento.

CAPÍTULO III. CONDICIÓNS ESPECÍFICAS DE CADA MODALIDADE DE VENDA AMBULANTE

Subcapítulo 1. Venda en feiras e mercados

Artigo 10. Réxime de funcionamento.

1. As feiras e mercados que se fan nas Pontes de García Rodríguez son:

A feira, os días 1 e 15 de cada mes, con emprazamento en:

- Alexandre Bóveda, Ramón Cabanillas, avenida da Coruña, praza Capela do Carme e praza Roxa.

O mercado dos sábados co seguinte emprazamento:

- Alexandre Bóveda e soportais do mercado de abastos.

O Concello resérvase a facultade de modificar o emprazamento, así como o día e hora de celebración, se xurdisen necesidades xerais debidamente xustificadas.

A Administración resérvase a potestade de acordar, se xurdisen circunstancias de orde pública ou de interese xeral que así o aconsellen, a suspensión da celebración destes mercados e feiras polo tempo que resulte necesario para atender a prioridade xurdida, sen dereito a indemnización ningunha.

En ningún caso poderán establecerse novos mercados sen a autorización previa do Concello.

A non instalación do posto correspondente durante dous días consecutivos ou cinco alternos dentro do trimestre suporá a retirada automática da autorización, salvo causa xustificada.

As feiras e os mercados terán un horario de funcionamento de 8.00 a 14.00 horas.

2. Instalacións. A venda autorizarase en postos ou instalacións desmontables que terán unhas dimensións axeitadas ás características de cada autorización.

a) Toda feira ou mercado terá unha dotación de infraestructura e equipamento que garanta o cumprimento das normas sobre sanidade, hixiene e respecto ó medio urbano e veciñal onde se instala e que polo menos, cumprirá as seguintes esixencias:

a.1) A feira ou mercado deberá instalarse sobre superficie pavimentada.

a.2) Dentro da superficie da feira ou mercado existirán depósitos destinados á recollida de refugallos ocasionados pola actividade comercial.

b) Os postos serán desmontables e os vendedores de artigos de alimentación estarán obrigados a dispoñer de instalacións de exposición, venda e almacenamento situadas a unha distancia do chan non inferior a 60 centímetros e, ademais, estarán dotadas de parasoles e protectores que eviten o deterioro ambiental e o contacto directo das mercadorías co público.

3. As prohibicións de venda de productos destinados ó consumo son as previstas no artigo 6.

4. As persoas autorizadas, ó final de cada xornada comercial, deberán deixar limpos de refugallo os respectivos espacios. Para estes fins deberán depositar o lixo nos depósitos colocados para tal efecto, desfacendo as caixas grandes para aproveitar axeitadamente a capacidade dos depósitos. O incumprimento desta obriga dará lugar a unha multa de 5.000 pesetas e, no caso de reincidencia, a unha multa de 10.000 pesetas.

Non se permite que os vendedores aparquen os seus vehículos dentro do recinto de venda, salvo que se trate de vehículos-tenda.

5. Queda prohibido expresamente estacionar os vehículos na beirarrúa detrás dos postos de venda. Non obstante poderán aparcar todos os vehículos polo tempo necesario para a instalación dos postos, carga e descarga de mercadorías.

Artigo 11. Validez da autorización.

As autorizacións terán unha duración de un ano natural, prorrogable salvo renuncia expresa do titular, retirada municipal da autorización ou aparición de circunstancias que modifiquen as que motivaron o seu outorgamento.

As solicitudes e a renovación da autorización producirase anualmente a petición expresa, debendo cumprir os requisitos e xuntar a documentación establecida no artigo 7.

O prazo para a presentación da documentación será dende o 1 de outubro ata o 1 de novembro, ambos inclusive.

Artigo 12. Réxime de pagamento da taxa municipal por ocupación de dominio público.

1. O pagamento rexerase polo establecido na Ordenanza fiscal reguladora da correspondente taxa.

2. O non pagamento da taxa dará lugar á retirada da autorización previa instrucción de expediente con audiencia ó interesado.

Subcapítulo 2. Venda en festas populares, e outros mercados ocasionais.

Artigo 13. Réxime de funcionamento.

O Concello poderá acordar a instalación de mercados sectoriais para lograr a revitalización comercial dun sector artesanal ou de interese para a comarca. No devandito acordo fixaranse:

- A situación dos devanditos mercados.

- As posibles especialidades respecto do réxime xeral de outorgamento de autorizacións e funcionamento dos mercados que establece esta ordenanza.

Se o acordo de instalación de mercados sectoriais non dispón cousa diferente, o réxime de outorgamento de autorizacións e de funcionamento será o establecido nesta ordenanza con carácter xeral.

O permiso de venda especificará a duración deste e o xeito de pagamento da taxa correspondente.

Subcapítulo 3. Venda en postos na vía pública con posto desmontable e vías públicas autorizadas.

Artigo 14. Réxime de funcionamento.

1. O Concello poderá autorizar a venda en postos desmontables de enclave fixo, situados na vía pública, nalgunha das dúas modalidades seguintes:

a) Postos nos que a súa instalación poida permanecer fixa durante todo o período de autorización.

b) Postos que deban retirarse a diario.

2. A modalidade mencionada no parágrafo a), será admisible para postos de xeados, carpas e vendas en períodos estacionais.

3. A modalidade de venda establecida no parágrafo b) poderá utilizarse para:

- Venda de caramelos e productos secos.

- Postos destinados á venda de publicacións de carácter político, económico ou social.

- Venda de productos artesanais ou bixutería de escasa contía económica.

4. As condicións particulares de funcionamento, duración do permiso e réxime de pagamento da taxa serán sinalados no acordo que conceda a autorización, e, no non previsto, aplicaranse as normas xerais establecidas nesta ordenanza para o exercicio da venda ambulante e as propias do bo desenvolvemento da práctica comercial.

Subcapítulo 4. Venda en vehículos con carácter itinerante.

Artigo 15. Réxime de funcionamento.

Esta modalidade de venda só se poderá exercer dende vehículo-furgoneta e sen posto fixo, axustándose ás seguintes características e nos supostos contemplados no artigo 3.d)

1. Os vehículos deberán dispor de cámara frigorífica en debidas condicións, cando os artigos obxecto de venda autorizados requiran determinadas condicións de frío ou refrixeración.

2. A venda limitarase ó ámbito xeográfico ou perímetro do termo municipal que se sinale no respectivo permiso. O seu incumprimento motivará a retirada do permiso con prohibición de exercer a venda durante o tempo que se sinale, sen prexuízo doutra sanción que se determine.

3. A autorización municipal de venda, a súa renovación e o pagamento das taxas fixarase no permiso, rexendo no non disposto as condicións xerais da presente ordenanza e da ordenanza fiscal que sexa de aplicación.

CAPÍTULO IV. INSPECCIÓN

Artigo 16.

O Concello, ó autorizar calquera das modalidades de comercialización que se regulan na presente ordenanza, vixiará e garantirá o debido cumprimento polos titulares das autorización, do preceptuado nesta e na normativa aplicable.

Artigo 17.

Corresponde ós servicios sanitarios competentes:

a) A inspección das condicións hixiénico-sanitarias daqueles artigos que o requiran.

b) A proposta de suspensión da actividade mercantil e a retirada do mercado daqueles productos que se estimen prexudiciais para a saúde.

c) Propoñer á Autoridade competente a adopción das medidas necesarias para salvagardar a saúde dos consumidores.

Artigo 18.

A Policía local velará polo mantemento da orde e exercerá as seguintes funcións:

a) Vixiar que non se practique o comercio ambulante fóra das zonas de emprazamento autorizado.

b) A organización interna do mercado. Executar o levantamento do posto cando proceda, así como efectuar a retirada de vultos cando non poida demostrarse a súa procedencia.

c) Vixiar en xeral o cumprimento do disposto na normativa aplicable e esta ordenanza.

d) Comprobar que os vendedores ambulantes están en posesión da pertinente autorización e que se respectan as condicións que figuran nesta, respecto ós artigos obxecto de comercio, extensión do posto, lugar, días, horario de comercio, prazo de vixencia, etc.

e) Vixiar que se exhiba a autorización durante o exercicio da actividade e se coloque en lugar perfectamente visible.

f) A comprobación da factura e procedencia do xénero.

g) Esixir dos titulares de autorizacións canta información se precise sobre a actividade que se exerza, así como acceder á documentación mercantil, industrial e contable, cando as circunstancias de inspección así o esixisen.

h) Comprobar que os comerciantes ambulantes estean en posesión, de ser o caso, do carné de vendedor e de manipulador de alimentos.

i) Levantar a correspondente acta, cando se aprecien feitos que se estime poidan constituír infracción ás disposicións existentes en materia de consumo.

CAPÍTULO V. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 19. Infraccións

Constitúen infraccións unicamente as conductas tipificadas como tales neste artigo:

1. O incumprimento das normas establecidas na presente ordenanza, así como as determinadas na normativa reguladora da defensa dos consumidores e usuarios e demais normativa de aplicación dará lugar á incoación do correspondente procedemento sancionador. As faltas clasificaranse en leves, graves e moi graves.

2. Serán faltas leves:

- Producir ruídos, berros ou música que incumpran a ordenanza de ruídos e vibracións.

- A falta de ornato ou limpeza das instalacións e da súa zona circundante.

3. Serán faltas graves:

- A reiteración por dúas veces en faltas leves.

- Non cumprir as normas de seguridade das instalacións e dos seus elementos.

- A instalación do posto en lugar distinto do autorizado.

- Non acreditar mediante factura ou autorización correspondente a procedencia da mercadoría.

- A desobediencia a atender as normas de orde e indicacións da Policía Municipal.

4. Serán faltas moi graves:

- A reiteración por dúas veces en faltas graves.

- O non estar dado de alta no correspondente epígrafe do imposto de actividades económicas ou non estar ó día no pagamento das obrigas tributarias respecto da actividade que se exerza.

- Non estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social.

- A venda de productos en estado tal que poidan causar dano para a saúde.

- O incumprimento de cantas obrigas impoñan as disposicións aplicables por razón da actividade que exerzan, especialmente en materia de disciplina de mercado e comercialización.

- Incumprimento das disposicións sanitarias aplicables ás instalacións ou productos que se vendan.

- O exercicio da actividade por persoa diferente da autorizada ou do seu suplente.

- A instalación dos postos sen autorización.

- A venda de productos non autorizados.

5. A aquelas infraccións da presente ordenanza que sexan concordantes coas establecidas na normativa para a defensa dos consumidores e usuarios, seranlles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos devanditos textos legais, así como nas normas que o desenvolven.

Artigo 20. Sancións

As sancións que se aplicarán serán as seguintes:

1. Por faltas leves, multas de 1 a 5.000 pesetas.

2. Por faltas graves, multas de 5.000 a 10.000 pesetas.

3. Por faltas moi graves:

- Multas de 10.000 a 15.000 pesetas, e de ser o caso, revogación da autorización, mesmo coa posibilidade de chegar a comisar a mercadoría nos casos de venda de productos non autorizados e nos casos legalmente establecidos.

4. Correspóndelle ó señor alcalde a imposición de multas e demais sancións.

Artigo 21. Medidas cautelares.

En todos os casos de suposta infracción establecidos nos artigos anteriores poderase, ó tempo de apreciarse a súa comisión, reter cautelarmente a autorización e venda, en tanto se tramita o expediente correspondente e se resolva definitivamente a sanción a aplicar. O tempo da duración da retención cautelar será deducido do que, se é o caso, se fixe na sanción e durante a súa vixencia suporá a prohibición de exercer a actividade comercial.

Artigo 22. Reincidencia.

Apreciarase a existencia de reincidencia cando no prazo de un ano se cometa por un mesmo infractor, máis de unha infracción de idéntica natureza e feitos, sancionados en resolución administrativa firme. A reincidencia así apreciada poderá dar lugar, ademais da sanción económica, á retirada definitiva da autorización de venda ambulante.

Artigo 23. Procedemento.

En canto ó procedemento para a imposición das sancións por infraccións previstas nesta ordenanza será de aplicación o procedemento administrativo sancionador regulado polo Real decreto 1398/93, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora con carácter xeral; a Lei 30/92, do 26 de novembro, reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, e demais normas concordantes.

Artigo 24. Prescricións

As prescricións das infraccións sinaladas no artigo 25 desta ordenanza produciranse da seguinte forma:

a) As leves, ós dous meses.

b) As graves, ó ano.

c) As moi graves, ós dous anos.

O prazo de prescrición comezará a computarse desde o día que cometese a infracción ou, se fose o caso, desde aquel no que puidese incoarse o procedemento, e de conformidade co disposto no Código penal.

Disposicións

Disposicións adicionais.

1. Queda excluída do ámbito desta ordenanza, a regulación da venda en postos de periódicos, revistas e publicacións periódicas, que se rexerán polo establecido nas normativas específicas.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas calquera norma de igual ou inferior rango ou costume que se opoñan ó establecido na presente ordenanza.

Disposición final.

A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicada no BOP da Coruña e unha vez transcorrido o prazo ó que se refire o artigo 70.2, en relación co artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

ANEXO

Modelo de folla de inscrición no Rexistro

Folio número ...

Inscrición número:

Data de solicitude de inscrición:

Número de Rexistro de entrada:

Titular:

Documento nacional de identidade:

Domicilio:

Número de posto asignado:

IAE: epígrafe:

Modalidade de comercio ambulante:

Actividade, venda de:

Días autorizados:

Localización:

Superficie: