Cerceda - REGULAMENTO ORGÁNICO MUNICIPAL DO CONCELLO DE CERCEDA

Publicación provisional: 09/12/2003 BOP Nº: 281
Publicación definitiva: 09/12/2003 BOP Nº: 281
Aplicable dende: 10/12/2003

Disposicións xerais

Artigo 1

O Concello de Cerceda, no exercicio da potestade regulamentaria e de autoorganización que lle recoñece a Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, e con suxeición a estas, promove polo presente regulamento, a súa organización e réxime de funcionamento.

Artigo 2

A organización e o funcionamento interno do Concello de Cerceda, axustaranse á seguinte orde xerárquica de fontes normativas:

a) A Lei reguladora das bases do réxime local en canto á normativa básica.

b) Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia

c) Regulamento orgánico municipal

d) O Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, aprobado polo real decreto 2.568/86, do 28 de novembro, para aquelas materias reguladas polo regulamento orgánico, nas que resulte insuficiente a dita normativa.

Estatuto dos membros das corporacións locais

Artigo 3

A determinación do número de membros do Concello de Cerceda, o procedemento para a súa elección, a duración do seu mandato e os supostos de inelixibilidade e incompatibilidade son os regulados na lexislación xeral electoral.

Os presidentes e membros da Corporación gozan, logo de tomar posesión do seu cargo, dos honores, prerrogativas e distincións propios do mesmo que estean establecidos na Lei do Estado ou das Comunidades Autónomas, e están obrigados ó cumprimento estricto dos deberes e obrigas inherentes a aquel.

Artigo 4

O concelleiro que resulte proclamado electo, deberá presentar a súa credencial ante a secretaría.

Artigo 5

Quen desempeñe a condición de concelleiro quedará, non obstante, suspendido nos seus dereitos, prerrogativas e deberes cando unha resolución xudicial firme condenatoria o comporte.

Artigo 6

1.-Os concelleiros perderán a súa condición de tales, polas seguintes causas:

2.-Por decisión xudicial firme, que anule a elección ou proclamación.

3.-Por falecemento ou incapacitación, declarada esta por decisión xudicial firme.

4.-Por extinción do mandato ó expirar o seu prazo, sen prexuízo de que continúe nas súas funcións soamente para a administración ordinaria ata a toma de posesión dos seus sucesores

5.-Por renuncia, que deberá facerse efectiva por escrito ante o Pleno da Corporación.

6.-Por incompatibilidade, nos supostos e condicións establecidos na lexislación electoral.

7.-Por perda da nacionalidade española.

Artigo 7

Os concelleiros deberán observar en todo momento as normas sobre incompatibilidade e deberán poñer en coñecemento da corporación calquera feito que puidese constituír causa desta.

Producida unha causa de incompatibilidade e declarada polo pleno corporativo, o afectado por tal declaración deberá optar, no prazo dos dez días seguintes a aquel en que reciba a notificación da súa incompatibilidade, entre a renuncia á condición de concelleiro ou o abandono da situación que dea orixe á referida incompatibilidade.

Transcorrido o prazo sinalado no número anterior sen terse exercitado a opción, entenderase que o afectado renunciou ó seu posto de concelleiro, debendo declararse polo pleno corporativo a vacante correspondente e poñer o feito en coñecemento da administración electoral para os efectos previstos nos artigos 182 e 208 da Lei orgánica 5/1985 do 19 de xuño,do réxime electoral xeral

Artigo 8

Son dereitos e deberes dos membros da Corporación municipal os recoñecidos na Lei 7/1985, do 2 de abril e os regulados no seu desenvolvemento e aplicación polas disposicións estatais alí mencionadas, no real decreto lexislativo 781/1986 do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, e Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia

Grupos políticos

Artigo 9

Os membros das corporacións locais, para os efectos da súa actuación corporativa, constituiranse en grupos.

Ninguén pode pertencer simultaneamente a máis dun grupo.

Integraranse, en todo caso, no grupo mixto os membros dos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que non obtivesen un mínimo de dous escanos.

No suposto de que non existise grupo mixto, este quedará constituído polo membro do partido político, federación, coalición ou agrupación que obtivese un só escano.

Durante o mandato da Corporación, ningún membro dela poderá integrarse nun grupo distinto daquel en que o faga inicialmente.

Artigo 10

Os grupos políticos constituiranse mediante escrito dirixido ó presidente e subscrito por tódolos seus integrantes que se presentará na Secretaría Xeral da corporación dentro dos cinco días hábiles seguintes á constitución da corporación. Se algún concelleiro non asinase o escrito de constitución do grupo, isto non impedirá a súa constitución e os non asinantes integraranse no grupo mixto.

No mesmo escrito de constitución farase constar a designación de voceiro do grupo, podendo designarse tamén suplentes.

Artigo 11

Da constitución dos grupos políticos e dos seus integrantes e voceiros, o presidente dará conta ó pleno na primeira sesión que se celebre tras cumprirse o prazo previsto no primeiro parágrafo do artigo anterior.

Artigo 12

Os membros da corporación que adquiran a súa condición con posterioridade á sesión constitutiva desta, deberán incorporarse ó grupo correspondente á lista na que fosen elixidos ou, se é caso, ó grupo mixto. No primeiro suposto dispoñerán dun prazo de cinco días hábiles, que comezará a contar desde que tomen posesión do seu cargo, para acreditar a súa incorporación ó grupo que corresponda mediante escrito dirixido ó presidente e asinado polo correspondente voceiro.

Se non se produce a súa integración na forma prevista no apartado anterior, e salvo que se interpuxese causa de forza maior, integraranse automaticamente no grupo correspondente á lista na que saísen elixidos.

Artigo 13

Corresponde ós grupos políticos designar, mediante escrito do seu voceiro dirixido ó presidente, a aqueles dos seus compoñentes que vaian representalos en tódolos órganos colexiados integrados por membros da corporación pertencentes ós diversos grupos.

Rexistro de intereses

Artigo 14

De acordo co disposto no artigo 75.5 da Lei 7/1985, do 2 de abril, constituirase na Secretaría da corporación o rexistro de intereses dos membros da mesma.

A custodia e dirección do rexistro corresponde ó secretario.

Tódolos membros da corporación teñen o deber de formular, ante o rexistro, declaración das circunstancias a que se refire a Lei:

a) Antes de tomar posesión do seu cargo.

b) Cando se produzan variacións ó longo do mandato. Neste caso, a finalización para comunicar as variacións será dun mes a contar desde o día en que se teñan producido

Artigo 15

1. A declaración de intereses poderá instrumentarse en calquera clase de documento no que se dea fe da data e a identidade do declarante e do seu contido, no que, en todo caso, terán que constar os seguintes extremos:

a) Identificación dos bens mobles e inmobles integrantes do patrimonio persoal, con designación, no seu caso, da súa inscrición rexistral e data de adquisición de cada un.

b) Relación de actividades e ocupacións profesionais, mercantís ou industriais, traballos por conta allea e outras fontes de ingresos privados, con especificación do seu ámbito e carácter e dos empregos ou cargos que se desempeñen en entidades privadas, así como o nome ou razón social das mesmas.

c) Outros intereses ou actividades privadas que, aínda non sendo susceptibles de proporcionar ingresos, afecten ou estean en relación co ámbito de competencias da corporación.

2. No suposto de que a declaración se formule en formato normalizado aprobado polo pleno corporativo, será asinado polo interesado e polo secretario xeral na súa calidade de feudatario público.

Artigo 16

Para o acceso ós datos contidos no rexistro de intereses será preciso acreditar a condición legal de interesado lexítimo directo, conforme á lexislación autonómica ou estatal aplicable.

En calquera caso as declaracións de intereses, serán custodiadas polo secretario.

Constitución, vixencia e fin do mandato corporativo

Artigo 17

O Concello é o órgano de goberno e administración municipal, integrado polo alcalde e os concelleiros.

Son órganos necesarios do Concello de Cerceda:

a) O Alcalde.

b) Os Tenentes de Alcalde.

c) O Pleno.

d) A Comisión de Goberno.

e) As Comisións Informativas.

f) A Comisión Especial de Contas.

Artigo 18

O terceiro día anterior ó sinalado pola lexislación electoral para a sesión constitutiva da corporación, os membros da mesma que deban cesar, tanto do pleno como da comisión de goberno, reuniranse en sesión convocada só para o efecto de aprobar a acta da última sesión celebrada.

Os secretarios e interventores tomarán as medidas precisas para que o día da constitución da nova corporación se efectúe un arqueo e estean preparados e actualizados tódolos xustificantes das existencias en metálico ou valores propios da corporación, depositados na Caixa Municipal ou en entidades bancarias, así como a documentación relativa ó inventario do patrimonio da corporación e dos seus organismos autónomos.

Artigo 19

As Corporacións municipais constitúense en sesión pública o vixésimo día posterior á celebración das eleccións, salvo que se presentase recurso contencioso electoral contra a proclamación dos concelleiros electos, caso no que se constituirán o cuadraxésimo día posterior ás eleccións.

A tal fin constituirase unha Mesa de Idade integrada polos elixidos de maior ou menor idade presentes no acto, actuando como secretario o que sexa da Corporación.

A Mesa comprobará as credenciais presentadas ou acreditacións da personalidade dos electos, con base ás certificacións que tivese remitido a Xunta Electoral de Zona.

Realizada a operación anterior a mesa declarará constituída a Corporación se concorren a maioría absoluta dos concelleiros electos. En caso contrario celebrarase sesión dous días despois , quedando constituída a Corporación calquera que fose o número de Concelleiros presentes. Se por calquera circunstancia non puidera constituírse a Corporación, procede a constitución dunha Comisión xestora nos termos previstos na lexislación electoral. De seguide procederase á elección do Alcalde conforme á normativa electoral.

Artigo 20

Dentro dos trinta días seguintes ó da sesión constitutiva, o presidente convocará a sesión ou sesións extraordinarias do pleno da corporación que sexan precisas, co fin de resolver os seguintes puntos:

a) Periodicidade das sesións do Pleno e da Comisión de Goberno.

b) Creación e composicións das Comisións Informativas Permanentes.

c) Nomeamentos de representantes da Corporación en órganos colexiados que sexan competencia do Pleno.

d) Coñecemento das resolucións do Alcalde en materia de nomeamento de Tenentes de Alcalde e membros da Comisión de Goberno, e Presidentes das Comisións Informativas, así como das delegacións que a Alcaldía considere oportuno conferir.

Artigo 21

O mandato dos membros da Corporación é de catro anos, contados a partir da data da elección.

Unha vez rematado o seu mandato, os membros das corporacións cesantes continuarán nas súas funcións soamente para a administración ordinaria ata a toma de posesión dos seus sucesores, e en ningún caso poderán adoptar acordos para os que legalmente se requira unha maioría cualificada.

Do Alcalde

Artigo 22

1.-A elección e destitución do Alcalde réxese polo disposto na lexislación electoral, sen prexuízo da aplicación das normas relativas ó réxime de sesións plenarias do Concello.

2.-Quen resulte proclamado Alcalde tomará posesión ante o pleno da Corporación, de acordo coa forma xeral establecida para a toma de posesión dos cargos públicos.

3.-Se non estivese presente na sesión de constitución, será requirido para tomar posesión no prazo de corenta e oito horas, igualmente ante o Pleno corporativo, coa advertencia de que, caso de non facelo sen causa xustificada, estarase ó disposto na lexislación electoral para os casos de vacantes na Alcaldía.

4.-O Alcalde poderá renunciar ó seu cargo sen perder por iso a súa condición de concelleiro. A renuncia deberá facerse efectiva por escrito ante o Pleno da Corporación, que deberá adoptar acordo de coñecemento dentro dos dez días seguintes. En tal caso, a vacante cubrirase na forma establecida na lexislación electoral.

5.-Vacante a Alcaldía por renuncia do seu titular, falecemento ou sentencia firme, a sesión extraordinaria para a elección dun novo Alcalde celebrarase, cos requisitos establecidos na lexislación electoral, dentro dos dez días seguintes á aceptación da renuncia polo Pleno, ó momento do falecemento ou á notificación da sentencia, segundo os casos.

6.-No suposto de que prospere unha moción de censura contra o Alcalde, este cesará no seu cargo no momento da adopción do acordo. Quen resulte proclamado como Alcalde deberá tomar posesión do cargo na forma establecida nos apartados 2 e 3 deste artigo.

Artigo 23

O Alcalde terá asa atribucións que lle atribúe a lexislación de réxime local.

Artigo 24

O Alcalde dará conta sucinta á Corporación, en cada sesión ordinaria do Pleno, das resolucións que adoptase desde a última sesión plenaria ordinaria para que os concelleiros coñezan o desenvolvemento da administración municipal para os efectos do control e fiscalización da xestión dos órganos de goberno a que se refire o artigo 22.2, a) da Lei 7/1985, do 2 de abril.

Artigo 25

1.-O Alcalde pode delegar as súas atribucións, salvo as mencionadas no artigo 21.3.º e 71 da Lei 7/1985, do 2 de abril, e 61.3.º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, nos termos previstos neste artigo e nos seguintes.

2.-O Alcalde pode efectuar delegacións en favor da Comisión de Goberno, como órgano colexiado. En tal caso, os acordos adoptados por esta en relación coas materias delegadas terán o mesmo valor que as resolucións que non delegase, sen prexuízo da súa adopción conforme ás regras de funcionamento da Comisión.

3.-O Alcalde pode delegar o exercicio de determinadas atribucións nos membros da Comisión de Goberno, e onde esta non exista, nos Tenentes de Alcalde, sen prexuízo das delegacións especiais que para cometidos específicos poida realizar en favor de calquera concelleiro, aínda que non pertencese a aquela Comisión.

As delegacións xenéricas referiranse a unha ou varias áreas ou materias determinadas, e poderán abarcar tanto a facultade de dirixir os servicios correspondentes como a de xestionalos en xeral, incluída a facultade de resolver mediante actos administrativos que afecten a terceiros.

4.-Así mesmo, o Alcalde poderá efectuar delegacións especiais en calquera concelleiro, para a dirección e xestión de asuntos determinados incluídos nas citadas áreas. Neste caso, o concelleiro que ostente unha delegación xenérica, terá a facultade de supervisar a actuación dos concelleiros con delegacións especiais, para cometidos específicos incluídos na súa área.

5.-As delegacións poden ser de tres tipos:

a) Relativas a un determinado servicio. Neste caso a delegación comprenderá a dirección interna e a xestión dos servicios correspondentes pero non poderá incluír a facultade de resolver mediante actos administrativos que afecten a terceiros.

b) Relativas a un proxecto ou asunto determinado. Neste caso a eficacia da delegación, que poderá conter tódalas facultades delegables do Alcalde, incluída a de emitir actos que afecten a terceiros, limitarase ó tempo de xestión ou execución do proxecto.

c) Relativas a un distrito ou barrio. Poderán incluír todas as facultades delegables do Alcalde en relación con certas materias, pero circunscritas ó ámbito territorial da delegación. En caso de coexistir este tipo de delegacións con delegacións xenéricas por áreas, os decretos de delegación establecerán os mecanismos de coordinación entre unha e outras, de tal maneira que quede organizada a unidade de goberno e xestión do municipio.

Artigo 26

1.-Tódalas delegacións a que se refire o artigo anterior serán realizadas mediante decreto da Alcaldía que conterá o ámbito dos asuntos a que se refire a delegación, as facultades que se deleguen, así como as condicións específicas do exercicio das mesmas, na medida en que se concreten ou aparten do réxime xeral previsto neste regulamento.

2.-A delegación de atribucións do Alcalde curtirá efectos desde o día seguinte ó da data do decreto, salvo que nela se dispoña outra cousa, sen prexuízo da súa preceptiva publicación no Boletín Oficial da Provincia.

3.-As normas dos apartados anteriores, serán aplicables a calquera modificación posterior das delegacións.

4.-De tódalas delegacións e das súas modificacións darase conta ó Pleno na primeira sesión que este celebre con posterioridade ás mesmas.

Dos Tenentes de Alcalde

Artigo 27

1.-Os Tenentes de Alcalde serán libremente nomeados e cesados polo Alcalde, de entre os membros da Comisión de Goberno, e se esta non existe, de entre os concelleiros.

Os nomeamentos e os cesamentos faranse mediante resolución do Alcalde, da que dará conta ó Pleno na primeira sesión que se celebre, notificándose persoalmente ós designados, e publicaranse no Boletín Oficial da Provincia, sen prexuízo da súa efectividade desde o día seguinte ó da sinatura da resolución polo Alcalde, se nela non se dispón outra cosa.

2.-O número de Tenentes de Alcalde non poderá exceder do número de membros da Comisión de Goberno.

3.-A condición de Tenente de Alcalde pérdese, ademais de polo cesamento, por renuncia expresa manifestada por escrito e por perda da condición de membro da Comisión de Goberno.

Artigo 28

1.-Corresponde ós Tenentes de Alcalde, en canto tales, substituír na totalidade das súas funcións e pola orde do seu nomeamento, ó Alcalde, nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento que imposibilite a este para o exercicio das súas atribucións, así como desempeñar as funcións do Alcalde nos supostos de vacante na Alcaldía ata que tome posesión o novo Alcalde.

2.-Nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento, as funcións do Alcalde non poderán ser asumidas polo Tenente de Alcalde a quen corresponda sen expresa delegación.

Nembargantes o disposto no parágrafo anterior, cando o Alcalde se ausente do termo municipal por máis de vintecatro horas, sen ter conferido delegación, ou cando por causa imprevista lle fora imposible outorgala, substituirao, na totalidade das súas funcións, o Tenente de Alcalde a quen corresponda, dando conta ó resto da Corporación.

Igualmente, cando durante a celebración dunha sesión, tivera que absterse de intervir o Alcalde, en relación a algún punto concreto da mesma, conforme ó previsto no artigo 76 da Lei 7/1985, do 2 de abril, substituirao automaticamente na presidencia da mesma, o Tenente de Alcalde a quen corresponda.

3.-Nos supostos de substitución do Alcalde, por razóns de ausencia ou enfermidade, o Tenente de Alcalde que asuma as súas funcións, non poderá revogar as delegacións que tivese outorgado o primeiro.

Do Pleno

Artigo 29

O Pleno da Corporación está integrado por tódolos concelleiros, e é presidido polo Alcalde.

Corresponden ó Pleno unha vez constituído conforme á lexislación electoral as atribucións que lle atribúe a lexislación de réxime local.

O Pleno da Corporación pode delegar en todo, ou en parte, calquera das súas atribucións no Alcalde e na Comisión de Goberno, coa excepción das enumeradas nos artigos 23.2º b)), segundo inciso, da Lei 7/1985, do 2 de abril e 64.2.º da Lei 5/1997, do 22 de xullo.

A delegación de atribucións do Pleno na Comisión de Goberno requirirá acordo adoptado pola maioría do número legal de membros da Corporación.

O acordo de delegación determinará os asuntos que esta comprenda, as potestades que se deleguen e as condicións concretas do seu exercicio.

Da Comisión de Goberno

Artigo 30

1.-A Comisión de Goberno está integrada polo Alcalde, que a preside, e os concelleiros nomeados libremente por el como membros desta, dando conta disto ó Pleno.

2.-O número de concelleiros ós que o Alcalde pode nomear membros da Comisión de Goberno, non poderá ser superior ó tercio do número legal de membros da Corporación. Para os efectos do cómputo, non se terán en conta os decimais que resulten de dividir por tres o número total de concelleiros.

3.-O Alcalde pode destituír libremente, en todo momento, a calquera dos membros da Comisión de Goberno.

4.-Corresponderalle á Comisión de Goberno:

a) A asistencia ó Alcalde no exercicio das súas atribucións.

b) As atribucións que o Alcalde ou outro órgano municipal lle deleguen e as que libremente lle atribúan as leis.

Da Comisión Especial de Contas

Artigo 31

1.-A Comisión Especial de Contas sa entidade Local estará constituída polos membros dos distintos grupos políticos da Corporación.

2.-O número de membros será proporcional á súa representatividade no Concello ou igual para cada grupo. No último caso aplicarase o sistema de voto ponderado.

Artigo 32

1.-Corresponderanlle á Comisión Especial de Contas o exame, o estudio e o informe da Conta Xeral e das demais contas anuais.

2.-Para o exercicio axeitado das súas funcións, a Comisión poderá requirir, por medio do Alcalde, a documentación complementaria que considere precisa e a presencia dos membros e funcionarios da Corporación especialmente relacionados coas contas que se analicen.

3.-As competencias da Comisión Especial de Contas entenderanse sen prexuízo das que lle correspondan ó Tribunal de Contas e ó Consello de Contas, de conformidade coa súa lexislación específica.

Das Comisións de Estudio, Informe ou Consulta

Artigo 33

1.-As Comisións Informativas, integradas exclusivamente por membros da corporación, son órganos sen atribucións resolutorias que teñen por función o estudio, informe ou consulta dos asuntos que deban ser sometidos á decisión do pleno e da Comisión de Goberno cando esta actúe con competencias delegadas polo Pleno, salvo cando teñan que adaptarse acordos declarados urxentes-.

2.-Igualmente informarán daqueles asuntos de competencia propia da Comisión de Goberno, e do Alcalde, que lles sexan sometidos ó seu coñecemento por expresa decisión daqueles.

Artigo 34

1.-As Comisións Informativas poden ser permanentes e especiais.

2.-Son Comisións Informativas permanentes as que se constitúen con carácter xeral, distribuíndo entre elas as materias que deban de someterse ó pleno. O seu número e denominación iniciais, así como calquera variación das mesmas durante o mandato corporativo, decidirase mediante acordo adoptado polo pleno a proposta do presidente, procurando no posible, a súa correspondencia co número e denominación das grandes áreas en que se estructuran os servicios corporativos.

3.-Son Comisións Informativas Especiais as que o pleno acorde constituír para un asunto concreto, en consideración ás súas características especiais de calquera tipo. Estas comisións extínguense automaticamente unha vez que dictaminen ou informen sobre o asunto que constitúe o seu obxecto, excepto que o acordo plenario que as creou, dispuxese outra cousa.

4.-No acordo de creación das Comisións Informativas determinarase a composición concreta das mesmas.

Artigo 35

Os dictames das Comisións Informativas teñen carácter preceptivo e non vinculante.

En supostos de urxencia, o pleno ou a Comisión de Goberno, poderá adoptar acordos sobre asuntos non dictaminados pola correspondente Comisión Informativa, pero, nestes casos, do acordo adoptado deberá darse conta á Comisión Informativa na primeira sesión que se celebre. A proposta de calquera dos membros da Comisión Informativa, o asunto deberá ser incluído na orde do día do seguinte pleno con obxecto de que este delibere sobre a urxencia acordada, en exercicio das súas atribucións de control e fiscalización.

Dos órganos complementarios, composición e atribucións

Artigo 36

Son órganos complementarios do Concello de Cerceda:

a) Os concelleiros delegados.

b) Os Consellos Sectoriais.

c) A Comisión de Coordinación Municipal.

d) Os alcaldes de barrio.

e) As Xuntas Municipais de Distrito.

Artigo 37

Os concelleiros-delegados son aqueles concelleiros que posúen algunhas das delegacións de atribucións do alcalde.

Pérdese a condición de concelleiro-delegado:

a) Por renuncia expresa, que deberá de ser formalizada por escrito ante a alcaldía.

b) Por revogación da delegación, adoptada polo alcalde coas mesmas formalidades previstas para outorgala.

c) Por perda da condición de membro da Comisión de Goberno ou de Tenente de Alcalde.

Artigo 38

Os concelleiros-delegados terán as atribucións que se especifiquen no respectivo decreto de delegación, e exercerannas de acordo co que nel se prevexa, en función dos distintos tipos de delegación contemplados no artigo 25.5 deste regulamento.

Se a resolución ou acordo de delegación se refire xenericamente a unha materia ou sector de actividade sen especificación de potestades, entenderase que comprende todas aquelas facultades, dereitos e deberes referidos á materia delegada, que corresponden ó órgano que ten asignadas orixinariamente as atribucións, coa soa excepción das que segundo a Lei 7/1985, do 2 de abril, non sexan delegables.

Artigo 39

1.-O Pleno da Corporación poderá acordar o establecemento de Consellos Sectoriais coa finalidade de canalizar a participación cidadá e das súas asociacións nos asuntos municipais.

2.-Os Consellos Sectoriais desenvolverán exclusivamente funcións de informe, no seu caso, proposta, en relación coas iniciativas municipais relativas o sector de actividade ó que corresponda cada Consello.

3.-A composición, organización e ámbito de actuación dos Consellos Sectoriais serán establecidos no correspondente acordo plenario. Cada Consello será presidido por un membro da Corporación nomeado e separado libremente polo Alcalde que actuará como enlace entre aquela e o Consello.

4.-O ámbito de actuación dos Consellos Sectoriais poderá coincidir co das Xuntas Municipais de Distrito, no caso de existir; neste caso o seu presidente será un membro da Xunta correspondente e a súa actuación de informe e proposta estará en relación co ámbito de actuación da mesma.

Artigo 40

1.-O Pleno da Corporación poderá acordar a creación dunha Comisión de Coordinación Municipal, integrada por tódolos concelleiros do grupo do goberno, co obxecto de canalizar as suxestións dos veciños realizadas dentro do ámbito de actuación de responsabilidade de cada un deles, e co obxecto de tratar coa presidencia cantos asuntos atinxan á orde e bo funcionamento da entidade.

2.-A Comisión de Coordinación Municipal celebrará sesión ordinaria dentro da semana inmediatamente anterior á de celebración da sesión do Pleno do Concello, mediante convocatoria do Alcalde-Presidente, actuando como secretario o concelleiro libremente designado por este. A estas sesións seralle de aplicación o mesmo réxime de asistencias que o establecido para as do Pleno e da Comisión de Goberno.

Artigo 41

1.-Nos núcleos de poboación afastados do centro urbano e que non constitúan entidade local o alcalde poderá nomear un alcalde de barrio para cada núcleo, entre os veciños que residan neste.

2.-A duración do cargo estará suxeita á do mandato do alcalde que o nomeou, quen poderá removelo cando o xulgue oportuno.

3.-Os alcaldes de barrio terán carácter de autoridade no cumprimento das súas tarefas habituais , en canto representantes do alcalde que os nomeou.

Artigo 42

O Pleno do Concello poderá acordar a creación de Xuntas Municipais de Distrito, que terán o carácter de órganos territoriais de xestión desconcentrada, e que terán por finalidade a mellor xestión da competencia municipal e facilitar a participación cidadá no respectivo ámbito territorial.

A composición, organización e ámbito territorial das Xuntas serán establecidas no correspondente regulamento regulador aprobado polo pleno. Este regulamento, que a tódolos efectos considerarase parte deste regulamento orgánico, determinará as funcións administrativas que se deleguen ou poidan delegarse nas Xuntas.

Dos requisitos de celebración das sesións

Artigo 43

As sesións do Pleno poden ser de tres tipos:

a) Ordinarias, de periodicidade preestablecida.

b) Extraordinarias.

c) Extraordinarias e urxentes.

Artigo 44

1.-Son sesións ordinarias aquelas que teñen unha periodicidade preestablecida. A dita periodicidade será fixada por acordo do propio pleno adoptado en sesión extraordinaria, que terá que convocar o presidente dentro dos trinta días seguintes ó da sesión constitutiva da corporación e non poderá exceder do límite bimensual a que se refire o artigo 46.2.a) da Lei 7/1985, do 2 de abril.

2.-Son sesións extraordinarias aquelas que convoque o alcalde con tal carácter, por iniciativa propia ou a solicitude da cuarta parte, cando menos, do número legal de membros da corporación, sen que ningún concelleiro poda solicitar máis de tres anualmente. Neste último caso, a celebración do Pleno non poderá demorarse por máis de quince días hábiles desde que fora solicitada, non podendo incorporarse o asunto á orde do día dun Pleno ordinario ou de outro extraordinario con máis asuntos se non o autorizan expresamente os solicitantes da convocatoria. Se o alcalde non convocase o Pleno extraordinario solicitado polo número de concelleiros indicado dentro do prazo sinalado, quedará automaticamente convocado para o décimo día hábil seguinte ó da finalización do citado prazo, ás doce horas, o que será notificado polo Secretario da Corporación a tódolos membros da mesma ó día seguinte da finalización do prazo citado anteriormente. en ausencia do Presidente ou de quen legalmente lle substitúa, o Pleno quedará validamente constituído sempre que concorra o quórum requirido de un tercio do número legal de membros, nunca inferior a tres, presidido neste caso polo membro da Corporación de maior idade entre os presentes.

A solicitude da sesión extraordinaria terá que facerse por escrito no que se razoe o asunto ou asuntos que a motiven, asinado persoalmente por todos os que a subscriben. A relación de asuntos incluídos no escrito non enerva a facultade do presidente para determinar os puntos da orde do día, se ben a exclusión por este dalgún dos asuntos propostos deberá ser motivada.

3.-As sesións plenarias convocaranse, a lo menos, con dous días hábiles de antelación, salvo as extraordinarias que o sexan con carácter de urxencia, convocatoria con este carácter que deberá ser ratificada polo Pleno. A documentación íntegra dos asuntos incluídos na orde do día, que deberá servir de base o debate e, no seu caso, votación, deberá figurar a disposición dos concelleiros desde o mesmo día da convocatoria, na Secretaría da Corporación.

4.-O Pleno constitúese validamente coa asistencia dun tercio do número legal de membros do mesmo , que nunca poderá ser inferior a tres. Este quórum deberá manterse durante toda a sesión. En todo caso, requirirase a presencia do Presidente e do Secretario da Corporación ou de quen legalmente lles substitúan.

Se en primeira convocatoria non existise o quórum necesario segundo o disposto no número anterior, entenderase convocada a sesión automaticamente á mesma hora, dous días despois. Se tampouco daquela se acadase o quórum necesario, a alcaldía deixará sen efecto a convocatoria pospoñendo o estudio dos asuntos incluídos na orde do día para a primeira sesión que se celebre con posterioridade, sexa ordinaria ou extraordinaria.

Artigo 45

1.-Á convocatoria das sesións acompañarase a orde do día comprensivo dos asuntos a tratar co suficiente detalle, e os borradores de actas de sesións anteriores que deban ser aprobados en cada sesión.

2.-A convocatoria, orde do día e borradores de actas deberán ser notificados ós concelleiros no seu domicilio.

Artigo 46

A convocatoria para unha sesión, ordinaria ou extraordinaria, dará lugar á apertura do correspondente expediente, no que deberá constar:

a) Relación de expedientes conclusos que a secretaría prepare e poña a disposición da alcaldía.

b) A fixación da orde do día polo alcalde.

c) As copias das notificacións cursadas ós membros da corporación.

d) Copia do anuncio no taboleiro de edictos do Concello.

e) Minuta da acta.

f) Copias dos oficios de remisión dos acordos adoptados ás Administracións do Estado e Comunidade Autónoma.

g) Publicación dos acordos no taboleiro de edictos.

Sendo preceptiva a notificación ós membros das corporacións locais das correspondentes ordes do día, na Secretaría Xeral deberá quedar debidamente acreditado o cumprimento deste requisito.

Artigo 47

1.-A orde do día das sesións será fixado polo alcalde asistido do secretario. Así mesmo, poderá solicitar a asistencia dos membros da Comisión de Goberno, e consultar se o considera oportuno ós voceiros dos grupos existentes na corporación.

2.-Na orde do día só poden incluírse os asuntos que fosen previamente dictaminados, informados ou sometidos a consulta da Comisión Informativa que corresponda.

3.-O alcalde, por razóns de urxencia debidamente motivada, poderá incluír na orde do día, por iniciativa propia ou a proposta dalgún dos voceiros, asuntos que non fosen previamente informados pola respectiva Comisión Informativa, pero neste suposto non poderá adoptarse acordo algún sobre estes asuntos sen que o pleno ratifique a súa inclusión na orde do día.

4.-Na orde do día das sesións ordinarias incluirase sempre o punto de rogos e preguntas.

Artigo 48

Serán nulos os acordos adoptados en sesións extraordinarias sobre asuntos non comprendidos na súa convocatoria, así como os que se adopten en sesións ordinarias sobre materias non incluídas na respectiva orde do día, agás especial e despois da declaración de urxencia feita polo órgano correspondente, co voto favorable da maioría prevista no artigo 47.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril.

Artigo 49

1.-Toda a documentación dos asuntos incluídos na orde do día que debe servir de base ó debate e, no seu caso, votación, deberá estar a disposición dos membros da Corporación desde o mesmo día da convocatoria na Secretaría desta.

2.-Calquera membro da corporación poderá, en consecuencia, examinala e incluso obter copias de documentos concretos que a integre, pero os orixinais non poderán saír do lugar en que se encontren postos de manifesto.

3.-O horario para exame dos expedientes será o correspondente ó normal de oficinas. Excepcionalmente, cando o número ou a importancia dos asuntos así o requira, poderá ser ampliado pola alcaldía mediante resolución motivada que deberá ser posta en coñecemento dos señores concelleiros e da Secretaría Xeral.

Artigo 50

O pleno celebrará as súas sesións na casa consistorial ou sede da corporación, excepto nos supostos de forza maior nos que, a través da convocatoria ou dunha resolución do alcalde dictada previamente e notificada a tódolos membros da corporación, poderá habilitarse outro edificio ou local para tal efecto. En todo caso, farase constar en acta esta circunstancia.

En lugar preferente do salón de sesións estará colocada a efixie da S.M. El-Rei.

Artigo 51

1.-As convocatorias das sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das Comisións Informativas , actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e tódolos actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome do Concello de Cerceda redactaranse en lingua galega.

2.-Nos debates poderán utilizarse, indistintamente, a lingua castelá ou a galega.

Artigo 52

Toda sesión, sexa ordinaria ou extraordinaria, haberá de respectar o principio de unidade de acto e procurarase que remate no mesmo día do seu comezo. Se esta acabase sen que se tivesen debatido e resolto tódolos asuntos incluídos na orde do día, o alcalde poderá levantar a sesión. Neste caso os asuntos non debatidos terán que incluírse na orde do día da seguinte sesión.

Durante o transcurso da sesión, o alcalde poderá acordar interrupcións ó seu prudente arbitrio, para permitir as deliberacións dos grupos, por separado, sobre a cuestión debatida, ou para descanso nos debates.

Artigo 53

1.-Serán públicas as sesións do pleno. Non obstante, poderá ser secreto o debate e a votación daqueles asuntos que poidan afectar ó dereito fundamental dos cidadáns a que se refire o artigo 18.1 da Constitución Española, cando así se acorde por maioría absoluta.

2.-Para ampliar a difusión auditiva ou visual do desenvolvemento das sesións poderán instalarse sistemas megafónicos ou circuítos cerrados de televisión.

3.-O público asistente ás sesións non poderá intervir nestas, nin tampouco poderán permitirse manifestacións de agrado ou desagrado, podendo o alcalde proceder, en casos extremos, á expulsión do asistente que por calquera causa impida o normal desenvolvemento da sesión. Sen prexuízo diso, unha vez levantada a sesión, a Corporación pode establecer un quenda de consultas polo público asistente sobre temas concretos de interese municipal.

Artigo 54

Os membros da corporación tomarán asento no salón de sesións unidos ó seu grupo. A orde de colocación dos grupos determinaraa o alcalde, oídos os voceiros, tendo preferencia o grupo formado polos membros da lista que obtivese maior número de votos. En calquera caso, a colocación dos membros da corporación tenderá a facilitar a emisión e reconto de votos.

Dos debates

Artigo 55

1.-As sesións comezarán preguntando o presidente se algún membro da corporación ten que formular algunha observación á acta da sesión anterior que se distribuíu coa convocatoria. Se as houbese debateranse e decidirán as rectificacións que procedan.

En ningún caso poderá modificarse o fondo dos acordos adoptados, e tan so poderán emendarse os erros materiais ou de feito.

Ó revisar, en cada acta, a lectura e aprobación da anterior consignaranse as observacións e rectificacións practicadas.

2.-Tódolos asuntos debateranse e votaranse pola orde en que estivesen relacionados na orde do día.

3.-Non obstante o disposto no número anterior, o alcalde pode alterar a orde dos temas, ou retirar un asunto cando a súa aprobación esixise unha maioría especial e esta non se puidese obter no momento previsto inicialmente na orde do día.

4.-Nas sesións ordinarias, concluído o exame dos asuntos incluídos na orde do día e antes de pasar á quenda de rogos e preguntas, o alcalde preguntará se algún grupo político desexa someter á consideración do pleno, por razóns de urxencia, algún asunto non comprendido na orde do día. que acompañaba á convocatoria, e que non teña cabida no punto de rogos e preguntas.

Se así fose, o voceiro do grupo propoñente xustificará a urxencia da moción e o pleno votará, acto seguido, sobre a procedencia do seu debate. Se o resultado da votación fose positivo seguirase o procedemento previsto no artigo 57 e seguintes deste regulamento.

O disposto neste apartado non será de aplicación, en ningún caso, ás mocións de censura das que a tramitación, debate e votación se rexerán polo establecido no artigo 197 da Lei 5/1985, de 19 de xuño, de Réxime Electoral Xeral.

Artigo 56

1.-Calquera concelleiro poderá pedir, durante o debate, a retirada dalgún expediente incluído na orde do día, para o efecto de que se incorporen a este documentos ou informes, e tamén que o expediente quede sobre a mesa, aprazándose a súa discusión para a seguinte sesión. En ambos casos o pedimento será votado, logo de rematar o debate e antes de proceder á votación sobre o fondo do asunto. Se a maioría simple votase a favor da petición non haberá lugar a votar a proposta de acordo.

2.-No suposto de que se trate de asuntos non incluídos na orde do día que requiran informe preceptivo da secretaría ou da intervención, se non puidesen emitilo no acto, deberán solicitar do alcalde que se aprace o seu estudio quedando sobre a mesa ata a próxima sesión. Cando esta petición no fose atendida, o secretario farao constar en acta.

Artigo 57

A consideración de cada punto incluído na orde do día comezará coa lectura, íntegra ou en extracto, polo secretario, do dictame formulado pola Comisión Informativa correspondente ou, se se trata dun asunto urxente, non dictaminado pola mesma, da proposición que se somete ó pleno. A solicitude de calquera grupo deberá darse lectura íntegra a aquelas partes do expediente ou do informe ou dictame da Comisión que se considere conveniente para mellor comprensión.

Se ninguén solicitase a palabra trala lectura, o asunto someterase directamente a votación.

Artigo 58

1.-Se se promove o debate, as intervencións serán ordenadas polo alcalde conforme ás seguintes regras:

a) Só poderá facerse uso da palabra logo da autorización do alcalde.

b) O debate iniciarase cunha exposición e xustificación da proposta, a cargo dalgún membro da Comisión Informativa que a dictaminase nos demais casos, dalgún dos membros da corporación que subscriban a proposición ou moción, en nome propio ou do colectivo ou órgano municipal propoñente desta.

c) A continuación, os diversos grupos consumirán unha primeira quenda. O alcalde velará para que tódalas intervencións teñan unha duración igual.

d) Quen se considere aludido por unha intervención poderá solicitar do alcalde que se conceda unha quenda por alusións, que será breve e concisa.

e) Se o solicitase algún grupo, procederase a unha segunda quenda. Consumida esta, o alcalde pode dar por rematada a discusión que se cerrará cunha intervención do relator na que brevemente ratificará ou modificará a súa proposta.

f) Non se admitirán outras interrupcións que as do alcalde para chamar á orde ou á cuestión debatida.

2.-Os membros da corporación poderán en calquera momento do debate pedir a palabra para formular unha cuestión de orde, invocando para o efecto a norma da que reclama aplicación. O alcalde resolverá o que proceda, sen que por este motivo se emprenda debate algún.

3.-Os funcionarios responsables da Secretaría e da Intervención poderán intervir cando fosen requiridos polo alcalde por razóns de asesoramento técnico ou aclaración de conceptos. Cando os ditos funcionarios entendan que no debate se formulou algunha cuestión sobre a que poida dubidarse sobre a legalidade ou repercusións orzamentarias do punto debatido poderán solicitar ó alcalde o uso da palabra para asesorar á corporación.

Artigo 59

1.-O alcalde poderá chamar á orde a calquera membro da corporación que:

a) Profira palabras ou verta conceptos ofensivos ó decoro da corporación ou dos seus membros, das institucións públicas, ou de calquera outra persoa ou entidade.

b) Produza interrupcións ou, de calquera outra forma, altere a orde das sesións.

c) Pretenda facer uso da palabra sen que se lle teña sido concedida ou unha vez que lle fose retirada.

2.-Tras tres chamadas á orde na mesma sesión, con advertencia na segunda das consecuencias dunha terceira chamada, o alcalde poderá obrigalo a que abandone o local en que se estea celebrando a reunión, adoptando as medidas que considere oportunas para facer efectiva a expulsión.

Artigo 60

Nos supostos en que, de conformidade co establecido no artigo 76 da Lei 7/1985, algún membro da corporación deba absterse de participar na deliberación e votación, deberá abandonar o salón mentres se discuta e vote o asunto, excepto cando se trate de debater a súa actuación como corporativo, en que terá dereito a permanecer e defenderse.

Artigo 61

Para os efectos do desenvolvemento das sesións e para definir o carácter das intervencións dos membros da corporación, utilizarase a seguinte terminoloxía:

1.-Dictame, é a proposta sometida ó pleno tralo estudio do expediente pola Comisión Informativa. Contén unha parte expositiva e un acordo a adoptar.

2.-Proposición, é a proposta que se somete ó pleno relativa a un asunto incluído na orde do día, que acompaña á convocatoria, en virtude do disposto no artigo 47.1 deste regulamento. Conterá unha parte expositiva ou xustificación e un acordo, así mesmo, a adoptar. Non procederá entrar a debater nin votar unha proposición sen que previamente se teña ratificado, de acordo co disposto no referido artigo 47.3 a inclusión do asunto na orde do día.

3.-Moción, é a proposta que se somete directamente a coñecemento do pleno ó abeiro do previsto no artigo 55.4 deste regulamento. Poderá formularse por escrito ou oralmente.

4.-Voto particular, é a proposta de modificación dun dictame formulada por un membro que forma parte da Comisión Informativa. Deberá acompañar ó dictame desde o día seguinte á súa aprobación pola comisión.

5.-Emenda, é a proposta de modificación dun dictame ou proposición presentada por calquera membro, mediante escrito presentado ó alcalde antes de iniciarse a deliberación do asunto.

6.-Rogo, é a formulación dunha proposta de actuación dirixida a algúns dos órganos de goberno. Os rogos formulados no seo do pleno poderán ser debatidos, pero en ningún caso sometidos a votación.

Poden plantexar rogos tódolos membros da corporación, ou os grupos a través dos seus voceiros.

Os rogos poderán ser efectuados oralmente ou por escrito e serán debatidos xeralmente na sesión seguinte, sen prexuízo de que o poidan ser na mesma sesión en que se formulen se o presidente o considera conveniente.

7.-Pregunta, é calquera cuestión presentada ós órganos de goberno no seo do pleno. Poden formular preguntas tódolos membros da corporación, ou os grupos a través dos seus voceiros.

As preguntas formuladas oralmente no transcurso dunha sesión serán xeralmente contestadas polo seu destinatario na sesión seguinte, sen prexuízo de que o preguntado queira darlle resposta inmediata.

As preguntas formuladas por escrito serán contestadas polo seu destinatario na sesión seguinte, sen prexuízo de que o preguntado queira darlle resposta inmediata.

As preguntas formuladas por escrito con vintecatro horas de antelación, serán contestadas ordinariamente na sesión ou, por causas debidamente motivadas, na seguinte.

Das votacións

Artigo 62

1.-Rematado o debate dun asunto, procederase á súa votación.

2.-Antes de comezar a votación o alcalde formulará clara e concisamente os termos da mesma e a forma de emitir o voto.

3.-Unha vez iniciada a votación non pode interromperse por ningún motivo. Durante o desenvolvemento da votación o alcalde non concederá o uso da palabra e ningún membro corporativo poderá entrar no salón ou abandonalo.

4.-Rematada a votación ordinaria, o alcalde declarará o acordado.

5.-Inmediatamente despois de concluír a votación nominal, o secretario computará os sufraxios emitidos e anunciará en voz alta o seu resultado, en vista do cal o alcalde proclamará o acordo adoptado.

Artigo 63

1.-O pleno da corporación adopta, os seus acordos, como regra xeral, por maioría simple dos membros presentes. Existe maioría simple cando os votos afirmativos son máis que os negativos.

2.-Entenderase por maioría absoluta cando os votos afirmativos son máis da metade do número legal de membros da corporación.

3.-Entenderase que existe a maioría requirida nos artigos 47.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, cando os votos afirmativos igualen ou superen ós dous tercios do número de feito de membros que integran a corporación e, en todo caso, maioría absoluta do seu número legal.

Só no suposto do artigo 29.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, a maioría de dous tercios se refire ó número legal de membros da corporación.

4.-No caso de que, de acordo co procedemento establecido no parágrafo primeiro do artigo 182 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, non quedasen máis posibles candidatos ou suplentes a nomear, os quórum de asistencia e votación previstos na lexislación vixente entenderanse automaticamente referidos o número de feito de membros da corporación subsistente, de conformidade co disposto no citado precepto electoral.

5.-O voto dos concelleiros é persoal e indelegable.

Artigo 64

1.-O voto pode emitirse en sentido afirmativo ou negativo, podendo os membros da corporación absterse de votar.

Para os efectos da votación correspondente considerarase que se absteñen os membros da corporación que se ausentasen do salón de sesións unha vez iniciada a deliberación dun asunto e non estivesen presentes no momento da votación. No suposto de que se reintegrasen ó salón de sesións antes da votación poderán, desde logo, tomar parte na mesma.

2.-No caso de votacións con resultados de empate efectuarase unha nova votación, e se persistise o empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 65

As votacións poden ser ordinarias, nominais e secretas.

Son ordinarias as que se manifestan por signos convencionais de asentimento, disentimento ou abstención.

Son nominais aquelas votacións que se realizan mediante chamamento por orde alfabética de apelido e sempre en último lugar o alcalde e na que cada membro da corporación, ó ser chamado, responde en voz alta "si", "non", "abstéñome".

Son secretas as que se realizan por papeleta que cada membro da corporación vai depositando nunha furna ou bolsa.

Artigo 66

O sistema normal de votación será a votación ordinaria.

A votación nominal requirirá a solicitude dun grupo municipal aprobada polo pleno por unha maioría simple en votación ordinaria.

A votación secreta só poderá utilizarse para elección ou destitución de persoas.

Artigo 67

Proclamado o acordo, os grupos que non interviñesen no debate ou que, logo deste, cambiasen o sentido do seu voto, poderán solicitar do alcalde unha quenda de explicación de voto.

Do control e fiscalización polo Pleno da actuación do demais órganos de goberno.

Artigo 68

O control e fiscalización polo pleno da actuación dos demais órganos de goberno, exercerase a través dos seguintes medios:

a) Requirimento de presencia e información de membros corporativos que desempeñen delegación.

b) Debate sobre a actuación da Comisión de Goberno.

d) Moción de censura ó presidente.

Artigo 69

1.-Todo membro da corporación que por delegación do alcalde teña a responsabilidade dunha área de xestión, estará obrigado a comparecer ante o pleno, cando este así o acorde, co obxecto de responder ás preguntas que se lle formulen sobre a súa actuación.

2.-Acordada polo pleno a comparecencia mencionada no apartado anterior, o alcalde incluirá o asunto na orde do día da próxima sesión ordinaria ou extraordinaria a celebrar pola corporación, notificando ó interesado o acordo adoptado e a data en que se celebrará a sesión en que deberá comparecer. Entre esta notificación e a celebración da sesión deberán transcorrer, polo menos, tres días.

3.-No desenvolvemento da comparecencia seguirase a orde das intervencións establecidas no artigo 58 deste regulamento, intervindo o informante para dar resposta ás preguntas que formulen os diversos grupos políticos da corporación. En ningún caso, desta comparecencia, poderá derivar a adopción de acordos sen cumprir os requisitos establecidos no artigo 48 deste regulamento.

Artigo 70

1.-O pleno, a proposta do alcalde ou mediante solicitude da cuarta parte, polo menos, do número legal de membros corporativos, poderá acordar a celebración de sesión extraordinaria co obxecto de someter a debate a xestión da Comisión de Goberno.

2.-O desenvolvemento da sesión a que fai referencia o apartado anterior suxeitarase ó establecido con carácter xeral, intervindo en primeiro lugar o autor da proposta para explicar o significado da mesma. Contestará un membro da Comisión de Goberno designado por esta e, despois de senllas quendas de réplica, poderán intervir os demais grupos políticos da corporación para formular preguntas á Comisión de Goberno, que serán contestadas por un membro da mesma.

3.-Como consecuencia do debate poderá presentarse unha moción co obxecto de que o pleno manifeste a súa posición sobre a xestión da Comisión de Goberno. Se o pleno admite debater a moción, esta incluirase na orde do día na seguinte sesión plenaria, ordinaria ou extraordinaria.

Artigo 71

A moción de censura ó alcalde axustarase ó disposto no artigo 197 da Lei 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral.

Das Actas

Artigo 72

1.-De cada sesión o secretario levantará acta na que terá que constar:

a) Lugar da reunión con expresión do nome do concello e local en que se celebra.

b) Día, mes e ano.

c) Hora en que comeza.

d) Nome e apelidos do alcalde, dos membros da corporación presentes, dos ausentes que se desculpasen e dos que falten sen escusa.

e) Carácter ordinario ou extraordinario da sesión, e se se celebra en primeira ou en segunda convocatoria.

f) Asistencia do secretario, ou de quen legalmente o substitúa, e presencia do funcionario responsable da intervención, cando concorra.

g) Asuntos que examinen, opinións sintetizadas dos grupos ou membros da corporación que interviñesen nas deliberacións e incidencias destas.

h) Votacións que se verifiquen e no caso das nominais o sentido en que cada membro emita o seu voto. Nas votacións ordinarias farase constar o número de votos afirmativos, dos negativos e das abstencións. Farase constar nominalmente o sentido do voto cando así o pidan os interesados.

i) Parte dispositiva dos acordos que se adopten.

k) Hora en que o presidente levante a sesión.

2.-De non celebrarse sesión por falta de asistentes, ou outro motivo, o secretario suplirá a acta cunha dilixencia autorizada coa súa sinatura, na que consigne a causa e nomes dos concorrentes e dos que desculpasen a súa asistencia.

Artigo 73

1.-Será aplicable á redacción das actas o disposto no artigo 51 en canto á utilización das linguas.

2.-Se o secretario non coñecese a lingua cooficial da Comunidade Autónoma de Galicia, a redacción do texto da acta na lingua cooficial será realizada por unha persoa idónea designada pola alcaldía, quen asinará a traducción.

3.-A acta será aprobada na súa versión bilingüe e da mesma certificará o secretario coa salvedade, polo que se refire á versión traducida, de que así resulta da súa traducción.

4.-A acta, unha vez aprobada polo pleno, transcribirase no Libro de Actas autorizándoa coas sinaturas do presidente e do secretario.

Do funcionamento da Comisión de Goberno

Artigo 74

1.-A Comisión de Goberno celebrará sesión constitutiva convocada polo alcalde, dentro dos dez días seguintes a aquel en que fosen designados os membros que a integran.

2.-Salvo que na sesión organizatoria da Corporación se acorde outra cousa, a Comisión de Goberno celebrará sesión ordinaria os primeiros e terceiros venres de cada mes, ás doce trinta horas.

3.-As sesións extraordinarias e as urxentes terán lugar cando, con tal carácter sexan convocadas polo alcalde.

4.-Para o exercicio das súas funcións de asistencia, reuniranse cando o presidente da Corporación o determine.

5.-As sesións da Comisión de Goberno celebraranse na Sala de Xuntas da Casa Consistorial, salvo nos supostos de forza maior.

Artigo 75

1.-As sesións da Comisión de Goberno axustaranse ó establecido para o pleno nos artigos anteriores coas modificacións seguintes:

a) Entre a convocatoria e a celebración da sesión non poderán transcorrer menos de vintecatro horas, excepto no caso das sesións extraordinarias e urxentes nas que, antes de entrar a coñecer os asuntos incluídos na orde do día, deberá ser declarada a urxencia por acordo favorable da maioría dos membros.

b) As sesións da Comisión de Goberno non serán públicas, sen prexuízo da publicidade e comunicación ás Administracións Estatal e Autonómica dos acordos adoptados. Ademais no prazo de dez días deberá enviarse a tódolos membros da corporación copia da acta.

c) Para a válida constitución da Comisión de Goberno requírese a asistencia da maioría absoluta dos seus compoñentes. Se non existise quórum, constituirase en segunda convocatoria, unha hora despois da sinalada para a primeira, sendo suficiente a asistencia da terceira parte dos seus membros, en todo caso, un número non inferior a tres.

d) O alcalde dirixe e ordena, ó seu prudente arbitrio, os debates no seo da Comisión.

e) Nos casos en que a Comisión de Goberno exerza competencias delegadas polo pleno, será preceptivo o informe previo da Comisión informativa correspondente.

f) As actas das sesións da Comisión de Goberno, transcribiranse en libro distinto do das sesións do pleno.

2.-A Comisión de Goberno nas súas reunións deliberantes non poderá adoptar ningún acordo, formalizándose o resultado das deliberacións, no seu caso, en forma de dictames nos termos do artigo 61.1º deste regulamento.

3.-Tanto nas sesións como nas reunións da Comisión de Goberno, o alcalde poderá requirir a presencia de membros da corporación non pertencentes á Comisión de Goberno, ou de persoal ó servicio da entidade, co obxecto de informar no relativo ó ámbito das súas actividades.

4.-Cando a Comisión de Goberno exerza competencias delegadas polo pleno ou que lle foran asignadas polas leis, adoptará os seus acordos mediante votación formal, segundo as normas establecidas no presente regulamento.

Réxime xeral de delegacións entre órganos necesarios

Artigo 76

1.-A delegación de atribucións requirirá, para ser eficaz, a súa aceptación por parte do delegado. A delegación entenderase aceptada tacitamente se no prazo de tres días hábiles contados desde a notificación do acordo o membro ou órgano destinatario da delegación non fai manifestación expresa ante o órgano delegante, de que non acepta a delegación.

2.-As delegacións do pleno no presidente ou na Comisión de Goberno e as do residente nesta última, como órgano colexiado, non quedarán revogadas polo simple feito de producirse un cambio na titularidade da presidencia ou na composición concreta da Comisión de Goberno.

3.-A revogación ou modificación das delegacións terá que adaptarse coas mesmas formalidades que as esixidas para o seu outorgamento.

Artigo 77

Se non se dispón outra cousa, o órgano delegante conservará as seguintes facultades en relación coa competencia delegada:

a) A de recibir información detallada da xestión da competencia delegada e dos actos ou disposicións emanados en virtude da delegación.

b) A de ser informado previamente á adopción de decisións de transcendencia.

c) Os actos dictados polo órgano delegado no exercicio das atribucións delegadas enténdense dictados polo órgano delegante, correspondendo, en consecuencia, a este a resolución dos recursos de reposición que poidan interpoñerse, salvo que no decreto ou acordo de delegación expresamente se confira a resolución dos recursos de reposición contra os actos dictados polo órgano delegado.

Artigo 78

O órgano delegante poderá revogar en calquera momento a competencia delegada conforme á lexislación vixente sobre procedemento administrativo común.

No caso de revogar a delegación, o órgano que teña a competencia orixinaria, poderá revisar as resolucións tomadas polo órgano ou autoridade delegada nos mesmos casos e condicións establecidas para a revisión de oficio dos actos administrativos.

Artigo 79

Ningún órgano poderá delegar nun terceiro as atribucións ou potestades recibidas por delegación doutro órgano.

Artigo 80

A delegación de atribucións entenderase indefinida, salvo que a resolución ou acordo da delegación dispoña outra cousa, ou a temporalidade desta se derive da propia natureza da delegación.

Disposición final

Este regulamento entrará en vigor ó día seguinte do prazo establecido no artigo 70.2.º , en relación ó 65.2.º da Lei 7/85, do 2 de abril.