Muros - REGULAMENTO DO USO DO GALEGO DO CONCELLO DE MUROS

Publicación provisional: 08/03/2016 BOP Nº: 45
Publicación definitiva: 27/04/2016 BOP Nº: 79
Aplicable dende: 14/05/2016

LIMIAR

A principal manifestación de identidade cultural dun pobo é a súa lingua. O galego, lingua propia de Galicia, é o máximo expoñente da nosa identidade como comunidade diferenciada. O idioma galego no decorrer da súa historia coñeceu períodos de normalidade e foi lingua de uso común en todos os ámbitos. A historia móstranos como na segunda metade do século XIII, organismos civís, gremios, confrarías, mosteiros e conventos teñen no galego a súa lingua vehicular e mesmo se traducen do castelán as leis civís chegadas de fóra. É a partir de finais do século XIV cando comeza a progresiva substitución do galego polo castelán nestes contextos formais, manténdose como lingua oral. Houbo que agardar ata o século XVIII para que aparecesen as primeiras voces que reclamaban a restitución do uso do galego en todos os ámbitos. Estes xermolos florecen durante o século XIX e dan un dos seus froitos máis vizosos no Estatuto de Autonomía de 1936, primeira normativa legal que recoñece a oficialidade do galego. A guerra civil española malogrou a aplicación desta lexislación.

Coa instauración da democracia no Estado español danse as condicións propias para a normalización da lingua galega. A Constitución Española de 1978 proclama ¿a vontade de protexer a todos os españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as culturas, tradicións, linguas e institucións" e no artigo 3.2 establece que as linguas españolas distintas do castelán serán oficiais nas súas respectivas comunidades de acordo cos seus Estatutos. O artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 proclama a lingua galega como oficial de Galicia, na súa calidade de lingua propia desta terra, e precisa ese precepto ao encomendarlles aos poderes públicos que garantan o uso normal e oficial do galego e o potencien en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, engadindo que ¿disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento" (art. 5.3 E.A.G.).

A proclamación da oficialidade da lingua galega impón unha serie de obrigacións aos poderes públicos autonómicos, que han de utilizala como lingua de traballo e de comunicación coas demais entidades públicas e na súa relación coa cidadanía. Asemade a cidadanía é titular dunha serie de dereitos lingüísticos que han de ser respectados pola administración e esta ha de estar en disposición de traballar en condicións de igualdade nas dúas linguas oficiais de Galicia. A Lei de Normalización Lingüística do 15 de xuño de 1983 desenvolve aínda máis a normativa estatutaria e dispón que a Xunta ditará disposicións para a normalización progresiva do uso do galego e que as corporacións locais deberán promover ese uso de acordo coas normas recollidas naquela Lei (art. 6.4).

Os concellos de Galicia xogaron un papel relevante na incorporación do galego ao mundo administrativo e o Concello de Muros estendeu nesta lingua as súas actas desde o mesmo ano no que se ditou a Lei de normalización lingüística; con posterioridade, tras a aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 5/1988, do 21 de xullo, de uso do galego nas corporacións locais, este Concello, na sesión plenaria do 25 de novembro de 1988, aprobou o Regulamento municipal de normalización lingüística, vixente ata hoxe. Transcorridos doce anos desde aquela data, parece recomendable actualizar aquela norma e anovar o compromiso que a Corporación asumiu na defensa e promoción da nosa lingua.

CAPÍTULO I. O galego como lingua oficial do municipio

Artigo 1º. O galego, lingua oficial do Concello de Muros

1. O galego como lingua propia de Galicia é o idioma oficial do Concello de Muros.

2. As actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal de Muros terán plena validez e eficacia.

3. A cidadanía ten dereito a ser atendida e a obter copia da documentación municipal e a recibir as correspondentes notificacións no idioma oficial que elixan.

Artigo 2º. Aplicación no ámbito municipal

1. O Concello de Muros, os organismos, entidades e sociedades que del dependan e as autoridades e o persoal ao seu servizo empregarán normalmente o galego nas actuacións internas e nas súas relacións coa cidadanía e coas entidades públicas e privadas sitas en Galicia.

2. As empresas concesionarias de servizos públicos municipais e as adxudicatarias de contratos de obras, servizos e subministracións tamén empregarán normalmente o galego nas súas relacións co Concello e cos organismos, entidades e sociedades que dependan del e coa veciñanza e persoas residentes no municipio de Muros, sen prexuízo do dereito destes últimos ao que se refire o artigo 1º.3 anterior.

3. A regra anterior incorporarase expresamente aos pregos de condicións e contratos mencionados.

4. Todos os servizos, departamentos, oficinas e organismos dependentes do Concello de Muros terán en conta a necesidade da normalización da lingua en todos os ámbitos sociais, polo que asumirán o desenvolvemento deste regulamento en todas e cada unha das accións do seu funcionamento cotián.

Artigo 3º. Aplicación noutros ámbitos

O Concello velará para que os principios anteriores se apliquen nos organismos supramunicipais dos que forme parte e nas relacións interadministrativas coas demais administracións públicas de Galicia.

CAPÍTULO II. Do uso interno do galego

Artigo 4º. Das sesións, actas e resolucións municipais

Redactaranse en galego:

a) As convocatorias e ordes do día das sesións de todos os órganos colexiados da Corporación e, nomeadamente, as do Pleno, Comisión de Goberno, comisións informativas, consellos sectoriais e tribunais de oposicións e concursos.

b) As mocións, votos particulares, emendas e propostas de acordo, os rogos e preguntas, así como os ditames das comisións informativas.

c) As actas das sesións dos anteditos órganos.

d) As resolucións da Alcaldía e das Concellerías.

e) As notificacións e comunicacións dos actos anteriores.

Artigo 5º. Dos expedientes administrativos

1. Os informes e o demais documentos que integran os expedientes administrativos redactaranse en lingua galega.

2. Os modelos de documentación utilizados na administración municipal elaboraranse en galego e os programas e procesos de informatización e racionalización terán en conta ese obxectivo.

Artigo 6º. Dos contratos e escrituras públicas

Os contratos e escrituras públicas nos que interveña o Concello de Muros e as entidades e os organismos del dependentes outorgaranse en lingua galega. Se a outra parte contratante o solicita ou o negocio debe producir efecto fóra de Galicia, tamén se outorgarán en versión castelá sendo o orixinal en galego.

Artigo 7º. Dos rexistros administrativos

Sen prexuízo do que dispón o artigo 9º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, os asentos dos rexistros administrativos do Concello de Muros estenderanse en galego con independencia da lingua na que estea redactada o documento obxecto de inscrición.

CAPÍTULO III. Do uso externo do galego

Artigo 8º. Da atención ao público

1. As autoridades e o persoal ao servizo do Concello de Muros e das entidades e organismos dependentes del utilizarán normalmente o galego como lingua de relación coa cidadanía e de atención ao público sen prexuízo do dereito de elección lingüística ao que se refire o artigo 1º.3.

2. Con independencia do anterior, as autoridades e servizos que teñan una relación máis intensa coa veciñanza e coas entidades e asociacións cidadás promoverán o uso do galego como lingua normal de comunicación, a información sobre os dereitos lingüísticos e, se é o caso, a colaboración en materia de normalización lingüística.

3. A atención ao público mediante mecanismos automáticos, tales como contestadores de teléfonos ou outros medios telefónicos ou informáticos, usarán por defecto e de entrada o galego, así se especificará cando sexan comprados, contratados e/ou programados.

4. O disposto no presente artigo tamén é de aplicación para as empresas ou entidades que presten servizos municipais por concesión, arrendamento, concerto ou contrato.

Artigo 9º. Das relacións cos profesionais e as empresas de servizos

Os estudos, informes, proxectos, ditames e traballos semellantes que o Concello de Muros lles encargue a profesionais e empresas de servizos radicadas en Galicia redactaranse en galego non sendo que pola súa finalidade sexa inescusable que se elaboren noutra lingua.

Artigo 10º. Dos anuncios, da publicidade institucional, da accións formativas e das actividades públicas

1. Os anuncios e a publicidade institucional do Concello de Muros e dos organismos e as entidades que dependen del realizarase en lingua galega.

2. Os libros e folletos informativos que edite tamén se realizarán en galego con carácter xeral, sen prexuízo de que, cando o interese xeral o requira, se publiquen tamén noutros idiomas.

3. As publicacións editadas por outras entidades, nas que colabore o Concello e que teña difusión por Galicia, realizaranse en lingua galega.

4. Na contratación da publicidade, o Concello terá en conta os medios de comunicación en distintos soportes que usan o galego.

5. As campañas publicitarias e de promoción de actividades (cursos, xornadas, conferencias, festas, espectáculos, actividades deportivas, festivais, campionatos, etc) doutras entidades na que colabore o Concello faranse todos os soportes en galego.

6. Para lle dar cumprimento a isto, cando os haxa, nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc., farase referencia a este requisito.

7. As accións formativas organizadas polo Concello desenvolveranse, en xeral, en lingua galega.

8. A formación puntual e actividade xeral ofertada regularmente polo Concello nos seus distintos centros (aulas de informática, centros infantís, escola de música, biblioteca, etc.) desenvolverase utilizando normalmente o galego como lingua de comunicación.

9. Para que o Concello de Muros colabore en accións informativas ou formativas organizadas por outra entidades será requisito que estas se desenvolvan, en xeral, en lingua galega. Este requisito transmitiráselle á entidade ou entidades organizadoras e explicitarase nos acordos de colaboración, convocatoria de subvencións, contratos, etc.

10. Todas aquelas actividades comunicativas, culturais, deportivas, divulgativas, etc. (eventos,conferencias,intervencións públicas, xornadas, congresos, charlas, campionatos, espectáculos, festivais, etc.) organizados por outras entidades, será requisito que se desenvolvan, en xeral, en lingua galega. Este requisito transmitiráselle á entidade ou entidades organizadoras e explicitarase nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc.

11. Os textos que vaian ser difundidos polo Concello en calquera soporte (diarios oficiais, xornais, revistas, carteis, folletos, etc.) deben ser revisados previamente polo Servizo de Normalización Lingüística, que dará o visto e prace para a súa publicación.

Artigo 11º. Dos actos institucionais

As autoridades do Concello de Muros utilizarán o galego nos actos públicos nos que interveñan por razón do seu cargo no ámbito territorial de Galicia.

Artigo 12º. Da programación cultural e educativa do Concello

1. Os programas de actividades culturais e educativas do Concello terán en conta os obxectivos de divulgar o coñecemento e promover a utilización da lingua galega.

2. Todas as actividades comunicativas, culturais, deportivas, divulgativas, etc. (eventos, conferencias, intervencións públicas, xornadas, congresos, charlas, campionatos, espectáculos, festivais, etc.) organizadas polo Concello, desenvolveranse, en xeral, en lingua galega.

3. Para que o Concello de Muros colabore en actividades comunicativas, culturais, deportivas, divulgativas, etc. Organizadas por outras entidades será requisito que estas se desenvolvan, en xeral, en lingua galega. Este requisito transmitiráselle á entidade ou entidades organizadoras e explicitarase nos acordos de colaboración, convocatoria de subvencións, contratos, etc.

4. Os textos que vaian ser difundidos polo Concello en calquera soporte (diarios, carteis, folletos, etc.) deben ser revisados previamente polo Servizo de Normalización Lingüística, que dará o visto e prace para a súa publicación.

Artigo 13º. Das actividades privadas subvencionadas polo Concello

1. O Concello de Muros promocionará o uso do galego entre as entidades, comisións de festas e asociacións veciñais, culturais e deportivas do municipio, especialmente das que sexan destinatarias de subvencións públicas da Corporación.

2. Con esa finalidade as bases das correspondentes convocatorias ou, se é o caso, as resolucións que outorguen as subvencións conterán expresamente a recomendación ou a esixencia, segundo os casos, de utilización do idioma galego nas actividades da entidade.

Artigo 14º. Do impulso institucional

O Concello de Muros promoverá a normalización do uso do galego nas actividades mercantís e publicitarias, culturais, deportivas, asociativas e de lecer,de conformidade co que dispón o artigo 25 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

Artigo 15º. Da sinalización e os rótulos

1. A sinalización e rotulación das edificacións, servizos e equipamentos públicos, maquinaria, vestiario do persoal, rede viaria e núcleos de poboación realizarase en galego e aterase á toponimia oficial. Cando o interese xeral o requira, os sinais informativos tamén se redactarán noutros idiomas.

2. A norma anterior será aplicable á maquinaria, aos equipamentos e ás instalacións das empresas adxudicatarias de servizos públicos municipais.

3. En calquera caso, os textos dos rótulos e sinalizacións deben ser revisados polo Servizo de Normalización Lingüística, que dará o visto e prace para a súa publicación.

Artigo 16º. Dos topónimos

1. De conformidade co que dispón o artigo 10º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do municipio de Muros é a galega.

2. A Corporación catalogará e divulgará os nomes oficiais dos núcleos de poboación, das vías de comunicación e das rúas e vías urbanas. Tamén promoverá a catalogación e divulgación da toponimia das partes restantes do territorio municipal e dos seus accidentes xeográficos.

3. O Concello de Muros promoverá a recuperación, historia, orixe, coñecemento e uso da toponimia do territorio municipal, e preservará as formas tradicionais dos lugares como arte integrante da memoria colectiva do patrimonio cultural.

4. Para darlles nome ás rúas, prazas, edificios, etc., de titularidade pública en Muros, teranse en conta os criterios establecidos pola Comisión de Toponimia en 2002, en que se sinala:

a) Na denominación oficial das diferentes realidades xeográficas (entidades de poboación, urbanizacións, bloques de edificios, etc.) ha de preferirse sempre un topónimo tradicional antes que fórmulas de nova invención.

b) No caso de realidades xeográficas de nova creación realizarase un inventario das denominacións tradicionais do territorio afectado e empregaranse nome tomados dese repertorio para a denominación oficial das novas realidades.

c) Cando nunha área determinada os topónimos tradicionais superen en número as novas realidades xeográficas creadas, de preferencia ha de preservarse o topónimo de maior interese histórico, arqueolóxico ou filolóxico.

d) Só se empregará o recurso á imposición de ¿topónimos honoríficos" (nomes de persoas ou institucións, de conceptos abstractos, de cidades ou países, etc.) en casos que a nova denominación non sepulte un topónimo tradicional.

5. En caso de ter que optar por un topónimo honorífico ou conmemorativo, teranse en conta as directrices aprobadas pola ONU en 2004, nas que se sinala que:

e) Para propoñer un topónimo só se considerarán persoas postumamente; antes de que a proposta dun topónimos conmemorativo se considere debe ter pasado un mínimo de cinco anos da morte da persoa. Para acontecementos, polo menos deben ter pasado vinte e cinco anos do devandito acontecemento.

f) Para propoñer un topónimo conmemorativo só se terá en consideración persoas cunha forte asociación co lugar ou elemento xeográfico, ou que teñan destacada significación no legado cultural ou no desenvolvemento da zona, da comarca ou da nación.

g) O topónimo proposto deberá ser apoiado pola comunidade local e ir máis aló dun simple ou especial interese de grupo.

h) Un topónimo non se debe usar para conmemorar vítimas ou sinalar lugares de accidentes ou traxedias.

i) Un topónimo conmemorativo non se debe considerar se xa existe para o lugar un nome arraigado e aceptado.

j) A propiedade da terra non confire a lexitimidade ou o dereito de aplicarlle un topónimo conmemorativo a un elemento xeográfico. O uso non oficial de topónimos conmemorativos en publicacións ou en dedicatorias ou indicadores non é garantía de que estes sexan adoptados en documentos toponímicos oficiais.

Artigo 17º. Da calidade lingüística e da linguaxe democrática e inclusiva

1. Debido a que a calidade lingüística de todos os textos públicos do Concello transmite a imaxe da propia administración municipal e a que os textos emitidos desde a administración pública adoitan ser interpretados como modelos de lingua, en todos os textos, documentacións do Concello de Muros coidarase especialmente a calidade e corrección lingüística.

2. En todos os textos serán aplicados os criterios da linguaxe administrativa moderna, procurando sempre a súa máxima calidade, democratización, personalización, claridade de contidos e uniformidade.

3. En toda comunicación e documentación municipal usarase unha linguaxe inclusiva, utilizando as fórmulas non sexistas axeitadas que inclúan os dous xéneros cando os textos e comunicacións se dirixan tanto a mulleres como a homes, evitando fórmulas sexistas, ocultación dun dos xéneros e posibles ambigüidades.

4. O Concello de Muros velará para que nos textos e comunicacións das accións doutras entidades nas que colabore, participe e apoie, se sigan estes mesmos criterios de calidade lingüística e linguaxe moderna, democrática e inclusiva.

Artigo 18º. Do Servizo de Normalización Lingüística (SNL)

1. O Concello de Muros contará cun Servizo de Normalización Lingüística (SNL) estable dotado con medios materiais e humanos suficientes co obxecto de impulsar a normalización e procurar o incremento do uso e prestixio do idioma galego a todos os niveis e ámbitos sociais, e de coordinar as accións necesarias para darlle cumprimento a este regulamento.

2. As tarefas que desenvolva este Servizo de Normalización Lingüística configurarase en tres áreas: dinamización sociolingüística, formación sociolingüística e asesoramento lingüístico.

3. As funcións xerais do SNL son:

a) Xerais:

i. Asesorar á administración municipal en todo o relacionado coa política lingüística.

ii. Facer seguimento do cumprimento da lexislación en materia lingüística por parte da institución.

iii. Informar sobre a conveniencia, oportunidade, método, etc. de incorporar accións con obxectivos normalizadores en programas ou accións do Concello de índole diversa, e colaborar na súa especificación, deseño e materialización.

iv. Emitir informes sobre a oportunidade, conveniencias, etc. de accións do Concello con respecto ao fomento do uso e prestixio da lingua galega.

v. Colaborar coa administración para determinar os perfís lingüísticos necesarios en cada un dos postos de traballo e colaborar nas probas e procesos selectivos para que se avalíen convenientemente os coñecementos lingüísticos por parte dos/as aspirantes.

b) Dinamización sociolingüística:

i. Fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade.

ii. Planificar, xestionar, executar e avaliar accións a prol da lingua galega nos diversos ámbitos e contextos sociais: para a transmisión interxeracional, na mocidade, na onomástica, no deporte, nas novas tecnoloxías, na creación e difusión cultural, no ámbito empresarial e comercial, na comunicación, na xustiza, no lecer, na educación, na sanidade, no ámbito relixioso, no turismo, na integración social, na música, no asociacionismo, etc.

iii. Propor programas dinamizadores e accións concretas que conciencien á sociedade respecto ao uso e prestixio da lingua galega e a implique no proceso normalizador.

iv. Propiciar e xestionar liñas de información, colaboración, coordinación e axuda dirixidas á rede asociativa, empresarial, educativa, xuvenil, etc., para fomentar o uso e prestixio do galego.

v. Promover e coordinar grupos de persoas interesadas no proceso de normalización lingüística para que funcionen como axentes normalizadores na sociedade.

c. Formación sociolingüística:

i. Planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, tanto para o persoal da administración como para diferentes sectores sociais.

ii. Difundir materiais que contribúan á tarefa normalizadora: dereitos lingüísticos, lexislación, recurso lingüísticos, etc.

iii. Colaboran no deseño de programas de formación non lingüística para garantir a presenza do galego e de contidos favorables á mellora de actitudes lingüísticas.

d. Asesoramento lingüístico:

iv. Mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración.

v. Normalizar a imaxe lingüística, fixar criterios lingüísticos para a organización e establecer modelos de documentos.

vi. Revisar e validar lingüisticamente aqueles textos que vaian ter maior difusión, impacto ou permanencia (carteis, folletos, rotulación, anuncios, impresos, publicacións, etc.) para garantir a calidade lingüística e o uso dunha linguaxe moderna, democrática e inclusiva.

vii. Resolver dúbidas lingüísticas.

CAPÍTULO IV. Do uso do galego nas relacións con outras administracións

Artigo 19º. Das relacións coas outras administracións públicas

O Concello de Muros utilizará o idioma galego nas relacións coas demais administracións públicas de Galicia e cos organismos da administración xeral do estado radicadas na nosa comunidade.

Artigo 20º. Das relacións coa administración de Xustiza e das actuacións procesuais

O Concello de Muros utilizará o idioma galego nas súas relacións cos órganos xurisdicionais radicados en Galicia e instruirá aos seus letrados e procuradores para que realicen en galego as actuacións procesuais orais e escritas que leven a cabo perante aqueles órganos de conformidade coas normas reguladoras do poder xudicial.

Artigo 21º. Da relacións con persoas xurídicas

Con respecto aos documentos dirixidos directamente a persoas xurídicas, diferentes de calquera das administracións, o Concello de Muros aterase ao previsto nas disposicións vixentes, aínda que se redactarán en galego sempre que sexa posible.

Artigo 22º. Das relacións coas empresas privadas

1. Os documentos públicos ou contractuais subscritos polo Concello serán redactados en galego. Se a súa finalidade o esixe, poderán facerse tamén copia traducida a outra(s) lingua(s), en que constará que é tradución do seu orixinal.

2. Concello requirirá que os estudos, proxectos, informes, documentos e traballos análogos que se encarguen a terceiros sexan elaborados en galego. Este requirimento será recollido nas convocatorias, pregos ou solicitudes de tales traballos.

3. Concello proporá e animará ás empresas contratantes e provedoras a que usen o galego na súa documentación e comunicación e explicitaralles que deben facer uso do galego nos bens e nos servizos que sexan obxecto de contrato co Concello, e así se fará constar nos correspondentes pregos de condicións.

CAPÍTULO V. Da capacitación lingüística do persoal ao servizo da Corporación

Artigo 23º. Obxectivo

Todo o persoal ao servizo da Corporación debe estar en condicións de empregar a lingua galega adecuadamente en forma oral e por escrito de acordo co nivel correspondente ao posto de traballo que se desempeñe.

Artigo 24º. Medios

Para acadar o obxectivo sinalado no artigo anterior establécense as seguintes regras:

1. Nos procedementos de selección de persoal deberase acreditar o coñecemento do idioma galego a través do exercicio ou exercicios escritos e/ou orais que sinalen as bases da convocatoria e que será adecuado ao nivel da praza que de que se trate.

2. No proceso selectivos que inclúan probas ou preguntas sobre lexislación, incluirase entre ela tamén a lexislación lingüística, como a Lei de normalización lingüística ou a Lei do uso do galego como lingua oficial polas entidades locais.

3. Nos procedementos de provisión de postos de traballo o coñecemento da lingua galega constituirá un mérito avaliable que se deberá acreditar por medio dos títulos oficiais que se sinalen polo que en cada convocatoria se fará un baremo axeitado ao posto para puntuar acreditacións Celga e/ou títulos oficiais de linguaxes específicas, como administrativa ou xurídica.

4. Cando for posible, terase en conta o persoal do Servizo de Normalización Lingüística con titulación suficiente para formar parte dos tribunais cualificadores -ben como membro deste, ben como persoal asesor-, para facer a avaliación do coñecemento do idioma galego na selección do persoal e na provisión dos postos de traballo e colaborará, así mesmo, na confección das correspondentes bases e probas.

5. As probas selectivas para a provisión de prazas de funcionarios/as e persoal laboral ao servizo do Concello farase en lingua galega e distribuirase por defecto nesta lingua a todas as persoas candidatas, sen prexuízo de que os/as participantes nas probas poidan realizar os seus exercicios noutra lingua oficial. As persoas que queiran copia das probas noutra lingua oficial poderán solicitala expresamente con antelación ao desenvolvemento da proba.

6. O persoal que actualmente traballa ao servizo da Corporación e non estea capacitado para o correcto desenvolvemento do seu traballo en galego de acordo co disposto no apartado 1 do presente artigo deberá adquirir tal capacidade. Para estes efectos, o Concello, desde o Servizo de Normalización Lingüística, desenvolverá programas de formación lingüística.

7. O Concello de Muros, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración con outras administracións ou entidades, organizará curso específicos para todo o persoal que non teña coñecementos necesarios para exercer as súas funcións en galego e así melloren o seu nivel de linguaxe, tanto desde o punto de vista lingüístico como estilísticos.

8. Nos programas de formación e perfeccionamento do persoal que periodicamente se realicen, terase en conta o obxectivo de capacitar progresivamente ao funcionariado na utilización da linguaxe administrativa e técnica propia das súas tarefas profesionais.

DISPOSICIÓN FINAL

Primeiro.- Este regulamento entrará en vigor unha vez que se cumpran os requisitos que prevé o artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Segundo.- Expor ao público este acordo por un prazo de trinta días mediante publicación de anuncios no taboleiro de edictos da Corporación e no Boletín oficial da provincia, coa finalidade de que as persoas e as entidades interesadas poidan presentar as reclamacións ou suxestións que xulguen oportunas. De non habelas, o regulamento entenderase aprobado definitivamente.