Pontedeume - REGULAMENTO DO SERVIZO MADRUGADORES DO CONCELLO DE PONTEDEUME

Publicación provisional: 10/10/2016 BOP Nº: 192
Publicación definitiva: 12/12/2016 BOP Nº: 233
Aplicable dende: 12/12/2016

ARTIGO 1.-OBXECTO E FINALIDADE.

Este documento ten por obxecto a regulación das condicións de funcionamento xeral e admisión no Servizo ¿programa Madrugadores", que ten como finalidade a creación dun espazo de conciliación da vida persoal, familiar e laboral para as familias do alumnado do CEIP Couceiro Freijomil, permitíndolles así a aqueles que inician a súa xornada laboral antes de que se inicien as actividades lectivas, deixar aos seus fillos e fillas no recinto escolar co persoal profesional especializado e suficiente para facerse responsable daqueles/as ata o comezo das clases.

Este servizo vai dirixido a todo o alumnado do CEIP Couceiro Freijomil.

ARTIGO 2.-DEPENDENCIA.

O Programa Madrugadores é un Servizo que depende orgánica e funcionalmente do Concello de Pontedeume o cal disporá a organización da súa prestación, conforme ao presente Regulamento e as restantes normas de aplicación, directamente ou mediante o persoal asignado ao Programa.

ARTIGO 3.-PRESTACIÓN DO SERVIZO.

O Programa Madrugadores é un Servizo que se levará a cabo nas instalacións do CEIP Couceiro Freijomil, sito na Av. Do Peirao , nos lugares que a Dirección do centro destine para tal fin.

ARTIGO 4.-HORARIO.

O Programa Madrugadores desenvolverase durante o curso escolar, todos os días lectivos de 7:30 a 8:30h. As e os destinatarios do servizo poderán obter a prestación durante a dita xornada do servizo completo (almorzo e actividades de animación) ou soamente o servizo de animación., en cuxo caso, devindicarase a parte proporcional do importe da prestación.

O dito horario poderase modificar en función do horario escolar lectivo e as súas posibles modificacións. Igualmente, o Concello de Pontedeume poderá determinar un horario distinto, en función do número de solicitudes do servizo.

ARTIGO 5.-ACTIVIDADES.

Estas actividades terán carácter de extraescolares e, polo tanto, non son indispensables para a consecución dos obxectivos curriculares, tan só responden a atención ao alumnado participante en aspectos relacionados coas áreas socio-culturais e lúdicas..

En ningún caso deben interferir ou desprazar as actividades extraescolares programadas no centro escolar.

ARTIGO 6.-BENEFICIARIOS/AS.

Será beneficiario deste servizo o alumnado do CEIP Couceiro Freijomil, cuxos pais, nais o titores legais soliciten a súa prestación, por causa da necesidade de conciliar a vida persoal, familiar e laboral ou por outras circunstancias que xustifiquen a súa solicitude. Tipos:

Habituais: as/os que utilicen o programa con regularidade e aboen o prezo/mes polos meses de participación.

Esporádicos: os/as que utilicen este recurso ocasionalmente e aboen o prezo/día polos días de participación.

ARTIGO 7.-PERSOAL.

O perfil básico do persoal que realiza o servizo de Madrugadores no CEIP Couceiro Freijomil para a ampliación do horario de apertura do centro ten que estar en posesión do carné de manipulador de alimentos, o certificado por delitos de natureza sexual e valóranse especialmente outras titulacións como: monitor-a de tempo libre e ocio, . As funcións que desempeña este persoal son as seguintes:

Presenza física dende o inicio do período de ampliación da xornada escolar habitual.

Recepción, coidado, atención, vixiancia e dinamización do alumnado participante no programa madrugadores.

Provisión de almorzo (opcional), nos casos que corresponda ata as oito da mañá

Desenvolvemento das actividades extraescolares marcadas e establecidas na programación

Acompañamento das nenas e nenos ao profesorado respectivo

Control diario da asistencia das e dos participantes

Facilitar as familias toda a información que soliciten sobre os seus fillos e fillas.

Toda aquela outra que sexa precisa en relación a correcta atención as nenas e nenos e o desenvolvemento da actividade do servizo.

ARTIGO 8.-DATOS DE INTERESE.

O servizo non se prestará cando as ou os participantes se atopen enfermos e o médico de familia ou as propias familias recomenden a non asistencia ao centro.

No caso de enfermar no centro avisarase para que a menor ou o menor sexa recollido pola persoa autorizada no menor tempo posible.

Se algunha das persoas participantes ten que tomar algunha medicación ou tratamento continuado, deberase adxuntar coa inscrición a prescrición médica na que se especificará a dose, horario e nome do medicamento: sen esta medida sinxela non se administrará ningún medicamento. Terá que vir a medicación na súa respectiva caixa e os pais, nais ou titores legais terán que asinar unha autorización.

Sen prexuízo do disposto no anterior apartado, os pais, nais ou titores legais deberán poñer en coñecemento do Servizo calquera outro dato ou circunstancia que resulte de interese para o coidado do menor.

En caso de enfermidade ou accidente sobrevido no centro, e tras as primeiras atencións no propio centro ou nas dependencias médicas, a dita circunstancia poñerase a maior brevidade posible, en coñecemento dos pais, titores ou representantes legais do menor.

Na inscrición deberanse de facilitar os teléfonos de localización para os casos urxentes. Ademais, deberán facilitar a fotocopia e o número da seguridade social ou seguro médico para ser atendido/a polos servizos médicos así como a autorización dos pais, nais, ou titores legais para acudir aos servizos sanitarios coa maior rapidez posible, cando así o considere o Monitorado que presta o Servizo ante unha situación sobrevida.

ARTIGO 9.-DEREITOS DAS E DOS BENEFICIARIOS DO SERVIZO.

Que as actividades e organización do Programa Madrugadores se desenvolvan no interese daqueles.

Tanto as nenas e os nenos como as persoas que soliciten o seu ingreso non sufrirán distinción ou discriminación por motivo de raza, sexo, idioma, relixión, orientación política, nacionalidade, posición económica, ou calquera outra condición de orixe persoal ou social, xa sexa do propio participante ou da súa familia.

A programación ou realización das actividades terá en conta os intereses así como o nivel de desenvolvemento das e dos participantes.

Os participantes desfrutarán dun ambiente de afecto e seguridade que favoreza o desenvolvemento pleno e harmónico da súa personalidade.

Prohíbese expresamente calquera tipo de maltrato físico ou psíquico, así como calquera experiencia ou exixencia para súa idade e nivel de desenvolvemento.

ARTIGO 10.-DEREITOS E DEBERES DOS PAIS, NAIS OU TITORES LEGAIS.

DEREITOS:

A ser consultados en todos aqueles aspectos que poidan afectar a unha adecuada programación e prestación do Servizo

A colaborar nos termos que se determine polo servizo, nas distintas actividades do programa.

A recibir información, orientación e formación sobre a participación dos seus fillos e fillas no programa.

DEBERES:

O abono do prezo público correspondente de conformidade coa ordenanza reguladora.

Comportamento cívico do pai, nai o titores legais no centro escolar respecto aos participantes, a outros proxenitores, ao monitorado,etc.

Declarar as enfermidades e alerxias do seu fillo ou filla e facilitar os medios e información establecida no artigo 8.

Cumprir axeitadamente coas obrigacións que faciliten a correcta prestación do Servizo en relación aos seus fillos e fillas.

ARTIGO 11.-DEREITOS E DEBERES DO PERSOAL TÉCNICO.

DEREITOS:

Respecto e consideración cara o desenvolvemento das súas funcións

Promover, planificar e programar actividades.

Exercer os seus dereitos laborais conforme a lexislación vixente.

DEBERES:

Traballar en equipo.

Respectar as nenas e nenos en todo momento e fomentar a súa autonomía.

Interesarse en caso de ausencia ao Servizo e estar en disposición dos pais e nais ante calquera cuestión sobre a participación das persoas usuarias do servizo.

Manter o espazo ordenado e coidar o material.

Asumir en determinado momento tarefas que non son propias para contribuír ao bo desenvolvemento do Servizo .

Gardar estrita confidencialidade sobre os datos de carácter persoal dos menores aos que teñen acceso en razón a función desempeñada.

ARTIGO 12.-SOLICITUDE DE ADMISIÓN.

As socilitudes, debidamente cumprimentadas serán entregadas no Rexistro Xeral do Concello de Pontedeume, conforme ao impreso que estará á disposición das persoas interesadas no Departamento de Servizos Sociais, na páxina web municipal e no propio Rexistro.

A relación de participantes será aprobada por Resolución de Alcaldía, expoñéndose ao público no taboleiro de anuncios municipal durante o prazo de 15 días dende que fora ditada.

A solicitude entenderase efectuada por curso completo se ben pódese solicitar baixa durante este.

ARTIGO 13.-BAIXAS.

Poderá causar baixa calquera persoa participante polas causas seguintes:

Solicitude expresa dos pais ou titores legais.

De oficio, polo concello, en caso de concorrer as seguintes causas:

O non pagamento das cotas establecidas.

A comprobación de falsidade nos datos declarados ou na documentación aportada.

O incumprimento reiterado das normas establecidas no presente Regulamento, especialmente no relativo as normas de convivencia, respecto e consideración do persoal Técnico das e dos participantes e das familias.

Entorpecer, obstaculizar ou impedir a correcta realización do Servizo.

As baixas serán resoltas polo Sr. alcalde-presidente do Concello e notificadas aos pais, nais ou titores legais do ou da menor. Contra a dita resolución poderase interpoñer o correspondente recurso.

ARTIGO 14.-MEDIDAS DISCIPLINARIAS E CAUTELARES.

Con carácter previo á resolución sancionadora, atendendo a natureza da infracción ou gravidade dos feitos cometidos, poderanse adoptar medidas cautelares tendentes a evitar que se manteña ou reproduza a conducta infractora.

A imposición das sancións ou medidas cautelares, serán resoltas polo Sr. alcalde do Concello de Pontedeume, a proposta do persoal técnico asinado ao programa previa audiencia dos pais, nais ou titores legais.

ARTIGO 15.-FINANCIAMENTO DO SERVIZO.

O financiamento do Servizo Programa Madrugadores realizarase prioritariamente, coas cotas que aboan os/as beneficiarios/as do servizo, con recursos xerais do Concello e con posibles axudas e subvencións de outras administración susceptibles de solicitar.

ARTIGO 16.-COTAS.

As cotas a aboar serán as establecidas segundo a ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo Programa Madrugadores.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

No non previsto deste regulamento seguiranse as normas de réxime interno aplicable ao CEIP Couceiro Freijomil que é o centro escolar onde se vai realizar este programa.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente Regulamento entrará en vigor a partir da súa íntegra publicación no Boletín Oficial da Provincia de Coruña.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

O regulamento dispón a súa entrada en vigor a partir da súa íntegra publicación no Boletín Oficial da Provincia de Coruña, pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:

...Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el Boletín Oficial de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales..... (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo.