Fene - REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ DO CONCELLO DE FENE

Publicación provisional: 10/02/1999 BOP Nº: 33
Publicación definitiva: 10/02/1999 BOP Nº: 33
Aplicable dende: 10/02/1999

CAPÍTULO I. Da participación institucionalizada

Artigo 1.

No Rexistro Municipal de Asociacións (as de nova constitución terán a obriga de inscribirse), a efectos participativos, aquelas asociacións, agrupacións, sociedades cívicas e comunidades de carácter veciñal, educativo, cultural, consumo, xuvenil, deportivo, da muller, etc., que teñan o seu domicilio social dentro do Concello de Fene, e que as súas actividades se desenvolvan no ámbito xeográfico do mesmo.

A solicitude de inscrición dirixirase ó alcalde, quen, nun prazo de un mes dende a recepción da solicitude, notificará a súa inscrición á asociación que, unha vez inscrita, se considerara dada de alta a tódolos efectos.

O Rexistro Municipal de Asociacións Cidadás ten por obxecto permitir ó Concello o coñecemento das asociacións existentes, os seus obxectivos e a súa representatividade, a fin de levar a cabo unha correcta política municipal de fomento das mesmas.

Artigo 2.

Para efectua-la oportuna inscrición no citado Rexistro Municipal de Asociacións (só as de nova creación), requirirase a presentación de:

a) Os estatutos da entidade, aprobados polos órganos competentes.

b) Número de inscrición no rexistro de asociacións.

c) Datos das persoas que ocupen cargos directivos.

d) Sede social da asociación.

Artigo 3.

As asociacións que se inscriban no rexistro creado para tal fin, sexa cal sexa a súa forma xurídica, non poderán ser partidos políticos nin formar parte de coalicións electorais.

O Concello só recoñecerá dereitos a aquelas asociacións que foran debidamente inscritas no rexistro municipal destinado para tal efecto.

Artigo 4.

No primeiro trimestre de cada ano as asociacións inscritas deberán notificar ó rexistro as modificacións que se procuran nelas durante o ano, especialmente o relativo ó seu programa de actividades.

Artigo 5.

Articúlase a participación cidadá na corporación municipal a través dos seguintes órganos:

- Consellos sectoriais.

- Padroados.

- Comisións informativas municipais.

- Concello pleno.

Artigo 6.

Ó non previsto neste regulamente serán de aplicación supletoria as disposicións xerais sobre réxime local e as que, no seu caso, dicte o Goberno da comunidade autónoma de Galicia.

Artigo 7.

As asociacións cidadás terán, nos termos establecidos na lexislación específica e neste regulamento, os seguintes dereitos:

1.-A recibir axudas económicas e a usa-los medios públicos municipais, en función da súa representatividade e actividades nas condicións que se establezan polo Concello.

2.-A seren informadas dos asuntos e iniciativas municipais que poidan ser do seu interese, debendo recibir notificación das convocatorias e acordos que afecten ás súas respectivas actividades, para o que deberán designa-lo nome dos membros que representan á mesma ante os órganos de goberno municipal.

3.-A participar nos órganos municipais nos termos que establecen neste regulamento.

Artigo 8.

Serán de aplicación ás asociacións cidadás a regulación dos dereitos de participación, proposta e intervención dos cidadáns nos órganos colexiados de goberno.

CAPÍTULO II. Dos dereitos dos cidadáns á información

Artigo 9.

O Concello de Fene comprométese a informar á poboación da súa xestión a través da prensa, radio, publicacións e calquera medio que permita poñer en coñecemento de forma puntual e periódica o desenvolvemento da vida municipal, segundo o preceptuado na Lei 7/85, reguladora das Bases de Réxime Local.

Artigo 10.

Dende o Concello farase o posible por distribuí-la información municipal a través da oficina xeral de información.

Artigo 11.

O Concello facilitará ás entidades políticas e sociais, só temas que lles afecten, e á prensa en xeral, a orde do día dos plenos e comisións de goberno.

Artigo 12.

Serán obxecto de campañas especiais de información e consultas:

a) As modificacións de ordenanzas fiscais.

b) A elaboración dos orzamentos municipais.

c) Os programas de actuación do Concello.

d) As decisións que afecten ó planeamento urbanístico.

CAPÍTULO III. Das formas de participación na xestión municipal

Artigo 13.-Participación directa e indirecta.

Participación directa é a que pode exerce-lo cidadán a título individual, e pode te-las seguintes posibilidades:

a) Reclamacións e suxerencias.

b) Recursos.

c) Consultas individuais.

d) Consultas á poboación.

Participación indirecta é a que poden exerce-los veciños a través das distintas asociacións existentes na localidade, por medio de:

a) As asociacións recoñecidas polo Concello.

b) Consellos municipais sectoriais.

c) Padroados.

d) Sesións plenarias e comisións informativas.

CAPÍTULO IV. Da participación directa

Artigo 14.

Constitúen dereitos de todo cidadán:

a) Recibir unha ampla información sobre os asuntos municipais.

b) O acceso ós expedientes e documentos municipais que lles afecten persoalmente sempre que non se vulnere o dereito de terceiros, e sempre baixo o control do funcionario correspondente.

c) Obter copias e certificacións do Concello, coa salvidade anteriormente sinalada, previa solicitude por escrito.

d) Asistir ás sesións dos plenos municipais, así como ás de calquera outro órgano, sempre que estas sexan públicas.

Artigo 15.-Sección 1.ª.-Das reclamacións e suxerencias.

1.-Para que un cidadán poida exerce-las súas demandas, reclamacións e suxerencias sobre as actuacións da corporación ou algún dos seus organismos, poñerase a disposición do público un dispositivo consistente na posibilidade de facer dita reclamación ou proposta por escrito en impreso, quedando copia selada en poder do reclamante.

2.-Tódalas reclamacións ou denuncias que se presenten por escrito recibirán resposta individualizada.

Artigo 16.-Sección 2.ª.-Dos recursos.

A garantía dos dereitos dos cidadáns recoñecidos no presente regulamente poderá ser esixida polos mesmos mediante os recursos administrativos ou xurisdiccionais que correspondan, sen prexuízo da utilización das canles de participación política.

Artigo 17.-Sección 3.ª.-Das consultas individuais, peticións e propostas.

A participación dos cidadáns na vida municipal poderase articular a través do exercicio do dereito de consulta, petición ou proposta.

1.-Tódolos cidadáns teñen dereito a dirixirse a calquera autoridade para realizar peticións ou evacuar consultas ou propostas sobre as actuacións municipais.

2.-A consulta deberá ser realizada mediante escrito e será contestada nos termos previstos na lexislación xeral.

Artigo 18.-Sección 4.ª.-Das consultas á poboación.

Cando se estime oportuno polas características especiais dun tema, pola súa importancia ou gravidade, o alcalde ou a comisión de goberno poderán acordar someter un asunto a consultas, dunha parte ou de toda a poboación a través dunha enquisa ou referendo que recolla claramente a opinión dos consultados.

CAPÍTULO V. Da participación indirecta. Consello de Participación Cidadá (CPC)

Artigo 19.

De acordo coa tradicional distribución dos asentamentos da poboación neste término municipal, recoñécese como entidade histórica administrativa á parroquia.

Artigo 20.

Corresponderá ó Pleno do Concello o exercicio das potestades organizativas recoñecidas pola Lei Básica Local, acorda-la división do término municipal en parroquias atendendo á realidade sociolóxica e peculiaridades dos asentamentos de poboación. A división efectuarase sen prexuízo da unidade de goberno e xestión do municipio.

Artigo 21.

O Consello de Participación Cidadá constituirase do seguinte xeito:

- Presidente: o señor alcalde-presidente ou concelleiro/a no/a que delegue.

- Vicepresidente: o/a presidente/a da Comisión Informativa de Gobernación.

- Vocais:

a) A proposta das forzas políticas con representación municipal (un por cada partido ou coalición).

b) A proposta das seguintes entidades:

1.-Dous representantes polas asociacións de veciños e centros de promoción social, legalmente constituídas, elixido entre as mesmas.

2.-Un representante da asociación de pais de alumnos dos centros docentes recoñecidos pola Consellería de Educación.

3.-Un representante das asociacións ou organizacións xuvenís legalmente constituídas.

4.-Un representante das asociacións deportivas, legalmente constituídas, elixido entre as mesmas.

5.-Un representante das asociacións ou organizacións culturais, legalmente constituídas, elixido entre as mesmas.

6.-Un representante das asociacións de comerciantes e industriais, que teñan os establecementos ou realicen o seu exercicio profesional, legalmente constituídas e elixido entre as mesmas.

7.-Un representante das asociacións de mulleres, legalmente constituídas e elixido entre as mesmas.

8.-Un representante das asociacións de amas de casa ou consumidores, legalmente constituídas e elixido entre as mesmas.

9.-Un representante das asociacións da terceira idade, legalmente constituídas e elixido entre as mesmas.

- Secretario: será o secretario do Concello ou funcionario no que delegue.

Artigo 22.

Tódolos membros do Consello poderán ser revogados dos seus cargos en calquera momento polo mesmo órgano e procedemento que os designou. En todo caso, revisarase a composición do Consello, unha vez ó ano, e a renovación de cargos cada catro anos, coincidindo coa renovación da corporación.

Artigo 23.

O CPC constituirase na primeira sesión, a convocatoria do presidente; o secretario levantará acta e tramitará as convocatorias contendo a orde do día con antelación suficiente, corenta e oito horas, tanto nas sesións ordinarias coma nas extraordinarias.

Artigo 24.

O CPC establecerá a periodicidade das súas reunións, que deberán ser, como mínimo, cada seis meses, por convocatoria do presidente en sesión ordinaria. E en sesión extraordinaria sempre que os asuntos a tratar o requiran e así o considere o presidente, ou o solicite un tercio do total dos membros do CPC.

Artigo 25.

A sesión darase por constituída cando estean presentes a metade máis un dos seus compoñentes na primeira convocatoria. E calquera que sexa o número destes en segunda convocatoria, celebrándose media hora máis tarde. En ámbolos dous casos, sempre que asista o presidente, o secretario e dous vocais.

Artigo 26.

Os acordos do CPC adoptaranse por maioría simple dos asistentes ás sesións e terán carácter consultivo.

Artigo 27.

As vacantes que se produzan, sexa cal sexa a súa causa, deberán cubrirse na sesión seguinte ou incluso, se así fose conveniente, mediante convocatoria de sesión extraordinaria, tres faltas de asistencia consecutivas non xustificadas serán motivo de cesamento na representatividade que se posúa. Nestes casos, o partido político, coalición ou entidade que propuxo o nomeamento do vocal destituído, deberá formular proposta de novo nomeamento nun prazo máximo de un mes. As sesións do CPC serán públicas.

Artigo 28.

As funcións do CPC responderán en xeral ó ámbito de todas aquelas actuacións da xestión municipal que poidan ofrecer algunha transcendencia para o Concello en xeral, de maneira directa no marco das competencias legais da Administración municipal, determinándose máis concretamente as seguintes:

1.-Proporcionar información ó Concello e este ó CPC sobre os problemas xerais do mesmo.

2.-Elevar ó Concello as propostas e alternativas adoptadas nas sesións do CPC.

3.-Ser consultado polos órganos de goberno en asuntos de interese específico para o Concello, estando obrigado a dar resposta.

4.-Face-lo seguimento do cumprimento dos acordos adoptados polo Concello sobre as propostas do CPC.

5.-Instar a unha información sobre a xestión municipal, de carácter público, adecuado e constante, intelixible e clara, de fácil acceso e, para tal fin, adecuaranse os procedementos necesarios.

6.-A corporación municipal facilitará, tanto ó Consello de Participación Cidadá como a tódalas entidades, o presuposto ordinario desagregado en partidas e por programas, co tempo suficiente para ter opinións, contribuír con ideas e elevar propostas a dito presuposto.

CAPÍTULO VI. Dos consellos municipais sectoriais

Artigo 29.

Son órganos de participación cidadá das respectivas delegacións, de carácter consultivo, a través das cales os veciños agrupados en asociacións poden facer chega-las súas suxerencias, opinións e iniciativas ós órganos xestores do Concello.

Artigo 30.

A planificación, actuación e control da actividade municipal en campos ou sectores como os que logo se reseñan, esixe a participación e consulta das asociacións e entidades vinculadas a esas áreas, pasando así da visión parcial da parroquia á globalizadora do municipio, creándose os consellos sectoriais.

Artigo 31.

Poderanse crea-los consellos municipais que a corporación estime oportunos.

Para a constitución de cada un será preciso o acordo do Pleno que definirá as entidades ou persoas que deben estar representadas e designará presidente e vicepresidente do mesmo.

Unha vez constituído cada consello municipal, elaborará un regulamento de réxime interior, que determine o réxime da convocatoria, funcionamento e adopción de acordos, que será levado ó Pleno da corporación para a súa aprobación.

Artigo 32.-Serán funcións dos consellos sectoriais:

- Informar ó Concello, a través do consello sectorial, sobre os problemas específicos do sector.

- Propoñer solucións alternativas ós problemas máis concretos do sector, sendo de obrigada consideración o estudio polo Concello.

- Seguimento no cumprimento dos acordos adoptados polo Concello sobre as propostas do consello sectorial.

- Instar a unha información da xestión municipal de carácter público.

CAPÍTULO VII. Dos padroados

Artigo 33.

Son órganos de participación e xestión descentralizada con carácter informativo. Crearanse por acordo plenario e ocuparanse da xestión dunha área ou aspecto determinado dunha delas. Posúen estatutos de funcionamento propios, aprobados polo Pleno do Concello, nos que se recolle a participación das entidades cidadás.

CAPÍTULO VIII. Da asistencia ás sesións

Artigo 34.

Os representantes dos veciños/as das distintas entidades e asociacións poderán propoñer ó Pleno do Concello tódolos puntos que consideren oportunos para que se lles dea, se procede, contestación na sesión plenaria ordinaria no punto da orde do día que se incluirá para tal efecto en tódolos plenos, denominado "de suxerencias". Para que as propostas poidan ser incluídas e contestadas na orde do día dos plenos, deberán presentarse no Concello polo menos con quince días de antelación á celebración do mesmo.

Artigo 35.

Antes de iniciarse a sesión, o señor alcalde poderá concede-la palabra a un representante das distintas entidades rexistradas de acordo co capítulo e, sobre un punto da orde do día de especial transcendencia, sempre que este o solicite con 48 horas de antelación.

Artigo 36.

As comisións informativas poderán invitar ás súas sesións a representantes das diversas entidades, así como a afectados ou grupos dos mesmos, podéndolles conceder dereito a voz, nos momentos que para tal fin se prevexan para trata-los temas que poidan interesarlles na orde do día.

Disposicións adicionais

Primeira.

Os partidos políticos, depositarios da confianza do electorado a través das urnas, son a canle fundamental de participación pública, tal como recolle o artigo 6 da Constitución. Por iso a súa intervención vén dada mediante as eleccións a través dos seus concelleiros/as na corporación.

Segunda.

Será requisito imprescindible para participar nos concellos e padroados, á parte dos xa reseñados, que tanto os representantes como as entidades representadas manifesten consentimento explícito a estas normas e aquelas de réxime interior e funcionamento de que se doten ditos organismos.

Terceira.

Para a resolución das cuestións non previstas ou dúbidas de interpretación que poidan xurdir na aplicación do presente regulamento, así como para a inclusión ou retirada no rexistro de entidades cidadás, facúltase á comisión de goberno para que resolva.

Disposición final

Transcorrridos dous anos da aplicación do presente regulamento, elaborarase unha análise de funcionamento, propoñéndose de acordo mutuo entre tódalas partes implicadas, se procedese, a modificación do mesmo de forma que se puidese axustar máis á realidade e ás necesidades no Concello.