Moeche - ORDENANZA DO USO SOCIAL DA LINGUA GALEGA NO CONCELLO DE MOECHE
Exposición de motivos
A lingua é unha ferramenta de comunicación coa que contan as comunidades e supón a creación colectiva e a manifestación de identidade mais salientable dun pobo.
O galego, lingua propia da Comunidade Autónoma de Galicia, é o máximo expoñente cultural da nosa comunidade así como una ferramenta comunicativa eficaz e próxima os cidadáns. Durante séculos a lingua galega foi o vehículo de comunicación do noso pobo, pero os feitos históricos deron lugar a un período escuro da mesma. No século XIX aconteceron importantes movementos que reclamaban a restitución do uso do galego dando lugar a que no Estatuto de autonomía de 1936 se recoñecese legalmente a oficialidade do galego. A Guerra Civil e a posterior ditadura deron lugar a unha paralización desta lexislación.
Ca chegada da democracia o noso estado comezouse a configurar nun clima propicio para a normalización do uso da lingua galega, así pois, a nosa Constitución proclama a «vontade de protexer a todos os españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas, tradicións, linguas e institucións», no artigo 3.2 da mesma establecese que as linguas españolas distintas ao castelán serán oficiais nas súas respectivas comunidades de acordo con cada estatuto.
Neste sentido o Estatuto de autonomía de Galicia de 1981 institúe o galego como a lingua propia de Galicia, mentres que o artigo 5 do mesmo proclama a lingua galega como oficial de Galicia así como se encomenda aos poderes públicos que garantan o uso normal e oficial da lingua galega e potencien o seu emprego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, engadindo que «disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento» (art. 5.3).
Así, a proclamación da oficialidade da lingua galega encoméndalles unha serie de obrigas aos poderes públicos. Estes deben utilizala como lingua de uso normal de comunicación entre eles e nas súas relacións coa cidadanía. Ao mesmo tempo, as cidadás e os cidadáns adquiren unha serie de dereitos lingüísticos que deben ser respectados pola Administración. Neste contexto xurde a Lei 3/1983 de normalización lingüística e a Xunta de Galicia ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As corporacións locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta lei (art. 6.4). Con posterioridade a esta, fóronse aprobando ordes e decretos que veñen a completar o marco legal actual para procurar a recuperación do uso do idioma galego nas Administracións. Neste sentido salienta a Lei 5/1988 de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais, que no artigo 1 senta que «as convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia redactaranse en lingua galega».
O Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento galego en 2004, contempla como obxectivos para a administración local o de ¿consolidar o papel normalizador das corporacións locais e das deputacións" e o de ¿incluír a promoción do galego no concepto de servizo que o concello e a comarca lle ofrecen ao cidadán". Deste xeito, as corporacións locais poden e deben desenvolver accións encamiñadas a implicar o conxunto da sociedade no proceso de normalización lingüística. Xa que por seren as administracións máis próximas á cidadanía, son moi apropiadas para desenvolveren accións encamiñadas á implicación cidadá, á dinamización, á recuperación social e ao incremento do uso e prestixio do idioma propio e oficial de Galicia nos distintos ámbitos e sectores sociais.
Capítulo I.-O uso oficial do idioma galego
Artigo 1
1.-O galego, como lingua propia e oficial de Galicia, é idioma oficial do Concello de Moeche.
2.-O Concello de Moeche empregará o galego en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social, e nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galicia e con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas.
Capítulo II.-Ámbito de aplicación
Artigo 2
1.-O Concello de Moeche rexerase polos criterios establecidos nesta ordenanza.
2.-Tamén se rexerán polos criterios desta ordenanza as empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratadas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato, así como as de explotación mixta, o cal se fará explicitamente constar nos documentos correspondentes (concursos públicos, pregos de cláusulas, contratos, etc.).
3.-O Concello de Moeche velará para que nas actividades, organismos, etc., en que participe e/ou teña representación, sexan aplicados os principios desta ordenanza.
4.-Todos os servizos, departamentos, oficinas e organismos dependentes do Concello de terán en conta a necesidade da normalización da lingua galega en todos os ámbitos sociais.
Capítulo III.-Atención ao público
Artigo 3
1.-Todos os servizos de todas as unidades administrativas que teñan relación co público fomentarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación de entrada, tanto oral como escrita, practicando a oferta positiva en lingua galega.
2.-A atención ao público mediante mecanismos automáticos, tales como contestadores de teléfonos ou outros medios telefónicos ou informáticos, usarán por defecto e de entrada o galego, e así se especificará cando sexan comprados, contratados e/ou programados.
3.-O disposto no presente artigo tamén é de aplicación para as empresas ou entidades que presten servizos municipais por concesión, arrendamento, concerto ou contrato.
Capítulo IV.-Documentación e actuación administrativa
Artigo 4
1.-Como criterio xeral, todas as actuacións do Concello faranse en idioma galego. Isto sen prexuízo de que, cando legalmente sexa requisito, ademais de en galego tamén se fagan noutra(s) lingua(s).
2.-Será redactada en lingua galega cando menos a seguinte documentación administrativa:
a) As convocatorias de sesións de todos os órganos do Concello, así como as ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas, rogos, preguntas e as actas dos citados órganos municipais.
b) As resolucións de todos os órganos municipais.
c) Toda a documentación xerada polo Concello que forme parte dos expedientes administrativos que teñan que someterse á decisión ou coñecemento dos devanditos órganos.
d) As actas e acordos de todos os órganos dos consellos e entidades con personalidade xurídica dependente deste Concello.
e) As notificacións, recursos, escrituras públicas e, en xeral, todos os actos de carácter público ou administrativos que se realicen por escrito en nome do Concello.
3.-Todos os modelos de documentación da Administración municipal de Moeche serán elaborados e difundidos de entrada e prioritariamente en galego e, verbo disto, nos plans e procesos de informatización e racionalización administrativa deberase ter presente o establecido neste artigo, sen que isto signifique que nalgúns casos específicos non se poida incorporar tamén a outra lingua oficial para cando unha persoa expresamente a poida requirir.
Artigo 5
1.-Sen prexuízo do que para os rexistros públicos establece o artigo 9 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística de Galicia, nos rexistros administrativos das oficinas do Concello os asentos faranse sempre en galego, independentemente da lingua na que estean escritos.
Capítulo V.-Publicacións, accións informativas, formativas e actividades públicas
Artigo 6
1.-Os anuncios oficiais da Corporación que se publiquen no Boletín Oficial da Provincia, no Diario Oficial de Galicia ou en calquera medio de comunicación serán redactados e publicados en galego. Cando legalmente sexa requisito, tamén se poderán redactar noutra(s) lingua(s) ademais de en galego ou achegar unha tradución do orixinal en lingua galega.
2.-As publicacións editadas polo Concello, teñan ou non carácter periódico, xa sexan en papel ou dixitais, realizaranse en lingua galega.
3.-As publicacións editadas por outras entidades, nas que colabore o Concello e que teñan difusión en Galicia, realizaranse en lingua galega. Para lle dar cumprimento a isto, de os haber, nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc., farase referencia a este requisito.
Artigo 7
1.-As campañas publicitarias do concello e de promoción de todas as actividades organizadas faranse, sexa no soporte que sexa, en galego.
2.-Na contratación de publicidade, o concello terá en conta os medios de comunicación en distintos soportes que usan o galego.
3.-As campañas publicitarias e de promoción de actividades (cursos, xornadas, conferencias, festas, espectáculos, actividades deportivas, festivais, campionatos, etc.) doutras entidades nas que dalgún xeito colabore o Concello faranse en todos os soportes en galego.
4.-Para lle dar cumprimento a isto, cando os haxa, nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc., farase referencia a este requisito.
5.-A publicidade que se difunda en instalacións e mecanismos propiedade do Concello deberá estar en galego.
6.-Todo o anterior, sen prexuízo de que tamén se poidan facer noutras linguas cando sexan accións publicitarias ou de difusión dirixidas a comunidades lingüísticas fóra da galega.
Artigo 8
1.-As accións formativas organizadas polo Concello desenvolveranse, en xeral, en lingua galega.
2.-A formación puntual e actividade xeral ofertada regularmente polo Concello nos seus distintos centros desenvolverase utilizando normalmente o galego como lingua de comunicación. O establecido neste punto terase en conta e farase referencia ao seu contido en casos como:
a) Na contratación de persoal para os distintos centros.
b) Na organización de actividades nos distintos centros.
c) Nas contratacións de empresas.
d) Nos regulamentos dos distintos centros, de os haber.
3.-Para que o concello de Moeche colabore en accións informativas ou formativas organizadas por outras entidades será requisito que estas se desenvolvan, en xeral, en lingua galega. Este requisito transmitiráselle á entidade ou entidades organizadoras e explicitarase nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc.
Artigo 9
1.-Os cargos públicos do Concello expresaranse en galego nos actos que teñan lugar no ámbito lingüístico galego, e nos que interveñan en virtude do seu cargo.
2.-Todas aquelas actividades comunicativas, culturais, deportivas, divulgativas, etc. (eventos, conferencias, intervencións públicas, xornadas, congresos, charlas, campionatos, espectáculos, festivais, etc.) organizadas polo Concello, desenvolveranse, en xeral, en lingua galega.
3.-Para que o Concello colabore en actividades comunicativas, culturais, deportivas, divulgativas, etc. (eventos, conferencias, intervencións públicas, xornadas, congresos, charlas, campionatos, espectáculos, festivais, etc.) organizadas por outras entidades, será requisito que estas se desenvolvan, en xeral, en lingua galega. Este requisito transmitiráselle á entidade ou entidades organizadoras e explicitarase nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc.
Capítulo VII.-Compra de bens e materiais e encargo e contratación de servizos
Artigo 10
1.-Para as compras de bens e materiais de todo tipo que faga o Concello estableceranse criterios para procurar que os a bens e materiais estean en galego, xa sexa na súa etiquetaxe, configuración, uso, etc. (equipos informáticos, aparellos telefónicos, material funxible, produtos alimentarios, etc.). Isto especificarase e concretarase, cando os haxa, nos correspondentes acordos, contratos, pregos, encargos, comunicacións, etc.
2.-Para as contratacións de servizos que se presten ao Concello, sexan da índole que sexan, especificarase que estes deben ser prestados en galego, e para a súa prestación poderanse establecer criterios, ademais, para que os materiais estean en galego, xa sexa na súa etiquetaxe, configuración, uso, etc. Isto especificarase e concretarase, cando os haxa, nos correspondentes acordos, contratos, pregos, encargos, comunicacións, etc.
3.-O establecido neste artigo en ningún caso poderá ser causa de exclusión dos licitadores nos procesos de contratación.
Capítulo VI.-Sinalización e rotulación
Artigo 11
1.-Os rótulos, indicadores, sinalizacións da Casa do Concello e dos outros edificios e servizos públicos e da rede viaria municipal estarán en galego.
2.-Cando a normativa ou o interese xeral o requira, as sinalizacións viarias tamén poderán incorporar outra(s) lingua(s).
3.-Todos os vehículos do parque móbil municipal, o vestiario do persoal e material semellante, cando o houber, dos organismos autónomos, empresas municipais, policía, etc., levarán a súa rotulación en galego.
Capítulo VII.-Relacións con outras administracións
Artigo 12
1.-As comunicacións do Concello dirixidas a calquera das administracións públicas sitas no territorio galego redactaranse en lingua galega.
2.-As comunicacións do Concello dirixidas á Administración civil ou militar do Estado e á xustiza dentro do ámbito lingüístico galego redactaranse en lingua galega.
Artigo 13
1.-Con respecto aos documentos dirixidos directamente a persoas xurídicas, diferentes de calquera das administracións, o Concello de Moeche aterase ao previsto nas disposicións vixentes, aínda que se redactarán en galego sempre que sexa posible.
Capítulo VIII.-Relacións coas empresas privadas
Artigo 14
1.-Os documentos públicos ou contractuais subscritos polo Concello serán redactados en galego. Se a súa finalidade o esixe, poderá facerse tamén en outra(s) lingua(s).
2.-O concello requirirá que os estudos, proxectos, informes, documentos e traballos análogos que se encarguen a terceiros sexan elaborados en galego. Este requirimento será recollido nas convocatorias, pregos ou solicitudes de tales traballos.
3.-O concello proporá e animará ás empresas contratantes e provedoras a que usen o galego na súa documentación e comunicación e explicitaralles que deben facer uso do galego nos bens e nos servizos que sexan obxecto de contrato co concello, e así se fará constar nos correspondentes pregos de condicións.
Capítulo IX.-Persoal ao servizo da administración
Artigo 15
1.-A declaración de oficialidade do idioma galego esixe que todo o persoal ao servizo da Corporación o coñeza suficientemente e estea en condicións de empregalo correctamente, tanto oralmente como por escrito, no desenvolvemento do seu traballo.
2.-Para acadar este obxectivo establécense as seguintes regras xerais:
a) Nos procedementos de selección de persoal incluirase unha proba de capacitación para o desenvolvemento en galego do traballo que o persoal vai realizar habitualmente no Concello. Esta proba será adecuada ao nivel e contido das prazas convocadas e, de acordo coas funcións do posto, poderá ser oral e/ou escrita.
b) Nos procesos selectivos que inclúan probas ou preguntas sobre lexislación, incluirase entre ela tamén a lexislación lingüística, como a Lei de normalización lingüística ou a Lei do uso do galego como lingua oficial polas entidades locais.
c) Nos procedementos de provisión de postos de traballo, a acreditación do coñecemento da lingua galega terá, ademais, consideración de mérito puntuable, sempre que haxa concurso, para o que en cada convocatoria se fará un baremo axeitado ao posto para puntuar acreditacións Celga e/ou títulos oficiais de linguaxes específicas, como administrativa ou xurídica.
d) As probas selectivas para a provisión de prazas de funcionariado e persoal laboral ao servizo do Concello faranse en lingua galega e distribuiranse por defecto nesta lingua a todas as persoas candidatas, sen prexuízo de que os/as participantes nas probas poidan realizar os seus exercicios noutra lingua oficial. As persoas que queiran copia das probas noutra lingua oficial poderán solicitala expresamente con antelación ao desenvolvemento da proba.
Artigo 16
A formación profesional en todos os ámbitos de todo o persoal do Concello farase en lingua galega, sempre que a programación e organización dependa do Concello. De non depender directamente del, o Concello de Moeche demandará que se faga en galego.
Capítulo X.-Toponimia e nomes de rúas, emprazamentos ou edificios
Artigo 17
1.-Segundo se dispón no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do termo municipal do Concello de Moeche é a galega, igual cá dos demais topónimos de Galicia.
2.-O Concello promoverá a recuperación, historia, orixe, coñecemento e uso da toponimia do territorio municipal, e preservará as formas tradicionais dos lugares como parte integrante da memoria colectiva do patrimonio cultural.
3.-O Concello demandaralle a todas as entidades beneficiarias de calquera tipo de subvención, axuda, colaboración ou contrato por parte do Concello o uso correcto da toponimia.
Artigo 18
1.-Para darlles nome ás rúas, prazas, edificios, etc., de titularidade pública en Moeche teranse en conta os criterios establecidos na declaración asinada pola Comisión de Toponimia en 2002, en que se sinala:
a) Na denominación oficial das diferentes realidades xeográficas, ha de preferirse sempre un topónimo tradicional antes que fórmulas de nova invención.
b) No caso de realidades xeográficas de nova creación realizarase un inventario das denominacións tradicionais do territorio afectado e empregaranse nomes tomados dese repertorio para a denominación oficial das novas realidades.
c) Cando nunha área determinada os topónimos tradicionais superan en número as novas realidades xeográficas creadas, de preferencia han de preservarse os topónimos de maior interese histórico, arqueolóxico ou filolóxico.
d) Só se empregará o recurso á imposición de ¿topónimos honoríficos" (nomes de persoas ou institucións, de conceptos abstractos, de cidades ou países, etc.) en casos en que a nova denominación non sepulte un topónimo tradicional.
2.-En caso de ter que optar por un topónimo honorífico ou conmemorativo, teranse en conta as directrices aprobadas pola ONU en 2004, nas que se sinala que:
a) Para propoñer un topónimo só se considerarán persoas postumamente; antes de que a proposta dun topónimo conmemorativo se considere deben ter pasado un mínimo de cinco anos da morte da persoa. Para acontecementos, polo menos deben ter pasado vinte e cinco anos do devandito acontecemento.
b) Para propoñer un topónimo conmemorativo só se terán en consideración persoas cunha forte asociación co lugar ou o elemento xeográfico, ou que teñan destacada significación no legado cultural ou no desenvolvemento da zona, da comarca ou da nación.
c) O topónimo proposto deberá ser apoiado pola comunidade local e ir máis aló dun simple ou especial interese dun grupo.
d) Un topónimo non se debe usar para conmemorar vítimas ou sinalar lugares de accidentes ou traxedias.
e) Un topónimo conmemorativo non se debe considerar se xa existe para o lugar un nome arraigado e aceptado.
f) A propiedade da terra non confire a lexitimidade ou o dereito de aplicarlle un topónimo conmemorativo a un elemento xeográfico. O uso non oficial de topónimos conmemorativos en publicacións ou en dedicatorias ou indicadores non é garantía de que estes sexan adoptados en documentos toponímicos oficiais.
Capítulo XI.-Impulso institucional do idioma galego
Artigo 19
1.-De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, o Concello fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outra dentro do ámbito municipal.
2.-O Concello de Moeche poñerá en marcha programas dirixidos á poboación e ás entidades asociativas ou empresariais do municipio para conseguir a implicación progresiva de todos os colectivos no proceso de recuperación social da lingua galega, e fomentarase o uso e prestixio do galego na transmisión interxeracional, na mocidade, na onomástica, no deporte, nas novas tecnoloxías, na creación e difusión cultural, no ámbito empresarial e comercial, na comunicación, na xustiza, no lecer, na educación, na sanidade, no ámbito relixioso, no turismo, na integración social, na música, no asociacionismo, etc.
3.-Para a concesión de subvencións e axudas municipais (de promoción económica, servizos sociais, culturais, xuvenís, deportivas, para festas, para actividades formativas e de calquera outro tipo) valorarase como criterio que se terá en conta que as actividades realizadas contribúan á normalización e ao incremento do uso e prestixio da lingua galega. Do mesmo xeito, as publicacións, a cartelaría, a publicidade e toda produción de todas as actividades das entidades que vaian estar subvencionadas polo Concello de Moeche deberán estar en lingua galega. En todas as convocatorias de subvencións figurará expresamente este requisito.
4.-O Concello poderá outorgar subvencións para actuacións que procuren a normalización lingüística e, segundo sinala o artigo 25 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, para fomentar dentro do seu ámbito a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras, por actos singulares, poderá outorgar reducións ou exencións das obrigas fiscais.
Capítulo XII.-Calidade lingüística e linguaxe democrática e inclusiva
Artigo 20
1.-Debido a que a calidade lingüística de todos os textos públicos do concello transmite a imaxe da propia administración municipal e a que os textos emitidos desde a administración pública adoitan ser interpretados como modelos de lingua, en todos os textos, documentos e comunicacións do Concello coidarase especialmente a calidade e corrección lingüística.
2.-En todos os textos serán aplicados os criterios da linguaxe administrativa galega moderna, procurando sempre a súa máxima calidade, democratización, personalización, claridade dos contidos (modernización das formas, concisión e precisión, sinxeleza e ordenación) e uniformidade.
3.-En toda comunicación e documentación municipal usarase unha linguaxe inclusiva, utilizando as fórmulas non sexistas axeitadas que inclúan os dous xéneros cando os textos e comunicacións se dirixan tanto a mulleres como a homes, evitando así fórmulas sexistas, ocultación dun dos xéneros e posibles ambigüidades.
4.-O Concello de Moeche velará para que nos textos e comunicacións das accións doutras entidades nas que colabore, participe ou apoie, se sigan estes mesmos criterios de calidade lingüística e linguaxe moderna, democrática e inclusiva.
Disposición derradeira
A presente ordenanza entrará en vigor conforme ao establecido no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de Bases de Réxime Local, cando se teña publicado integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e teña transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da citada lei.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
Artigo 70.2: ...Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el Boletín Oficial de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en
Artigo 65.2: El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo.
Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.