Ares - ORDENANZA REGULADORA DA TENENCIA, DEFENSA E CUSTODIA DOS ANIMAIS DE COMPAÑÍA
Exposición de motivos
O dereito a gozar dun ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de o conservar, consagrado no artigo 45.1 da Constitución española, e a atribución da competencia exclusiva do Estado para ditar a lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades que teñen as comunidades autónomas de estableceren normas adicionais de protección, previsto no artigo 149.1.23 do citado texto, configuran o fundamento constitucional de competencias en materia ambiental.
Con fundamento no exposto, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, alzouse como resposta normativa ante a falta dunha lexislación actualizada e integradora sobre a protección e defensa dos animais que viven no contorno humano e co obxectivo fundamental de lles dar amparo e salvagarda mediante a regulación das mínimas atencións hixiénico-sanitarias que debían recibir, así como das obrigas das súas persoas posuidoras, dos centros de recollida, dos albergues ou das instalacións para o seu mantemento temporal, co fin de garantir uns mínimos de bo trato animal.
En base a esta normativa autonómica, o Concello de Ares adaptou esta regulación ao eido municipal coa aprobración da Ordenanza reguladora da tenencia, defensa e custodia dos animais de compañía, aprobada polo pleno do Concello de Ares e publicada no BOP n.º 178, do 04.08.2008, coa modificación posterior do 18.08.2017.
No ano 2017 a Xunta de Galicia publica a Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia que ben a substituir á Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en cautividade,
Cómpre agora dende a administración municipal, actualizar a ordenanza en vigor 1e adaptala a novas necesidades, condutas e realidades.
Quen tome a decisión de incorporar un animal de compañía á súa vida é responsable da súa saúde e do seu benestar, e ten que ser consciente e asumir as obrigas e responsabilidades que iso implica, o que está directamente relacionado coa necesaria intervención das administracións públicas implicadas, ás que lles compete realizar un intenso labor de información, educación e sensibilización á cidadanía.
Esta ordenanza, por exemplo, recolle unha regulación de mínimos sobre a tenza de animais potencialmente perigosos, respectando o disposto na normativa autonómica antes citada e na estatal na materia, constituída fundamentalmente pola Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos, e polo Real decreto 287/2002, do 22 de marzo, polo que se desenvolve a dita lei.
A ordenanza establece tamén o correspondente réxime sancionador, no que se introducen novas infraccións administrativas en consonancia coa evolución da sensibilidade social nesta materia, recollida no propio texto normativo.
En canto á súa estrutura, a ordenanza contén trinta e un artigos, divididos en seis capítulos con seis, unha disposición adicional, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e unha disposición derradeira.
Co fin de definir, como complemento das anteriores disposicións xerais, aqueles aspectos que se consideren específicos na aplicación de tales disposicións neste termo municipal e facendo uso das facultades que veñen dadas polo artigo 6 da Lei 5/97, do 22 de xullo, da administración local de Galicia, apróbase esta ordenanza que entrará en vigor unha vez cumpridos os trámites de exposición pública e transcorrido o prazo regulamentario a que se fai referencia nos artigos 70.2, en relación co 65.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
A) Lexislación básica:
- Constitución española de 1978.
- Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
- Lei xeral de sanidade de 1986.
B) Lexislación específica:
-Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia
Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos.
TÍTULO I.- Obxectivos e ámbito de aplicación
Artigo 1
1. Esta ordenanza ten por obxecto establecer a normativa que regule as interrelacións entre as persoas e os animais domésticos, tanto os que conviven cos humanos como os destinados a actividades deportivas ou lucrativas, facendo compatible a coexistencia dos animais cos seres humanos coa prevención dos posibles riscos para a hixiene ambiental, a saúde e a seguridade de persoas, animais e bens.
2. Con tal finalidade, a ordenanza ten en conta tanto as molestias e perigos que poden ocasionar os animais como o valor da súa compañía para un gran número de persoas e a axuda que poden prestar polo adestramento e a dedicación, como no caso dos cans guía, dos traballos de salvamento e de todos os demais en que os animais domésticos proporcionan aos humanos satisfaccións deportivas e de lecer.
3. Quedan excluídos desta ordenanza porque se rexen pola súa propia normativa:
- A caza (agás os cans destinados a esta actividade).
- A pesca,
- A protección e conservación da fauna silvestre no seu medio natural.
- Os touros e espectáculos taurinos tradicionais.
- A gandería entendida como cría de animais con fins de abasto.
- Os animais destinados ao traballo, a proporcionar pel ou algún outro producto útil.
- Cans e animais pertencentes ás forzas armadas, forzas e corpos de seguridade do estado, corpo de policía da comunidade autónoma, policía local e empresas de seguridade con autorización oficial.
- Calquera outro que posúa unha regulación específica de igual ou superior rango.
Artigo 2.-Definicións.
Para os efectos desta ordenanza enténdese por:
1. Animais de compañía: os animais de calquera especie, dos incluídos no ámbito de aplicación desta ordenanza, que teña no seu poder o ser humano, sempre que a súa tenza non supoña como destino o seu consumo ou o aproveitamento das súas producións, ou non se leve a cabo, en xeral, con fins comerciais ou lucrativos. En todo caso, dentro desta definición inclúense, na súa totalidade, os cans, os gatos, os furóns ademais de todos aqueles exemplares de animais silvestres mantidos en catividade con fins distintos dos produtivos.
2. Animais domésticos: aqueles animais de compañía pertencentes a especies que críe e posúa tradicional e habitualmente o ser humano, co fin de vivir en domesticidade no contorno do fogar, así como os de acompañamento, condución e axuda de persoas con discapacidade recoñecida.
3. Animais silvestres mantidos en catividade: aqueles animais de compañía distintos dos animais domésticos.
4. Animais de produción: os animais de produción, reprodución, ceba ou sacrificio, incluídos os animais de peletaría ou de actividades cinexéticas, mantidos, cebados ou criados para a produción de alimentos ou produtos de orixe animal, comprendido o autoconsumo, para calquera uso industrial ou calquera outro fin comercial ou lucrativo.
5. Animais potencialmente perigosos: considéranse animais potencialmente perigosos aqueles animais de compañía pertencentes tanto á fauna autóctona coma alóctona que,con independencia da súa condición, natureza, especie ou raza á que pertenzan, poidan causar a morte ou provocar lesións ás persoas ou a outros animais, ou producir danos de certa entidade ás cousas, bardante o suposto previsto no artigo 1.2 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos.
6. Animais silvestres: o conxunto de especies, subespecies, poboación e individuos animais que viven e se reproducen de forma natural en estado silvestre, incluídos os que se encontran en invernada ou están de paso, con independencia do seu carácter autóctono ou alóctono e da posibilidade do seu aproveitamento cinexético. Non se entenderán comprendidos os animais das devanditas especies que teñan o carácter de domésticos, os criados con fins produtivos ou de aproveitamento deles ou das súas producións ou cultivos e mais os de experimentación ou investigación científica coa debida autorización.
7. Animais abandonados: os animais de compañía, incluíndo os vagabundos ou extraviados, cuxa persoa propietaria sexa descoñecida ou da que non sexa posible a súa localización, e aquel animal que, con propietaria ou propietario coñecido, non é recuperado nos prazos legalmente establecidos tras o correspondente requirimento consonte o establecido no artigo 23. Terá igualmente o carácter de abandonado aquel animal que non sexa retirado pola persoa propietaria del de calquera centro ou establecemento de animais no prazo convido, sen prexuízo do procedemento para a súa recollida consonte o establecido no artigo 23.
8. Animais identificados: os animais de compañía que, tendo implantado o sistema de marcaxe legalmente establecido por unha veterinaria ou un veterinario habilitado, estean dados de alta no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía ou en calquera outro rexistro considerado oficial no territorio en que se establezan, ben sexa doutra comunidade autónoma, do Estado español ou doutro Estado.
9. Propietario ou propietaria: a persoa física ou xurídica responsable da custodia dun animal de compañía que figure inscrita como propietaria no rexistro de identificación correspondente. Naqueles supostos en que non exista constancia desta inscrición, considérase propietario ou propietaria quen poida demostrar a súa titularidade por calquera medio admitido en dereito. As persoas menores e incapacitadas poderán ser propietarias de acordo coas regras xerais sobre capacidade establecidas no Código civil.
10. Posuidor ou posuidora: a persoa física que, sen reunir a condición de propietaria ou propietario segundo o establecido na definición anterior, teña e/ou estea encargada do coidado do animal de compañía.
11. Tenza responsable: o conxunto de obrigas, condicións e compromisos que deben asumir as persoas propietarias e posuidoras para garantir e asegurar o benestar dos animais incluídos no ámbito de aplicación desta lei e a súa calidade de vida, conforme as súas necesidades etolóxicas e fisiolóxicas.
12. Asociacións de protección e defensa dos animais: aquelas asociacións constituídas legalmente e inscritas no rexistro oficial correspondente, sen fin de lucro, que teñen por obxecto fundamental a defensa e protección dos animais no medio en que vivan.
13. Eutanasia: a morte deliberada e provocada dun animal, sempre prescrita e efectuada por unha ou un profesional veterinario, coa finalidade de lle evitar sufrimento grave e irremediable ou afección grave, ou ben por razóns motivadas de sanidade animal, de saúde pública, de seguridade das persoas ou ambientais.
14. Maltrato: calquera conduta que ocasione directa ou indirectamente ao animal dor, sufrimentos ou danos evitables, tanto físicos coma psíquicos, ou a morte, sexa por acción ou omisión dolosa ou neglixente. Quedan excluídos desta definición os supostos en que concorra caso fortuíto ou forza maior.
15. Establecemento de animais de compañía: calquera recinto, instalación, edificio ou grupo de edificios, incluíndo anexos e espazos que non estean totalmente pechados ou cubertos, así como as instalacións móbiles onde se aloxen, manteñan, críen ou se preste servizos a estes animais.
TÍTULO II.- Disposicións relativas aos animais de compañía
Artigo 3.-Obrigas das persoas propietarias e posuidoras de animais de compañía.
1. A persoa propietaria ou posuidora dun animal é responsable da súa protección e benestar e deberá cumprir con todas as obrigas previstas nesta ordenanza.
2. As persoas propietarias e posuidoras de animais teñen a obriga de garantir as seguintes necesidades básicas:
a) Subministrarlles a alimentación, a auga e os coidados que estean en consonancia coas súas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas axeitados para o seu normal desenvolvemento.
b) Proporcionarlles aloxamento suficiente, cómodo, seguro, ao abeiro das inclemencias meteorolóxicas, e mantelos en boas condicións hixiénico-sanitarias e ambientais, todo conforme a súa etoloxía e as súas características físicas.
c) Sometelos ás revisións veterinarias necesarias e prestarlles todos aqueles tratamentos veterinarios preventivos, paliativos ou curativos que sexan precisos para garantir un bo estado sanitario, ou que lles eviten sufrimento, así como sometelos a calquera tratamento preventivo que sexa declarado obrigatorio para o seu benestar ou para a protección da saúde pública ou a sanidade animal.
d) Proporcionarlles o necesario exercicio físico e descanso, de acordo coas súas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas.
e) Proporcionarlles un contorno libre de estrés, medo e sufrimento, así como a posibilidade de interacción necesaria para o seu normal desenvolvemento.
3. As persoas propietarias ou posuidoras de animais teñen, ademais das anteriores, as seguintes obrigas:
a) Evitar perigos ou molestias evitables para os veciños ou para outras persoas.
Con tal finalidade, desde as 22.00 ata as 8.00 horas prohíbese deixar nos patios, terrazas, galerías ou balcóns, aves e animais en xeral que cos seus sons, ouvidos ou cantos perturben o descanso ou tranquilidade dos veciños. No resto do día tamén deberán ser retirados dos lugares especificados polas persoas propietarias ou posuidoras cando, de maneira evidente, ocasionen molestias aos ocupantes do inmoble/s veciño/s.
b) Colaborar coas autoridades e os seus axentes e mais facilitarlles canta documentación e información lles sexa requirida, así como o acceso ou a entrada aos lugares que sexa necesario, co fin de cumprir as previsións contidas nesta lei.
c) Adoptar as medidas necesarias para que os animais non poidan acceder libremente ás vías nin aos espazos públicos ou privados. No caso dos cans, deberán levalos provistos de correa e colar ou outros elementos de retención, agás os supostos establecidos nas actividades autorizadas en que os animais precisan transitar en liberdade ou naqueles lugares en que se permita que transiten en liberdade, e, en todo caso, baixo o control e a responsabilidade das persoas propietarias ou posuidoras deles, evitando danos ou molestias ás persoas viandantes ou a outros animais.
Exceptúanse do uso de correa ou doutro medio de suxeición, os cans que se utilicen en tarefas agrícolas, gandeiras ou de caza mentres desenvolvan as súas actividades no ámbito rural ou aqueles que se empreguen na caza no tempo e forma legal; os que en compañía dunha persoa responsable circulen fóra dos núcleos urbanos por parcelas agrícolas ou forestais sempre que non concorra a presencia de terceiras persoas así como os cans guía.
Non obstante o anterior, os cans potencialmente perigosos circularán sempre con bozo, mesmo nas referidas zonas.
Así mesmo, deberase impedir o libre acceso ao lugar onde se aloxen os animais das persoas ou doutros animais.
Queda prohibida a entrada de animais (agás os cans guía) en espectáculos públicos deportivos e culturais, así como en recintos de práctica de deportes e zonas de xogos infantís ou naquelas outras zonas que o Concello determine (e se sinalizarán axeitadamente) atendendo ás súas dimensións ou réxime de usos co necesario respecto á restante normativa de aplicación.
d) Recoller os excrementos que os animais depositen nas vías e nos espazos públicos e privados de uso común e depositalos de xeito hixienicamente aceptable nos colectores de recollida de lixo ou nos lugares que a autoridade municipal destine expresamente para este fin. Queda prohibido depositalas nas entradas dos sumidoiros.
Deberán ademáis, botar por riba dos seus ouriños unha solución líquida hixienizante (auga con deterxente, auga con vinagre, ou calquera outra aceptable¿) no pavimento, mobiliario urbán e paramentos verticais (paredes...) para evitar os olores e deterioros posteriores
e) Evitar a reprodución incontrolada dos animais.
f) Manter actualizados os datos comunicados aos rexistros obrigatorios previstos na Lei autonómica de protección e benestar animal.
Artigo 4.-Responsabilidade por danos.
1. En materia de responsabilidade por danos haberá que aterse ao disposto no artigo 1905 do Código civil.
2. Será obrigatoria a contratación dun seguro de responsabilidade civil nos supostos legal ou regulamentariamente previstos.
Artigo 5.-Prohibicións xenéricas.
Están prohibidas as seguintes condutas ou prácticas en relación cos animais incluídos no ámbito de aplicación desta lei:
a) O maltrato aos animais.
b) O abandono dos animais.
c) A utilización de calquera mecanismo ou utensilio que, destinado a limitar ou empecer a mobilidade dos animais, lles produza dor, danos, sufrimentos, menoscabo ou estrés innecesarios, en especial os que lles impidan manter a cabeza na posición natural, agás prescrición veterinaria. Neste sentido, prohíbese manter os animais da especie canina atados de forma permanente ou limitarlles os movementos que son necesarios durante a maior parte do día, así como o emprego de instrumentos ou métodos daniños de suxeición, retención ou educación, como os colares eléctricos que produzan descargas.
d) Non proporcionar aos animais a auga e a alimentación abondas e adecuadas ás súas necesidades, agás por prescrición veterinaria.
e) Manter os animais en condicións inadecuadas, desde o punto de vista hixiénicosanitario ou ambiental, ou desatender o coidado e a atención necesarios, de acordo coas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas segundo a raza e a especie.
f) Obrigar os animais a desempeñaren traballos ou actividades nos que o esforzo exixido supere a súa capacidade ou ben se poña en perigo a súa saúde.
g) Empregar animais en atraccións feirais e outras asimilables.
h) Practicar mutilacións aos animais, incluídas aquelas que teñan como finalidade o mantemento das características dun tipo racial ou estéticas. Exclúense aquelas mutilacións necesarias por razóns médico-cirúrxicas, de esterilización, por exixencia funcional ou por supoñer un beneficio futuro para o animal, as cales deberán ser, en todo caso, prescritas e realizadas por unha ou un profesional veterinario.
i) Regalar animais como recompensa, premio ou gratificación en eventos ou atraccións públicas,
j) Utilizar animais en pelexas, festas, espectáculos ou calquera outra actividade que leven consigo malos tratos, crueldade ou sufrimento.
l) O emprego e a tenza de animais de especies silvestres nos circos.
m) A filmación ou realización de escenas para cine, televisión ou calquera outro medio audiovisual que recollan escenas de crueldade, maltrato, morte ou sufrimento de animais, agás autorización da consellaría competente en materia de protección animal, co fin de garantir que o dano sexa simulado e que os produtos e os medios empregados non provoquen ningún prexuízo ao animal.
n) A utilización de calquera tipo de produtos ou substancias farmacolóxicas para modificar o comportamento natural dos animais que se utilizan para o traballo fotográfico, publicitario, de exposición ou exhibición.
ñ) Exercer a mendicidade ou calquera outra actividade ambulante utilizando animais como medio de publicidade ou reclamo destas actividades.
o) Alimentar os animais vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, agás situacións que poidan comprometer o benestar dos animais.
Polo que respecta ás colonias felinas, o concello dispón dun rexistro destas e un grupo de persoas voluntarias que, coordinadas e fornecidas polo concello, alimenta e coida aos seus integrantes.
p) Dar educación agresiva, estresante ou violenta aos animais, así como de instigación ou preparación para pelexas ou ataques, quitando os adestradores de cans de empresas de seguridade legalmente habilitadas e de corpos e forzas de seguridade do Estado e as excepcións previstas no artigo 11 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos. Neste punto, prohíbese expresamente implicar os animais en pelexas, ataques ou agresións, incluíndo a súa organización, así como encirralos, permitirlles ou non impedirlles atacar unha persoa ou calquera outro animal.
TÍTULO III.- Entrada, circulación e transporte de animais
Artigo 6
1. Queda absolutamente prohibida a entrada e permanencia de animais :
a) Nos locais ou lugares destinados á preparación, a venda, o almacenamento, o transporte ou a manipulación de alimentos.
b) Malia o anterior, as persoas propietarias de hoteis, pensións, restaurantes, bares, cafetarías e similares poderán autorizar ao seu criterio a entrada e permanencia dos animais de compañía nos seus establecementos, para o que deberán mostrar un distintivo que o indique nun lugar visible á entrada do establecemento.
En establecementos hoteleiros e pensións, a estadía de animais de compañía estará condicionada a unhas óptimas circunstancias hixiénicas de aloxamento e á inexistencia de calquera tipo de incomodidade ou molestia para os residentes. O propietario dos animais é, en todo momento, responsábel dos seus actos e deberá presentar a súa identificación acreditativa perante calquera axente da autoridade que o requira.
2. O acceso e permanencia dos animais en lugares comunitarios privados o nas súas dependencias, tales como sociedades culturais, recreativas ou similares, zonas de uso común de comunidades de veciños ou outras, estará suxeito ás normas que rexan nas ditas entidades.
3. En todo caso, exceptúanse das prohibicións establecidas nesta alínea os cans de asistencia e os pertencentes ás Forzas Armadas e aos corpos e forzas de seguridade do Estado, do ámbito autonómico e local, así como os das empresas de seguridade legalmente habilitadas e os dos corpos de salvamento e rescate.
4. Prohíbese a circulación e permanencia de cans, cabalos e outros animais en todas as praias do Concello entre os meses de maio a setembro (ambos inlusive), agás no areal habilitado precisamente para eles no municipio e no caso dos cabalos faise extensible esta prohibición da permanencia e circulación nos cascos urbanos durante todo o ano.
Excepcionalmente e con fin de tránsito, os cabalos poderán circular coa debida precaución pola Avda. Federico Expósito con dirección Pedrós, Cervás e Mugardos, quedando expresamente suxeitos ás obrigas recollidas nesta ordenanza en canta ás deposicións. Excepcionalmente poderá, previa autorización, usarse cabalos para eventos como vodas, para desprazar vehículos articulados ou individualmente.
5. Queda prohibida a entrada de animais en espectáculos públicos deportivos e culturais, así como en recintos de práctica de deportes e de xogos infantís ou naqueloutras zonas que o Concello determine atendendo ás súas dimensións ou réxime de usos.
6. Autorízase o traslado de animais nos taxis sempre que así o autorice o conductor. Este traslado estará sempre condicionado a que sexan sostidos polos seus donos de forma que non ocupen os asentos.
7. O transporte de animais en vehículos particulares realizarase de forma que non poidan perturbar a acción do conductor nin se comprometa a seguridade do tráfico e de acordo coas normas previstas no Código da circulación.
8. Queda prohibido o transporte de animais de compañía nos maleteiros totalmente pechados e sen ventilación axeitada, así como levalos atados a vehículos de motor en marcha.
TÍTULO IV.- Licenzas ou comunicacións previas
Artigo 7
Sen prexuízo do esixido nas demais disposicións que sexan aplicables, as actividades que seguen, estarán suxeitas á obtención dunha licencia municipal previa nos termos que determina, de ser o caso, o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas:
1. Os establecementos hípicos, sexan ou non de tempada, con instalacións fixas ou non, que garden cabalos para a práctica da equitación con fins deportivos, recreativos ou turísticos.
2. Os centros para animais de compañía destinados á reproducción, aloxamento temporal ou permanente ou á subministración de animais para vivir domesticados nas casas, principalmente cans, gatos e aves ou outros cánidos destinados á caza e ao deporte, e que se dividen en:
- Lugares de cría: para a reproducción e subministración de animais a terceiros.
- Residencias: establecementos destinados a aloxamento temporal.
- Canceiras deportivas: establecementos destinados á práctica do deporte en canódromos.
- Fatos: establecementos destinados a gardar animais para a caza.
3. Centros ou agrupacións diversas non comprendidas entre os anteriores. Clasifícanse en:
- Paxareiras: para a reproducción ou a subministración de pequenos animais, principalmente pequenas aves, con destino aos domicilios.
- Subministradores de laboratorios: para a producción e a subministración de animais con fins de experimentación científica.
- Zoos ambulantes, circos e entidades asimiladas.
- Comercios dedicados á venda de animais de acuario ou terrario, como peixes, arácnidos ou réptiles.
- Instalacións dedicadas á cría de animais para aproveitamento da pel.
4. Se unha persoa física o xurídica ten dous o máis animais de compañía para criar con finalidades comerciais, deberá solicitar e obter a correspondente licencia das autoridades municipais.
5. A celebración de todo tipo de eventos con participación de animais.
Artigo 8
1. As persoas agredidas por animais darán inmediatamente conta do feito ás autoridades sanitarias.
Artigo 9
2. Queda absolutamente prohibido o abandono na vía pública de cadáveres de calquera especie animal.
CAPÍTULO II
TÍTULO I.- Identificación de cans e animais potencialmente perigosos
Artigo 10.-Identificación obrigatoria.
A identificación dos animais da especie canina é obrigatoria sen excepción. O animal deberá ser identificado dentro dos seus tres primeiros meses de vida e, en todo caso, antes de ser obxecto de transmisión atendendo á normativa autonómica de aplicación.
Artigo 11.-Rexistro de animais potencialmente perigosos.
1.-O contido do rexistro de animais potencialmente perigosos é o establecido no Decreto 153/98, do 2 de abril, e Lei 50/1999, do 23 de decembro, e Decreto 90/2002, do 28 de febreiro.
1. A tenza e a custodia dos animais potencialmente perigosos requirirán a obtención previa da licenza administrativa outorgada polo concello correspondente nos termos previstos no artigo 3 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos. Para os efectos da expedición da licenza no caso de persoas posuidoras distintas á propietaria do animal, será válido o seguro de responsabilidade civil subscrito por esta última. No caso de posuír varios animais potencialmente perigosos será exixible unha única licenza, sempre e cando todos os animais conten co correspondente seguro de responsabilidade civil. A licenza terá un período de validez de cinco anos e poderá ser renovada por períodos sucesivos de igual duración.
2. Os animais potencialmente perigosos deberanse inscribir no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos no prazo de quince días desde a obtención da licenza municipal para a tenza de animais potencialmente perigosos. No suposto previsto no punto 1 deste artigo, para o caso do segundo e posteriores animais, o dito prazo comezará a computarse desde a adquisición do animal.
3. Os propietarios ou posuidores de cans están obrigados a identificalos mediante un implante electrónico antes dos tres meses de idade ou ao mes da súa adquisición e a rexistralos.
4. O implante electrónico deberá ter as seguintes características:
* Estar pre-programado sen que permita a súa modificación posterior.
* O sistema ten que manterse operativo a temperaturas ata os 70.º C.
* O código alfanumérico será único para cada animal, sen que poidan existir dous ou máis animais co mesmo código.
* A estructura do código alfanumérico que incorporen deberá cumprir co establecido na norma ISO 11.784.
* O sistema de intercambio de enerxía entre o dispositivo e o lector deberá cumprir co establecido na norma ISO 11.785.
* O tamaño será inferior a 12 milímetros de longo e 2,5 milímetros de ancho.
* Estarán dotados dun sistema antimigratorio e o seu recubrimento deberá ser biocompatíbel.
* Presentaranse individual e convenientemente esterilizados en envase que conteña a agulla e o inxector, e incluirá un mínimo de tres etiquetas co código de barras que conteña o código alfanumérico.
* A implantación no animal do código establecido será efectuada por un veterinario, nomeado para o efecto pola autoridade competente.
5. A morte, desaparición, cambio de domicilio ou transferencia de propiedade dos animais serán comunicados polos propietarios ou posuidores ao servicio correspondente dentro do período dos dez días seguintes a que se produzan.
6. O animal deberá ser identificado en presencia do seu propietario, figurando os seus datos nome, apelidos, enderezo, teléfonos de contacto e documento oficial de identificación e a súa sinatura no impreso oficial de identificación. Os responsábeis do rexistro e censo, despois de recibir a documentación remitida polo veterinario, no que constarán o nome, enderezo, número de colexiado, data na que se realiza a implantación da identificación e a entrega do documento ó propietario, e no caso de animais potencialmente perigosos o número de veterinario colaborador, procederán a procesar os datos e enviarán ao propietario do animal o documento acreditativo da identificación.
7. Os datos dos propietarios gozarán da confidencialidade e reserva que establece a normativa vixente nesta materia.
8. Neste rexistro e censo levarase nota de: baixas, perdas ou traslados fóra do Concello así como cantos cambios se produzan na titularidade.
9. Rexistro e Censo Municipais poderán ser consultados por tódalas administración públicas e autoridades competentes, así como por aquellas persoas físicas ou xurídicas que acrediten interés lexitimo nos datos que constan nel. En todo caso, o tratamento dos datos será acorde co disposto na Ley 3/2018 de 5 de decembro, de Protección de Datos persoais e garantía dos dereitos dixitais . Neste senso serán responsable dos ficheiros o Secretario Xeral do Concello ou persoa en quen delegue.
10. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición os datos contidos no Rexistro e Censo exercitaranse mediante á presentación da correspondente solicitude no rexistro xeral do Concello.
11. Os datos do Rexistro e Censo Municipal, que constarán en soporte informático, deberán ser remitidos ó Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía no prazo máximo de 15 días contados dende o momento da inscripción dun animal potencialmente perigoso.
12. Todos os animais que figuren así inscritos, disporán da correspondente cartilla sanitaria na que constarán todos os antecedentes de identificación e sanitarios desde a súa primeira inscrición ata a morte do animal. Esta cartilla deberá estar a disposición das autoridades para súa comprobación cando fose requirido o posuidor para a súa presentación.
Artigo 12.-Obrigas dos posuidores de animais potencialmente perigosos en materia de seguridade cidadá.
1. Os propietarios, criadores ou posuidores de animais potencialmente perigosos terán a obriga de cumprir todas as normas de seguridade cidadá, establecidas na lexislación vixente e na lexislación sobre protección animal de Galicia, de xeito que garantan a óptima convivencia destes animais cos seres humanos e se eviten molestias á poboación.
2. As instalacións destinadas a albergar animais potencialmente perigosos pertencentes á fauna silvestre alóctona ou exótica precisarán cumprir as medidas de seguridade que eviten a fuxida destes animais. Todas as instalacións destinadas a albergar animais potencialmente perigosos deberán reunir como mínimo as seguintes medidas de seguridade:
a) As paredes e valados serán suficientemente altos e consistentes e deberán estar fixadas co fin de soportar o peso e a presión do animal, evitando as fuxidas.
b) As portas das instalacións deben ser resistentes e estar deseñadas para evitar que os animais poidan abrir os mecanismos de seguridade, sen producirlles danos.
c) O recinto estará sinalizado coa advertencia de que se atopa no interior un animal potencialmente perigoso.
3. As instalacións en que se alberguen animais potencialmente perigosos deberán reunir as condicións establecidas na normativa sobre protección animal en Galicia, tendo en conta as especificacións técnicas correspondentes a cada especie.
4. Os animais potencialmente perigosos terán que circular, nas vías públicas e nos lugares e espacios de uso público en xeral, atados con cadea ou correa non extensíbel de lonxitude non superior a dous metros, provistos do correspondente bozo homologado e axeitado para a súa raza, e en ningún caso poderán ser conducidos por un menor de dezaseis anos.
Artigo 13.-Excepcións no cumprimento das obrigas dos propietarios de animais potencialmente perigosos.
1. Cando as circunstancias así o aconsellen, poderanse establecer excepcións ao cumprimento de determinadas obrigas dos propietarios nos casos de:
a) Organismos públicos ou privados que utilicen estes animais cunha función social.
b) Explotacións agrarias que utilicen cans de garda, defensa e manexo de gando, así como actividades de carácter cinexético.
c) Probas de traballo e deportivas con fins á selección dos exemplares que participan nelas e que están autorizadas e supervisadas pola autoridade competente, con exclusión dos exercicios para pelexas e ataque, segundo o disposto no decreto 90/2002.
2. As establecidas pola autoridade competente en función do artigo 13.2 do Decreto 90/2002.
Artigo 14.-Cans gardiáns.
As persoas que utilicen cans para a vixilancia de predios, obras ou calquera outra propiedade, deberán cumprir coas condicións establecidas na normativa autonómica e estatal de referencia e, en todo caso, daranlles alimento, aloxamento, espacio e curas axeitadas, ademais de telos debidamente censados e identificados. Así mesmo, deberán estar baixo a vixilancia e control do dono do inmoble de forma que non poidan causar danos ás persoas, a outros animais ou ás cousas.
Advertirase en lugar visible a existencia dun can gardián.
CAPÍTULO III
TÍTULO I.- Animais domésticos
Artigo 15.-Obrigas específicas das persoas posuidoras e propietarias de animais domésticos.
1. Sen prexuízo das obrigas establecidas no artigo 3, correspóndenlles ás persoas posuidoras ou propietarias de animais domésticos as seguintes obrigas específicas:
a) A esterilización dos cans de asistencia segundo a súa normativa específica, así como dos cans que se manteñan en polígonos industriais e obras.
b) Sen prexuízo do establecido no artigo 3, prohíbese levar ceibos nas vías e espazos públicos os cans e os demais animais domésticos, que deberán ir provistos de correa e colar ou outro elemento de retención, agás naqueles lugares nos que se permita que transiten en liberdade e, en todo caso, baixo o control e a responsabilidade dos posuidores ou das posuidoras daqueles. Malia o anterior, nos carreiros e camiños no ámbito rural poderase levar solto o animal doméstico sempre que non se ocasione danos, molestias nin riscos ás persoas, a outros animais e ás cousas.
c) Cando se produza un cadro de agresión por parte dun animal doméstico, deberanse facilitar os datos do animal e da persoa responsable del tanto á persoa agredida ou aos seus representantes legais coma ás autoridades competentes, sen prexuízo da obriga de o someter ao control veterinario previsto no artigo 18.1.
d) Comunicar ao Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía o extravío ou a morte do animal doméstico, no caso de inscrición obrigatoria, no prazo máximo de setenta e dúas horas desde que se teña coñecemento de tales feitos.
2. A tenza de animais domésticos en recintos ou vivendas privadas queda condicionada ás necesidades etolóxicas de cada especie e raza, ao espazo, ás circunstancias hixiénicas óptimas e á adopción das axeitadas medidas de seguridade, sen prexuízo do disposto nas normas que constitúan o réxime interior das comunidades de veciños. A tenza ou posesión de máis de cinco animais, maiores de tres meses, pertencentes á especie canina, estará sometida á obriga de comunicación previa á consellaría competente en materia de protección animal, de acordo co procedemento que se estableza regulamentariamente.
Non obstante, cando a xuízo das autoridades autonómicas competentes en materia de sanidade e benestar animal, a tenza destes animais poida comportar un risco sanitario ou se precisen condicións diferentes ás existentes para garantir o seu benestar e protección, deberá ser obxecto de autorización .
3. Sen prexuízo das competencias da Xunta de Galicia en materia de vacinación obrigatoria dos animais domésticos e tendo en conta o carácter voluntario de tal tratamento, aconséllase a desparasitación externa e interna (hidatidose), así como a vacinación de cans e gatos.
Artigo 16.-Recollida e acollemento dos animais vagabundos e extraviados.
O concello recollerá os animais domésticos vagabundos e extraviados que deambulen polo seu termo municipal e trasladaráos ao refuxio de Mougá, titularidade da Mancomunidade de municipios de Ferrolterra ata que sexan retirados polos seus propietarios ou propietarias, sexan acollidos temporalmente ou adoptados, ou ben se lles dea outro destino autorizado legal ou regulamentariamente.
CAPÍTULO IV.- Das infraccións e sancións
Artigo 17
1. Os axentes da autoridade e cantas persoas precisen ou coñezan feitos contrarios ao establecido nesta ordenanza teñen o deber de denunciar aos infractores.
Artigo 18
1. Para os efectos desta ordenanza será infracción administrativa o incumprimento das obrigas, das prohibicións e dos requisitos establecidos nela, así como o das condicións impostas nas autorizacións administrativas outorgadas ao seu abeiro.
2. A responsabilidade administrativa será esixible sen prexuízo do que corresponda no ámbito civil ou penal.
3. Nos casos de espectáculos prohibidos, incorrerán en infracción administrativa non só os seus organizadores senón tamén os donos dos locais ou terreos en que se realicen, a título oneroso ou gratuíto, así como terceiras persoas que dun xeito ou outro participen.
4. Considéranse responsables das infraccións os que por erro ou omisión participaran na súa comisión, a persoa propietaria ou posuidora dos animais ou de ser o caso, o titular do establecemento, local ou medio de transporte en que se produciron os feitos e, neste caso, o encargado do transporte.
Artigo 19
As infraccións clasificaranse en leves, graves e moi graves, atendendo a criterios de risco para a saúde e seguridade das persoas, grao de neglixencia, gravidade do prexuízo producido e reincidencia.
Artigo 20
A tipificación das infraccións realízase de acordo coa Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia
Artigo 21.-Infraccións leves.
Teñen a consideración de infraccións administrativas leves as seguintes:
a) A venda, doazón ou cesión de animais a menores de dezaseis anos ou a persoas incapacitadas sen autorización de quen teña a súa patria potestade, tutela ou custodia.
b) O regalo de animais de compañía como recompensa ou premio en eventos ou atraccións públicas.
c) A exhibición dos animais de compañía destinados á venda en escaparates ou zonas expostas á vía pública ou a modo de reclamo comercial.
d) Non manter os animais en condicións hixiénico-sanitarias axeitadas e/ou non someter os animais aos recoñecementos veterinarios precisos.
e) Manter os animais en instalacións que non reúnan os requisitos previstos nesta ordenanza ou na lei autonómica de referencia.
f) Non facilitar aos animais a alimentación e bebida abondas e axeitadas ás súas necesidades, agás por prescrición veterinaria, salvo que o prexuízo para o animal sexa grave ou moi grave. De se producir un dano para o animal grave ou moi grave, esta conduta cualificarase como un suposto de maltrato tipificado nos artigos 22.a) ou 23.a), segundo as consecuencias que diso deriven.
g) Exercer a venda de animais domésticos fóra dos establecementos legalmente autorizados.
h) Transportar animais en condicións inaxeitadas ou en maleteiros que non estean especialmente adaptados, incumprindo as obrigas previstas nesta ordenanza ou na lei automónica de referencia, sempre que os animais non sufran danos. De se producir danos no animal, esta infracción cualificarase como infracción grave tipificada no artigo 22.j).
i) A non recollida inmediata dos excrementos evacuados por un animal de compañía na vía pública así como non rociar a zona na que acaba de ouriñar coa solución líquida hixienizante.
j) Alimentar os animais vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, agás situacións que poidan comprometer o benestar dos animais.
k) Non adoptar as medidas necesarias para impedir que o animal poida acceder libremente ás vías ou aos espazos públicos ou privados, así como non impedir o libre acceso do animal a outros animais ou o contacto sen permiso con persoas ou cousas, e así mesmo non impedir a entrada do animal en recintos ou lugares non autorizados.
l) Manter no mesmo recinto ou en vivenda privada máis de cinco animais, incumprindo os requisitos previstos nesta ordenanza.
m) Non manter actualizados os datos comunicados aos rexistros obrigatorios previstos na lei autonómica.
n) Non contar coa formación necesaria para o manexo e a atención dos animais aloxados nos centros de cría, venda e importación de animais.
ñ) Calquera outra actuación que supoña un incumprimento das obrigas establecidas nesta ordenanza, ou vulneración das prohibicións previstas nela e que non estea tipificada como infracción grave ou moi grave.
Artigo 22.-Infraccións graves.
Teñen a consideración de infraccións administrativas graves as seguintes:
a) O maltrato aos animais que lles cause dor, sufrimento, lesións ou danos non invalidantes nin irreversibles.
b) Non proporcionar aos animais os tratamentos necesarios para evitar o seu sufrimento.
c) A non identificación dos animais, cando esta sexa obrigatoria conforme o previsto nesta lei.
d) A utilización de calquera mecanismo ou utensilio que, destinado a limitar ou empecer a mobilidade dos animais, lles produza dor, danos, sufrimento, menoscabo ou estrés innecesario, en especial os que lles impidan manter a cabeza na posición natural, agás prescrición veterinaria, ou manter os animais da especie canina atados de forma permanente ou limitarlles os movementos que son necesarios durante a maior parte do día, e o emprego de instrumentos ou métodos daniños de suxeición, retención ou educación, como os colares eléctricos que produzan descargas.
e) Levar animais atados a vehículos a motor en marcha.
f) Non adoptar as medidas necesarias para evitar a reproducicón incontrolada dos animais, consonte o previsto nesta ordenanza.
g) O abandono dos animais de compañía, nos termos previstos nesta ordenanza.
h) A venda reiterada de animais domésticos fóra dos establecementos legalmente autorizados. Enténdese por venda reiterada o feito dunha persoa ter sido denunciada pola comisión desta infracción ata en dúas ocasións no prazo dun ano.
i) A venda de animais silvestres mantidos en catividade fóra dos establecementos autorizados.
j) O incumprimento das obrigas establecidas no artigos anteriores para os establecementos e no para os eventos con animais de compañía, excepto o establecido como infracción moi grave no artigo 23.c) seguinte, e o transporte inaxeitado de animais de compañía incumprindo as obrigas previstas no artigo 7 desta ordenanza, sempre que os animais sufran danos.
k) A utilización dos animais en traballos que os inmobilicen causándolles dor.
l) A venda de animais enfermos ou con defectos coñecidos pola parte vendedora, agás o disposto no artigo 23.d).
m) Non ter subscrito o seguro de responsabilidade civil no suposto previsto no artigo 11 desta ordenanza.
n) A negativa ou resistencia a subministrar datos ou a facilitar a información requirida polas autoridades competentes, ou os seus axentes, co fin de cumprir as funcións establecidas nesta ordenanzam así como a subministración intencionada de información inexacta ou de documentación falsa.
o) Empregar animais para desempeñar traballos contravindo o establecido na ordenanza, utilizalos como reclamo na mendicidade ou en calquera outra actividade ambulante, ou o seu uso en atraccións feirais e outras asimilables, agás autorización da autoridade competente.
p) A comisión dunha infracción administrativa leve cando no prazo dun ano o suxeito fose sancionado por unha ou máis infraccións leves e a resolución ou as resolucións sancionadoras resultasen firmes na vía administrativa.
Artigo 23.-Infraccións moi graves.
Teñen a consideración de infraccións moi graves as seguintes:
a) O maltrato aos animais que lles cause a morte ou lles provoque lesións ou danos invalidantes ou irreversibles.
b) A manipulación da identificación dos animais de compañía en todos os supostos.
c) A organización e realización de pelexas, festas, espectáculos ou calquera outra actividade que leve consigo malos tratos, crueldade ou sufrimento.
d) A venda de animais con doenza infecto-contaxiosa coñecida pola parte vendedora.
e) A mutilación dos animais sen prescrición e control veterinario e máis a esterilización e intervención cirúrxica de animais non efectuadas por unha ou un profesional veterinario.
f) A subministración de estimulantes non autorizados ou de substancias que poidan atentar contra a saúde dos animais de compañía, agás prescrición veterinaria.
g) A contravención da orde de inmobilización dos animais acordada polas autoridades competentes.
h) A obstaculización do cumprimento das medidas provisionais.
i) Educar os animais de forma agresiva, estresante ou violenta, así como instigalos ou preparalos para pelexas ou ataques nos termos sinalados nesta ordenanza.
j) Non tomar as medidas necesarias para evitar que os animais causen danos á saúde pública ou animal ou á seguridade pública.
k) O emprego e a tenza de animais de especies silvestres nos circos.
l) A comisión dunha infracción administrativa grave cando no prazo dun ano o mesmo suxeito fose sancionado pola comisión dunha ou varias infraccións graves e a resolución ou as resolucións sancionadoras resultasen firmes na vía administrativa.
CAPÍTULO V.- Sancións
Artigo 24.-Sancións pecuniarias.
1. As infraccións administrativas tipificadas no capítulo anterior serán obxecto das seguintes sancións:
a) As infraccións leves, apercibimento ou sanción económica de 100 a 500 euros.
b) As graves, con multas de 501 a 5.000 euros.
c) As moi graves, con multas de 5.001 a 30.000 euros.
2. A corrección da situación creada pola comisión dunha infracción grave ou moi grave efectuada en calquera momento anterior á finalización do procedemento administrativo sancionador determinará a aplicación da sanción no grao medio da escala correspondente ás infraccións de gravidade inmediatamente inferior.
Artigo 25.-Sancións accesorias.
O órgano competente para resolver poderá impoñer, ademais das multas indicadas no artigo anterior, as sancións accesorias seguintes:
1. O comiso dos animais, no caso da comisión de infraccións graves e moi graves.
2. A prohibición temporal do exercicio dalgunha das actividades reguladas por esta lei no exercicio da cal se cometeu a infracción, por un período de entre un e cinco anos para as infraccións graves e de cinco a dez anos, ou a prohibición definitiva, para as infraccións moi graves.
3. A prohibición para a tenza de animais de compañía por un período de entre un e cinco anos para as infraccións graves e de cinco ata dez anos para as moi graves.
4. A baixa nos rexistros previstos no articulado desta ordenanza.
5. A revogación ou a retirada das licenzas, acreditacións ou autorizacións outorgadas ao abeiro desta ordenanza, pola comisión de infraccións graves ou moi graves.
Artigo 26.-Graduación das sancións.
1. A imposición das sancións previstas nesta lei graduarase de conformidade co previsto no artigo 29.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, tendo en conta ademais os seguintes criterios:
a) A transcendencia social ou sanitaria e a natureza do prexuízo causado pola infracción.
b) ánimo de lucro e a contía do beneficio económico obtido na comisión da infracción.
c) O asañamento ou o grao de crueldade na comisión da infracción.
d) A reincidencia, pola comisión no termo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza cando así fose declarado por resolución firme na vía administrativa. Se concorre a reincidencia, a sanción pecuniaria que se debe impoñer incrementarase nun cincuenta por cento da contía máxima prevista da escala correspondente ao tipo infractor.
e) A intencionalidade.
f) A realización de actos para ocultar o seu descubrimento.
g) A agrupación e organización para a comisión da infracción.
h) O número de animais afectados.
2. As infraccións administrativas cometidas por persoas que, polo seu cargo ou función, están obrigadas a facerlles cumprir aos demais os preceptos desta ordenanza serán sancionadas, sen prexuízo das demais responsabilidades que poidan concorrer, con multa da contía máxima da escala do artigo 24.1 correspondente ao tipo de infracción de que se trate.
3. No suposto de que uns mesmos feitos sexan constitutivos de dúas ou máis infraccións administrativas das previstas nesta ordenanza impoñerase a sanción correspondente á infracción de maior gravidade, que se graduará atendendo a cualificación e o número de infraccións concorrentes.
4. As sancións que se impoñan aos distintos responsables dunha mesma infracción terán entre si carácter independente.
CAPÍTULO VI.- Competencia, prescrición, caducidade e publicidade
Artigo 27.-Reposición da situación alterada e reparación dos gastos e dos danos e perdas.
As sancións que se poidan impoñer á persoa infractora son compatibles coa exixencia da reposición da situación alterada ao seu estado orixinario, así como coa indemnización polos danos e perdas causados que se determine na resolución sancionadora. Neste sentido, a persoa infractora deberá aboar a totalidade dos gastos derivados da comisión da infracción e, en especial, os xerados pola recollida, o mantemento e os tratamentos sanitarios dos animais.
Artigo 28.-Competencia sancionadora.
1. O procedemento sancionador previsto nesta lei tramitarase de conformidade coa lexislación do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Corresponde ao concello a incoación e tramitación dos procedementos incoados pola comisión de infraccións tipificadas como leves nas alíneas c), i) e j) do artigo 21 desta ordenanza.
3. Corresponde á consellaría competente en materia de protección animal a incoación e tramitación dos expedientes sancionadores no caso das restantes infraccións cualificadas como leves e polas infraccións cualificadas como graves e moi graves. A incoación e a instrución destes expedientes sancionadores corresponden ás xefaturas territoriais previstas no artigo 35 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, da consellaría competente en materia de protección animal.
4. A resolución do procedemento sancionador corresponderá:
a) Á persoa titular da alcaldía nos procedementos incoados pola comisión de infraccións leves tipificadas nas alíneas c), i) e j) do artigo 22 desta lei, e ás persoas titulares das xefaturas territoriais previstas no artigo 35 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, da consellaría competente en materia de protección animal nos demais supostos de infraccións leves, agás as previstas na alínea b) seguinte.
b) Á persoa titular da dirección xeral competente en materia de protección animal nos procedementos incoados pola comisión de infraccións administrativas cualificadas como graves,
c) Á persoa titular da consellaría competente en materia de protección animal nos procedementos incoados pola comisión de infraccións cualificadas como moi graves.
Artigo 29.-Prescripción das infraccións e sancións.
1. As infraccións administrativas leves prescribirán no prazo dun ano, as infraccións graves no prazo de dous anos e as moi graves no prazo de tres anos.
O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese. No caso de infraccións continuadas ou permanentes, o prazo comezará a correr desde que rematase a conduta infractora.
2. As sancións administrativas impostas por infraccións leves prescribirán aos dous anos, por infraccións graves aos tres anos e por infraccións moi graves aos catro anos, contados desde o día seguinte a aquel en que sexa executable a resolución pola que se impón a sanción ou transcorrese o prazo para presentar recurso contra ela. No caso de desestimación presunta do recurso de alzada interposto contra a resolución pola que se impón a sanción, o prazo de prescrición da sanción comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo legalmente previsto para a resolución do dito recurso.
Artigo 30.-Caducidade do procedemento sancionador.
1. Nos procedementos sancionadores instruídos en aplicación desta ordenanza deberá ditarse e notificarse a oportuna resolución no prazo máximo dun ano, contado a partir do momento en que se acordou a súa iniciación.
2. A falta de notificación da resolución á persoa interesada no devandito prazo determinará a caducidade do procedemento, agás nos supostos en que o procedemento se paralizase por causas imputables ás persoas interesadas ou se acordase a súa suspensión nos casos previstos no artigo 22 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o que interromperá o cómputo do prazo para resolver e notificar a resolución.
3. Ao se iniciar un procedemento sancionador, de os feitos poderen ser presuntamente constitutivos de delito ou falta, poñerase en coñecemento do Ministerio Fiscal, con remisión do actuado. En aplicación do principio de non bis in idem, a instrución de causa penal perante os tribunais de xustiza suspenderá a tramitación do expediente administrativo sancionador que fose incoado polos mesmos feitos.
Artigo 31.-Publicidade das sancións.
1. O órgano competente para resolver o procedemento sancionador poderá acordar por razón de exemplaridade que se dea publicidade ás sancións impostas pola comisión de infraccións graves ou moi graves, cando a especial transcendencia social, sanitaria ou a natureza do prexuízo causado, o asañamento ou grao de crueldade ou o número de animais afectados motiven a adopción de tal medida. A publicidade destas sancións requirirá que as devanditas sancións adquiran firmeza na vía xudicial.
2. A publicidade das sancións efectuarase no Boletín Oficial da Provincial da Coruña, facéndose indicación expresa na publicación das persoas físicas ou xurídicas responsables e das infraccións cometidas.
Disposición adicional. Réxime sancionador
1. As infraccións administrativas en materia de animais potencialmente perigosos sancionaranse de conformidade coa Lei 50/1999, do 23 de decembro, coa excepción das infraccións en materia de identificación destes animais, que se sancionarán de acordo con esta lei.
Disposición transitoria. Procedementos administrativos en tramitación
1. Aos procedementos sancionadores que se encontren en tramitación á entrada en vigor desta ordenanza seranlles aplicables as disposicións sancionadoras vixentes no momento de se produciren os feitos que constitúan infracción administrativa. As disposicións sancionadoras producirán efecto retroactivo en canto favorezan a persoa presuntamente infractora ou infractora, tanto no referido á tipificación da infracción coma á sanción e aos seus prazos de prescrición, incluso respecto das sancións pendentes de cumprimento á entrada en vigor desta ordenanza.
2. O resto de procedementos administrativos en tramitación á entrada en vigor desta ordenanza tramitaranse pola normativa vixente baixo a que iniciaron a súa tramitación.
Disposición derrogatoria. Derrogación normativa
1. Queda derrogada a Ordenanza ORDENANZA REGULADORA DA TENENCIA, DEFENSA E CUSTODIA DOS ANIMAIS DE COMPAÑÍA publicada o 04.08.2008 e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan o disposto nesta ordenanza.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta ordenanza entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.