Noia - ORDENANZA PARA O USO DA LINGUA GALEGA NO CONCELLO DE NOIA
Limiar
A lingua é unha ferramenta comunicativa mediante a cal unha comunidade se pode relacionar entre si. Ademais, a lingua é a creación colectiva máis importante e a manifestación de identidade máis relevante dun pobo, xa que na súa formación colaboran todas as persoas dese pobo ao longo de toda a súa historia. O galego, lingua propia de Galicia, é, por tanto, o noso máximo expoñente e valor como comunidade e é a nosa ferramenta comunicativa máis próxima e eficaz.
No decorrer da historia, a lingua galega, a creada aquí, coñeceu un longo período de normalidade, pois foi durante séculos o idioma vehicular de uso común en todos os ámbitos, mais despois, por mor dos acontecementos da historia, o castelán penetrou nos contextos formais, co cal o galego quedou relegado aos usos informais. Xa no século XVIII, apareceron voces que reclamaban a restitución do uso do galego en todos os ámbitos. Estas voces multiplicáronse durante o século XIX e, xa a comezos do século XX, en Galicia xurdiron entidades fundamentais para a nosa lingua, destacando as Irmandades da Fala ou a Real Academia Galega.
Logo do Estatuto de autonomía de 1936, onde se recoñecía legalmente a oficialidade do galego, a Guerra Civil e a posterior ditadura malograron a aplicación desta lexislación. Coa instauración da democracia no Estado español, danse as condicións propias para a necesaria normalización da lingua galega. A Constitución española de 1978 proclama a «vontade de protexer a todos os españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas, tradicións, linguas e institucións». No artigo 3.2, establece que as linguas españolas distintas ao castelán serán oficiais nas súas respectivas comunidades de acordo con cada estatuto. A promulgación do Estatuto de autonomía de Galicia en 1981 institúe o galego como a lingua propia de Galicia. O artigo 5 do Estatuto proclama a lingua galega como oficial de Galicia e desenvolve este precepto ao lles encomendar aos poderes públicos que garantan o uso normal e oficial da lingua galega e que potencien o seu emprego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e engade que «disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento» (art. 5.3). Así, a proclamación da oficialidade da lingua galega confírelles unha serie de obrigas aos poderes públicos. Deben utilizala como lingua de uso normal de comunicación entre eles e nas súas relacións coa cidadanía. Ao mesmo tempo, as cidadás e os cidadáns adquiren unha serie de dereitos lingüísticos que deben ser respectados pola Administración. A Lei 3/1983, de normalización lingüística, desenvolve máis os preceptos estatuarios. A Xunta de Galicia ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As corporacións locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta lei (art. 6.4). Con posterioridade a esta, fóronse aprobando ordes e decretos que veñen completar o marco legal para asegurar a recuperación plena do uso do idioma galego na Administración local, de xustiza, etc. Neste sentido, a Lei 5/1988, de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais, no artigo 1 dispón que «as convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia redactaranse en lingua galega».
O Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, recolle como obxectivos específicos para a Administración local ¿consolidar o papel normalizador das corporacións locais e das deputacións por medio da xeneralización do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos seus administrados", ¿incluír a promoción do galego, no concepto de servizo que o concello e a comarca lle ofrecen ao cidadán, tanto directamente como a través de empresas subcontratadas", así como ¿poñer os medios para que todo traballador ao servizo directo ou indirecto da Administración local ou comarcal teña unha actitude favorable ao emprego da lingua propia de Galicia, coñecemento oral e escrito suficiente para atender nesa lingua o cidadán que o desexe e que teña tamén práctica habitual da Oferta positiva".
As corporacións locais poden e deben implementar accións encamiñadas a implicar o conxunto da sociedade no proceso de normalización lingüística e a recuperar o uso e prestixio social do idioma. A lingua galega precisa do recoñecemento oficial establecido nas leis para poder recobrar o seu prestixio. As corporacións locais, por sermos as administracións máis próximas á cidadanía, somos moi apropiadas para desenvolvermos accións encamiñadas á implicación cidadá, á dinamización e á recuperación social do idioma propio e oficial de Galicia.
Por todas estas razóns, o Pleno do Concello de Noia aproba a seguinte ordenanza para o uso da lingua galega, a cal establece accións que o concello debe emprender, así como os criterios lingüísticos que cómpre seguir, nas diferentes accións, ámbitos de actuación e situacións comunicativas.
CAPÍTULO I. O uso oficial do galego no Concello e Noia.
Artigo 1
1. O galego, como lingua propia e oficial de Galicia, é idioma oficial do Concello de Noia.
2. De acordo co que establecen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, o castelán tamén é cooficial.
3. O Concello de Noia empregará o galego en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social e nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galicia, así como con aquelas que admitan o galego para as actuacións administrativas.
4. As e os cidadáns, na súas relacións co Concello de Noia e cos seus organismos, coas súas entidades e coas empresas dependentes a que se refire o artigo seguinte, utilizarán a lingua que elixan, conforme o que dispón o ordenamento xurídico.
Cando no seo dun procedemento administrativo cunha pluralidade de partes interesadas se dea contradición entre estas con respecto á lingua que se vai empregar, o uso da lingua axustarase á lexislación autonómica de Galicia.
5. Todas as actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal terán plena validez e eficacia.
6. As cidadás e os cidadáns teñen dereito a seren atendidas/os e a obteren ou recibiren toda a documentación e as notificacións municipais en lingua galega.
CAPÍTULO II. Ámbito de aplicación
Artigo 2
1. O Concello de Noia e os organismos que dependen del ou que puideren depender no futuro -entes asociados, padroados, organismos autónomos, sociedades, fundacións, centros de formación, museos, arquivos, bibliotecas municipais, escolas infantís municipais etc.- rexeranse polos criterios que establece esta ordenanza.
2. Tamén se rexerán polos criterios desta ordenanza as empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratas cando actuaren en función desa adxudicación, concesión ou contrato, así como as de explotación mixta, o cal se fará constar explicitamente nos documentos que correspondan (concursos públicos, convenios, pregos de cláusulas, contratos etc.).
3. O Concello de Noia velará para que nas actividades, nos organismos etc. en que participe e/ou teña representación sexan aplicados os principios desta ordenanza.
4. Todos os servizos, departamentos, oficinas e organismos dependentes do Concello de Noia terán en conta a necesidade da normalización da lingua galega en todos os ámbitos sociais e, por tanto, asumirán o desenvolvemento desta ordenanza en todas as accións do seu funcionamento cotiá.
CAPÍTULO III. Atención ao público
Artigo 3
1. Todos os servizos de todas as unidades administrativas que teñan relación co público fomentarán o galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación de entrada, tanto oral como escrita, isto é, practicarán a oferta positiva en lingua galega.
2. Na atención ao público mediante mecanismos automáticos, tales como contestadores de teléfono ou outros medios telefónicos ou informáticos, usarase por defecto e de entrada o galego.
Se foren comprados, contratados e/ou programados novos mecanismos automáticos, tamén se especificará e concretará este criterio de uso por defecto e de entrada da lingua galega nos acordos, contratos, pregos etc. correspondentes.
3. O que dispón o presente artigo tamén é de aplicación para as empresas ou entidades que lle presten servizos ao Concello de Noia por concesión, arrendamento, concerto ou contrato.
CAPÍTULO IV. Documentación e actuación administrativa
Artigo 4
1. Como criterio xeral, todas as actuacións do Concello de Noia realizaranse en galego, sen prexuízo de que, cando legalmente sexa requisito, ademais de en galego, tamén se fagan noutra/s lingua/s.
2. Será redactada en lingua galega, cando menos, a seguinte documentación administrativa:
a) As convocatorias de sesións de todos os órganos do Concello de Noia, así como as ordes do día, as mocións, os votos particulares, as propostas de acordo, os ditames das comisións informativas, os rogos, as preguntas e as actas dos citados órganos do concello.
b) As resolucións de todos os órganos municipais.
c) Toda a documentación xerada polo concello que forme parte dos expedientes administrativos que teñan que se someteren á decisión ou coñecemento dos ditos órganos.
d) As actas e os acordos de todos os órganos dos consellos e entidades con personalidade xurídica dependentes do Concello de Noia.
e) As notificacións, os recursos, as escrituras públicas e, en xeral, todos os actos de carácter público ou administrativos que se realicen por escrito en nome do Concello de Noia ou dos organismos que dependen del.
3. Todos os modelos de documentación do Concello de Noia serán elaborados e difundidos de entrada e prioritariamente en galego e, verbo disto, nos plans e procesos de informatización e racionalización administrativa, deberase ter presente o que establece este artigo, sen que isto signifique que, en casos específicos, non se puider incorporar tamén a outra lingua oficial para cando unha persoa o puider requirir expresamente.
Artigo 5
Sen prexuízo do que para os rexistros públicos establece a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística de Galicia, nos rexistros administrativos das oficinas do Concello de Noia e dos seus organismos dependentes, os asentos faranse en galego, independentemente da lingua en que estean escritos.
CAPÍTULO V. Publicacións, accións informativas, formativas e actividades públicas
Artigo 6
1. Os anuncios oficiais da corporación que se publiquen no Boletín Oficial da Provincia de Noia e no Diario Oficial de Galicia serán redactados e publicados en galego. Sucederá o mesmo cos anuncios propios de calquera procedemento administrativo que sexan publicados en calquera outro medio.
Cando legalmente sexa requisito, achegarase tamén noutra/s lingua/s a tradución do orixinal en lingua galega.
2. As publicacións que edite o Concello de Noia, teñan ou non carácter periódico, xa foren en papel ou dixitais, realizaranse en lingua galega, sen prexuízo de que puideren conter traducións noutras linguas cando o público obxectivo da edición puider situarse en comunidades fóra da área lingüística galega.
3. Ás publicacións editadas por outras entidades públicas ou privadas en que colabore o Concello de Noia e teñan difusión en Galicia, aplicaránselles os mesmos criterios definidos no punto 2 deste artigo. Para cumprir isto, se os houber, nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos etc., farase referencia a este requisito.
Artigo 7
1. As campañas publicitarias do Concello de Noia e de promoción de todas as actividades organizadas elaboraranse, sexa no soporte que sexa, en galego.
2. Na contratación de publicidade, o concello terá en conta os medios de comunicación que usan o galego en distintos soportes.
3. As campañas publicitarias e de promoción de actividades (cursos, xornadas, conferencias, festas, espectáculos, actividades deportivas, festivais, campionatos etc.) doutras entidades en que dalgún xeito colabore o Concello de Noia realizaranse en galego en calquera soporte.
4. Para cumprir isto, cando os houber, nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos etc. farase referencia a este requisito.
5. O Concello de Noia fomentará que a publicidade que se difunda en instalacións e mecanismos cuxo titular for o Concello de Noia, sexa redactada en galego.
6. Todo o anterior sen prexuízo de que, puntualmente, tamén se poidan realizar noutras linguas cando o público obxectivo da acción publicitaria pertenza a outras comunidades de fóra da área lingüística galega.
Artigo 8
1. As accións formativas organizadas polo Concello de Noia desenvolveranse principalmente en lingua galega.
2. A formación puntual e a actividade xeral ofertada regularmente polo Concello de Noia nos seus centros ou organismos dependentes desenvolveraas utilizando normalmente o galego como lingua de comunicación. O establecido neste punto terase en conta e farase referencia ao seu contido nos casos seguintes:
a) Na contratación de persoal para os distintos centros.
b) Na organización de actividades nos distintos centros.
c) Na contratación de empresas.
d) Nos regulamentos ou estatutos dos distintos centros e organismos, se os houber.
3. Para que o Concello de Noia colabore en accións informativas ou formativas organizadas por outras entidades, será requisito que estas se desenvolvan, en xeral, en lingua galega. Este requisito transmitiráselle á entidade ou entidades organizadoras e explicitarase nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos etc.
Artigo 9
1. Os cargos públicos do Concello de Noia expresaranse en galego nos actos que tiveren lugar no ámbito lingüístico galego e nos que interviñeren en virtude do seu cargo.
2. Todas aquelas actividades comunicativas, culturais, deportivas, divulgativas etc. (eventos, conferencias, intervencións públicas, xornadas, congresos, charlas, campionatos, competicións, probas, espectáculos, festivais etc.) que organice o Concello de Noia desenvolveranse, en xeral, en lingua galega.
3. Para que o Concello de Noia colabore en actividades comunicativas, culturais, deportivas, divulgativas etc. (xornadas, congresos, charlas, campionatos, competicións, probas, espectáculos, festivais etc.) organizadas por outras entidades, valorarase especialmente que estas se desenvolvan en lingua galega. Isto seralles transmitido á entidade ou entidades organizadoras con que se colabora e explicitarase nos acordos de colaboración, contratos ou convocatorias.
Artigo 10
O Servizo de Normalización Lingüística revisará os textos con alto valor divulgativo que difunda o Concello de Noia en calquera soporte: carteis, follas informativas, dípticos, folletos e outros que considerar relevantes.
CAPÍTULO VI. Compra de bens e materiais, encargo e contratación de servizos e relacións coas empresas privadas
Artigo 11
1. Para as compras de bens e materiais de todo tipo que realice o Concello de Noia, estableceranse criterios para procurar que os bens e materiais estean en galego, xa for na súa etiquetaxe, configuración, uso etc. (equipos informáticos, aparellos telefónicos, material funxible, produtos alimentarios etc.). Isto especificarase e concretarase, cando os houber, nos acordos, contratos, pregos etc. correspondentes.
2. Para as contratacións de servizos que se lle presten ao concello, foren da índole que foren, especificarase que deben ser desenvoltos en galego, agás nos casos en que, pola natureza do servizo, deban ofrecerse tamén noutra lingua. Ademais, poderanse establecer criterios para que os materiais, de os haber, estean en galego, xa for na súa etiquetaxe, configuración, uso etc. Isto especificarase e concretarase, cando os houber, nos acordos, contratos, pregos etc. correspondentes.
3. As entidades contratistas disporán, cando así o solicitaren, dos pregos de condicións e de prescricións técnicas en castelán.
4. O que establece este artigo en ningún caso poderá ser causa de exclusión dos licitadores nos procesos de contratación.
Artigo 12
1. Os documentos públicos ou contractuais formalizados polo Concello de Noia con empresas privadas, particulares ou persoas xurídicas serán redactados en galego. Se a súa finalidade o esixir, poderá realizarse tamén unha copia traducida a outra/s lingua/s, en que constará que é tradución do seu orixinal en galego.
2. Os estudos, proxectos, informes, documentos e traballos análogos resultantes dunha relación contractual entre o Concello de Noia e unha persoa física ou xurídica privada serán redactados e entregados en galego. Este requirimento farase explícito nas convocatorias, pregos de condicións ou solicitudes dos ditos traballos.
3. O Concello de Noia proporá e animará as empresas contratantes e provedoras a usaren o galego na súa documentación e comunicación e isto farase explícito nos pregos de condicións correspondentes, que deberán empregar o galego nos bens e nos servizos que foren obxecto de contrato coa entidade.
CAPÍTULO VII. Sinalización e rotulado
Artigo 13
1. Os rótulos, indicadores, sinalizacións dos edificios dependentes das entidades nomeadas no artigo desta ordenanza estarán en galego e respectarán a toponimia oficial de acordo coa lei, agás os da rede viaria municipal que estarán tamén en castelán de acordo co disposto na lexislación de tráfico e seguridade viaria.
2. Cando a normativa ou o interese xeral o requira, as sinalizacións viarias tamén poderán incorporar outra(s) lingua(s).
3. Todos os vehículos do Parque Móbil Municipal, dos organismos autónomos, empresas municipais, Policía etc., levarán o seu rotulado en galego. Isto mesmo será de aplicación para o parque móbil daquelas empresas adxudicatarias ou concesionarias e así se establecerá nos pregos de condicións correspondentes.
4. O que establece o punto anterior tamén será de aplicación a todo o vestiario municipal e material semellante.
5. En calquera caso, os textos dos rótulos e sinalizacións deben ser revisados polo Servizo de Normalización Lingüística antes de seren colocados.
CAPÍTULO VIII. Relacións con outras administracións
Artigo 14
1. As comunicacións do Concello de Noia que se dirixan a calquera das administracións públicas de ámbito territorial galego redactaranse en lingua galega.
2. As comunicacións do concello que se dirixan á Administración xeral e periférica, de xustiza ou militar dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, redactaranse en lingua galega.
Artigo 15
1. A documentación do Concello de Noia dirixida ás administracións públicas de fóra do ámbito lingüístico galego redactarase en lingua galega e realizarase unha copia en castelán e/ou noutra/s lingua/s que procedan, tendo en conta o ámbito lingüístico de recepción da documentación.
2. As copias de documentos do Concello de Noia redactados en galego que foren solicitados por administracións públicas fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia serán tramitadas en lingua galega. Achegarase con eles unha tradución á lingua ou linguas ás que legalmente proceda, tendo en conta o ámbito lingüístico de recepción dos documentos.
Artigo 16
Con respecto aos documentos dirixidos directamente a persoas xurídicas distintas das administracións públicas, o Concello de Noia a aterase ao que estipulan as disposicións legais vixentes e procurará redactalos en galego, sempre que for posible.
CAPÍTULO IX. Persoal ao servizo da Administración
Artigo 17
1. De acordo coa legalidade vixente aplicable, o persoal ao servizo do Concello de Noia coñecerá suficientemente e estará en condicións de empregar correctamente a lingua galega no desenvolvemento do seu traballo, tanto oralmente como escrito.
2. Co fin de acadar este obxectivo, establécense as seguintes regras xerais:
a) Nos procedementos de selección de persoal, incluirase unha proba de lingua galega que demostre a capacitación para desempeñar o traballo neste idioma. A proba adecuarase sempre ao nivel e contido das prazas convocadas e de acordo cos funcións do posto, e poderá ser oral e/ou escrita.
O Concello de Noia a establecerá nas bases das convocatorias o nivel de coñecemento de galego que deberá acreditar o persoal aspirante e será o Servizo de Normalización Lingüística quen asesore a entidade para determinar o perfil lingüístico de cada posto.
b) Nos procesos selectivos, incluirase explicitamente nos cuestionarios e probas a avaliación do coñecemento da lexislación aplicable ao uso da lingua galega no Concello de Noia.
c) Nos procedementos de promoción profesional, a acreditación do coñecemento da lingua galega terá, ademais, consideración de mérito cualificable co baremo que lles corresponda ás acreditacións Celga; incidirase tamén nos títulos oficiais de linguaxes específicas (administrativa, xurídica¿) adecuadas ao posto.
d) Terase en conta o persoal técnico do Servizo de Normalización Lingüística para formar parte dos tribunais, ben como membro, ben como asesor, para avaliar o coñecemento do idioma galego na selección de persoal e na provisión de postos de traballo e mais para colaborar na creación das bases e probas correspondentes.
e) As probas selectivas para a provisión de prazas e a contratación de persoal ao servizo do Concello de Noia e das entidades del dependentes redactaranse en lingua galega e distribuiránselles así por defecto a todas as persoas candidatas. Terase ao dispor de quen o solicitar con antelación unha copia das probas na outra lingua oficial. As probas poderán ser realizadas en calquera lingua oficial, independentemente da lingua que for empregada no cuestionario.
f) O persoal que actualmente traballa ao servizo do concello que non estea capacitado para desenvolver correctamente o seu traballo en lingua galega deberá adquirir a dita capacidade.
Para tal efecto, o servizo de formación do persoal do concello, coa colaboración co SNL e con outras administracións e entidades, desenvolverá programas formativos para todo o persoal que careza dos coñecementos necesarios para exercer as súas funcións en galego.
CAPÍTULO X. Toponimia, nomes de rúas, edificios e outras localizacións
Artigo 18
Segundo dispón a lexislación sobre normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do termo municipal do Concello de Noia é a galega. Ademais, na lexislación estatal e galega sobre a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, recoñécese a toponimia tradicional como ben deste patrimonio, por ser instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos territorios.
Disponse tamén que as administracións públicas velarán polo seu respecto e conservación, así como que as administracións locais teñen a obriga de protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural.
En consecuencia:
a) O Concello de Noia promoverá, no ámbito das súas competencias, a recuperación, historia, orixe, coñecemento e uso da toponimia e microtoponimia propia do concello e preservará as formas tradicionais dos nomes dos lugares.
b) O concello velará polo uso correcto da toponimia en toda a documentación que xere e publique e tamén na publicidade que contrate e na súa presenza na rede (internet).
c) As formas dos topónimos empregadas polo concello e por todos os organismos dependentes del serán sempre as establecidas legalmente e promoverase o cambio se así non o foren.
d) O Concello de Noia demandaralles a todas as entidades beneficiarias de calquera tipo de subvención, axuda, colaboración ou contrato o uso correcto da toponimia.
Artigo 19
1. Para lles dar nome ás rúas, prazas, edificios etc., de titularidade pública no Concello de Noia, teranse en conta os criterios establecidos pola Comisión de Toponimia, órgano de estudo, asesoramento e consulta da Xunta de Galicia, en que se sinala:
a) Na denominación oficial das diferentes realidades xeográficas (entidades de poboación, urbanizacións, prazas, rúas, complexos urbanísticos, bloques de edificios etc.), ha de preferirse sempre un topónimo tradicional antes que fórmulas de nova invención.
b) No caso de realidades xeográficas de nova creación, realizarase un inventario das denominacións tradicionais do territorio afectado e empregaranse nomes tomados dese repertorio para a denominación oficial das novas realidades.
c) Cando nunha área determinada os topónimos tradicionais superan en número as novas realidades xeográficas creadas, de preferencia deben preservarse os topónimos de maior interese histórico, arqueolóxico ou filolóxico.
d) Só se empregará o recurso á imposición de ¿topónimos honoríficos" (nomes de persoas ou institucións, de conceptos abstractos, de cidades ou países etc.) en casos en que a nova denominación non sepulte un topónimo tradicional.
2. Segundo a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, a Xunta de Galicia e as demais administracións implicadas, onde se inclúe o Concello de Noia, inspirarán as súas actuacións nas indicacións e recomendacións dos organismos internacionais. Por tanto, en caso de ter que optar por un topónimo honorífico ou conmemorativo, teranse en conta as directrices aprobadas pola ONU, en que se sinala que:
a) Para propor un topónimo, só se considerarán persoas postumamente; antes de que a proposta dun topónimo conmemorativo se considere deben ter pasado un mínimo de cinco anos da morte da persoa. Para acontecementos, polo menos deben ter pasado vinte e cinco anos do dito acontecemento.
b) Para propor un topónimo conmemorativo, só se terán en consideración persoas cunha forte asociación co lugar ou o elemento xeográfico ou que teñan unha destacada significación no legado cultural ou no desenvolvemento da zona, da comarca ou da nación.
c) O topónimo proposto deberá ser apoiado pola comunidade local e ir máis aló dun simple ou especial interese dun grupo.
d) Un topónimo non se debe usar para conmemorar vítimas ou sinalar lugares de accidentes ou traxedias.
e) Un topónimo conmemorativo non se debe considerar se xa existe para o lugar un nome arraigado e aceptado.
f) A propiedade da terra non confire a lexitimidade ou o dereito de lle aplicar un topónimo conmemorativo a un elemento xeográfico. O uso non oficial de topónimos conmemorativos en publicacións ou en dedicatorias ou indicadores non é garantía de que estes sexan adoptados en documentos toponímicos oficiais.
CAPÍTULO XI. Impulso institucional do idioma galego
Artigo 20
1. De acordo co artigo 25 da Lei 3/1983, de normalización lingüística, o Concello de Noia fomentará o uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e outras, dentro do ámbito municipal.
2. O Concello de Noia porá paulatinamente en marcha programas dirixidos á poboación e ás entidades asociativas ou empresariais da provincia para conseguir a implicación progresiva de todos os colectivos no proceso de recuperación social da lingua galega e fomentará -co deseño e posta en marcha dos programas oportunos- o uso e prestixio do galego na transmisión interxeracional, na mocidade, nas novas tecnoloxías, no deporte, na creación e difusión cultural, no ámbito empresarial e comercial, na comunicación, na xustiza, no lecer, na educación, na sanidade e en calquera outro ámbito social de interrelación humana.
3. Todos os órganos do Concello de Noia impulsarán a normalización lingüística no seu ámbito de actuación. O Servizo de Normalización Lingüística asesorará o concello municipal nesta materia.
4. Valoraranse como criterio positivo na concesión de subvencións e axudas as iniciativas e actividades que contribúan á normalización e ao incremento do uso e prestixio da lingua galega. Do mesmo xeito, a comunicación e a produción escrita e oral (carteleira, publicidade oral e escrita, redes sociais etc.) a que dea lugar toda a actividade subvencionada polo Concello de Noia deberá estar en lingua galega. Este requisito figurará de forma expresa na convocatoria e mais nas bases correspondentes.
5. O Concello de Noia poderá outorgar subvencións para actuacións que procuren a normalización lingüística e, segundo sinala a Lei 3/1983, de normalización lingüística, poderá outorgar reducións ou exencións das obrigas fiscais para fomentar dentro do seu ámbito a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras, por actos singulares.
CAPÍTULO XII. Calidade lingüística e linguaxe democrática inclusiva
Artigo 21
1. En todos os textos, documentos e comunicacións do Concello de Noia, coidarase especialmente a calidade e corrección lingüística, xa que os textos emitidos desde as administracións públicas adoitan ser interpretados como modelo de lingua. Serán aplicados os criterios da linguaxe administrativa galega moderna e procurarase sempre a súa máxima calidade, democratización, individualización, clareza dos contidos (modernización das formas, concisión e precisión, sinxeleza e ordenación) e uniformidade.
2. Para alén de que os distintos servizos municipais poidan solicitarlle asesoramento a Normalización Lingüística, a supervisión ou revisión de calquera documento ou soporte será responsabilidade do departamento que o elabore. O Servizo de Normalización Lingüística elaborará un manual de estilo onde se recollan os criterios lingüísticos da entidade co fin de fixar un modelo lingüístico e estilístico que contribúa á homoxeneización, actualización e mellora da calidade da lingua do Concello de Noia.
3. En toda a comunicación e documentación do ente municipal usarase unha linguaxe democrática inclusiva, polo que evitará as fórmulas sexistas ou discriminatorias.
4. O Concello de Noia velará para que nos textos e comunicacións das accións doutras entidades con que colabore, en que participe ou ás que apoie se sigan estes mesmos criterios de calidade lingüística, democrática e inclusiva.
CAPÍTULO XIII. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Noia
Artigo 22
1. O Concello de Noia contará cun Servizo Normalización Lingüística (SNL) estable cun espazo propio e dotado con recursos económicos, materiais e humanos suficientes, co obxecto de impulsar a normalización da lingua, procurar o incremento do uso e prestixio do idioma galego no ámbito municipal e coordinar as accións necesarias para que se cumpra esta ordenanza.
2. As tarefas que desenvolva o SNL deben configurarse en tres áreas: dinamización sociolingüística, formación sociolingüística e asesoramento lingüístico.
As funcións serán:
Xerais:
I. Asesorar a Administración en todo o relacionado coa política lingüística.
II. Facer seguimento do cumprimento da lexislación lingüística por parte da institución.
III. Informar sobre a conveniencia, oportunidade, método etc. de incorporar accións con obxectivos normalizadores en programas ou accións do concello de índole diversa e colaborar na súa especificación, deseño e materialización.
IV. Emitir informes sobre a oportunidade, conveniencia etc. de accións do concello con respecto ao fomento do uso e prestixio da lingua galega.
V. Colaborar coa Administración para determinar os perfís lingüísticos necesarios en cada un dos postos de traballo e mais nas probas e procesos selectivos, para que se avalíen convenientemente os coñecementos lingüísticos por parte das persoas aspirantes.
Dinamización sociolingüística:
I. Fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade.
II. Planificar, xestionar, executar e avaliar accións en prol da lingua galega seguindo as directrices de política lingüística do organismo.
III. Propor programas dinamizadores e accións concretas que conciencien a sociedade a respecto do uso e prestixio da lingua galega e que a impliquen no proceso normalizador.
IV. Propiciar e xestionar liñas de información, colaboración, coordinación e axuda dirixidas á rede asociativa, empresarial, educativa, xuvenil etc., para fomentar o uso e prestixio do galego.
Formación sociolingüística:
I. Colaborar co departamento de Formación do Concello de Noia para planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, tanto para o persoal da Administración como dirixidos a diferentes sectores sociais.
II. Difundir materiais que contribúan á tarefa normalizadora: dereitos lingüísticos, lexislación, recursos lingüísticos etc.
III. Colaborar no deseño de programas de formación non lingüística para garantir a presenza do galego e de contidos favorables á mellora de actitudes lingüísticas.
Asesoramento lingüístico:
I. Mellorar a calidade lingüística e comunicativa da Administración.
II. Normalizar a imaxe lingüística, fixar criterios lingüísticos para a organización e establecer modelos de documentos.
III. Revisar e validar lingüisticamente aqueles textos que vaian ter maior difusión, impacto ou permanencia (carteis, folletos, rotulado, anuncios, impresos, publicacións etc.), para garantir a calidade lingüística e o uso dunha linguaxe moderna, democrática e inclusiva.
IV. Resolver dúbidas lingüísticas.
CAPÍTULO XIV. O Plan de normalización lingüística
Artigo 23
1. O Plan de normalización lingüística (PNL) é un conxunto ordenado de medidas, adoptadas despois de realizar un diagnóstico de situación, dirixidas a promover o uso da lingua galega no Concello de Noia.
2. O PNL será o documento en que se plasme periodicamente o desenvolvemento e a concreción da política municipal sobre a promoción da lingua galega que senta as súas bases nesta ordenanza.
Artigo 24
O PNL conterá medidas específicas tendentes a procurar a promoción da lingua galega dentro do territorio municipal de Noia, entre outros, nos seguintes ámbitos de actuación:
a) Administración local
b) Ensino, familia, mocidade
c) Sector socioeconómico
d) Sector sociocultural
e) Sector socio-sanitario
g) Sector asociativo
f) Deporte
g) Persoas migrantes
h) Medios de comunicación
l) Tecnoloxías da información e da comunicación (TIC)
m) Confesións relixiosas
Artigo 25
1. Corresponderalle á área municipal competente en normalización lingüística deseñar e impulsar o PNL, así como desenvolver as tarefas encamiñadas ao seu seguimento e avaliación.
2. Sen prexuízo do anterior, á hora de fixar os seus obxectivos e eixes de actuación, o PNL adecuarase ás directrices marcadas polos documentos de planificación establecidos pola lexislación vixente.
3. A elaboración do PNL deberá ser froito dun diagnóstico actualizado sobre a normalización da lingua galega no municipio, que axudará a definir as prioridades que sexan coherentes coa política municipal, coas súas competencias e, á vez, coas necesidades, intereses e problemas detectados.
4. Logo de se estableceren as prioridades para partir do diagnóstico, o PNL incluirá unha serie de compoñentes de planificación, entre os que figurarán, como mínimo, os seguintes: o obxectivo xeral, os obxectivos específicos, os eixes estratéxicos, as áreas de traballo incluídas nos eixes estratéxicos e os programas para desenvolver en cada unha das áreas.
Artigo 26
1. Correspóndelle á Xunta de Goberno Local do Concello de Noia, por proposta da área municipal competente en normalización lingüística, aprobar ou prorrogar o PNL.
2. A aprobación do PNL ou da prórroga deberá producirse no prazo máximo dun ano desde a data de constitución de cada Goberno municipal.
Artigo 27
A vixencia de cada PNL terá a mesma duración que o Goberno municipal, excepto que o propio documento sometido a aprobación prevexa unha duración menor por motivos xustificados e cun informe da área municipal competente en normalización lingüística.
Artigo 28
O PNL conterá programas de actuación específicos que sinalarán as accións concretas, os recursos dispoñibles, a quen van dirixidas esas accións, obxectivos específicos e indicadores para valorar o grao en que se cumpre.
Artigo 29
O PNL conterá os seus propios instrumentos de control, seguimento e avaliación.
CAPÍTULO XV. Seguimento e avaliación da ordenanza
Artigo 30
1. Para cumprir, velar e avaliar a aplicación desta ordenanza, o Concello de Noia creará unha comisión político-técnica de seguimento e avaliación desta ordenanza.
2. A Comisión de Seguimento e Avaliación da Ordenanza para o Uso da Lingua Galega no Concello de Noia estará presidida pola alcaldesa ou alcalde ou concelleira/o en quen delegar.
Cando menos, formarán parte dela:
A/o concelleira/o responsable da área de normalización lingüística.
A/o concelleira/o responsable da área de persoal.
Representantes dos grupos políticos con presenza no Pleno do concello.
A persoa responsable da Secretaría Xeral deste concello.
O persoal técnico do Servizo de Normalización Lingüística.
Unha persoa que represente a Xunta de Persoal e outra persoa que represente o Comité de Empresa.
2. A comisión aprobará un regulamento de organización da Comisión de Seguimento e Avaliación, en que se especificarán, entre outros, a súa composición, o número de membros e os mecanismos de coordinación con outras estruturas municipais.
3. As funcións desta comisión serán:
a) Elaborar cada mandato un informe de seguimento e avaliación en que, cando menos, se recollan as accións que cada área levou a cabo en aplicación da ordenanza e a valoración das ditas áreas en relación co grao en que se cumpre o que establece a presente ordenanza.
b) Interpretar e avaliar o grao en que se cumpren a ordenanza, os obxectivos marcados e as accións.
c) Informar sobre as dificultades atopadas durante a súa implantación e os resultados conseguidos.
d) Propor medidas dirixidas a aplicar esta ordenanza.
e) Propor melloras no texto da ordenanza.
f) Deliberar, aprobar e aplicar as novas iniciativas, liñas de actuación e propostas de execución para un desenvolvemento máis amplo da ordenanza.
g) Atender e resolver reclamacións formuladas pola cidadanía ou o persoal técnico a través dunha caixa de correo de suxestións ou calquera outro medio que puider ser habilitado para o efecto.
h) Coñecer e resolver as discrepancias que derivaren da aplicación e interpretación da ordenanza.
4. Para desenvolver todas as funcións, as persoas que pertenzan a esta comisión terán acceso a toda a documentación que se xere no seu seo e a solicitar do concello ou do seu persoal técnico e político calquera información que consideraren necesaria para exerceren as súas funcións relacionada cos obxectivos e co articulado da presente ordenanza.
5. A Comisión de Seguimento e Avaliación reunirase cando menos dúas veces ao ano con carácter ordinario.
6. As persoas da Comisión de Seguimento e Avaliación e asesoras están obrigadas a respectaren o principio de confidencialidade e sixilo profesional tanto nos asuntos tratados nas reunións como da documentación e datos presentados.
7. Os acordos da Comisión de Seguimento e Avaliación, para a súa validez, requirirán o voto favorable da maioría simple das persoas que o integran.
8. O Concello d destinará os recursos necesarios para desenvolver o presente título.
Disposición adicional
Para favorecer a participación social no impulso e dinamización do uso do galego en todos os ámbitos, o Concello de Noia poderá crear o Consello Social da Lingua, en que estarán representados os grupos políticos que formen parte da Corporación municipal e mais as entidades, organizacións e colectivos máis representativos implicados no proceso de normalización lingüística.
Disposición final primeira
Esta ordenanza entrará en vigor o día seguinte de que for publicada no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.
Disposición final segunda
Habilítase a persoa titular da área municipal competente en normalización lingüística para ditar cantas instrucións foren precisas no desenvolvemento desta ordenanza".