Ares - ORDENANZA DE USO SOCIAL DA LINGUA GALEGA DO CONCELLO DE ARES
Limiar
O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5.1" dispón que a lingua propia de Galicia é o galego. O punto 3 confírelles aos poderes públicos a obriga de potenciar o seu uso en todos os ámbitos da vida pública, cultural e informativa. A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, establece que a lingua galega é a maior e máis orixinal creación colectiva do pobo galego, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade. Como consecuencia deste principio, determina o carácter do galego como lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración Local e das entidades públicas dependentes da Comunidade.
No seu artigo 6, a Lei de normalización lingüística establece o dereito da cidadanía ao uso do galego oralmente e por escrito e o dereito ás persoas a seren atendidas en galego. A atención en lingua galega será efectiva en calquera instancia dentro do ámbito territorial da oficialidade e tamén posuirá plena validez e eficacia calquera actuación no idioma propio. Nesta liña, o artigo 25 establece que o Goberno Galego e as corporacións locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso da lingua galega nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras. Con esta finalidade e por actos singulares, poderanse outorgar reducións ou exencións das obrigas fiscais.
A Lei 5/1988, do 21 de xuño, do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, no seu artigo 1 dispón: As convocatorias de sesións, ordes do día, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia, redactaranse en lingua galega. Esta Lei establece igualmente, na súa disposición transitoria, que as entidades locais que non estean en condicións de incorporar de contado o galego como lingua normal nos actos escritos da Administración disporán dun prazo de dous anos a partir da publicación desta lei para adoptar acordo sobre a realización material do disposto nel e darlle cumprimento. De xeito máis completo aínda se pronuncia a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, ao considerar, no seu artigo 7 que as convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega.
A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia tamén regula o coñecemento da lingua que o persoal da administración ten que posuír ao indicar, no artigo 245.6, que nos sistemas de selección que se realicen para o acceso ás prazas da Administración local terá que demostrarse o coñecemento da lingua galega. No mesmo sentido, a Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no artigo 36.2 dispón que nos procedementos tramitados polas administracións das comunidades autónomas e das entidades locais, o uso da lingua axustarase ao previsto na lexislación autonómica correspondente.
O Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, recolle como obxectivos específicos para a Administración local ¿consolidar o papel normalizador das corporacións locais e das deputacións por medio da xeneralización do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos seus administrados e administradas", ¿incluír a promoción do galego, no concepto de servizo que o concello e a comarca lle ofrecen á cidadanía, tanto directamente como a través de empresas subcontratadas", así como ¿poñer os medios para que toda persoa traballadora ao servizo directo ou indirecto da Administración local ou comarcal teña unha actitude favorable ao emprego da lingua propia de Galicia, coñecemento oral e escrito suficiente para atender nesa lingua á cidadanía que o desexe e que teña tamén práctica habitual da Oferta positiva".
As corporacións locais poden e deben implementar accións encamiñadas a implicar o conxunto da sociedade no proceso de normalización lingüística e a recuperar o uso e prestixio social do idioma. A lingua galega precisa do recoñecemento oficial establecido nas leis para poder recobrar o seu prestixio. As corporacións locais, por sermos as administracións máis próximas á cidadanía, somos moi apropiadas para desenvolvermos accións encamiñadas á implicación cidadá, á dinamización e á recuperación social do idioma propio e oficial de Galicia.
Cómpre, xa que lago, elaborar e aprobar unhas liñas de actuación constante co fin de incorporar o galego en todos os ámbitos da vida municipal, e impulsar a normalización do seu uso no conxunto da sociedade. Por considerarmos que as razóns expostas abondan para cambiar as actitudes lingüísticas, propomos a aprobación en Pleno desta Ordenanza de normalización lingüística para que o Concello traballe polo seu cumprimento e tome as medidas oportunas para facelo efectivo, desde comunicacións de incumprimento, informacións de obriga así como medidas de reforzo informativo, achega de recursos lingüísticos, etc.
Capítulo I.- O uso oficial do idioma galego
Artigo 1
1. -O galego, como lingua propia e oficial de Galicia, é idioma oficial do Concello de Ares.
2. -O Concello de Ares empregará o galego en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social, e nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galicia e con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas.
Capítulo II.- Ámbito de aplicación
Artigo 2
1. -O Concello de Ares rexerase polos criterios establecidos nesta ordenanza.
2. -Tamén se rexerán polos criterios desta ordenanza as empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratadas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato, así como as de explotación mixta, o cal se fará explicitamente constar nos documentos correspondentes (concursos públicos, pregos de cláusulas, contratos, etc.).
Capítulo III.- Atención ao público
Artigo 3
1. -Todos os servizos de todas as unidades administrativas que teñan relación co público fomentarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación de entrada, tanto oral como escrita, practicando a oferta positiva en lingua galega.
2. -A atención ao público mediante mecanismos automáticos, tales como contestadores de teléfonos ou outros medios telefónicos ou informáticos, usarán por defecto e de entrada o galego, e así se especificará cando sexan comprados, contratados e/ou programados.
3. -O disposto no presente artigo tamén é de aplicación para as empresas ou entidades que presten servizos municipais por concesión, arrendamento, concerto ou contrato.
Capítulo IV.- Documentación e actuación administrativa
Artigo 4
1. -Como criterio xeral, todas as actuacións do Concello faranse en idioma galego. Isto sen prexuízo de que, cando legalmente sexa requisito, ademais de en galego tamén se fagan noutra(s) lingua(s).
2. -Será redactada en lingua galega cando menos a seguinte documentación administrativa:
a) As convocatorias de sesións de todos os órganos do Concello, así como as ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas, rogos, preguntas e as actas dos citados órganos municipais.
b) As resolucións de todos os órganos municipais.
c) Toda a documentación xerada polo Concello que forme parte dos expedientes administrativos que teñan que someterse á decisión ou coñecemento dos devanditos órganos.
d) As actas e acordos de todos os órganos dos consellos e entidades con personalidade xurídica dependente deste Concello.
e) As notificacións, recursos, escrituras públicas e, en xeral, todos os actos de carácter público ou administrativos que se realicen por escrito en nome do Concello.
3. -Todos os modelos de documentación da Administración municipal de Ares serán elaborados e difundidos en galego e, verbo disto, nos plans e procesos de informatización e racionalización administrativa deberase ter presente o establecido neste artigo, sen que isto signifique que nalgúns casos específicos non se poida incorporar tamén a outra lingua oficial para cando unha persoa expresamente a poida requirir.
Artigo 5
1.-Sen prexuízo do que para os rexistros públicos establece o artigo 9 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística de Galicia, nos rexistros administrativos das oficinas do Concello os asentos faranse sempre en galego, independentemente da lingua na que estean escritos.
Capítulo V.- Publicacións, accións informativas, formativas e actividades públicas
Artigo 6
1. -Os anuncios oficiais da Corporación que se publiquen no Boletín Oficial da Provincia, no Diario Oficial de Galicia ou en calquera medio de comunicación serán redactados e publicados en galego. Cando legalmente sexa requisito, tamén se poderán redactar noutra(s) lingua(s) ademais de en galego ou achegar unha tradución do orixinal en lingua galega.
2. -As publicacións editadas polo Concello, teñan ou non carácter periódico xa sexan en papel ou dixitais, realizaranse en lingua galega.
3. -As publicacións editadas por outras entidades, nas que colabore o Concello e que teñan difusión en Galicia, realizaranse en lingua galega. Para lle dar cumprimento a isto, de os haber, nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc., farase referencia a este requisito.
Artigo 7
1. -As campañas publicitarias do concello e de promoción de todas as actividades organizadas faranse, sexa no soporte que sexa, en galego.
2. -Na contratación de publicidade, o concello terá en conta os medios de comunicación en distintos soportes que usan o galego.
3. -As campañas publicitarias e de promoción de actividades (cursos, xornadas, conferencias, festas, espectáculos, actividades deportivas, festivais, campionatos, etc.) doutras entidades nas que dalgún xeito colabore o Concello faranse en todos os soportes en galego.
4. -Para lle dar cumprimento a isto, cando os haxa, nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc., farase referencia a este requisito.
5. -A publicidade que se difunda en instalacións e mecanismos propiedade do Concello deberá estar en galego.
6. -Todo o anterior, sen prexuízo de que tamén se poidan facer noutras linguas cando sexan accións publicitarias ou de difusión dirixidas a comunidades lingüísticas fóra da galega.
Artigo 8
1. -As accións formativas organizadas polo Concello desenvolveranse, en xeral, en lingua galega.
2. -A formación puntual e actividade xeral ofertada regularmente polo Concello nos seus distintos centros desenvolverase utilizando normalmente o galego como lingua de comunicación. O establecido neste punto terase en conta e farase referencia ao seu contido en casos como:
a) Na contratación de persoal para os distintos centros.
b) Na organización de actividades nos distintos centros.
c) Nas contratacións de empresas.
d) Nos regulamentos dos distintos centros, de os haber.
Artigo 9
1. -Os cargos públicos do Concello procurarán expresaranse en galego nos actos que teñan lugar no ámbito lingüístico galego, e nos que interveñan en virtude do seu cargo.
2. -Todas aquelas actividades comunicativas, culturais, deportivas, divulgativas, etc. (eventos, conferencias, intervencións públicas, xornadas, congresos, charlas, campionatos, espectáculos, festivais, etc.) organizadas polo Concello, desenvolveranse, en xeral, en lingua galega.
3. -Para que o Concello colabore en actividades comunicativas, culturais, deportivas, divulgativas, etc. (eventos, conferencias, intervencións públicas, xornadas, congresos, charlas, campionatos, espectáculos, festivais, etc.) organizadas por outras entidades, será requisito que estas se desenvolvan, en xeral, en lingua galega. Este requisito transmitiráselle á entidade ou entidades organizadoras e explicitarase nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc.
Capítulo VI.- Compra de bens e materiais e encargo e contratación de servizos
Artigo 10
1. -Para as compras de bens e materiais de todo tipo que faga o Concello estableceranse criterios para procurar que os a bens e materiais estean en galego, xa sexa na súa etiquetaxe, configuración, uso, etc. (equipos informáticos, aparellos telefónicos, material funxible, produtos alimentarios, etc.). Isto especificarase e concretarase, cando os haxa, nos correspondentes acordos, contratos, pregos, encargos, comunicacións, etc.
2. -Para as contratacións de servizos que se presten ao Concello, sexan da índole que sexan, especificarase se estes deben ser prestados en galego, e para a súa prestación poderanse establecer criterios, ademais, para que os materiais estean en galego, xa sexa na súa etiquetaxe, configuración, uso, etc. Isto especificarase e concretarase, cando os haxa, nos correspondentes acordos, contratos, pregos, encargos, comunicacións, etc.
3. -O establecido neste artigo en ningún caso poderá ser causa de exclusión dos licitadores nos procesos de contratación.
Capítulo VII.- Sinalización e rotulación
Artigo 11
1. -Os rótulos, indicadores, sinalizacións da Casa do Concello e dos outros edificios e servizos públicos e da rede viaria municipal estarán en galego.
2. -Cando a normativa ou o interese xeral o requira, as sinalizacións viarias tamén poderán incorporar outra(s) lingua(s).
3. -Todos os vehículos do parque móbil municipal, o vestiario do persoal e material semellante, cando o houber, dos organismos autónomos, empresas municipais, policía, etc., levarán a súa rotulación en galego.
Capítulo VIII.- Relacións con outras administracións
Artigo 12
1. -As comunicacións do Concello dirixidas a calquera das administracións públicas sitas no territorio galego redactaranse en lingua galega.
2. -As comunicacións do Concello dirixidas á Administración civil ou militar do Estado e á xustiza dentro do ámbito lingüístico galego redactaranse en lingua galega.
Artigo 13
1.-Con respecto aos documentos dirixidos directamente a persoas xurídicas, diferentes de calquera das administracións, o Concello de Ares aterase ao previsto nas disposicións vixentes, aínda que se redactarán en galego sempre que sexa posible.
Capítulo IX.- Relacións coas empresas privadas
Artigo 14
1. -Os documentos públicos ou contractuais subscritos polo Concello serán redactados en galego. Se a súa finalidade o esixe, poderá facerse tamén en outra(s) lingua(s).
2. -O concello poderá requirir que os estudos, proxectos, informes, documentos e traballos análogos que se encarguen a terceiros sexan elaborados en galego. Este requirimento será recollido nas convocatorias, pregos ou solicitudes de tales traballos.
3. -O concello proporá e animará ás empresas contratantes e provedoras a que usen o galego na súa documentación e comunicación e explicitaralles que deben facer uso do galego nos bens e nos servizos que sexan obxecto de contrato co concello, e así se fará constar nos correspondentes pregos de condicións.
Capítulo X.- Persoal ao servizo da administración
Artigo 15
1. -A declaración de oficialidade do idioma galego esixe que todo o persoal ao servizo da Corporación o coñeza suficientemente e estea en condicións de empregalo correctamente, tanto oralmente como por escrito, no desenvolvemento do seu traballo.
2. -Para acadar este obxectivo establécense as seguintes regras xerais:
a) Nos procedementos de selección de persoal incluirase unha proba de capacitación para o desenvolvemento en galego do traballo que o persoal vai realizar habitualmente no Concello. Esta proba será adecuada ao nivel e contido das prazas convocadas e, de acordo coas funcións do posto, poderá ser oral e/ou escrita.
b) Nos procesos selectivos que inclúan probas ou preguntas sobre lexislación, incluirase entre ela tamén a lexislación lingüística, como a Lei de normalización lingüística ou a Lei do uso do galego como lingua oficial polas entidades locais.
c) Nos procedementos de provisión de postos de traballo, a acreditación do coñecemento da lingua galega terá, ademais, consideración de mérito puntuable, sempre que haxa concurso, para o que en cada convocatoria se fará un baremo axeitado ao posto para puntuar acreditacións Celga e/ou títulos oficiais de linguaxes específicas, como administrativa ou xurídica.
d) As probas selectivas para a provisión de prazas de funcionariado e persoal laboral ao servizo do Concello faranse en lingua galega e distribuiranse por defecto nesta lingua a todas as persoas candidatas, sen prexuízo de que os/as participantes nas probas poidan realizar os seus exercicios noutra lingua oficial. As persoas que queiran copia das probas noutra lingua oficial poderán solicitala expresamente con antelación ao desenvolvemento da proba.
Artigo 16
A formación profesional en todos os ámbitos de todo o persoal do Concello farase en lingua galega, sempre que a programación e organización dependa do Concello. De non depender directamente del, o Concello de Ares demandará que se faga en galego.
Capítulo XI.- Toponimia e nomes de rúas, emprazamentos ou edificios
Artigo 17
1. -Segundo se dispón no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do termo municipal do Concello de Ares é a galega, igual que a dos demais topónimos de Galicia.
2. -O Concello promoverá a recuperación, historia, orixe, coñecemento e uso da toponimia do territorio municipal, e preservará as formas tradicionais dos lugares como parte integrante da memoria colectiva do patrimonio cultural.
3. -O Concello demandaralle a todas as entidades beneficiarias de calquera tipo de subvención, axuda, colaboración ou contrato por parte do Concello o uso correcto da toponimia.
Artigo 18
1. -Para darlles nome ás rúas, prazas, edificios, etc., de titularidade pública en Ares teranse en conta os criterios establecidos na declaración asinada pola Comisión de Toponimia en 2002, en que se sinala:
a) Na denominación oficial das diferentes realidades xeográficas, ha de preferirse sempre un topónimo tradicional antes que fórmulas de nova invención.
b) No caso de realidades xeográficas de nova creación realizarase un inventario das denominacións tradicionais do territorio afectado e empregaranse nomes tomados dese repertorio para a denominación oficial das novas realidades.
c) Cando nunha área determinada os topónimos tradicionais superan en número as novas realidades xeográficas creadas, de preferencia han de preservarse os topónimos de maior interese histórico, arqueolóxico ou filolóxico.
d) Só se empregará o recurso á imposición de ¿topónimos honoríficos" (nomes de persoas ou institucións, de conceptos abstractos, de cidades ou países, etc.) en casos en que a nova denominación non sepulte un topónimo tradicional.
2. -En caso de ter que optar por un topónimo honorífico ou conmemorativo, teranse en conta as directrices aprobadas pola ONU en 2004, nas que se sinala que:
a) Para propoñer un topónimo só se considerarán persoas postumamente; antes de que a proposta dun topónimo conmemorativo se considere deben ter pasado un mínimo de cinco anos da morte da persoa. Para acontecementos, polo menos deben ter pasado vinte e cinco anos do devandito acontecemento.
b) Para propoñer un topónimo conmemorativo só se terán en consideración persoas cunha forte asociación co lugar ou o elemento xeográfico, ou que teñan destacada significación no legado cultural ou no desenvolvemento da zona, da comarca ou da nación.
c) O topónimo proposto deberá ser apoiado pola comunidade local e ir máis aló dun simple ou especial interese dun grupo.
d) Un topónimo non se debe usar para conmemorar vítimas ou sinalar lugares de accidentes ou traxedias.
e) Un topónimo conmemorativo non se debe considerar se xa existe para o lugar un nome arraigado e aceptado.
f) A propiedade da terra non confire a lexitimidade ou o dereito de aplicarlle un topónimo conmemorativo a un elemento xeográfico. O uso non oficial de topónimos conmemorativos en publicacións ou en dedicatorias ou indicadores non é garantía de que estes sexan adoptados en documentos toponímicos oficiais.
Capítulo XII.- Impulso institucional do idioma galego
Artigo 19
1. -De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, o Concello fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outra dentro do ámbito municipal.
2. -O Concello de Ares poderá poñer en marcha programas dirixidos á poboación e ás entidades asociativas ou empresariais do municipio para conseguir a implicación progresiva de todos os colectivos no proceso de recuperación social da lingua galega, e fomentarase o uso e prestixio do galego na transmisión interxeracional, na mocidade, na onomástica, no deporte, nas novas tecnoloxías, na creación e difusión cultural, no ámbito empresarial e comercial, na comunicación, na xustiza, no lecer, na educación, na sanidade, no ámbito relixioso, no turismo, na integración social, na música, no asociacionismo, etc.
3. -Para a concesión de subvencións e axudas municipais (de promoción económica, servizos sociais, culturais, xuvenís, deportivas, para festas, para actividades formativas e de calquera outro tipo) valorarase como criterio que se terá en conta que as actividades realizadas contribúan á normalización e ao incremento do uso e prestixio da lingua galega. Do mesmo xeito, as publicacións, a cartelaría, a publicidade e toda produción de todas as actividades das entidades que vaian estar subvencionadas polo Concello de Ares deberán estar en lingua galega. En todas as convocatorias de subvencións figurará expresamente este requisito.
4. -O Concello poderá outorgar subvencións para actuacións que procuren a normalización lingüística e, segundo sinala o artigo 25 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, para fomentar dentro do seu ámbito a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras, por actos singulares, poderá outorgar reducións ou exencións das obrigas fiscais.
Capítulo XIII.- Calidade lingüística e linguaxe democrática e inclusiva
Artigo 20
1. -Debido a que a calidade lingüística de todos os textos públicos do concello transmite a imaxe da propia administración municipal e a que os textos emitidos desde a administración pública adoitan ser interpretados como modelos de lingua, en todos os textos, documentos e comunicacións do Concello coidarase especialmente a calidade e corrección lingüística.
2. -En todos os textos serán aplicados os criterios da linguaxe administrativa galega moderna, procurando sempre a súa máxima calidade, democratización, personalización, claridade dos contidos (modernización das formas, concisión e precisión, sinxeleza e ordenación) e uniformidade.
3. -En toda comunicación e documentación municipal usarase unha linguaxe inclusiva, utilizando as fórmulas non sexistas axeitadas que inclúan os dous xéneros cando os textos e comunicacións se dirixan tanto a mulleres como a homes, evitando así fórmulas sexistas, ocultación dun dos xéneros e posibles ambigüidades.
4. -O Concello de Ares velará para que nos textos e comunicacións das acción doutras entidades nas que colabore, participe ou apoie, se sigan estes mesmos criterios de calidade lingüística e linguaxe moderna, democrática e inclusiva.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
¿¿..Las ordenanzas,
incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los
acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de
los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no
entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya
transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas
fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en
Ó no ter coñecemento da
fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia
Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo
de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.