Narón - ORDENANZA FISCAL Nº 18, REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DOS SERVIZOS DAS ESCOLAS INFANTIS MUNICIPAIS
ARTIGO 1.- FUNDAMENTO E RÉXIME
No uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, e polo artigo 106 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto na Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa pola prestación dos servizo das escolas infantís municipal que se rexerá pola presente ordenanza fiscal en consonancia cos prezos públicos establecidos pola Xunta de Galicia no Decreto 49/2012, de 19 de xaneiro, actualizado por resolución da AGASS de 10 de maio de 2017, DOG núm. 97 do 23 de maio de 2017.
ARTIGO 2.- FEITO IMPOÑIBLE
Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servizo de escolas infantís municipais, consistente en escola infantil para nenos/a, educación, comedor e outros complementarios.
ARTIGO 3.- SUXEITOS PASIVOS
Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes as persoas que resulten beneficiadas ou afectadas polo servizo que constitúe o feito impoñible desta taxa.
Tendo en conta que as persoas usuarias do servizo gravado por esta taxa son menores de idade, que non teñen capacidade de obrar, actuarán no seu nome, cos efectos previstos na Lei xeral tributaria, os seus pais/nais, titores/as ou calquera outro representante legal a quen corresponda o exercicio da patria potestade.
ARTIGO 4.- RESPONSABLES
Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas que sexan causantes ou colaboren na realización dunha infracción tributaria.
ARTIGO 5. COTA TRIBUTARIA
5.1 Contías dos servizos:
5.1.1 ASISTENCIA E SERVIZOS ORDINARIOS
Os prezos públicos mensuais dos servizos prestados polas escolas infantís 0-3, en consonancia co establecido no Decreto 49/2012, de 19 de xaneiro, actualizado por resolución da AGASS de 10 de maio de 2017, DOG núm. 97 do 23 de maio de 2017, son os seguintes:
Contías en función do IPREM | Xornada completa (continuada ou partida) | ¿ xornada | Comedor |
Rendas inferiores ao 30 % IPREM | 0,00 | 0,00 | 0,00 |
Rendas entre o 30% e inferiores ao 50% IPREM | 0,00 | 0,00 | 17,45 |
Rendas entre o 50% e inferiores ao 75% IPREM | 34,91 | 17,45 | 17,45 |
Rendas entre o 75% e inferiores ao 100% IPREM | 69,81 | 34,90 | 26,45 |
Rendas entre o 100% e inferiores ao 125% IPREM | 112,13 | 56,06 | 37,02 |
Rendas entre o 125% e inferiores ao 150% IPREM | 133,29 | 66,64 | 52,89 |
Rendas entre o 150% e inferiores ao 200% IPREM | 147,05 | 73,52 | 63,47 |
Rendas superiores ao 200% IPREM | 169,26 | 84,63 | 74,05 |
Non obstante, atendendo ás circunstancias concorrentes, sobre este prezo aplicaranse as reducións, bonificacións, ou exencións, previstas no artigo 6 desta ordenanza.
Así mesmo, considerando a situación económica das familias usuarias, así como as aclaracións realizadas pola Xunta de Galicia sobre a aplicación nos concellos da gratuidade nas escolas infantís e puntos de atención á infancia, establécense os seguintes prezos para o almorzo e merenda:
Contías en función do IPREM | Almorzo | Merenda |
Rendas inferiores ao 30 % IPREM | 0,00 | 0,00 |
Rendas entre o 30% e inferiores ao 50% IPREM | 3,09 | 5,16 |
Rendas entre o 50% e inferiores ao 75% IPREM | 3,09 | 5,16 |
Rendas entre o 75% e inferiores ao 100% IPREM | 4,12 | 7,22 |
Rendas entre o 100% e inferiores ao 125% IPREM | 6,19 | 10,32 |
Rendas entre o 125% e inferiores ao 150% IPREM | 9,28 | 15,48 |
Rendas entre o 150% e inferiores ao 200% IPREM | 11,35 | 18,57 |
Rendas superiores ao 200% IPREM | 12,38 | 20,64 |
5.1.2 HORARIO AMPLIADO
Con carácter excepcional as familias usuarias do Servizo poderán ampliar a súa xornada de atención educativa, establecida como máximo en 8 horas, sempre que se acredite a súa necesidade, o prezo será de 21,16 €/hora/mes.
O prezo da ampliación de xornada non estará suxeito a redución algunha.
5.1.3 SITUACIÓNS ESPECIAIS
5.1.3.1 No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o Servizo de comedor e que desexen utilizar o Servizo algún día solto, o prezo será de 4,23€/día.
Este prezo non estará suxeito a redución algunha.
5.1.3.2 No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o Servizo de almorzo e que desexen utilízalo algún día solto, o prezo será de 1,54€/día.
Este prezo non estará suxeito a redución algunha
5.1.3.3 No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o Servizo de merenda e que desexen utilízalo algún día solto, o prezo será de 1,54 €/día.
Este prezo non estará suxeito a redución algunha
ARTIGO 6. EXENCIÓNS, BONIFICACIÓNS E REDUCCIÓNS
Atendendo á posta en marcha pola Xunta de Galicia da gratuidade da atención educativa de 8 horas nas escolas infantís durante o curso académico, unha vez entre en vigor a normativa reguladora, será bonificada a taxa da atención educativa nas Escolas Infantís Municipais de Narón, na xornada ordinaria de 8 horas, durante 11 meses do curso escolar.
Ademais da gratuidade do citado servicio educativo, segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplicar o disposto no artigo 5.1.1. e no artigo 5.1.3., aplicaranse os seguintes descontos, que non son acumulables entre si:
a. Nenos/as pertencentes a familias numerosas: 20 %
b. Nenos/as pertencentes a familias monoparentais: 20 %
c. Asistencia ao centro de varios irmáns: 20 % (o segundo e sucesivos) para os servizos distintos da atención educativa.
Para a aplicación dos descontos teranse en conta as circunstancias concorrentes no momento dea presentación da solicitude de praza nas EIM, que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias contidas na última declaración do IRPF.
Cando por circunstancias sobrevidas (solicitude fóra de prazo, traslado de residencia, etc.), o/a neno/a ingrese no centro con posterioridade ao día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes será do 50 %.
ARTIGO 7.- BASE DE CALCULO
7.1 Para os efectos do disposto nesta ordenanza:
A) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente, e as de análoga relación de convivencia, e:
a. Os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.
b. Os/as fillos/as maiores de idade suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
c. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.
A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente a 31 de decembro do ano anterior ao que se refiran os datos económicos, de acordo coas seguintes regras.
B)Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas de cada un/unha dos/as membros da unidade familiar do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar no cal se pretenda que produza efectos, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, do último IRPF.
Ás cantidades anteriores sumaranse calquera outro tipo de ingresos aínda que non foran susceptibles de gravame (pensións de alimentos, compensatorias, etc.), coas actualizacións correspondentes establecidas na resolución que as recoñezan.
O importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado mediante a presentación das copias certificadas pola Administración tributaria das declaracións do IRPF ou certificacións de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.
C) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental aquela unidade familiar da que forma parte un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con quen manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.
D) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.
7.2 Para as persoas non obrigadas a declarar, terase en conta os rendementos que figuren nos datos existentes na Administración.
7.3 Non obstante, cando as circunstancias na data de devindicación da declaración do IRPF non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento da presentación da solicitude de praza, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo e dos distintos descontos.
ARTIGO 8.- REVISION DE TARIFAS
Ao longo do curso poderase proceder á revisión da taxa fixada inicialmente cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:
a) A modificación das variables que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.
b) As variacións nos seus ingresos que impliquen unha modificación substancial na súa capacidade económica. Só se terán en conta as variacións que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20% no cómputo anual fronte aos ingresos declarados na solicitude de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior. Estas variacións deberán ter unha duración dun mínimo de 4 meses para ser tidas en conta e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola Axencia Estatal ou por calquera outra documentación que, a xuízo da Concellería correspondente, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.
c) A variación no número de membros da unidade familiar, se fose o caso.
Neste sentido a/o beneficiaria/o queda obrigada/o a comunicar calquera variación que se produza ao respecto, podendo o Concello facer unha revisión de oficio, a actualización de datos económicos que constan no expediente de cada neno/a, podendo verse modificada a súa tarifa.
A modificación da taxa, se é o caso, será resolta pola Concellería correspondente do Concello de Narón e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.
ARTIGO 9.- PERIODO IMPOSITIVO E RETRIBUCION
9.1 O período impositivo coincide co mes natural de prestación de servizos. A cota tributaria resultante da aplicación dos dous preceptos anteriores non poderá reducirse aínda cando a prestación do servizo non teña lugar durante todo o mes natural. Nos casos de nenos/as en períodos de adaptación, se o servizo de comedor comeza a prestarse con posterioridade ao día 15 do mes, cobrarase a taxa de comedor correspondente a medio mes.
9.2 A taxa retribúese co inicio do mes natural, agás nos casos de incorporación ao servizo con posterioridade ao día 15 do mes correspondente, no que se retribuirá o 50% da taxa.
9.3 No caso de utilizar o servizo de comedor por días soltos, realizarase o pago da taxa no mes seguinte.
9.4 A falta de pagamento de dúas mensualidades consecutivas ou tres alternas orixinará a perda do dereito á praza.
ARTIGO 10.- XESTION E RECADACION DA TAXA
O cobro das taxas que deberán aboar os interesados será xestionado polo Concello de Narón.
O Concello elaborará mensualmente, dentro dos dez primeiros días de cada mes, un padrón cos obrigados ao pago, que será aprobado e publicado, do que derivará un recibo que será pasado ao cobro na conta bancaria sinalada polos interesados no documento de domiciliación bancaria (T-TES-01) que obra nos expedientes dos solicitantes, de acordo co calendario do contribuínte elaborado pola Tesourería Municipal, no que constará o horario, o custe, e a gratuidade do servizo educativo.
ARTIGO 11.- SUSPENSIÓN TEMPORAL DA COTA
Os suxeitos pasivos aos que se refire o artigo 3º, non terán a obriga de aboar a cota durante os seguintes períodos:
a) O mes de vacacións anual da/o nena/o.
b) Cando por calquera motivo distinto ao período de vacacións anuais o centro permaneza pechado por un período superior a quince días.
ARTIGO 12.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
En materia de infraccións e sancións estarase ao disposto na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.
DISPOSICION FINAL
A presente ordenanza fiscal entrará en vigor unha vez que se publique o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse a partir do día 1 de setembro de 2022, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.