Narón - ORDENANZA DE NORMALIZACIÓN LINGÚÍSTICA DO CONCELLO DE NARÓN

Publicación provisional: 09/05/2023 BOP Nº: 87
Publicación definitiva: 27/06/2023 BOP Nº: 121
Aplicable dende: 18/07/2023

Limiar

O Concello de Narón consciente da importancia de incorporar o galego, lingua propia e oficial de Galicia, en todos os ámbitos da vida municipal, impulsar a normalización do seu uso no conxunto da sociedade, e garantir os dereitos lingüísticos das veciñas e veciños de Narón e da cidadanía en xeral, e para darlle cumprimento á lexislación vixente en materia lingüística que lle atribúe ás administracións locais a obriga e a responsabilidade de contribuír na tarefa da normalización da lingua galega, aproba a presente Ordenanza de normalización lingüística, unha norma que regula o uso da lingua galega na institución.

Sobre a base normativa na que se vai asentar esta ordenanza cómpre destacar a nivel estatal e galego a Constitución española, o Estatuto de autonomía e a Lei de normalización lingüística, así como o Plan xeral de normalización da lingua galega que aínda que non é unha lei ou normativa, si é unha ferramenta importante para a normalización social do idioma e para a protección dos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas.

A Constitución española de 1978 no seu artigo 3 establece a cooficialidade das linguas das comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos.

O Estatuto de autonomía de Galicia de 1981dispón no artigo 5 que o galego é a lingua propia de Galicia e que os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e que todos teñen o dereito de coñecelos e usalos. Así mesmo, atribúelles aos poderes públicos competencias en materia de lingua galega, correspondéndolles concretamente garantir o uso normal e oficial dos dous idiomas, potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e dispor os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, de conformidade coas disposicións precedentes, garante a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia e posibilita a incorporación da lingua galega á Administración, ao ensino e aos medios de comunicación públicos, favorecendo un cambio de tendencia na súa consideración social e na incorporación do idioma a novas esferas da vida social.

O Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), aprobado por unanimidade no Parlamento Galego en 2004, recolle como obxectivos específicos para a Administración local ¿consolidar o papel normalizador das corporacións locais e das deputacións por medio da xeneralización do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos seus administrados e administradas", ¿incluír a promoción do galego, no concepto de servizo que o concello e a comarca lle ofrecen á cidadanía, tanto directamente como a través de empresas subcontratadas", así como ¿poñer os medios para que toda persoa traballadora ao servizo directo ou indirecto da Administración local ou comarcal teña unha actitude favorable ao emprego da lingua propia de Galicia, coñecemento oral e escrito suficiente para atender nesa lingua á cidadanía que o desexe e que teña tamén práctica habitual da oferta positiva".

Se nos circunscribimos á Administración local de Galicia, temos que subliñar dúas leis: a Lei 5/1988, do 21 de xuño, de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia que tamén buscan impulsar o proceso de normalización lingüística neste ámbito, fundamentalmente na documentación oficial.

Por último, tamén cómpre destacar a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias que busca protexer a diversidade lingüística e promover e garantir os dereitos lingüísticos dos falantes das linguas minorizadas. No artigo 10.2 estipula que as autoridades locais se comprometen a permitir e a fomentar o emprego das linguas rexionais ou minoritarias no marco da Administración local e, en concreto, nas solicitudes, nos textos oficiais, nos debates das súas asembleas e na toponimia, así como do resto de actividades que as administracións realicen por si mesmas ou por terceiros interpostos para a prestación dos servizos públicos garantidos.

Capítulo I.- O uso oficial do idioma galego

Artigo 1

1. O galego, como lingua propia e oficial de Galicia, é idioma oficial do Concello de Narón.

2. De acordo coa lexislación vixente en materia lingüística, o castelán tamén é cooficial.

3. O Concello de Narón empregará o galego en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social, e nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galicia, así como con aquelas radicadas fóra da comunidade autónoma que admitan o galego para as actuacións administrativas.

4. Todas as actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal terán plena validez e eficacia.

5. As cidadás e os cidadáns teñen dereito a utilizar o idioma oficial da súa elección nas súas relacións co Concello de Narón e os seus organismos.

6. As cidadás e os cidadáns teñen dereito a ser atendidos e a obter ou recibir toda a documentación e notificacións municipais no idioma oficial da súa elección.

 

Capítulo II.- Ámbito de aplicación

Artigo 2

1. O Concello de Narón e os organismos que del dependen -padroados, organismos autónomos, sociedades, centros de formación, escolas, bibliotecas municipais, escolas infantís municipais, etc- rexeranse polos criterios establecidos nesta ordenanza.

2. As empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato, así como as de explotación mixta, tamén se rexerán por esta ordenanza, o cal se fará constar explicitamente na documentación correspondente (concursos públicos, convenios, pregos de cláusulas, contratos, etc).

3. O Concello de Narón velará para que nas actividades nas que participe ou teña representación, así como no ámbito interno e nos organismos que del dependen sexan aplicados os principios desta ordenanza.

4. Todos os servizos, departamentos, oficinas e organismos dependentes do Concello de Narón terán en conta a necesidade de normalización da lingua galega, polo que asumirán o desenvolvemento desta ordenanza en todas e cada unha das accións do seu funcionamento cotián.

Capítulo III.- Atención ao público

Artigo 3

1. Todos os servizos de todas as unidades administrativas que teñan relación co público empregarán o galego como lingua normal de comunicación de entrada, tanto oral como escrita, isto é, practicarán a oferta positiva en lingua galega.

2. A atención ao público mediante mecanismos automáticos, tales como contestadores de teléfonos ou outros medios telefónicos ou informáticos, usarán por defecto e de entrada o galego, e así se especificará cando sexan comprados, contratados e/ou programados.

3. O disposto no presente artigo tamén é de aplicación para as empresas ou entidades que presten servizos públicos municipais por concesión, arrendamento, concerto ou contrato.

Capítulo IV.- Documentación e actuación administrativa

Artigo 4

1. Como criterio xeral, todas as actuacións do Concello de Narón realizaranse en galego, sen prexuízo de que, cando legalmente sexa requisito, ademais de en galego, tamén se fagan noutra(s) lingua(s).

2. Será redactada en lingua galega, cando menos, a seguinte documentación administrativa:

a. As convocatorias de sesións de todos os órganos do Concello de Narón, así como as ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas, rogos, preguntas e as actas dos citados órganos municipais.

b. As resolucións de todos os órganos municipais.

c. Toda a documentación xerada polo concello que forme parte dos expedientes administrativos que teñan que someterse á decisión ou coñecemento dos devanditos órganos.

d. As actas e acordos de todos os órganos dos consellos e entidades con personalidade xurídica dependente deste concello.

e. As notificacións, recursos, escrituras públicas e, en xeral, todos os actos de carácter público ou administrativos que se realicen por escrito en nome do Concello de Narón.

3. Todos os formularios e modelos de documentación utilizados polos diferentes órganos do Concello de Narón serán redactados e difundidos en lingua galega.

Artigo 5

1. Sen prexuízo do que para os rexistros públicos establece o artigo 9 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, nos rexistros administrativos das oficinas do Concello de Narón os asentos faranse sempre en galego, independentemente da lingua na que estean escritos.

 

Capítulo V.- Publicacións, accións informativas, formativas e actividades públicas

Artigo 6

1. Os anuncios oficiais da Corporación que se publiquen no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e no Diario Oficial de Galicia ou en calquera outro medio de comunicación serán redactados e publicados en galego. Cando legalmente sexa requisito, tamén se poderán redactar en castelán, como lingua cooficial, e achegarase unha tradución do orixinal en lingua galega.

2. As publicacións que edite o Concello de Narón, teñan ou non carácter periódico, sexan en papel ou dixitais, realizaranse en lingua galega.

3. As publicacións editadas por outras entidades, públicas ou privadas, nas que colabore o Concello de Narón e teñan difusión en Galicia, realizaranse en lingua galega. Para lle dar cumprimento a isto, cando os haxa, nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc, farase referencia a este requisito.

Artigo 7

1. As campañas publicitarias do Concello de Narón e de promoción de todas as actividades organizadas realizaranse en galego.

2. Na contratación de publicidade, o concello terá en conta os medios de comunicación que usan o galego en distintos soportes.

3. As campañas publicitarias e de promoción de actividades (cursos, xornadas, conferencias, festas, espectáculos, actividades deportivas, festivais, campionatos etc.) doutras entidades nas que dalgún xeito colabore o Concello de Narón faranse en galego. Para lle dar cumprimento a isto, cando os haxa, nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc, farase referencia a este requisito.

4. A publicidade que se difunda en instalacións e mecanismos cuxo titular sexa o Concello de Narón deberá ser redactada en galego.

5. As páxinas ou sitios web, redes sociais, sede electrónica, aplicacións, correos electrónicos¿ municipais ou calquera outra posibilidade de presenza na rede estarán redactadas en galego. Non obstante, a información poderá publicarse, ademais, na outra lingua oficial.

Artigo 8

1. As accións formativas organizadas polo Concello de Narón desenvolveranse principalmente en lingua galega.

2. A formación puntual e actividade xeral ofertada regularmente polo concello nos seus distintos centros dependentes desenvolverase utilizando normalmente o galego como lingua de comunicación. O establecido neste punto terase en conta e farase referencia ao seu contido en casos como:

a) Na contratación de persoal para os distintos centros.

b) Na organización de actividades nos distintos centros.

c) Na contratación de empresas.

d) Nos regulamentos dos distintos centros, se os houber.

3. Para que o Concello de Narón colabore en accións formativas organizadas por outras entidades será requisito que estas se desenvolvan, en xeral, en lingua galega. Este requisito transmitiráselle á entidade ou entidades organizadoras e explicitarase nos acordos de colaboración, convocatorias de subvencións, contratos, etc.

Artigo 9

1. Os membros do Goberno municipal expresaranse normalmente en galego nos actos que teñan lugar no ámbito lingüístico galego, e nos que interveñan en virtude do seu cargo. Poderán usar o castelán ou outros idiomas se así o aconsellan as circunstancias.

2. Nas intervencións que os membros do Goberno municipal realicen ante os medios de comunicación galegos, a lingua que empregarán será o galego.

3. Todas aquelas actividades comunicativas, culturais, deportivas, divulgativas etc. (eventos, conferencias, intervencións públicas, xornadas, congresos, charlas, campionatos, competicións, probas, espectáculos, festivais, etc.) organizadas polo Concello de Narón desenvolveranse, en xeral, en lingua galega.

4. Para que o Concello de Narón colabore en actividades comunicativas, culturais, deportivas, divulgativas, etc. (xornadas, congresos, charlas, campionatos, competicións, probas, espectáculos, festivais etc.) organizadas por outras entidades valorarase especialmente que estas se desenvolvan en lingua galega. Isto seralle transmitido á entidade ou entidades organizadoras coas que se colabora e explicitarase nos acordos de colaboración, contratos ou convocatorias.

Artigo 10

1. Os textos con alto valor divulgativo que vaian ser difundidos polo Concello de Narón en calquera soporte (diarios oficiais, xornais, revistas, carteis, folletos,...) serán enviados previamente ao Servizo de Normalización Lingüística para a súa revisión lingüística.

Capítulo VI.- Relación coas empresas privadas

Artigo 11

1. Os documentos públicos ou contractuais subscritos polo Concello de Narón con empresas privadas, particulares ou persoas xurídicas serán redactados en galego. Se a súa finalidade o esixe, poderán ser traducidos a outra(s) lingua(s).

2. Os estudos, proxectos, informes, documentos e traballos análogos resultantes dunha relación contractual entre o Concello de Narón e unha persoa física ou xurídica privada serán redactados e entregados en galego, excepto que a súa finalidade esixa a redacción noutra lingua. Este requirimento farase explícito nas convocatorias, pregos de condicións ou solicitudes dos ditos traballos.

Artigo 12

1. Para a contratación de servizos que se lle presten ao concello, especificarase que deben ser prestados preferentemente en galego. Este requirimento especificarase, de os haber, nos acordos, contratos, pregos, etc correspondentes.

 

Capítulo VII.- Relación con outras administracións

Artigo 13

1. As comunicacións do Concello de Narón que se dirixan a calquera das administracións públicas de ámbito territorial galego redactaranse en lingua galega.

2. As comunicacións do concello que se dirixan á Administración xeral e periférica, de xustiza ou militar dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, redactaranse en lingua galega.

Artigo 14

1. A documentación do Concello de Narón dirixida ás administracións públicas de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia redactarase en lingua galega e realizarase unha copia en castelán e/ou noutra lingua que proceda, tendo en conta o ámbito lingüístico de recepción da documentación.

2. As copias de documentos do Concello de Narón redactados en galego que sexan solicitados por administracións públicas de fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia serán tramitadas en lingua galega. Achegarase con eles unha tradución á lingua ou linguas ás que legalmente proceda, tendo en conta o ámbito lingüístico de recepción dos documentos.

Artigo 15

1. Con respecto aos documentos dirixidos directamente a persoas xurídicas distintas das administracións públicas, o Concello de Narón aterase ao que estipulan as disposicións legais vixentes e procurará redactalos en galego, sempre que sexa posible.

Capítulo VIII.- Persoal ao servizo da administración

Artigo 16

1. De acordo coa lexislación vixente en materia lingüística, o persoal ao servizo do Concello de Narón coñecerá suficientemente e estará en condicións de empregar correctamente a lingua galega no desenvolvemento do seu traballo, tanto oralmente como escrito.

2. Para acadar este obxectivo establécense as seguintes regras xerais:

a) Nos procedementos de selección de persoal incluirase unha proba de lingua galega que demostre a capacitación para o desenvolvemento do traballo neste idioma. A proba adecuarase sempre ao nivel e contido das prazas convocadas e de acordo ás funcións do posto, podendo ser oral e/ou escrita. A persoa aspirante quedará exenta desta proba se acredita estar en posesión do Celga correspondente, de acordo coa normativa vixente.

O Concello de Narón establecerá nas bases das convocatorias o nivel de coñecemento de galego que deberá acreditar o persoal aspirante e será o Servizo de Normalización Lingüística quen asesore a entidade para determinar o perfil lingüístico de cada posto.

b) Nos procesos selectivos incluiranse explicitamente nos cuestionarios e probas a avaliación do coñecemento da lexislación aplicable ao uso da lingua galega no Concello de Narón.

c) Nos procedementos de promoción profesional e promoción interna, e nos procedementos de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal, a acreditación do coñecemento da lingua galega Celga terá, ademais, consideración de mérito puntuable, así como os títulos oficiais de linguaxes específicas galegas (administrativa e xurídica), para o que nas convocatorias se establecerá un baremo axeitado ao posto para puntuar as acreditacións Celga e os títulos oficiais de linguaxes específicas galegas.

d) Terase en conta ao persoal técnico do Servizo de Normalización Lingüística para asesorar os tribunais na avaliación do coñecemento do idioma galego na selección de persoal e na provisión de postos de traballo e para colaborar na creación das correspondentes probas.

e) As probas selectivas para a provisión de prazas e a contratación de persoal ao servizo do Concello de Narón redactaranse en lingua galega e distribuiranse así por defecto a todas as persoas candidatas. Terase á disposición de quen o solicite con antelación unha copia dos cuestionarios das probas en castelán. As probas poderán ser realizadas en calquera lingua oficial independentemente da lingua empregada no cuestionario.

f) O Servizo de Normalización Lingüística programará periodicamente unha acción formativa dirixida ao persoal do Concello de Narón para reciclar e actualizar os seus coñecementos en linguaxe administrativa galega.

g) O persoal que actualmente traballa ao servizo do concello que non estea capacitado para o correcto desenvolvemento do seu traballo en lingua galega deberá adquirir tal capacidade.

Para tal efecto, o Concello de Narón, a través do Servizo de Normalización Lingüística desenvolverá programas formativos para que todo o persoal que non teña os coñecementos necesarios para exercer as súas funcións en galego poida adquirilos o antes posible. Esta formación poderá efectuarse en colaboración con outras administracións e entidades.

Capítulo IX.- Toponimia, nomes de rúas, edificios e outras localizacións

Artigo 17

1. A única forma oficial dos topónimos do termo municipal do Concello de Narón é a galega, ao igual que os demais topónimos de Galicia, tal e como establece o artigo 10 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Ademais, na lexislación estatal e galega sobre a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, recoñécese a toponimia tradicional como ben deste patrimonio, por ser instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos territorios. Disponse tamén que as administracións públicas velarán polo seu respecto e conservación, así como que as administracións locais teñen a obriga de protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural. En consecuencia:

a) O Concello de Narón promoverá, no ámbito das súas competencias, a recuperación, historia, orixe, coñecemento e uso da toponimia e microtoponimia propia do concello e preservará as formas tradicionais dos nomes dos lugares.

b) O concello velará polo uso correcto da toponimia en toda a documentación que xere e publique e tamén na publicidade que contrate e na súa presenza na rede (Internet). O concello poderá solicitar ao Servizo de Normalización Lingüística asesoramento en materia de toponimia.

c) As formas dos topónimos empregadas polo concello e por todos os organismos dependentes del serán sempre as establecidas legalmente e promoverase o cambio se así non o fosen.

d) O Concello de Narón demandaralles a todas as entidades beneficiarias de calquera tipo de subvención, axuda, colaboración ou contrato o uso correcto da toponimia.

Artigo 18

1. Para lles dar nome ás rúas, edificios, prazas e outras localizacións seguirase o establecido na Ordenanza de rotulación de vías urbanas, diseminados e numeración de edificios do Concello de Narón, que establece no artigo 8º unha serie de pautas a seguir para nomear as vías públicas, que entre outros criterios, promoven a recuperación das formas tradicionais e populares. De ser o caso, o Servizo de Normalización lingüística, de oficio ou a petición do Negociado de Estatística, emitirá informes con fin de adecuar ou corrixir a nomenclatura existente.

Capítulo X.- Sinalización e rotulación

Artigo 19

1. Os rótulos, letreiros, indicadores e sinalizacións da Casa do Concello e dos outros edificios e servizos públicos e da rede viaria municipal, dependentes do concello ou instalados por empresas adxudicatarias ou concesionarias ou por calquera outra entidade, estarán redactados en galego. No caso de que inclúan toponimia, deberán respectar a forma oficial do topónimo de acordo coa lei.

2. Cando a normativa ou o interese xeral o requira, os rótulos, letreiros, indicadores e sinalizacións tamén poderán incorporar outra(s) lingua(s).

3. Todos os vehículos do parque móbil municipal (Policía local, SPEIS, Servizos Externos,¿) e dos organismos autónomos, así como os uniformes e outro tipo de vestimenta ou material levarán a súa rotulación en galego.

4. Os textos dos rótulos, letreiros, indicadores e sinalizacións serán revisados polo Servizo de Normalización Lingüística antes da súa impresión ou materialización nos correspondentes soportes.

Capítulo XI.- Impulso institucional do idioma galego

Artigo 20

1. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 3/1983, de normalización lingüística, o Concello de Narón fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras dentro do ámbito municipal.

Así mesmo, o Concello de Narón cumprirá coa restante lexislación que apoie a normalización lingüística e adoptará, dentro do seu ámbito, as medidas recollidas no Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2004, que teñen por obxecto favorecer a normalización lingüística na Administración local e en diferentes sectores sociais como a sanidade, mocidade, medios, ensino, familia, economía,¿

2. O Concello de Narón poñerá en marcha programas dirixidos á poboación e ás entidades asociativas ou empresariais do municipio para conseguir a implicación progresiva de todos os colectivos no proceso de recuperación social da lingua galega, e fomentará -co deseño e posta en marcha dos programas oportunos- o uso e prestixio do galego na transmisión interxeracional, na mocidade, nas novas tecnoloxías, no deporte, na creación e difusión cultural, no ámbito empresarial e comercial, no lecer, na educación e en calquera outro ámbito social.

O Servizo de Normalización Lingüística será o departamento técnico encargado de planificar, coordinar e desenvolver estes programas.

3. Todos os órganos do Concello de Narón impulsarán a normalización lingüística no seu ámbito de actuación. O Servizo de Normalización Lingüística asesorará a Corporación municipal nesta materia.

4. O Concello de Narón para impulsar o traballo en normalización lingüística e mellorar a súa efectividade valorará a conveniencia de participar de forma colaborativa e coordinada en proxectos ou accións desenvolvidos por outros concellos, administracións públicas, entidades, asociacións, centros educativos,¿

5. Valorarase como criterio positivo na concesión de subvencións e axudas as iniciativas e actividades que contribúan á normalización e ao incremento do uso e prestixio da lingua galego. Asemade, a comunicación e a produción escrita e oral (cartelaría, publicidade, publicacións, etc.) a que dea lugar toda a actividade subvencionada polo Concello de Narón deberá estar en lingua galega. Este requisito figurará de forma expresa na convocatoria e bases correspondente.

Capítulo XII.- Calidade e corrección lingüística e linguaxe inclusiva

Artigo 21

1. En todos os textos, documentos e comunicacións do Concello de Narón coidaranse especialmente a calidade e corrección lingüística no uso do galego, xa que os textos emitidos desde as administracións públicas adoitan ser interpretados como modelo de lingua. Serán aplicados os criterios da linguaxe administrativa galega moderna, procurando sempre a súa máxima calidade, democratización, personalización, claridade dos contidos e uniformidade na presentación dos documentos.

2. Do mesmo modo, usarase unha linguaxe inclusiva, igualitaria para todas as persoas e evitaranse as fórmulas sexistas ou discriminatorias. Unha linguaxe inclusiva e que represente a diversidade debe alcanzar tamén a aquelas persoas que non se senten identificadas coa división tradicional muller-home.

En formularios, impresos, solicitudes,¿sempre que sexa posible, incluiranse as diversas identidades de xénero e a diversidade familiar.

3. O Concello de Narón poñerá á disposición do persoal municipal información e formación sobre recursos e ferramentas existentes para facilitar o emprego dunha linguaxe inclusiva, así como asesoramento e revisión de documentos para garantir unha linguaxe igualitaria e inclusiva.

4. O Concello de Narón velará para que nos textos e comunicacións das accións doutras entidades nas que colabore, participe ou apoie, se sigan estes mesmos criterios de calidade e corrección lingüística e linguaxe democrática e inclusiva.

Capítulo XIII.- O Servizo de Normalización Lingüística

Artigo 22

1. O Concello de Narón conta cun Servizo de Normalización Lingüística (SNL) que é o departamento técnico encargado de impulsar a normalización da lingua galega, procurar o incremento do uso e prestixio do idioma galego no ámbito municipal e coordinar as accións necesarias para darlle cumprimento a esta ordenanza.

2. As funcións que desenvolve este servizo, detállanse a continuación:

 

Xerais:

i. Asesorar a administración en todo o relacionado coa política lingüística.

ii. Facer seguimento do cumprimento da lexislación en materia lingüística por parte da institución, e, polo tanto, velar para que se lle garantan os dereitos lingüísticos á cidadanía.

iii. Colaborar coa administración para determinar os perfís lingüísticos necesarios en cada un dos postos de traballo e colaborar nas probas e procesos selectivos para que se avalíen convenientemente os coñecementos lingüísticos por parte das persoas aspirantes.

iv. Informar sobre a conveniencia, oportunidade, método, etc., de incorporar accións con obxectivos normalizadores en programas ou accións do concello de índole diversa, e colaborar na súa especificación, deseño e materialización.

 

Dinamización lingüística:

i. Fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade.

ii. Planificar, xestionar, executar e avaliar accións a prol da lingua galega no ámbito de influencia da entidade.

iii. Planificar e propoñer programas dinamizadores e accións concretas que conciencien a sociedade respecto ao uso e prestixio da lingua galega, e a impliquen no proceso normalizador.

iv. Fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social.

v. Promover e coordinar redes de traballo para o fomento do uso do galego no ámbito asociativo, educativo, empresarial,... do termo municipal.

 

Formación sociolingüística:

i. Planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, para o persoal da Administración e para sectores sociais concretos.

ii. Difundir materiais que contribúan á tarefa normalizadora: dereitos lingüísticos, lexislación, recursos lingüísticos, etc.

iii. Colaborar no deseño de programas de formación non lingüística para garantir a presenza do galego e de contidos favorables á mellora de actitudes lingüísticas.

 

Asesoramento lingüístico:

i. Mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración.

ii. Fixar criterios lingüísticos para a organización.

iii. Revisar e validar lingüisticamente textos, especialmente aqueles que vaian ter maior difusión, impacto ou permanencia (carteis, folletos, rotulación, anuncios, impresos, publicacións, etc.), para garantir a calidade lingüística e o uso dunha linguaxe moderna, democrática e inclusiva.

iv. Resolver dúbidas e consultas lingüísticas: terminolóxicas, sobre lexislación lingüística, toponimia,...

v. Deseñar e recomendar materiais específicos atendendo ás necesidades dos departamentos.

 

Capítulo XIV.- Cumprimento e seguimento da ordenanza

Artigo 23

1. Para darlle cumprimento, velar pola aplicación e facer seguimento desta ordenanza, o Concello de Narón creará unha comisión político-técnica de seguimento da ordenanza de normalización lingüística.

2. Esta comisión reunirase polo menos unha vez ao ano para analizar o cumprimento e desenvolvemento da ordenanza e propor medidas para a súa aplicación, e extraordinariamente cando a convoque a Alcaldía por iniciativa propia ou a petición dalgún dos seus membros.

3. A actualización, ampliación ou revisión progresiva desta ordenanza tamén lle corresponde a esta comisión, que lle fará a proposta correspondente ao Pleno do Concello, para que, se procede, se aprobe a modificación.

 

Disposición final. Entrada en vigor

A presente ordenanza entrará en vigor de acordo co establecido nos artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, do 02 de abril, reguladora das bases do réxime local, unha vez transcorrido o prazo de quince días hábiles dende a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.