Arteixo - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA PROTECCIÓN DOS CAMIÑOS E VÍAS PÚBLICAS MUNICIPAIS DO CONCELLO DE ARTEIXO

Publicación provisional: 08/04/2024 BOP Nº: 68
Publicación definitiva: 04/06/2024 BOP Nº: 107
Aplicable dende:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Concello de Arteixo conta cunha superficie de preto de 100 quilómetros cadrados, estando parte desa superficie cuberta por especies arbóreas, moitas das cales son aproveitadas polos seus propietarios como recursos forestais.

Para permitir a comunicación de todos os espazos que conforman o territorio do termo municipal, o Concello de Arteixo conta cunha rede de vieiros que supera os 350 quilómetros de lonxitude, servindo moitas destas vías para comunicar diferentes núcleos de poboación e dar servizo a multitude de propiedades, moitas delas forestais.

No conxunto destas vías, periodicamente, véñense facendo investimentos para rehabilitar ou conservar e mellorar o seu trazado, o seu firme e as súas infraestruturas asociadas. Estes esforzos da Administración atópase moitas veces co uso non axeitado que se fai desas pistas e camiños municipais, provocando danos e desfeitas que dificultan o seu uso posterior para a finalidade para a cal foron concebidos.

Son, sen dúbida, as actividades de saca de madeira e outros usos madeireiros, así como o transporte de materiais procedentes de escavacións ou da industria mineira, os que maior repercusión negativa teñen sobre este tipo de pistas e camiños municipais, moitos dos cales non están deseñados para soportar o tráfico dos vehículos pesados empregados nas actividades referidas.

Co obxectivo principal de coidar da debida conservación dos camiños e vías públicas municipais, preténdese desenvolver esta normativa municipal, a cal regulará o uso axeitado destes por parte dos usuarios que pretendan, entre outras actividades, a realización de labores de xestión forestal, como son as operacións de corta e saca de madeira.

TÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Réxime xurídico

A regulamentación por medio da presente ordenanza do uso do dominio público viario municipal nas operacións de saca de madeira fundaméntase no uso das competencias que lle atribúen ao Concello os artigos 4, 25.2.d), 84 e 139 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, 28 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do Patrimonio das Administracións Públicas e 44.2 e 74 e seguintes do Real Decreto 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Bens das Corporacións Locais.

Artigo 2.- Obxecto

A presente ordenanza ten por obxecto a regulación das condicións do aproveitamento especial do dominio público viario de titularidade municipal co gallo de evitar os danos que puidera ocasionar a realización das tarefas relacionadas coas actividades forestais e outras análogas, principalmente sacas de madeira.

Artigo 3.- Ámbito de aplicación

Quedan obrigadas por esta norma todas as operacións de saca e outras relacionadas co ámbito forestal, as cales utilicen bens de dominio público municipal do Concello de Arteixo, sen prexuízo das disposicións especiais que poidan rexer en zonas cualificadas como especialmente protexidas ou espazos naturais.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta ordenanza:

a) As cortas puntuais de exemplares de árbores illadas.

b) As podas en plantacións forestais.

c) clareo de rebrotes de cepa de menos de tres anos.

d) Os traballos de roza e limpeza de predios.

e) As cortas que teñan por finalidade os aproveitamentos para uso doméstico con vehículos agrícolas.

f) A eliminación dunha situación de perigo para as persoas ou bens.

Artigo 4.- Definicións

Para os efectos da presente ordenanza, defínense os seguintes termos:

 Camiño ou vía municipal: vieiro de comunicación terrestre de titularidade pública e competencia municipal que facilitan a comunicación directa con poboacións limítrofes, núcleos urbanos e fincas e puntos de auga, así como aqueloutros que serven aos fins propios de actividades agropecuarias, forestais e o propio goce do contacto co medio natural e rural.

 Actividade forestal: aquela que se desenvolve a partir do aproveitamento múltiple dos recursos que proporcionan os terreos nos que vexetan especies arbóreas, sexan de nacemento ventureiro, de semente ou de plantación, sempre que non sexan característicos do cultivo agrícola.

 Corta: operación silvícola de apeo das árbores.

 Operacións de saca de madeira: totalidade de tarefas desenvolvidas, o obxecto das cales é a obtención e o transporte da madeira de corta, incluíndo tanto as operacións previas ou preparatorias á corta (desprazamento dos vehículos e da maquinaria, preparación dos terreos, construción de ramplas de acceso ás parcelas e outras infraestruturas accesorias, etc.), así como as posteriores (preparación e depósito da madeira, carga e transporte).

 Empresa madeireira: persoa física ou xurídica que realice as labores de preparación do terreo, repoboación, corta, saca, depósito e transporte de madeira. Tamén abranguerá aquelas persoas propietarias que realicen algún destes labores nas parcelas da súa propiedade, sempre e cando non sexan para autoconsumo e teñan por destino a súa comercialización.

TÍTULO II. AUTORIZACIÓN E RÉXIME XURÍDICO

Artigo 5.- Autorización previa

O aproveitamento especial do dominio público viario municipal mediante a execución de operacións de corta e saca de madeira dentro do termo municipal de Arteixo está suxeito a autorización municipal previa.

A solicitude de autorización será presentada pola empresa madeireira no rexistro electrónico municipal consonte ao modelo normalizado aprobado polo Alcalde ou concelleiro en quen delegue.

Para o outorgamento da autorización municipal será necesaria a previa obtención dos permisos ou autorizacións que, consonte á normativa sectorial vixente, sexan necesarios para a realización da actividade pretendida, xa foran da autoridade forestal, de conservación da natureza, de protección do dominio público hidráulico ou marítimo terrestre, de preservación do patrimonio arqueolóxico ou calquera outra, incluída a licenza municipal urbanística cando sexa legalmente preceptiva.

O escrito de solicitude previa axustarase ao modelo normalizado aprobado polo Concello e deberá vir asinado pola empresa madeireira e acompañarase da seguinte documentación:

 Plano de situación da parcela afectada, a escala suficiente que permita a súa localización sen lugar a dúbida e represente a rede viaria municipal e as entidades de poboación máis próximas.

 Documentación gráfica na que se describa o lugar de depósito, os camiños e vías municipais empregados nos traballos e no transporte da madeira e as ramplas e infraestruturas accesorias que serán construídas para os mesmos.

 Copia do contrato de venta ou saca da madeira.

 Copia da solicitude de autorización ou comunicación previa requiridas na lexislación sectorial vixente. No caso de ser precisa licenza urbanística municipal, farase referencia á data de solicitude e ao número de resolución.

 Copia do seguro de responsabilidade civil que cubra os eventuais danos e prexuízos que poidan causarse na realización de traballos forestais, así como do último recibo pagado acreditativo de que o dito seguro está vixente no momento no que está prevista a realización das operacións.

 No seu caso, reportaxe fotográfico expresivo do estado previo das vías municipais afectadas pola actividade.

O escrito de solicitude será presentado cada vez que estea previsto realizar unha saca de madeira e para cada parcela ou monte. Poderase presentar unha soa solicitude para varios montes e/ou parcelas cando estes estean localizados na mesma zona e os traballos vaian ser realizados simultaneamente, ademais de utilizar os mesmos camiños e vías municipais.

Se o escrito de solicitude ou a documentación se presentase incompleta, requirirase ao interesado para que no prazo de 10 días hábiles a complete, emende ou aclare, coa indicación de que, namentres, queda suspendido o prazo máximo para resolver. Advertiráselle, ademais, de que en caso de incumprimento ou defectuoso acatamento do requirimento ditarase resolución téndoselle por desistido da súa petición, previa resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da lei de procedemento.

O Concello disporá de un prazo de quince días hábiles para resolver dende a data de presentación da solicitude no rexistro electrónico municipal acompañada da documentación preceptiva. No suposto de que, transcorrido dito prazo, o Concello non ditara resolución expresa, entenderase outorgada a autorización por silencio administrativo.

Artigo 6.- Limitacións ao aproveitamento especial do dominio público viario mediante operacións de saca de madeira

O Concello poderá prohibir o aproveitamento especial do dominio público viario mediante a realización de operacións de saca de madeira nos seguintes supostos:

- Nas épocas de perigo alto de incendio, nas que o emprego de maquinaria no monte constitúa un risco na produción de lumes forestais.

- Naquelas épocas de alta pluviosidade, nas que as condicións freáticas do terreo constitúan un risco de deterioro das calzadas das vías municipais en supostos de tránsito de vehículos pesados.

O Concello poderá denegar a autorización solicitada a aquelas empresas que, sendo requiridas para a reposición dos danos causados, a limpeza viaria ou a demolición ou retirada de construcións, instalacións ou depósitos sobre a vía pública, non atendera ao requirimento ou tivera pendente de pagamento os custes da execución subsidiaria, namentres tal incumprimento subsista.

Artigo 7.- Requisitos e obrigas

Son obrigas da empresa madeireira encargada de realizar as operacións de saca da madeira as seguintes:

a) Realizar as actuacións de saca de madeira evitando o deterioro do dominio público viario, empregando, a tal fin, os medios técnicos necesarios para garantir a súa conservación e evitando prácticas que faciliten o deterioro.

b) Comunicar ao Concello de xeito inmediato os danos que puidera haber ocasionado ao dominio público viario, así coma os danos existentes sobre o mesmo previos á realización da súa actividade de saca, co gallo de deslindar a súa responsabilidade.

c) Sinalizar os vieiros situados nas zonas de extracción e depósito da madeira consonte ao establecido na normativa vixente en materia de tráfico, circulación e seguridade viaria.

d) Limpar, retirar ou eliminar os residuos procedentes da corta de madeira e das operacións de almacenamento e carga, de xeito que os camiños, vías e espazos públicos queden en todo momento no mesmo estado de limpeza e conservación que tiñan antes de levarse a cabo esas operacións. Esta obriga deberase cumprir todos os días ao remate da xornada de traballo.

e) Limpar as superficies dos montes ou terreos forestais de xeito que non queden restos ou materiais que poidan constituír risco de incendio nos termos sinalados na lexislación forestal.

f) Repor ao seu estado anterior as ramplas e outras infraestruturas accesorias executadas para facilitar o acceso ás fincas ou montes.

g) Asumir os custes de reparación dos estragos producidos nos camiños e estradas municipais, nas estruturas anexas ou noutros elementos do dominio público local, como consecuencia da realización das actividades de corta e saca de madeira.

h) Adoptar as medidas oportunas para que as vías municipais, polas que se fai o transporte da madeira, estean en todo momento libres de polas, podalla, lama ou calquera outro elemento que puidera supoñer un risco para os usuarios da vía.

i) Dispor de un seguro vixente de responsabilidade civil que cubra os eventuais danos e prexuízos que poidan causarse na realización de traballos forestais. Dito seguro deberá cubrir, como mínimo, un importe por sinistro de danos materiais ou patrimoniais de 80.000 euros.

Os depósitos de rolla, polas e demais restos non poderán invadir as zonas de circulación viaria nin menoscabar a funcionalidade das gabias, rueiros, canalizacións, pontes ou calquera outra infraestrutura auxiliar ou anexa aos camiños e estradas, de cara a evitar riscos ás persoas usuarias. A estes efectos prohíbese o depósito ou almacenamento de lotes de madeira, así como, con carácter xeral, as labores agrícolas ou forestais nas zonas indicadas anteriormente.

Prohíbese o uso do dominio público para o almacén ou depósito da madeira, agás naquelas zonas expresamente autorizadas ao efecto polo Concello de Arteixo.

Prohíbese que os refugallos que non sexan estritamente vexetais fiquen no monte, vías ou lugares non autorizados. Os residuos asimilables a urbanos serán seleccionados e depositados nos colectores municipais axeitados de acordo á súa disposición. Os demais residuos, perigosos ou non, serán entregados a xestor autorizado.

En ningún caso poderán iniciarse os traballos de corta sen contar previamente coa autorización sectorial correspondente, cando as parcelas obxecto da actuación estean afectadas pola normativa sectorial de costas, augas, patrimonio, estradas ou calquera outra que resulte de aplicación.

Artigo 8. Reposición do dominio público viario

Presumirase o correcto estado de conservación das vías municipais. Non obstante, a empresa madeireira poderá acompañar á solicitude de autorización reportaxe fotográfico relativo ao estado previo das vías afectadas pola actividade de saca, co gallo de deslindar posibles responsabilidades.

No suposto de que o Concello detecte a existencia de alteracións ou danos no dominio público viario que razoablemente poidan imputarse a unha actividade de saca de madeira, o Concello requirirá ao suxeito responsable a que realice de xeito inmediato a reposición da realidade alterada. A orde de reposición se axustará ás características técnicas do tramo do viario afectado.

No suposto de incumprimento da orde de reposición no prazo outorgado, o Concello acordará a execución subsidiaria da mesma a custa do responsable.

Non obstante, naqueles supostos nos que os danos ocasionados poidan xerar unha situación de perigo ou ocasionen una interrupción do tráfico peonil ou rodado ou do normal funcionamento dos servizos públicos, o Concello poderá acometer as obras de reparación directamente e a custa do responsable.

A liquidación do custe de reposición ten natureza administrativa e o seu importe natureza de ingreso público, podendo recadarse por vía de constrinximento.

Cando a empresa incumpra o deber de obter autorización municipal, o propietario das parcelas nas que se realice a xestión forestal da que se deriven os danos ao dominio público municipal deberá identificar á empresa madeireira cando sexa requirido polo concello.

TÍTULO III. RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 9. Infraccións

1. Constitúen infraccións administrativas en relación con esta ordenanza os actos e omisións que contraveñan o establecido nela. A comisión de calquera infracción levará aparellada a imposición aos responsables das correspondentes sancións, ademais da obriga de indemnizar aos prexudicados polos danos derivados da súa comisión.

O incumprimento do disposto na presente ordenanza sancionarase segundo o establecido nos seguintes artigos, ao abeiro do título XI da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local. A imposición das sancións requirirá a tramitación do correspondente procedemento, de conformidade co disposto nos artigos 25 a 31 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público e da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

2. Constitúen infracción moi grave desta ordenanza as seguintes:

a) Non acadar a autorización municipal previa ao aproveitamento especial do dominio público viario.

b) A edificación ou execución non autorizada de calquera tipo de obras permanentes sobre o trazado da vía pública municipal, as súas infraestruturas e elementos accesorios ou a súa servidume.

c) Causar danos nas estradas, camiños e vías, así como noutros elementos do dominio público local, asociados a esas vías, por valor superior a 6.000,00 €.

d) Deixar as vías municipais nun estado de sucidade que supoña unha situación de risco para a seguridade viaria, así como a instalación de obstáculos que impida totalmente o tránsito ou xere un elevado risco para a seguridade das persoas e bens usuarios das vías públicas municipais.

e) A realización de vertidos que afecten ao dominio público municipal e que sexan susceptibles de provocar un deterioro grave no medio ambiente.

f) Usar as vías públicas para almacén ou depósito de madeira de forma que puideran supor un risco para os usuarios desas vías.

g) A reincidencia na comisión de dúas infraccións graves, firmes na vía administrativa, no prazo dun ano.

3. Considéranse infraccións graves:

a) Non achegar, ocultar ou falsear os datos ou a documentación esixida na presente ordenanza.

b) Causar danos nas estradas, camiños e vías, así como noutros elementos do dominio público local, asociados a esas vías, por valor igual ou inferior a 6.000,00 €.

c) Non proceder á reparación dos danos e/ou limpeza dos restos forestais dentro do prazo sinalado no requirimento municipal.

d) Deixar as vías municipais nun estado deficiente de limpeza, sempre que non supoña risco para a seguridade viaria.

e) Non demoler ou non volver ao estado orixinal as ramplas ou accesos que se abran para a entrada aos terreos forestais.

f) Obstruír a acción inspectora ou investigadora da Policía Local ou dos servizo municipais.

g) A constitución de depósitos de madeira en lugares non autorizados, sempre que non supoñan risco algún para os usuarios das vías.

h) O incumprimento por parte do propietario do monte da obriga de identificación da empresa madeireira.

i) A reincidencia na comisión de dúas infraccións leves no prazo dun ano.

4. Constituirán infraccións leves calquera outro incumprimento desta ordenanza que non estea cualificado como moi grave ou grave, a sanción da cal corresponda ao concello.

Artigo 10. Prescrición das infraccións

As infraccións previstas nesta lei prescribirán nos seguintes prazos:

As infraccións leves, ao ano.

As infraccións graves, aos dous anos.

As infraccións moi graves, aos tres anos.

O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese ou desde que se tivese coñecemento da súa comisión.

Interrompe a prescrición da infracción a incoación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, e o prazo de prescrición continuará se o expediente sancionador estiver paralizado máis dun ano por causa non imputable ao presunto responsable.

No caso de concorrencia de infraccións leves, graves e moi graves, ou cando algunha destas infraccións sexa medio necesario para cometer outra, o prazo de prescrición é o establecido para a infracción máis grave cometida.

Artigo 11. Persoas responsables

Serán responsables das infraccións sinaladas no artigo anterior as persoas físicas e xurídicas que as cometan en calidade de empresa madeireira.

Os propietarios das parcelas nas que se houberan realizado as actividades forestais serán responsables dos danos ocasionados no dominio público no suposto de non identificar a empresa madeireira unha vez sexan requiridos polo concello.

Artigo 12. Sancións

As infraccións desta ordenanza serán sancionadas coas seguintes multas:

Infraccións moi graves: multa de contía comprendida entre 1.500,01 € e 3.000,00 €.

Infraccións graves: multa de contía comprendida entre 750,01 € e 1.500,00 €.

Infraccións leves: multa de ata 750,00 €.

O importe das multas será graduado tendo en conta a circunstancias concorrentes e de acordo co establecido na normativa vixente.

O pagamento das multas poderase esixir pola vía administrativa de constrinximento, sen prexuízo da esixencia, se for o caso, das correspondentes responsabilidades civís e penais.

As sancións serán independentes da reparación do dano causado e da indemnización de danos e perdas a que houbese lugar.

A resolución do expediente sancionador corresponderalle á Alcaldía ou órgano delegado.

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

Primeira.- En cumprimento do disposto no artigo 70.2 da LBRL, esta ordenanza entrará en vigor unha vez que se publique o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo de quince días hábiles previsto no artigo 66.2 do citado texto legal.

Segunda.- A Alcaldía queda facultada para citar cantas ordes ou instrucións resulten necesarias para a adecuada interpretación, desenvolvemento e aplicación desta ordenanza, así coma para a aprobación dos modelos normalizados de solicitude.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

A partir da entrada en vigor desta Ordenanza Municipal queda derrogada a Ordenanza fiscal reguladora da taxa por depósito, carga e transporte de madeira de corta (Ordenanza fiscal nº 15).

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo de 15 días previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

Artigo 70.2: ¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.