Cabanas - REGULAMENTO DO SERVIZO MUNICIPAL DE CONCILIACIÓN CABANAS CONCILIA
CAPÍTULO I. NORMAS COMÚNS
Artigo 1. Obxecto.
O presente regulamento ten por obxecto establecer as normas de organización e funcionamento do servizo municipal de conciliación CABANAS CONCILIA do Concello de Cabanas, formado polas medidas municipais de conciliación de promoción autonómica Amencer na escola e do campamento urbano (Decreto 182/2008, de 31 de xullo, polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación).
Ademais do previsto neste Regulamento será de aplicación a Ordenanza Municipal reguladora do prezo público destas medidas, así como as restantes normas de réxime local e autonómicas de aplicación.
Para outros servizos da mesma índole que se poidan prestar esta norma será de aplicación por analoxía mentres non se desenvolva unha regulación propia.
Artigo 2. Ámbito de aplicación.
O ámbito de aplicación territorial do presente regulamento é o Concello de Cabanas.
A medida de conciliación Amencer na escola está dirixida á unidades familiares censadas ou non no Concello de Cabanas con persoas menores ao seu cargo que estean escolarizadas entre o 2º ciclo de Educación Infantil e 6º de Educación Primaria no CEIP Plurilingüe Eladia Mariño.
A medida de conciliación Campamento urbano está dirixida de maneira prioritaria á unidades familiares censadas no Concello de Cabanas con persoas menores ao seu cargo que estean escolarizadas entre o 2º ciclo de Educación Infantil e 6º de Educación Primaria.
Artigo 3. Concepto
O servizo municipal de conciliación CABANAS CONCILIA é unha acción de carácter socioeducativa dirixida a apoiar á uniades familiares con persoas menores ao seu cargo na conciliación persoal, familiar e laboral, así como recoñecer as diferentes situacións familiares do municipio, mellorando o seu benestar persoal e social.
O servizo ofrece unha alternativa de maneira preferente a aquelas unidades familiares que non contan ou teñen dificultades para dispoñer de outros recursos de apoio dentro da súa rede familiar ou social; ou ben, que non lles é práctica a aplicación das medidas legais vixentes en materia de conciliación persoal, familiar e laboral.
O Servizo municipal CABANAS CONCILIA ten como obxectivos os seguintes:
− Apoiar a conciliación persoal, familiar e laboral das familias das nenas e nenos participantes.
− Favorecer as condicións e as circunstancias que posibiliten a participación das mulleres en condicións de igualdade en todos os ámbitos da sociedade, en especial daquelas que se atopen nunha situación de vulnerabilidade persoal e/ou social.
− Intervir socioeducativamente desde a perspectiva feminista, o botrato, a ecoloxía e a identidade local.
− Ofrecer actividades de calidade, motivadoras e promotoras do benestar persoal e social.
− Fomentar a participación das familias no deseño e execución do servizo municipal CABANAS CONCILIA.
Artigo 4. Educación non formal para o desenvolvemento persoal e social.
As medidas Amencer na escola e Campamento urbano preséntanse como espazos persoais, de relacións e de convivencia privilexiados no marco da educación non formal para o fomento do desenvolvemento persoal e social de nenas e nenos. Por isto, No deseño e execución das actuacións socioeducativas terase en conta os seguintes principios:
− Educación emocional e para o botrato co fin de fomentar a autoestima, recoñecer á diversidade (funcional, persoal e social), promover a inclusión social e facilitar a convivencia positiva.
− Educación en igualdade de xénero, dignificando o feminismo e intervindo ante as desigualdades machistas.
− Educación para a saúde, fomentando coñecementos e estratexias para o autocoidado e para o coidado mutuo tanto a nivel mental como físico.
− Educación ecolóxica para xerar conciencia e responsabilidade (persoal e colectiva) no coidado do medioambiente, na sostibilidade e no consumo responsable.
− Educación sociocultural para contribuír á construción e afianzamento da identidade local a través da dinamización lingüística do galego e do desenvolvemento de actuacións que favorezan o sentimento de pertenza á comunidade.
Artigo 5. Fontes de financiamento.
As medidas de conciliación poden contar con tres fontes de financiamento:
a) Fondos propios do Concello de Cabanas.
b) Axudas ou subvencións de outras Administracións.
c) Prezos públicos que sexan establecidos nas ordenanzas reguladoras correspondentes.
CAPÍTULO II. DEREITOS E DEBERES
Artigo 6. Dereitos das persoas usuarias
1. Ao acceso ás actividades sen discriminación por razón de nacionalidade, sexo, raza, relixión, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
2. Á debida consideración no trato, á dignidade da persoa, tanto por parte do persoal técnico como das demais persoas usuarias do servizo.
3. Ao sixilo profesional relativo aos datos do seu historial sanitario e socio familiar.
4. Á participación das nenas e nenos en todas as actividades do servizo, sempre que conten coa autorización expresa por parte das persoas titoras, así como da aceptación do presente regulamento.
5. A seren informadas de xeito comprensible das medidas que se adopten en relación ao funcionamento das medidas cando así se considere preciso.
6. A ser educadas para a comprensión, respecto e convivencia democrática.
Artigo 7.- Deberes das persoas usuarias
1. Cumprir o presente regulamento e as demais disposicións legais vixentes que sexan de aplicación.
2. Manter unha conduta inspirada no respecto, na colaboración e no botrato ás demais persoas usuarias e ao persoal técnico.
3. Informarse e cumprir os trámites, prazos e requisitos precisos para o acceso e participación do servizo.
4. Estar ao día nos pagamentos dos prezos públicos establecidos para as medidas municipais de conciliación.
CAPÍTULO III. MONITORADO
Artigo 8. Requisitos e formación do monitorado
a. Ser maior de idade.
b. Ter perfís profesionais correspondentes a: TASOC (técnica/o en Actividades Socioculturais), monitoras/es de lecer e tempo libre, TAFAD (técnicas/os superiores de Animación Sociodeportiva), Educación Infantil, auxiliares de Gardaría e Xardín de Infancia. E as súas titulacións equivalentes: técnica/o superior en Educación Infantil, técnica/o superior en Animación Sociocultural e Turística, técnica/o superior en Ensino e Animación Sociodeportiva, técnica/o superior en Integración Social, monitoras/es de lecer e tempo libre e auxiliar de Educación Infantil ou de Xardín de Infancia.
c. Estar en posesión do certificado de lingua galega 2 (CELGA 2) ou superior ou equivalente.
d. Dispor de carné de manipulador de alimentos.
e. Dispor de formación en primeiros auxilios.
f. Acreditar mediante certificado médico que non padece ningunha enfermidade física ou psíquica que entrañe perigo ou risco para as persoas participantes.
g. Posuír actitudes e aptitudes para o trato cas nenas e nenos, responsabilidade, traballo en equipo, tolerancia e respecto cara as persoas usuarias e ao equipo.
h. Ter capacidade de traballo para responder á demanda do servizo.
i. Dispoñer do certificado acreditativo de non ter antecedentes de delitos de natureza sexual.
O número de persoas monitoras Servizo municipal de conciliación de CABANAS CONCILIA establecerase segundo o criterio xeral de unha persoa monitora para cada 10 nenas e nenos participantes. En calquera caso, o número de persoas monitoras poderá adaptarse atendendo ás situacións especificas das nenas e nenos participantes en relación a criterios de diversidade funcional ou de inclusión social.
Artigo 9. Requisitos solicitados á empresa
Cando o servizo municipal de conciliación CABANAS CONCILIA ou algunha das actividades que o conforman non se presten directamente polo concello, as empresas licitadoras do procedemento de contratación do servizo deberán cumprir todos os requisitos que establezan nos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescrición técnicas do concurso, e en todo caso:
a) Acreditar a formalización dun seguro de responsabilidade civil e unha póliza de accidentes nos termos que sinale o prego de cláusulas administrativas particulares do concurso para o servizo e estar ao día no seu pagamento.
b) Acreditar a formalización de contrato laboral a todos o seu persoal e a alta na Seguridade Social.
c) Acreditar estar ao día no pagamento á Seguridade Social e á Facenda Pública.
d) Garantir que o monitorado teña a formación e os requisitos establecidos no artigo anterior.
e) Proporcionar a persoa coordinadora do servizo un teléfono para a comunicación co concello e coas familias usuarias.
Artigo 10. Funcións do monitorado
O monitorado do Servizo municipal de conciliación CABANAS CONCILIA terá as funcións seguintes:
a) Levar a cabo o desenvolvemento do proxecto elaborado polo departamento de Servizos Sociais para o servizo municipal de conciliación CABANAS CONCILIA.
b) Atender e custodiar ás persoas menores durante a duración do servizo.
c) Resolver as incidencias cotiás de carácter menor que puideran presentarse durante ese tempo, e en caso de dúbidas solicitar as instrucións pertinentes á persoa responsable municipal do servizo.
d) Controlar diariamente as asistencias e ausencias das persoas participantes ao servizo.
e) Administrar medicación en casos especiais e previa autorización e solicitude por escrito da persoa titora e coas oportunas instrucións por parte do concello.
f) Educar ás persoas participantes sobre a necesidade de respectar o horario, as normas de convivencia establecidas e as instalacións, o mobiliario e o material.
g) Manter nas condicións axeitadas o espazo onde se desenvolve o servizo, en canto a orde, a limpeza e o coidado.
h) Atender ás persoas titoras das nenas e nenos participantes para cuestións estritamente relacionadas coa atención ás crianzas. En relación a aspectos do desenvolvemento técnico do servizo deberán informar á persoa do concello responsable do programa.
i) Garantir que, ao finalizar a xornada diaria do servizo, as persoas titoras ou as persoas debidamente autorizadas por elas recollan ás nenas e nenos participantes.
j) Comprometerse ao emprego da lingua galega, non sexista e inclusiva tanto no contexto oral como na escrita.
k) Desenvolver aquelas funcións que se lles atribúan dende o concello para o correcto funcionamento do servizo.
CAPÍTULO IV. ORGANIZACIÓN
Artigo 11. Persoas usuarias
O servizo CABANAS CONCILIA está destinado ao coidado de persoas menores escolarizadas en educación infantil e primaria.
A medida de conciliación Amencer na escola está dirixida á unidades familiares censadas ou non no Concello de Cabanas con persoas menores ao seu cargo que estean escolarizadas entre o 2º ciclo de Educación Infantil e 6º de Educación Primaria no CEIP Plurilingüe Eladia Mariño.
A medida de conciliación Campamento urbano está dirixida de maneira prioritaria á unidades familiares censadas no Concello de Cabanas con persoas menores ao seu cargo que estean escolarizadas entre o 2º ciclo de Educación Infantil e 6º de Educación Primaria.
Artigo 12. Lugar, desenvolvemento e horario do servizo
A medida de conciliación Amencer na escola desenvolverase todos os días lectivos do ano desde ás 07.30 até ás 9.30 horas, porén se valorará flexibilizar este horario se é preciso para dar resposta axeitada á demanda. As nenas e nenos usuarias de Amencer na escola deberán estar escolarizadas no CEIP Eladia Mariño. As actividades desenvolveranse no CEIP Eladia Mariño (acordo Consello Escolar de 16.09.2009). As modalidades da medida de conciliación Amencer na escola son as seguintes:
a. Servizo entre 4 e 5 días/semana, con almorzo ou sen almorzo.
b. Servizo entre 1 e 3 días/semana, con almorzo ou sen almorzo.
c. Días soltos, con almorzo ou sen almorzo.
A medida de conciliación Campamento urbano desenvolverase os días laborais non lectivos e períodos de vacacións escolares que oferte o concello atendendo aos criterios de dispoñibilidade orzamentaria e de demanda da comunidade educativa. O horario xeral de desenvolvemento de actividades é de 9.00 a 14.30 horas, porén se valorará se é preciso flexibilizar este horario para dar unha resposta axeitada á demanda das familias. As actividades desenvolveranse nos espazos municipais que se consideren máis axeitados en función das características do grupo de nenas e nenos participantes. Tamén poderá desenvolverse no CEIP Eladia Mariño coa autorización do órgano correspondente. As modalidades de atención da medida de conciliación Campamento urbano son as seguintes:
a. Mensual.
b. Quincenal.
Artigo 13. Convocatoria de prazas e proceso de inscrición
As convocatorias anuais, que establecerán un prazo de inscrición para cada unha das medidas, realizaranse por Resolución de Alcaldía.
As solicitudes presentaranse no Rexistro Municipal de Entrada en instancia tipificada para este fin, xunto coa seguinte documentación:
1. DNI da persoa titora solicitante e libro de familia.
2. Tarxeta sanitaria da nena ou neno participante.
3. Xustificante de pago do prezo público pola prestación deste Servizo.
4. Vida laboral que acredita a ocupación laboral das/os proxenitoras/es.
5. Toda aquela outra esixible para o caso de que o dito servizo recibise subvención doutro organismo público que así o estableza.
Na instancia tipificada de solicitude recolleranse ademais dos datos necesarios para tramitar a participación no servizo, as autorizacións explícitas que se consideren precisas para garantir o axeitado desenvolvemento do servizo.
Na medida Campamento urbano, de haber interese en solicitar máis dunha quenda, deberá facerse unha solicitude para cada quenda, indicándose de maneira explícita cal é a quenda preferente. Como criterio xeral, só se terá dereito de participación nunha das quendas ofertadas, e no caso de haber vacantes poderase participar en máis dunha quenda.
O alumando de cada unha das actividades contará cun expediente persoal.
O arquivo destes datos estará suxeito á normativa de protección de datos.
Artigo 14. Publicación da lista de solicitudes admitidas e lista de agarda
Publicarase a lista de solicitudes admitidas e excluídas no taboleiro de anuncios do concello e na web municipal www.cabanas.gal concedendo un prazo de 10 días para a presentación de reclamacións.
Finalmente publicarase a lista definitiva e, de ser o caso, publicarase tamén a lista de agarda.
En calquera caso, no caso de que o número de persoas participantes nalgunha das quendas das medidas de conciliación sexa inferior a 10, o concello poderá suspender o servizo na devandita quenda. Polo tanto deberán estar inscritas un mínimo de 10 nenas e nenos para garantir a realización das medidas de conciliación.
Artigo 15. Número máximo de prazas
No caso de que para cada convocatoria se estableza un número máximo de prazas procederase da seguinte maneira:
Terán preferencia as unidades familiares empadroadas no Concello de Cabanas. En segundo lugar, tamén terán preferencia as unidades familiares con nenas e nenos escolarizadas no CEIP Eladia Mariño. No caso de que a demanda de prazas supere á oferta, terán preferencia ademais, as unidades familiares cuxos/as proxenitores/as xustifiquen debidamente a necesidade de conciliar no horario do servizo, que conten con menor nivel de renda e teñan maiores cargas familiares.
Os Servizos Sociais do Concello de Cabanas poderán valorar a necesidade de adxudicación de prazas de maneira prioritaria debidamente xustificada mediante informe social ou socioeducativo. Os Servizos Sociais terán en conta aos efectos de elaboración do informe técnico a condición de familia monoparental, vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos, unidades familiares en que existan outras cargas relacionadas cos coidados ou outras situacións consideradas de especial vulnerabilidade social.
No caso que o número de solicitudes de prazas supere a oferta dispoñible, elaborarase unha lista de agarda que seguirá o mesmo criterio establecido no parágrafo anterior. As solicitudes presentadas fóra de prazo integraranse por orde de rexistro á devandita lista de agarda detrás das solicitudes presentadas en prazo.
Será o concello o que, por motivos de organización, dispoñibilidade orzamentaria ou en función de posibles baixas sobrevidas, determine o número de prazas dispoñibles para dar entrada a nenos e nenas da listaxe de agarda, seguindo estritamente a orde que figure na mesma.
Artigo 16. Baixas ou cambio de modalidade
− As persoas titoras das nenas e nenos participantes poderán solicitar a baixa no servizo por escrito a través do Rexistro Xeral do concello. No caso da medida Amencer na escola a baixa extinguirá a obriga de pagamento segundo o recollido na correspondente ordenanza fiscal.
− As persoas usuarias poderán modificar a modalidade do servizo, sempre que a organización do servizo o permita e o solicitan por escrito motivado. O concello poderá negarse no caso de que as solicitudes de cambios na utilización do servizo supoñan problemas para a organización do mesmo, ou orixine problemas de compatibilidade no uso do servizo por parte das demais persoas usuarias.
Artigo 17. Ausencias
A ausencia puntual ou continuada dun servizo non exime da obriga de pagamento e non dá dereito á devolución das taxas.
No caso da medida Amencer na escola, a ausencia inxustificada dun mes producirá unha baixa automática no servizo. Se a ausencia é xustificada manterase a praza, coa obriga de seguir facendo o pagamento da taxa íntegra.
No caso da medida Campamento urbano, a ausencia inxustificada de cinco días hábiles producirá unha baixa automática no servizo. Se a ausencia é xustificada manterase a praza, coa obriga de seguir facendo o pagamento da taxa íntegra.
Artigo 18. Entrega e recollida das nenas e nenos
A entrega e recollida das nenas e nenos participantes no servizo deberá realizarse dentro das marxes da xornada de cada actividade. As persoas titoras poden autorizar a calquera persoa maior de idade para recoller as súas crianzas a través dunha autorización por escrito na que se indicarán os datos das persoas sinaladas, e no caso de querer cambiala poden facelo na propia actividade utilizando o impreso existente ao efecto.
No caso de existencia dalgunha circunstancia de orde legal especial na relación de algún dos/as proxenitores/as ca persoa menor deberá indicarse de maneira explícita. Do contrario calquera deles/as poderá recoller e autorizar recollidas do neno ou nena.
Artigo 19. Pagamentos
As taxas polo Prezo Público correspondentes pola prestación das medidas municipais de conciliación aplicaranse co previsto na Ordenanza Fiscal correspondente.
Artigo 20. Dereito de admisión e potestade sancionadora
O Concello de Cabanas reservase para si o dereito de admisión e de exclusión temporal ou definitiva das persoas usuarias no caso de manter actitudes ou condutas que interfiran no desenvolvemento das actividades segundo se establece no presente regulamento.
O procedemento básico para unha exclusión debe incluír unha audiencia previa persoas titoras da nena ou neno, e comunicáraselle por escrito do concello onde se concrete o tempo de exclusión e a causa
Disposición final
En cumprimento do disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o presente Regulamento entrará en vigor unha vez publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da citada lei.