Bergondo - ORDENANZA REGULADORA DAS CONDICIÓNS DE EXPEDICIÓN E USO DAS TARXETAS DE ESTACIONAMENTO PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE E MOBILIDADE REDUCIDA DO CONCELLO DE BERGONDO

Publicación provisional: 07/06/2024 BOP Nº: 110
Publicación definitiva: 29/07/2024 BOP Nº: 144
Aplicable dende: 20/08/2024

ÍNDICE

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

TÍTULO PRELIMINAR: DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º. Obxecto.

Artigo 2º. Definición da tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida

Artigo 3º. Titulares da tarxeta.

Artigo 4º. Ámbito territorial da tarxeta de estacionamento.

Artigo 5º. Condicións de uso.

Artigo 6º. Dereitos das persoas titulares.

Artigo 7º. Obrigas das persoas titulares.

TÍTULO PRIMEIRO: TRAMITACIÓN E VIXENCIA

Artigo 8º. Procedemento para o seu outorgamento.

Artigo 9º. Documentación que se deberá presentar coa solicitude.

Artigo 10º. Concesión excepcional da tarxeta de estacionamento con carácter provisional.

Artigo 11º. Período de vixencia da tarxeta de estacionamento.

Artigo 12º. Renovación da tarxeta de estacionamento

Artigo 13º. Duplicado da tarxeta de estacionamento por extravío ou roubo

TÍTULO SEGUNDO: PROCEDEMENTO SANCIONADOR

Artigo 14º. Responsabilidade.

Artigo 15º. Infraccións

Artigo 16º.Sancións.

Artigo 17º. Gradacións das sancións

Artigo 18º. Prescrición das infraccións e sancións

Disposición adicional única

Disposición transitoria única

Disposición derrogatoria única

Disposición final única

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Constitución Española, no seu artigo 9.2, establece que os poderes públicos promoverán as condicións para que a liberdade e a igualdade das persoas e dos grupos nos que se integran sexan reais e efectivas, removerán os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitarán a participación de toda a cidadanía na vida política, económica, cultural e social.

Asemade, no seu artigo 49, na redacción dada na recente modificación da Constitución Española deste único artigo, publicada no Boletín Oficial do Estado núm. 43 do 17 de febreiro de 2024, recolle o mandato a tódolos poderes público de impulso das «... políticas que garantan a plena autonomía persoal e a inclusión social das persoas con discapacidade, en contornas universalmente accesibles. Así mesmo, fomentarán a participación das súas organizacións, nos termos que a lei estableza. Atenderanse particularmente as necesidades específicas das mulleres e os menores con discapacidade»

Neste senso, o Concello de Bergondo conta cunha ordenanza reguladora da expedición de tarxetas de estacionamento para persoas con discapacidade e mobilidade reducida, publicada no Boletín Oficial da Provincia da Coruña núm. 97 , do 29 de abril de 2002. Dende entón a normativa de expedición das tarxetas de estacionamento para persoas con discapacidade, sufriu cambios que viron marcados pola aprobación de nova normativa estatal e autonómica, entre os que se encontran, a nivel estatal, o Real decreto lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral dos dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social; o Real decreto 1056/2014, do 12 de decembro, polo que se regulan as condicións básicas de emisión e uso da tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade; o Real Decreto 888/2022 de 18 de outubro, polo que establece o procedemento para o recoñecemento, declaración e calificación do grao de discapacidade e a nivel autonómico, a Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no artigo 3, establece como un dos obxectivos o de garantizar a vida independiente e a autonomía das persoas en situación de dependencia e por último, a Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.

Esta normativa supuxo un avance importante na mellora da calidade de vida de toda a poboación e, especialmente, das persoas con mobilidade reducida. Aínda así, segue a ser necesario avanzar de cara a conseguir unha sociedade máis inclusiva e accesible, capaz de garantir a autonomía das persoas, evitar a discriminación e favorecer a igualdade de oportunidades para toda a cidadanía, poñendo o foco naquelas persoas que teñen unha discapacidade física, sensorial e/ou intelectual, as persoas maiores ou as que teñen calquera outra forma de diversidade aparellada a unha dependencia funcional.

O Concello de Bergondo, como administración local e dentro das súas competencias, debe promover a calidade de vida da veciñanza poñendo especial atención nas persoas que se atopan con dificultades.

A finalidade da presente ordenanza é dispoñer dunha regulación municipal acorde coa normativa actual e establecer os requisitos e o procedemento para a expedición da tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida.

Polo exposto, dítase esta ordenanza, que se estrutura nun título preliminar, no que se recollen as disposicións xerais, e dous títulos máis nos que se describe o procedemento para a súa concesión e vixencia, así como o procedemento sancionador; unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e unha disposición final.

TÍTULO PRELIMINAR: DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º. Obxecto

Esta Ordenanza ten por obxecto establecer as condicións básicas do réxime xurídico aplicable á tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida.

Artigo 2º. Definición da tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida

A tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida, de aquí en diante, tarxeta de estacionamento, é un documento público acreditativo do dereito das persoas que cumpran os requisitos previstos na lexislación aplicable e nesta ordenanza, para estacionar os vehículos automóbiles nos que se despracen, o máis cerca posible do lugar de acceso ou de destino.

Artigo 3º. Titulares da tarxeta

1. Poderán obter a tarxeta de estacionamento aquelas persoas físicas empadroadas no Concello de Bergondo e que teñan recoñecida oficialmente a condición de persoa con discapacidade, conforme ao establecido no artigo 4.2 do texto refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, e que se atopen nalgunha das seguintes situacións:

a) Que presenten dificultades de mobilidade para utilizar transportes colectivos polos equipos de valoración e orientación (EVO) dependentes das seccións de cualificación e valoración de discapacidades, de conformidade cos criterios de valoración establecidos no artigo 4.3.b) do Real Decreto 888/2022 do 18 de outubro polo que se establece o procedemento para o recoñecemento, declaración e calificación do grao de discapacidade.

b) As persoas que teñan recoñecida unha discapacidade visual e que amosen no mellor ollo unha agudeza visual igual ou inferior ao 0.1 con corrección, ou un campo visual reducido a 10 graos ou menos, conforme ao establecido no artigo 3.1 b) do Real Decreto 1056/2014 de 12 de decembro.

2. Asemade, poderán obter a tarxeta de estacionamento as persoas físicas ou xurídicas que teñan o seu domicilio fiscal no Concello de Bergondo e sexan titulares de vehículos destinados exclusivamente ao transporte colectivo de persoas con discapacidade que presten servizos sociais de promoción da autonomía persoal e de atención á dependencia, ás que se refire a Lei 36/2006 de 14 decembro, de promoción da autonomía persoal e atención as persoas en situación de dependencia, así como aos servizos sociais aos que se refire o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidades e da súa inclusión social, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro.

Artigo 4º. Ámbito territorial da tarxeta de estacionamento

As tarxetas de estacionamento concedidas terán validez en todo o territorio español sen prexuízo da súa utilización nos Estados membros da Unión Europea, nos termos que os respectivos órganos competentes teñan establecido en materia de ordenación e circulación de vehículos.

Artigo 5º. Condicións de uso

1. A tarxeta de estacionamento expedida a favor e en beneficio dunha persoa, a título particular, para a súa utilización nos vehículos que use para o seus desprazamentos, será persoal e intransferible, e utilizada unicamente cando a persoa titular conduza un vehículo ou sexa transportada nel.

2. A tarxeta de estacionamento expedida a favor de persoa física ou xurídica á que se refire o artigo 3.2 será persoal e intransferible, estará vinculada a un número de matrícula de vehículo destinado exclusivamente ao transporte colectivo de persoas con mobilidade reducida e será eficaz unicamente cando o vehículo sexa destinado a tal fin.

3. O uso da tarxeta de estacionamento está subordinado a que a persoa titular manteña os requisitos esixidos para o seu outorgamento.

4. A tarxeta, unha vez asinada pola persoa titular, deberá colocarse na parte dianteira do vehículo, de xeito que unicamente o anverso da tarxeta sexa claramente visible para o seu control.

Artigo 6º. Dereitos das persoas titulares

1. As persoas titulares da tarxeta de estacionamento terán os seguintes dereitos en todo o territorio nacional, sempre e cando exhiban de forma visible a tarxeta no interior do vehículo:

a) Estacionamento nos lugares habilitados para as persoas con discapacidade.

b) Parada en calquera lugar da vía, por motivos xustificados e polo tempo indispensable, sempre que non entorpezan a circulación rodada ou peonil e de acordo coas instrucións dos axentes da autoridade.

c) Ampliación do límite de tempo cando este estea establecido para o aparcamento de vehículos de persoas con mobilidade reducida.

2. A posesión da tarxeta de estacionamento, en ningún caso, suporá autorización para estacionar en zonas peonís, en pasos peonís, nos lugares e supostos nos que estea prohibido parar, lugares que obstrúan vaos ou saídas de emerxencia, zonas coutadas por razóns de seguridade pública e espazos que reduzan carrís de circulación.

Artigo 7º. Obrigas das persoas titulares

1. A persoa titular da tarxeta de estacionamento está obrigada a:

a) A correcta utilización da mesma, conforme as condicións de uso previstas nos puntos anteriores.

b) Colocar a tarxeta de estacionamento no cadro de mandos do vehículo ou pegada ao parabrisas dianteiro polo interior, sempre co documento orixinal, de forma que resulte claramente visible e lexible desde o exterior.

c) Identificarse cando así o requira a autoridade, acreditando a súa identidade co Documento Nacional de Identidade, Número de identificación Fiscal, Tarxeta de residencia ou calquera outro documento oficial identificador, sen o cal non poderá facer uso da tarxeta de estacionamento. As persoas menores de 14 anos poderán acreditar a súa identidade mediante a exhibición do documento de recoñecemento do grao de discapacidade.

d) Colaborar coa autoridade para evitar, no maior grado posible, os problemas de tráfico que puideran ocasionar ao exercitar os dereitos que lles confire a utilización da tarxeta de estacionamento.

e) Proceder á renovación da tarxeta de estacionamento, cunha antelación de trinta (30) días hábiles á data de finalización da súa validez.

f) Comunicar, no prazo de trinta (30) días hábiles, calquera variación dos requisitos esixidos para a concesión da tarxeta.

g) Devolver a tarxeta de estacionamento caducada no momento da renovación, no caso de falecemento da persoa beneficiaria ou ao rematar a súa vixencia.

2. O incumprimento destas obrigas así coma a utilización fraudulenta poderá dar lugar á cancelación da tarxeta de estacionamento ou á súa retirada temporal, sen prexuízo das sancións previstas polo ordenamento xurídico.

TÍTULO PRIMEIRO: TRAMITACIÓN E VIXENCIA

Artigo 8º. Procedemento para o seu outorgamento

A solicitude de tarxeta de estacionamento para persoas con mobilidade reducida debe presentarse por vía telemática a través da sede electrónica ou de maneira presencial no Rexistro Xeral do Concello.

Recibida a solicitude e revisada a documentación, o/a técnico/a municipal do Departamento dos Servizos Sociais, procederá a emisión do correspondente Informe- proposta para a concesión/denegación da tarxeta. Este informe elevarase á Alcaldía, que ditará a resolución pertinente.

Esta resolución será notificada á persoa interesada de acordo co procedemento establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

Artigo 9º. Documentación que se deberá presentar coa solicitude

1. Solicitudes de persoas físicas, con carácter xeral

a) Solicitude debidamente cumprimentada, segundo Modelo normalizado aprobado polo Concello.

b) DNI/NIE, tarxeta de residencia ou calquera outro documento acreditativo da identidade da persoa solicitante e beneficiaria.

c) Certificado ou resolución do recoñecemento do grao de discapacidade , definitiva ou provisional, na que se lle recoñeza a dificultade de mobilidade para utilización de transportes colectivos, emitida polo equipo de valoración da sección de Cualificación e Valoración de Discapacidades (EVO).

d) Unha fotografía de tamaño carné.

e) Volante de empadroamento no concello de Bergondo en caso de non autorizar consulta.

f) No caso de razóns humanitarias (para a tarxeta provisional) certificado dou informe expedido polo persoal médico facultativo d servizo público de saúde, validado pola inspección competente, que xustifique a excepcionalidade nos termos previstos no artigo 10.1.

2.- Se a persoa interesada fose un/unha menor

a) Modelo de solicitude debidamente cumprimentada, segundo Modelo normalizado aprobado polo Concello.

b) DNI/NIE, do pai, nai ou titor/a legal.

c) Libro de familia ou certificado de nacecemento da persoa menor de idade.

d) Sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou convenio regulador da persoa menor de idade.

e) Certificado ou resolución do recoñecemento do grao de discapacidade , definitiva ou provisional, na que se lle recoñeza a dificultade de mobilidade para utilización de transportes colectivos, emitida polo equipo de valoración da sección de Cualificación e Valoración de Discapacidades (EVO).

f)Unha fotografía de tamaño carné.

g) Volante de empadroamento en caso de non autorizar a consulta.

h)No caso de razóns humanitarias (para a tarxeta provisional) certificado dou informe expedido polo persoal médico facultativo d servizo público de saúde, validado pola inspección competente, que xustifique a excepcionalidade nos termos previstos no artigo 10.1.

3.- Se solicita o/a representante legal que presta medidas de apoio a persoa interesada, maior de idade e con discapacidade.

a) Solicitude debidamente cumprimentada, segundo Modelo normalizado aprobado polo Concello.

b)DNI da persoa representante legal e da persoa interesada.

c) Documentación acreditativa no caso de que se presten medidas de apoio a persoas con discapacidade (gardador/a de feito; gardador/a xudicial; curador/a; defensor/a xudicial) ou declaración responsable segundo Modelo normalizado aprobado polo Concello.

d) Certificado ou resolución do recoñecemento do grao de discapacidade , definitiva ou provisional, na que se lle recoñeza a dificultade de mobilidade para utilización de transportes colectivos, emitida polo equipo de valoración da sección de Cualificación e Valoración de Discapacidades (EVO).

e)Unha fotografía de tamaño carné.

f) Volante de empadroamento en caso de non autorizar consulta.

g)No caso de razóns humanitarias (para a tarxeta provisional) certificado dou informe expedido polo persoal médico facultativo d servizo público de saúde, validado pola inspección competente, que xustifique a excepcionalidade nos termos previstos no artigo 10.1.

4. Solicitudes de persoas físicas ou xurídicas ás que se fai referencia no artigo 3.2:

a) Solicitude debidamente cumprimentada, segundo Modelo normalizado aprobado polo Concello.

b) Tarxeta de identificación fiscal da asociación/entidade.

c) Escritura de constitución ou estatutos da asociación/entidade.

d) Documentación oficial do vehículo para o cal se solicita a tarxeta.

e) Documentación acreditativa de identidade da persoa que actúa como representante legal.

Artigo 10º. Concesión excepcional da tarxeta de estacionamento con carácter provisional

1. Excepcionalmente poderá concederse a tarxeta extraordinaria de estacionamento con carácter provisional atendendo a razóns humanitarias, excepcionalmente concederase unha tarxeta de estacionamento de carácter provisional de vehículos automóbiles ás persoas que presenten mobilidade reducida, aínda que esta non fora ditaminada oficialmente, por causa dunha enfermidade ou patoloxía de extrema gravidade que supoña de forma veraz unha redución substancial da esperanza de vida que se considera normal para a súa idade e demais condicións persoais, e que razoablemente non permita tramitar en tempo a solicitude ordinaria da tarxeta de estacionamento ou os documentos que permiten acceder a ela.

2. Ás persoas titulares da tarxeta de estacionamento provisional seranlle de aplicación os dereitos, obrigas e condicións de uso regulados nesta norma, durante o tempo que dure a súa concesión.

3. A validez da tarxeta será dun ano (1) ano, prorrogable por outro (1) ano máis de persistir as circunstancias que dan lugar á concesión excepcional da tarxeta.

4. O Concello poderá realizar as actuacións necesarias para a comprobación da concorrencia dos requisitos previstos nesta disposición.

Artigo 11º. Período de vixencia da tarxeta de estacionamento.

1. O período de vixencia da tarxeta de estacionamento virá condicionado polo carácter definitivo ou provisional da resolución na que se recoñece o grao de discapacidade polos equipos profesionais de cualificación e recoñecemento do grao de discapacidade de conformidade cos criterios de valoración establecidos no Real Decreto 888/2022 de 18 de outubro:

- Serán concedidas por períodos renovables de dez (10) anos para aquelas tarxetas de estacionamento nas que o recoñecemento do grao de discapacidade sexa definitivo.

- No caso en que, o grao de discapacidade sexa provisional, a tarxeta de estacionamento caducará cando transcorra o prazo que indique a resolución provisional.

2. A concesión da tarxeta extraordinaria de estacionamento terá unha duración máxima dun (1) ano, podendo prorrogarse por un período igual, sempre que se manteñan as condicións iniciais requiridas para o seu outorgamento.

En todo caso, a validez do documento extinguirase polo falecemento da persoa titular ou perda dos requisitos que deron lugar á concesión da mesma.

Nestes casos deberá presentarse unha instancia no Rexistro do Concello indicando a causa da devolución da tarxeta e achegar a mesma.

Artigo 12º. Renovación da tarxeta de estacionamento

1. Para a renovación da tarxeta deberá seguir o mesmo procedemento de outorgamento inicial.

2. A persoa beneficiaria da tarxeta ou o seu representante legal, procederá á renovación da tarxeta de estacionamento, cunha antelación de trinta (30) días hábiles á data de finalización da súa validez.

3. A persoa beneficiaria da tarxeta ten a obriga de entregar a tarxeta de estacionamento con data de validez vencida no intre de recibir a tarxeta renovada.

Artigo 13º. Duplicado da tarxeta de estacionamento por extravío ou roubo

O procedemento para a solicitude de emisión dun duplicado da tarxeta de estacionamento, por extravío ou roubo, será:

1. No caso de extravío da tarxeta de estacionamento, a persoa beneficiaria deberá presentar unha solicitude de duplicado da tarxeta (segundo Modelo normalizado aprobado polo Concello) no rexistro do Concello, no que detallará dita situación achegando a correspondente denuncia.

2. No caso de roubo, a persoa beneficiaria deberá presentar unha solicitude de duplicado da tarxeta (segundo Modelo normalizado aprobado polo Concello) no rexistro do Concello, achegando a correspondente denuncia.

En ambas situacións a tarxeta deberá cuñarse coa palabra duplicado en maiúsculas.

TÍTULO SEGUNDO: PROCEDEMENTO SANCIONADOR

Artigo 14º. Responsabilidade

1. Son responsables das infraccións tipificadas nesta ordenanza, todas aquelas persoas que participasen na comisión do feito que constitúa a infracción por calquera título, sexan persoas físicas ou persoas xurídicas, agás nos supostos nos que sexan menores de idade, onde responderán os pais, as nais ou as persoas que exerzan a titoría ou aquelas que dispoñan da custodia legal.

2. Son responsables, subsidiariamente, en caso de que non se poida identificar ás persoas autoras, as persoas titulares ou propietarias dos vehículos cos que se realice a infracción.

3. Son responsables as persoas titulares das licenzas ou autorizacións (tarxetas), cando por motivo do exercicio dunha actividade concedida nestas, se realice algunha das infraccións tipificadas na presente ordenanza.

4. As responsabilidades administrativas que se deriven do procedemento sancionador serán compatibles co requirimento á persoa infractora da indemnización polos danos e polas perdas que se causaron, que poderán ser determinados polo órgano competente, debendo neste caso comunicarse á persoa infractora para a súa satisfacción no prazo que para o efecto se determine, habilitándose no caso de que non o faga o uso dos medios de execución forzosa dos actos administrativos dos que dispón a administración.

Artigo 15º. Infraccións

1. Norma xeral.

As infraccións ao previsto nesta ordenanza serán sancionadas pola Alcaldía dentro ámbito das súas competencias, coa incoación previa do oportuno expediente no que se terán en conta as circunstancias que concorran en cada caso.

Todo iso, sen prexuízo de pasar o tanto de culpa ao Xulgado que corresponda ou remitir as actuacións practicadas ás autoridades competentes, cando así o determine a natureza da infracción.

2. Gradación.

a) As infraccións tipificadas na lexislación específica serán sancionadas coas medidas e coas multas nela fixadas.

b) As infraccións referidas nesta ordenanza clasifícanse en: Leves, Graves e Moi graves

2.1. Infraccións leves.

Cualificaranse como infraccións leves as seguintes:

a) Non situar adecuadamente a tarxeta para que sexa fácilmente visible dende o exterior

b) Colocar na tarxeta algún papel ou obxecto que oculte algún dato da mesma.

c) Utilizar unha fotocopia, da tarxeta en vigor, estando en posesión do orixinal

d) O incumprimento de calquera das condicións de uso da tarxeta de estacionamento que se estipulan na presente ordenanza, incluido o seu uso indebido, que non sexa tipificado como infracción grave ou moi grave.

e) Calquera outra infracción a esta ordenanza que non estea expresamente cualificada como falta grave ou moi grave.

2.2. Infraccións graves.

Cualificaranse como infraccións graves as seguintes:

a) O estacionamento nos lugares habilitados para persoas con discapacidade contando con tarxeta por parte dunha persoa que non teña dereito ao seu uso.

b) Empregar a tarxeta de estacionamento sen que na chegada ou saída do vehículo acceda ao mesmo a persoa titular.

c) Non comunicar a modificación das circunstancias persoais do titular da tarxeta cando a variación supoña unha mellora da capacidade de mobilidade.

d) A falla de identificación cando así o requira a autoridade pertinente, acreditando a súa identidade co Documento Nacional de Identidade, Número de identificación Fiscal, Tarxeta de residencia ou calquera outro documento oficial identificador, sen o cal non poderá facer uso da tarxeta de estacionamento. As persoas menores de 14 anos poderán acreditar a súa identidade mediante a exhibición do documento de recoñecemento do grao de discapacidade.

e) O uso da tarxeta de estacionamento logo de que a persoa titular perdese os requisitos esixidos para o seu outorgamento.

f) O uso da tarxeta de estacionamento logo da súa caducidade.

g) A falta de entrega da tarxeta de estacionamento cando sexa reclamada pola autoridade municipal no caso da súa retirada.

h) Empregar unha tarxeta manipulada, falsa ou anulada

i) A reincidencia na comisión de infraccións leves nos últimos dous anos.

2.3. Infraccións moi graves.

Cualificaranse como infraccións moi graves as seguintes:

a) A realización de actividades encamiñadas ou conducentes á obtención da tarxeta de estacionamento de xeito fraudulento, por non contar cos requisitos para elo, ou telos perdido, sen prexuízo de pasar o tanto de culpa que corresponda aos Xulgados competentes.

b) O uso da tarxeta extraordinaria provisional de estacionamento, tras recibir notificación da Xunta de Galicia da resolución da solicitude de discapacidade sen recoñecer a imposibilidade para o uso do transporte colectivo.

c) Persoa ¿non titular da tarxeta¿ que utiliza fraudulentamente un duplicado ou réplica dunha tarxeta orixinal.

d) Condutor ¿non titular da tarxeta¿ que usa unha tarxeta dunha persoa falecida.

e) A reincidencia na comisión de faltas graves nos últimos dous anos.

Artigo 16º. Sancións

1. A comisión dunha infracción administrativa das tipificadas no artículo anterior determinará, logo da instrución do correspondente procedemento sancionador, de acordo coa normativa sobre o procedemento administrativo común, a imposición das sancións sinaladas neste artigo. Os límites das sancións non poderán superar o establecido no artigo 141 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Os límites dispostos no apartado anterior utilizaranse sen prexuízo da aplicación das sancións previstas na normativa sectorial que corresponda, e sen prexuízo da esixencia, cando proceda, das responsabilidades de carácter penal ou civil correspondentes.

2. Sancións

2.1. As infraccións leves serán sancionadas con apercibimento ou con multa de 60 ata 200 euros.

No obstante o disposto neste apartado, o uso indebido da tarxeta de estacionamento que non deba ter a consideración de falta grave ou moi grave, con incautación por parte das Forzas e Corpos de Seguridade, sancionarase cunha multa de 100 euros.

2.2. As infraccións graves serán sancionadas con multa de 201 ata 1.000 euros.

2.3. As infraccións moi graves serán sancionadas con multa de 1.001 ata 3.000 euros.

Apercibimento:

a) A autoridade municipal apercibirá por escrito ás persoas que infrinxan calquera das disposicións contidas na presente ordenanza, co fin de que de forma inmediata cesen a actividade prohibida ou realicen a obriga debida, iso sen prexuízo da incoación de expediente sancionador cando corresponda, ou no seu caso, se remita parte de denuncia á Administración competente.

b) A autoridade municipal será competente para, no caso de identificar un uso indebido da tarxeta, proceder á súa retirada de forma cautelar durante a instrución dun procedemento sancionador. En todo caso, apercibirá da retirada da tarxeta no caso de que se incumpran as condicións de uso ou perda dos requisitos preceptivos para a súa obtención, sen prexuízo da instrución do expediente que corresponda para a retirada definitiva da mesma ou a do expediente sancionador que corresponda.

3. O feito de que se incoe e instrúa un procedemento sancionador por unha das condutas tipificadas como infracción nesta ordenanza, non exclúe a posibilidade de que se a infracción se reproduce se poidan incoar e instruír novos procedementos sancionadores polas novas infraccións cometidas, aínda que garden identidade na tipificación. A comisión de infraccións de uso da tarxeta en termos municipais diferentes do de Bergondo lexitimará a imposición de sancións, sen prexuízo das competencias que poidan exercitar as demais administracións.

En ningún caso a sanción será inferior ao beneficio económico que a infracción supoña para o infractor.

4. Sanción accesoria

No suposto de que se detecte o uso indebido da tarxeta de estacionamento de maneira reiterada e debidamente probada, con independencia da sanción pecuniaria que puidera recaer no procedemento sancionador incoado ao efecto, a citada tarxeta será retirada durante un prazo de un (1) ano polo órgano que a outorgase.

Artigo 17º. Gradacións das sancións

Na gradación das sancións deberase gardar a axeitada adecuación entre a gravidade da infracción cometida e a sanción aplicada. Valorarase a existencia de intencionalidade, a natureza dos prexuízos causados, a reincidencia na comisión dos feitos e a intensidade dos danos causados a bens públicos ou ás perturbacións ocasionadas ás demais persoas usuarias da vía pública.

Artigo 18º. Prescrición das infraccións e sancións

1. As infraccións ás que se refire a presente ordenanza cualificadas como leves prescribirán aos seis (6) meses; as cualificadas como graves, ao dous (2) anos; e as cualificadas como moi graves, aos tres (3) anos.

O prazo de prescrición comezará a computarse dende o día de comisión da infracción. No caso de infracción continuada, comezará a computarse dende o día en que se realizou a última das accións tipificadas.

O prazo de prescrición verase interrompido polo inicio do procedemento sancionador con coñecemento da persoa interesada, renovándose o mesmo se o expediente sancionador estivese paralizado durante máis dun mes (1) mes por causa non imputable á persoa presuntamente responsable.

2. As sancións as que se refire a presente lei cualificadas como leves prescribirán pasado un (1) ano; as cualificadas como graves, aos dous (2) anos; e as cualificadas como moi graves, aos tres (3) anos.

O prazo de prescrición comezará a computarse dende o día seguinte a aquel no que sexa firme a resolución pola que se impoña a sanción ou transcorra o prazo para recorrela.

Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución, renovándose o prazo se aquel estivera paralizado durante máis dun (1) mes por causa non imputable á presunta persoa infractora.

En caso de desestimación presunta do recurso de reposición interposto contra a resolución pola que se impón a sanción, o prazo de prescrición da sanción comezará a contarse dende o día seguinte a aquel no que finalice o prazo legalmente previsto para a resolución de dito recurso.

Disposicións

Disposición adicional única

Autorízase á alcaldía-presidencia a aprobación mediante decreto dos modelos normalizados de solicitude e de declaración responsable do /a representante, mencionados nesta Ordenanza, debendo publicarse na Sede electrónica municipal.

Disposición transitoria única

As tarxetas expedidas con anterioridade a aprobación desta ordenanza manterán a súa validez ata a data de vencemento prevista no documento orixinal de expedición.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o Regulamento para a expedición das tarxetas de estacionamento (A) e accesibilidade (B), para persoas con minusvalidez do Concello de Bergondo, publicado no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña núm. 97 do 29 de abril de 2002.

Disposición final única

Esta Ordenanza entrará en vigor logo da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia, transcorrido o prazo de quince (15) días ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora de Bases de Réxime Local.»

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2  da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

Artigo 70.2: ¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial¿ de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales.....¿ (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo.¿

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.