Mañón - Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre construcións, instalacións e obras
Artigo primeiro
O Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras é un tributo indirecto no que o feito impoñible está constituído pola realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtivérase ou non dita licenza, ou para a que se esixa presentación de declaración responsable ou comunicación previa, sempre que a expedición da licenza ou a actividade de control corresponda ó Concello.
Artigo segundo
1. Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria, que sexan donos da construción, instalación e obra sexan ou non donos do inmoble sobre o que se realiza aquela.
Ós efectos previstos no parágrafo anterior terán a consideración de dono da construción, instalación ou obra quen soporte os gastos e custo que comporte a súa realización.
2. No suposto de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte terán a condición de suxeitos pasivos substitutos do mesmo aqueles que soliciten as correspondentes licenzas ou realicen as construcións, instalacións ou obras.
O substituto poderá esixir do contribuínte a cota tributaria satisfeita.
3. Nas solicitudes da licenza deberá constar especificamente o nome e apelidos, denominación ou razón social, NIF/CIF, e domicilio fiscal do dono do terreo, do dono da obra e a empresa construtora.
Artigo terceiro
1. Está exenta do pago do imposto a realización de calquera construción, instalación ou obra da que sexa dono o Estado, a Comunidade Autónoma ou Entidades Locais, que estando suxeitas ó mesmo vaia a ser directamente destinada a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamento de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por Organismos Autónomos, tanto se se trata de obras de inversión nova como de conservación.
2. Non poderán alegarse respecto desde imposto os beneficios fiscais que estiveran regulamentados en disposicións distintas da normativa vixente de Réxime Local.
Artigo cuarto
1. A base impoñible deste imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, e enténdese por tal a estes efectos o custo de execución material daquela.
Non formarán paste da base impoñible o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) e demais impostos análogos propios de réximes especiais nin tampouco as taxas prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas con ditas construcións, instalacións ou obras nin tampouco os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre, estritamente, o custo de execución material.
2. A cota deste imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.
3. O tipo de gravame será progresivo segundo a base impoñible indicada na seguinte táboa:
· Para construcións, instalacións e obras cun orzamento de execución material inferior a 150.000: 2,5%
· Para construcións, instalacións e obras cun orzamento de execución material igual ou superior a 150.000 e inferior a 500.000: 3%
· Para construcións, instalacións e obras cun orzamento de execución material igual ou superior a 500.000: 4%
4. O imposto devéngase no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non se obtivera a correspondente licenza ou non se houbese presentado por parte do interesado a correspondente declaración responsable ou comunicación previa.
Artigo quinto
1. Cando se conceda a licenza preceptiva, se tome razón da declaración responsable ou da comunicación previa, ou cando, non habéndose solicitado, concedido ou denegado aínda dita licenza preceptiva ou presentada a declaración responsable ou comunicación previa, se inicie a construción, instalación ou obra, practicarase unha liquidación provisional a conta, determinándose a base impoñible en función do proxecto presentado polo interesado, sempre que estivera visado polo Colexio Oficial correspondente no suposto en que sexa un requerimento preceptivo.
2. Unha vez finalizada a construción, instalación ou obra, e tendo en conta o custo real e efectivo da mesma, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, modificará, no seu caso, a base impoñible a que se refire o apartado anterior practicando a correspondente liquidación definitiva e esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándolle, no seu caso, a contía que corresponda.
Disposición derrogatoria
A presente ordenanza derroga a aprobada polo Pleno da corporación na sesión celebrada o día 3 de novembro de 1989 e entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.