Cee - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA EMERXENCIA SOCIAL

Publicación provisional: 08/03/2024 BOP Nº: 130
Publicación definitiva: 30/08/2024 BOP Nº: 167
Aplicable dende: 20/09/2024

PREÁMBULO

Os servizos sociais municipais teñen como unha das súas funcións e tarefas a de proporcionar atención e axuda a persoas que atravesan unha situación vital de dificultade, derivada, a meirande parte das veces, da imposibilidade de facer fronte a determinados gastos que, ou ben son necesarios para o mantemento dunha forma de vida compatible coa dignidade, á que toda persoa ten dereito, ou que incluso son precisos, en determinadas ocasións, para a supervivencia.

A súa competencia vén determinada de conformidade co previsto na lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local e no artigo 21.1 d) da lei 4/1993 de Servizos Sociais de Galicia atribuíndo aos Concellos a colaboración na xestión das prestacións económicas nos termos que regulamentariamente se establezan, razón de ser da presente ordenanza dado a natureza regulamentaria da mesma. Así mesmo esta lei permite no seu artigo 52.2 a asunción por parte das Corporacións Locais das prestacións e axudas non periódicas en situacións de necesidade.

As administracións públicas, neste caso o Concello, precisan dispoñer dunha ordenanza áxil e efectiva, de maneira que poida conciliarse a atención ás persoas en situación de emerxencia social coa normativa e os procedementos propios da administración e os que son de aplicación nestes casos.

A presente ordenanza trata de axuntar ambos requisitos, atención efectiva ás necesidades sociais e cumprimento normativo.

TÍTULO I.¿DISPOSICIÓNS XERAIS

ARTIGO 1.¿OBXECTO.

Esta ordenanza ten por obxecto regular as prestacións municipais de emerxencia social para a cidadanía do Concello de Cee que se atope en situación de vulnerabilidade social ou risco de exclusión social.

Artigo 2. CRITERIOS XERAIS PARA A CONCESIÓN DAS AXUDAS

Para a concesión de axudas económicas teranse que cumprir os seguintes criterios xerais:

a) Situacións acreditadas de necesidade

b) Que a necesidade obxecto da axuda estea valorada por un técnico de servizos sociais.

Artigo 3.- INCOMPATIBILIDADE DAS AXUDAS

Será incompatible a concesión da axuda económica co goce gratuíto de servizos que cubran as mesmas necesidades. Así mesmo non poderán outorgarse axudas polo mesmo concepto que fosen concedidas por outras Administracións ou organismo público. Exceptuarase este último requisito se a axuda concedida non liquidase a necesidade, podendo neste caso complementarse desde esta Administración sen que en ningún caso poida superar o custo total do obxecto da axuda.

Artigo 4.- CLASIFICACIÓN DAS PRESTACIÓNS

a) Necesidades básicas non cubertas por outros sistemas de protección:

- Axudas económicas

- Apoio na alimentación e na hixiene persoal e doméstica

- Prestación farmacéutica

TITULO II.- BENEFICIARIOS DE LAS AYUDAS

Artigo 5. PERSOAS BENEFICIARIAS

As medidas de inclusión social están dirixidas a todas aquelas persoas ou unidades familiares que se atopen nunha situación de precariedade económica que lles dificulte ou imposibilite a cobertura dalgunha das súas necesidades básicas que cómpre cubrir de forma urxente.

Para os efectos desta ordenanza, considérase unidade familiar/convivencia ao conxunto de persoas que conviven no mesmo domicilio e manteñan con respecto á persoa solicitante un vínculo por matrimonio ou análoga relación estable, por adopción ou acollemento, ou por parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o cuarto e segundo grao, respectivamente.

Como regra xeral, non poderán ser beneficiarias da mesma axuda dúas persoas da mesma unidade familiar, así como unha mesma persoa non pode formar parte de dúas ou máis unidades familiares de forma simultánea.

Poderase valorar que nun domicilio convive máis dunha unidade familiar e considerarse independentes, cando así estea xustificado na intervención por parte do equipo de profesionais dos servizos sociais comunitarios de Cee, debendo quedar constancia da dita valoración e os seus motivos no rexistro que se faga da actuación.

Artigo 6.- REQUISITOS DOS BENEFICIARIOS:

Os requisitos xerais para ter dereito as ditas axudas son os seguintes:

a) Ter residencia efectiva e estar de alta no Padrón Municipal do Concello de Cee cunha antigüidade mínima de seis meses.

Poderá exceptuarse deste requisito cando así se valore por parte do persoal técnico do Departamento de Servizos Sociais de acordo á gravidade ou ao carácter sobrevido da súa situación. Esta excepcionalidade deberá estar recollida no informe proposta que se faga da medida de inclusión e deberá quedar descrito o criterio adoptado na intervención que se leve a cabo.

b) Acreditar a situación económica e laboral familiar, así como colaborar á hora de proporcionar a información e a documentación necesaria para poder valorar cada solicitude.

c) Non superar a suma de ingresos da unidade familiar o límite establecido para cada unha das medidas. A determinación das contías límites de acceso teñen como referencia unha porcentaxe do IPREM establecido para cada ano, distinta en cada unha das medidas; así como a suma das porcentaxes correspondentes a cada persoa a maiores da solicitante da unidade familiar seguindo os criterios establecidos na lei de inclusión social de Galicia para o cálculo da RISGA: 14% do IPREM para a segunda persoa, 12% para a terceira e 10% para a cuarta e sucesivas.

Ver Anexo I, onde se recolle un cadro co límite de ingresos para poder acceder a cada unha das medidas de acordo ao IPREM aprobado para o ano 2024 a modo de exemplo que se actualizara co IPREM do ano correspondente a axuda solicitada.

Computarán como ingresos todos aqueles ingresos netos que existan na unidade familiar en concepto de rendas, retribucións, pensións, prestacións¿ agás:

- Aqueles que teñan un carácter finalista

- Os ingresos dirixidos a paliar situacións de emerxencia social

- As prestación familiar por fillo/a menor de 18 anos a cargo da Seguridade Social.

- As prestacións económicas e libranzas derivadas da Lei 39/2006, de 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

d) Poderán descontarse dos ingresos os gastos destinados ao pago de pensións de alimentos para fillos/as sempre e cando se acredite o seu pago real e efectivo.

e) As medidas contempladas nesta ordenanza, non teñen a consideración de subvencións de acordo o artigo 2.a da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. DOCUMENTACIÓN

A documentación que hai que presentar, é a seguinte:

a) Documento de identificación persoal (DNI, NIE) de todas as persoas da unidade familiar, documento que acredite residencia legal.

b) Libro de familia ou documentos que xustifiquen a filiación (como por exemplo partida de nacemento, acta de matrimonio...)

c) Vivenda:

¿ Copia do contrato de aluguer ou último recibo do IBI.

¿ Último xustificante de pago da vivenda de aluguer ou hipoteca.

d) Xustificación económica/laboral de todas as persoas da unidade familiar maiores de idade correspondente aos 3 últimos meses (segundo a situación na que se atopen):

1. No caso de estaren a traballar:

¿ Contrato/s de traballo e as tres últimas nóminas.

¿ Autónomos: recibo do pago da cota de autónomos dos tres últimos meses.

2. No caso de que exista unha situación de desemprego:

¿ Tarxeta actualizada de desemprego.

¿ Xustificante do SEPE de percibir ou non prestación e/ou subsidio.

3. No caso de non poder achegar a documentación acreditativa da súa situación económica/laboral por estar en proceso de regularizar a súa situación administrativa, deberá achegar unha declaración responsable na que manifeste a situación económica da unidade familiar que aclare a situación dos ingresos económicos.

e) Xustificante de pensión, prestación ou calquera outro tipo de ingreso que estea a percibir ou teña recoñecido (pensión de alimentos, pensións compensatorias, ingreso mínimo vital...)

f) Extracto das entidades bancarias nas que confiasen as contas ou depósitos sobre os movementos bancarios existentes nos seis (6) meses anteriores á solicitude.

g) Acreditación da débeda ou gasto para o que solicita a axuda: facturas pendentes de pago, xustificante de débedas ou orzamento de gasto estimado.

h) Autorización de todos membros da unidade familiar para consultar se teñen débedas coa administración así como declaración xurada na que se faga constar que non se recibiu doutros organismos, e para a mesma finalidade e alcance, a axuda que se solicita.

i) Outra documentación (de ser o caso):

¿ Certificado de discapacidade.

¿ Sentenza de divorcio/separación.

¿ Convenio regulador.

j) Calquera outra documentación que sexa requirida por parte dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Cee co fin de poder valorar a situación e determinar a idoneidade ou non da concesión da medida solicitada.

TITULO III.- XESTION E PROCEDEMENTO PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS

Artigo 8. TRAMITACIÓN

A tramitación e resolución xeral das ditas axudas seguirá o seguinte procedemento:

a) O procedemento iniciarase a solicitude da persoa interesada como norma xeral ou de oficio polo equipo técnico do Departamento de Servizos Sociais e Igualdade en caso de ser necesario.

b) A presentación da solicitude deberá efectuarse no rexistro do Concello de Cee, ou por calquera medio dos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, xunto coa documentación que se recolle na presente ordenanza.

c) Revisión da solicitude e da documentación por parte do persoal técnico da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade. No suposto de que a documentación estivese incompleta ou sexa necesario achegar algunha a maiores para poder valorar, requirirase á persoa interesada para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, co conseguinte arquivo tal e como reflicte a vixente lei de procedemento administrativo.

d) Elaboración dun informe-proposta no que se recollan os datos básicos da persoa solicitante para a súa identificación, a valoración profesional e a proposta de resolución.

e) Fiscalización por parte de intervención.

f) Resolución ditada pola/o concelleira/o competente nos termos do artigo 88 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común, que será motivada no caso de ser denegatoria.

g) Notificación á persoa interesada, no prazo máximo de 10 días hábiles, da resolución de concesión ou denegación, con indicación dos recursos que poderá interpoñer contra á mesma.

ARTIGO 9. CONSIDERACIÓNS A TER EN CONTA NA RESOLUCIÓN

a) A concesión das axudas recollidas na presente ordenanza está suxeita á existencia de orzamento nas contas xerais do Concello de Cee.

b) En todo momento, garantirase a confidencialidade dos datos obtidos na tramitación dos expedientes de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 10.¿PAGAMENTO.

A forma de concesión da axuda quedará determinada na resolución, e poderá ser:

a) A través dun pago directo, a favor da persoa solicitante, por medio de transferencia bancaria ou outro medio de pagamento a criterio de Tesorería Municipal.

b) A través dun pago delegado ao provedor do servizo, en función das características da emerxencia, cando así se determine no informe social.

Artigo 11.¿XUSTIFICACIÓN.

A xustificación do gasto acreditarase mediante as facturas dos pagamentos e dos gastos realizados, que deberán cumprir os requisitos regulamentarios establecidos na normativa vixente, ou mediante outros documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil.

Tentarase, na medida do posible, realizar o pagamento ao provedor do servizo con base na cesión que dos dereitos de cobro fai a persoa beneficiaria a través da correspondente autorización. Se isto non é posible realizarase o pagamento á persoa solicitante, á que se lle establecerá un prazo máximo para a xustificación do importe da axuda

TÍTULO IV: DAS AXUDAS ECONÓMICAS

ARTIGO 12. DEFINICIÓN

Son prestacións económicas dirixidas a paliar situacións carenciais graves e urxentes relacionadas coa cobertura de necesidades básicas que non é posible resolver mediante a tramitación de outras axudas ou prestacións.

Tamén poden servir como apoio para a cobertura de necesidades básicas que sen ser urxentes están directamente relacionadas co proxecto de intervención cunha persoa ou unidade familiar cara á súa inclusión social.

En relación a estas axudas económicas, enténdense por necesidades básicas:

a) As relacionadas coa vivenda (pago do aluguer, dotación do equipamento ou mobiliario e/ou arranxos básicos na vivenda, débedas de subministracións...)

b) As de vestiario.

c) Os desprazamentos encamiñados a apoiar a súa inserción social, laboral ou formativa/académica, asistencia a citas médicas, vítimas violencia xénero.

d) A procura dun aloxamento ou manutención con carácter temporal.

e) Gafas e arranxos dentais básicos.

f) Libros de texto e material escolar: sempre que non entren nun programa de gratuidade públicos.

g) Calquera outra situación que, a valoración do persoal técnico da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, se considere que encaixa no obxecto destas axudas e se valoran necesarias para apoiar unha intervención social, realizada coa persoa ou unidade familiar beneficiaria.

ARTIGO 13. IMPORTE

O importe máximo anual do conxunto das axudas concedidas nunha unidade familiar será de 125% do Iprem mensual, podendo solicitarse en varias ocasións sempre e cando non se supere o dito importe no ano natural.

ARTIGO 14. LÍMITES DE INGRESOS PARA O ACCESO ÁS AXUDAS ECONÓMICAS

O límite de ingresos para acceder ás axudas económicas, unha vez descontados os gastos recollidos no apartado d) do artigo 6 que puidese corresponder en cada caso, será para unha persoa do 95% do IPREM engadindo para unidades de convivencia con máis persoas o importe das porcentaxes recollidas no apartado c) do antedito artigo.

TÍTULO V: APOIO NA ALIMENTACIÓN E NA HIXIENE PERSOAL E DOMÉSTICA

ARTIGO 15: DEFINICIÓN

O apoio na alimentación e na hixiene persoal e doméstica é unha medida dirixida a contribuír na cobertura das necesidades básicas de alimentación e de produtos de hixiene persoal e de limpeza doméstica que hai nunha unidade familiar, cando existan especiais dificultades en garantilas pola súa precaria situación económica..

Con carácter xeral, estas axudas son incompatibles con aquelas outras de similares características e co mesmo fin, ás que puidese ter acceso a persoa solicitante por parte doutras administracións.

ARTIGO 16: DURACIÓN

Inicialmente, a concesión da axuda de apoio na alimentación e na hixiene será por un período máximo de tres (3) meses. Con carácter excepcional e de forma extraordinaria, poderase prorrogar por ata tres (3) meses máis como máximo. O número máximo de meses que poderá ser beneficiaria unha unidade familiar será de seis (6) meses nun ano natural.

ARTIGO 17: LÍMITES DE INGRESOS PARA O APOIO NA ALIMENTACIÓN E NA HIXIENE PERSOAL E DOMÉSTICA

O límite de ingresos para acceder ao apoio na alimentación e na hixiene persoal e doméstica, unha vez descontado os gastos recollidos no apartado d) do artigo 6 que puidese corresponder en cada caso, será para unha persoa do 85% do IPREM engadindo para unidades de convivencia con máis persoas o importe das porcentaxes recollidas no apartado c) do antedito artigo.

TÍTULO VI: PRESTACIÓN FARMACÉUTICA

ARTIGO 18: DEFINICIÓN

A prestación farmacéutica consiste no pagamento, por parte do Concello de Cee, do importe que lle corresponde asumir á persoa solicitante ou algunha outra das persoas da unidade familiar, no custo das medicacións que precisa en tratamentos médicos continuos de enfermidades crónicas ou episodios agudos graves, pautadas desde o sistema público de saúde.

Unicamente concederase esta prestación naqueles supostos nos que o custo das medicacións que se precisan non se poidan asumir por atoparse nunha precaria situación económica e non ter outro medio de obtelas gratuitamente.

O contido da prestación farmacéutica será única e exclusivamente daquelas medicacións incluídas na folla de medicación activa da tarxeta sanitaria. Sempre que sexa posible proporcionaranse medicamentos xenéricos.

Naqueles supostos que sexan pautadas medicacións non cubertas polo sistema sanitario público deberá achegarse un informe médico no que se prescriba a dita medicación.

A folla de medicación activa, así como os datos da receita ou os do informe médico de ser o caso, deberán corresponderse cos da/s persoa/s beneficiaria/s da prestación farmacéutica.

Non se inclúen na prestación farmacéutica as vacinas infantís, os produtos de beleza e estética, os complexos vitamínicos¿, agás que as enfermidades e diagnósticos da persoa beneficiaria así o xustifiquen, tras valoración previa por parte do técnico dos Servizos Sociais Comunitarios de Cee. A dita excepcionalidade deberá quedar recollida no informe proposta, e deberán constar, de forma pormenorizada, os motivos aos que se debe a excepcionalidade na intervención que se leve a cabo.

No informe proposta de resolución da solicitude deberá figurar a persoa ou persoas da unidade familiar beneficiarias da prestación farmacéutica.

ARTIGO 19: DURACIÓN

A duración da prestación farmacéutica será mentres persistan as causas, tanto de saúde como económicas, que deron lugar á concesión. Ambas revisaranse de oficio periodicamente por parte do equipo técnico dos Servizos Sociais Comunitarios de Cee, que determinará o momento oportuno dependendo de cada caso, sendo, como mínimo unha vez ao ano.

ARTIGO 20: LÍMITES DE INGRESOS PARA A PRESTACIÓN FARMACÉUTICA

O límite de ingresos para acceder á prestación farmacéutica, unha vez descontados os gastos recollidos no apartado d) do artigo 6 que puidese corresponder en cada caso, será para unha persoa do 75% do IPREM engadindo para unidades de convivencia con máis persoas o importe das porcentaxes recollidas no apartado c) do antedito artigo.

TÍTULO VII: SANCIÓNS ADMINISTRATIVAS

ARTIGO 21.¿INFRACCIÓNS E SANCIÓNS ADMINISTRATIVAS.

O réxime de infraccións e sancións será o recollido nos Títulos IX e X da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

O procedemento será tramitado conforme ao disposto na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A competencia para a resolución dos procedementos sancionadores corresponderá á Concellería, con competencias en materia de servizos sociais.

A imposición de calquera sanción será, en todo caso, independente da obriga de reintegro das prestacións indebidamente percibidas.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA.¿Derrogación normativa.

Queda derrogada a Ordenanza Reguladora da Prestación Municipal de axudas para situacións de emerxencia social do Concello de Cee, publicada no BOP Nº 20 de 31/01/2011

DISPOSICIÓN FINAL.¿Entrada en vigor.

A presente Ordenanza entrará en vigor unha vez publicado integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia ) e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local (Lei 7/85).

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo.¿

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.