Laracha A - REGULAMENTO MUNICIPAL DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DO CONCELLO DA LARACHA

Publicación provisional: 01/08/2024 BOP Nº: 147
Publicación definitiva: 25/09/2024 BOP Nº: 185
Aplicable dende: 16/10/2024

TÍTULO I

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º. Obxecto.

É obxecto desta ordenanza a regulación do Servizo de Axuda no Fogar no Concello da Laracha como programa básico de actuacións dos servizos sociais comunitarios básicos de carácter municipal, así como a súa adaptación á normativa vixente, independentemente da súa vía de acceso, é dicir, a través do SIGAD ou ben por libre concorrencia.

Artigo 2º. Definición.

O servizo de axuda no fogar consiste en prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, dende una perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou no caso de disfuncionalidade familiar. Trátase dun servizo de carácter complementario e transitorio, que non desvincula ás familias das súas responsabilidades.

Artigo 3º. Obxectivos.

Son obxectivos do servizo de axuda no fogar os seguintes:

a. Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.

b. Posibilitar a permanencia das persoas no contorno de convivencia habitual, potenciando a utilización positiva dos recursos do contorno.

c. Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.

d. Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.

e. Previr situacións de dependencia ou exclusión social.

f. Retardar ou evitar a institucionalización.

g. Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.

Artigo 4º. Prestacións do servizo.

De conformidade coa valoración técnica realizada polos servizos sociais municipais do concello da Laracha que en cada caso correspondan, no marco do servizo de axuda no fogar poderán prestarse os seguintes tipos de atención:

4.1.Atencións de carácter básico.

A. Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, tales como:

- Asistencia para levantarse e deitarse.

- Apoio no coidado e hixiene persoal, así como para vestirse.

- Control do réxime alimentario e axuda, se é o caso, para alimentarse.

- Supervisión, cando proceda, das rutinas de administración de medicamentos prescritas por facultativos. (Anexo II).

. Administración cando proceda de medicamentos (Anexo II).

- Apoio para cambios posturais, mobilizacións, orientación espacio-temporal.

- Apoio a persoas afectadas por problemas de incontinencia.

B. Atencións de carácter persoal na realización doutras actividades da vida diaria, tales como:

- Acompañamento fóra do fogar para acudir a consultas ou tratamentos.

- Apoio na realización de xestións necesarias ou urxentes da vida diaria.

C. Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda, tales como:

- Limpeza e mantemento da hixiene e salubridade da vivenda.

- Compra de alimentos e outros productos de uso común.

- Preparación dos alimentos básicos.

- Lavado e coidado das prendas de vestir.

- Coidados básicos da vivenda.

Este tipo de atención poderá ser facilitado en parte, se é o caso, por programas específicos de lavandería ou alimentación a domicilio.

D. Atencións de carácter psicosocial e educativo: intervencións técnico¿profesionais formativas e de apoio ao desenvolvemento das capacidades persoais, a afectividade, a convivencia e a integración na comunidade así como á mellora da estruturación familiar.

A realización de todas estas atencións de carácter básico estarán supeditadas a valoración técnica do persoal dos servizos sociais comunitarios.

4.2.-Atencións de carácter complementario.

Unha vez garantido o nivel básico de atención, o Servizo de Axuda no Fogar poderá incorporar, entre outros, os seguintes tipos de atencións segundo valoración técnica.

a. Actividades de acompañamento, socialización, e desenvolvemento de hábitos saudables.

b. Prestación de atención a distancia mediante dispositivos de teleseguemento, teleasistencia e similares.

c. Adaptacións funcionais do fogar.

d. Servizo de podoloxía.

e. Servizo de fisioterapia.

Poderán integrarse, ademais, dentro do servizo de axuda no fogar, determinadas atencións e actividades que se desenvolvan fóra do marco do domicilio da persoa usuaria, sempre que, de acordo coa prescrición técnica de servizos sociais sobre o contido do servizo, incidan de maneira significativa na posibilidade de permanencia no fogar e na mellora da autonomía e a calidade de vida.

En todo caso as atencións prestadas terán un carácter de reforzo complementario e non substitutivo das propias capacidades da persoa usuaria ou doutras persoas do seu contorno inmediato, de maneira que se facilite e promova a súa autonomía.

4.3.- Atencións excluídas do servizo.

En ningún caso poderán formar parte das actuacións desenvolvidas polo servizo:

· A realización de actividades domésticas que non fosen incluídas no proxecto de intervención e no acordo de servizo.

· Actuacións que, polo seu carácter sanitario, deban en todo caso ser realizadas por persoal facultativo.

· Tarefas domésticas relacionadas a continuación:

· Limpeza de altos, lámpadas, cortiñas, teitos, paredes e humidades, limpeza xeral e limpeza de zonas comúns como portais e escaleiras, cristais, lacenas, interiores de mobles de cociña, campá extractora e outros en xeral (recollida de leña, lavado de roupa a man e outras que se valoren tecnicamente).

· Limpeza xeral de estancias valeiras.

· Tarefas de tipo agrícola e/ou gandeiro ou xardinería.

· Alimentación e aseo de animais de compañía nin doutro tipo.

· Facer tarefas dentro da vivenda que deberían ser realizadas por profesionais tales como empapelar paredes, pintar teitos ou paredes¿

A realización destas atencións excluídas do servizo estará supeditada a valoración técnica do persoal dos servizos sociais comunitarios.

Artigo 5º. Persoas beneficiarias.

O servizo de axuda no fogar estará aberto a todas as persoas ou unidades de convivencia para as que, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito xeral, o servizo atenderá a persoas maiores con déficits de autonomía e a persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu contorno inmediato, así como a fogares con menores nos que se observe necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderá dar unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.

Artigo 6º Dereitos das persoas usuarias.

As persoas usuarias do servizo, no marco dos dereitos que con carácter xeral se lles recoñecen na lexislación aplicable sobre servizos sociais e, se é o caso, sobre o procedemento administrativo común, terán dereito:

1. A seren tratadas co respecto debido á súa dignidade.

2. A recibiren unha atención adaptada ás súas necesidades, coa calidade e duración prescritas en cada caso.

3. A coñeceren a organización e o regulamento do servizo.

4. A coñeceren a situación do seu expediente.

5. Ao tratamento confidencial dos seus datos de acordo co disposto na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e garantía dos dereitos dixitais.

6. A recibiren información precisa e clara sobre as posibles modificacións sobrevidas durante a prestación efectiva do servizo.

7. A presentaren queixas e suxestións ao persoal coordinador do servizo cando expresaren reclamacións ou fixeren suxestións sobre a súa prestación efectiva.

Artigo 7º. Deberes das persoas usuarias.

1. Cumprir coas condicións do servizo, facilitando a execución das tarefas ao persoal ao cargo e poñendo á súa disposición, se fose o caso, os medios materiais necesarios (alimentos, produtos de limpeza e hixiene e outros que se precisen).

2. Colaborar, na medida das súas posibilidades, no desenvolvemento do servizo en función das súas capacidades e nos termos acordados en cada caso.

3. A facilitar e colaborar no seguimento e avaliación do servizo.

4. Respectar a dignidade persoal e profesional das persoas que presten o servizo, así como respectar os límites das súas obrigas laborais.

5. Informar dos cambios de calquera circunstancia que impliquen un cambio na súa capacidade económica, así como de circunstancias relevantes de carácter persoal ou familiar que puidese dar lugar á modificación, suspensión ou extinción na prestación do servizo desenvolvemento do servizo.

6. Participar no pagamento do servizo nos termos que se estableza na súa norma reguladora.

7. A comunicar, en circunstancias ordinarias e previsibles, con dez días de antelación, calquera ausencia temporal do domicilio que puidese impedir a prestación do servizo.

8. A comunicar, cun mínimo de 24 horas de antelación a ausencia do domicilio, cobrándose o servizo igualmente cando non o faga.

Artigo 8º Causas de extinción e modificación do servizo.

Son causas de extinción:

a. A renuncia voluntaria da persoa usuaria.

b. O cambio de programa individual de atención ou do proxecto de intervención que implique un cambio de asignación de recurso e a súa incompatibilidade co servizo de axuda no fogar.

c. Traslado definitivo da súa residencia a outro concello.

d. Falecemento da persoa usuaria.

e. Incumprimento reiterado dos deberes e obrigas establecidas para as persoas usuarias na prestación do servizo.

f. A falta de pagamento do servizo durante tres meses consecutivos sen causa xustificada que o acredite.

g. A suspensión temporal do servizo sen causa debidamente xustificada será efectiva por tres meses consecutivos se é por libre concorrencia, e dous meses consecutivos se é polo sistema de dependencia.

h. A negativa de asinar o acordo de aceptación do servizo.

i. Desaparición das causas que motivaron a prestación do servizo.

j. Cando o usuario oculte datos económicos para acceder ao servizo.

k. Falta de colaboración por parte do usuario para a prestación do servizo.

l. Por reorganización do servizo debido a falta de orzamento do exercicio.

A alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión do servizo, poderá dar lugar á modificación das condicións de prestación nas que fora concedido inicialmente. Os cambios de circunstancias, en calquera caso, deberán substanciarse no expediente individual, mediante un novo informe social.

Cando se trate dun servizo público de axuda no fogar asignado a persoas en situación de dependencia na correspondente resolución do programa Individual de Atención (PIA), a incoación por parte da entidade titular do servizo dun expediente de extinción ou modificación das condicións de prestación do servizo deberá notificarase ao órgano competente para ditar resolución do Programa Individual de Atención (PIA).

Cando a prestación do servizo corresponde a unha persoa usuaria por libre concorrencia, a incoación por parte do Concello da Laracha dun expediente de extinción ou modificación das condicións da prestación deberá implicar por parte do técnico municipal a elaboración da resolución do órgano competente comunicando a extinción ou as variacións oportunas e notificándollo a persoa usuaria.

Artigo 9º. Causas de suspensión temporal do servizo

Son causa de suspensión temporal do servizo, previa tramitación do correspondente expediente, e informe razoado do persoal técnico municipal coordinador do servizo, que deberá incorporarse ao expediente persoal, as que seguen:

1. Ausencia temporal do domicilio: Neste caso o servizo poderá suspenderse por un máximo de tres meses se é por libre concorrencia e dous meses se é polo sistema de dependencia, debendo acreditar a persoa usuaria as causas que motivan a súa ausencia.

2. Modificación temporal das causas que motivaron a necesidade do servizo: Poderá suspenderse o servizo en tanto persista o cambio de circunstancias causante da suspensión, coa excepción das prazas vinculadas a un dereito exercido dentro do sistema de autonomía a atención á dependencia, suposto no que se estará ao disposto na correspondente normativa reguladora. 

TITULO II

PRESTACIÓN DO SERVIZO.

SECCIÓN 1º. DISPOSICIÓNS COMÚNS.

Artigo 10º. Formas de prestación do servizo.

O servizo público de axuda no fogar prestarase polo concello da Laracha ben directamente ou ben mediante as diversas modalidades de contratación da xestión de servizos públicos reguladas na normativa vixente sobre contratos do sector público, a través de entidades privadas debidamente autorizadas.

Ademais, sen prexuízo do establecido no punto anterior, os servizos poderán ser prestados mediante fórmulas de colaboración institucional entre as administracións competentes ou por entidades de dereito público, de acordo co establecido na lexislación vixente.

Artigo 11º. Requisitos específicos.

Persoal de coordinación: O servizo estará coordinado por persoal técnico cunha cualificación mínima de graduado universitaria na área de servizos sociais. No caso de que o número de persoas usuarias sexa menor de 50, o persoal técnico mínimo esixible será de 0,02 profesionais en cómputo de xornada completa por persoa usuaria. Nos demais casos aplicarase a seguinte táboa:

Número de persoas usuarias

Persoal técnico titulado mínimo (a xornada completa)

50 a 99

1

100 a 199

2

200 a 399

3

Incrementos sucesivos

Por cada grupo de 200 persoas usuarias corresponderá un incremento de 1 técnico titulado a xornada completa


O persoal que presta a atención directa nos domicilios das persoas usuarias estará formado por auxiliares de axuda no fogar que, no caso de atender a persoas afectadas por déficit de autonomía, deberán estar en posesión do título de formación profesional de grao medio de ¿atención sociosanitaria¿ ou equivalente. En todo caso, o persoal que preste atención directa aos usuarios deberá ter a titulación que esixa a normativa vixente en cada momento.

Deberes do persoal auxiliar do servizo de axuda no fogar:

· Non prestar o servizo de axuda no fogar en caso de ausencia da persoa titular.

· Axustar as súas tarefas ao proxecto establecido previamente polo técnico responsable.

· Respectar sempre e inescusablemente a intimidade do usuario e a gardar a debida confidencialidade.

· Cumprir as medidas de seguridade e hixiene establecidas na lexislación vixente.

· Non realizar tarefas no domicilio fora do horario establecido no proxecto establecido.

· Non dispor de ningún xogo de chaves dos domicilios dos usuarios nos que traballa, exceptuando cando as condicións do caso así o esixan, con previa comunicación ao concello e sempre co consentimento do técnico municipal de servizos sociais e do usuario.

· Non ir acompañado de ninguén alleo ao servizo cando accede ao domicilio.

· Non trasladar no seu vehículo aos usuarios en ningún caso.

· Non aceptar calquera tipo de gratificación, doazón ou contraprestación económica por parte dos usuarios.

· Non convivir coa persoa usuaria do servizo.

· Eludir todo conflito persoal cos usuarios e cos restantes membros da unidade de convivencia, informando expresamente ás traballadoras sociais municipais de todo incidente para que se resolva.

A entidade contará e expoñerá publicamente o regulamento de funcionamento do programa, incluíndo como mínimo o seguinte:

· Ámbito de actuación.

· Dereitos e deberes dos usuarios e da entidade.

· Descrición dos servizos que se presta.

· Procedemento para as altas, baixas, modificación ou suspensión do servizo.

. Protocolo para o inicio da prestación efectiva.

· Modelo de acordo de servizo entre o usuario e a entidade.

· Horarios de atención ao público na oficina base do programa.

· Límites horarios para a prestación do servizo.

· Réxime de visitas aos domicilios do técnico que leve o programa.

· Protocolo de actuacións en caso de emerxencia.

· Protocolo de substitución de persoal auxiliar de axuda no fogar e de cesación do servizo.

· Protocolo de actuación no caso de queixa no libro de reclamacións.

· Cadro de persoal.

· Cadro de prezos.

A entidade local titular do servizo de axuda no fogar, tanto se o presta en réxime de xestión directa como indirecta, abrirá un expediente por cada persoa usuaria ou por cada unidade de convivencia á que se presta o servizo, no que constará, cando menos:

a. Un informe social, asinado por unha traballadora social do concello da Laracha.

b. Un proxecto de intervención, asinado polo técnico responsable do servizo de axuda no fogar no concello da Laracha, e a/o auxiliar de axuda no fogar que preste o servizo (Anexo I).

c. Un acordo de servizo asinado entre o concello da Laracha e a persoa usuaria (Anexo III da Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar).

d. Informes de seguimento periódicos, que terán carácter bimensual ou extraordinarios cando as circunstancias así o aconsellen.

O tratamento da información contida nos expedientes realizarase de acordo coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

A persoa que exerza como responsable técnica do servizo garantirá unha supervisión do servizo efectivamente prestado, que será realizada sempre que as circunstancias a fagan necesaria e, como mínimo, cunha periodicidade de dous meses. Da supervisión realizada quedará constancia no correspondente expediente individual. Mediante esta supervisión revisarase e axustarase, se fose o caso, o contido das prestacións expresado no proxecto de intervención e no acordo de servizo.

SECCIÓN 2º. PRESTACIÓN DO SERVIZO.

Artigo 12º. Modalidades de acceso ao servizo.

Accederase ao servizo de axuda no fogar a través dos servizos sociais comunitarios básicos, de acordo coas seguintes modalidades.

12.1. Acceso directo.

O acceso ao servizo será directo para persoas que, tendo recoñecida a situación de dependencia, se lles asigne o Servizo de Axuda no Fogar na correspondente resolución de Programa Individual de Atención (PIA), de acordo co establecido Na Orde do 2 de xaneiro de 2012 (D.O.G. nº 9 do 13 de xaneiro de 2012) de desenvolvemento do Decreto 142/2023, do 30 de novembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes. Así mesmo, a Orde, do 16 de novembro de 2023, polo que se modifica a Orde do 2 de xaneiro de 2012 do desenrolo do decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito as prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia, procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes e a Orde do 30 de novembro de 2023 polo que se modifica a Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenrolo do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito as prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia, procedemento para a elaboración do programa individual de atención e organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

A lista de espera, no caso de existir, terase en conta a data da Resolución do Plan Individual de Atención (PIA). As persoas para as que o programa individual de atención, determine o servizo de axuda no fogar como recurso principal ou idóneo terán, en todo caso, preferencia sobre aquelas ás que se lles asigne o servizo de axuda no fogar como respiro do coidador.

12.2. Réxime de libre concorrencia.

O acceso resolverase previa solicitude do interesado, e de acordo cos criterios establecidos neste Regulamento Municipal, previa prescrición técnica favorable dos servizos sociais comunitarios básicos do Concello da Laracha nos casos seguintes:

· Para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non lles asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, de 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención a persoas en situación de dependencia.

· Nas situacións nas que a problemática principal estea relacionada con aspectos convivenciais e socio-educativos.

Empregarase o baremo que se inclúe como Anexo I da Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar, no que, ademais dos posibles déficits de autonomía, se valoren factores de carácter persoal e socio-familiar, o apoio social, a situación da vivenda e outros que dificulten obxectivamente a normalización social e a calidade de vida.

12.3 De oficio.

Cando circunstancias debidamente acreditadas no expediente así o xustifiquen, o procedemento de acceso ao servizo poderá iniciarse de oficio.

Artigo 13º. Tramitación de acceso ao servizo por libre concorrencia.

No acceso por libre concorrencia será de aplicación o seguinte:

a) No caso de procedementos iniciados a instancia de parte, de conformidade cos principios xerais recollidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas e a avaliación da solicitude seguindo o baremo que se inclúe como Anexo I da Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar. A documentación que acompaña á solicitude é:

· Fotocopia del DNI ou NIE.

· Fotocopia da tarxeta sanitaria.

· Informe médico segundo o modelo que se adxunta a solicitude.

· Copia da última declaración da renda ou autorización para acceder aos datos tributarios da persoa usuaria e do seu cónxuxe ou parella de feito, e das persoas ascendentes, fillos menores de 25 anos ou maiores con discapacidade valorada que dependan economicamente da persoa usuaria.

· Recibo da contribución do ano en curso.

· Certificado de xuros capitais.

· Certificación do nº de conta.

· Certificado da pensión mensual do organismo correspondente ou certificación bancaria da persoa usuaria e do seu cónxuxe ou parella de feito, e das persoas ascendentes, fillos menores de 25 anos ou maiores con discapacidade valorada que dependan economicamente da persoa usuaria.

· Copia da declaración do imposto sobre o patrimonio da persoa usuaria e do seu cónxuxe ou parella de feito, e das persoas ascendentes, fillos menores de 25 anos ou maiores con discapacidade valorada que dependan economicamente da persoa usuaria.

· No caso de non percibir ingresos: certificado de alta no INEM, certificado conforme non cobra prestación do INEM e da seguridade social.

b) No caso de expedientes iniciados de oficio, cando así o xustifiquen circunstancias debidamente acreditadas no expediente, as persoas usuarias terán que presentar no rexistro de entrada municipal do concello da Laracha a documentación completa, que previamente lle indicará persoal de servizos sociais do concello.

Os expedientes de acceso ao servizo deberán ser valorados en todo caso por unha traballadora social dos servizos sociais comunitarios básicos do concello da Laracha que, unha vez realizada a correspondente visita domiciliaria, determinará, mediante informe preceptivo e vinculante, a idoneidade do servizo, así como a intensidade recomendable para cada caso concreto.

O órgano competente para ditar a resolución será o Alcalde da Corporación ou órgano ou concelleiro/a en quen delegue.

Transcorrido un prazo máximo de tres meses a contar dende o día seguinte o que fora cumprimentada a documentación perceptiva, sen formalizarse a resolución, a persoa interesada deberá entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Unha vez notificada a resolución de concesión do servizo, deberán acordarse entre os servizos sociais comunitarios básicos do concello da Laracha e a persoa usuaria as condicións básicas da prestación, mediante a sinatura do acordo do servizo entre o técnico municipal responsable do servizo e o/a usuario/a, onde recollerase a información contida no Anexo III da Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar.

No caso de extrema e urxente necesidade debidamente xustificada, mediante resolución motivada do Alcalde ou concelleiro en quen delegue, poderase iniciar de oficio a prestación do servizo de maneira inmediata, a proposta dos servizos sociais municipais e sen prexuízo da posterior instrución do correspondente expediente.

Na prestación do servizo, ademais do persoal profesional, poderá colaborar persoal voluntario baixo a supervisión técnica dos servizos sociais do concello da Laracha. Para estes efectos estarase ao previsto na lexislación en vigor sobre voluntariado.

No caso de tratarse de intervencións de carácter socio-educativo derivadas dun diagnóstico de desestructuración familiar, deberán incorporarse ao proceso, de acordo coas circunstancias do fogar de que se trate, algunha das seguintes figuras profesionais: diplomado en traballo social, diplomado en educación social ou técnico superior en integración social.

Artigo 14º. Lista de espera.

Con carácter xeral, no caso de que o servizo de axuda no fogar non conte con capacidade suficiente para atender todas as situacións de necesidade, elaborarase unha lista de espera atendendo aos seguintes criterios de prelación:

- Maior grao de dependencia.

- A igual grao de dependencia, terase en conta a menor capacidade económica.

- No caso de igualdade de relación cos criterios anteriores, valorarase a rede de apoio formal ou informal.

- Idade da persoa beneficiaria.

En todo caso, quedarán en lista de espera aquelas solicitudes que non se poidan cubrir por falta do crédito orzamentario.

Se a persoa solicitante superase o ano na lista de espera, antes de proceder á alta no servizo, será obxecto dunha nova valoración técnica.

Artigo 15º. Intensidade do servizo por dependencia.

A intensidade do servizo determinarase, con carácter xeral, en horas mensuais de atención, distribuídas en función das necesidades da persoa usuaria e do informe social técnico.

A intensidade do servizo de axuda no fogar para as persoas usuarias con dependencia valorada, están predeterminadas no seu programa Individual de atención (PIA). A súa aplicación horaria será flexible e conforme ao proxecto de intervención, de maneira que se garanta a cobertura das necesidades de atención de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, todos os días da semana.

Cando a persoa usuaria manifeste o desexo de dispoñer de menos horas do mínimo do intervalo que marca a normativa para o seu grao, ou así se acorde entre a persoa usuaria e o seu/súa traballador/a social, deberá facerse constar por escrito e será engadido ó seu expediente.

Nos restantes casos a intensidade do servizo virá determinada pola valoración feita polos servizos sociais comunitarios básicos e o correspondente proxecto de intervención. O tempo de atención aos usuarios poderá ser modificado en función das variacións que se produzan nas súas circunstancias persoais ou familiares, e pola dispoñibilidade dos medios do servizo.

Artigo 16º. Intensidade do servizo por libre concorrencia.

O tempo de atención e a periodicidade do servizo determinarase en cada caso, pola necesidade que presente a persoa, a criterio profesional do técnico responsable do servizo do concello da Laracha, que poderá modificarse en función das variacións que se produzan na situación persoal e familiar baremables, ou por necesidade da organización do servizo, que en todo caso deberá notificarse cunha antelación dun mes á persoa usuaria.

A franxa horaria da prestación é a seguinte:

· Horario de prestación do servizo será de luns a domingo, de 8:00 horas a 21:30 horas.

· De xeito excepcional, e a criterio da persoa técnica responsable do Servizo de Axuda no Fogar do Concello da Laracha, poderá prestarse os domingos e festivos.

· No día non se pode superar as 2 horas diarias de atención, podendo ampliarse unha hora máis de xeito excepcional a criterio da persoa técnica responsable do servizo.

· A duración mínima de prestación do servizo de axuda no fogar será de 30 minutos de luns a domingo. 

TITULO III

RÉGIMEN ECONÓMICO E FINANCIERO.

Artigo 17º. Feito impoñible.

É obxecto desta taxa a prestación do servizo de axuda no fogar ordinario e do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia e que no Programa Individualizado de Atención de recursos teñan o SAF como recurso asignado, ou como respiro complementario de outro recurso e/ou prestación.

Artigo 18º. Financiamento do servizo .

O servizo de axuda no fogar financiarase mediante achegas da Administración xeral do Estado, da Xunta de Galicia, da entidade local titular do servizo e dos usuarios.

Artigo 19º. Suxeito pasivo.

Serán suxeitos pasivos da taxa regulada na presente ordenanza os seguintes:

A) As persoas recoñecidas como dependentes ao abeiro da Lei 39/2006 de 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en situación de dependencia, e teñan resolución do Plan Individualizado de Atención (PIA) no que se lle recoñeza o citado servizo (calquera que sexa a modalidade do mesmo) sexan dadas de alta no servizo municipal de acordo co estipulado no Regulamento específico de funcionamento.

B) As persoas que accedan ao servizo da axuda no fogar por libre concorrencia e que sexan dadas de alta no servizo municipal de acordo co estipulado no Regulamento específico de funcionamento.

Se a persoa beneficiaria carecera da capacidade para obrar, dita obriga recaerá sobre quen ostente a súa representación legal ou, no seu caso, sobre quen exerza de feito o seu coidado.

Artigo 20º. Base impoñible.

A) Para o caso da prestación do servizo de axuda no fogar básico:

A base impoñible, referida a unha hora de prestación de servizo, virá determinada polo custo que para o concello supoña en cada momento a hora de servizo prestado. Dito custo será, polo tanto, o importe, IVE engadido, que resulte de aplicación do contrato administrativo de xestión do servizo público de axuda no fogar. A base impoñible total será o resultado de multiplicar a base impoñible referida a unha hora de prestación do servizo polo número de horas de prestación efectiva do mesmo.

B) Para o caso de prestación do servizo a persoas en situación de dependencia:

A base impoñible virá determinada pola capacidade económica de cada persoa usuaria, cuxo cálculo constará na resolución do plan individualizado de atención que se resolva en cada caso.

Esta capacidade económica, de acordo co artigo 59 do Decreto 99/2012, de 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, calcularase en atención á súa renda e, se é o caso, ao seu patrimonio. Teranse en conta, ademais, a renda e patrimonio do cónxuxe e a existencia de persoas convivintes economicamente dependentes. Para o cálculo da citada capacidade económica observaranse os criterios e regras dispostos na Resolución do 2 de decembro de 2008 da Secretaría de Estado de Políticas Sociais, Familia e Atención á Dependencia e á Discapacidade, pola que se publica o Acordo do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía persoal e Atención á Dependencia sobre determinación da capacidade económica do beneficiario e sobre os criterios de participación deste nas prestacións do dito sistema, así como as normas regulamentarias promulgadas pola Xunta de Galicia que incorporen aquelas regras ao sistema galego de servizos sociais.

Artigo 21º. Determinación da capacidade económica das persoas usuarias do servizo.

A determinación da capacidade económica das persoas usuarias do servizo de axuda no fogar dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido calcularase, tal e como prevé o artigo 59 do Decreto 99/12 en atención á súa renda e, se é o caso, ao seu patrimonio. Teranse en conta, ademais, a renda e patrimonio do cónxuxe e a existencia de persoas convivintes economicamente dependentes. Para o cálculo da citada capacidade económica observaranse os criterios e regras dispostos na Resolución do 2 de decembro de 2008 da Secretaría de Estado de Políticas Sociais, Familia e Atención á Dependencia e á Discapacidade, pola que se publica o Acordo do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía Persoal e Atención á Dependencia sobre determinación da capacidade económica do beneficiario e sobre os criterios de participación deste nas prestacións do dito sistema, así como ás normas regulamentarias promulgadas pola Xunta de Galicia que incorporen aquelas regras ao sistema galego de servizos sociais.

Para o caso do servizo de axuda no fogar prestado a persoas usuarias diferentes das anteriores seguiranse os seguintes criterios:

a) Computarase a renda de todas as persoas residentes na mesma unidade de convivencia. Para estes efectos considérase renda a suma de calquera das modalidades de ingreso a que se refire o artigo 6.2. da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

b) Computarase así mesmo o patrimonio neto de todas as persoas residentes na unidade de convivencia. Para estes efectos enténdese por patrimonio neto o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexan titulares, determinados consonte as regras de valoración recollidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, con dedución das cargas e gravames de natureza real que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais das cales deba responder. Igualmente, para o cómputo do patrimonio neto deberán terse en conta as exencións que prevé a Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, ao respecto da vivenda habitual e doutros bens e dereitos.

c) A capacidade económica calcularase sumando todas as rendas computables, modificadas á alza pola suma dun 5% do patrimonio neto en cómputo anual, e dividindo o resultado da dita suma entre o total de persoas que convivan no fogar.

O Concello da Laracha, fará unha revisión anual para a actualización da información relativa á capacidade económica das persoas usuarias do servizo de axuda no fogar, aplicando a tarifa que lle corresponda en función dos seus ingresos económicos. No caso de variar a tarifa con respecto ao ano anterior, cobrarase unha vez comprobada a documentación e comunicado ao perceptor os cambios de tarifa.

Para facer dita revisión, a persoa usuaria deberá presentar a documentación requirida polo responsable do servizo do Concello da Laracha, dentro do primeiro mes natural do ano, a fin de comprobar os seus datos económicos de xeito actualizado. De non aportar a documentación requirida, sen causa xustificada, procederase a suspensión do servizo, mentres non se aporte dita documentación.

Artigo 22º. Cota tributaria.

A cota tributaria da taxa regulada nesta ordenanza será o resultado de aplicar á base impoñible total as seguintes porcentaxes:

A) Para o caso da prestación do servizo ordinario:

Capacidade económica

Porcentaxe

Menor do 0,80 do IPREM

0

Maior do 0,80 do IPREM e menor ou igual a 1,50 IPREM

20 %

Maior de 1,50 do IPREM e menor ou igual a 2 IPREM

35 %

Maior de 2 do IPREM e menor ou igual a 2,5 IPREM

55 %

Maior de 2,5 IPREM

75 %


B) Para o caso da prestación do servizo a persoas en situación de dependencia.

1. No caso de que a capacidade económica da persoa usuaria do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido sexa igual ou inferior ao indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM), quedará exenta da obriga de participar no custo do servizo.

2. Nos demais supostos cada entidade local titular do servizo, para facer efectiva a obriga das persoas usuarias de participar no custo do servizo, aplicará a seguinte táboa, na cal se expresa o copagamento en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica da persoa usuaria e en función da intensidade do servizo asignado:



Grao I

Grao II

Grao III

Capacidade económica (referida ao IPREM)







Inferior ou igual ao 100% do IPREM

0,00 %

0,00 %

0,00 %

Maior do 100 do IPREM e menor ou igual ao 115% do IPREM

4,52 %

9,61%

14,70%

Maior do 115 do IPREM e menor ou igual ao 125% do IPREM

5,41%

11,50%

17,58%

Maior do 125 do IPREM e menor ou igual ao 150% do IPREM

5,55%

11,79%

18,03%

Maior do 150 do IPREM e menor ou igual ao 175% do IPREM

5,65%

12,00%

18,38%

Maior do 175 do IPREM e menor ou igual ao 200% do IPREM

5,72%

12,16%

18,60%

Maior do 200 do IPREM e menor ou igual ao 215% do IPREM

5,81%

12,34%

18,87%

Maior do 215 do IPREM e menor ou igual ao 250% do IPREM

6,03%

12,82%

19,61%

Maior do 250 do IPREM e menor ou igual ao 300% do IPREM

6,24%

13,26%

20,29%

Maior do 300 do IPREM e menor ou igual ao 350% do IPREM

6,42%

13,63%

20,85%

Maior do 350 do IPREM e menor ou igual ao 400% do IPREM

6,54%

13,90%

21,25%

Maior do 100 do IPREM e menor ou igual ao 115% do IPREM

6,63%

14,09%

21,55%

Maior do 100 do IPREM e menor ou igual ao 115% do IPREM

6,70%

14,25%

21,79%

Superior ao 500% do IPREM

6,76%

14,36%

21,97%


3. Nos casos en que, por renuncia parcial expresa da persoa beneficiaria ao seu dereito de atención co número de horas expresadas no PIA, ou cando por tratarse dun suposto de compatibilización do SAF con outro servizo ou prestación do catálogo as horas reais prestadas de servizo de axuda no fogar sexan inferiores á cantidade expresada en cada columna da táboa anterior para o grao e nivel correspondente, a cantidade por pagar será minorada proporcionalmente á diminución das horas efectivas de servizo.

4. En ningún caso o importe da participación económica que deberá ingresar a persoa beneficiaria en concepto de copagamento poderá exceder o 65% do custo do servizo determinado en termos de prezo/hora.

Artigo 23º. Exencións e bonificacións.

Non poderán recoñecerse respecto a esta taxa outros beneficios fiscais que os expresamente previstos en normas con rango de Lei ou derivados da aplicación de tratados internacionais, nos termos establecidos no art. 9 do texto refundido da lei reguladora de facendas locais.

Artigo 24º. Afectación dos ingresos municipais polo copagamento dos servizos.

De conformidade co artigo 56.7 de Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, en todo caso, os ingresos que recade o Concello da Laracha, en concepto de achega das persoas usuarias para a súa participación no custo dos servizos sociais comunitarios, estarán afectados ao financiamento dos servizos sociais que reciban.

Artigo 25º. Nacemento da obriga de pagamento e período impositivo.

A obriga de pagar os prezos públicos nace, en xeral, desde que se inicie a prestación do servizo e deberá facerse efectivo de acordo coas seguintes normas de xestión:

1. Os prezos públicos contemplados nesta ordenanza satisfaranse con carácter posterior á prestación do servizo e con carácter específico, durante os primeiros vinte días do mes seguinte.

2. Por parte do Concello e, sobre a base do parte de traballo asinado, conxuntamente pola persoa usuaria e polo persoal de atención directa, elaborarase un recibo individual co importe correspondente ao servizo prestado no mes anterior, que se remitirá á entidade bancaria elixida pola persoa beneficiaria, para que se efectúe o pagamento.

Artigo 26º. Normas de xestión.

Unha vez aprobada a alta no servizo, procederase á inclusión da persoa beneficiaria no padrón correspondente da taxa.

A alta no padrón será notificada ao beneficiario, facéndolle constar a capacidade económica que será tida en conta, xunto co número de horas mensuais de servizo prestado efectivamente, para a fixación da cota tributaria.

Unha vez ao ano, ou antes, no caso de producirse cambios na situación das persoas usuarias, actualizarase a capacidade económica dos usuarios do servizo utilizando os últimos datos fiscais dispoñibles relativos aos mesmos. No caso de que así sexa necesario, o departamento de Servizos Sociais do Concello requirirá aos beneficiarios, para que xustifiquen documentalmente a súa situación económica e patrimonial, a efectos desa actualización da capacidade económica.

O padrón fiscal será aprobado mensualmente, e notificado colectivamente a través de publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e no Taboleiro de Edictos do Concello da Laracha.

O pago das taxas realizarase mensualmente mediante domiciliación bancaria. Se estes pagamentos non se puidesen facer efectivos por calquera circunstancia, como a inexistencia de fondos, imputable ao obrigado, apercibiráselle de contado, responsabilizándose dos gastos que isto ocasione.

Se existise motivo xustificado dabondo, e tras informe previo nese sentido do departamento de Servizos sociais, poderase eximir á persoa usuaria do pagamento por domiciliación bancaria.

Artigo 27º. Infraccións e sancións.

As infraccións e sancións rexeranse, no relativo aos aspectos de contido económico, pola Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de recadación, e no resto das materias, polo disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Normativa Subsidiaria.

No non expresamente previsto no presente Regulamento, estarase ao disposto no Decreto 99/2012, de 16 de marzo, polo que se regula os servicios sociais comunitarios e o seu financiamento.

Disposicións

Disposición Derrogatoria.

Queda derrogada a actual Ordenanza Municipal do Servizo de Axuda no Fogar do Concello da Laracha aprobada o 30 de maio de 2012, unha vez entre en vigo o presente regulamento.

Disposición Final.

O presente Regulamento entrará en vigo unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia e teña transcorrido o prazo sinalado no art. 65 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réximen Local, permanecendo en vigo ata a súa modificación ou derrogación expresa.

SEGUNDO.- Someter a dita Ordenanza municipal a información pública e audiencia dos interesados, con publicación no Boletín Oficial da Provincia e taboleiro de anuncios do Concello, polo prazo de trinta días para que poidan presentar reclamacións ou suxestións, que serán resoltas pola Corporación.

Simultaneamente, publicar o texto da Ordenanza municipal na sede electrónica municipal co obxecto de dar audiencia aos cidadáns afectados e solicitar cantas achegas adicionais poidan facerse por outras persoas ou entidades.

De non presentarse reclamacións ou suxestións no mencionado prazo, considerarase aprobada definitivamente sen necesidade de acordo expreso polo Pleno e o acordo de aprobación definitiva tácita da Ordenanza, co texto íntegro da mesma, publicarase para o seu xeral coñecemento no taboleiro de anuncios do Concello e no Boletín Oficial da Provincia.