Lousame - Ordenanza Fiscal reguladora da Taxa pola prestación do servicio do punto de atención á infancia.

Publicación provisional: 05/08/2024 BOP Nº: 149
Publicación definitiva: 27/09/2024 BOP Nº: 187
Aplicable dende: 27/09/2024

ARTIGO 1.- FUNDAMENTO E NATUREZA

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 27 do R.D. Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a taxa pola prestación do servizo do Punto de Atención a Infancia do Concello de Lousame (PAI), que se rexerá, pola presente Ordenanza fiscal.

ARTIGO 2 .- FEITO IMPOÑIBLE.

O feito impoñible o constitúe a prestación do servicio pola asistencia dos menores que previa solicitude dos seus pais ou titores, cumprindo os requisitos legais, sexan admitidos no PAI.

ARTIGO 3.- SUXEITOS PASIVOS

Son suxeitos pasivos da taxa os proxenitores dos nenos en situación de alta no Punto de Atención á Infancia; ou, no seu defecto, os familiares ou titores legais a quen corresponda o exercicio da patria potestade.

ARTIGO 4.- COTA TRIBUTARIA. BENEFICIOS. EXENCIÓNS.

As cotas tributarias correspondente aos servizos prestados no Punto de Atención á Infancia, figura no Anexo da presente Ordenanza; onde tamén se recollen os beneficios e exencións aplicables.

As cotas tributarias establecidas no anexo actualizaranse cada curso escolar na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia (IPC) no mes de xaneiro anterior ao do curso escolar no que se pretende que produza efectos, seguindo a resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia do órgano de dirección competente en materia de familia e infancia.

ARTIGO 5.- REGRAS E DEFINICIÓNS PARA A DETERMINACIÓN DO IMPORTE A ABONAR.

Para a determinación do importe mensual a pagar polos suxeitos pasivos da Taxa, teranse en conta as especificacións recollidas no anexo do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, modificado polo Decreto 91/2014, do 17 de xullo.

Para os efectos da aplicación do anexo, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:

i. Os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.

ii. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

iii. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no 31 de decembro do ano a que se refiran os datos económicos a que se refiren as seguintes regras.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar, no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

O importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado, mediante a presentación das copias certificadas pola Administración tributaria das declaracións do IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando formase parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal, e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita familiar mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

ARTIGO 6.- PAGAMENTO DA COTA TRIBUTARIA.

1.- A taxa vindícase e nace a obriga de contribuír dende o momento no que se inicie a prestación do servizo do Punto de Atención á Infancia.

2.- O pagamento das cotas tributarias realizarase mensualmente nos dez primeiros días naturais do mes a que correspondan. Nos casos en que o ingreso no centro se produza con posterioridade ao día primeiro do mes, a cota correspondente ao dito mes ingresarase nos dez días naturais seguintes á data de ingreso.

3.- Salvo o disposto no artigo 6 deste decreto, a falta de asistencia da nena ou do neno ao centro non supón redución nin exención da cota mentres non se formalice a baixa correspondente.

4.- A falta de pagamento de dúas mensualidades consecutivas ou tres alternas, sen prexuízo da súa exixencia polo procedemento administrativo de constrinximento, orixinará a perda do dereito á praza no Punto de Atención á Infancia.

ARTIGO 7- SUSPENSIÓN TEMPORAL DA COTA.

Os suxeitos obrigados a que fai referencia o artigo 3 non terán a obriga de aboar a cota correspondente durante os seguintes períodos:

a) O mes de vacacións anuais (estival) do Punto de Atención á Infancia. Non se aplicará esta suspensión para os festivos e días inhábiles diferentes ao mes de vacacións anuais.

b) Cando por calquera motivo distinto ao período de vacacións anuais o centro permaneza pechado por un período superior a quince días naturais no mes de referencia.

En ambos os dous casos a suspensión realizarase de oficio.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

Para todo o non previsto nesta Ordenanza será de aplicación a regulación contida no Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais; Lei 8/1989, do 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos, e demais normativa aplicable.

DISPOSICIÓN FINAL.

A presente ordenanza reguladora da taxa pola prestación do servizo do punto de atención a infancia entrará en vigor e será de aplicación a partir do día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e estará en vigor ata a súa modificación ou derrogación

ANEXO

1. Cota tributaria pola atención educativa.

A cota tributaria pola atención educativa en xornada completa fíxase en 169,26 €.

Segundo o nivel de renda da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican no número 2 deste anexo.

Cando o alumnado teña solicitada e concedida unha praza en réxime de media xornada, a cota tributaria da atención educativa reducirase no cincuenta por cento do prezo que lle corresponda aboar de acordo coa renda per cápita da unidade familiar.

2. Aplicación da cota tributaria mensual segundo os tramos de renda da unidade familiar.

a) Rendas inferiores ao 30 por cento do IPREM.

Prezo da praza: 0 €.

b) Rendas comprendidas entre o 30 e inferiores ao 50 por cento do IPREM.

Prezo da praza: 0 €.

c) Rendas comprendidas entre o 50 e inferiores ao 75 por cento do IPREM.

Prezo da praza: 34,91 €.

d) Rendas comprendidas entre o 75 e inferiores ao 100 por cento do IPREM.

Prezo da praza: 69,81 €.

e) Rendas comprendidas entre o 100 e inferiores ao 125 por cento do IPREM.

Prezo da praza: 112,13 €.

f) Rendas comprendidas entre o 125 e inferiores ao 150 por cento do IPREM.

Prezo da praza: 133,29 €.

g) Rendas comprendidas entre o 150 e o 200 por cento do IPREM.

Prezo da praza: 147,05 €.

h) Rendas superiores ao 200 por cento do IPREM.

Prezo da praza: 169,26 €.

3. Beneficios fiscais.

A) Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre a cota que resulte de aplicar o disposto no punto anterior, aplicaranse os seguintes beneficios que non son acumulables entre si:

a) Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto dun 20 por cento.

b) Nenos/as pertencentes a familias monoparentais, desconto dun 20 por cento.

c) No suposto de matriculación no PAI do primeiro/a fillo/a e sucesivos/as dunha unidade familiar, seralle de aplicación unha bonificación do 100%.

Entenderase por familia numerosa aquela que reúna as condicións que determina a Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Para a aplicación dos beneficios teranse en conta as circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza no Punto de Atención á Infancia, que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias na data da vindicación da declaración do IRPF.

B) Cando por circunstancias sobrevidas (solicitude fóra de prazo, traslado de residencia, etc.), o neno ingrese no centro con posterioridade ao día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes terá un desconto do 50 por cento.

4. Exencións de pagamento.

A) As familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais gozarán da exención total da cota a partir da segunda filla ou fillo que acuda ao centro.

B) As familias acolledoras de menores con medidas administrativas de tutela ou garda gozarán, así mesmo, da exención total da cota.