Rois - ORDENANZA REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DA ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA DE ROIS
Artigo 1º. NATUREZA
No uso das facultades concedidas polos art. 133.2 e 142 da Constitución Española e polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e de conformidade co disposto nos artigos 15 ao 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, este Concello establece o prezo público pola prestación dos servizos da Escola municipal de música de Rois que se rexerá pola presente ordenanza fiscal cuxas normas atenden ao disposto nos artigos 41 a 45 da citada Lei.
Artigo 2º. FEITO IMPOÑIBLE
Constitúen o feito impoñible desta ordenanza os actos de utilización dos servizos da Escola municipal de música de Rois.
Artigo 3º. SUXEITOS PASIVOS.
Son suxeitos pasivos en concepto de contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35 da Lei xeral tributaria que utilicen os servizos da Escola municipal de música de Rois. Están obrigados ao pagamento do prezo público aqueles que, previa inscrición, asistan aos cursos da Escola municipal de música de Rois. Terán preferencia as persoas empadroadas no concello de Rois.
Artigo 4º. TARIFAS
A contía do prezo público regulado nesta ordenanza será o fixado nas tarifas que aparecen a continuación:
Matrícula anual: 30,00 €
MATERIA HORAS Á SEMANA PREZO AO MES
Música e movemento 1 hora semanal 20,00 €
(grupos de 4-6 alumnos/as)
Linguaxe musical 1 hora semanal 20,00 €
(grupos de 4-6 alumnos/as)
Linguaxe musical (30 min) + instrumento (30 minutos) 40,00 €
Linguaxe musical (30 min.) + instrumento (60 minutos) 50,00 €
Materia illada (a partir de 16 anos) 1 hora semanal 40,00 €
Harmonía 30 minutos 15,00 €
Instrumento complementario(*) 30 minutos 15,00 €
Coro infantil (ata 12 anos) 1 hora semanal 20,00 €
(alumnado non matriculado noutras materias)
Coro persoas adultas (maiores de 12 anos) 1 hora e 15 min. semana 20,00 €
(alumnado non matriculado noutras materias)
A actividade de coro será gratuíta para o alumnado da Escola municipal de música.
(*) Enténdese por instrumento complementario o elixido a maiores das opcións ofertadas ou o reforzo dun instrumento.
Artigo 5º. BONIFICACIÓNS
Para a aplicación das tarifas efectuaranse descontos nos seguintes casos:
1. Co pagamento do curso completo obterase unha redución do 5% sobre o prezo total da matrícula.
2. A matriculación dun alumno/a en dous cursos ou actividades terá unha bonificación do 5% en cada mensualidade.
3. Cando tres ou máis membros da unidade familiar estean matriculados na escola, o terceiro e sucesivos membros terán unha bonificación do 5% en cada mensualidade.
4. Concederase unha única bonificación do 15% en cada mensualidade no caso de familias numerosas, familias monoparentais e/ou con algún membro con algunha discapacidade recoñecida de máis do 33%.
No caso de ter dereito a varias bonificacións, aplicarase a máis beneficiosa para a persoa usuaria.
Artigo 6º. PERÍODO IMPOSITIVO
O período impositivo coincide co mes natural. Tense dereito ao prezo público e nace a obriga de contribuír o primeiro día do período impositivo.
Artigo 7º. NORMAS DE XESTIÓN
1. As persoas interesadas en asistir á Escola municipal de música presentarán unha solicitude de admisión no Rexistro xeral deste Concello dentro dos prazos que anualmente, para tal efecto, queden fixados. Excepcionalmente, e sempre que non se cubra o total das prazas, admitiranse solicitudes durante o curso escolar.
2. A matrícula e o importe das mensualidades xestionaranse mediante un ingreso por recibo nos prazos e lugares que determine a Administración unha vez efectuada a matrícula no curso ou cursos solicitados. As persoas interesadas, no momento de realizar a matrícula, proporcionaranlle os seus datos á Administración para os efectos de formalizar a correspondente domiciliación bancaria.
Artigo 8º. BAIXAS
1. As baixas deberán comunicarse á Administración a última semana de cada mes. No caso contrario, a baixa será efectiva no mes seguinte á solicitude.
2. Non obstante, poderase proceder a dar de baixa de oficio para o período mensual seguinte a aquela persoa que non pague unha das cotas mensuais e sempre que non se regularice o pagamento.
Artigo 9º. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas correspondan en cada caso, atenderase ao disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei xeral tributaria, conforme se establece na Lei reguladora das facendas locais.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente ordenanza fiscal entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín oficial da provincia, previa exposición ao público e resolución das reclamacións, e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.