Rois - ORDENANZA REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA UTILIZACIÓN DA PISCINA MUNICIPAL DE SENRA
Artigo 1º. FUNDAMENTO E NATUREZA
De conformidade co previsto nos artigos 41 e 127 do R. D. lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e en exercicio da potestade regulamentaria recoñecida ao Concello de Rois, na súa calidade de administración pública territorial, polos artigos 4, 49, 70.2 e concordantes da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, establécese o prezo público pola prestación de servizos na piscina municipal de Senra e nos espazos anexos.
Artigo 2º. FEITO IMPOÑIBLE
Constitúe o feito impoñible do prezo público a utilización da piscina municipal que realiza este Concello.
Artigo 3º. SUXEITO PASIVO
Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas que resulten beneficiadas ou afectadas polo servizo prestado a que se refire o apartado anterior. Están obrigadas ao pagamento do prezo público regulamentado nesta ordenanza as persoas físicas ou xurídicas que soliciten a prestación dos servizos ou actividades descritos na presente ordenanza ou que procedan á utilización da piscina municipal e dos espazos anexos.
Artigo 4º. COTA TRIBUTARIA
A cota tributaria será a cantidade resultante de aplicar a seguinte tarifa:
1. As persoas empadroadas no Concello de Rois poderán solicitar a emisión dun carné para a campaña de verán:
-ata 10 anos: acceso gratuíto
-persoas usuarias maiores de 10 anos: 5 €/campaña de verán
-carné familiar: 12 €/campaña de verán
2. As persoas non empadroadas no Concello de Rois ou as empadroadas no Concello de Rois que non dispoñan de carné:
-de 0-3 anos: acceso gratuíto
- de 4-10 anos: 1 €/día
-persoas usuarias de máis de 10 anos: 2 €/día
Artigo 5º. EXENCIÓNS OU BONIFICACIÓN
4. Concederase unha única bonificación do 15% en cada mensualidade no caso de familias numerosas, familias monoparentais e/ou con algún membro con algunha discapacidade recoñecida de máis do 33%.
Os membros de Protección Civil e as persoas voluntarias terán acceso libre á piscina municipal para o desempeño das súas funcións de vixilancia, protección e seguridade e das tarefas de solidariedade cidadá en beneficio da comunidade, e poderán facer uso gratuíto das instalacións.
Artigo 6º. DEVINDICACIÓN
Devindícase o prezo público e nace a obriga de contribuír desde que se preste o servizo municipal que constitúe o seu feito impoñible.
Artigo 7º. DECLARACIÓN, LIQUIDACIÓN E INGRESO
O cobro do prezo público correspondente efectuarase:
a) No momento da expedición dos carnés que se soliciten.
b) No momento de entrar ao recinto, nos demais casos.
Como xustificantes do pago emitiranse os recibos oportunos.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente Ordenanza consta de sete artigos e dunha disposición final.
Entrará en vigor unha vez que se publique o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo disposto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.