Rois - Ordenanza reguladora do prezo público pola utilización dos polideportivos municipais

Publicación provisional: 23/07/2024 BOP Nº: 141
Publicación definitiva: 19/09/2024 BOP Nº: 181
Aplicable dende: 10/10/2024

Artigo 1º. FUNDAMENTO E NATUREZA

De conformidade co previsto nos artigos 41 e 127 do R. D. lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais e en exercicio da potestade regulamentaria recoñecida ao Concello de Rois, na súa calidade de administración pública territorial, polos artigos 4, 49, 70.2 e concordantes da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, establécese o prezo público pola utilización dos polideportivos municipais.

Artigo 2º. FEITO IMPOÑIBLE

Constitúe o feito impoñible do prezo público a utilización dos polideportivos municipais por particulares e entidades con motivo de adestramentos, partidos, espectáculos e actos extra deportivos.

ARTIGO 3º. SUXEITO PASIVO

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas (entidades, organismos, asociacións, federacións, clubs etc.) que resulten beneficiadas ou afectadas polo servizo prestado a que se refire o apartado anterior.

ARTIGO 4º. COTA TRIBUTARIA

O prezo público será o que se detalla deseguido:

a) Deportes colectivos ou de equipo e actividades de máis de 4 persoas: 12,00 €/hora

b) Deportes individuais ou de parella (ata 4 persoas): 8,00 €/hora.

c) Utilización de día completo: 100,00 €/día.

ARTIGO 5º. SUPOSTOS DE NON SUXEICIÓN

Estarán exentos do pagamento do prezo público:

1. A utilización das instalacións deportivas para a celebración de campionatos escolares.

2. A utilización das instalacións deportivas para calquera tipo de actividade, sexan ou non deportivas, de carácter benéfico.

3. A utilización das instalacións deportivas para actividades organizadas polo Concello.

4. A utilización das instalacións deportivas para actividades organizadas polo centro educativo, dentro do horario escolar.

5. A utilización por parte de entidades locais ou no caso de actividades de interese social ou deportivo municipal.

ARTIGO 6. UTILIZACIÓN DO XIMNASIO MUNICIPAL

Para o acceso ao ximnasio municipal emitirase un carné individual cun custo de 50,00 €/tempada.

Artigo 7. DEVINDICACIÓN

Devindícase o prezo público e nace a obriga de contribuír desde que se preste o servizo municipal que constitúe o seu feito impoñible.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente Ordenanza consta de sete artigos e dunha disposición final.

Entrará en vigor unha vez que se publique o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo disposto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.