Rianxo - Regulamento do funcionamento do servizo de préstamo de axudas técnicas do Concello de Rianxo

Publicación provisional: 13/11/2024 BOP Nº: 219
Publicación definitiva: 08/01/2025 BOP Nº: 8
Aplicable dende: 29/01/2025

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Lei 39/2006, de 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención as Persoas en Situación de Dependencia, establece que a atención as persoas en situación de dependencia e a promoción da súa autonomía persoal constitúe un dos principais retos da política social dos países desenvolvidos. O reto non e outro que atender as necesidades daquelas persoas que, por atoparse en situación de especial vulnerabilidade, requiren apoios para desenvolver as actividades esenciais da vida diaria, acadar unha maior autonomía persoal e poder exercer plenamente os seus dereitos de cidadan.

A estes efectos o artigo 12.1 da norma citada establece que as entidades locais participarán na xestión dos servizos de atención ás persoas en situación de dependencia, segundo a normativa das respectivas Comunidades Autónomas e dentro das competencias que a lexislación vixente lles atribúe.

Así mesmo, o artigo 25.2.e da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local formula o deber dos Concellos de avaliar as situacións de necesidade social e prestar atención inmediata ás persoas que se atopen en situación ou risco ou exclusión social.

A demanda de prestacións e servizos para cubrir as necesidades da persoas con limitacións físicas por parte dos/das seus coidadores/as perante os servizos sociais aumentou considerablemente nos últimos anos. De feito unha das peticións máis comúns é a de axudas técnicas, en maior medida camas articuladas ou grúas eléctricas para transferencias, dado que o seu uso simplifica o traballo das persoas coidadoras, ao mesmo tempo que mellora a calidade de vida das persoas dependentes e/ou con discapacidade física.

A través do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal POS+ADICIONAL 1/2024 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2024 o Concello adquiriu, en propiedade, as seguintes axudas técnicas:

- 4 camas articulada con carro elevador

- 3 Grúas eléctricas de transferencias

- 4 cadeiras xiratorias de baño

A finalidade é ser destinadas a persoas con dependencia e/ou discapacidade física, e que precisen apoio de terceiras persoas para o desenvolvemento das Actividades Básicas da Vida Diaria (ABVD) de carácter persoal,

Artigo 1. Obxecto, natureza e catalogo do servizo

É obxecto desta ordenanza regular o servizo de préstamo temporal de Axudas Técnicas Asistenciais desenvolvido polo Concello da Rianxo.

Configurase como un servizo público municipal gratuito destinado ás persoas que polas súas limitacións físicas precisen dispoñer destas axudas para o desenvolvemento das ABVD.

O servizo consistirá no préstamo temporal de Axudas Técnicas Asistenciais, durante o período de tempo que a persoa beneficiaria o precise, a persoas valoradas como dependentes e/ou con discapacidade e con limitados recursos económicos para facer fronte ao custo das mesmas.

Enténdese por axuda técnica todo produto, instrumento, equipamento ou sistema técnico utilizado por unha persoa con discapacidade ou en situación de dependencia destinado a prever, compensar, aliviar ou eliminar a deficiencia ou discapacidade.

Artigo 2. Obxectivos do servizo

a) Favorecer a permanencia das persoas destinatarias na súa contorna familiar e o envellecemento de calidade, evitando ou retrasando a institucionalización mentres sexa posible.

b) Favorecer a autonomía persoal e a accesibilidade no desenvolvemento das actividades básicas da vida diaria, ás persoas en situación de dependencia e/ou con discapacidade física.

c) Previr problemas de saúde das persoas usuarias tales como problemas cutáneos, músculo esqueléticos, respiratorios, cardiovasculares etc.

d) Simplificar a tarefa de coidados ás persoas coidadoras

e) Procurar a mellora da calidade de vida tanto da persoa coidadora como da persoa dependente.

f) Facilitar e posibilitar a atención ante calquera situación imprevista e sobrevida que requira de este servizo.

O servizo dependerá da dispoñibilidade do equipamento técnico asistencial e da valoración dos Servizos Sociais das necesidades da persoa usuaria e da súa unidade de convivencia.

Artigo 3. Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación das prestación establecidas neste regulamento será o termo municipal do Concello de Rianxo.

Artigo 4. Persoas usuarias do servizo.

Persoas con limitacións funcionais graves, que precisen axuda de outra persoa para realizar as actividades básicas da vida diaria e que lles resulta necesaria unha axuda técnica das recollidas na presente ordenanza para facilitarlles as actividades de aseo, alimentación, mobilización, e prevención de riscos para a saúde da persoa coidadora.

Persoas empadroadas e con residencia real e efectiva no Concello de Rianxo

Terán prioridade de acceso a este servizo as persoas que teñan recoñecido grao de Dependencia do Sistema de Autonomía Persoal e Atención á Dependencia ou con recoñecemento de discapacidade física.

Artigo 5. Requisitos de acceso ao servizo.

Poderán ser beneficiarias do servizo as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar empadroado e ter residencia efectiva no Concello de Rianxo

b) Atoparse nalgunha das seguintes situacións:

1. Persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 75% e presenten dificultades de mobilidade..

2. Persoas que teñan recoñecido un grao II ou III de dependencia, e presenten limitacións para a realización das actividades básicas da vida diaria e precisen apoio indispensable e continuo doutra persoa ou teñan necesidade de apoio xeneralizado para a súa autonomía persoal.

3. Persoas que non tendo recoñecido o grao de dependencia e/ou discapacidade sinalados no punto 1 e 2, e presentan unha situación de saúde que os fai dependentes de terceira persoa. Neste caso, a situación de dependencia, falla de autonomía e/ou necesidade de axuda de terceira persoa, acreditarase co correspondente informe médico expedido polo servizo galego de saúde que a tal efecto puideran aportar.

c) Non ter dereito nin estar desfrutando dunha axuda polo mesmo concepto a través doutros sistemas de protección social (Sistema Nacional de Saúde, Seguridade Social, empresas de axuda no fogar, entidades de iniciativa social ¿).

d) Que a renda anual de referencia da persoa solicitante non supere 5 veces o importe anual do Indicador Público de Referencia de Efectos Múltiples (IPREM).

e) Que as condicións hixiénicas e de habitabilidade da vivenda permitan o uso das Axudas Técnicas Asistencias, e que exista unha persoa responsable do correcto uso das mesmas.

Artigo 6º. Procedemento e tramitación de solicitudes.

INICIACIÓN DO PROCEDEMENTO

O procedemento poderá iniciarse de oficio ou a instancia de parte.

A solicitude deberá por calquera dos medioa recollidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e ir asinada pola persoa beneficiaria, representante legal ou gardador/a de feito.

A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

- Modelo de solicitude cuberta e asinada correctamente (Preparar modelo de solicitude ).

- Declaración responsable de que non se solicitaron nin se concederon outras axudas polo mesmo concepto e que se vai cumprir coas obrigas estipuladas neste Regulamento (Modelo ***).

- Fotocopia do DNI da persoa solicitante, representante legal e/ou gardar/a de feito, de ser o caso.

- Documentación acreditativa do grao de dependencia e/ou da discapacidade da persoa solicitante.

- Informe médico que acredite a necesidade do servizo e o tipo de axuda necesaria (unicamente no caso de non dispor de Resolución de Grao de Dependencia e/ou Certificado de Discapacidade).

- Xustificación da capacidade económica da persoa solicitante:

- Nóminas

- Certificación bancaria de saldos, contas, depósitos e valores en conta correspondente ao último exercicio fiscal.

- Última Declaración da renda presentada, de selo caso, ou Certificado negativo da AEAT de non ter obriga de presentala, coas imputacións do IRPF.

- Certificación de percibir ou non prestacións ou pensións por parte do Instituto Nacional da Seguridade Social.

- Calquera outro ingreso percibido

- Calquera outra documentación requirida polos Servizos Sociais do Concello de Rianxo

Unha vez recibidas as solicitudes comprobarase que reúnen os requisitos sinalados e no caso de non ser así, requirirase á persoa interesada para que no prazo de 10 días hábiles subsane a falla ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que se non o fai, terase por desestimada a súa petición, procedendo ao arquivo da mesma.

VALORACIÓN DA SOLICITUDE

Unha vez completada a solicitude esta será valorada por parte do persoal técnico dos servizos sociais do Concello da Rianxo, que emitirán Informe Técnico e o Informe Proposta de resolución.

Para a valoración da situación económica teranse en conta os ingresos da persoa solicitante, atendendo á seguinte valoración:

- Ingresos da unidade iguais ou inferiores ao 80% do IPREM: 25 puntos.

- Ingresos iguais ou inferiores ao IPREM: 20 puntos

- Ingresos iguais ou inferiores ao 200% do IPREM: 15 puntos.

- Ingresos iguais ou inferiores ao 300% do IPREM: 10 puntos.

- Ingresos iguais ou inferiores ao 400% do IPREM: 5 puntos.

Valorarase e daráselle prioridade á situación de limitación funcional da persoa solicitante segundo o seguinte criterio:

· Persoas en situación de Gran Dependencia, Grao III, con grao de discapacidade igual ou superior ao 75%, e situación imprevista e sobrevida acreditando limitación funcional grave con necesidade de axuda de terceira persoa para tódalas ABVD: 30 puntos.

· Persoas en situación de Dependencia grave, Grao II, con grao de discapacidade igual ou superior ao 50%, e situación imprevista e sobrevida acreditando limitación funcional grave con necesidade de axuda de terceira persoa para algunha das ABVD: 25 puntos.

· Se precisa axuda para algunhas das actividades básicas da vida diaria e ten mobilidade reducida con axuda de terceira persoa: 15 puntos.

RESOLUCIÓN

O persoal técnico dos servizos sociais do Concello da Rianxo emitirán o Informe Técnico e o Informe Proposta de resolución, coa puntuación obtida e a valoración da solicitude.

O Alcalde aprobará ou rexeitará, por Resolución de Alcaldía o expediente .

Nos casos de urxente necesidade procederase á inmediata concesión da prestación previa valoración dos Servizos Sociais do Concello de Rianxo.

Todas aquelas persoas que cumprindo o requisito para o acceso á axuda non poidan ser atendidas de xeito inmediato, debido a falla de disposición de axudas ténicas asistenciais, incluiranse nunha lista de agarda cuxa orde de atención se rexerá pola data de rexistro de entrada da solicitude.

O prazo máximo de resolución deste procedemento e para a notificación do acto que lle poña término é de 2 mes; transcorrido o prazo sinalado sen que se dictase e notificase polo Concello a resolución correspondente, o efecto do silencio administrativo será positivo. Non obstante, o citado prazo máximo legal para resolver o procedemento e notificar a resolución poderase suspender nos casos previstos no artigo 22 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Artigo 7. Causas de denegación.

Serán causas de denegación das solicitudes:

1. Presentación da documentación requirida fóra do prazo establecido.

2. Non cumprir algún dos requisitos do artigo 8.

Artigo 8. Dereitos das persoas usuarias do servizo.

As persoas usuarias do servizo terán dereito a:

1. Que sexa respectada en todo momento a súa individualidade e dignidade persoal.

2. Recibir o servizo adecuadamente.

3. Ser informadas puntualmente das modificacións que poidan producirse no réxime da prestación.

4. Á intimidade e á confidencialidade dos seus datos e da súa situación persoal.

5. Exercer o seu dereito de queixa conforme as disposicións vixentes.

Artigo 9. Deberes das persoas usuarias do servizo:

Son deberes das persoas usuarias do servizo:

1. As persoas usuarias do servizo están obrigadas a cumprir co obxectivo das mesmas e a empregar as Axudas Técnicas Asistencias conforme á finalidade para a que foron concedidas. A persoa usuaria, representante e/ou gardador/a de feito, recoñecerá que as axudas técnicas son propiedade do Concello de Rianxo e que se entregan en condicións óptimas de uso. O obxecto prestado deberá ser devolto no mesmo estado en que foi recibido.

2. Ademais, as persoas beneficiarias están obrigadas a:

2.a. Destinar aa Axudas Técnicas Asistencias á finalidade para a que se concede, e ser destinada exclusivamente á persoa beneficiaria, sen que poida ser alugada ou cedida a terceiras persoas.

2.b. Facilitar toda a información requirida polos Servizos Sociais.

2.c. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará, de ser o caso, o persoal dos Servizos Sociais.

2.d. Comunicar calquera variación que se produza na situación social, económica e familiar.

2.e. Informar, sen esconder nin falsear, as circunstancias persoais, familiares, medico-sanitarias, económicas e sociais que determinen a necesidade da prestación.

2.f. Responsablizarse da recollida e devolución da axuda técnica no lugar e nas condicións que lles comunique o persoal dos Servizos Sociais Comunitarios

2.g. Unha vez se proceda a devolver o material, este ten que ser entregado no mesmo estado que se lle prestou (agás o normal desgaste producido polo uso).

Artigo 10. Causas de extinción.

Serán causas de extinción do préstamo:

1. A renuncia das persoas usuarias ou dos/das seus/súas representantes legais.

2. Por incumprimento das obrigas estipuladas no artigo 6,

3. Por modificación da situación da persoa beneficiaria que deu lugar á concesión da axuda técnica.

4. Pasamento da persoa beneficiaria.

5. Por traslado da súa residencia a outro municipio.

Artigo 11. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase o día seguinte ao da publicación da aprobación definitiva deste regulamento no BOP. As solicitudes presentaranse xunto coa documentación correspondente no Rexistro Xeral do Concello de Rianxo.

O prazo máximo para ditar e notificar ás persoas interesadas a resolución será de dous meses contados dende o día seguinte ao da presentación da solicitude.

Artigo 12. Infraccións e sancións.

Enténdese como infracción grave a non devolución da axuda técnica en tempo e forma logo de emitirse requirimento ao efecto. Terá a mesma consideración cando sexan detectados roturas ou deterioro grave por mal coidado, mal uso, golpes ou falta de mantemento, procederase a abrir expediente sancionador de contía establecida segundo os anos de uso e obsolescencia da axuda:

- Axuda técnica nova, sen uso anterior ou ata o 2º ano de uso dende a adquisición: sanción sobre o 100% do custo total da axuda técnica, computando o IVE no custo total.

- Axuda técnica entre o 2º e o 3º ano de uso dende a adquisición: sanción sobre o 50% do custe total da axuda técnica, IVE engadido.

- Axuda técnica entre o 3º e o 4º ano de uso dende a adquisición: sanción sobre o 25% do custe total da axuda técnica, IVE engadido.

- Axuda técnica a partir do 4º ano de uso dende a adquisición: sanción sobre o 10% do custe total da axuda técnica, IVE engadido.

O órgano competente para a imposición da sanción, motivada polas infraccións descritas, será a Xunta de Goberno Local.

Artigo 13. Protección de datos.

O Concello de Rianxo é o Responsable do tratamento dos seus datos persoais e infórmalle que estes datos serán tratado de conformidade co disposto no Regulamento (UE) 2016/679 do 27 de abril, e a Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, coa finalidade de dar cumprimento a ordenanza municipal do funcionamento do Servizo de Préstamo de Axudas Técnicas do Concello de Rianxo en base a unha obrigación legal e non conservalos durante máis tempo do necesario para manter o fin do tratamento ou mentres existan prescricións legais que ditaminen a súa custodia. Os datos poderán ser comunicados a outras administración públicas en caso de ser requiridos mediante obriga legal. Así mesmo, infórmaselle de que pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, portabilidade e supresión dos seus datos e os de limitación e oposición ao seu tratamento dirixíndose a Concello de Rianxo en Praza Castelao, 1 ¿ 15920 Rianxo (A Coruña). Correo electrónico: dpd@concelloderianxo.gal e o de reclamación a www.aepd.es

DISPOSICIÓNS

Disposición adicional primeira

Facúltase aos servizos técnicos municipais a realizar as inspeccións que consideren necesarias a prol do bo uso e correcto mantemento das axudas técnicas en préstamo. Así como tamén realizar as propostas de devolución de oficio no caso de detectar un mal uso, incorrecto mantemento ou trato, ou ben o non uso dos bens.

Disposición final

Esta ordenanza entrará en vigor unha vez que transcorra o prazo regulamentario ao que se refire o artigo 70.2 en relación co 65.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e que se publique integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia.