Laracha A - Ordenanza Municipal reguladora da corta, deposito, carga e transporte de madeira de tala
TITULO I.- REGULACIÓN DA CORTA, DEPÓSITO, CARGA E TRANSPORTE DA MADEIRA DE TALA.
Artigo 1.- Obxecto.
A presente Ordenanza ten por obxecto garantir a preservación do medio ambiente e a conservación dos camiños e pistas rurais, regulando as condicións das tarefas de corta de plantacións e as operacións de extracción de madeira, depósito, carga e transporte de madeira procedente da tala.
Artigo 2.- Corta de Plantacións. Comunicación Previa.
Para garantir a preservación do medio ambiente e a conservación dos camiños e pistas rurais, e sen prexuízo da necesaria obtención doutros permisos ou autorizacións, establécese a obrigatoriedade da comunicación previa da corta, ou de calquera outra operación procedente da tala, de plantacións forestais ao concello da Laracha. A comunicación da corta, ou de calquera outra operación procedente da tala, será efectuada pola persoa física ou xurídica responsable da tala, debendo constar na mesma o seguinte:
- Identificación da empresa encargada da tala.
- Especie de madeira obxecto da tala.
- Comunicación ou, no seu caso, autorización da tala polo órgano competente en materia forestal da Xunta de Galicia
- Identificación da parcela afectada e a súa situación no plano do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
- Identificación do lugar de depósito e das vías a utilizar para o transporte da madeira.
- Identificar, no caso de que nas operacións de depósito, carga e transporte interveñan vehículos de empresas distintas á que se encarga da tala, o nome de dita empresa e as características e matrículas dos vehículos que se van a utilizar pois, en caso contrario, a persoa ou empresa encargada da tala, será responsable directa dos danos ocasionados nas vías públicas municipais como consecuencia das operacións de depósito, carga e transporte da madeira da tala.
- Xustificante de ter presentada a fianza esixida no artigo seguinte para responder do amaño dos deterioros que puideran producirse no viario, e a limpeza dos restos das operacións de depósito e carga de madeira. No caso de que nas operacións de depósito, carga e transporte interveñan vehículos de empresas distintas á que se encarga da tala, estarán obrigados a subrogalos na súa fianza, ou ben a que a deposite a propia empresa de transporte, pois en caso contrario, a persoa ou empresa encargada da tala, será responsable directa dos danos ocasionados nas vías públicas municipais ou a terceiros que circulen por elas como consecuencia das operacións de depósito, carga e transporte da madeira da tala.
- Inicio e duración estimada dos traballos.
- No seu caso, reportaxe fotográfico expresivo do estado previo das vías municipais afectadas pola actividade.
A comunicación previa será presentada cada vez que estea previsto realizar unha saca, tala ou transporte de madeira e para cada parcela ou monte. Poderase presentar unha soa solicitude para varios montes e/ou parcelas cando estes estean localizados na mesma zona e os traballos vaian ser realizados simultaneamente, ademais de utilizar os mesmos camiños e vías municipais.
Artigo 3.- Reparación de danos. Fianza.
3.1.- Sen prexuízo do cumprimento do establecido na lexislación urbanística, na de medio ambiente forestal, no Código de circulación, e demais lexislacións, normas e/ou ordenanzas que poidan ser de aplicación, a persoa ou empresa encargada da tala, ou de calquera outra operación procedente da tala, estará obrigado á reparación inmediata dos deterioros producidos no viario, ou nas infraestruturas anexas, así como á retirada dos restos procedentes das operacións de depósito, carga e transporte de madeira.
Debendo comunicar ao Concello de xeito inmediato os danos que puidera haber ocasionado ao dominio público viario, así coma os danos existentes sobre o mesmo previos á realización da súa actividade de saca, co fin de deslindar a súa responsabilidade.
3.2.- A persoa ou empresa encargada da tala, ou de calquera outra operación procedente da tala, deberá presentar xustificantes de ter presentada fianza, por calquera dos procedementos establecidos pola lexislación vixente, polos importes que se indican no apartado seguinte, para responder do amaño dos deterioros que puideran producir no viario ou a terceiros que circulen polo mesmo, e a limpeza dos restos das operacións de depósito, carga e transporte de madeira.
No caso de que nas operacións de depósito, carga e transporte interveñan vehículos de empresas distintas á que se encarga da tala, estarán obrigados a subrogalos na súa fianza, ou ben a que a deposite a propia empresa de transporte, en caso contrario, a persoa ou empresa encargada da tala, será responsable directa dos danos ocasionados nas vías públicas municipais ou a terceiros que circulen por elas como consecuencia das operacións de depósito, carga e transporte da madeira da tala.
3.3.- Establécense dúas modalidades de fianzas:
a) Fianza puntual para a realización dun único traballo, 4.000,00 Euros
b) Fianza xenérica para a realización de traballos de forma indefinida, 15.000,00 Euros
Artigo 4.- Prohibicións específicas.-
4.1.-Prohíbese o almacenamento de madeira nas vías públicas e o vertido dos residuos procedentes das operacións reguladas na presente ordenanza en lugares non autorizados expresamente para elo.
4.2.-Os depósitos de rolla, ramas ou podalla non poderán invadir a zona de circulación, tanto de vehículos como de persoas, nin menoscabar a funcionalidade das cunetas, bueiro, canalizacións, pontes ou calquera outra infraestrutura auxiliar ou anexa ao viario, nin supoñer risco para os usuarios da vía.
4.3.-Deberán adoptarse as medidas oportunas para que as vías municipais, polas que se fai o transporte da madeira, estean en todo momento libres de ramas, podalla, barro ou calquera outro elemento que supoña risco para os usuarios da vía. Si como consecuencia do incumprimento desta obriga se producira danos a terceiros que circulen por elas, serán responsables e responderán de conformidade co establecido no art. 3.2.
Artigo 5.- Execución da fianza.-
A persoa ou empresa encargada da tala estará obrigado á reparación inmediata dos deterioros producidos no viario, ou nas infraestruturas anexas, así como á retirada dos restos procedentes das operacións de depósito, carga e transporte de madeira.
Transcorrido un prazo de sete días desde que se produciran os danos, a infracción ou a acumulación de restos, o Concello poderá realizar con cargo á fianza as operacións de amaño, corrección e/ou retirada de restos, sen prexuízo da sanción que proceda, e de exercer as accións oportunas para resarcirse dos custes, se non foran totalmente cubertos pola fianza.
Artigo 6.-
Se faculta aos membros da Policía Local do Concello da Laracha a adoitar as medidas de carácter provisional que estimen necesarias, incluíndo o decomiso, para evitar a continuidade do dano ocasionado pola actividade presuntamente infractora á Ordenanza municipal reguladora da corta, depósito, carga e transporte de madeira da tala.
O Alcalde deberá confirmar, modificar ou deixar sen efecto as medidas de carácter provisional adoitadas pola Policía Local, cando se incoe o correspondente expediente sancionador, ou incluso antes de dita incoación, si comprobado o cumprimento dos requisitos por parte do suxeito infractor, o retraso na mesma puidera causarlle grave prexuízo a aquel.
Artigo 7.-
Non poderán levar a cabo as actividades reguladas na presente ordenanza, no ámbito do territorio do Concello da Laracha, as persoas físicas ou xurídicas que manteñan débedas derivadas de expedientes abertos en cumprimento dos preceptos da presente ordenanza ata a conclusión do expediente ou a liquidación dos importes pendentes.
TITULO II.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.
Artigo 8.-
Para os efectos da presente ordenanza, será infracción administrativa o incumprimento das obrigas, das prohibicións e dos requisitos establecidos nela.
Artigo 9.- Infraccións
9.1.- As infraccións á presente Ordenanza se clasifican en moi graves, graves e leves.
9.2.- Con carácter xeral, calquera incumprimento do contido da presente ordenanza considerase como infracción de carácter leve.
9.3.- Son infraccións graves:
a) A realización das operacións de tala, depósito, carga e transporte de madeira da tala sen facer a comunicación previa que prevé o artigo 2.1. da ordenanza ou falsear os datos que nela consten.
b) A realización das operacións de tala, depósito, carga e transporte de madeira da tala sen ter constituída a fianza prevista no artigo 3.
c) A non reparación inmediata dos deterioros producidos no viario, ou nas infraestruturas anexas, así como á non retirada dos restos procedentes das operacións de depósito, carga e transporte de madeira.
d) No caso de que nas operacións de depósito, carga e transporte interveñan vehículos de empresas distintas á que se encarga da tala, o incumprimento desta da obriga de subrogalos na súa fianza, ou non constituír unha fianza distinta a propia empresa de transporte.
e) O depósito de madeira nas vías públicas e o vertido dos residuos procedentes das operacións reguladas na presente ordenanza en lugares non autorizados expresamente para elo.
f) Os depósitos de rolla, ramas ou podalla que invadan a zona de circulación, tanto de vehículos como de persoas, menoscaben a funcionalidade das cunetas, bueiro, canalizacións, pontes ou calquera outra infraestrutura auxiliar ou anexa ao viario, ou supoñan risco para os usuarios da vía.
g) A non adopción das medidas oportunas para que as vías municipais, polas que se fai o transporte da madeira, estean en todo momento libres de ramas, podalla, barro ou calquera outro elemento que supoña risco para os usuarios da vía.
h) A realización das actividades reguladas na presente ordenanza, no ámbito do territorio do Concello da Laracha, polas persoas físicas ou xurídicas que manteñan débedas derivadas de expedientes abertos por incumprimento dos preceptos da presente ordenanza.
i) Obstruír a acción inspectora ou investigadora dos axentes da Policía Local.
k) A reincidencia en dúas infraccións leves. Entenderase que existe reincidencia cando se cometan dúas faltas leves no prazo dun ano, contado desde a data na que adquiriu firmeza a resolución sancionadora.
9.4.- Son infraccións moi graves:
a) Os feitos tipificados como infracción grave cando a perturbación ou os danos causados a elementos de titularidade pública municipal revistan especial gravidade ou relevancia.
b) A reincidencia en dúas infraccións graves. Entenderase que existe reincidencia cando se cometan dúas faltas graves no prazo dun ano, contado desde a data na que adquiriu firmeza a resolución sancionadora.
Artigo 10.- Prescrición das Infraccións
1. As infraccións previstas na presente ordenanza prescribirán nos seguintes prazos:
a. as infraccións moi graves, aos tres anos.
b. as infraccións graves, aos dous anos.
c. as infraccións leves, aos seis meses.
2. O prazo de prescrición comezará a contar desde o día en que a infracción se houbera cometido.
3. Interromperá a prescrición a iniciación, co coñecemento da parte interesada, do procedemento sancionador, reanudándose o prazo de prescrición se o expediente sancionador estivera paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á parte presuntamente responsable.
Artigo 11.- Sancións.
11.1.-As infraccións á presente ordenanza serán sancionadas do seguinte xeito:
* As leves, con multa de 600,00 euros a 750,00 euros.
* As graves, con multa de 750,01 euros a 1.500,00 euros.
* As moi graves, con multa de 1.500,00 euros a 3.000,00 euros.
11.2.- Gradación das sancións.
Para a gradación das multas atenderase:
* á natureza do risco ou dano ocasionado.
* á súa repercusión e transcendencia polo que respecta ó prexuízo causado.
* o custo de restitución.
* a existencia de intencionalidade ou reiteración na comisión de infraccións a esta ordenanza.
* o retraso inxustificado na reparación dos elementos danados.
Artigo 12.- Procedemento.
Os procedementos iniciaranse de oficio por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa, a petición razoada de outros órganos o por denuncia.
O exercicio da potestade sancionadora prevista nesta ordenanza requirirá a incoación e instrución do correspondente expediente administrativo de conformidade co disposto na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e nos artigos 25 a 31 da Lei 40/2015, de 1 de outubro, do Réxime Xurídico do Sector Público.
Atribúese á Policía Local a competencia para denunciar os procedementos sancionadores derivados dos incumprimentos da presente ordenanza. A instrución dos mesmos levarase a cabo por un funcionario de carreira do Concello da Laracha.
Artigo 13.- Obriga de repoñer e indemnizar os danos.
1. Sen prexuízo da sanción administrativa que se impuxera, quen infrinxa a presente ordenanza terá a obriga de repoñer e restaurar as cosas ao ser e estado anteriores a infracción cometida e dos danos e prexuízos causados, na forma e condicións establecidas polo órgano que impuxo a sanción. A tal fin a resolución sancionadora determinará o contido desta obriga, así como o prazo para a súa execución.
2. A prescrición de infraccións e sancións non afectará á obriga de repoñer ou restaurar as cousas ao seu ser e estado primitivo, nin a de indemnizar polos danos e prexuízos causados.
Artigo 14. Persoas responsables
Serán responsables das infraccións sinaladas nos artigos anteriores as persoas físicas e xurídicas que as cometan en calidade de empresa madeireira.
Os propietarios das parcelas nas que se houberan realizado as actividades forestais serán responsables dos danos ocasionados no dominio público no suposto de non identificar a empresa madeireira unha vez sexan requiridos polo concello.
Disposición Adicional.
A presente Ordenanza entrará en vigor unha vez que se publique o texto completamente e transcorra o prazo previsto no artigo 65.2, da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local.