Melide - ORDENANZA REGULADORA DO SERVIZO DE PRÉSTAMO DE AXUDAS TÉCNICAS ASISTENCIAIS
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Lei 39/2006, de 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención as Persoas en Situación de Dependencia, establece que a atención as persoas en situación de dependencia e a promoción da súa autonomía persoal constitúe un dos principais retos da política social dos países desenvolvidos. O reto non e outro que atender as necesidades daquelas persoas que, por encontrarse en situación de especial vulnerabilidade, requiren apoios para desenvolver as actividades esenciais da vida diaria, alcanzar unha maior autonomía persoal e poder exercer plenamente os seus dereitos de cidadanía.
A estes efectos o artigo 12.1 da norma citada establece que as entidades locais participarán na xestión dos servizos de atención as persoas en situación de dependencia, segundo a normativa das respectivas Comunidades Autónomas e dentro das competencias que a lexislación vixente lles atribúe.
Así mesmo, o artigo 25.2.e da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local formula o deber dos Concellos de avaliar as situacións de necesidade social e prestar atención inmediata ás persoas que se atopen en situación ou risco ou exclusión social.
A través do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal POS+ADICIONAL 1/2024 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2024 o Concello de Melide adquiriu en concepto de compra unha seria de axudas técnicas, destinadas ás persoas con discapacidade e/ou dependencia e que precisen apoios, co fin de contribuír ao alivio da carga que supón a adquisición de dito material asistencial, en casos de limitación de ingresos da unidade familiar.
Como é preceptivo e para unha mellor operatividade, así como para unha asignación máis ecuánime das axudas técnicas redáctase de conformidade cos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas a ordenanza municipal para a regulación do servizo de préstamo temporal de axudas técnicas asistenciais destinado as persoas que precisen dispoñer de axudas técnicas debido a dificultades na súa mobilidade e con limitación de medios económicos para facer fronte ao seu custo.
De conformidade cos ditos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, a omisión de consulta pública previa na aprobación de ordenanzas e regulamentos esixe unha detallada xustificación.
A xustificación da innecesariedade de consulta pública previa basease no principio de eficacia e eficiencia na actuación administrativa ao darse o suposto previsto no parágrafo segundo do art. 133.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, en canto a proposta normativa non ten un impacto significativo na actividade económica e non impón obrigas relevantes aos destinatarios. O servizo de préstamos de axudas técnicas de apoio a mobilidade que regula a ordenanza é un servizo municipal gratuíto, en canto está dirixido a persoas que necesiten dispoñer de axudas técnicas debido as súas dificultades na mobilidade e que presenten dificultades económicas para asumir o custo. O servizo dependerá da dispoñibilidade do material e da valoración por parte dos Servizos Sociais das necesidades das persoas usuarias e das súas familias.
Tratándose dun servizo municipal gratuíto non se cobrará ningunha tarifa económica pola prestación deste servizo. As persoas beneficiarias das axudas técnicas están obrigadas a cumprir co obxectivo das mesmas e empregalas conforme á finalidade para a que foron concedidas. O/a solicitante recoñecerá mediante a correspondente declaración que son propiedade do Concello de Melide e que se entregan en condicións óptimas de uso e o obxecto prestado deberá ser devolto no mesmo estado en que foi recibido, agás o desgaste derivado do uso. Ao mesmo tempo prevese un réxime de infraccións e sancións por infraccións graves no uso das axudas técnicas.
Así seguindo as determinacións de adecuación aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, e en virtude dos principios de necesidade e eficacia e por motivos de interese xeral, redáctase a ordenanza reguladora do servizo de préstamo de axudas técnicas asistenciais do Concello de Melide por ser o instrumento máis axeitado para garantir a consecución do interese xeral perseguido, como instrumento técnico para a regulación do servizo e especialmente para dar cumprimento aos fins de interese xeral e obrigas do Concello de atención ás persoas en situación de dependencia e a promoción da súa autonomía persoal prestando atención inmediata ás persoas que se atopen en situación de risco ou exclusión social. Persoas que que por encontrarse en situación de especial vulnerabilidade requiren apoios para desenvolver as actividades esenciais da vida diaria, alcanzar unha maior autonomía persoal e poder exercer plenamente os seus dereitos de cidadanía.
Artigo 1º.-Obxecto.
É obxecto desta ordenanza a regulación do servizo de préstamo temporal de axudas técnicas asistenciais desenvolto polo Concello de Melide e destinado as persoas que precisen dispoñer de axudas técnicas debido a dificultades na súa mobilidade, e con limitación de medios económicos para facer fronte ao seu custo.
Artigo 2º.- Ámbito de aplicación.
O establecido nesta ordenanza é de aplicación no termo municipal de Melide.
Artigo 3º.- Natureza, definición e obxectivos do servizo.
O servizo de préstamos de axudas técnicas de apoio a mobilidade é un servizo municipal e gratuíto Está dirixido a persoas que necesiten dispoñer de axudas técnicas debido as súas dificultades na mobilidade e que presenten dificultades económicas para asumir o custo.
O servizo dependerá da dispoñibilidade do material e da valoración por parte dos Servizos Sociais das necesidades das persoas usuarias e das súas familias.
Son obxectivos de este servizo os seguintes:
1. Favorecer a permanencia das persoas destinatarias na súa contorna familiar e o envellecemento de calidade, evitando ou retardando a institucionalización mentres sexa posíbel
2. Aportar estas axudas técnicas para que os/as coidadores/as simplifiquen a súa labor.
3. Previr, compensar, controlar, mitigar ou neutralizar limitacións na actividade diaria e restricións na promoción da autonomía persoal
4. Garantir axudas técnicas que preveñan problemas de saúde dos usuarios/as do servizo tales como : problemas cutáneos, músculo esqueléticos, respiratorios, cardiovasculares.
5. Procurar a mellora da calidade de vida tanto do coidador/a como da persoa dependente.
Artigo 4º.- Catálogo de axudas técnicas asistenciais en servizo de préstamo.
Inicialmente, o servizo de préstamo de axudas técnicas do Concello da Melide inclúe no seu catálogo os seguintes produtos:
Catálogo inicial de produtos de apoio | |
Unidades | Artigo |
2 | Cama, carro elevado |
2 | Andador |
2 | Grúa |
2 | Muleta |
Incorporarase ao servizo todo aquel produto de apoio e axuda técnica que no seu momento o Concello de Melide considere adecuado por novas adquisicións, previa valoración e proposta técnica do departamento de servizos sociais municipais.
Artigo 5º.- Beneficiarios/as.
1. Serán beneficiarios/as deste servizo as persoas que o soliciten e padezan limitacións funcionais graves. Polo que precisen axuda de outra persoa para realiza as actividades básicas da vida diaria (ABVD) e que lles resulta necesaria unha axuda técnica deste tipo. Para facilitarlles as actividades de aseo, alimentación , mobilización e prevención de riscos para a saúde da persoa coidadora, sempre que estean empadroadas e teñan residencia efectiva no Concello de Melide e se encontren nunha situación ou risco de exclusión social.
2. En todo caso , darase prioridade de acceso ás persoas que teñan algún grado recoñecido dentro do sistema de autonomía e atención á dependencia.
Artigo 6º. Dereitos das persoas beneficiarias.
As persoas beneficiarias do servizo terán dereito a :
1. Que sexa respectada en todo momento a súa individualidade e dignidade persoais.
2. Recibir o servizo adecuadamente.
3. Ser informadas puntualmente das modificacións que poidan producirse no réxime de prestación.
4. A intimidade e a confidencialidade.
5. Exercer o seu dereito e queixa conforme as disposicións vixentes.
Artigo 7º.- Deberes das persoas beneficiarias.
1. As persoas beneficiarias das axudas técnicas reguladas en estas bases están obrigadas a cumprir co obxectivo das mesmas e empregalas conforme á finalidade para a que foron concedidas. O/a solicitante recoñecerá que este artigo é propiedade do Concello de Melide e que se entrega en condicións óptimas de uso. O obxecto prestado deberá ser devolto no mesmo estado en que foi recibido, agás o desgaste derivado do uso.
2. Ademais, as persoas beneficiarias están obrigadas a :
a. Facilitar todo a información requirida polos servizos sociais
b. Someter ás actuacións de comprobación que efectuará, de ser o caso, aos servizos sociais a través do seu persoal
c. Comunicar calquera variación que se produza na situación social e familia da unidade de convivencia.
d. Informar, sen esconder nin falsear, sobre as circunstancias persoais, familiares, económicas e sociais que determinen a necesidade de prestación.
e. Unha vez se proceda a devolver o material , este ten que ser entregado no mesmo estado que se lle prestou.
Artigo 8º.- Causas de extinción.
1. Por renuncia das persoas usuarias ou dos/as seus/súas representantes legais.
2. Por incumprimento das obrigas estipuladas no artigo 7.
3. Por modificación da situación da persoa beneficiaria que deu lugar a concesión da axuda técnica.
4. Pasamento da persoa beneficiaria.
5. Por traslado da súa residencia a outro Concello.
Artigo 9.- Requisitos de acceso o servizo.
Poderán ser beneficiarias do servizo as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Acreditar unha limitación funcional grave mediante grado de discapacidade igual ou superior o 50% ou dependencia de grado II ou III, ou ben presentar patoloxías acreditadas mediante informe médico do Sistema Nacional de Saúde que ocasionen a necesidade temporal dalgún produto de apoio o que se refire esta orde .
2. Estar empadroado e ter residencia efectiva no Concello de Melide.
3. Que os ingresos de calquera natureza da unidade familiar, calculada en renda per cápita non supere os seguintes limites:
a. 1 persoa: máximo o 150% do SMI mensual vixente, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.
b. 2 persoas máximo o 200% do SMI mensual vixente, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.
c. 3 persoas máximo o 250% do SMI mensual vixente, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.
d. 4 persoas máximo o 300% do SMI mensual vixente, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.
4. Non ter dereito nin estar desfrutando desta axuda a través doutros sistemas de protección social ( Sistema Nacional de Saúde, Seguridade Social, empresa de axuda no fogar...)
5. Que as condicións da vivenda o permitan e que exista unha persoa responsable do correcto uso das axudas técnicas prestadas.
Artigo 10.- Causa de denegación.
Serán causas de denegación das solicitudes:
1. Presentación da documentación requirida fóra do prazo establecido
2. Non cumprir algún dos requisitos do artigo 9
Artigo 11.- Documentación.
Solicitude no modelo oficial ( ANEXO I) xunto coa seguinte documentación :
· DNI/Certificado de inscrición no rexistro central de estranxeiros,/ pasaporte/tarxeta de identidade do pais de procedencia/ Tarxeta de residencia.
· Resolución xudicial de incapacidade e nomeamento de representante legal, no seu caso.
· No caso de menores, libro de familia.
· Documento acreditativo do grado de discapacidade ou dependencia, se o mesmos está emitido por outra Comunidade Autónoma.
· Informe médico do Sistema Nacional de Saúde no que indique que a doenza ou diagnostico que motive a necesidade do produto de apoio solicitado así como os seguintes puntos: axuda de terceira persoa, problemas de mobilidade total/parcial. Non será necesario cando o solicitante teña recoñecida discapacidade ou dependencia.
· Xustificante de ingresos da unidade familiar : nóminas, xustificantes de pensión, estimación de rendementos, declaración IRPF, etc.. No caso de exención legal de presentar a Declaración da renda, presentarase certificado de estar exento de facela, no que tamén conste os datos sobre os ingresos que posúe a Axencia Tributaria ( AEAT) e declaración xurada dos ingresos obtidos pola unidade de convivencia no ano anterior, achegando fotocopia de todos e cada un dos documentos acreditativos correspondentes.
· Declaración da renda asinada.
· Calquera outra documentación requirida polos Servizos Sociais .
Artigo 12.- Metodoloxía a seguir.
1. A persoa solicitante presentará unha solicitude ( ANEXO I) no Rexistro Xeral do Concello de Melide. O/A traballador/a social poderá realizar a solicitude de oficio sempre que a urxencia do caso así o requira.
2. Realizarase un informe social ( ANEXO III) sobre se as persoas solicitantes reúnen os requisitos establecidos neste regulamento así como das súas circunstancias socioeconómicas e familiares.
3. Para a valoración da situación económica teranse en conta tanto os ingresos do solicitante así como de todos os membros da unidade familiar cos que conviva, atendendo ao seguinte criterio de valoración:
a. Se os ingresos da unidade familiar son iguais ou inferiores ao 80% do IPREM :25 puntos.
b. Se os ingresos da unidade familiar son iguais ou inferiores ao IPREM: 20 puntos.
c. Se os ingresos da unidade familiar son iguais ou inferiores ao 200% do IPREM : 15 puntos.
d. Se os ingresos da unidade familiar son iguais ou inferiores ao 300% do IPREM 10 puntos.
e. Se os ingresos da unidade familiar son iguais ou inferiores ao 400% do IPREM : 5 puntos.
Entenderase por unidade familiar a constituída por o/a beneficiario/a, o seu/súa cónxuxe ou parella de feito, fillos menores de idade ou maiores de idade con discapacidade ou economicamente dependentes, sempre que convivan no mesmo domicilio familiar. No caso de que o solicitante sexa un menor de idade, entenderase por unidade familiar a constituída polo beneficiario/a, os seus proxenitores e os seus irmáns menores de idade ou maiores de idade con discapacidade ou economicamente dependentes, sempre que convivan no mesmo domicilio familiar.
Para a estimación dos ingresos considerarase calquera tipo de ingreso que perciban tanto a persoa solicitante coma o resto da súa unidade de convivencia (pensións, rendas de capital mobiliario e inmobiliario e rendas de traballo por conta propia ou allea). Non se consideraran no cálculo as prestacións que proveñen do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) que teñan como finalidade a adquisición dun servizo ou coidados no entorno, nin o complemento por fillo a cargo discapacitado.
4. Valorarase e daráselle prioridade á situación de limitación funcional da persoa dependente segundo o seguinte criterio:
a. Se ten declarada unha limitación funcional grave mediante grado de discapacidade igual ou superior ao 50% ou dependencia en grados III e II: 30 puntos.
b. Se precisa axuda para todas as actividades básicas da vida diaria e ten problemas de mobilidade total con axuda de terceira persoa: 25 puntos.
c. Se precisa axuda para algunhas das actividades básicas da vida diaria e ten mobilidade reducida con axuda de terceira persoa: 15 puntos. ( segundo certificados e outros informes médicos presentados).
5. Unha vez elaborado o informe social coa puntuación obtida e coa valoración da solicitude, o Alcalde aprobará ou rexeitará a solicitude. Nos casos de urxente necesidade procederase a inmediata concesión da prestación previa valoración e proposta dos Servizos Sociais.
6. Se a resolución é favorable a demanda será satisfeita dependendo dos recursos dispoñibles nese momento. De non dispoñer de cama e /ou grúa pasará a formar parte dunha lista de espera por estrita orde de puntuación.
7. O solicitante asinará un compromiso (ANEXO II) de devolver a axuda técnica en bo uso cando xa non a necesite e a familia farase cargo do traslado da cama tanto ao solicitala como ao devolvela sempre que sexa posible segundo as indicacións dos servizos sociais do concello.
8. SITUACIÓN DE URXENCIA SOCIAL: excepcionalmente , e previo informe dos servizos sociais municipais, poderase outorgar a condición de persoa beneficiaria do servizo de préstamo de produtos de apoio a persoas que por necesidade de urxencia persoal, social, de saúde e/ou familiar, non cumpran algúns dos requisitos anteriormente citados.
Para isto, será necesario a emisión dun informe social no que se fundamenten as causas de excepción. Este informe terá carácter vinculante.
Artigo 13. Infraccións e sancións.
Enténdese como infracción grave a non devolución da axuda técnica en tempo e forma logo de emitirse requirimento ao efecto. Terá a mesma consideración cando sexan detectados roturas ou deterioro grave por mal coidado, mal uso, golpes ou falta de mantemento, procederase a abrir expediente sancionador de contía establecida segundo os anos de uso e obsolescencia da axuda:
1. Axuda técnica nova, sen uso anterior ou ata o 2º ano de uso dende a adquisición: sanción sobre o 100% do custo total da axuda técnica, computando o IVE no custo total.
2. Axuda técnica entre o 2º e o 3º ano de uso dende a adquisición: sanción sobre o 50% do custe total da axuda técnica, IVE engadido.
3. Axuda técnica entre o 3º e o 4º ano de uso dende a adquisición: sanción sobre o 25% do custe total da axuda técnica, IVE engadido.
4. Axuda técnica a partir do 4º ano de uso dende a adquisición: sanción sobre o 10% do custe total da axuda técnica, IVE engadido.
O órgano competente para a imposición da sanción, motivada polas infraccións descritas, será a Xunta de Goberno Local.
Artigo 14.- Financiamento.
Tendo en conta que estas axudas técnicas conforme ao obxecto desta ordenanza teñen como destino as persoas que precisen dispoñer de axudas técnicas debido a dificultades na súa mobilidade, e con limitación de medios económicos para facer fronte ao seu custo, e sendo un servizo municipal gratuíto non se cobrará ningunha tarifa económica pola prestación deste servizo.
Artigo 15. Responsabilidade por parte do Concello.
O Concello non asume responsabilidade algunha por danos ou accidentes que o usuario/a poida ocasionar no uso da axuda técnica, tanto así mesmo/a como a terceiros/as, non podendo reclamar indemnización por danos e prexuízos por tal concepto.
DISPOSICIÓNS
Disposición adicional primeira.
Facúltase aos servizos técnicos municipais a realizar as inspeccións que consideren necesarias a prol do bo uso e correcto mantemento das axudas técnicas en préstamo. Así como tamén realizar as propostas de devolución de oficio no caso de detectar un mal uso, incorrecto mantemento ou trato, ou ben o non uso dos bens.
Disposición final.
Esta ordenanza entrará en vigor unha vez que transcorra o prazo regulamentario ao que se refire o artigo 70.2 en, relación co 65.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e que se publique integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia.