Melide - ORDENANZA Nº 28.2: PREZOS PÚBLICOS CAMPAMENTO URBANO
ARTIGO 1.- Fundamento e natureza.
No uso das facultades conferidas polo artigo 106.1 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e artigo 127 do R.D.L. 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, e de conformidade co disposto nos artigos 41 a 47, ambos inclusive, do R.D.L. 2/2004, establécese o prezo público polo uso dos servizos de Campamento urbano do Concello de Melide
ARTIGO 2.- Concepto.
Os prezos públicos regulados nesta Ordenanza constitúen a utilización do servizo de campamento urbano do Concello de Melide nos períodos vacacionais nos que se organicen estes, como medida de conciliación da vida familiar e laboral.
É obxecto deste prezo público a utilización do servizo de campamento urbano e polo prazo de tempo establecido na autorización correspondente.
Non se incluirán os servizos de xantar e/ou comedor.
ARTIGO 3.- Obrigados ó pago.
Están obrigados ó pago do prezo público establecido nesta Ordenanza os usuarios/beneficiarios do campamento urbano.
ARTIGO 4.- Tarifa.
Nos campamentos de verán será necesario a inscrición por quendas enteiras, non sendo posible a inscrición por días soltos.
O prezo público será de 20 euros/semanais para cada neno/a.
Aquelas familias, con dous ou máis membros inscritos no campamento urbano, terán unha bonificación do 50% na tarifa de cada membro inscrito a partir do segundo.
Aqueles nenos e nenas de familias con baixos ingresos no Concello de Melide, gozarán dunha bonificación do 100% cando o total dos ingresos da unidade familiar non superen o importe correspondente da RISGA. Deberán presentar no momento da inscrición un informe do/a traballador/a social do Concello de Melide que así o confirme. Para a admisión da praza seguirase o mesmo procedemento que no resto das solicitudes.
ARTIGO 5.- Normas de xestión.
1.- O Concello de Melide aprobará mediante Decreto da alcaldía a duración do campamento urbano, as quendas, o número máximo de participantes así como o prazo de inscrición.
2.- As persoas interesadas en participar no campamento urbano deberán solicitalo previamente, presentando a correspondente inscrición no rexistro de entrada no concello no prazo de inscrición aprobado inicialmente. Unha vez rematado o prazo de inscrición, non se poderá facer ningunha modificación, estando o usuario obrigado a facer o pago polas quendas concedidas.
A admisión de participantes farase tendo en conta os seguintes criterios:
1º) A orde de entrada de solicitudes no Rexistro do concello.
2º) No caso de haber máis solicitudes que prazas ofertadas, terán prioridade os/as solicitantes empadroados/as no Concello de Melide.
3º) No caso de que cos nenos e nenas empadroados en Melide se cubran todas as prazas, terán prioridade os fillos/as empadroados/as en Melide cuxos proxenitores acrediten que están traballando durante o período dos campamentos (cabeceira da nómina, contrato de traballo ou informe de vida laboral, e certificado de familia monoparental (de ser o caso). No caso de que non se acredite, non se terá en conta este criterio de valoración.
3.- Procederá á devolución do prezo público a aqueles inscritos que queden sen praza en algunha ou todas as quendas solicitadas.
ARTIGO 6.- Infraccións e sancións.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias así coma das sancións que as mesmas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 181 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.
O presente prezo público entrará en vigor de acordo co sinalado na Ordenanza xeral de prezos públicos e no TRLFL logo da súa publicación no BOP e no taboleiro de edictos do Concello.