Baña A - ORDENANZA QUE REGULA AS PLANTACIÓNS E AS CORTAS DE ÁRBORES

Publicación provisional: 21/04/2025 BOP Nº: 74
Publicación definitiva: 09/06/2025 BOP Nº: 103
Aplicable dende: 30/06/2025

Artigo 1.

1. É obxecto da presente ordenanza regular as plantacións forestais que se fagan con posterioridade á entrada en vigor desta.

En todo caso, non terán a consideración de plantacións os cerramentos vexetais, que estarán sometidos ao disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, do solo de Galicia e cando non sexan medianeiros, deberán cumprir o establecido no art. 591 do Código civil.

2. Para os efectos de aplicación desta ordenanza considérase:

- Como repoboación ou plantación forestal: plantar ou sementar con especies forestais arbóreas, que poden ser monoespecíficas (monocultivos: unha soa especie arbórea) ou poliespecíficas (policultivos: dúas ou máis especies arbóreas), co fin de obter un rendemento económico e sempre que non sexan características de cultivo agrícola ou fosen obxecto deste.

3. O ámbito de aplicación desta ordenanza no relativo ao desenvolvemento da Lei 3/2007 non comprende os terreos clasificados como solo urbano e de núcleo rural segundo as NNSS en consonancia coa Lei 9/2002, do 30 de decembro, do solo de Galicia.

Artigo 2.

1. Con carácter xeral, as repoboacións forestais situaranse segundo as diferentes especies e respectando as distancias marcadas pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de incendios de Galicia e demais normativa sectorial aplicable.

En todo caso, deberanse respectar as seguintes distancias mínimas:

- As que marque a normativa urbanística do Concello da Baña respecto das vías públicas municipais, e en todo caso, 3 metros, na que se entende por vías públicas as de titularidade municipal, pavimentadas ou non; a distancia a elas medirase dende a aresta exterior da súa explanación. As faixas de terreo resultantes da salvagarda das distancias mínimas indicadas manterase limpa de maleza, restos e rebrotes de árbores.

2. As distancias mediranse dende o límite exterior da repoboación, e enténdese por tal o pé do exemplar dela máis próximo ao linde do terreo. Se existisen gabias ou estrutura similar, a distancia medirase a partir do bordo destas máis preto á plantación.

3. O voo das plantacións forestais non poderá invadir o espazo das vías, determinado pola proxección vertical dos seus bordos máis externos e, no caso de facelo, poñeranse as árbores de xeito que deixen unha altura de gálibo de 5 metros como mínimo.

Artigo 3.

1. Establécense as seguintes prohibicións en materia de repoboación forestal e non se entende por tal a plantación de árbores illadas:

a) En solo urbano e núcleos rurais.

b) En zonas dedicadas ou que deban dedicarse a labradío, cultivo, prado ou pastos, de acordo coa súa cualificación urbanística.

2 . En todo caso, poderán plantarse en calquera clase de terreo aquelas árbores que cumpran funcións ornamentais ou se atopen illadas e non supoñan un risco para propagar incendios forestais.

Artigo 4.

1. Establécese a obrigatoriedade de comunicar no servizo de urbanismo do Concello ou á persoa designada a este efecto, cun mínimo de quince días hábiles de antelación á data prevista para o inicio da súa execución, a corta de plantacións forestais sempre que superen as 5 Tm para garantir a preservación do medio ambiente e a conservación dos camiños e das pistas rurais, e sen prexuízo de obter outros permisos ou autorizacións.

A comunicación da corta será efectuada pola persoa física ou xurídica responsable desta, presentarase no Rexistro Xeral do Concello ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nesta deberá constar o seguinte:

1. A identificación do/a propietario/a e do/a madeireiro/a.

2. A especie de madeira obxecto da corta, así como as toneladas que se van extraer.

3. A identificación da parcela afectada e a súa situación.

4. O lugar de depósito e as vías que hai que empregar para transportar a madeira.

5. A copia do seguro de responsabilidade civil.

6. O documento que xustifique mercar a madeira ou a autorización para realizar a extracción.

Unha vez presentada no rexistro xeral do Concello a documentación sinalada, e previamente ao inicio dos traballos de saca de madeira, os servizos técnicos urbanísticos municipais comprobarán o estado físico dos camiños e vías que vaian ser utilizados, obtendo as fotografías ou vídeos que sexan pertinentes para acreditar a súa realidade física.

2. A persoa ou a empresa encargada da corta será responsable directa dos danos ocasionados nas vías públicas municipais como consecuencia do depósito, da carga e do transporte de madeira e queda obrigada a reparar estes, incluso limpando e retirando residuos. En todo caso estarán suxeitos ao disposto nos artigos 5 e seguintes da presente ordenanza.

O madeireiro está obrigado á limpeza e retirada dos residuos da corta da madeira de xeito que as pistas, camiños ou espazos públicos queden en todo momento no mesmo estado de limpeza e conservación que tiñan antes de levarse a cabo as operacións de corta e saca de madeira.

Esta obriga de limpeza deberá cumprirse todos os días ao final da xornada.

A obriga será esixible non só polos actos ou comisións propios, senón tamén polos cometidos por calquera persoa que, sen ser empregada ou traballadora, interveña nas operacións de corta e saca da madeira por conta, consentimento ou coa aquiescencia do madeireiro, e en xeral polos cometidos por aquelas persoas de que deba responder.

En caso de que o madeireiro incumpra algunha das obrigas, o Concello requirirao para o seu cumprimento, outorgándolle o prazo que se considere oportuno en cada caso, sen que poida exceder dun mes. Cando o madeireiro non puidera ser identificado, serán responsables do cumprimento desas obrigas os propietarios dos montes e/ou parcelas de que se trate.

Artigo 5.

1. As tarefas de extracción de madeira, en particular realizar operacións de depósito, de carga e de transporte en vehículos con peso máximo autorizado superior a 5 Tm de madeira procedente de corta, estarán sometidas a licenza que terá carácter bianual e que facultará o/a titular para realizar os traballos durante o seu período de vixencia.

A licenza deberá ser renovada antes de que remate o período de vixencia e non excluirá do deber de realizar unha comunicación previa mediante un escrito no Rexistro Xeral do Concello ou de indicar o lugar onde se realizarán os traballos, as Tm do vehículo que se vai empregar e a duración.

2. Independentemente da taxa que se fixe por tramitar a licenza correspondente na ordenanza fiscal que regula a taxa por expedir documentos administrativos, as persoas beneficiarias da licenza deberán entregar xustificantes de que presentaron a fianza, por calquera dos procedementos establecidos pola lexislación vixente, polos importes que se indican nos parágrafos seguintes, para responder do amaño das deterioracións que puidesen producir nas vías e da limpeza dos restos das operacións de carga e de depósito de madeira.

No caso de que nas operacións de transporte interveñan vehículos de empresas distintas á que se encarga da corta, estarán obrigadas a subrogar a fianza, ou ben a empresa de transporte nova a depositar a súa propia.

Establécense dúas categorías para os efectos de fixar as fianzas:

a) Vehículos con peso máximo autorizado inferior a 16 Tm, 1.600 € en metálico e a presentación dun seguro de responsabilidade civil para responder dos danos que se podan causar.

b) Vehículos con peso máximo autorizado igual ou maior de 16 Tm, 3.100 € en metálico e a presentación dun seguro de responsabilidade civil para responder dos danos que se podan causar.

3. O posuidor dunha licenza para depósito, carga e transporte de madeira estará obrigado a reparar inmediatamente as deterioracións producidas nas vías, ou nas infraestruturas anexas, así como a retirar os restos procedentes das operacións de carga e de almacenamento.

4. Na licenza de corta, farase constar a obriga e a conformidade por parte do/a titular da actividade de retirar da zona de extracción e de depositar no vertedoiro controlado todos os lixos que puidesen depositarse (latas, recipientes de bebidas, etc.).

5. Igualmente, na licenza de corta farase constar a obriga e a conformidade por parte do/a titular da actividade de recoller e de retirar os restos derivados desta (pólas, cortizas e follaxe) das zonas de depósito establecidas.

6. En todo caso, prohíbense as seguintes:

1. O almacenamento de madeira nas vías públicas.

2. Os depósitos de rolla, ramas ou podalla, non poderán invadir a zona de circulación, tanto de vehículos como de persoas, nin menoscabar a funcionalidade das cunetas, bueiros, canalizacións, pontes ou calquera outra infraestrutura auxiliar ou anexa ás vías, nin supoñer risco para as persoas usuarias da vía.

3. A vertedura dos residuos procedentes das operacións reguladas na presente ordenanza en lugares non autorizados expresamente para iso.

7. A licenza non ampara as tarefas de carga e de almacenamento sobre as vías e estruturas anexas.

8. As vías públicas non poderán empregarse para almacenar madeira, aínda que se autorizarán as operacións imprescindibles para cargala; aínda así, as gabias deberán quedar sempre limpas e en bo estado de uso¿.

Unha vez rematados os traballos de saca de madeira, os servizos técnicos municipais deberán emitir un informe, no prazo de cinco días hábiles a contar dende o seguinte ao previsto como data de remate no escrito de comunicación previa, no que se deixe constancia do cumprimento ou incumprimento das obrigas das que a fianza debe responder.

En caso de cumprimento, o Concello devolverá a fianza, previo informe favorable dos servizos técnicos municipais, no que quede reflectido que non se causaron danos nin estragos nas vías e infraestruturas públicas municipais, e de que as pistas, camiños ou espazos públicos utilizados se atopan en perfecto estado de conservación e limpeza unha vez rematados os traballos.

Artigo 6.

Despois de que transcorra un prazo de dez días dende que se produzan os danos, a infracción ou a acumulación de restos, o Concello poderá realizar, con cargo á fianza depositada, as operacións de amaño, corrección e/ou retirada de restos, sen prexuízo da sanción que proceda e de exercer as accións oportunas para resarcirse dos custos, se non fosen totalmente cubertos pola fianza.


Artigo 7.

O exercicio das actividades de corta, depósito, carga e transporte de madeira, sen posuír a correspondente licenza, orixinará o correspondente expediente sancionador e enténdese sen prexuízo de solicitarlle á Garda Civil a inmobilización inmediata do vehículo ata concluír o expediente, ou a presentación de fianzas polas cantidades máximas que puidesen derivarse da súa instrución.

Artigo 8.

En todo caso, o incumprimento reiterado ou a falla de pagamento das cantidades endebedadas en concepto de sanción, unha vez que exista resolución firme, suporá a anulación da licenza e, polo tanto, a baixa automática de todos os vehículos amparados por ela, o decaemento de todos os dereitos derivados e a prohibición expresa de exercer as actividades regulamentadas na ordenanza no ámbito do territorio do Concello da Baña.

Artigo 9.

Non se lles concederá nova licenza, renovación, nin novas anotacións no rexistro de vehículos ás persoas físicas ou xurídicas incursas en causa de anulación ou que manteñan débedas derivadas de expediente de sanción, aberto en cumprimento dos preceptos da presente ordenanza ata concluír o expediente ou liquidar os importes pertinentes.

Artigo 10.

1. Para os efectos da presente ordenanza, será infracción administrativa incumprir as obrigas, as prohibicións e os requisitos establecidos nela, así como as condicións impostas nas autorizacións administrativas outorgadas ao seu abeiro.

2. As infraccións á presente ordenanza clasificaranse como leves e graves.

Son infraccións graves:

- Realizar actividades de corta, depósito, carga e transporte de madeira sen contar coa oportuna licenza municipal.

- Estar condenado por unha infracción leve e ser reincidente. Entenderase que existe reincidencia cando se cometan dúas faltas leves no prazo dun ano, contado dende a data na que adquiriu firmeza a resolución sancionadora.

- Deteriorar os camiños públicos municipais e non amañalos nos prazos marcados pola presente ordenanza.

- Deixar as vías municipais nun deficiente estado de sucidade, ocasionando unha situación de risco para a seguridade viaria.

- Non respectar a distancia da vía pública marcada pola normativa urbanística do Concello no caso das repoboacións forestais.

Son infraccións leves:

- Con carácter xeral, calquera outro incumprimento do contido da presente ordenanza non considerado como infracción grave.

2. As infraccións á presente ordenanza serán sancionadas do seguinte xeito:

I. As leves, con multa de 300,00 ata 750,00 €.

I. As graves, con multa de 750,00 € a 1.500,00 €.

3. Para a gradación das multas atenderase á súa repercusión, á súa transcendencia polo que respecta ao prexuízo causado, ao ánimo de lucro e á contía do beneficio obtido na comisión da infracción. Na valoración da gravidade das infraccións teranse en conta a existencia de intencionalidade, a natureza dos prexuízos causados, a reiteración dos feitos, a capacidade económica do infractor e a intensidade dos danos causados ás vías públicas e/ou aos usuarios das mesmas.

A imposición das sancións que procedan non eximirá aos responsables de realizar os traballos de limpeza que sexan necesarios, da reparación dos danos causados e de indemnizar polos prexuízos e perdas a que houbese lugar.

4. O exercicio da potestade sancionadora considerada nesta ordenanza requirirá incoar e instruír o correspondente expediente administrativo de conformidade co disposto na Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común e Lei 40/2025 do 1 de outubro do Réxime Xurídico do Sector Público.

Disposición adicional primeira.

As plantacións existentes deberán adecuarse ao disposto nesta ordenanza tras a primeira corta efectuada a partir da entrada en vigor desta. En todo caso aquelas plantacións que teñan menos dun ano, deberán adecuarse ao disposto nesta ordenanza dende a data da súa entrada en vigor.

Quedan excluídas do anterior aquelas plantacións que pola súa singularidade (árbores monumentais; especies singulares, etc.) sexan obxecto doutro tratamento. Para isto será preceptivo contar co informe favorable dos servizos técnicos municipais.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza non dispón a súa entrada en vigor, pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local establece que:

..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el Boletín Oficial de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales..... (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo.