Vimianzo - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DA ESCOLA INFANTIL

Publicación provisional: 09/04/2025 BOP Nº: 68
Publicación definitiva: 11/06/2025 BOP Nº: 110
Aplicable dende: 11/06/2025

Exposición de motivos

O Concello de Vimianzo ten promovido expediente de municipalización para a prestación dos servizos de: vivenda comunitaria, escola infantil, centro de día, comedor sobre rodas e lavandería sobre rodas.

Respecto o servizo de escola infantil xa consta aprobado o regulamento de rexime interno, polo que agora é necesario aprobar unha nova ordenanza fiscal.

Xa que logo, a conveniencia e oportunidade da prestación deste servizo resulta do expediente de referencia da súa fundamentación xurídica, económica, social e técnica e tamén da resolución nela adoptada.

De conformidade co previsto na letra ñ do parágrafo nº4 do art. 20, en relación cos artigos 15 e 57 do RDL 2/2004, de 5 de marzo, pola que se aproba o Texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, considerarse como taxa a prestación do servizo da escola infantil.

Entenderase, ó abeiro do sinalado no art. 79 da Lei 4/193, de 14 de abril, de servizos sociais, que os usuarios deste servizo contribuirán o seu financiamento de conformidade cos principios de solidariedade e redistribución.

Artigo 1.- Fundamento e Réxime

No uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos do 15 ao 27, en relación co artigo 20 do Real Decreto 2/2004, do 5 de marzo polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (TRLRFL), este Concello establece a taxa pola prestación do servizo da escola infantil municipal do Concello de Vimianzo, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal en consonancia cos prezos públicos establecidos pola Xunta de Galicia no Decreto 49/2012, de 19 de xaneiro, actualizado por resolución da AGSS de 10 de maio de 2017, DOG núm. 97 do 23 de maio de 2017.

Artigo 2.- Feito impoñible

Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servizo da escola infantil municipal, consistente en atención educativa, comedor e outros servizos optativos.

Artigo 3.- Suxeitos pasivos

Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes as persoas que resulten beneficiadas polo servizo que constitúe o feito impoñible desta taxa.

Tendo en conta que as persoas usuarias do servizo gravado por esta taxa son menores de idade, que non teñen capacidade de obrar, actuarán no seu nome, cos efectos previstos na Lei Xeral Tributaria, os seus pais/nais, titores/as ou calquera outro representante legal a quen corresponda o exercicio da patria potestade.

Artigo 4.- Responsables

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas que sexan causantes ou colaboren na realización dunha infracción tributaria.

Artigo 5.- Prezos

A cota tributaria pola prestación dos servizos de escola infantil determinarase de conformidade coa seguinte tarifa e cos descontos previstos para adoptar a contía das taxas á capacidade económica dos suxeitos pasivos.

1. Matrícula: 30 € para tódalas persoas usuarias.

2. Prezo da atención educativa. O prezo pola atención educativa en xornada completa (8h/día) fíxase en 169,26 € mensuais. Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican no número 4 deste artigo 5.

Cando o alumno ou alumna teña solicitada e concedida unha praza en réxime de media xornada, o prezo da atención educativa reducirase no cincuenta por cento do prezo que lle corresponda aboar de acordo coa renda per cápita da unidade familiar.

3. Prezo por servizos optativos.

a) Servizo de comedor

O prezo por este servizo fíxase en 74,05 € mensuais. Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican no número 4 deste artigo 5.

No caso do alumnado que non utilice habitualmente o servizo de comedor e que excepcionalmente e por motivos xustificados desexe utilizalo algún día solto, os prezos serán os seguintes:

5. Prezo por día solto do xantar: 4,23 €

6. Prezo por día solto da merenda: 1,03 €

O prezo de comedor por días soltos non estará suxeito a ningunha redución.

b) Horario ampliado.

Con carácter excepcional as persoas usuarias poderán ampliar a súa xornada de atención educativa mediante a solicitude de horas extraordinarias, sempre que acrediten a súa necesidade. O prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario de atención educativa adxudicado ao usuario ou usuaria será de 21,16 €.

O prezo de hora extraordinaria non estará suxeito a ningunha redución.

c) Servizo de transporte.

O prezo por este servizo fíxase en 100,00 € mensuais (2 viaxes/día), 50 € (1 viaxe/dia).

O prezo do servizo de transporte non estará suxeito a ningunha redución.

4. A aplicación das taxas mensuais segundo os tramos de renda per cápita da unidade familiar, queda como segue:

Renda en función do IPREM

TARIFA

A.E.

Xornada completa

A.E.

Media xornada

Comedor

(Xantar)

Comedor

(Merenda)

Rendas inferiores ao 30% do IPREM

1

0,00€

0,00€

0,00€

0,00€

Rendas entre o 30% e inferiores ao 50% do IPREM

2

0,00€

0,00€

17,45€

1,57€

Rendas entre o 50% e inferiores ao 75% IPREM

3

34,91€

17,46€

17,45€

3,14€

Rendas entre o 75% e inferiores ao 100% IPREM

4

69,81€

34,91€

26,45€

4,71€

Rendas entre o 100% e inferiores ao 125% IPREM

5

112,13€

56,06€

37,02€

6,29€

Rendas entre o 125% e inferiores ao 150% IPREM

6

133,29€

66,65€

52,89€

7,86€

Rendas entre o 150% e o 200% IPREM

7

147,05€

73,52€

63,47€

9,43€

Rendas superiores ao 200% IPREM

8

169,26€

84,63€

74,05€

11,00


Artigo 6.- Bonificacións e exencións

6.1. Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplicar o disposto no punto anterior, aplicaranse os seguintes descontos que non son acumulables entre si:

a) Alumnado pertencente a familia numerosa: 20% de desconto

b) Alumnado pertencente a familia monoparental: 20% de desconto

c) Asistencia ao centro de varios irmáns: 20% de desconto (o segundo e sucesivos)

Entenderase por familia numerosa a que reúna as condicións que determina a Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Para a aplicación dos descontos teranse en conta as circunstancias concorrentes no momento da presentación da solicitude de praza na EIM, que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias contidas na última declaración do IRPF.

6.2. As familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 € anuais gozarán da exención total da cota.

6.3. As familias acolledoras de menores con medidas administrativas de tutela ou garda gozarán, así mesmo, da exención total da cota.

6.4. Cando por circunstancias sobrevidas, o alumno ou alumna ingrese no centro con posterioridade ao día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes, terá un desconto do 50 %.

Artigo 7.- Regras e definicións para determinar o importe a pagar.

Para os efectos da determinación dos prezos a pagar, a renda per cápita mensual da unidade familiar, computarase segundo as seguintes regras:

1. Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:

a. Os/as fillos/as menores, agás as/os que, con consentimento das persoas proxenitoras, vivan de xeito independente destes.

b. Os/as fillos/as maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

c. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.

d. Os/as menores en situación de garda con fins adoptivos ou en situación de acollemento familiar por tempo superior a un ano.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente a data 31 de decembro do ano ao que se refiran os datos económicos ao que se refiren as seguintes regras.

2. Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel no que comece o curso escolar ou prestación do servizo, no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

O importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado, mediante a presentación das copias certificadas pola Administración tributaria das declaracións do IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.

A documentación anterior poderá ser substituída pola correspondente autorización á Administración para obter os datos necesarios para determinar os ingresos totais para estes efectos a través das correspondentes administracións tributarias.

3. O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar.

No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar á que se refire o punto 1 cando formase parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

4. A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior entre doce.

Artigo 8.- Revisión de tarifas

Durante o curso poderase proceder á revisión da taxa fixada inicialmente, sempre que se produzan ou xustifiquen variacións nas circunstancias económicas ou familiares referidas aos seguintes casos:

a) A modificación das variables que determinan os descontos recollidos na correspondente ordenanza fiscal municipal.

b) As variacións nos ingresos da unidade familiar que conleven unha modificación substancial da súa capacidade económica. Só se terán en conta as variacións que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20% no cómputo anual fronte aos ingresos declarados no momento de efectuar o cálculo inicial do custe de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior. Estas variacións deberán ter como mínimo unha duración de 4 meses para ser tidas en conta e deberán estar debidamente xustificadas.

c) A modificación do número de membros da unidade familiar, se fose o caso.

Neste sentido a persoa beneficiada queda obrigada a comunicar calquera variación que se produza ao respecto e desde a Administración poderase citala en calquera momento para proceder á revisión da taxa que se vén aboando.

A modificación da cota mensual será resolta e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

Artigo 9.- Período impositivo e retribución

9.1. O período impositivo coincide co mes natural de prestación do servizo. A cota tributaria non poderá reducirse aínda cando a prestación do servizo non teña lugar durante todo o mes natural. Salvo o disposto no artigo 11, a falta de asistencia da persoa usuaria ao centro non supón redución nin exención da cota mentres non se formalice a baixa correspondente.

9.2. A falta de pago de dúas mensualidades consecutivas ou tres alternas, sen prexuízo da súa esixencia pola vía de apremio, orixinará a perda do dereito á praza.

Artigo 10.- Xestión e recadación da taxa

Os prezos dos servizos prestados deben ser aboados por mes anticipado dentro dos dez primeiros días do mes que proceda. No caso de utilizar o servizo de comedor por días soltos, realizarase o pagamento deste servizo xunto coa cota do mes seguinte.

No caso de acollerse ás axudas para o fomento da gratuidade, o pago da correspondente cota a modo de matrícula/reserva de praza, farase efectivo para os casos das prazas concedidas dentro do prazo ordinario, nos 15 días naturais computados a partires do día seguinte á publicación da listaxe definitiva e, para os casos de prazas concedidas dentro dos prazos extraordinarios, durante os 5 días naturais contados a partires do día seguinte da notificación da concesión de praza. Unha vez incorporado o alumnado no mes de setembro, o importe correspondente á reserva de praza aboado compensarase con outros servizos distintos da atención educativa que preste o centro.

O pago efectuarase na modalidade de domiciliación bancaria. A persoa usuaria achegará a autorización bancaria correspondente. Cando algún recibo sexa devolto pola entidade bancaria, a escola poderá emitir un novo recibo no que se cargarán os gastos bancarios derivados da devolución do anterior. De xeito excepcional poderase establecer outro medio de pago cando se produzan circunstancias que a xuízo da escola, sexan de entidade abondo como para facer necesario habilitar un medio de pago axeitado ao caso concreto, que será determinado polo centro.

Artigo 11.- Suspensión temporal da cota

1. Os suxeitos pasivos aos que se refire o artigo 3 non terán a obriga de aboar a cota correspondente á atención educativa e aos servizos optativos durante os seguintes períodos:

a. O mes de vacacións anual do neno ou nena.

No caso de que se soliciten vacacións partidas a exención aplicaráselle ao cumprir o requisito do mes completo, entendendo por mes 30 días naturais. A estes efectos, por curso completo entenderase o desfrutado polos nenos e nenas que estean matriculados dende setembro ata agosto.

A suspensión realizarase de oficio.

b. Cando por calquera motivo distinto ao período de vacacións anuais o centro permaneza pechado por un período superior a quince días.

A suspensión realizarase de oficio.

2. Os suxeitos pasivos aos que se refire o artigo 3 non terán a obriga de aboar a cota correspondente aos servizos optativos no seguinte suposto:

a. Cando por causa debidamente xustificada o neno ou nena deixe de asistir temporalmente ao centro. Neste caso, a suspensión da cota terá lugar desde o primeiro día do mes natural seguinte á data de inasistencia ao centro e durará ata o primeiro día do mes natural en que teña lugar a reincorporación do neno ou nena ao centro.

Non obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ao día 15 do mes, a cota correspondente a dito mes reducirase nun 50 por cento.

A solicitude de suspensión da cota, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse no Rexistro xeral do Concello, dirixida ao Servizos Sociais municipais, onde se resolverá sobre a súa procedencia previo informe técnico.

Nos casos de suspensión temporal da cota correspondente aos servizos optativos, o pago correspondente ao mes de reincorporación realizarase no prazo de dez días naturais seguintes á data de reincorporación. Así mesmo, nos casos nos que se acorde a non procedencia da suspensión solicitada, o suxeito pasivo deberá ingresar as cotas atrasadas no prazo de dez días naturais seguintes á notificación da resolución denegatoria.

Artigo 12.-Infraccións e sancións

En materia de infracción e sancións estarase ao disposto na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complemente e desenvolvan.

Artigo 13.- Protección de datos

De acordo co establecido pola Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, informámoslle que os seus datos será incluídos nun ficheiro do que é titular o Concello de Vimianzo e poderán ser utilizados para prestarlle o servizo solicitado a través desta instancia, informámoslle ademais que poderá exercitar os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición no concello en correo@vimianzo.gal

Disposición derrogatoria

Quedarán derrogados aqueles artigos da Ordenanza Fiscal núm. 24, actualmente en vigor que se opoñan ao disposto na nova redacción da Ordenanza Fiscal da EIM.

Disposición adicional

Para o non previsto nesta ordenanza fiscal estarase ao disposto no texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, Lei xeral tributaria e disposicións concordantes.

Disposición derradeira

A presente ordenanza entrará en vigor unha vez aprobada definitivamente e publicada no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.¿¿